Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 93 Venres, 13 de maio de 2011 Páx. 9531

O Consello de Dirección do Igape, na súa xuntanza do 10 de febreiro de 2011, acordou por unanimidade dos seus membros asistentes a aprobación das bases reguladoras para a habilitación dunha liña de avais do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape) para facilitar ás empresas galegas o acceso a financiamento operativo adicional, instrumentadas mediante convenio coas entidades colaboradoras (Plan Re-brote 2011).

Na súa virtude e de conformidade coas facultades que teño conferidas,

RESOLVO:

Primeiro.

Publicar as bases reguladoras para a habilitación dunha liña de avais do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape) para facilitar ás empresas galegas o acceso a financiamento operativo adicional, instrumentadas mediante convenio coas entidades colaboradoras (Plan Re-brote 2011).

Segundo. Prazo de presentación de solicitudes.

O prazo de presentación de solicitudes iniciarase o día seguinte á publicación destas bases reguladoras no Diario Oficial de Galicia e finalizará o 31 de outubro do ano 2011.

No caso de esgotamento da dispoñibilidade para a concesión de avais o Igape publicará a dita circunstancia no Diario Oficial de Galicia e na páxina web do Igape www.igape.es co fin de pechar anticipadamente o prazo de presentación de solicitudes.

Terceiro. Dotación orzamentaria.

O importe máximo dos avais que conceda o Igape ante as entidades de crédito que subscriban o convenio asinado para o efecto no período de vixencia elévase a 20.000.000 €.

De conformidade co artigo 37 da Lei 14/2010, do 27 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2011, e de acordo coas indicacións da Dirección Xeral de Política Financeira e Tesouro, dótase unha provisión por importe de 2.000.000 € para atender posibles falidos. Partida orzamentaria 02.01.E5/40/02-142001.

Cuarto.

As garantías individuais que conceda o Igape ao abeiro destas bases deberán cumprir os requisitos establecidos na Comunicación da Comisión 2008/C155/02 relativa á aplicación dos artigos 87 e 88 do Tratado CE das axudas estatais en forma de garantía, para descartar a presenza de axuda estatal.

Santiago de Compostela, 6 de maio de 2011.

Joaquín Varela de Limia de Cominges
Director xeral do Instituto Galego de Promoción Económica

Bases reguladoras para a habilitación dunha liña de avais do Instituto Galego
de Promoción Económica (Igape) para facilitar ás empresas galegas o acceso
a financiamento operativo adicional, instrumentadas mediante convenio
coas entidades colaboradoras (Plan Re-brote 2011)

O Igape, no cumprimento das súas funcións, desempeña un papel esencial no desenvolvemento de programas e iniciativas que contribúan de xeito salientable a acadar os obxectivos económicos estratéxicos da Comunidade Galega.

O Decreto 284/1994, do 15 de setembro, de regulamento de avais do Igape, permítelle conceder avais ante entidades financeiras, ata un límite máximo que se determina na correspondente Lei de orzamentos xerais da comunidade autónoma para cada ano.

Para paliar as graves dificultades de acceso ao financiamento operativo das empresas galegas no actual contexto de crise, desde o 30 de setembro de 2009 o Igape puxo á súa disposición unha liña de avais, instrumentada mediante un convenio de colaboración coas principais entidades financeiras que operan en Galicia (Plan Re-brote).

O prazo para presentar solicitudes para a dita liña de avais rematou o 30 de decembro de 2010, e a experiencia neste período foi satisfactoria, pois facilitouse o acceso a créditos por máis de 50 millóns de euros que contribuíron á continuidade a máis de 120 empresas, que ocupan a máis de 6.500 traballadores.

Por todo iso, e dado que as restricións na concesión de crédito por parte das entidades financeiras persisten, considérase oportuno dar continuidade a esta liña de avais, mellorando con base na experiencia algún dos seus aspectos operativos, ampliando os prazos de vixencia das operacións e os sectores de actividade das potenciais beneficiarias, especialmente aquelas pemes exportadoras e de especial carácter innovador.

Artigo 1. Obxecto.

Estas bases regulan o obxecto, requisitos e procedemento para acceder a unha liña de avais do Igape para facilitar o acceso a financiamento operativo adicional, someténdose ás directrices horizontais e sectoriais ditadas pola Comisión Europea. En particular, as garantías individuais que conceda o Igape ao abeiro destas bases deberán cumprir os requisitos establecidos na Comunicación da Comisión 2008/C155/02 relativa á aplicación dos artigos 87 e 88 do Tratado CE das axudas estatais en forma de garantía, para descartar a presenza de axuda estatal.

O importe máximo dos avais que se concederán será de 20.000.000 €, respectando xunto aos restantes avais concedidos ou que poida conceder o Igape o límite de risco establecido pola Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma, que para o ano 2011 é de 500.000.000 € de acordo co artigo 37.2 da Lei 14/2010, do 27 de decembro.

Artigo 2. Requisitos dos beneficiarios.

2.1. Poderán ser beneficiarias das garantías previstas nestas bases as empresas con domicilio social e fiscal en Galicia, que non se atopen en situación de crise de acordo coa definición recollida para as grandes empresas no punto 2.1 das directrices comunitarias sobre axudas de salvamento e de reestruturación de empresas en crise (DOUE C 244, do 1-10-2004) e para as pemes no artigo 1.7 do Regulamento xeral de exención (Regulamento CE 800/2008), que creen ou manteñan emprego directo, e que presenten un proxecto obxecto de financiamento avalado que sexa considerado viable, dentro dos límites de risco asumibles polo Igape.

2.2. Non poderán ser beneficiarias das garantías previstas nestas bases as empresas cuxo único obxecto social sexa a compravenda de bens inmobiliarios ou activos financeiros.

2.3. Nas operacións financeiras avaladas poderán figurar como cotitulares terceiras persoas físicas ou xurídicas, sempre que teñan unha vinculación coa beneficiaria conforme o definido no artigo 16.3 do texto refundido da Lei do imposto de sociedades, aprobado por Real decreto lexislativo 4/2004, do 5 de marzo, e modificado pola disposición adicional 8.1.6 da Lei 16/2007, do 4 de xullo, que cumpran todas elas os requisitos para seren beneficiarias previstos nestas bases, e que consten expresamente relacionadas na resolución de concesión.

Artigo 3. Características das liñas de financiamento e cobertura dos avais do Igape.

O Igape poderá garantir operacións de financiamento novas, excluíndose expresamente a substitución de créditos bancarios preexistentes, salvo nos casos previstos no artigo 6. Cada unha das operacións poderá ser concedida por unha entidade financeira ou ben por un sindicato bancario.

Poderanse avalar as seguintes modalidades de operacións financeiras:

3.1. Contas de crédito.

Os fondos dispostos destas contas de crédito deberán ser utilizados para o financiamento de circulante, entendendo como tal o pagamento de nóminas dos traballadores, impostos, seguridade social, aluguer, leasing, provedores, acredores por prestación de servizos, reparacións e, tamén os vencementos de débedas bancarias tales como cotas de préstamos a longo prazo, cotas de leasing ou similares. En ningún caso se poderán aplicar a financiar investimentos.

O Igape responderá de ata o 50% do saldo disposto, unha vez cumpridos os requisitos de execución previstos no artigo 7.3, e devengarase unha comisión de aval anual a favor do Igape dun 0,5% do importe do aval formalizado.

3.2. Liñas de crédito para o adianto de efectos comerciais e facturas.

Estas liñas permitirán garantir a cesión mercantil ou transmisión dos créditos derivados das vendas a prazo que efectúe a empresa beneficiara, de forma que o comprador ou debedor estea obrigado a satisfacer o seu importe á entidade financeira.

O Igape responderá de ata o 60% dos importes debidos pola beneficiaria á entidade financeira como consecuencia dos impagos que se produzan, unha vez cumpridos os requisitos de execución sinalados no artigo 7.3 e devengarase unha comisión de aval anual a favor do Igape dun 0,50% do importe do aval formalizado.

3.3. Pólizas de pagamentos a provedores (confirming).

Liñas de xestión do pagamento das súas compras, anticipando as entidades financeiras os pagamentos aos provedores.

O Igape responderá de ata o 70% dos importes debidos á entidade financeira como consecuencia dos descubertos que se produzan, unha vez cumpridos os requisitos de execución sinalados no artigo 7.3 e devengarase unha comisión de aval anual a favor do Igape dun 0,50% do importe do aval formalizado.

3.4. Pólizas de responsabilidade, liquidación e garantía de operacións mercantís para amparar:

a) O bo fin de letras de cambio, cheques, obrigas de pagamento, recibos, facturas, certificacións de obra, anticipo de subvencións e demais documentos civís, mercantís e administrativos, que a entidade financeira desconte, negocie ou anticipe e nos cales o titular figure como librador, endosante, aceptante, avalista, cesionario ou beneficiario.

b) O bo fin e completo pagamento das obrigas procedentes de operacións de comercio exterior que os titulares contraian coa entidade financeira, tales como créditos documentarios, cartas de crédito, prefinanciamento e financiamento de exportacións e importacións.

c) Avais e fianzas prestadas pola entidade financeira en garantía de terceiros, vinculadas a operacións de tráfico ou avais técnicos.

O Igape responderá de ata o 50% dos importes debidos á entidade financeira como consecuencia dos descubertos que se produzan, unha vez cumpridos os requisitos de execución sinalados no artigo 7.3, e devengarase unha comisión de aval anual a favor do Igape dun 0,50% do importe do aval formalizado.

Artigo 4. Importe das operacións.

A suma das operacións avaladas polo Igape para cada beneficiaria será, como mínimo, de 300.000 €, e como máximo de 3.500.000 €.

No caso de operacións individuais nunha entidade financeira por importe inferior a 300.000 €, o seu outorgamento estará condicionado á formalización previa ou simultánea doutras operacións avaladas polo Igape que acaden o dito importe mínimo de 300.000 €.

Artigo 5. Prazos e amortización.

Con carácter xeral, a vixencia das operacións avaladas será de dous anos, e a vixencia dos avais de 3 anos.

No caso de que a beneficiaria achegue garantías reais para cubrir o risco da operación, a vixencia das operacións avaladas será de catro anos, e o límite máximo da operación avalada reducirase un 25% anualmente a partir do segundo ano de vixencia. A vixencia do aval nestes supostos será de cinco anos desde a data de formalización.

Artigo 6. Substitución de operacións financeiras preexistentes avaladas polo Igape.

Admitirase que as operacións que se van avalar substitúan operacións financeiras preexistentes sempre que as operacións que se van refinanciar estean avaladas polo Igape ao abeiro destas bases ou do convenio publicado mediante Resolución do 25 de setembro de 2009 (DOG n.º 191, do 29 de setembro), nos seguintes casos:

a) Cando por cambios nas circunstancias da operativa da beneficiaria se demande un cambio na modalidade de operación, entre as previstas no artigo 3º destas bases.

b) Cando supoña unha mellora nas condicións financeiras para a beneficiaria.

Artigo 7. Obxecto e condicións da garantía do Igape.

7.1. As garantías outorgadas polo Igape consistirán na prestación de aval subsidiario ante as entidades financeiras, nas condicións e termos do Decreto 284/1994, do 15 de setembro, de regulamento de avais do Igape, e do Decreto 132/1995, do 10 de maio, que modifica o anterior. No caso de que a operación sexa concedida por un sindicato bancario, o Igape responderá ante a entidade axente pola totalidade do aval concedido na dita operación.

7.2. O prazo de vixencia da garantía será, con carácter xeral, de tres anos, cubrindo o risco vivo financiado ou anticipado durante os dous anos de vixencia máxima da operación avalada. No caso de achega de garantías reais por parte da beneficiaria, a vixencia máxima será de cinco anos desde a súa formalización, cubrindo o risco vivo financiado ou anticipado durante os catro anos de vixencia máxima da operación avalada.

7.3. As condicións de execución dos avais prestados polo Igape ao abeiro destas bases serán:

1. Unha vez notificada notarialmente á avalada a rescisión do crédito ou vencido o seu prazo de vixencia sen que se procedese ao seu aboamento, e requirida esta de pagamento, a entidade financeira deberá notificar notarialmente ao Igape tal rescisión, achegando certificación intervida por fedatario público do saldo vivo pendente de aboamento á data de peche da conta.

2. O aval será executivo a demanda da entidade financeira desde o momento en que esta acredite ao Igape que, ademais, se cumpriu algunha das seguintes condicións:

a) Que fose declarado o concurso ou admitida a trámite xudicial a solicitude de declaración de concurso da empresa avalada, ou

b) Que transcorresen cento oitenta días desde a data do requirimento notarial á avalada reclamándolle o reembolso das cantidades pendentes, e ademais se interpuxese demanda xudicial reclamando o cobramento do debido.

O importe que aboará o Igape á entidade financeira por terse producido a condición do número 1) e algunha das condicións do número 2) será satisfeito nos corenta e cinco días seguintes á xustificación documental delas.

O aval cancelarase automaticamente unha vez transcorridos trinta días naturais desde o momento do seu vencemento, sen que conste notificación da entidade financeira ao Igape realizada segundo os termos do número 1) anterior.

7.4. Entenderase que a liña de financiamento acollida a estas bases substitúe outras liñas preexistentes coa mesma entidade financeira cando:

a) Os contratos de financiamento que a beneficiaria teña subscritos coa entidade financeira desde a data de entrada en vigor da convocatoria fosen cancelados antes do seu vencemento, sen consentimento expreso do Igape.

b) Os contratos de financiamento que a beneficiaria teña subscritos coa entidade financeira na data da solicitude non sexan renovados durante a vixencia da operación avalada, sen consentimento expreso do Igape.

No caso de que se acredite que a liña de financiamento acollida a estas bases substitúe outras liñas preexistentes coa mesma entidade financeira, o Igape notificará á entidade financeira tal circunstancia, e outorgaralle un prazo de tres meses para que restableza o crédito en condicións similares ás canceladas ou non renovadas. De non se producir este restablecemento o Igape non responderá polo aval concedido.

Artigo 8. Garantías que achegará a beneficiaria.

As garantías achegadas pola beneficiaria serán repartidas entre a entidade financeira e o Igape en función do risco asumido por cada parte.

No caso de se acreditar a constitución doutras garantías distintas ás declaradas polas entidades financeiras, o Igape non responderá polo aval concedido.

Artigo 9. Tramitación.

9.1. Solicitudes e documentación.

Unha vez aprobadas as operacións polas entidades financeiras colaboradoras condicionadas á achega do aval do Igape, os interesados deberán presentar ante este Instituto a súa instancia de solicitude, segundo o modelo que figura no anexo I, nas súas oficinas ou en calquera das formas recollidas no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

A presentación da solicitude polo interesado comportaralle a autorización ao órgano xestor para solicitar as certificacións que deban emitir a Axencia Estatal da Administración Tributaria, a Tesouraría Xeral da Seguridade Social e a Consellería de Economía e Facenda da Xunta de Galicia. Non obstante, se por razóns técnicas ou doutra índole estes certificados non puidesen ser obtidos polo órgano xestor poderán serlle requiridos ao interesado.

Á solicitude xuntaráselle a documentación establecida no anexo II. A documentación deberá achegarse en orixinal ou en copia cotexada ou compulsada, e o Igape pode solicitar en calquera momento durante a tramitación do expediente calquera documentación que resulte relevante para os efectos de analizar a solicitude.

9.2. Dentro dos dez días seguintes á recepción das solicitudes, o Igape comunicará aos solicitantes a data en que as solicitudes foron recibidas, o prazo máximo establecido para a resolución e notificación do procedemento e para os efectos do silencio administrativo.

9.3. Se a solicitude non reúne os requisitos establecidos nestas bases ou non está acompañada da documentación exixida, requirirase o solicitante para que no prazo de dez días hábiles desde o seguinte ao requirimento emende a falta ou presenten os documentos preceptivos, con indicación de que, en caso contrario, se considerará desistido da solicitude, logo de resolución declarativa de tal circunstancia.

9.4. Instruído o procedemento pola Área de Financiamento do Igape e inmediatamente antes de redactar proposta de resolución, porase de manifesto aos interesados, para que no prazo de dez días poidan alegar e presentar os documentos e xustificacións pertinentes. Non obstante, poderá prescindirse do trámite de audiencia cando non figuren no procedemento nin se teñan en conta na resolución outros feitos, alegacións ou probas que as aducidas polos interesados.

Logo do informe dos servizos técnicos do Igape, as solicitudes serán avaliadas por un comité de investimentos designado polo director xeral do Igape. O dito comité estará formado por tres técnicos do Igape, dous técnicos de Xesgalicia, Sociedad Gestora de Entidades de Capital Riesgo, S.A., e un da Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas da Consellería de Economía e Industria, por proposta do seu director xeral.

9.5. A Intervención Xeral da Comunidade Autónoma exercerá control interno con carácter previo á concesión, conforme determinan os artigos 95 e seguintes do texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia.

9.6. A Dirección da Área de Financiamento do Igape elevará proposta de resolución ao director xeral do Igape, quen resolverá a solicitude especificando a beneficiaria, importe do aval, prazo e condicións financeiras da operación avalada. As propostas de denegación de solicitudes deberán detallar a causa.

Os expedientes tramitaranse no Igape por orde de entrada dos expedientes no Igape coa documentación completa e ata o límite do risco previsto nestas bases.

En caso de se esgotar o límite de risco antes da finalización do prazo de presentación de solicitudes pecharase anticipadamente a convocatoria mediante publicación de tal circunstancia no Diario Oficial de Galicia e na páxina web do Igape www.igape.es. Igualmente, o esgotamento do límite de risco será obxecto de denegación da solicitude.

9.7. Concesión.

O Igape notificará ao solicitante e comunicará á entidade financeira a concesión ou denegación do aval. Contra a resolución, que esgota a vía administrativa, poderá interpoñerse recurso contencioso-administrativo perante os xulgados do contencioso-administrativo de Santiago de Compostela no prazo de dous meses desde a súa notificación. Potestativamente, poderá interpoñerse recurso de reposición perante a Dirección Xeral do Igape no prazo dun mes desde a súa notificación.

O prazo máximo para notificar a resolución do procedemento será de tres meses desde a data de presentación da solicitude. O dito prazo poderá ser suspendido nos supostos establecidos no artigo 42.5 da Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. Transcorrido tal prazo sen que se notifique resolución expresa, poderá entenderse desestimada.

9.8. Os avais concedidos ao abeiro destas bases serán obxecto de publicación no Diario Oficial de Galicia, nos termos establecidos no Decreto 284/1994, do 15 de setembro, de regulamento de avais do Igape, e no Decreto 132/1995, do 10 de maio, que modifica o anterior. Trimestralmente daráselle conta ao Parlamento dos avais existentes, dos avais concedidos e, se é o caso, dos riscos efectivos aos que a Tesouraría da Comunidade Autónoma tivese que facer fronte.

9.9. Formalización.

O Igape subscribirá coa beneficiaria un contrato de garantía no cal se recollerán as obrigas das partes respecto ao aval prestado. Estará facultado para a dita subscrición indistintamente a persoa titular da Dirección Xeral do Igape e a persoa titular da Dirección da Área de Financiamento do Igape.

O prazo máximo para a instrumentación do aval e da operación avalada será de cinco meses a partir da data de notificación da súa concesión. Finalizado o prazo sen que se instrumente o aval e/ou sen que se formalice a operación avalada, ditarase resolución considerando que o solicitante renuncia ao aval concedido, e ordenando o arquivo do expediente, salvo que, logo de solicitude razoada de prórroga deste presentada no Igape dentro do prazo e acreditando a conformidade da entidade financeira, o Igape autorice a dita prórroga.

A entidade financeira remitirá ao Igape copia cotexada da póliza ou escritura de crédito, coa maior brevidade posible.

9.10. Seguimento das operacións avaladas.

A entidade financeira deberá remitir ao Igape, para os efectos de realizar o seguimento do risco das operacións de avais que se atopen en vigor, nun prazo de 15 días desde a finalización de cada trimestre natural, certificación onde conste o grao de cumprimento da operación avalada.

A partir da formalización de cada operación de aval, as beneficiarias deberán remitir de forma periódica ao Igape mentres a operación de aval se atope en vigor a documentación que se relaciona a seguir:

Con periodicidade semestral e nun prazo de 30 días desde a finalización de cada semestre:

–Certificación emitida por representante da beneficiaria con indicación dos cambios na súa estrutura accionarial e os cambios producidos na xerencia, órganos de goberno ou administración, desde a última comunicación.

Con periodicidade anual e nun prazo de 30 días contados a partir da data de aprobación das contas anuais:

–Contas anuais asinadas polos representantes da empresa, e no caso de que a empresa estea obrigada a realizar auditoría, copia do informe de auditoría correspondente.

Artigo 10. Modificacións.

10.1. Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión do aval poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión ou á súa revogación, no caso de se considerar que a modificación afecta un aspecto substancial da concesión.

10.2. O beneficiario queda obrigado a comunicar ao Igape calquera circunstancia ou eventualidade que poida afectar substancialmente á execución dos fins para os que foi concedido o aval.

10.3. No caso de modificación da operación aprobada, o beneficiario da axuda poderá solicitar, motivadamente, a modificación da resolución.

10.4. O director xeral do Igape poderá acordar a modificación da resolución por instancia do beneficiario, debendo cumprirse os seguintes requisitos:

a) Que a actividade, conduta ou modificación do proxecto estea comprendida dentro da finalidade destas bases.

b) Que a modificación non cause prexuízo a terceiros.

c) Que os novos elementos e circunstancias que motiven a modificación, de ter concorrido na concesión inicial, non supuxesen a denegación da axuda.

10.5. O acto polo que se acorde a modificación da resolución de concesión ou, se é o caso, a súa denegación, será ditado polo órgano concedente, unha vez instruído o correspondente expediente no cal se dará audiencia aos interesados. Non obstante, poderase prescindir deste trámite de audiencia cando non figuren no procedemento nin se teña en conta na resolución outros feitos, alegacións ou probas que as aducidas polo interesado.

10.6. O Igape poderá rectificar de oficio a resolución cando dos elementos que figuren nela se deduza a existencia dun erro material, de feito ou aritmético.

10.7. No caso de modificacións da operación financeira, unha vez formalizada e que supoñan unha mellora solicitada pola empresa (carencia intermedia, diferencial, etc.), poderá levarse a cabo sen autorización previa do Igape, sempre que non supoñan modificación da resolución de concesión. Non obstante, a entidade financeira deberá comunicala. As ditas modificacións non suporán, en ningún caso, a revisión á alza do aval concedido.

Artigo 11. Control.

11.1. As empresas beneficiarias someteranse ás actuacións de control financeiro que corresponden á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, ás previstas na lexislación do Consello de Contas e do Tribunal de Contas. Neste sentido as beneficiarias teñen a obriga de facilitar toda a información que lles sexa requirida polos ditos organismos.

11.2. Con independencia do indicado no punto anterior, a entidade avalada comprométese expresamente a facilitar ao Igape a inspección e control dos investimentos, dos destinos dos fondos da operación avalada así como da situación da solvencia da empresa, podendo, para tales efectos, verificar os balances, contas de resultados e demais estados de libros contables.

Artigo 12. Adhesión mediante convenio de entidades financeiras colaboradoras.

12.1. O Igape convidará a se adherir a este convenio a todas aquelas entidades financeiras que, tendo acreditada unha presenza significativa en Galicia, así como a súa solvencia (a solvencia entenderase acreditada se prestaron servizos financeiros a empresas galegas durante os últimos tres anos e se comprometen a desenvolver os procedementos necesarios para o bo fin da tramitación das operacións, por todos os medios dispoñibles, humanos e técnicos, para facilitarlles o acceso a esta liña de financiamento), colaborasen co instituto nos seus programas de subsidiación ao tipo de xuro de préstamos, créditos ou operacións de arrendamento financeiro. As entidades colaboradoras adheridas ao convenio relaciónanse no anexo IV das bases reguladoras.

Así mesmo, con posterioridade, poderán instar a súa adhesión a este convenio todas aquelas entidades financeiras acreditadas polo Banco de España que, demostrando unha implantación significativa en Galicia, dispoñan dos medios técnicos adecuados para asegurar a correcta tramitación dos expedientes conforme o establecido neste convenio e nas bases reguladoras das axudas do Igape.

12.2. As novas adhesións solicitaranse mediante o modelo do anexo III das bases reguladoras, e formalizarse mediante a sinatura, por apoderado con facultades bastantes do correspondente convenio. O Igape daralles conta ao resto das entidades adheridas da existencia de cada novo partícipe no convenio e publicarao no Diario Oficial de Galicia.

Artigo 13. Remisión normativa.

Para todo o non previsto nestas bases aplicarase o previsto no Decreto 284/1994, do 15 de setembro, de regulamento de avais do Igape, no Decreto 132/1995, do 10 de maio, que modifica ao anterior, e no resto da normativa que resulte de aplicación.

En canto ao cómputo de prazos, observarase o disposto no artigo 48 da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

ANEXO II

Documentación

Avais do Igape para facilitar o acceso a financiamento operativo adicional
(Plan Re-brote)

1. □ Instancia de solicitude asinada e debidamente cuberta, segundo o modelo establecido no anexo I.

2. Documentación acreditativa das circunstancias persoais do solicitante:

2.1. □ CIF.

2.2. □ DNI do asinante da solicitude, sen prexuízo do dereito a non presentar este documento segundo o Decreto 255/2008 (DOG n.º 221, do 13 de novembro).

2.3. □ Escrituras de constitución e dos estatutos debidamente inscritas no rexistro competente e modificacións posteriores destes.

2.4. □ Poder do representante que presenta a solicitude, inscrito, se é o caso, no rexistro competente.

2.5. □ Contas anuais correspondentes ao último exercicio pechado, incluído informe de auditoría, se é o caso. Balance e conta de resultados actualizado.

2.6. □ Compromiso de outorgar garantías persoais, se fosen requiridas, de facilitar información relativa á remuneración dos socios no último exercicio pechado, de facer público o apoio do Igape e de manter o emprego actual.

2.7. □ Plan de negocio a tres anos, que inclúa contas de resultados previsionais e estado de fluxos de efectivo previsional. Este plan deberá ser subscrito por un auditor independente cando as operacións financeiras que se van avalar superen conxuntamente 1.000.000 €.

2.8. □ Desagregación na data actual e no momento do peche do último exercicio do pasivo a curto e longo prazo, indicando entidade financeira e tipo de instrumento financeiro.

3. Operación solicitada:

3.1. □ Comunicación por parte das entidades financeiras das operacións que estarían dispostas a conceder co aval do Igape nas condicións do convenio, indicando a forma en que garantirían, se é o caso, a parte da operación non avalada polo Igape.

3.2. □ Certificación da entidade financeira indicando expresamente que a operación non substituirá outras liñas de crédito preexistentes coa mesma entidade financeira.

3.3. □ Ofrecemento de garantías para cubrir o risco da operación: no caso de garantías reais, taxación actualizada dos inmobles ofrecidos, emitida por unha sociedade de taxación homologada polo Banco de España, xunto a nota simple do rexistro da propiedade. No caso de garantías persoais, relación de bens, cargas e rendas.

ANEXO IV

Relación de entidades colaboradoras

Avais do Igape para facilitar o acceso a financiamento operativo adicional
(Plan Re-brote)

Caixas Bancos

–Caixa de Aforros de Galicia, Vigo, Ourense e Pontevedra –Banco Pastor, S.A.

–Caixa Rural Galega, Sociedad Cooperativa de Crédito Limitada Gallega –Banco Gallego, S.A.

–Banco Popular Español, S.A.

–Banco Popular Hipotecario, S.A.

–Bankinter, S.A.

–Banco Etcheverría, S.A.

III. Outras disposicións

Instituto Galego de Promoción Económica

RESOLUCIÓN do 6 de maio de 2011 pola que se dá publicidade ao acordo do Consello de Dirección do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape), que aproba as bases reguladoras para a habilitación dunha liña de avais do Igape para facilitar ás empresas galegas o acceso a financiamento operativo adicional, instrumentadas mediante convenio coas entidades colaboradoras (Plan Re-brote 2011).