Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 100 Mércores, 25 de maio de 2011 Páx. 11403

III. Outras disposicións

Escola Galega de Administración Pública

RESOLUCIÓN do 12 de maio de 2011 pola que se convoca o curso superior de técnico de urbanismo 2011.

Conforme aos fins que lle asigna a este centro a normativa que o regula (Lei 4/1987, do 27 de maio, de creación da Escola Galega de Administración Pública, modificada pola Lei 10/1989, do 10 de xullo), a EGAP convoca o curso superior de técnico de urbanismo 2011.

1. Obxectivos.

O curso pretende que os alumnos adquiran os coñecementos teórico-prácticos e habilidades que os capaciten para actuar no mundo do urbanismo e responsabilizarse dos procesos de xestión do solo. Para tal efecto partirase da análise e o estudo pormenorizado da normativa de ordenación do territorio e urbanística, con especial atención á autonómica galega, combinando o estudo dos fundamentos teóricos cunha completa formación práctica que, no ámbito da ordenación do territorio e urbanístico, se fai imprescindible.

2. Contido.

O curso estrutúrase nos seguintes módulos:

–Módulo I: a escala territorial (44 horas teóricas e 44 horas prácticas).

–Módulo II: o planeamento urbanístico (44 horas teóricas e 44 horas prácticas).

–Módulo III: xestión e disciplina urbanística (60 horas teóricas e 28 horas prácticas).

3. Prazas: 46.

4. Destinatarios.

4.1. A metade das prazas (23) ten como destinatarios os empregados/as públicos/as das administracións públicas de Galicia, tanto autonómica como local e das universidades do sistema universitario de Galicia que cumpran os seguintes requisitos:

Pertencer ao grupo A (subgrupos A1 e A2) do persoal funcionario, ou aos grupos I e II do persoal laboral.

Este curso valorarase con 1,5 puntos a aqueles/as alumnos/as que fosen considerados aptos ao finalizar este e, polo tanto, teñan dereito a certificado de aproveitamento, sempre que cumpran os requisitos para a aplicación do establecido na Resolución do 26 de outubro de 1994, do Instituto Nacional de Administración Pública, pola que se establecen, de acordo coas comunidades autónomas, os criterios de recoñecemento e valoración dos cursos de formación e perfeccionamento de Administración local, en cumprimento do establecido na orde do Ministerio para as Administracións Públicas, do 10 de agosto de 1994, da Resolución do 30 de novembro de 1994, do Instituto Nacional de Administración Pública, pola que se corrixen erros da Resolución do 26 de outubro de 1994 e conforme o establecido no Decreto 49/2009, do 26 de febreiro, sobre o exercicio das competencias da Comunidade Autónoma de Galicia respecto dos/as funcionarios/as con habilitación de carácter estatal (DOG n.º 52, do 16 de marzo).

4.2. Poderán optar á outra metade das prazas (23) os profesionais que dispoñan do título de doutoramento, licenciatura, diplomatura, grao, arquitectura, enxeñaría, arquitectura técnica ou enxeñaría técnica.

Incluiranse, tamén, neste grupo todas as persoas contratadas polas administracións públicas (por exemplo, contrato de servizos) que reúnan os requisitos do parágrafo anterior e que non teñan a condición de empregados públicos.

As prazas de calquera dos grupos que non sexan cubertas acumularanse ás do outro.

5. Pagamento da matrícula.

5.1. O importe da matrícula é de mil novecentos oitenta euros (1.980 €) para todos aqueles solicitantes que cumpran as condicións prescritas no punto 4.1 e que, ademais, no desenvolvemento do seu traballo habitual realicen tarefas que estean vinculadas directamente co urbanismo.

O importe anterior poderase facer efectivo na súa totalidade no momento de formalizar a matrícula ou en dous prazos. Neste último caso, o 60% do total (1.188 €) pagarase ao matricularse e o 40% restante (792 €) farase efectivo entre o 1 e o 15 de febreiro de 2012.

5.2. O importe da matrícula é de tres mil novecentos sesenta euros (3.960 €) para os demais solicitantes.

Ao igual que no punto anterior, este importe poderase facer efectivo na súa totalidade no momento de formalizar a matrícula ou en dous prazos. Neste último caso, o 60% do total (2.376 €) pagarase ao matricularse e o 40% restante (1.584 €) farase efectivo entre o 1 e o 15 de febreiro de 2012.

O pagamento da matrícula deberá efectuarse dentro dos 5 días seguintes á comunicación por parte da EGAP da aceptación do alumno no curso.

6. Forma de pagamento.

A EGAP comunicará ao alumnado admitido no curso o prazo así como o modo para a formalización da matrícula.

A EGAP non procederá á devolución das cantidades aboadas en concepto de matrícula no caso de renuncia ou abandono unha vez iniciado o curso.

7. Incumprimento dos prazos de pagamento.

As persoas matriculadas que non fagan efectivo o importe total dos dereitos de inscrición dentro dos prazos marcados para cada caso perderán a súa condición de alumnos deste curso e non terán dereito á devolución das contías ingresadas con anterioridade.

8. Prazo de inscrición e presentación de instancias.

O prazo para inscrición será de 20 días naturais contados a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.

Para inscribirse, as persoas interesadas deberán cubrir a instancia curricular que para ese efecto figurará na páxina web da EGAP, no seguinte enderezo: http://egap.xunta.es/cursoUrbanismo.

Ás persoas admitidas solicitaráselles que presenten os seguintes documentos:

a) Se os peticionarios son empregados/as públicos/as:

–Certificado expedido polo/a responsable de persoal do organismo de que dependa o/a solicitante no cal se indique a situación profesional deste/a con indicación das funcións que realiza e que estean relacionadas co obxecto do curso.

–Documentación acreditativa dos méritos incluídos na instancia curricular.

b) Para o resto dos peticionarios:

–Orixinal ou copia debidamente cotexada da titulación de doutoramento, licenciatura, diplomatura, grao, arquitectura, enxeñaría, arquitectura técnica ou enxeñaría técnica.

–Documentación acreditativa dos méritos incluídos na instancia curricular.

Toda a documentación remitida polos solicitantes que non sexa orixinal terá que estar debidamente compulsada.

Poderase pedir a aclaración en todo momento dos méritos presentados. Os méritos que se inclúan na ficha curricular deberán estar convenientemente acreditados. A non presentación dos documentos acreditativos dos citados méritos dará lugar á exclusión do curso do solicitante previamente seleccionado.

9. Criterios de selección.

Os participantes serán seleccionados por unha comisión técnica independente, designada para o efecto, cuxa composición será publicada no portal web da EGAP. A comisión seleccionará os candidatos con discrecionalidade técnica e independencia con respecto aos órganos directivos da EGAP.

Os criterios selectivos para a admisión neste curso serán os seguintes:

a) Se os solicitantes son empregados/as públicos/as:

Darase prioridade a aqueles casos en que exista unha relación directa entre as tarefas que realiza o traballador no desempeño do seu posto de traballo e as materias obxecto deste curso, o que se acreditará mediante as certificacións e documentación curricular correspondentes. Ademais, valoraranse os seguintes méritos vinculados coa materia obxecto da convocatoria: cursos de urbanismo (impartidos ou realizados), experiencia profesional relacionada co urbanismo (independentemente, se é o caso, da derivada do seu actual posto de traballo), publicacións na materia, etc.

En todo caso, esta convocatoria rexerase subsidiariamente polos criterios de participación nas actividades docentes da EGAP (DOG n.º 7, do 10 de xaneiro de 2008).

b) Se os solicitantes son profesionais non empregados públicos:

Darase prioridade a aqueles solicitantes que acrediten documentalmente que a súa actividade profesional ten relación directa coa ordenación do territorio e/ou urbanismo e que, ademais, poidan demostrar, por medio do seu currículo, unha constatada experiencia neste campo. Valoraranse os seguintes méritos vinculados coa materia expresada: doutoramento; cursos de urbanismo; formar parte de equipos redactores de planificación en xeral e de documentos de xestión e desenvolvemento urbanístico; asistencia técnica a concellos e docencia na materia.

A comisión poderá establecer cotas para garantir o carácter interdisciplinario e interadministrativo nos grupos de traballo que se establezan, de acordo coas solicitudes recibidas. Así mesmo, resolverá as alegacións e reclamacións que se puidesen suscitar.

10. Publicación da lista de seleccionados e prazo de presentación de alegacións.

A lista de seleccionados publicarase no taboleiro de anuncios e na páxina web da EGAP (http://egap.xunta.es). O prazo para a presentación de alegacións será de tres días hábiles a partir da data de publicación, todo isto de acordo co disposto no artigo 59.6.b) da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

11. Lista de espera.

A comisión fixará unha lista de espera por orde de preferencia no proceso selectivo para cubrir as posibles vacantes daquelas persoas seleccionadas que causen baixa antes do inicio do curso ou no transcurso das primeiras vinte e catro horas lectivas deste. As persoas que non figuren na devandita lista de espera encóntranse nun posto máis afastado na lista de reservas ou foron excluídas por algunha das causas establecidas nas bases da convocatoria.

12. Certificado de aproveitamento.

Para a superación deste curso e a obtención do certificado de aproveitamento, os alumnos deberán presentar dous traballos e superar tres exames tipo test. Un dos traballos farase en grupo e elaborarase baixo a dirección dos monitores dos obradoiros durante o período docente; o traballo individual tratará sobre unha materia relacionada coa actividade obxecto do curso. A proposta de titor e de título do traballo individual deberá ser aprobada previamente polos directores do curso. Ambos os traballos serán obxecto de exposición pública e o traballo individual será avaliado por un tribunal designado para o efecto.

O prazo de entrega dos traballo fixarase durante a realización do curso e será comunicado aos alumnos coa suficiente antelación. Se tras a exposición pública do traballo individual, o tribunal considera que non ten unha calidade mínima, o alumno poderá presentar de novo o traballo unha soa vez na data que a dirección do curso lle indique.

Ao remate de cada módulo os alumnos deberán superar un test de 25 preguntas con 4 posibles respostas, das que deberán escoller unha; valoraranse negativamente as erróneas e exixiranse un mínimo do 60% do total de preguntas acertadas para a superación do test. Os alumnos deberán aprobar a totalidade dos exames para obter o certificado de aproveitamento. Os que non superen algún dos exames poderán presentarse unha segunda vez antes da lectura do traballo individual. Os que non superen a totalidade dos exames poderán presentarse de novo na seguinte convocatoria do curso.

Unicamente poderá autorizarse a ausencia por causas xustificadas, pero baixo ningún concepto poderá superar o 15% das horas lectivas. Toda ausencia deberá ser sempre motivada e xustificada ante a EGAP.

Non se expedirán certificados de asistencia sen ter superado o curso.

13. Desenvolvemento.

O curso desenvolverase na EGAP, rúa Madrid 2-4, polígono das Fontiñas, Santiago de Compostela, entre o 22 de setembro de 2011 e o 14 de xuño de 2012.

Terá unha duración de 264 horas que se distribuirán a razón de oito horas por semana, ordinariamente os xoves de 10.00 h a 14.30 h e de 16.00 h a 20.00 h. A duración do traballo individual cífrase en 86 horas, polo que no certificado final consignaranse 350 horas.

Durante a realización deste curso levarase a cabo un control permanente da asistencia mediante os sistemas que se establezan para o efecto. Os alumnos terán que acreditar mediante a súa sinatura a súa asistencia a cada unha das sesións académicas e ao obradoiro.

14. Modificacións e incidencias.

A EGAP reserva para si a facultade de modificar o programa e de resolver as cuestións que puidesen xurdir no desenvolvemento deste curso, así como de cancelalo (se o escaso número de solicitudes non xustificase a súa realización).

Corresponde á dirección do curso resolver as incidencias de carácter xeral que poidan producirse durante o desenvolvemento do curso.

A realización deste curso queda condicionada á formalización de matrículas, así como ao pagamento de, polo menos, o seu primeiro prazo, por un importe que a dirección da EGAP considere suficiente para o financiamento do curso. No caso de que, por insuficiencia de matrículas, non sexa posible a realización do curso, a EGAP procederá á devolución das cantidades aboadas.

Santiago de Compostela, 12 de maio de 2011.

Pablo Figueroa Dorrego
Director da Escola Galega de Administración Pública