Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 100 Mércores, 25 de maio de 2011 Páx. 11359

I. Disposicións xerais

Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

DECRETO 90/2011, do 5 de maio, polo que se modifica o Decreto 326/2004, do 29 de decembro, polo que se regulan os órganos de coordinación e asesoramento en materia de cooperación para o desenvolvemento e polo que se crea o Rexistro Galego de Axentes de Cooperación para o Desenvolvemento.

Coa aprobación polo Parlamento de Galicia da Lei 3/2003, do 19 de xuño, de cooperación para o desenvolvemento, a Comunidade Autónoma de Galicia asumiu a responsabilidade de cooperar con outros países para propiciar o seu desenvolvemento integral, contribuír á mellora das condicións de vida dos seus habitantes, aliviar e corrixir as situacións de pobreza e propiciar un desenvolvemento humano solidario e estable, que inclúa maiores cotas de liberdade e unha distribución máis xusta dos froitos do crecemento económico.

O punto 2 da disposición derradeira segunda da lei citada dispón que o seu desenvolvemento regulamentario se efectuará no prazo dun ano desde a súa entrada en vigor. Neste marco publicouse o 31 de xaneiro de 2005 o Decreto 326/2004, do 29 de decembro, polo que se regulan os órganos de coordinación e asesoramento en materia de cooperación para o desenvolvemento e polo que se crea o Rexistro Galego de Axentes de Cooperación para o Desenvolvemento.

Este decreto resultou útil para mellorar a información de que sobre os axentes de cooperación para o desenvolvemento dispón a Administración desde o ano 1994. No entanto, logo de cinco anos de xestión con esta normativa, véñense detectando unha serie de aspectos que deben ser mellorados no que fai referencia á xestión dos datos existentes no Rexistro Galego de Axentes de Cooperación para o Desenvolvemento.

Na súa virtude, por proposta do conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, logo de informe do Consello Galego de Cooperación para o desenvolvemento, e de acordo co ditame do Consello Consultivo de Galicia e logo da deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do cinco de maio de dous mil once,

DISPOÑO:

Artigo único. Modifícase o Decreto 326/2004, do 29 de decembro, polo que se regulan os órganos de coordinación e asesoramento en materia de cooperación para o desenvolvemento e o Rexistro Galego de Axentes de Cooperación para o Desenvolvemento, de conformidade co disposto no seguintes puntos:

Un. O artigo 12 queda redactado da seguinte forma:

«Artigo 12. Creación e ámbito.

1. Créase o Rexistro de Axentes de Cooperación para o Desenvolvemento de Galicia, no cal poderán inscribirse os axentes de cooperación recoñecidos no artigo 23 da Lei  3/2003, do 19 de xuño, de cooperación para o desenvolvemento.

2. Non obstante o punto anterior, non precisarán de inscrición os axentes de cooperación que sexan administracións públicas de acordo co establecido no artigo 23.1 a) da Lei 3/2003, do 19 de xuño, de cooperación para o desenvolvemento, as universidades e as comunidades galegas no exterior que consten inscritas no Rexistro de Centros e Comunidades Galegas dependente da Secretaría Xeral da Emigración.

3. O Rexistro de Axentes de Cooperación para o Desenvolvemento de Galicia depende da Dirección Xeral de Relacións Exteriores e coa Unión Europea.»

Dous. Elimínase o número 3 do artigo 13, e o número 2 do artigo 13 queda redactado da seguinte forma:

«Artigo 13. Características do rexistro.

1. A inscrición no rexistro é voluntaria. Non obstante, a inscrición será requisito para integrar as accións, actividades e iniciativas das entidades no Plan Director de Cooperación para o Desenvolvemento e nos plans anuais que o desenvolvan e para acceder ás axudas e subvencións públicas da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia.

2. Os datos do rexistro serán públicos e o acceso a eles polos cidadáns exercerase nos termos e condicións establecidas pola Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. Así mesmo, o tratamento dos datos de carácter persoal que se conteñan no Rexistro Galego de Axentes de Cooperación para o Desenvolvemento realizarase de acordo co previsto na Lei orgánica  15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal, e demais disposicións complementarias.»

Tres. O artigo 14 queda redactado da seguinte forma:

«Artigo 14. Organización do rexistro.

O Rexistro de Axentes de Cooperación para o Desenvolvemento organízase en catro seccións xerais:

a) Organizacións non gobernamentais para o desenvolvemento.

b) Empresas e organizacións empresariais.

c) Sindicatos.

d) Outros axentes sociais ou entidades que teñan entre os seus fins a realización de actividades de cooperación para o desenvolvemento.»

Catro. O artigo 15 queda redactado da seguinte forma:

«Artigo 15. Contido das inscricións das organizacións non gobernamentais de desenvolvemento.

1. As organizacións non gobernamentais de cooperación para o desenvolvemento previstas no artigo 23.1 b) da Lei 3/2003, do 19 de xuño, para a súa inscrición na sección a) do rexistro deberán acreditar que reúnen os seguintes requisitos:

a) Non ter ánimo de lucro.

b) Que nos seus estatutos se estableza entre os fins da entidade algún dos obxectivos e fins definidos no artigo 2 da Lei 3/2003, do 19 de xuño, de cooperación para o desenvolvemento.

2. No Rexistro Galego de Axentes de Cooperación para o Desenvolvemento inscribiranse os seguintes datos das organizacións non gobernamentais de desenvolvemento:

a) Os relativos á constitución da organización non gobernamental de desenvolvemento (ONGD).

b) Obxecto e fins da ONGD que se dexexa inscribir.

c) Órganos de goberno e representación da entidade e identidade das persoas que forman parte deles.

d) Acreditación de ter o seu domicilio social ou delegación permanente en Galicia e da identidade da persoa que ten a súa representación legal na comunidade autónoma.

e) NIF da entidade.

f) Organismos públicos dos cales se recibisen axudas e subvencións, obxecto destas e cantidades recibidas durante os 5 anos anteriores á inscrición.

g) Modificación de calquera dos datos que consten previamente inscritos.

h) Extinción ou disolución da organización non gobernamental para o desenvolvemento e liquidación e destino dos seus bens.

i) Declaración responsable do representante legal da entidade de que esta non se atopa inhabilitada para a percepción de axudas ou subvencións públicas.

j) Sancións administrativas firmes ditadas en aplicación da normativa reguladora de subvencións públicas de Galicia.

k) Calquera outro dato, cando así o determine a lexislación en vigor.»

Cinco. Inclúese o artigo 15 bis queda redactado da seguinte forma:

«Artigo 15 bis. Contido das inscricións das empresas e organizacións empresariais.

No Rexistro Galego de Axentes de Cooperación para o Desenvolvemento inscribiranse os seguintes datos das empresas e organizacións empresariais:

a) Os relativos á capacidade de obrar das persoas físicas e, para as persoas xurídicas, acreditada mediante a escritura ou documento de constitución, os estatutos ou acto fundacional en que consten o rexistro público que corresponda, segundo o tipo de persoa xurídica que sexa. As organizacións empresariais poderán xustificalo mediante a súa inscrición no rexistro correspondente.

b) Órganos de goberno e representación da entidade e identidade das persoas que forman parte deles.

c) Acreditación de ter o seu domicilio social ou delegación permanente en Galicia e da identidade da persoa que ten a súa representación legal na Comunidade Autónoma.

d) NIF.

e) Organismos públicos dos cales se recibisen axudas e subvencións, obxecto das mesmas e cantidades recibidas durante os 5 anos anteriores á inscrición.

f) Modificación de calquera dos datos que consten previamente inscritos.

g) Extinción ou disolución da persoa xurídica e liquidación e destino dos seus bens.

h) Declaración responsable do representante legal da entidade de que esta non se atopa inhabilitada para a percepción de axudas ou subvencións públicas.

i) Sancións administrativas firmes ditadas en aplicación da normativa reguladora de subvencións públicas de Galicia.

j) Calquera outro dato, cando así o determine a lexislación en vigor.»

Seis. Inclúese o artigo 15 ter, que queda redactado da seguinte forma:

«Artigo 15 ter. Contido das inscricións dos sindicatos.

No Rexistro Galego de Axentes de Cooperación para o Desenvolvemento inscribiranse os seguintes datos dos sindicatos:

a) Os relativos á capacidade de obrar acreditada mediante a escritura ou documento de constitución, os estatutos ou acto fundacional en que conste o rexistro público que corresponda.

b) Órganos de goberno e representación da entidade e identidade das persoas que forman parte deles.

c) Acreditación de ter o seu domicilio social ou delegación permanente en Galicia e da identidade da persoa que ten a súa representación legal na comunidade autónoma.

d) NIF.

e) Organismos públicos dos cales se recibisen axudas e subvencións, obxecto delas e cantidades recibidas durante os 5 anos anteriores á inscrición.

f) Modificación de calquera dos datos que consten previamente inscritos.

g) Extinción ou disolución da organización sindical e liquidación e destino dos seus bens.

h) Declaración responsable do representante legal da entidade de que esta non se atopa inhabilitada para a percepción de axudas ou subvencións públicas.

i) Sancións administrativas firmes ditadas en aplicación da normativa reguladora de subvencións públicas de Galicia.

j) Calquera outro dato, cando así o determine a lexislación en vigor.»

Sete. Inclúese o artigo 15 quáter, que queda redactado da seguinte forma:

«Artigo 15 quáter. Contido das inscricións de outros axentes sociais ou entidades que teñan entre os seus fins a realización de actividades de cooperación para o desenvolvemento.

No Rexistro Galego de Axentes de Cooperación para o Desenvolvemento inscribiranse os seguintes datos de outros axentes sociais ou entidades que teñan entre os seus fins a realización de actividades de cooperación para o desenvolvemento:

a) Os relativos á capacidade de obrar acreditada mediante a escritura ou documento de constitución, os estatutos ou acto fundacional en que conste o rexistro público que corresponda, segundo o tipo de persoa xurídica que sexa.

b) Fins que dexexa inscribir, que coincidirán con algún dos obxectivos e fins definidos no artigo 2 da Lei 3/2003, do 19 de xuño, de cooperación para o desenvolvemento.

c) Órganos de goberno e representación da entidade e identidade das persoas que forman parte deles.

d) Acreditación de ter o seu domicilio social ou delegación permanente en Galicia e da identidade da persoa que ten a súa representación legal na comunidade autónoma.

e) NIF.

f) Organismos públicos dos cales se recibisen axudas e subvencións, obxecto destas e cantidades recibidas durante os 5 anos anteriores á inscrición.

g) Modificación de calquera dos datos que consten previamente inscritos.

h) Extinción ou disolución da persoa xurídica e liquidación e destino dos seus bens.

i) Declaración responsable do representante legal da entidade de que esta non se atopa inhabilitada para a percepción de axudas ou subvencións públicas.

j) Sancións administrativas firmes ditadas en aplicación da normativa reguladora de subvencións públicas de Galicia.

k) Calquera outro dato, cando así o determine a lexislación en vigor.»

Oito. O artigo 16 queda redactado da seguinte forma:

«Artigo 16. Solicitude de inscrición.

1. A solicitude de inscrición no rexistro deberá presentarse nos lugares previstos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, ou segundo establece o Decreto 255/2008, do 23 de outubro, polo que se simplifica a documentación para a tramitación dos procedementos administrativos e se fomenta a utilización de medios electrónicos, no portelo electrónico 24x7 da Xunta de Galicia, e dirixirase ao centro directivo competente en materia de cooperación para o desenvolvemento asinada polo representante legal da entidade no modelo normalizado que figura como anexo II, xunto coa seguinte documentación orixinal ou fotocopia compulsada:

1.1.No caso das ONGD.

a) Poder notarial, certificado expedido pola secretaría da ONGD ou calquera outro medio admitido en dereito que acredite a representación legal da persoa solicitante.

b) Poder notarial, certificado expedido pola Secretaría da ONGD ou calquera outro medio admitido en dereito que acredite o nomeamento da persoa representante da entidade en Galicia.

c) Acordo de creación da ONGD e dos seus estatutos se é a primeira inscrición en calquera rexistro da Administración da comunidade autónoma. As entidades xa inscritas noutro rexistro indicarano xunto co código e a data de inscrición.

d) Tarxeta de identificación fiscal da entidade.

e) Acreditación de ter o seu domicilio social ou delegación en Galicia.

f) Certificación da secretaría en relación á aprobación do último orzamento anual e á última liquidación do exercicio económico, así como copia da dita liquidación.

g) Declaración responsable da persoa representante legal da entidade de que esta non se atopa inhabilitada para a percepción de axudas ou subvencións públicas.

h) Certificado de inscrición no rexistro correspondente, cando for o caso.

i) Documento acreditativo do pagamento da taxa correspondente.

1.2. No caso das empresas e organizacións empresariais, sindicatos e demais axentes de cooperación:

a) Poder notarial, certificado expedido pola representación legal da entidade ou calquera outro medio admitido en dereito que acredite a representación legal da persoa solicitante

b) Poder notarial, certificado expedido pola representación legal da entidade ou calquera outro medio admitido en dereito que acredite o nomeamento da persoa representante da entidade en Galicia.

c) Documento que acredite a súa personalidade xurídica. As entidades xa inscritas noutro rexistro indicarano xunto co código e a data de inscrición.

d) Tarxeta de identificación fiscal da entidade.

e) Acreditación de ter o seu domicilio social ou delegación en Galicia.

f) Certificación da representación legal en relación á aprobación, se for o caso, das contas anuais, así como copia destas.

g) Declaración responsable da persoa representante legal da entidade de que esta non se atopa inhabilitada para a percepción de axudas ou subvencións públicas.

h) Certificado de inscrición no rexistro correspondente, no seu caso.

i) Memoria anual que inclúa, cando sexa o caso, as accións realizadas pola empresa en materia ambiental, social ou laboral.

j) Documento acreditativo do pagamento da taxa correspondente.

2. Ao abeiro do establecido nos artigos 2 e 3 do Decreto 255/2008, do 23 de outubro, polo que se simplifica a documentación para a tramitación dos procedementos administrativos e se fomenta a utilización de medios electrónicos, e na orde da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, do 7 de xullo de 2009, que o desenvolve, a presentación da solicitude polo interesado implicará a autorización á Dirección Xeral de Relacións Exteriores e coa Unión Europea para a consulta dos seus datos no sistema de verificación de datos de identidade.

Non obstante, o/a solicitante poderá denegar expresamente o consentimentoe deberá entón entregar a fotocopia compulsada do documento de identidade correspondente.

3. Cando do exame da documentación presentada resultar falta ou defecto nela, requirirase o representante legal para que nun prazo de dez días emende a falta ou presente os documentos preceptivos, con indicación de que, se así non o fixer, se considerará desistido da súa petición, logo de resolución que será ditada nos termos previstos no artigo 42, da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.»

Nove. O artigo 17 queda redactado da seguinte forma:

«Artigo 17. Tramitación.

1. O centro directivo competente na materia, unha vez recibida a solicitude, requirirá, se é o caso, a documentación precisa dos rexistros da Administración autonómica en que figure inscrita a entidade.

2. En calquera momento, logo de requirimento cursado para o efecto, presentarase a documentación complementaria ou aclaratoria que se coide necesaria para a comprobación da exactitude e certeza dos datos fornecidos.

3. Cando no procedemento consten outros feitos, alegacións ou probas non aducidos polo interesado, con carácter previo á redacción da proposta de resolución, conferiráselle a aquel trámite de audiencia, nos termos previstos no artigo 84 da Lei 30/1992, do 19 de xuño, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.»

Dez. O artigo 18 queda redactado da seguinte forma:

«Artigo 18. Denegación da inscrición.

Denegarase a inscrición se o axente de cooperación para o desenvolvemento non reúne os requisitos establecidos na Lei 3/2003, do 6 de xuño, de cooperación para o desenvolvemento, ou se non presenta adecuadamente a documentación exixida no artigo anterior.»

Once. O artigo 19 queda redactado da seguinte forma:

«Artigo 19. Modificación dos datos inscritos.

1. Os axentes de cooperación estarán obrigados a comunicar ao rexistro calquera alteración respecto dos documentos e/ou datos rexistrados, no prazo de dous meses desde que se produza.

2. O centro directivo competente, cando reciba a comunicación prevista no parágrafo anterior, realizará de oficio as modificacións dos datos ou novas circunstancias producidas, sempre que se manteña o cumprimento dos requisitos establecidos neste decreto para a inscrición da entidade.

3. Anualmente o centro directivo competente, de oficio, solicitará aos representantes legais das entidades que remitan certificación da secretaría daquelas relativa á renovación dos órganos de goberno ou administración, da variación na representación legal da entidade e dos acordos de aprobación do orzamento anual e da liquidación do exercicio económico.

4. A falta de comunicación da modificación dos datos inscritos a que se refire o artigo 16 deste decreto terá como efecto a suspensión provisoria da inscrición, que podería derivar en cancelación definitiva, previo trámite de audiencia de acordo co previsto no artigo seguinte.

5. A modificación dos datos correspondentes ao cambio na forma xurídica dunha entidade que supoña a extinción da primeira e a creación doutra ou doutras cos mesmos obxectivos e fins suporá a apertura dun novo asento no rexistro, o que non afectará a conservación por parte das novas entidades da antigüidade de inscrición da entidade primitiva para os efectos da concorrencia ás convocatorias de subvencións en materia de cooperación para o desenvolvemento.»

Doce. O artigo 20 queda redactado da seguinte forma:

«Artigo 20. Cancelación da inscrición.

A inscrición dun axente de cooperación para o desenvolvemento poderá ser cancelada, por instancia de parte interesada ou de oficio, nos seguintes casos:

a) Por extinción ou disolución da entidade.

b) Por incumprimento reiterado dos fins e obrigas establecidos na Lei 3/2003, do 19 de xuño, de cooperación para o desenvolvemento, ou das previstas neste decreto.

c) Por inactividade da entidade por un período de tres anos, debidamente probada.

d) Por incumprimento da obriga de comunicar e acreditar calquera modificación da documentación achegada para a inscrición rexistral, de conformidade co disposto no artigo 15 deste decreto.

e) Por vontade propia.

f) Por falsidade, declarada por sentenza xudicial firme, de datos ou documentos que constasen na inscrición.»

Trece. Engádese o artigo 21, que queda redactado da seguinte forma:

«Artigo 21. Resolución dos procedementos de inscrición, modificación e cancelación.

1. O titular do órgano directivo competente na materia de cooperación ao desenvolvemento é o competente para ditar as resolucións de inscrición, modificación ou cancelación da inscrición no Rexistro de Axentes de Cooperación.

2. O prazo máximo para resolver e notificar a resolución de inscrición e de modificación da inscrición será de tres meses contados desde a data en que a solicitude tivo entrada no rexistro do órgano competente para resolver. Transcorrido o prazo máximo sen terse notificado a resolución expresa, o interesado poderá entender estimada a súa solicitude.

3. A resolución de inscrición sinalará o numero de rexistro asignado e terá carácter de declarativo.

4. O prazo para resolver e notificar a cancelación da inscrición será de tres meses contados desde a data en que a solicitude tivo entrada no rexistro do órgano competente para resolver cando o expediente de cancelación da inscrición se iniciou a instancia de parte, ou desde a data do acordo de iniciación cando se iniciou de oficio. Transcorrido o prazo máximo sen terse notificado a resolución expresa, o interesado poderá entender aceptada a súa solicitude, salvo nos expedientes iniciados de oficio, nos cales, de conformidade co artigo 43.2 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, se producirá a caducidade.»

Catorce. Disposición transitoria.

Os axentes de cooperación deberán adecuar a súa inscrición no rexistro nos seis meses seguintes á entrada en vigor deste decreto. Para este fin, a unidade administrativa responsable do rexistro revisará as inscricións anteriores á entrada en vigor deste decreto de sorte que, se faltar algún requisito dos provistos regulamentariamente, dará traslado ao axente de cooperación correspondente para que proceda á súa regularización.

Quince. Redáctanse as seguintes disposicións derradeiras.

Disposición derradeira primeira.

Facúltase o conselleiro con competencias en materia de cooperación exterior para ditar cantas disposicións sexan necesarias para o desenvolvemento e execución deste decreto.

Disposición derradeira segunda.

Este decreto entrará en vigor aos vinte días da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, cinco de maio de dous mil once.

Alberto Núñez Feijóo
Presidente

Alfonso Rueda Valenzuela
Conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

missing image file
missing image file
missing image file