Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 94 Luns, 16 de maio de 2011 Páx. 9687

I. Disposicións xerais

Consellería de Cultura e Turismo

ORDE do 14 de abril de 2011 pola que se establecen os criterios e o procedemento para a homologación de cursos que realicen os guías de turismo especializados de Galicia para os efectos do disposto no artigo 33 do Decreto 42/2001, do 1 de febreiro, de refundición en materia de axencias de viaxes, guías de turismo e turismo activo.

O guía de turismo desempeña un papel de grande importancia, por ser unha das primeiras persoas con quen ten contacto o turista no destino e que, en todo caso, atende as súas inquedanzas e o orienta durante a súa estadía. A calidade da prestación dos seus servizos determina en moitos casos a imaxe e o grao de satisfacción que os visitantes leven do destino escollido, xa que o guía é responsable da súa asistencia, condución e información.

De aí a necesidade de contar con profesionais especializados, cunha boa formación e amplos coñecementos, precisos e actualizados.

Con esta orde preténdese fixar un marco preciso que dea unha resposta axeitada ás necesidades formativas deste colectivo e lle facilite os trámites para a renovación da súa habilitación.

A Lei 14/2008, do 3 de decembro, de turismo de Galicia (DOG n.º 246, do 19-12-2008), modificouse pola Lei 1/2010, do 11 de febreiro, de modificación de diversas leis de Galicia para a súa adaptación á Directiva 2006/123/CE do Parlamento Europeo e do Consello, do 12 de decembro de 2006 ( DOG n.º 36, do 23-2-2010), relativa aos servizos no mercado interior.

Segundo esta modificación, a Lei 14/2008 establece no seu artigo 50 que a actividade profesional da guía ou do guía de turismo terá por obxecto a prestación, de xeito habitual e retribuído, de servizos de asistencia, acompañamento e información en materia cultural, artística, histórica e xeográfica ás turistas e aos turistas nas súas visitas a museos e demais bens integrantes do patrimonio cultural de Galicia sito no ámbito territorial da comunidade autónoma.

O artigo 33 do Decreto 42/2001, do 1 de febreiro, de refundición en materia de axencia de viaxes, guías de turismo e turismo activo, dentro do título II, que regula a profesión de guía de turismo especializado de Galicia, sinala que a dita habilitación terá unha validez de cinco anos renovables por iguais períodos de tempo, sempre que o interesado acredite a asistencia a un ou varios cursos de formación, actualización ou perfeccionamento que para tal efecto organice ou homologue a consellería competente en materia de turismo e que sumen un mínimo de 70 horas durante os cinco anos de vixencia da habilitación anterior.

Esta orde ten por obxecto regular o procedemento de homologación de cursos que realicen os guías de turismo especializados de Galicia, para os efectos do disposto no artigo 33 do Decreto 42/2001, do 1 de febreiro, de refundición en materia de axencias de viaxes, guías de turismo e turismo activo.

Sobre este procedemento administrativo poderase obter documentación normalizada ou información adicional na Secretaría Xeral para o Turismo, a través dos seguintes medios:

a) Páxina web oficial da consellería: www.culturaeturismo.xunta.es.

b) Páxina web oficial da Secretaría Xeral para o Turismo (www.sxturismo.org) na sección documentación, epígrafe formación e profesións turísticas.

c) Os teléfonos 881 09 90 75 e 981 54 74 06 da devandita secretaría xeral.

d) Presencialmente.

Por todo iso, por proposta da Secretaría Xeral de Turismo,

DISPOÑO:

Artigo 1. Requisitos para a homologación das actividades de formación.

1. Para os efectos do disposto no artigo 33 do Decreto 42/2001, do 1 de febreiro, entenderanse automaticamente homologadas, logo de presentación da correspondente certificación (orixinal ou compulsada) sempre que se realicen durante os cinco anos de vixencia da habilitación anterior, as seguintes accións formativas:

A) Todos os cursos de idiomas a partir 40 horas inclusive organizados polas escolas oficiais de idiomas e os institutos de idiomas vinculados ás universidades públicas españolas. Tamén servirá a presentación dos diplomas oficiais que outorgan os distintos países a persoas non nativas nos casos en que o nivel de idioma certificado para o candidato sexa o suficiente para realizar estudos universitarios nese país. Neste caso corresponderalle ao guía que o obteña acreditar tamén que con el podería acceder á universidade no país onde ese idioma sexa a lingua oficial.

Cada un dos cursos de idiomas, así como a obtención do diploma oficial que acredite o nivel arriba indicado, validarase pola metade da súa duración, cun límite de 70 horas.

B) Os cursos organizados pola Secretaria Xeral de Turismo dirixidos con exclusividade ou carácter prioritario aos guías de turismo especializados de Galicia.

C) Outros cursos ou actividades organizadas polas administracións públicas españolas e outros organismos, fundacións ou sociedades públicas, así como pola Asociación Profesional de Guías Turísticos de Galicia, que conten con máis de 30 asociados, sempre que teñan unha duración mínima de 10 horas de formación presencial ou 15 de teleformación, que traten sobre algunha das seguintes áreas:

–Comunicación, asesoramento, xestión e asistencia a grupos turísticos. Preparación e desenvolvemento de itinerarios turísticos.

–Coñecementos histórico-artísticos, xeográficos, culturais e ecolóxicos de Galicia.

–Coñecementos normativos e socioeconómicos da Comunidade Autónoma de Galicia en materia turística.

2. Calquera outra actividade de formación que leven a cabo outros organizadores poderá ser homologada pola consellería competente en materia de turismo, sempre que teña unha duración mínima de 10 horas de formación presencial ou 15 de teleformación e que, a xuízo da comisión que se constitúa para o efecto, a súa organización responda a principios de obxectividade e eficacia e o programa contribúa a que os guías melloren as tarefas propias do seu exercicio profesional.

Artigo 2. Solicitudes de homologación.

Para que unha actividade formativa obteña a homologación para os efectos do disposto no artigo 33 do Decreto 42/2001, os organizadores ou outros interesados deberán presentar a correspondente solicitude de homologación (anexo I), previa e condicional, ante a comisión de homologación que se constituirá para eses efectos, coa seguinte documentación:

A) Datos básicos da entidade organizadora da actividade. Cando se trate de persoas xurídicas achegarase copia cotexada do CIF, do documento de constitución da sociedade e da documentación acreditativa de representatividade suficiente para actuar en nome da empresa. Se o solicitante é persoa física, a presentación da solicitude de homologación comportará a autorización do solicitante para que o órgano obteña de forma directa os datos de carácter persoal que figuren no DNI do interesado.

Non obstante, o solicitante poderá denegar expresamente o consentimento, facéndoo constar expresamente no formulario de solicitude, e daquela deberá presentar o DNI.

B) Unha memoria da actividade, en que se especifiquen todos os aspectos fundamentais para a súa valoración: obxectivos previstos, programa detallado, número e criterios de selección dos destinatarios se procede, medios de difusión, control de asistencia, requisitos para o outorgamento do certificado acreditativo.

Artigo 3. Lugar e prazo de presentación.

As solicitudes de homologación de cursos presentáranse no Rexistro Único da Xunta de Galicia ou por calquera outro dos restantes medios previstos na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

O prazo de presentación de solicitudes estará aberto todo o ano.

Artigo 4. Procedemento para a homologación.

1. A comisión de homologación examinará as solicitudes e a restante documentación presentada e, dentro do prazo de 20 días desde a recepción da solicitude na Secretaría de Xeral de Turismo, tendo en conta os criterios establecidos no artigo 1.2, elevará a súa proposta á Secretaria Xeral de Turismo, que resolverá.

2. A resolución, se procede, entenderase condicionada a que o desenvolvemento da actividade se adecúe ao explicitado no deseño previo.

No caso de que na resolución non se especifique o número de horas polas cales se homologa, entenderase que se valida pola totalidade da duración da actividade formativa.

Contra esta resolución poderase recorrer potestativamente en reposición ante o mesmo órgano que a ditara ou ser impugnada directamente ante o órgano xurisdicional contencioso.

3. A entidade organizadora ou o solicitante, dentro do mes seguinte á finalización da actividade de formación, remitirá á Secretaría Xeral de Turismo un informe final cos datos suficientes para comprobar que se desenvolveu de acordo co previsto e, se é posible, unha lista cos asistentes aos cales se lles expediu o diploma acreditativo.

4. Sen prexuízo de que a resolución se lle notifique ao solicitante e á entidade organizadora da actividade formativa para que lle dea a publicidade que coide conveniente, a consellería competente en materia de turismo publicará no DOG as actividades de formación que se homologasen. Así mesmo, daráselles publicidade ás ditas homologacións na páxina web.

5. En casos excepcionais e debidamente xustificados, poderanse homologar accións formativas con posterioridade ao seu desenvolvemento.

Artigo 5. Comisión de homologación.

1. A comisión de homologación estará integrada polos seguintes membros:

A) Subdirector/a xeral de Xestión, Fomento e Cooperación ou persoa en quen delegue, que a presidirá.

B) Xefe/a do Servizo de Ordenación do Turismo ou un representante del.

C) Xefe/a do Servizo de Formación, Cooperación Institucional, Promoción e Formación ou un representante del, que exercerá como secretario/a.

2. Á comisión correspóndenlle as funcións de examinar e propoñer a estimación ou desestimación das solicitudes de homologación que se presenten e dirimir as dúbidas que se poidan expor en relación coas certificacións ou diplomas que se presenten para a súa validación automática.

Disposición derrogatoria.

Queda derrogada a Orde do 17 de xuño de 2003 pola que se establecen os criterios e o procedemento para a homologación de cursos que realicen os guías de turismo especializados de Galicia, para os efectos do disposto no artigo 33 do Decreto 42/2001, do 1 de febreiro, de refundición en materia de axencias de viaxes, guías de turismo e turismo activo.

Disposición derradeira.

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 14 de abril de 2011.

Roberto Varela Fariña
Conselleiro de Cultura e Turismo

missing image file