Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 99 Martes, 24 de maio de 2011 Páx. 11092

III. Outras disposicións

Consellería de Traballo e Benestar

ORDE do 12 de maio de 2011 pola que se establecen as bases reguladoras e a convocatoria pública para a concesión de subvencións para a posta en práctica en Galicia durante os anos 2011 e 2012 de programas integrados para o emprego.

No Real decreto 1375/1997, do 29 de agosto, establécese o traspaso á Comunidade Autónoma de Galicia da xestión realizada polo Instituto Nacional de Emprego no ámbito do traballo, o emprego e a formación e a asunción das funcións e os servizos transferidos mediante o Decreto 289/1997, do 9 de outubro.

As directrices de emprego da Unión Europea e os plans nacionais de acción para o emprego recollen como actuación prioritaria a mellora da capacidade de inserción laboral dos desempregados a través da información, a formación, a orientación profesional e a práctica laboral.

Con este obxectivo, a Consellería de Traballo e Benestar articulou programas experimentais de emprego dirixidos a explorar novas alternativas de inserción laboral cos demandantes que se atopan con especiais dificultades de acceso ao emprego.

A Orde TAS/ 2643/2003, do 18 de setembro, pola que se establecen as bases reguladoras para a posta en práctica de programas experimentais en materia de emprego, sinala na súa disposición adicional que «as comunidades autónomas que asumiran o traspaso da xestión realizada polo Inem no ámbito do traballo, o emprego e a formación exercerán as funcións que a presente orde atribúe a aquel e que lle correspondan segundo o disposto nos reais decretos de traspaso... de acordo coas particularidades derivadas da organización propia delas».

O Decreto 335/2009, do 11 de xuño, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Traballo e Benestar, atribúelle a esta, a través da Dirección Xeral de Formación e Colocación, o exercicio de competencias, entre outras, en materia de formación ocupacional, intermediación no mercado de traballo, colocación e orientación laboral.

En virtude do exposto e co fin de aumentar as posibilidades de inserción laboral en Galicia establécese unha vía de colaboración dirixida á inserción laboral de demandantes inscritos no Servizo Público de Emprego de Galicia, márcanse obxectivos cuantificados e responsabilízanse deles a entidades sen ánimo de lucro a través da concesión de subvencións dirixidas á posta en marcha de programas integrados para o emprego.

O Acordo do diálogo social en Galicia, asinado o 30 de xullo de 2010, recolle como obxectivo facilitar a inserción das persoas desempregadas a través das políticas activas de emprego para contribuír a acadar emprego estable e de calidade.

Por outra banda, e co obxectivo de favorecer a inserción laboral e o mantemento da vida activa daqueles traballadores/as que pasaran a unha situación de desemprego como consecuencia dunha situación de crise empresarial, favorecerase a posta en marcha de programas de emprego especificamente destinados aos /ás ditos /as traballadores/as.

Así, o financiamento das axudas previstas nesta orde de convocatoria farase con cargo aos créditos dos programas 12.05.322B.481.0 e 12.05.322B.460.0, código de proxecto 2002 14460 que figuran na Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2011.

Consultado o Consello Galego de Relacións Laborais e obtidos os informes preceptivos na tramitación, por proposta da Dirección Xeral de Formación e Colocación, e en uso das facultades que me son conferidas de acordo co artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa Presidencia,

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto.

As subvencións reguladas na presente orde terán por obxecto o financiamento de programas de emprego dirixidos á mellora da ocupabilidade e á inserción laboral das persoas traballadoras en situación de desemprego mediante a posta en marcha de plans integrais que combinen accións de diversa natureza, tales como información, orientación e asesoramento, formación, práctica laboral e mobilidade xeográfica.

Nestes programas estableceranse obxectivos cuantitativos previstos de inserción laboral das persoas traballadoras en situación de desemprego participantes neles.

Artigo 2. Financiamento.

1. O financiamento das axudas previstas nesta orde de convocatoría farase con cargo aos créditos dos programas: 12.05.322B.460.2 e 12.05.322B.481.2, código de proxecto 2002 14 460, polos importes de 826.250 e 1.421.950, respectivamente na anualidade 2011 e 578.375 e 995.365 respectivamente na anualidade 2012, correspondentes a fondos finalistas transferidos. Os devanditos programas de gasto figuran na Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2011.

2. Os ditos créditos estimados poderán ser obxecto de modificacións como consecuencia da asignación ou da redistribución de fondos para o financiamento dos programas de fomento do emprego, coas limitacións que establezan a Conferencia Sectorial de Asuntos Laborais ou as disposicións aplicables ás axudas cofinanciadas polo Fondo Social Europeo, nos supostos e nas condicións previstas nos artigos 30 e 31 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. Os incrementos de crédito serán obxecto da oportuna publicación no Diario Oficial de Galicia.

Artigo 3. Tipos de programas.

a) Programas integrados para persoas desempregadas, preferentemente perceptoras de prestacións ou subsidios por desemprego e pertencentes aos seguintes colectivos sinalados como prioritarios na definición anual do Plan de acción para o emprego:

a) Persoas con discapacidade.

b) Persoas inmigrantes.

c) Mulleres (especialmente, aquelas que acrediten a condición de vítimas de violencia).

d) Persoas desempregadas en risco de exclusión social.

e) Persoas desempregadas de longa duración (especialmente, os maiores de 45 anos con baixa cualificación).

f) Menores de 30 anos (especialmente, aqueles que posúan baixa cualificación).

Consonte o establecido na Orde TAS 2643/2003, do 18 do setembro, pola que se establecen as bases reguladoras para poñer en práctica programas integrados en materia de emprego, consideraranse destinatarios específicos destes programas aqueles que se atopen en situación de desemprego como consecuencia dunha crise empresarial, que provoque a extinción da relación laboral das persoas traballadoras dunha empresa por algunha das causa sinaladas nos artigos 51 e 52 c) do Estatuto dos traballadores e no artigo 64 da Lei 22/2003, do 9 de xullo, concursal.

Todos eles deberán figurar inscritos como demandantes de emprego no Servizo Público de Emprego de Galicia e, polo menos, o 60 por cento deberán ser perceptores de prestacións ou subsidios por desemprego. Esta porcentaxe reducirase en proporción ao número de persoas beneficiarias de prestacións ou subsidios inscritos como demandantes de emprego na localidade en que se vaia desenvolver o plan.

O obxectivo de inserción laboral para este colectivo de persoas beneficiarias deberá ser, polo menos, do 35 por cento dos demandantes de emprego atendidos durante o desenvolvemento do programa.

b) Programas integrados para persoas desempregadas admitidas ao programa da renda activa de inserción e que subscribisen o compromiso de actividade ou perceptoras da renda de integración social de Galicia.

O obxectivo de inserción laboral para este colectivo de persoas beneficiarias deberá ser, polo menos, do 30 por cento dos demandantes de emprego atendidos durante o desenvolvemento do programa.

En ambos os dous casos o Servizo Público de Emprego seleccionará, mediante un tipo de oferta específica creada para estes programas de acordo co disposto neste artigo, as persoas demandantes de emprego dispoñibles para a súa incorporación a estes. A entidade beneficiaria poderá participar no proceso de selección.

Con carácter xeral, considerarase que a inserción laboral se acadou cando, durante a vixencia do programa, a persoa desempregada participante sexa contratada como traballador ou traballadora por conta allea por unha duración non inferior a seis meses ou se acredite a súa constitución en traballadores ou traballadoras autónomos ou por conta propia por un período mínimo dun ano.

O prazo de execución dos programas integrados para o emprego será como máximo de 12 meses.

Artigo 4. Entidades beneficiarias.

Poderán ser beneficiarias das subvencións para o desenvolvemento dos programas regulados nesta orde, as corporacións locais e as entidades sen ánimo de lucro que acrediten experiencia na realización de accións dirixidas ao acompañamento ás persoas en situación de desemprego en procesos de inserción laboral por conta allea ou propia.

Non poderán ser entidades beneficiarias aquelas en que concorra algunha das causas expresadas no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 5. Presentación de solicitudes. Prazo.

1. As entidades que, reunindo os requisitos establecidos no artigo 4, desexen solicitar as axudas previstas nesta orde deberán formalizar a correspondente solicitude segundo o modelo oficial que se xunta como anexo I á presente orde, subscrita polo titular ou representante legal da entidade, debidamente acreditado, e dirixida á Dirección Xeral de Formación e Colocación, que poderá presentarse na Oficina de Rexistro Único e Información da Xunta de Galicia ou por calquera das formas previstas no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Así mesmo, os modelos de solicitude, independentemente da súa publicación como anexos a esta convocatoria, atópanse tamén á disposición dos interesados na páxina web institucional da Xunta de Galicia (http://traballo.xunta.es/contenidos/gl/menu_transversal/ayudas_subvenciones/portada_ayudas).

2. A presentación da solicitude de concesión da subvención comportará a autorización ao órgano xestor para solicitar as certificacións que deban emitir a Axencia Estatal da Administración Tributaria, a Tesouraría Xeral da Seguridade Social e a Consellería de Facenda da Xunta de Galicia, de conformidade co disposto no artigo 20.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. Non obstante, as entidades incluídas no artigo 49 da Lei 14/2010, do 27 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2011, quedarán exentas de achegar os xustificantes a que se refire o dito precepto.

3. Para os efectos do disposto na disposición adicional do Decreto 132/2006, do 27 de xullo, polo que se regulan os rexistros públicos creados nos artigos 44 e 45 da Lei 7/2005, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2006, no artigo 13 da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e de boas prácticas na Administración pública galega, e nos artigos 14 e 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, mediante a presentación da solicitude de subvención e a sinatura do anexo I a entidade interesada presta expresamente o seu consentimento á Consellería de Traballo e Benestar para incluír e facer públicos nos referidos rexistros e páxina web os datos relevantes referidos ás axudas e subvencións recibidas, así como ás sancións impostas. De conformidade coa Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal, poderán exercerse os dereitos de acceso, rectificación, consulta, cancelación e oposición, mediante escrito dirixido á Consellería de Facenda.

4. O prazo para a presentación de solicitudes será dun mes, contado desde o día seguinte ao da publicación da presente orde no Diario Oficial de Galicia. Para estes efectos entendarase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se este último día é inhábil, entenderase prorrogado ata o primeiro día hábil seguinte. Se no mes de vencemento non houber día equivalente, entenderase que o prazo expira o último día do mes.

Artigo 6. Documentación.

1. As solicitudes irán acompañadas da seguinte documentación:

a) Memoria explicativa do proxecto, no modelo que se publica como anexo II, e que deberá facer referencia, de xeito obrigatorio, aos seguintes aspectos:

–Denominación do programa ou proxecto.

–Descrición do proxecto, que inclúa unha enumeración detallada de cada unha das accións que o compoñen e atenda aos distintos tipos e programas onde se enmarcan as ditas accións.

–Duración total do programa (número de meses) indicando a data de inicio e fin de cada unha das accións propostas.

–Lugar onde se van desenvolver as accións, co enderezo completo.

–Colectivos aos cales vai dirixido o proxecto.

–Número de participantes, que non será, con carácter xeral, inferior a 100, salvo nos casos en que non se alcance a porcentaxe de perceptores de prestacións por desemprego e en ningún caso será inferior a 60.

–Valoración económica do custo total do proxecto, e determinar os conceptos de gastos subvencionables e a estimación por persoa atendida e inserida, conforme o previsto nesta orde, así como o cofinanciamento da entidade subvencionada.

–Actividades, sectores e ámbito territorial en que se pretende actuar.

–Relación de medios materiais e recursos humanos de que se dispón ou dos que se dotará o solicitante, en que se especifiquen as condicións daqueles, o seu historial formativo e laboral, e as súas capacidades, con indicación dos que se van afectar para levar a cabo as accións propostas.

–Obxectivos de inserción laboral previstos, que deberán ser polo menos os indicados no artigo 3 desta orde.

–Experiencia da entidade solicitante en actuacións de acompañamento da inserción laboral e mellora da ocupabilidade dos demandantes de emprego.

b) Copia compulsada da escritura de constitución e dos estatutos da entidade, onde conste que a entidade solicitante dispón de personalidade xurídica e carece de fins lucrativos. Quedan exceptuadas da presentación destes documentos as corporacións locais.

c) Documentación acreditativa de representación legal para asinar a solicitude, mediante a correspondente documentación de apoderamento, resolución, mandato, certificado expedido polo secretario, ou acta, onde se determine a dita representación (orixinais ou copia compulsada).

d) Tarxeta de identificación fiscal da entidade solicitante (orixinais ou copia compulsada).

e) Ficha de transferencia bancaria, debidamente asinada polo representante da entidade solicitante e da entidade bancaria no modelo que se publica como anexo III, ou certificado bancario debidamente emitido pola entidade financeira.

f) Declaración do conxunto de todas as solicitudes de axudas presentadas ou concedidas para o mesmo proxecto das distintas administracións públicas ou de calquera dos seus organismos autónomos, entes ou sociedades, segundo o modelo recollido no anexo IV desta orde.

g) Declaración responsable de cumprimento dos requisitos establecidos para obter a condición de entidade beneficiaria, segundo o disposto no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, no modelo que se publica como anexo V.

2. As entidades que xa participasen con anterioridade nestas accións, estarán exentas de presentar a documentación exixida nas letras b), c), e d) do punto 1 deste artigo, sempre que o fagan constar así no anexo I da solicitude. No suposto de que se produza algunha modificación na documentación que consta en poder da Administración, estas entidades deberán remitir a dita documentación convenientemente modificada.

3. Se a solicitude presentada non reúne os requisitos establecidos na presente orde, faráselle un único requirimento á entidade para que, no prazo de 10 días hábiles, emende o erro ou xunte os documentos preceptivos. De non facelo así, teráselle por desistida da súa petición, logo de resolución ditada de acordo co disposto no artigo 71 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro.

Artigo 7. Criterios de valoración dos programas.

1. A concesión das subvencións previstas na presente orde realizarase conforme os seguintes criterios:

1. O número e as características dos colectivos desempregados para atender, tendo en conta as especiais dificultades da súa inserción laboral: 15 puntos.

2. A adecuación dos colectivos aos cales vai dirixido o proxecto á estrutura poboacional e do paro rexistrado no ámbito territorial obxecto da actuación: 12 puntos.

3. Recursos humanos e materiais adecuados para a atención aos colectivos correspondentes e accións propostas para a execución do programa:12 puntos.

4. Os compromisos adquiridos en materia de inserción laboral no mercado de traballo dos demandantes para atender: 18 puntos.

5. O maior esforzo investidor da entidade solicitante no financiamento total do proxecto, sempre que o cofinanciamento sexa superior ao 10%: 10 puntos.

6. A experiencia acreditada da entidade solicitante en actuacións de acompañamento da inserción laboral e mellora da ocupabilidade dos demandantes de emprego en xeral e, particularmente, respecto das ditas actuacións sobre colectivos de desempregados con especiais dificultades nos ditos procesos: 12 puntos.

7. Carácter innovador do programa que se vai desenvolver: 18 puntos.

8. O emprego da lingua galega na realización das accións do programa integrado para o emprego: 5 puntos.

2. A valoración mínima para a consecución da condición de entidade beneficiaria debe ser de 50 puntos.

Artigo 8. Procedemento, competencia e resolución.

1. O procedemento de concesión de axudas será o de concorrencia competitiva.

2. O órgano instrutor dos expedientes será o Servizo de Orientación Laboral da Dirección Xeral de Formación e Colocación.

3. Revisados os expedientes e completados, de ser o caso, remitiranse á comisión de valoración para que esta, nun acto único, proceda á súa avaliación e informe en que se concretará o resultado da avaliación efectuada á totalidade dos expedientes, tendo en conta que as resolucións se poderán tramitar en diversas fases, en función das dispoñibilidades orzamentarias. Aqueles expedientes dos cales na primeira fase non se formule proposta de resolución favorable á súa aprobación teranse en consideración polo órgano instrutor en futuras propostas de concesión, de conformidade co informe da comisión de valoración.

Para estes efectos a comisión de valoración estará composta polo/a titular da Subdirección Xeral de Colocación, o xefe/a do Servizo de Orientación Laboral e unha persoa funcionaria adscrita ao dito servizo, que actuará como secretario/a.

Se, por calquera causa, no momento en que a comisión de valoración teña que examinar as solicitudes, algunha das persoas que a compoñen non pode asistir, será substituída pola persoa que para o efecto designe o órgano competente para resolver.

4. O órgano instrutor elevará o informe da comisión de valoración xunto coa proposta de resolución á director/a xeral de Formación e Colocación que resolverá a concesión ou denegación da axuda mediante resolución motivada e individualizada por delegación do/a titular da Consellería de Traballo e Benestar.

5. A resolución e a notificación deberanse producir nun prazo de tres meses, que se contará desde o día seguinte ao da entrada da solicitude no correspondente rexistro, e deberá terse en conta o disposto nos artigos 59.6.b) e 58.2 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. Transcorrido o dito prazo sen que recaia resolución expresa, esta entenderase desestimatoria.

6. A resolución que finaliza os procedementos regulados na presente orde esgota a vía administrativa, polo que contra ela se poderá interpoñer recurso contencioso-administrativo perante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da notificación do dito acto se for expreso, ou seis meses se non o for, contados neste caso a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto, de acordo co disposto no artigo 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa. Potestativamente, con anterioridade á interposición do dito recurso contencioso-administrativo, e de acordo co establecido nos artigos 116 e 117 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, poderase interpoñer recurso de reposición perante o mesmo órgano que ditou o acto administrativo no prazo dun mes se o dito acto for expreso e, se non o for, o prazo será de tres meses e contarase a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto, sen prexuízo da interposición de calquera outro recurso que se considere oportuno para a defensa dos dereitos e intereses das entidades solicitantes e outros posibles interesados.

7. As resolucións de concesión serán obxecto de publicación segundo o establecido no artigo 13.4 da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e boas prácticas na Administración pública galega, no Decreto 132/2006, do 27 de xullo, polo que se regulan os rexistros públicos creados nos artigos 44 e 45 da Lei 7/2005, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2006, e no artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

8. Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención, e en todo caso a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, estatais, da Unión Europea ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión.

Artigo 9. Contía das subvencións.

Para o desenvolvemento dos programas integrados para o emprego, o financiamento total determinarase en función do número de persoas que se van atender e os obxectivos previstos de inserción e a cantidade máxima que se vai percibir será de 1.800 euros por persoa atendida e 5.400 euros por persoa atendida e inserida no mercado de traballo. En ningún caso, tendo en conta ambos os parámetros, poderá percibirse unha cantidade superior a 2.400 euros de media por persoa desempregada participante no programa.

Ademais, establecerase unha redución no importe total da subvención se non se conseguen os obxectivos previstos. Esta redución calcularase en función dos demandantes de emprego inseridos, tendo en conta, non obstante, os demandantes atendidos.

En ningún caso, o importe da subvención poderá ser de tal contía que, illadamente ou en concorrencia con outras subvencións ou axudas doutras administracións públicas, ou doutros entes públicos ou privados, estatais ou internacionais, supere o custo da actividade para desenvolver pola entidade solicitante.

Artigo 10. Gastos imputables.

A subvención determinada na resolución destinarase a cubrir os gastos efectivamente realizados pola entidade relativos a:

a) Os custos salariais e de seguridade social do persoal necesario para o apoio e/ou formación dos demandantes de emprego, ademais do persoal que presta servizos na entidade beneficiaria e aqueloutro que se poida contratar para tal fin, ata un límite de 42.000 euros anuais por traballador. Cando se trate de persoal propio da entidade, imputaránselle ao programa as partes proporcionais do tempo efectivamente dedicado ao proxecto, tendo en conta que a citada imputación non poderá superar o 80% salvo autorización expresa do/a director/a xeral de Formación e Colocación, cando concurran causas debidamente xustificadas e logo da solicitude para o efecto da entidade beneficiaria.

As retribucións refírense á prestación de servizos a xornada completa. As retribucións acomodaranse proporcionalmente á xornada que se desenvolva no caso de que a prestación de servizos sexa a tempo parcial.

b) Gastos de axudas de custo e desprazamento do dito persoal e dos demandantes que participen no plan.

c) Gastos derivados da contratación de medios externos dirixidos á formación dos desempregados participantes no plan, así como as pólizas de seguros para a formación técnica e prácticas ocupacionais deles en caso necesario. Cando as entidades beneficiarias teñan que recorrer a subcontratación, deberán cumprir co establecido no artigo 27 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, tendo en conta que, en todo caso, esta non poderá superar o límite do 50% do custo total final da actividade subvencionada.

d) Gastos de amortización de materiais e equipos técnicos necesarios para impartir a formación, co límite do 10% do custo total final do proxecto.

e) Gastos xerais, materiais e técnicos co límite do 25% do custo total final do proxecto. Estes gastos inclúen os seguintes:

–Gastos de execución de material técnico (guías, documentación para o participante...) e de execución en material de oficina.

–Gastos xerais necesarios para a execución das accións na parte correspondente á dita execución:

–Arrendamento (leasing excluído): edificios, mobiliario, efectos e equipos de arrendamento.

–Mantemento (se non está incluído no arrendamento).

–Subministración de enerxía eléctrica, auga, combustible para calefacción (se non está incluído no arrendamento).

–Comunicacións (teléfono, correos...).

–Limpeza.

–Seguridade e vixilancia.

–Seguros de responsabilidade civil.

2. A acreditación dos diferentes conceptos de gastos subvencionables realizarase presentando a seguinte documentación:

a) Retribucións de persoal:

–Copia compulsada do TC1 e TC2 correspondentes aos meses imputados.

–Copia compulsada das nóminas correspondentes aos meses imputados.

–Copia compulsada do impreso de liquidación nominal do IRPF.

Todos os documentos anteriores deberán ir acompañados pola transferencia ou cargo bancario correspondente que acredite a realización do seu pagamento.

b) Gastos imputables ás accións realizadas en concepto de axudas de custo e desprazamentos, contratación de medios externos, gastos de amortización de materiais ou equipos e gastos xerais, materiais e técnicos necesarios: facturas correspondentes, orixinais ou copias compulsadas, e xustificación do pagamento destas a través de transferencia ou cargo bancario, tendo en conta que todas as facturas achegadas como xustificantes deberán estar referidas de forma inequívoca á entidade subvencionada e ao período que abrangue a subvención.

Artigo 11. Inicio das accións.

1. Os programas integrados para o emprego consideraranse iniciados no momento en que estean seleccionados a totalidade dos traballadores que se van atender segundo a resolución de concesión. Este inicio deberá producirse na data prevista na citada resolución, salvo autorización de prórroga expresa do/a director/a xeral de Formación e Colocación, cando concorran causas debidamente xustificadas e logo da solicitude para o efecto da entidade beneficiaria.

2. As instrucións para a posta en marcha dos programas e a correcta liquidación da subvención así como os modelos en que deberán presentarse necesariamente os certificados exixidos estarán ao seu dispor na páxina web institucional da Xunta de Galicia (http://traballo.xunta.es/contenidos/gl/menu_transversal/ayudas_subvenciones/portada_ayudas).

3. No prazo de 10 días hábiles contados desde a data de inicio das accións, as entidades beneficiarias deberá remitir a seguinte documentación:

a) Certificado de inicio das accións.

b) Copia compulsada do contrato ou contratos do persoal que realizará as accións.

c) Certificado de alta na Seguridade Social do dito persoal.

d) Ficheiro informático, en formato de folla de cálculo, no que figure o nome, apelidos e o NIF de cada unha das persoas que van participar nas accións.

e) Fichas de control de accións, correspondentes ao inicio, asinadas por cada unha das persoas desempregadas participantes no programa, que incluirán a autorización á Consellería de Traballo e Benestar para que esta comprobe os seus datos persoais a través do Sistema de Verificación de Datos de Identidade (SVDI) e de Residencia (SVDR).

f) Unha fotografía do cartel informativo e a súa localización, nos termos sinalados no artigo 13.1.

g) A solicitude do pagamento do anticipo da subvención nos termos establecido no artigo seguinte.

Artigo 12. Xustificación e pagamento.

1. O pagamento da subvención realizarase en tres fases do seguinte xeito:

A) Anticipo da subvención:

A entidade beneficiaria recibirá un pagamento da cantidade equivalente á subvención concedida para o ano 2011, sempre e cando esta non supere o 50 por cento da suma das subvencións do ano 2011 e 2012, en concepto de anticipo á conta da xustificación, no prazo e xunto coa documentación establecida no artigo anterior para o inicio das accións.

B) Liquidación parcial:

Se é o caso, as entidades beneficiarias disporán ata o 19 de decembro de 2011 (incluído) para presentar a liquidación parcial da subvención, polo cal deberán presentar a xustificación de todos os gastos realizados conforme o previsto no artigo 10 desta orde. Por parte da Dirección Xeral de Formación e Colocación procederase a liquidar o importe que corresponda, de acordo coa xustificación presentada e ao anticipo percibido pola entidade, correspondentes á subvención concedida para o ano 2011.

Xunto coa solicitude presentarase a seguinte documentación:

1. Certificado do órgano competente da entidade beneficiaria dos gastos realizados con cargo á subvención no modelo que se publicará na páxina web institucional da Xunta de Galicia (http://traballo.xunta.es/contenidos/gl/menu_transversal/ayudas_subvenciones/portada_ayudas).

2. Documentación xustificativa dos gastos imputados ao ano 2011 conforme o establecido no artigo 10.2.

C) Liquidación final:

Unha vez finalizadas as accións a entidade beneficiaria terá un prazo máximo de dous meses desde a finalización do proxecto, e en todo caso, como data límite o 17 de decembro de 2012, para a presentación da liquidación final conforme o establecido neste artigo.

Xunto coa solicitude presentarase a seguinte documentación:

1. Certificado final do órgano competente da entidade beneficiaria dos gastos realizados con cargo á subvención no modelo que se publicará na páxina web institucional da Xunta de Galicia (http://traballo.xunta.es/contenidos/gl/menu_transversal/ayudas_subvenciones/portada_ayudas).

2. Documentación xustificativa dos gastos imputados conforme ao establecido no artigo 10.2.

3. Declaración de conxunto de todas as axudas solicitadas ou concedidas para o mesmo proxecto das distintas administracións públicas ou de calquera dos seus organismos autónomos, entes ou sociedades.

4. Unha memoria final de actividades, onde se faga constar unha descrición detallada da execución do programa, dos colectivos atendidos e a identificación das persoas atendidas e/ou inseridas no mercado de traballo, e coa cal se achegarán os seguintes datos:

–Relación dos demandantes de emprego atendidos e dos inseridos. A dita relación remitirase nun ficheiro informático, en formato de folla de cálculo, en que figure o nome e apelidos de cada usuario así como o seu NIF.

–Fichas de control de accións, que se corresponden coa finalización delas, asinada por cada unha das persoas desempregadas participantes no plan.

O Servizo Público de Emprego verificará o nivel de inserción efectivo que a entidade beneficiaria certifica de acordo cos termos establecidos na resolución. Se nesa verificación se comproba que a porcentaxe de inserción laboral dos usuarios atendidos é menor do obxectivo previsto no programa, a Dirección Xeral de Formación e Colocación procederá a realizar o desconto correspondente, de tal xeito que as cantidades resultantes, segundo corresponda, ben deixarán de ser aboadas pola Dirección Xeral de Formación e Colocación ou ben serán reintegradas pola entidade beneficiaria, consonte o disposto no artigo 15 desta orde.

2. En todo caso, as certificacións e xustificacións presentadas polas entidades beneficiarias deberanse axustar ao disposto no artigo 28 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 13. Publicidade.

1. Para efectos de difusión pública, no lugar onde se realicen as accións deberá figurar, de forma visible, cartel informativo, en modelo normalizado establecido e publicado pola Dirección Xeral de Formación e Colocación na páxina web institucional da Xunta de Galicia, no cal constará o cofinanciamento pola Consellería de Traballo e Benestar.

2. Todos os proxectos e produtos que se elaboren con cargo ás subvencións concedidas deberán utilizar adecuadamente as identificacións que estableza a Dirección Xeral de Formación e Colocación e, en todo caso, incluír en toda a documentación o logotipo da Xunta de Galicia de acordo co Manual de identidade corporativa (http://www.xunta.es/descarga-do-manual).

3. Os dereitos de explotación dos proxectos e produtos financiados cederanse á Dirección Xeral de Formación e Colocación, que será a garante da súa difusión e transferibilidade.

Neste sentido, e sempre que lle sexa requirido, o representante legal da entidade solicitante da subvención comprometerase por escrito a realizar esa cesión, de acordo cos requisitos establecidos no texto refundido da Lei de propiedade intelectual aprobado por Real decreto lexislativo 1/1996, do 12 de abril.

Quedan excluídas da previsión establecida neste artigo as actuacións sometidas ao ámbito de aplicación do réxime xurídico das contratacións coas administracións públicas.

Artigo 14. Seguimento das accións.

1. Sen prexuízo das facultades inspectoras que teñan atribuídas outros órganos da Administración do Estado e da Comunidade Autónoma, a Consellería de Traballo e Benestar realizará e fará públicos na súa páxina web oficial os datos de inserción das persoas beneficiarias destas subvencións para a comprobacion do cumprimento do disposto nesta orde e demais normativa vixente que resulte de aplicación.

2. Así mesmo, a Consellería de Traballo e Benestar realizará comprobacións e verificacións, presenciais e aleatorias co obxecto de avaliar cuantitativa e cualitativamente o desenvolvemento das accións previstas na presente orde en calquera das entidades beneficiarias da subvención.

Nas visitas de seguimento por parte da Consellería de Traballo e Benestar, as entidades beneficiarias facilitarán o acceso ás instalacións en que se realizan as accións, así como a toda a documentación de carácter técnico, administrativo, informático ou contable que teña relación coa subvención concedida que se lles solicite. Finalmente, elaborarase un informe que asinarán o responsable da visita e o responsable da entidade. A sinatura do responsable da entidade non implicará a conformidade co contido do informe.

3. Transcorridos seis meses desde a finalización do prazo previsto para a execución dos proxectos ou dun ano para o caso de que as persoas inseridas o sexan por conta propia, comprobarase a correspondencia da inserción laboral co acreditado na liquidación da subvención exixirase, no caso contrario, a devolución proporcional da subvención indebidamente percibida de acordo co previsto no artigo seguinte.

Artigo 15. Obrigas das entidades beneficiarias. Reintegro da subvención.

1. As entidades beneficiarias, ademais das establecidas na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvenciones de Galicia, deberán cumprir as seguintes obrigas:

a) Realizar a actividade ou adoptar o comportamento que fundamenta a concesión da subvención.

b) Someterse ás actuacións de comprobación efectuadas pola Consellería de Traballo e Benestar, e pola Inspección de Traballo e Seguridade Social, e ás de control financeiro que corresponden á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma e ás previstas na lexislación do Consello de Contas. Neste sentido deberán conservar os documentos xustificativos da aplicación dos fondos recibidos, incluídos os documentos electrónicos, mentres poidan ser obxecto das actuacións de comprobación e control.

c) Dispoñer de libros contables, rexistros dilixenciados e demais documentos debidamente auditados nos termos exixidos pola lexislación mercantil e sectorial aplicable ao beneficiario en cada caso, coa identificación en conta separada ou epígrafe específica da súa contabilidade de todos os ingresos e gastos de execución das accións realizadas, para garantir a rastrexabilidade dos pagos e o seguimento da pista de auditoría.

d) Conservar os documentos xustificativos da aplicación dos fondos recibidos, incluídos os documentos electrónicos, mentres poidan ser obxecto das actuacións de comprobación e control.

e) Comunicarlle á Consellería de Traballo e Benestar a obtención doutras subvencións, axudas, ingresos ou recursos que financien as actividades subvencionadas, así como a modificación das circunstancias que fundamenten a concesión da subvención.

f) Comunicar á Consellería de Traballo e Benestar e a oficina de emprego correspondente os datos básicos das persoas desempregadas que se incorporan ao programa integrado, así como as baixas e as novas incorporacións a el, de acordo coas instrucións para a posta en marcha dos programas.

2. O incumprimento total ou parcial de calquera das obrigas, condicións ou finalidades establecidas nesta orde, así como a falsidade comprobada en relación cos datos achegados para a súa obtención, orixinará, á vista da natureza e causas do incumprimento, a revogación ou o reintegro total ou parcial das cantidades percibidas xunto cos xuros de demora, nas condicións e de conformidade co establecido na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, sen prexuízo do establecido no Real decreto lexislativo 5/2000, do 4 de agosto, polo que se aproba o texto refundido da Lei sobre infraccións e sancións na orde social.

Artigo 16. Participación institucional.

A participación dos axentes sociais para os efectos do Servizo Público de Emprego efectuarase a través do Comité Autonómico de Emprego.

Disposición adicional primeira.

A concesión das subvencións terá como límite global o crédito asignado para este fin nesta orde, e o límite dos compromisos plurianuais que se adquiran ao abeiro do artigo 58.1.b do texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, logo da autorización do compromiso plurianual por parte do Consello da Xunta.

Disposición adicional segunda.

Apróbase a delegación de atribucións do/a titular da Consellería de Traballo e Benestar no/a director/a xeral de Formación e Colocación para conceder, autorizar, dispoñer, recoñecer a obriga e propoñer os correspondentes pagamentos así como para exixir do beneficiario o reintegro da subvencións cando aprecie a existencia dalgún dos supostos de reintegro de cantidades percibidas establecidos no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Disposición adicional terceira.

En todo o non previsto nesta disposición, será de aplicación a normativa do Ministerio de Traballo e Inmigración relativa a programas intregados para o emprego en materia de emprego (Orde TAS/2643/2003 do 18 de setembro e Orde TAS/816/2005 do 21 de marzo), así como o establecido na Lei 38/2003 do 17 de novembro, xeral de subvencións, na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o seu regulamento.

Disposición derradeira primeira.

Facúltase o/a director/a xeral de Formación e Colocación para que dite, no ámbito das súas competencias, as resolucións e instrucións necesarias para o desenvolvemento e cumprimento desta orde.

Disposición derradeira segunda.

Esta orde entrará en vigor ao día seguinte da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 12 de maio de 2011.

Beatriz Mato Otero
Conselleira de Traballo e Benestar

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file