Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 102 Venres, 27 de maio de 2011 Páx. 11934

III. Outras disposicións

Consellería de Educación e Ordenación Universitaria

ORDE do 13 de maio de 2011 pola que se convoca a selección de plans de autoavaliación e mellora da calidade da educación en centros educativos para o curso 2011-2012.

A mellora da calidade da educación constitúe un dos piares da Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación (LOE), que a define como un dos seus principios fundamentais xunto coa exixencia da equidade da súa repartición. Así, sinala que se debe garantir unha igualdade efectiva de oportunidades, prestando os apoios necesarios tanto ao alumnado que o requira como aos centros en que está escolarizado, con vistas á mellora do nivel educativo, cunha permanente vocación de mellora, de adaptación ás demandas do contorno e ao servizo dunha formación integral.

O Decreto 332/2009, do 11 de xuño, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, dispón no seu artigo 7 que a Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa ten entre as súas funcións o deseño de instrumentos e posta en práctica dos procesos de avaliación do sistema educativo.

No punto 5 do artigo 7, asígnase á Subdirección Xeral de Inspección, Avaliación e Calidade do Sistema Educativo, entre outras, a realización das accións de avaliación xeral e de mellora do sistema educativo non universitario de Galicia, e no punto 5.2 do mesmo artigo sinálase como unha das funcións do Servizo de Avaliación e Calidade do Sistema Educativo a elaboración e coordinación dos plans de avaliación dos centros e de mellora da calidade.

Como unha acción encamiñada a cumprir os obxectivos da LOE, convócanse plans en centros educativos coa finalidade de contribuír a que estes incorporen progresivamente unha cultura de autoavaliación e mellora continua na súa organización e nas súas propostas pedagóxicas, servíndose para iso do establecemento de proxectos propios xestionados de maneira autónoma.

Polo exposto, esta consellería

DISPÓN:

Artigo 1. Obxecto, finalidade e ámbito de aplicación.

1. Esta orde ten por obxecto regular as condicións e o procedemento de participación dos centros educativos nos plans de autoavaliación e mellora da calidade da educación para o curso escolar 2011-2012, coa finalidade de fomentar prácticas de avaliación interna, identificar puntos fortes e débiles da institución e pór en marcha medidas conducentes á súa optimización ou mellora.

2. Poderán participar nesta convocatoria os centros docentes de titularidade da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria que impartan as ensinanzas reguladas na Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación.

Artigo 2. Aspectos xerais.

1. Os centros participantes deberán realizar unha avaliación interna sobre o grao de desenvolvemento das competencias básicas descritas no currículo, e proporán a posta en marcha dun plan de mellora delas contextualizado ao seu centro.

2. O proxecto de autoavaliación e mellora debe contar coa aprobación do claustro de profesores e do consello escolar. A dita aprobación supón o seu compromiso para facilitar a posta en práctica do proxecto.

3. O profesorado participante no proxecto suporá, cando menos, un terzo do número total do profesorado do claustro. Unha das persoas participantes, con destino definitivo no centro, realizará a coordinación do proxecto. A súa función consistirá en dinamizar e impulsar este, elaborar as actas das reunións, servir de interlocutor coa Administración educativa e redactar a memoria final coa colaboración dos restantes participantes.

4. As actividades de mellora propostas deberán figurar na programación xeral anual do centro.

5. Os centros con plans de mellora da calidade da educación seleccionados deberán presentar ao remate da súa realización unha memoria final, segundo o indicado no artigo 12 desta orde.

Artigo 3. Liñas de traballo.

As liñas de traballo estarán en relación co desenvolvemento das competencias básicas no currículo dos centros, é dicir, co desenvolvemento da:

a) Competencia en comunicación lingüística.

b) Competencia matemática.

c) Competencia no coñecemento e na interacción co mundo físico.

d) Tratamento da información e competencia dixital.

e) Competencia social e cidadá.

f) Competencia para aprender a aprender.

g) Autonomía e iniciativa persoal.

Artigo 4. Documento de síntese da avaliación interna.

1. O centro realizará un proceso de avaliación interna en relación cunha das liñas de traballo citadas no artigo anterior. O Dito proceso recollerase nun documento síntese en que, cando menos, se reflectirán as seguintes alíneas:

a) Recollida de información sobre o desenvolvemento das competencias do alumnado do centro, tanto da derivada da avaliación de diagnóstico como das avaliacións propias realizadas polo centro.

b) Análise dos resultados anteriores, detallando a metodoloxía empregada.

c) Conclusións xerais derivadas da análise anterior.

d) Concreción da liña de traballo sobre a que se pretende profundar e que se considera, dadas as peculiaridades de cada centro, que é a que máis repercute na súa calidade.

e) Aspectos susceptibles de mellora.

2. No desenvolvemento da avaliación interna, os centros que o dexexen poderán solicitar información e apoio aos centros de formación e recursos (CFR) dos cales dependan.

3. A realización da avaliación interna é requisito previo á elaboración do plan de mellora da calidade do centro.

Artigo 5. Elaboración do plan de mellora da calidade da educación.

1. Finalizado o proceso de autoavaliación a que se refire o artigo 2.1, os centros deberán presentar un plan de mellora da calidade da educación coherente con ela, cunha extensión máxima de 20 páxinas que, cando menos, deberá incluír:

a) Título do proxecto.

b) Breve resumo do proxecto e xustificación del en relación coa avaliación interna realizada.

c) Obxectivos.

d) Actuacións que se van desenvolver, detallando responsables, recursos e temporalización.

e) Necesidades formativas e orzamentarias.

f) Criterios e indicadores para o seguimento e avaliación do plan.

g) Relación nominal de participantes, con indicación expresa da persoa coordinadora.

2. No deseño e desenvolvemento do plan de mellora, os centros que o dexexen poderán solicitar información e apoio aos centros de formación e recursos (CFR) dos cales dependan. A supervisión e avaliación destes plans corresponde á Inspección educativa.

3. O desenvolvemento do plan de mellora da calidade da educación dará comezo non máis tarde do 4 de outubro de 2011.

Artigo 6. Solicitudes e prazo de presentación.

1. Ás solicitudes, segundo o modelo de instancia do anexo I desta orde, deberá xuntárselles a seguinte documentación:

a) Certificacións da aprobación por parte do claustro de profesores e do consello escolar da asunción dos compromisos necesarios para a participación nesta convocatoria, segundo os modelos dos anexos II e III.

b) Documento de síntese da avaliación interna realizada polo centro, de acordo co artigo 4 da convocatoria.

c) Plan de mellora da calidade da educación proposto, segundo se recolle no artigo 5 da convocatoria.

2. As instancias e demais documentación, dirixidas ao director xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, deberán presentarse no rexistro xeral da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria; edificio administrativo San Caetano, s/n, 15781, Santiago de Compostela, ou nos lugares e na forma previstos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. Se a solicitude fose remitida por correo, será necesaria a súa presentación en sobre aberto para que o funcionario de correos poida facer constar o selo e a data antes de proceder á súa certificación.

3. O prazo de presentación de instancias finalizará o día 30 de xuño de 2011.

A Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa poderá requirir do centro solicitante cantos documentos e aclaracións considere necesarios para complementar o expediente, e tamén poderá dispor que se leven a cabo as comprobacións oportunas dos datos achegados polos peticionarios.

Artigo 7. Dotación orzamentaria.

1. As dotacións económicas correspondentes a estes plans de mellora da calidade da educación realizaranse con cargo á aplicación orzamentaria 09.04.423A.640.3 dos orzamentos da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria para o ano 2011, por un importe global de 125.000 €, dos cales 62.500 € serán con cargo ao orzamento do ano 2011 e 62.500 € ao orzamento do ano 2012.

2. Cada centro seleccionado recibirá ata un máximo de 4.000 €, segundo a adaptación do proxecto aos criterios desta orde e logo da análise das súas necesidades.

3. O importe concedido a cada centro seleccionado deberá destinarse a sufragar gastos que estean debidamente xustificados no proxecto. Os gastos poderán corresponderse co pagamento de relatorios de persoas expertas, alleas ao centro educativo, que asesoren no desenvolvemento do plan de mellora, gastos de axuda de custo deses relatores, gastos de material funxible, gastos de adquisición de libros, DVD. En ningún caso se utilizarán para a adquisición de materiais inventariables.

4. As cantidades asignadas por esta convocatoria serán transferidas aos centros educativos en dous pagamentos. O primeiro pagamento, ata un máximo do 50% do orzamento concedido, farase efectivo no último trimestre de 2011. O segundo pagamento, correspondente ao resto da axuda concedida e ata un máximo do 50%, realizarase en 2012, unha vez completadas as actividades e presentada a memoria final a que se fai referencia no artigo 12 desta convocatoria.

Artigo 8. Recoñecemento da actividade.

1. Para efectos de recoñecemento, os plans de autoavaliación e mellora da calidade da educación considéranse programas de innovación educativa, segundo o establecido na Orde do 1 de marzo de 2007 (DOG do 11 de abril) pola que se regula a convocatoria, recoñecemento, certificación e rexistro das actividades de formación permanente do profesorado e se establecen as equivalencias das actividades de investigación e innovación e das titulacións.

2. A certificación expedida aos participantes recollerá a súa consideración de actividade de innovación educativa. Así mesmo, farase constar nela o número de horas de formación permanente do profesorado que se lle recoñecen.

3. Á persoa que desenvolva funcións de coordinación faráselle constar este particular na súa certificación.

4. Tal e como se reflicte no artigo 12.1, a comisión de selección determinará a equivalencia en horas de formación do profesorado que se recoñecerán e certificarán aos participantes, ata un máximo de 50 horas.

Artigo 9. Comisión de selección.

1. A selección dos proxectos será realizarada por unha comisión integrada polos seguintes membros:

a) Presidencia: o director xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa ou persoa en quen delegue.

b) Vogais: ata un máximo de catro con categoría de subdirector xeral, xefe de servizo ou membro da Inspección educativa.

c) Secretaría: unha persoa funcionaria da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, que actuará con voz e sen voto.

2. A percepción de asistencias desta comisión de selección aterase á categoría correspondente segundo o disposto no Decreto144/2001, do 7 de xuño, sobre indemnizacións por razón do servizo ao persoal con destino na Administración autonómica de Galicia.

3. A comisión poderá dispoñer a constitución dunha comisión técnica para os efectos de elaboración de informes sobre os plans de mellora presentados.

Artigo 10. Criterios de selección dos proxectos.

1. Darase prioridade á selección dos proxectos que posúan as seguintes características, que se valorarán coas seguintes porcentaxes:

a) Grao de implicación do claustro e do equipo directivo no plan e a súa previsible repercusión na mellora da calidade do centro: 30%.

b) Viabilidade do plan de mellora trazado: 30%.

c) Rigor no deseño, na recolla de datos e na análise da avaliación interna: 20%.

d) Grao de coherencia entre os resultados da avaliación realizada e o proxecto presentado: 20%.

Artigo 11. Resolución.

1. A comisión de selección, unha vez valoradas as solicitudes presentadas, emitirá unha proposta provisional de resolución que incluirá aqueles plans que mellor se adecuen ás bases da convocatoria, indicando as cantidades asignadas a cada un deles e a equivalencia en horas de formación do profesorado que se recoñecerán e certificarán aos participantes.

2. Esta proposta provisional farase pública no portal educativo da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria no seguinte enderezo electrónico: http://www.edu.xunta.es

3. A partir do día seguinte ao da publicación desta proposta, abrirase un prazo de dez días naturais co fin de que se poidan presentar cantas alegacións se consideren oportunas. No mesmo prazo poderá realizarse a renuncia á participación na convocatoria. Unha vez revisadas as reclamacións, a comisión elevará a proposta definitiva ao conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria para a resolución que proceda.

4. A resolución, ditada polo conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria e que incluirá a listaxe de centros seleccionados, publicarase no Diario Oficial de Galicia no prazo máximo de seis meses contados desde o día seguinte ao do remate do período de solicitudes.

5. No suposto de que non recaese resolución expresa dentro do prazo máximo previsto, os solicitantes deberán entender desestimadas as súas peticións.

Artigo 12. Memoria final.

1. Antes do 30 de maio de 2012, os centros presentarán unha memoria final do plan de mellora da calidade da educación executado, dirixida ao director xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa. O incumprimento desta obriga supón a invalidación da totalidade do proxecto para os efectos do recoñecemento dos méritos dos participantes.

2. A memoria irá acompañada dunha certificación da secretaría do centro por proposta da persoa coordinadora e co visto e prace da dirección, na cal se fará constar a relación do profesorado que participou no proxecto e a persoa que desenvolveu as funcións de coordinación. As actas das reunións realizadas xuntaranse como anexo á memoria.

3. A memoria final deberá recoller, cando menos:

a) O grao de consecución dos obxectivos propostos.

b) As actuacións desenvolvidas en relación con eles.

c) As actividades de formación organizadas.

d) A avaliación realizada, con indicación do logro dos indicadores establecidos no plan.

e) O grao de implicación do centro e da comunidade educativa, así como unha valoración global do proxecto e as previsións de futuro.

f) Relación de gastos realizados, con indicación da tipoloxía de gastos e importes. Deberá estar asinada polo director/a e polo secretario/a do centro.

4. Os centros xustificarán os gastos da achega económica outorgada de acordo co establecido no Decreto 201/2003, do 20 de marzo, polo que se desenvolve a autonomía na xestión económica nos centros docentes públicos non universitarios (DOG do 4 de abril). As achegas terán a consideración de partida finalista; polo tanto, requirirán unha xustificación individual, de xeito que se farán constar os ingresos, os gastos e o remanente específico que se incorpora ao ano 2012, de ser o caso. Os gastos teñen que realizarse na súa totalidade antes do 30 de maio de 2012. A xustificación consistirá, en relación co primeiro prazo de pagamento, nunha certificación emitida polo consello escolar datada con anterioridade ao 31 de decembro de 2011, segundo o anexo b) que se obtén da aplicación informática (xecocentros) do portal educativo www.edu.xunta.es, e unha segunda certificación do mesmo órgano, referida ao importe do segundo pagamento e datada con anterioridade ao 31 de decembro de 2012, tamén segundo o anexo b).

5. A non entrega da memoria final, incluíndo a xustificación do gasto no prazo sinalado, poderá ser causa de revogación das cantidades asignadas; o centro deberá proceder ao reintegro da cantidade percibida, sen prexuízo das responsabilidades que se lle poidan exixir.

6. O incumprimento total ou parcial dos plans ou das condicións que se tiveron en conta para a súa concesión poderá dar lugar á anulación ou modificación da contía do importe concedido.

Artigo 13. Compromisos da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria e dos centros docentes candidatos.

1. A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria gardará a debida confidencialidade sobre os resultados das avaliacións que se efectúen a centros docentes, con ocasión do desenvolvemento do previsto nesta convocatoria.

2. O seguimento dos plans poderá incluír visitas aos centros polo persoal que determine a Subdirección Xeral de Inspección, Avaliación e Calidade do Sistema Educativo.

3. Os centros seleccionados comprométense a participar nas accións de difusión de boas prácticas que organice a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria. Así mesmo, prestarán a súa autorización para a publicación, se é o caso, das memorias.

4. A presentación da solicitude de participación nesta convocatoria supón a completa aceptación destas bases.

Artigo 14. Recursos.

Contra esta orde poderase recorrer potestativamente mediante recurso de reposición ante o conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, no prazo dun mes, a partir do día seguinte ao da data de publicación no Diario Oficial de Galicia, conforme o disposto nos artigos 116 e 117 da Lei 30/1992, coas modificacións da Lei 4/1999, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, ou ben directamente mediante o recurso contencioso-administrativo, ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses, de conformidade co artigo 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Disposicións derradeira primeira. Facúltase a Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa para ditar as resolucións necesarias para o desenvolvemento desta orde.

Disposición derradeira segunda. Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 13 de maio de 2011.

Jesús Vázquez Abad
Conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria

missing image file
missing image file
missing image file