Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 93 Venres, 13 de maio de 2011 Páx. 9425

III. Outras disposicións

Consellería de Educación e Ordenación Universitaria

ORDE do 18 de abril de 2011 pola que se establece o procedemento para acreditar centros e persoas coordinadoras e titoras para o desenvolvemento do prácticum correspondente ao máster en Profesorado de Educación Secundaria Obrigatoria e Bacharelato, Formación Profesional e Ensinanzas de Idiomas, na Comunidade Autónoma de Galicia.

O Real decreto 1834/2008, do 8 de novembro, polo que se definen as condicións de formación para o exercicio da docencia na educación secundaria obrigatoria, o bacharelato, a formación profesional e as ensinanzas de réxime especial, e se establecen as especialidades dos corpos docentes de ensinanza secundaria, dispón, no seu artigo 9, que para exercer a docencia nestes ámbitos será necesario estar en posesión dun título oficial de máster que acredite a formación pedagóxica e didáctica de acordo co exixido pola Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio.

O Real decreto 1393/2007, do 29 de outubro, de ordenación das ensinanzas universitarias, estableceu a organización e o contido dos títulos oficiais de máster universitario. Con posterioridade, a Orde ministerial ECI/3858/2007, do 27 de decembro (BOE do 29 de decembro), determinou os requisitos para a verificación dos títulos universitarios oficiais que habilitan para o exercicio das profesións de profesor de educación secundaria obrigatoria e bacharelato, formación profesional e ensinanza de idiomas, dispoñendo unha fase de prácticum obrigatoria que se realizará en colaboración coas institucións educativas establecida mediante convenios entre as universidades e as administracións educativas.

A dita fase de prácticum ten como obxectivos facilitar a adquisición de experiencia na planificación, a docencia e a avaliación das materias correspondentes á especialización, acreditar un bo dominio da expresión oral e escrita na práctica docente e dominar as destrezas e habilidades sociais necesarias para fomentar un clima que facilite a aprendizaxe e a convivencia.

O procedemento que establece esta orde permitiralle ao alumnado que curse o máster de formación do profesorado a súa iniciación na práctica docente directa e na orientación psicopedagóxica, ademais de coñecer os aspectos pedagóxicos, organizativos e de funcionamento dos centros co apoio e baixo a tutela de profesorado en exercicio que reúnen as características e preparación adecuadas.

Para tal fin e na súa virtude,

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto e ámbito de aplicación.

1. O obxecto da presente orde é regular o procedemento para acreditar centros e persoas coordinadoras e titoras para o desenvolvemento do prácticum correspondente ao máster en Profesorado de Educación Secundaria Obrigatoria e Bacharelato, Formación Profesional e Ensinanzas de Idiomas, na Comunidade Autónoma galega, conforme a Orde ECI/3858/2007, do 27 de decembro, en colaboración coas universidades da Comunidade Autónoma de Galicia.

2. Esta orde será de aplicación ás universidades que teñan asinado convenio coa Consellería de Educación e Ordenación Universitaria para a realización das prácticas do seu alumnado do máster en Profesorado de Ensinanza Secundaria Obrigatoria e Bacharelato, Formación Profesional e Ensinanzas de Idiomas en centros sostidos con fondos públicos.

Artigo 2. Centros de prácticas.

1. Poderán ser centros de prácticas do alumnado do máster en Profesorado de Educación Secundaria Obrigatoria e Bacharelato, Formación Profesional e Ensinanzas de Idiomas os centros sostidos con fondos públicos en que se impartan todas ou algunha das ditas ensinanzas.

2. Os centros educativos que desexen ser designados como centros de prácticas deberán cumprir os seguintes requisitos:

a) Aprobación, logo de coñecemento e aceptación do claustro de profesores, do consello escolar do centro e, de ser o caso, do titular deste para colaborar co prácticum.

b) Incorporación na programación xeral anual da participación do centro no desenvolvemento das actividades de titoría do alumnado do prácticum, autorizando expresamente a súa presenza e participación nas actividades do centro docente e asumindo por parte do equipo directivo e da persoa coordinadora do prácticum no centro a responsabilidade de supervisión do seu desenvolvemento e a interlocución coas persoas responsables do prácticum na universidade.

Artigo 3. Persoa titora de prácticas.

Á persoa titora corresponderalle a tutela simultánea dun máximo de tres alumnos e/ou alumnas en prácticas. O alumnado en prácticas non poderá substituír o profesorado titor e deberá ser considerado un colaborador nas actividades educativas.

1. O profesorado que desexe ser designado como persoa titora de prácticas deberá cumprir os seguintes requisitos:

a) Nos centros públicos, o profesorado funcionario de carreira que exerza como persoa titora deberá contar con, polo menos, dous anos de experiencia docente, e debe ter prestado servizo no centro aspirante a centro de prácticas polo menos durante un curso escolar completo ou ter sido persoa titora acreditada noutros centros.

b) Nos centros concertados, o profesorado que exerza como persoa titora deberá ter acreditado impartir docencia en educación secundaria obrigatoria, bacharelato, formación profesional ou ensinanzas de idiomas durante un mínimo de tres cursos escolares completos, e debe ter prestado servizo no centro aspirante a centro de prácticas polo menos durante un curso escolar completo ou ter sido persoa titora acreditada noutros centros.

2. Serán funcións da persoa titora de prácticas:

a) Acoller o alumnado en prácticas e acompañalo nos períodos que se establezan ao longo do curso escolar.

b) Favorecer a formación inicial na práctica docente do citado alumnado.

c) Asesorar o alumnado en prácticas en cuestións pedagóxicas.

d) Facilitar que o alumnado en prácticas se integre plenamente na vida do centro para adquirir un coñecemento directo e práctico da súa organización e funcionamento en todos os ámbitos.

e) Coordinar as actividades de formación coa persoa titora da universidade.

f) Avaliar o desenvolvemento das prácticas do alumnado seguindo para iso os criterios e pautas do plan de prácticas da universidade correspondente.

3. Aínda cando se divida o prácticum en diferentes fases, a persoa titora será a mesma durante todo o proceso.

Artigo 4. Persoa coordinadora de prácticas.

A persoa directora do centro ou, por delegación súa, a persoa encargada da xefatura de estudos ou, excepcionalmente, unha das persoas titoras de prácticas, exercerá as funcións de persoa coordinadora das prácticas.

Serán funcións específicas da persoa coordinadora de prácticas as seguintes:

a) Establecer as accións que desenvolverán as persoas titoras de prácticas do centro.

b) Posibilitar a integración plena no centro do alumnado en prácticas mediante un plan de acollida.

c) Facilitar ao alumnado en prácticas o coñecemento da organización e funcionamento do centro, dos proxectos educativos, así como doutros proxectos, programas ou actividades en que o centro participe.

d) Xestionar os espazos e os tempos para a intervención do alumnado en prácticas.

e) Deseñar a asistencia do alumnado en prácticas ás reunións de planificación, programación, seguimento e avaliación do alumnado do centro.

f) Elaborar xunto coas persoas titoras un cronograma das actividades que o alumnado desenvolverá no centro durante o período do prácticum e no cal se incluirá obrigatoriamente a participación do alumnado na vida do centro así como a súa asistencia a reunións das diferentes comisións, de departamentos, atención titorial a familias e alumnado, sesións de avaliación, reunións de claustro, consello escolar, equipos docentes, etc.

Artigo 5. Relación das persoas titoras e coordinadoras coa universidade.

Cada universidade acordará coas persoas coordinadoras e titoras do centro educativo as condicións de participación para o desenvolvemento do prácticum e o seu recoñecemento, segundo o establecido no plan de estudos da titulación. Esta participación estará comprometida a asegurar as competencias profesionais que debe adquirir o alumnado.

As universidades asumirán os custos derivados da realización do prácticum, en concreto, o pagamento ao profesorado coordinador e titor que participe no seu desenvolvemento.

As persoas coordinadoras e titoras de prácticas recibirán o seu correspondente nomeamento e unha certificación expedidos pola universidade.

A universidade facilitará o acceso á biblioteca e, se é o caso, aos servizos deportivos e a outros servizos e dependencias universitarias. No caso da UNED, esta universidade ofrecerá ás persoas coordinadoras e titoras unha serie de contraprestacións, como reducións no custo das matrículas de ensinanzas regradas, cursos de verán e cursos de idiomas impartidos pola UNED, así como o acceso aos recursos bibliográficos na rede con que conta a universidade.

A función titorial desenvolvida polas persoas coordinadoras e titoras será considerada mérito nas convocatorias de contratación de profesorado promovidas polas universidades.

Artigo 6. Recoñecemento pola Consellería de Educación e Ordenación Universitaria.

A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria recoñecerá a participación do profesorado titor e coordinador, de acordo coa normativa vixente.

Artigo 7. Comisións de seguimento e funcións.

1. Créase unha comisión de seguimento por cada universidade coa cal se ten convenio, que desenvolverá e seguirá o proceso de implantación do máster e a súa realización práctica. As comisións estarán constituídas por unha representación paritaria de cada unha das partes implicadas:

a) Pola Consellería de Educación e Ordenación Universitaria: a persoa titular da Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa; a persoa titular da Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos e a persoa titular da Secretaría Xeral de Universidades, ou persoas en quen deleguen.

b) Por cada universidade: tres persoas designadas polo seu reitor.

2. As comisións de seguimento terán asignadas as seguintes funcións:

a) A aprobación e consecuente designación de centros de prácticas segundo a proposta feita polas universidades correspondentes.

b) Facer o seguimento e apoio ao desenvolvemento do prácticum.

c) Modificar, de ser o caso, a distribución das prazas ofertadas por especialidade.

d) Resolver cantas cuestións se puidesen suscitar en relación co desenvolvemento das prácticas.

e) Avaliar o desenvolvemento do prácticum.

Artigo 8. Solicitude para o recoñecemento de centros de prácticas.

Os centros docentes sostidos con fondos públicos en que se impartan ensinanzas de educación secundaria obrigatoria, bacharelato, formación profesional e ensinanzas de idiomas que desexen participar neste programa como centros de desenvolvemento do prácticum e non estean xa acreditados pola Orde do 1 de febreiro de 2010 presentarán unha solicitude dirixida á persoa coordinadora do máster na universidade elixida (anexo I) no prazo dun mes a partir do día seguinte ao da publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia.

Artigo 9. Selección de centros educativos.

As universidades, unha vez analizadas as solicitudes, formularán, de acordo coas súas necesidades, a proposta dos centros seleccionados á comisión de seguimento do prácticum correspondente, que elaborará as listas de centros de prácticas.

As listaxes dos centros acreditados e das súas persoas coordinadoras e titoras e especialidades ofertadas faranse públicas nas xefaturas territoriais, así como no portal educativo da Consellería de Educación: www.edu.xunta.es.

Artigo 10. Actualización anual dos centros acreditados.

Unha vez que as persoas coordinadoras e titoras e os centros fosen acreditados, manterase a dita acreditación, salvo perda dos dereitos por incumprimento dalgunha das obrigas establecidas na presente orde. Anualmente, por resolución da persoa titular da Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, abrirase o procedemento para solicitar altas e baixas de centros e persoas coordinadoras e titoras.

Artigo 11. Réxime de recursos.

Contra esta orde, que pon fin á vía administrativa, poderá interpoñerse recurso de reposición ante o mesmo órgano que a ditou, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, ou, directamente, recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso- Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contado desde o día seguinte ao da súa publicación.

Disposición derrogatoria única. Queda derrogada a Orde do 1 de febreiro de 2010 pola que se establece o procedemento para acreditar centros e titores/as para o desenvolvemento do prácticum correspondente ao máster en Profesorado de Educación Secundaria Obrigatoria e Bacharelato, Formación Profesional e Ensinanzas de Idiomas na Comunidade Autónoma galega no curso académico 2009-2010, a Orde do 25 de xuño de 2010 pola que se prorroga a acreditación dos centros e titores/as para o desenvolvemento do prácticum correspondente ao máster en Profesorado de Educación Secundaria Obrigatoria e Bacharelato, Formación Profesional e Ensinanzas de Idiomas, na Comunidade Autónoma galega, no curso académico 2010-2011, e cantas disposicións de igual ou inferior rango se opoñan ao establecido nesta orde.

Disposición derradeira primeira. Facúltase a Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Ordenación Educativa e a Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos para adoptar os acordos e ditar as resolucións conxuntas que consideren oportunas no desenvolvemento desta orde.

Disposición derradeira segunda. A presente orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 18 de abril de 2011.

Jesús Vázquez Abad
Conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria

missing image file