Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 99 Martes, 24 de maio de 2011 Páx. 11056

III. Outras disposicións

Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

RESOLUCIÓN do 19 de maio de 2011, da Secretaria Xeral da Igualdade, pola que se establecen as bases e se convocan axudas para a realización, polas asociacións de nais e pais do alumnado, nos centros educativos de Galicia sostidos con fondos públicos, de programas de actividades complementarias e extraescolares que teñan como fin facilitar a conciliación da vida familiar e laboral.

A crecente incorporación das mulleres ao mercado de traballo sitúa a cuestión da conciliación da vida familiar e laboral nun primeiro plano. É un feito indubidable que a dita incorporación supuxo unha transformación non só laboral senón tamén social, provocando, así mesmo, modificacións nos valores culturais dominantes respecto ao papel das familias, da maternidade e a repartición de roles entre mulleres e homes.

A necesidade de compaxinar a vida familiar e laboral leva consigo, ademais dos cambios necesarios no ámbito lexislativo, a obriga de promover servizos e recursos complementarios que dean resposta ás demandas da poboación, como son os servizos de atención a menores, dado que permiten adecuar os horarios escolares dos e das menores cos horarios laborais das súas familias, e os poderes públicos deben ter un papel importante na potenciación de programas e accións facilitadores da conciliación.

Por outra banda e sen prexuízo da tendencia anteriormente mencionada, tal e como se recolle no Programa operativo FSE Galicia 2007-2013, a situación laboral das mulleres en Galicia segue estando por debaixo dos estándares europeos e, aínda que a súa taxa de actividade sexa superior á media nacional, a súa taxa de desemprego continúa sendo das máis altas de España. Neste sentido, o desequilibrio na repartición dos tempos dedicados ás tarefas de reprodución e coidado, desfavorable para as mulleres, é un aspecto prioritario que debe ser abordado á hora de reducir a discriminación por razóns de xénero no mercado laboral. Con esta finalidade, establécense no eixe 2, tema prioriotario 69 do dito programa operativo medidas para mellorar o acceso das mulleres ao mercado laboral, así como a súa participación e o seu progreso permanente no dito mercado e para impulsar a igualdade de oportunidades entre mulleres e homes, co fin de reducir a segregación sexista en materia de emprego e reconciliar a vida laboral e privada, por exemplo facilitando o acceso aos servizos de coidado e atención de nenos e nenas.

De conformidade co Decreto 325/2009, do 18 de xuño, polo que se establece a estrutura orgánica dos órganos superiores dependentes da Presidencia da Xunta de Galicia, na redacción dada polo Decreto 215/2010, do 16 de decembro, correspóndenlle á Secretaría Xeral da Igualdade, como órgano superior da Administración autonómica en materia de igualdade, entre outras, as funcións de planificar, deseñar, coordinar e avaliar a xestión das políticas da Xunta de Galicia en materia de promoción da corresponsabilidade entre mulleres e homes no eido persoal, familiar e laboral, así como tamén propor medidas, programas e normas dirixidas á promoción do exercicio efectivo dos dereitos das mulleres, a incrementar a súa participación na vida económica, laboral, política, social e cultural e a eliminar as discriminacións existentes entre sexos.

De acordo coas as ditas competencias, a Secretaría Xeral da Igualdade considera necesario impulsar a conciliación do traballo e da vida familiar de mulleres e homes adoptando medidas que a favorezan, polo que se considera oportuno realizar unha convocatoria de axudas destinadas á realización, polas asociacións de nais e pais do alumnado, de programas de actividades complementarias e extraescolares nos centros educativos de Galicia sostidos con fondos públicos, que teñan como fin facilitar a conciliación da vida familiar e laboral.

As subvencións concedidas a través da presente resolución estarán cofinanciadas polo Fondo Social Europeo a través do Programa operativo do Fondo Social Europeo de Galicia 2007-2013, eixe 2-tema prioritario 69 e axustaranse ás normas sobre elixibilidade aplicables ás axudas financeiras con fondos comunitarios e , en particular, ao disposto no Regulamento (CE) n.º 1828/2006 ,da Comisión do 8 de decembro de 2006, que fixa normas de desenvolvemento para o Regulamento (CE) n.º 1083/2006, do Consello de 11 de xullo, polo que se establecen as disposicións xerais relativas ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, ao Fondo Social Europeo e ao Fondo de Cohesión, no Regulamento (CE) 1080/2006, do Parlamento Europeo e do Consello, relativo ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (DOUE L 45, 15-2-2007) e mais na Orde TIN/2965/2008, do 14 de outubro, pola que se determinan os gastos subvencionables polo Fondo Social Europeo durante o período de programación 2007-2013 e a Orde TIN/788/2009 que a modifica.

Así mesmo, esta resolución axústase ao disposto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia e no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da Lei 9/2007 e, así mesmo, adáptase ao disposto na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, tendo en conta en todo caso os principios de publicidade, transparencia, concorrencia, obxectividade, igualdade, non-discriminación, eficacia no cumprimento dos obxectivos fixados pola Administración da Xunta de Galicia e eficiencia na asignación e na utilización dos recursos públicos, e os demais requisitos exixidos na Lei 14/2010, do 27 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónomo de Galicia para o ano 2011, existindo crédito axeitado e suficiente para o financiamento do gasto que se proxecta.

A disposición adicional segunda do Decreto 325/2009, do 18 de xuño, de estrutura orgánica dos órganos superiores dependentes da Presidencia da Xunta de Galicia, desconcentra nas secretarías xerais dependentes da Presidencia a competencia para a aprobación das bases, a convocatoria e a resolución das axudas e subvencións do seu respectivo ámbito de competencia.

Na súa virtude e no uso das atribucións que me foron conferidas,

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto e réxime das axudas.

1. É obxecto da presente resolución a convocatoria de axudas destinadas ás asociacións de nais e pais de alumnos/as legalmente constituídas, dos centros educativos sostidos con fondos públicos da Comunidade Autónoma de Galicia, para a realización de programas de actividades extraescolares e complementarias dirixidas ao alumnado de educación infantil, primaria e de centros de educación especial, que teñan como fin contribuír á conciliación da vida familiar e laboral, durante o período comprendido entre o 1 de setembro de 2011 e o 30 de xuño de 2012.

2. O outorgamento das axudas a que se refire esta convocatoria realizarase en réxime de concorrencia competitiva baixo os principios de publicidade, transparencia, obxectividade, igualdade e non-discriminación.

Artigo 2. Compatibilidade das axudas.

1. A percepción destas axudas é compatible con outras subvencións, axudas e ingresos ou recursos para a mesma finalidade, procedentes de calquera outra Administración ou ente público ou privado. Non obstante, os gastos financiados ao abeiro desta resolución non poderán acollerse a outras axudas procedentes do Fondo Social Europeo ou doutros fondos ou instrumentos financeiros comunitarios.

2. O importe da subvención concedida non poderá en ningún caso, illadamente ou en concorrencia con outras subvencións ou axudas, superar o custo da actividade que vai desenvolver a entidade solicitante.

3. No caso de entidades solicitantes que sexan perceptoras doutras axudas para o mesmo fin concedidas por outra entidade, deberán acreditar documentalmente a súa natureza e contía.

Artigo 3. Financiamento.

1. As axudas obxecto da presente convocatoria financiaranse con cargo á aplicación orzamentaria 04.40.312 G.481.0 (código proxecto 2011 00098) por un importe total máximo de douscentos sesenta e dous mil cincocentos euros (262.500 euros), e poderán estar cofinanciadas ao 80% con fondos FSE no Programa operativo de Galicia 2007-2013, eixe 2, tema prioritario 69, de acordo coa seguinte distribución:

–Ano 2011: 87.500 euros.

–Ano 2012: 175.000 euros.

A asignación do gasto queda condicionada á existencia de crédito adecuado e suficiente para o seu financiamento, e, por outra banda, a cantidade citada poderá ser incrementada de acordo coas dispoñibilidades orzamentarias e sempre que o incremento derivase dos supostos establecidos no artigo 31.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. O crédito asignado será obxecto de desconcentración nos departamentos territoriais da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza de maneira proporcional ao número de instancias presentadas en cada provincia.

Artigo 4. Entidades beneficiarias.

1. Poderán ser beneficiarias das axudas previstas nesta convocatoria as asociacións de nais e pais de alumnos/as dos centros educativos sostidos con fondos públicos que, con anterioridade ao remate do prazo de presentación de solicitudes, estean legalmente constituídas e inscritas no censo da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria.

2. As entidades solicitantes deberán cumprir, en todo caso, os requisitos exixidos no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia para obter a condición de beneficiarias.

Artigo 5. Accións subvencionables.

1. Poderá ser obxecto de subvención ao abeiro desta convocatoria a organización e realización de programas de actividades extraescolares dirixidas ao alumnado de educación infantil, primaria e de centros de educación especial. O programa proposto deberá desenvolverse de luns a venres e fóra do horario lectivo. En caso de non acadar esta periodicidade será necesario acreditar a realización doutras actividades que cubran as necesidades de conciliación nos días correspondentes.

2. Cada unha das actividades que formen parte do programa deberá cumprir os seguintes requisitos:

a) Deberá dirixirse obrigatoriamente a un mínimo de 10 alumnas/os, agás naqueles casos debidamente xustificados, nos cales polas características do contexto ou do centro docente, sexa imposible acadar o mínimo establecido.

b) A súa oferta deberá iniciarse como data límite o 3 de outubro de 2011 e rematar coincidindo coa finalización do período lectivo do curso escolar 2011-2012.

c) Desenvolverase nas dependencias do centro, entre un mínimo dunha hora e un máximo de dúas horas diarias.

d) Deberá fomentar o desenvolvemento integral das persoas e a igualdade entre os xéneros feminino e masculino e establecer expresamente como se atenden as necesidades das nenas e nenos con discapacidade.

e) Centrarase, fundamentalmente, en aspectos lúdicos, artísticos, culturais (teatro, danza, música, pintura, idiomas, etc.), tecnolóxicos e deportivos.

3. Queda expresamente excluído desta convocatoria a prestación do servizo de comedor.

Artigo 6. Gastos subvencionables.

1. Terán a consideración de subvencionables os gastos ocasionados polo desenvolvemento dos programas de actividades extraescolares que a continuación se relacionan, tendo en conta o establecido nas normas sobre elixibilidade aplicables ás axudas cofinanciadas polo Fondo Social Europeo, e en especial o artigo 11 do Regulamento 1081/2006, do Parlamento e do Consello do 5 de xullo de 2006, relativa ao Fondo Social Europeo:

a) Gastos do persoal necesario para a execución das accións: serán subvencionables as retribucións totais correspondentes, incluída a cotización empresarial á Seguridade Social, segundo a contía establecida na normativa aplicable por xornada real de traballo para os correspondentes grupos profesionais nos seus respectivos convenios colectivos.

b) Gastos de seguros de accidentes e pólizas de responsabilidade civil, se é o caso.

c) Gastos de medios e materiais funxibles necesarios para o desenvolvemento das accións.

2. Os gastos anteriormente mencionados deberán cumprir os seguintes requisitos: ser un gasto directo da acción, adecuado aos obxectivos, que exista constancia documental sobre a súa realización de forma verificable, que se acredite mediante facturas ou documentos de valor probatorio equivalente con validez no tráfico xurídico mercantil ou con eficacia administrativa (ex.: nóminas, boletíns de cotización á Seguridade Social), que se realice dentro do período establecido no artigo 1 desta convocatoria e que sexa efectivamente pagado pola entidade beneficiaria dentro do período de referencia establecido no punto seguinte.

3. O período de referencia para a realización do pagamento dos gastos xerados polo desenvolvemento das actuacións será do 1 de setembro ao 31 de decembro de 2011 respecto da primeira anualidade e do 1 de xaneiro á data límite de xustificación prevista no artigo 18.3 respecto da segunda anualidade.

4. As axudas non poderán, en ningún caso, superar a contía de 6.000 euros por entidade.

5. Non se subvencionarán gastos de investimento en infraestruturas, equipamento (informático, audiovisual, etc.), nin tampouco gastos xerais de funcionamento das entidades solicitantes.

6. As dúbidas e controversias en relación coa elixibilidade dos gastos serán resoltas pola Secretaría Xeral da Igualdade, por propia iniciativa ou por pedimento de calquera das entidades beneficiarias.

Artigo 7. Solicitudes, prazo de presentación e documentación.

1. As solicitudes para participar no procedemento de concesión das subvencións dirixiranse, xunto coa documentación necesaria, ao/á xefe/a do departamento territorial da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza competente en función da provincia na cal a asociación teña establecida a súa sede social, a través de calquera dos medios previstos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, entre as cales se inclúen os rexistros dos concellos que teñan subscrito o convenio de colaboración para a implantación dun sistema intercomunicador do rexistro coa Administración da Comunidade Autónoma de Galicia.

2. A solicitude e demais documentación presentarase obrigatoriamente nos modelos normalizados que se inclúen como anexos desta resolución. Os ditos anexos publícanse no DOG; non obstante poderanse obter, cubrir e imprimir a través da web http://www.mulleresengalicia.es

3. A solicitude será subscrita pola persoa representante legal da entidade.

4. O prazo para a presentación de solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día de prazo for inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes do vencemento non houber día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último do mes.

5. Xunto coa solicitude, anexo I, presentarase a seguinte documentación, que será imprescindible para a súa valoración:

  1. Fotocopia do CIF da entidade
  2. Fotocopia compulsada dos estatutos da entidade debidamente dilixenciados.
  3. Documentación acreditativa da representatividade suficiente para asinar a solicitude.
  4. Certificación orixinal da entidade bancaria, que acredite a existencia da conta bancaria a nome da entidade.
  5. Certificacións da/o secretaria/o da entidade solicitante, segundo modelo que se determina no anexo II.
  6. Certificado da dirección do centro educativo que acredite a súa conformidade para o desenvolvemento das actividades nas instalacións do centro.
  7. Memoria detallada do programa de actividades solicitado. Esta memoria recollerá expresamente como se integra o fomento da igualdade entre os xéneros masculino e feminino e como se atenden as necesidades de nenas e nenos con discapacidade, e fará referencia necesariamente aos seguintes aspectos:

–Obxectivos perseguidos polo programa.

–Descrición de cada unha das actividades propostas: contidos, metodoloxía, medios materiais e persoais precisos, duración, resultados previstos e persoas responsables da súa execución.

–Lugar e data de realización.

–Número estimado de persoas participantes desagregado por sexo.

–Sistema de avaliación, mediante o establecemento de indicadores ou medidores cuantificables do grao de cumprimento do obxectivo ou obxectivos perseguidos.

h) Orzamento estimado de gastos para cada unha das actividades propostas (anexo III).

i) Declaración responsable de estar ao día das obrigas tributarias e coa Seguridade Social e de non ter pendente de pagamento ningunha débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma, de acordo co establecido no artigo 11 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia (anexo IV).

j) Compromiso de utilización de linguaxe non sexista en todas as relacións que a entidade manteña coa Administración autonómica así como nas actividades e materiais obxecto da subvención regulada nesta resolución, segundo o modelo que se determina (anexo IV).

k) Declaración voluntaria do compromiso de utilización da lingua galega en todas as relacións que a entidade manteña coa Administración autonómica así como nas actividades e materiais obxecto da subvención solicitada (anexo IV).

l) Declaración do conxunto de todas as solicitudes de axudas concedidas e/ou solicitadas para a mesma finalidade, procedentes das distintas administracións públicas ou doutros entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais; así como de non estar incursa en ningunha das prohibicións para obter a condición de beneficiaria que establece o artigo 10 da Lei 9/2007 , do 13 de xuño de subvencións de Galicia (anexo V).

m) Calendario semanal de realización das actividades (anexo VI).

6. As entidades ateranse ás especificacións destas bases para a elaboración e presentación da súa solicitude, empregando obrigatoriamente os anexos normalizados para os documentos sinalados neste artigo. Estes formularios presentaranse no seu formato orixinal e sen emendas nin riscadas, e a inobservancia deste aspecto dará lugar á inadmisión da solicitude. Así mesmo, deben ter en conta que toda a documentación se debe achegar en papel tamaño DIN A4, sen usar grampas, espirais, carpetas clasificadoras, arquivadores, encadernacións ou calquera outro engadido ao papel que dificulte ou impida os procesos de tratamento, arquivo e dixitalización da documentación e supoña un gasto evitable e superfluo para as solicitantes; a presentación óptima realizarase coa documentación numerada e fixada mediante elementos metálicos tipo fastener ou clips de suxeición similares. Cómpre ter tamén en conta que o engadido de portadas á primeira folla dos modelos normalizados dificulta o proceso nos rexistros oficiais e a alta dos expedientes administrativos, polo que se deberá omitir esta práctica e procurar que o selo do rexistro de entrada figure no anexo de solicitude.

Artigo 8. Consentimentos e autorizacións.

1. A presentación da solicitude implica o coñecemento e a aceptación destas bases reguladoras e comporta a autorización da entidade solicitante para que o órgano concedente obteña de forma directa a acreditación do cumprimento das súas obrigas tributarias co Estado, coa Comunidade Autónoma e coa Seguridade Social, a través de certificacións telemáticas. Cando da actuación de oficio resulte que a entidade solicitante ou beneficiaria non está ao día das súas obrigas tributarias e sociais, será requirida para que regularice a situación e presente por si mesma o correspondente certificado. Para o trámite de adxudicación, estes certificados poderán ser substituídos por declaración responsable do órgano competente da entidade solicitante que se presentará xunto coa solicitude.

De conformidade co artigo 20.3 da Lei 9/2007, se a persoa solicitante indica que certa documentación que se debe usar neste procedemento xa figura no poder da Administración, a presentación da solicitude implica a autorización ao órgano instrutor para acceder a ela. Para estes efectos, a documentación débese manter vixente e identificarase no formulario de solicitude o procedemento administrativo para o que foi presentada.

2. De acordo co establecido na disposición adicional primeira do Decreto 132/2006, do 27 de xullo, de creación dos rexistros de axudas, subvencións e convenios e de sancións da Xunta de Galicia, a entidade solicitante da subvención consentirá expresamente a inclusión e publicidade dos datos relevantes referidos ás axudas e subvencións recibidas, así como ás sancións impostas, no devandito rexistro, feito que terá lugar agás nos supostos legalmente establecidos.

3. De conformidade co artigo 13.4 da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e de boas prácticas na Administración pública galega, a Secretaría Xeral da Igualdade publicará na súa páxina web oficial a relación de entidades beneficiarias e o importe das axudas concedidas, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos das entidades beneficiarias e a súa publicación na citada páxina web, coas excepcións previstas nas leis.

4. A Secretaría Xeral da Igualdade velará polos datos de carácter persoal que serán obxecto de tratamento, e para eses efectos procederase á súa incorporación a un ficheiro que cumprirá as exixencias da Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal, e adoptaranse tanto as medidas de seguridade técnicas como organizativas.

A finalidade da recollida e tratamento dos datos persoais será estritamente a xestión e tramitación dos expedientes correspondentes e as que deriven da aplicación da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e boas prácticas na Administración pública galega.

Os datos non serán obxecto de cesión a terceiras persoas; no obstante, a Secretaría Xeral da Igualdade revelará ás autoridades públicas competentes os datos persoais e calquera outra información que estea no seu poder ou sexa accesible a través dos seus sistemas e lle sexa requirida de conformidade coas disposicións legais e regulamentarias aplicables ao caso.

Decláranse recoñecidos os dereitos de acceso, cancelación, rectificación e oposición, que poderán exercerse ben mediante escrito en que se achegue identificación suficiente, dirixido ao seguinte enderezo: Secretaría Xeral da Igualdade, edificio administrativo San Lázaro, s/n, 15781 Santiago de Compostela, ou ben mediante o procedemento habilitado para estes efectos dispoñible na Guía do cidadán da páxina web da Xunta de Galicia.

Artigo 9. Instrución dos procedementos.

1. A instrución dos procedementos corresponde aos servizos de Igualdade das xefaturas territoriais da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza.

2. O órgano instrutor realizará de oficio cantas actuacións considere necesarias para a determinación, o coñecemento e a comprobación dos datos en virtude dos cales se debe formular a proposta de resolución.

3. De conformidade co establecido no artigo 71 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, se a solicitude non reúne algún dos requisitos exixidos nesta convocatoria, o órgano instrutor requirirá as persoas interesadas para que, nun prazo de dez días hábiles, emenden a falta ou acheguen os documentos preceptivos. Neste requirimento farase indicación expresa de que, se así non o fixeren, se terán por desistidas da súa petición, logo da correspondente resolución.

4. Por tratarse dun procedemento de concorrencia competitiva, e de conformidade co establecido nos artigos 59, 60 e 61 da indicada Lei 30/1992, os citados requirimentos de emenda poderanse facer ben a través de notificación individualizada, ben mediante publicación no Diario Oficial de Galicia e na páxina web da Secretaría Xeral da Igualdade, a cal producirá os mesmos efectos que a devandita notificación.

5. Sen prexuízo do disposto no parágrafo anterior, poderáselle requirir á entidade solicitante que achegue cantos datos, documentos complementarios e aclaracións resulten necesarios para a tramitación e resolución do procedemento.

6. Unha vez revisadas as solicitudes e as emendas feitas, aqueles expedientes administrativos que reúnan todos os requisitos e a documentación necesaria, serán remitidos á comisión encargada da súa valoración, de acordo co establecido no artigo 10.

7. Os expedientes que non cumpran as exixencias contidas nestas bases ou na normativa de aplicación, que non conteñan a documentación necesaria, ou, de ser o caso, non a presenten nos modelos normalizados, quedarán á disposición do órgano instrutor para que formule a proposta de resolución de inadmisión, na cale se indicarán as causas desta. En todo caso, non se admitirán a trámite, procedéndose ao seu arquivo sen posibilidade de emenda, as solicitudes que se presenten fóra do prazo establecido na correspondente convocatoria.

Artigo 10. Comisión de valoración.

1. Conforme o establecido no artigo 21 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia crearase en cada delegación unha comisión de valoración para estes efectos, a cal estará presidida pola/o xefa/e do Servizo de Igualdade da respectiva delegación e da cal formarán parte ademais dúas/dous traballadoras/es designados polo/a respectivo/a xefe/a territorial. Actuará como secretaria/o unha/un dos/das traballadores/as anteriormente mencionados. Se por calquera causa algunha das persoas que a compoñen non pode asistir ás reunións, será substituída pola/o funcionaria/o que designe o órgano competente para o outorgamento da axuda.

2. A comisión de valoración, motivadamente, poderá requirir das entidades solicitantes das subvencións información ou documentación adicional, que non estando en poder da Administración, teña fundamental relevancia e unha relación directa para unha mellor avaliación das solicitudes.

3. Avaliadas as solicitudes seguindo os criterios establecidos no artigo 11, a comisión de valoración emitirá un informe segundo o cal o órgano instrutor elevará unha proposta de resolución ao órgano competente para resolver a concesión ou denegación da subvención solicitada. Nesta proposta figurarán as solicitudes propostas para obter a axuda e o importe para cada unha delas, ata esgotar o crédito dispoñible. O resto das solicitudes consideradas subvencionables quedará en reserva para seren atendidas no suposto de quedar crédito libre por producirse algunha renuncia ou de producirse un incremento do crédito inicialmente dispoñible, de acordo co establecido no artigo 30.2 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. Para estes efectos poderanse realizar sucesivas propostas de resolución conforme o sinalado neste artigo.

Artigo 11. Criterios de avaliación.

1. Na valoración das solicitudes presentadas polas entidades peticionarias, que en todo caso deberán cumprir os requisitos establecidos no artigo 5, teranse en conta os seguintes criterios, e de acordo coas ponderacións sinaladas de seguido:

a) Interese e calidade do programa que se propón, valorada en función da súa claridade expositiva e da integración nel, ademais do fomento efectivo da igualdade entre os xéneros e da atención das necesidades de nenas e nenos con discapacidade, doutros valores que contribúan ao desenvolvemento integral da personalidade: ata 30 puntos segundo a seguinte desagregación:

–Interese e calidade do programa: ata 15 puntos.

–Fomento da interculturalidade, de hábitos de vida saudable, respecto polo ambiente e/ou consumo responsable: ata 15 puntos.

b) Número de alumnos/as que se benefician do programa: ata 20 puntos segundo a seguinte escala:

–Máis de 100 alumnas/os: 20 puntos.

–Entre 10 e 100 alumnas/os: proporcionalmente de 0 a 19 puntos.

c) Número de persoas asociadas: ata 15 puntos, que se distribuirán proporcionalmente segundo o número de familias asociadas con respecto ao total de familias do centro.

d) Grao de consolidación e experiencia previa da entidade en actuacións similares: ata 10 puntos a razón de 2 puntos por curso.

e) Cofinanciamento por parte da entidade solicitante: ata 10 puntos, dos cales corresponderán 2 puntos por cada 10% de financiamento con recursos propios.

f) Amplitude do horario do programa das actividades: ata 4 puntos.

–Unha hora e media diarias: 2 puntos.

–Dúas horas diarias: 4 puntos.

g) Actividades complementarias e extraescolares que se desenvolvan en centros educativos situados en concellos onde a proporción de mulleres paradas con respecto aos homes parados nese concello sexa superior á proporción de mulleres paradas no conxunto da comunidade autónoma.: 8 puntos. Estas porcentaxes calcularanse de acordo coas medias do ano 2010, segundo os datos de paro rexistrado do Servizo Público de Emprego de Galicia.

h) Emprego da lingua galega: 3 puntos.

2. Á solicitude que acade maior puntuación corresponderalle, dentro dos límites establecidos no artigo 6.4, unha axuda do 100% do orzamento elixible; en caso contrario, a contía da axuda reducirase proporcionalmente. No suposto de que máis dunha proposta obteña a mesma puntuación e non sexa posible por razóns orzamentarias adxudicar axuda a todas elas, o desempate establecerase en función das puntuacións mais altas segundo as epígrafes parciais dos criterios empezando pola letra a).

Artigo 12. Resolución e notificación.

1. Avaliadas as solicitudes segundo os criterios establecidos no artigo 10, o órgano instrutor, á vista do informe da comisión de valoración, elevará unha proposta de resolución á/ao xefa/e do departamento territorial da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, en quen se delega a competencia para resolver a concesión ou denegación da axuda solicitada ao abeiro desta resolución de acordo co establecido no Decreto 82/2009, do 21 de abril, polo que se establecen os centros directivos dependentes da Presidencia da Xunta de Galicia e no Decreto 325/2009, do 18 de xuño, de estrutura orgánica dos órganos superiores dependentes da Presidencia da Xunta de Galicia.

2. A/o xefa/e do departamento territorial da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, resolverá dentro das dispoñibilidades orzamentarias sen que, en ningún caso, o importe total das axudas poida superar o límite establecido no artigo 3 desta resolución.

3. A resolución da subvención será notificada no prazo máximo de catro meses contados a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia, se transcorrido o dito prazo non se notifian as resolucións, as solicitudes entenderanse desestimadas. Non obstante, e de conformidade co establecido no artigo 59.6 b) da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, poderase substituír a notificación individual pola publicación no Diario Oficial de Galicia. Nesta publicación especificarase a data da convocatoria, a entidade beneficiaria, a cantidade concedida e a finalidade da subvención outorgada, así como as solicitudes desestimadas con expresión dos motivos da desestimación.

4. Na resolución de concesión informaráselles ás entidades beneficiarias de que a obtención de axuda comunitaria implica a aparición na lista pública de persoas beneficiarias que a autoridade de xestión do programa operativo publicará conforme o previsto no artigo 7.2 d) do Regulamento (CE) 1828/2006 da Comisión, do 8 de decembro de 2006 (DOUE L/45, do 15 de febreiro de 2007) e de que na devandita lista figuran os datos de identidade ou denominación social, das operacións e da contía de fondos públicos asignada a cada operación.

Artigo 13. Réxime de recursos.

As resolucións expresas ou presuntas ditadas ao abeiro da presente resolución poñerán fin á vía administrativa e contra elas poderán interpoñerse os seguintes recursos, sen prexuízo de que as entidades interesadas poidan exercer calquera outro que consideren procedente:

a) Recurso potestativo de reposición ante a secretaria xeral da Igualdade, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da notificación da resolución, se esta for expresa, ou de tres meses contados a partir do seguinte a aquel en que se produza o acto presunto.

b) Recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da notificación da resolución, se esta for expresa, ou de seis meses contados a partir do seguinte a aquel en que se produza o acto presunto.

Artigo 14. Modificación da resolución de concesión das axudas.

Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención, e en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión, tal e como se establece no artigo 17.4 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 15. Obrigas das entidades beneficiarias.

As entidades beneficiarias das axudas quedan obrigadas a manter un sistema de contabilidade con codificación adecuada que permita identificar todas as transaccións realizadas relativas aos programas de actividades subvencionados e a conservar os documentos xustificativos da aplicación dos fondos recibidos durante un período de tres anos a partir do peche do Programa operativo (ano 2018). Así mesmo, obríganse a observar o disposto no artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia e demais normativa aplicable, e especificamente ao seguinte:

a) Realizar a actividade ou conduta que fundamenta a concesión da subvención sen que proceda ningún cambio no obxecto para o que se concedeu a axuda.

b) Acreditar ante a entidade concedente a realización da actividade subvencionada, así como o cumprimento dos requisitos e condicións que determinen a concesión ou desfrute da axuda.

c) Comunicarlle ao órgano concedente calquera variación das condicións tidas en conta para a concesión da subvención, así como dos compromisos e obrigas asumidos polas entidades beneficiarias e, de ser o caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas para a mesma finalidade procedentes de calquera Administración ou ente público nacional ou internacional.

d) Facilitar toda a información que lle sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas e o Consello de Contas, no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino das axudas.

e) Someterse ás actuacións de supervisión e control dos órganos da Administración do Estado e da Comunidade Autónoma, do Fondo Social Europeo, da Unidade Administradora do Fondo Social Europeo do Ministerio de Traballo e Inmigración, e da Secretaría Xeral da Igualdade, para realizar as comprobacións e verificacións que se consideren precisas para a constatación do cumprimento do disposto nesta resolución e demais normas vixentes que resulten de aplicación e achegar canta información lle sexa requirida no exercicio das actuacións anteriores.

f) Facilitarlle ao persoal asignado pola Secretaría Xeral da Igualdade, para a verificación do cumprimento do disposto nesta resolución, o acceso ás instalacións onde se leven a cabo as accións subvencionadas e a toda a documentación de carácter técnico, administrativo ou contable que teña relación coa subvención concedida. No caso de subcontratación de acordo co establecido no artigo 16, as/os subcontratistas están obrigadas/os a facilitaren ao persoal de auditoría e control toda a información necesaria relativa ás accións subcontratadas.

g) Cumprir co resto de requisitos e obrigas recollidas nos artigos 10 e 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

h) Reintegrar totalmente o importe percibido da subvención concedida así como os correspondentes xuros de demora devengados desde o momento do pagamento, nos seguintes casos:

–Incumprimento dos compromisos e obrigas relacionados neste artigo.

–Incumprimento da obriga de xustificación ou xustificación insuficiente nos prazos e termos establecidos nesta resolución.

–Obtención da subvención sen reunir os requisitos exixidos para a súa concesión con falsificación das condicións requiridas para isto ou ocultación daquelas que o impedan.

–Incumprimento total ou parcial do obxectivo, da actividade, do proxecto ou non-adopción do comportamento que fundamentou a subvención.

–Resistencia, escusa, obstrución ou negativa ás actuacións de comprobación e control financeiro, ou incumprimento das obrigas contables, rexistrais ou de conservación de documentos cando disto derive a imposibilidade de verificar o emprego dado aos fondos percibidos, o incumprimento do obxectivo ou a concorrencia con outras axudas percibidas para a mesma finalidade de calquera administración ou ente público ou privado.–Nos demais supostos previstos na normativa aplicable.

Cando o cumprimento se aproxime de modo significativo ao cumprimento total e se acredite unha actuación inequivocamente tendente á satisfacción dos compromisos adquiridos, a cantidade que se reintegrará parcialmente responderá ao principio de proporcionalidade e determinarase aplicando os mesmos criterios de avaliación que se empregaron para a concesión referidos á realidade finalmente comprobada.

i) Dar a adecuada publicidade do carácter público do financiamento en todas as actuacións que deriven da execución do proxecto, en cumprimento do artigo 15.3 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia, e de acordo co disposto no Regulamento (CE) 1828/2006 da Comisión, do 8 de decembro, que fixa normas de desenvolvemento para o Regulamento (CE) 1083/2006 do Consello, polo que se establecen as disposicións xerais relativas ao Feder, ao FSE e ao Fondo de Cohesión.

Artigo 16. Subcontratación.

1. Para os efectos previstos nesta convocatoria, está permitida a subcontratación total ou parcial das actividades subvencionadas, entendendo por esta a concertación con terceiras persoas da execución total ou parcial da actividade que constitúe o obxecto da subvención.

2. Todo procedemento de contratación deberá respectar os principios de transparencia, publicidade e libre concorrencia. En especial, e segundo o artigo 29.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, cando o importe do gasto que se vai subcontratar supere a contía de 12.000 euros no suposto de prestación de servizos por empresas de consultoría ou asistencia técnica, a entidade beneficiaria deberá solicitar como mínimo tres ofertas de diferentes provedores, con carácter previo á contratación do compromiso para a prestación do servizo, agás no caso de que polas especiais características dos gastos non exista no mercado suficiente número de entidades ou que os gastos se realizasen con anterioridade á solicitude da subvención. A elección entre as ofertas presentadas achegarase na xustificación ou, de ser o caso, na solicitude de subvención e realizarase, de conformidade cos criterios de eficiencia e economía. Este aspecto deberá xustificarse expresamente nunha memoria se a elección non recae na proposta económica máis ventaxosa.

3. Os/as subcontratistas quedarán obrigadas/os soamente ante a entidade beneficiaria, que asumirá a total responsabilidade da execución da actividade fronte á Administración. As entidades beneficiarias das subvencións serán as responsables de que na execución da actividade subvencionada concertada con terceiras persoas se respecten os límites establecidos nesta resolución en canto á natureza e contía dos gastos subvencionables e exixiranlles aos/ás subcontratistas os documentos acreditativos dos pagamentos correspondentes.

4. Os/as subcontratistas están obrigadas/os a lles facilitar aos organismos de auditoría e control toda a información necesaria relativa ás accións subcontratadas.

5. Ademais do disposto anteriormente, as entidades beneficiarias deberán cumprir coas previsións e obrigas sinaladas no artigo 27 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 17. Responsabilidade.

A organización e materialización das accións obxecto de subvención será responsabilidade exclusiva da entidade beneficiaria. A actuación da Secretaría Xeral da Igualdade quedará limitada ao seu outorgamento e a garantir o cumprimento da normativa en materia de axudas públicas.

Artigo 18. Xustificación.

1. As entidades destinatarias das axudas quedarán obrigadas a destinar os fondos percibidos á finalidade concreta para que foron concedidos. A Secretaría Xeral da Igualdade poderá comprobar, cando o considere conveniente, o cumprimento da finalidade da axuda.

2. De acordo co artigo 65.4 f) do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, quedan exoneradas de constituír garantía as entidades beneficiarias das subvencións reguladas nesta resolución.

3. Para os efectos de xustificación, a entidade beneficiaria deberá presentar a seguinte documentación nos lugares sinalados no artigo 7 desta convocatoria, tendo como prazo máximo para presentala ata o 31 de outubro de 2012:

a) Solicitude de cobramento asinada segundo o modelo do anexo VII.

b) Unha relación dos gastos realizados, onde conste a natureza e o importe de cada un deles, coa identificación do acredor e do documento, data de emisión e data de pagamento, expedida pola secretaría da entidade co visto e prace da súa presidencia, segundo o modelo que se achega como anexo VIII.

c) As facturas orixinais ou documentos de valor probatorio equivalente dos gastos subvencionados. Estes documentos deberán estar emitidos conforme a normativa aplicable e iránacompañadas dos xustificantes bancarios de pagamento e, de ser o caso, dos xustificantes de ter aboado as cotas, taxas ou impostos correspondentes. As entidades presentarán os orixinais para seren selados pola unidade tramitadora correspondente. Unha vez completa esta dilixencia e sempre que se solicite expresamente, os ditos orixinais serán devoltos o antes brevidade posible.

As facturas presentadas corresponderán ao ano 2011 ou 2012 segundo o exercicio ao cal se impute o gasto. En todo caso as que xustifiquen o anticipo deberán estar referidas de xeito indubidable a actuacións realizadas e efectivamente pagadas no ano 2011.

As facturas deberán traer o IVE desagregado.

d) No caso de que se contraten monitoras/es para a realización das actividades, a xustificación deste gasto farase por calquera das seguintes formas: se as actividades as desenvolven empresas externas e/ou profesionais autónomos/as, achegaranse facturas ou recibos de honorarios, onde consten, de forma detallada as actividades desenvolvidas; no caso de que a entidade solicitante contrate directamente o monitor/a das actividades, será necesario achegar as nóminas da persoa ou persoas contratadas, así como acreditar o ingreso en concepto de retención a conta do IRPF e os documentos xustificativos de ingreso dos seguros sociais.

e) Memoria de execución do programa, que deberá recoller como mínimo: descrición das actividades desenvolvidas (datas de realización, duración, contidos e metodoloxía empregada no seu desenvolvemento), valoración do cumprimento do obxectivo de fomento da igualdade entre os xéneros masculino e feminino, indicación de como se atenderon as necesidades de nenas e nenos con discapacidade, publicidade e divulgación que se realizou e número de persoas participantes desagregadas por sexo.

f) Enquisa de satisfacción ás nais e pais do alumnado que participase nas actividades complementarias e/ou extraescolares (anexo IX).

g) Os tres orzamentos que, se é o caso, en aplicación do artigo 29.3 da Lei de subvencións de Galicia, deba ter solicitado a entidade beneficiaria.

h) Declaración complementaria do conxunto das axudas solicitadas, tanto as aprobadas ou concedidas, como as pendentes de resolución, das distintas administracións públicas competentes ou de calquera dos seus organismos, entes ou sociedades.

i) Declaración de que as actividades foron desenvolvidas en lingua galega, de ser o caso.

j) Copia do material impreso usado para a difusión das actividades subvencionadas, que incorporará, de forma visible, o logotipo do Fondo Social Europeo (FSE), o cal levará debaixo a seguinte inscrición: O Fondo Social Europeo inviste no teu futuro, e o logotipo da Secretaría Xeral da Igualdade da Xunta de Galicia, de acordo co establecido no artigo 22.1 desta resolución.

k) Un exemplar de todos os materiais elaborados (carteis, folletos, enquisas, material didáctico, fotografías ou outra documentación elaborada ad hoc e que complemente a xustificación da actividade subvencionada).

4. Cando o importe dalgún xustificante non se impute totalmente á finalidade da subvención concedida indicarase a contía exacta daquel que resulte afectado por esta.

5. Transcorrido o prazo establecido neste artigo sen ter presentada a correspondente xustificación requirirase a entidade para que no prazo improrrogable de 10 días a presente. A falta de presentación da xustificación no prazo anteriormente sinalado comportará a perda do dereito ao cobramento da subvención.

Artigo 19. Pagamento.

1. As xefaturas territoriais da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, de atopar conforme a documentación xustificativa, proporán o pagamento do importe concedido ou do resultante da minoración determinada conforme o número 4 deste artigo.

2. Realizarase un primeiro pagamento do 33% da subvención concedida, en concepto de adianto, que se fará efectivo no momento da notificación da resolución. O 67% restante farase efectivo unha vez levadas a cabo as actuacións obxecto da subvención.

3. Antes de proceder ao pagamento da liquidación final, o órgano xestor incorporará ao expediente a acreditación de que as entidades adxudicatarias están ao día nas súas obrigas tributarias e sociais e que non teñen pendente de pagamento ningunha débeda coa Administración da Comunidade Autónoma.

4. Nos supostos en que o custo total definitivo do proxecto ou actividade sufra unha minoración respecto do que se tomou en consideración para calcular a subvención, ou cando a cantidade xustificada mediante documentos acreditativos do gasto (facturas, recibos, etc.) fose inferior á da axuda concedida, efectuarase a correspondente e proporcional diminución no montante da subvención.

Artigo 20. Incumprimento, reintegros e sancións.

1. O incumprimento das obrigas contidas nesta resolución ou demais normativa aplicable, así como das condicións que, se é o caso, se establezan na resolución de concesión, dará lugar á obriga de devolver total ou parcialmente as subvencións percibidas, así como os xuros de demora correspondentes.

2. Para facer efectiva a devolución a que se refire o punto anterior, tramitarase o oportuno procedemento de reintegro, que se axustará ao previsto no título II da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e na súa normativa de desenvolvemento.

3. Ás entidades beneficiarias das subvencións reguladas nestas bases seralles de aplicación o réxime de infraccións e sancións previsto no título IV da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e na súa normativa de desenvolvemento.

Artigo 21. Control.

1. A Secretaría Xeral da Igualdade poderá levar a cabo as actividades de inspección que considere oportunas para controlar o cumprimento das axudas reguladas nesta resolución.

2. Sen prexuízo do indicado no punto anterior, a Secretaría Xeral da Igualdade poderá realizar, ben con persoal propio ou a través de empresas auditoras, actuacións de comprobación e control para verificar sobre o terreo o cumprimento das condicións para a percepción das axudas. As comprobacións incidirán sobre todos aqueles extremos que garantan a realización dos compromisos adquiridos e o cumprimento dos requisitos fixados nesta convocatoria.

3. O persoal encargado da verificación levantará acta da actuación de control, que asinará a entidade á cal se lle entregará unha copia, e presentaralla ao órgano competente da Secretaría Xeral da Igualdade xunto co informe de verificación. A entidade queda obrigada a facilitarlle ao persoal asignado copia da documentación que se lle solicite relativa ao expediente obxecto de control.

4. Ademais do anterior, todas as axudas estarán sometidas á función interventora e de control financeiro exercida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, nos termos que establece o título III da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e na súa normativa de desenvolvemento. Así mesmo, estará sometida ás actuacións de comprobación previstas na lexislación do Tribunal de Contas e do Consello de Contas.

Artigo 22. Publicidade e información.

1. As entidades beneficiarias deberán dar a adecuada publicidade do carácter público do financiamento en todas as actuacións que deriven da execución do programa, en cumprimento do artigo 15.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. En concreto deberán facer constar, na súa publicidade ou na información que xeren en relación co programa subvencionado, o financiamento dos seus activos con fondos da Xunta de Galicia a través da Secretaría Xeral da Igualdade e do Fondo Social Europeo. Para isto, no lugar onde se realicen as actuacións deberá figurar, de forma visible, un cartel informativo no que aparezan os anagramas da Secretaria Xeral da Igualdade da Xunta de Galicia e do Fondo Social Europeo en aplicación do disposto na normativa aplicable. Na páxina web oficial da Secretaría Xeral da Igualdade informarase das características do dito cartel e dos logos e lendas de obrigada inclusión.

Cando o proxecto teña publicidade nun sitio da internet deberán figurar na súa páxina de inicio e en lugar visible as citadas referencias; cando se materialice nunha aplicación informática, deberán facerse as citadas referencias na zona de inicio ou menú principal da aplicación informática, así como na epígrafe de información da aplicación (axuda, acerca de ou similares).

Toda a documentación a que dea lugar o programa (cadernos, enquisas, folletos, notas informativas, CD-Rom) deberán conter as citadas referencias, e colocaranse na contraportada no caso das publicacións.

2. No prazo máximo de tres meses contados desde a data de resolución da concesión, os departamentos territoriais da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza publicarán no Diario Oficial de Galicia a relación das subvencións concedidas con indicación da norma reguladora, entidade beneficiaria do programa e crédito orzamentario, contía e finalidade da axuda, en aplicación do disposto no artigo 15 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia, e dos artigos 6 e 7.2 d) do Regulamento (CE)1828/2006 da Comisión. Igualmente, nos cinco días seguintes ao da notificación da concesión publicarase na páxina web oficial da Secretaría Xeral da Igualdade a relación de beneficiarias con expresión da entidade beneficiaria, a contía e a finalidade, segundo indica o artigo 13 da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e boas prácticas na Administración pública galega.

3. As entidades beneficiarias, coa presentación das solicitudes, autorizan a Secretaría Xeral da Igualdade a incluír e facer público, nos rexistros de axudas, subvencións e convenios e de sancións, regulados no Decreto 132/2006, do 27 de xullo, os datos relevantes referidos á axuda recibida así como ás sancións impostas.

A reserva que a entidade solicitante poida facer no sentido de non autorizar a obtención de datos ou a publicidade de datos nos rexistros, que en todo caso terá que ser expresa, poderá dar lugar á exclusión do proceso de participación para obter a subvención ou, noutro caso, á revogación do acto de outorgamento e, se procede, ao reintegro do importe concedido.

Artigo 23. Información ás persoas interesadas.

Sobre o procedemento administrativo asociado a esta resolución, que ten o código SI449A, poderase obter documentación normalizada ou información adicional nos servizos de Igualdade das xefaturas territoriais da Consellería da Presidencia, AAPP e Xustiza; a través da páxina web oficial da Xunta de Galicia, http://www.xunta.es/resultados-da-guia-do-cidadan, ou da Secretaría Xeral da Igualdade, http://www.mulleresengalicia.es

Artigo 24. Remisión normativa.

Para todo o non recollido nesta resolución observarase o disposto no Regulamento (CE) 1081/2006, do 5 de xullo, relativo ao Fondo Social Europeo; no Regulamento (CE) 1083/2006 do Consello polo que se establecen as disposicións xerais relativas ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, ao Fondo Social Europeo e ao Fondo de Cohesión; no Regulamento (CE) núm. 1828/2006 da Comisión, do 8 de decembro, que fixa normas de desenvolvemento para o Regulamento (CE) 1083/2006 do Consello, polo que se establecen as disposicións xerais relativas ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, ao Fondo Social Europeo e ao Fondo de Cohesión; na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia; no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia; no Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia; no disposto na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, e no Real decreto 887/2006, do 21 de xullo, polo que se aproba o seu regulamento; na Orde do 21 de decembro de 2009, da Consellería de Facenda, pola que regulan as normas para a execución, seguimento e control dos programas operativos Feder de Galicia 2007-2013 e FSE de Galicia 2007-2013; na Orde TIN/2965/2008, do 14 de outubro, pola que se determinan os gastos subvencionables polo Fondo Social Europeo durante o período de programación 2007-2013 e na Orde TIN/788/2009, do 25 de marzo, que a modifica; e no resto de normativa que resulte de aplicación.

Disposición derradeira primeira.

Apróbase a delegación de atribucións nos/as xefes/as das xefaturas territoriais da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, nos ámbitos competenciais respectivos, para resolver a concesión, denegación, modificación das subvencións previstas nesta resolución, así como para autorizar e dispoñer os gastos, o recoñecemento das obrigas e a proposta dos pagamentos, e as relativas aos procedementos de reintegro sinaladas no título II da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Disposición derradeira segunda.

Correspóndelle á Secretaría Xeral da Igualdade ditar as instrucións que sexan necesarias para o adecuado desenvolvemento e cumprimento desta convocatoria.

Disposición derradeira terceira.

Esta resolución entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 19 de maio de 2011.

Marta González Vázquez
Secretaria xeral da Igualdade

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file