Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 97 Venres, 20 de maio de 2011 Páx. 10488

III. Outras disposicións

Consellería do Mar

RESOLUCIÓN do 6 de maio de 2011, da Dirección Xeral de Ordenación e Xestión dos Recursos Mariños, pola que se establece o período de veda para o polbo (Octopus vulgaris) para o ano 2011.

Por medio da Orde do 20 de decembro de 2010, pola que se aproba o Plan Xeral de Explotación Marisqueira para o ano 2011, desenvólvese o plan para a xestión da pesqueira do polbo (Octopus vulgaris) e establécense as condicións para o seu desenvolvemento.

O artigo 10.1 b) desta orde dispón que se poderá establecer un período de veda de dous meses no período comprendido entre abril e setembro. Para a súa determinación terase en conta o estado do recurso e a opinión do sector afectado.

Consultado o sector, esta dirección xeral

RESOLVE:

Declarar o período de veda do polbo (Octopus vulgaris) para o ano 2011, que queda establecido entre as 16.00 horas do 27 de maio ata as 6.00 horas do 4 de xullo.

Polo tanto, neste período queda expresamente prohibida a captura do polbo (Octopus vulgaris), por medio de calquera arte, en augas de competencia da Comunidade Autónoma de Galicia. As embarcacións dedicadas á captura de polbo con nasas deberán retirar estas do seu calado e levalas a porto.

Esta veda será, así mesmo, aplicable á pesca marítima de recreo conforme o artigo 26 da Lei 11/2008, do 3 de decembro, de pesca de Galicia, modificada pola Lei 6/2009, do 11 de decembro, que no seu punto primeiro establece que lle serán aplicables á pesca marítima de recreo as medidas de protección e conservación dos recursos pesqueiros establecidas para a pesca marítima profesional.

Contra esta resolución, que non esgota a vía administrativa, poderase interpoñer recurso de alzada no prazo dun mes, contado desde o día seguinte ao da súa publicación, ante a Consellería do Mar, de conformidade co disposto nos artigos 114 e 115 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro.

Santiago de Compostela, 6 de maio de 2011.

Pablo Ramón Fernández Asensio
Director xeral de Ordenación e Xestión dos Recursos Mariños