Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 93 Venres, 13 de maio de 2011 Páx. 9515

III. Outras disposicións

Consellería do Mar

ORDE do 28 de abril de 2011 pola que se establecen límites cuantitativos nos seguros de danos a terceiros que se subscriban para embarcacións dedicadas á pesca profesional, marisqueo e acuicultura.

O artigo 148.1.11 da Constitución establece que as comunidades autónomas poderán asumir competencias en «materia de pesca en augas interiores, marisqueo e acuicultura». Por outra parte, o artigo 149.1.19 outórgalle ao Estado a competencia exclusiva sobre «a pesca marítima, sen prexuízo das competencias que na ordenación do sector se atribúan as comunidades autónomas».

Sobre a base de tal fundamento constitucional, o Estatuto de autonomía para Galicia establece que corresponde á Comunidade Autónoma galega a competencia exclusiva sobre «a pesca nas rías e demais augas interiores, o marisqueo e a acuicultura» (artigo 27.15), e sobre «as confrarías de pescadores» (artigo 27.29), así como o desenvolvemento lexislativo e a execución da lexislación do Estado da materia «ordenación do sector pesqueiro» (artigo 28.5).

No exercicio destas competencias, aprobouse a Lei 11/2008, do 3 de decembro, de pesca de Galicia, cuxa disposición adicional décimo segunda establece a obrigatoriedade, para as persoas físicas ou xurídicas que realicen actividades de pesca profesional, marisqueo ou acuicultura, de constituír un seguro que garanta a cobertura de posibles danos a terceiros, obrigatoriedade establecida ao abeiro do artigo 75 da Lei 50/1980, do 8 de outubro, de contrato de seguro.

Enténdese desde a Consellería do Mar que a actividade profesional da pesca, marisqueo e da acuicultura mariña constitúe un risco en si mesma, como o avalan o número de danos ocasionados polos sinistros acaecidos no sector.

A Lei 50/1980, do 8 de outubro, atribúe á Administración a posibilidade de determinar que actividades non se poden desenvolver sen a cobertura do mencionado seguro, o que precisou a referida disposición adicional décimo segunda da Lei de pesca de Galicia.

Para cumprir esta previsión legal estímase necesario, en relación coas coberturas respecto a posibles danos a terceiros, establecer uns límites de aseguramento tendo en conta a experiencia acumulada no sector.

De acordo co anteriormente exposto, en virtude das facultades establecidas polo artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia,

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto.

Esta orde ten por obxecto establecer os límites cuantitativos que deberán conter os seguros de danos a terceiros a que se refire a disposición adicional décimo segunda da Lei 11/2008, do 3 de decembro, de pesca de Galicia, cando se subscriban para embarcacións de pesca e marisqueo que precisen do permiso de explotación para realizar a actividade extractiva, así como para embarcacións auxiliares de acuicultura que desenvolvan a súa actividade en augas competencia da Comunidade Autónoma de Galicia.

Para os efectos desta orde, terá a consideración de seguro de danos a terceiros calquera seguro de responsabilidade civil amparado baixo os termos e condicións establecidos na Lei 50/1980, do 8 de outubro, de contrato de seguro, e lexislación concordante aplicable.

Artigo 2. Límites cuantitativos.

En relación coas coberturas respecto a posibles danos a terceiros, establécense os seguintes límites mínimos ás sumas máximas aseguradas por sinistro ou ocorrencia:

a) Un millón de euros para aquelas embarcacións cuxa tripulación non supere as cinco persoas.

b) Vinte e cinco millóns de euros para as embarcacións cuxa tripulación supere as cinco persoas.

Artigo 3. Indicacións.

Dentro dos termos e condicións establecidos na Lei 50/1980, do 8 de outubro, de contrato de seguro, e lexislación concordante aplicable, a póliza en que se formalice o contrato de seguro de responsabilidade civil debe recoller, polo menos, as seguintes indicacións:

a) Salvo pacto en contrario, o asegurador asumirá a dirección xurídica fronte á reclamación do prexudicado, e serán pola súa conta os gastos de defensa que se ocasionen. O asegurado deberá prestar a colaboración necesaria á dirección xurídica asumida polo asegurador.

b) O prexudicado ou os seus herdeiros terán acción directa contra o asegurador para esixirlle o cumprimento da obriga de indemnizar, sen prexuízo do dereito do asegurador a repetir contra o asegurado, no caso de que sexa debido a conduta dolosa deste, o dano ou prexuízo causado a terceiro.

Disposición derradeira única. Entrada en vigor.

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 28 de abril de 2011.

Rosa María Quintana Carballo
Conselleira do Mar