Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 99 Martes, 24 de maio de 2011 Páx. 11046

I. Disposicións xerais

Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

DECRETO 89/2011, do 31 de marzo, polo que se modifica o Decreto 332/2009, do 11 de xuño, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, e o Decreto 324/2009, do 11 de xuño, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Economía e Industria.

As políticas científicas e tecnolóxicas caracterízanse pola existencia de diferentes órganos responsables da súa xestión e pola existencia de diferentes axentes encargados da súa execución. Na súa articulación, no conxunto do Estado e de maneira máis específica na Comunidade Autónoma de Galicia, existen competencias concorrentes en diferentes órganos administrativos. Así, en Galicia, deixando a un lado as actuacións de ámbito estritamente sectorial, as estratexias de carácter xeral localízanse na Dirección Xeral de Investigación e Desenvolvemento, da Consellería de Economía e Industria, e na Secretaría Xeral de Universidades, da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria. Así, o Decreto 324/2009, do 11 de xuño, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Economía e Industria, atribúe á Dirección Xeral de Investigación, Desenvolvemento e Innovación a ordenación, planificación, coordinación, execución e seguimento das competencias en materia de fomento da investigación, que ten atribuídas a comunidade autónoma. Pola súa parte, a Secretaría Xeral de Universidades, conforme o Decreto 332/2009, do 11 de xuño, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, ten atribuídas competencias relativas á promoción e á xestión eficiente e integradora dos recursos e capacidades de investigación do sistema universitario de Galicia, para a súa posta en valor no marco do sistema de innovación e, particularmente, a promoción da coordinación das universidades galegas no establecemento de programas, infraestruturas e actuacións en materia de investigación.

Co obxectivo posto nunha maior eficiencia na procura de sinerxias é necesario establecer novos mecanismos de gobernanza que unan os ámbitos de xestión e decisión da política científica, sen detrimento daquelas actuacións que poidan favorecer a conectividade de todos os axentes implicados na I+D+i de Galicia.

Neste senso, a Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, prevé na súa disposición adicional segunda a creación da Axencia Galega de Innovación, coa finalidade de apoiar e impulsar o crecemento e a competitividade das empresas galegas a través de estratexias e programas de innovación eficientes, así como fomentar e vertebrar políticas de innovación nas administracións públicas galegas.

En coherencia co anterior e co fin de harmonizar o exercicio competencial e acadar unha maior eficacia na xestión, procede reorganizar os ámbitos de xestión de modo que as competencias en materia de investigación universitaria se residencien na Secretaría Xeral de Universidades, sen prexuízo da competencias que no futuro asuma a Axencia Galega de Innovación no cumprimento dos seus obxectivos de acordo cos seus estatutos.

Con base na competencia do Consello de Xunta de Galicia para a organización da Administración autonómica, considérase necesaria esta delimitación de funcións, como paso previo á creación da Axencia Galega de Innovación para facilitar o cumprimento dos seus obxectivos.

En consecuencia, por iniciativa do conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria e do conselleiro de Economía e Industria, e por proposta do conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, no exercicio da facultade outorgada polo artigo 34.4 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia, tras os informes da Consellería de Facenda e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día trinta e un de marzo de dous mil once,

DISPOÑO:

Artigo primeiro. Modificación do Decreto 324/2009, do 11 de xuño, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Economía e Industria,

Modifícanse os artigos 15,16, 17, 19 e 20, que quedan coa redacción seguinte:

«Artigo 15. Atribucións.

Á Dirección Xeral de Investigación, Desenvolvemento e Innovación correspóndelle a ordenación, planificación, coordinación, execución e seguimento das competencias en materia de fomento da investigación que ten atribuídas a Comunidade Autónoma de Galicia en virtude do establecido no artigo 27.19 do Estatuto de autonomía de Galicia, na Lei estatal 13/1986, do 14 de abril, de fomento e coordinación xeral da investigación científica e técnica, e na Lei galega 12/1993, do 6 de agosto, de fomento da investigación e do desenvolvemento tecnolóxico de Galicia; a elaboración, xestión, coordinación e control do Plan Galego de Investigación, Desenvolvemento e Innovación Tecnolóxica (en diante, PGIDIT), agás as competencias da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria na ordenación, planificación e execución en materia de fomento da investigación no sistema universitario de Galicia (SUG); a presidencia do consello de administración da sociedade anónima Centro de Supercomputación de Galicia; a planificación, coordinación, execución e seguimento das competencias e funcións da consellería nas materias de innovación tecnolóxica e innovación na xestión dos sectores produtivos, de infraestruturas tecnolóxicas e de propiedade industrial e mais a xestión e utilización da rede de ciencia e tecnoloxía de Galicia (Recetga)».

«Artigo 16. Estrutura.

A Dirección Xeral de Investigación, Desenvolvemento e Innovación estrutúrase, para o exercicio das súas funcións, nas seguintes unidades:

1.Subdirección Xeral de Xestión do PGIDIT.

a) Servizo de Xestión Administrativa e Económica do PGIDIT.

2.Subdirección Xeral de Innovación Empresarial.

a) Servizo de Xestión Técnica.

b) Servizo Galego de Propiedade Industrial e Innovación Empresarial».

«Artigo 17. A Subdirección Xeral de Xestión do PGIDIT.

A Subdirección Xeral de Xestión do PGIDIT exercerá a Secretaría Xeral do devandito plan e terá atribuídas as seguintes funcións:

a) A planificación estratéxica da consellería en materia de innovación, investigación e desenvolvemento tecnolóxico.

b) A coordinación dos recursos de investigación, a planificación dos asuntos relacionados coa consecución da calidade total no sistema ciencia-tecnoloxía-sociedade e mais o desenvolvemento dos servizos comúns de apoio á comunidade científica.

c) Con carácter xeral, a xestión administrativa e económica da dirección xeral.

d) O apoio aos órganos previstos na Lei de fomento da investigación e do desenvolvemento tecnolóxico de Galicia.

e) O apoio á creación dos centros tecnolóxicos.

f) A realización do seguimento do actual Plan Galego de Investigación, Innovación e Crecemento e dos traballos previos necesarios para elaborar o seguinte plan.

g) O coñecemento da situación das investigacións e programas e dos proxectos en que participan os centros e institucións de Galicia.

h) A xestión do catálogo de centros e institucións de investigación e investigadores.

i) O desempeño das accións precisas para a difusión de coñecementos, sensibilización social, información e promoción da ciencia e a tecnoloxía.

j) O fomento e a coordinación das actuacións destinadas á dotación de infraestruturas científico-técnicas e de material bibliográfico de apoio á investigación de Galicia.

k) As relacións cos órganos nacionais e internacionais de investigación e desenvolvemento tecnolóxico no seu ámbito competencial.

l) A elaboración, no seu ámbito competencial, de propostas e, se é o caso, a execución de plans específicos de apoio á formación, actualización e consolidación de investigadores e tecnólogos, especialmente aqueles que dirixan os seus resultados ao ámbito empresarial.

m) A elaboración das propostas de iniciativas lexislativas e regulamentarias no seu ámbito competencial.

n) A elaboración e tramitación de convocatorias de axudas no seu ámbito competencial en coordinación, de ser o caso, coas que, no ámbito universitario, sexan competencia da Secretaría Xeral de Universidades.

o) A elaboración de informes, estudos e estatísticas no seu ámbito competencial.

p) A elaboración e tramitación de convenios de cooperación e colaboración no seu ámbito competencial.

q) A elaboración da proposta do anteproxecto de orzamentos da Dirección Xeral de Investigación, Desenvolvemento e Innovación.

r) A xestión e o control orzamentario e a tramitación de propostas de modificación de crédito.

s) A colaboración cos órganos de control interno e externo.

t) Aqueloutras funcións que, dentro do seu ámbito, lle sexan asignadas.

2. Á marxe das funcións de coordinación, planificación, programación e supervisión que no correspondente ámbito sectorial asuma directamente a subdirección, para a tramitación administrativa e a xestión directa destas competencias, contará coa seguinte unidade con nivel orgánico de servizo:

a) Servizo de Xestión Administrativa e Económica do PGIDIT».

«Artigo 19.

Queda baleiro de contido».

«Artigo 20. A Subdirección Xeral de Innovación Empresarial.

A Subdirección Xeral de Innovación Empresarial terá atribuídas as seguintes funcións sen prexuízo das facultades que neste senso corresponden á Consellería de Educación e Ordenación Universitaria con relación ás universidades do SUG.

a) A elaboración, proposta, coordinación, execución e control dos programas destinados a fomentar tanto a investigación aplicada como o desenvolvemento das actividades de investigación e innovación tecnolóxica realizadas polos distintos axentes do sistema galego de I+D+i, dos programas de actuación en materia de propiedade industrial e dos orientados ao desenvolvemento do deseño industrial.

b) A xestión das funcións derivadas de acordos coa Oficina Española de Patentes e Marcas.

c) A xestión administrativa correspondente aos programas do actual Plan Galego de Investigación, Innovación e Crecemento, no seu ámbito competencial.

d) A creación e consolidación dunha eficiente infraestrutura tecnolóxica, planificando e coordinando o funcionamento dos centros tecnolóxicos e institucións de innovación dependentes da dirección xeral.

e) O fomento dos vínculos de relación entre as empresas e os restantes axentes do sistema galego de I+D+i.

f) A actuación como órgano de relación e participación cos organismos, centros, entidades e institucións públicas e privadas de calquera índole dentro do seu ámbito competencial.

g) A elaboración, programación, realización, seguimento e difusión de estudos e estatísticas dentro do seu ámbito competencial.

h) A elaboración dos anteproxectos derivados do contido da Lei de fomento da investigación e do desenvolvemento tecnolóxico de Galicia e do PGIDIT, en materia de innovación e da normativa relativa á propiedade industrial.

i) A planificación para a creación e potenciación da actividade dos centros tecnolóxicos.

j) O apoio á creación de novas empresas de base tecnolóxica.

k) A xestión de iniciativas e recursos comunitarios de I+D+i.

l) A elaboración de propostas e, se é o caso, a execución de plans específicos de apoio á formación e actualización dos xestores da innovación.

m) As relacións cos órganos nacionais e internacionais de investigación e desenvolvemento tecnolóxico dentro do seu ámbito competencial.

n) A elaboración e tramitación das convocatorias correspondentes aos distintos programas.

o) A xestión e seguimento dos diferentes proxectos.

p) A elaboración das propostas de iniciativas lexislativas e regulamentarias dentro do seu ámbito competencial.

q) A actuación como oficina de recepción de solicitudes e outros documentos relacionados coa concesión de títulos de propiedade industrial (patentes, modelos de utilidade, marcas, nomes comerciais e deseños industriais).

r) A prestación de servizos de información sobre propiedade industrial.

s) A realización de accións de sensibilización sobre a propiedade industrial como factores de impulso da innovación, en coordinación coa Oficina Española de Patentes e Marcas.

t) A elaboración, proposta, coordinación, execución e control dos plans de sensibilización, divulgación e formación en materia de deseño industrial.

u) A creación e consolidación de infraestruturas públicas para o desenvolvemento do deseño industrial.

v) Aqueloutras funcións que, dentro seu ámbito, lle sexan asignadas.

2. Á marxe das funcións de coordinación, planificación, programación e supervisión que no correspondente ámbito sectorial asuma directamente a subdirección, para a tramitación administrativa e a xestión directa destas competencias, contará coas seguintes unidades con nivel orgánico de servizo:

a) Servizo de Xestión Técnica.

b) Servizo Galego de Propiedade Industrial e Innovación Empresarial».

Artigo segundo. Modificación do Decreto 332/2009, do 11 de xuño, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria.

Modifícase o artigo 5.2, que queda coa redacción seguinte:

«2. Subdirección Xeral de Promoción Científica e Tecnolóxica Universitaria.

Sen detrimento das actuacións que neste ámbito poidan asumir outras unidades da Xunta de Galicia con competencias en investigación e innovación tecnolóxica, a esta subdirección xeral correspóndenlle as seguintes funcións:

–O desenvolvemento e a xestión dos retos, eixos estratéxicos e liñas de acción do Plan Galego de Investigación, Innovación e Crecemento no relativo ao Sistema Universitario de Galicia.

–A elaboración, proposta, coordinación, execución e control de programas destinados a fomentar a investigación básica e aplicada no sistema universitario de Galicia.

–A planificación, elaboración, proposta e xestión de accións e mecanismos orientados á consecución da excelencia na produción científica no desenvolvemento da función investigadora do sistema universitario de Galicia.

–A planificación e desenvolvemento dos obxectivos e indicadores de mellora na calidade investigadora no marco do Plan de Financiamento do SUG.

–A promoción de servizos, centros e unidades científico–tecnolóxicas no SUG, establecendo un marco de financiamento para o seu desenvolvemento e xestión sustentable.

–O establecemento de accións enfocadas á xestión da organización, da calidade e dos recursos humanos no ámbito da investigación, así como a execución de plans específicos de apoio á formación, actualización e consolidación de investigadores no SUG.

–A elaboración da proposta de centros e investigadores do SUG para a súa inclusión no Catálogo de centros de investigación e investigadores.

–A promoción da mellora da gobernanza na xestión de actividade investigadora no SUG.

–A promoción da coordinación das universidades galegas no establecemento de programas, infraestruturas e actuacións en materia de investigación.

–A recolla, tratamento e difusión dos datos relativos a recursos, actividade e resultados de investigación do SUG.

–As relacións cos órganos que se ocupen da produción científica universitaria.

–Calquera outra análoga que lle sexa encomendada.

Para o desenvolvemento das súas funcións, esta subdirección contará coas seguintes unidades, con nivel orgánico de servizo e baixo a dirección desta subdirección xeral:

2.1. Servizo de Xestión Científico–Tecnolóxica.

Correspóndenlle as seguintes funcións:

–A xestión dos programas e accións de apoio a actividade investigadora no SUG.

–A formulación, aplicación e seguimento dos obxectivos e mecanismos en materia de calidade investigadora.

–A recolla, tratamento e difusión dos datos relativos á actividade investigadora universitaria.

–Calquera outra análoga que lle sexa encomendada.

2.2. Servizo de Planificación e Estruturación da Investigación.

Correspóndenlle as seguintes funcións:

–Coordinación, seguimento e promoción de proxectos e programas singulares no ámbito científico universitario.

–A posta en marcha, execución e seguimento dos programas destinados a captar, formar e reter talento no ámbito universitario galego.

–O impulso da formación de investigadores nas áreas de coñecemento estratéxico para o SUG.

–A promoción de accións de difusión do coñecemento, sensibilización social e valoración da investigación xerada no SUG.

–Calquera outra análoga que lle sexa encomendada».

Disposición adicional primeira.

Facúltase a persoa titular da Consellería de Facenda para ditar as disposicións necesarias para a xestión dos créditos afectados pola nova estrutura administrativa das consellerías de Economía e Industria e de Educación e Ordenación Universitaria, sen que en ningún caso poida orixinarse incremento de gasto.

Disposición adicional segunda.

A Consellería de Facenda realizará as modificacións orzamentarias necesarias para dar cumprimento ao disposto neste decreto.

Disposición transitoria primeira.

As modificacións efectuadas na denominación ou contido funcional das subdireccións e servizos a que se refire este decreto de estrutura orgánica non afectarán a súa subsistencia.

Para a xefatura de servizo suprimida será de aplicación o establecido na normativa vixente en materia de función pública.

Disposición transitoria segunda.

As unidades e postos de traballo con nivel orgánico inferior ao de servizo correspondentes ás subdireccións xerais ou servizos afectados polas modificacións introducidas polo presente decreto continuarán subsistentes ata que se aprobe a nova relación de postos de traballo adaptada á estrutura orgánica establecida neste decreto. Logo de acordo entre as persoas titulares das consellerías cuxa estrutura orgánica se modifica, as unidades e os postos de traballo encadrados nos órganos afectados adscribiranse provisionalmente, mediante resolución da persoa titular de cada consellería, aos órganos da súa estrutura orgánica establecidos neste decreto en función das atribucións que teñen asignadas.

Disposición derradeira.

O presente decreto entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, trinta e un de marzo de dous mil once.

Alberto Núñez Feijóo
Presidente

Alfonso Rueda Valenzuela
Conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

ANEXO

Postos suprimidos.

IN.C03.00.001.15770.040–Servizo de Formación e Consolidación de Investigadores e Tecnólogos.

Postos de nova creación.

ED Servizo de Planificación e Estruturación da Investigación.