Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 102 Venres, 27 de maio de 2011 Páx. 11980

III. Outras disposicións

Consellería de Traballo e Benestar

ORDE do 20 de maio de 2011 pola que se establecen as bases reguladoras do réxime de axudas e subvencións ás empresas cualificadas como iniciativas locais de emprego (ILES), cofinanciadas polo Fondo Social Europeo, e se procede á súa convocatoria para o ano 2011.

No marco establecido no artigo 40 da Constitución española; na Lei 56/2003, do 16 de decembro, de emprego; nos artigos 29 e 30 do Estatuto de autonomía de Galicia; nos obxectivos de crecemento e emprego da Unión Europea, conforme a Estratexia Europea de Emprego, e co obxectivo de que a Comunidade Autónoma de Galicia acade maiores niveis de desenvolvemento económico, de calidade no emprego, de benestar social e de cohesión no territorio, cómpre adoptar políticas que promovan un modelo de desenvolvemento económico que favoreza a capacidade de toda a sociedade galega para crear empresas e emprego.

Mediante o Decreto 289/1997, do 9 de outubro, esta comunidade autónoma asumiu as funcións e os servizos transferidos pola Administración do Estado relativos á xestión realizada polo Instituto Nacional de Emprego (Inem) no ámbito do traballo, o emprego e a formación. De acordo co disposto no Decreto 79/2009, do 19 de abril, polo que se establece a estrutura orgánica da Xunta de Galicia; no Decreto 8/2011, do 28 de xaneiro, polo que se fixa a estrutura orgánica das consellerías da Xunta de Galicia, e no Decreto 335/2009, do 11 de xuño, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Traballo e Benestar, modificado polo Decreto 9/2011, do 20 de xaneiro, correspóndelle a esta o exercicio das anteriores competencias e funcións, entre outras materias, no relativo ás políticas activas de emprego.

En consecuencia, e dentro do ámbito funcional da Dirección Xeral de Promoción do Emprego, correspóndelle a convocatoria, regulación específica, xestión e control das axudas e subvencións ás iniciativas de emprego antes xestionadas polo Instituto Nacional de Emprego e reguladas na actualidade pola Orde ministerial do 15 de xullo de 1999.

Esta orde tamén responde ao mandato do artigo 38 da Lei 2/2007, do 28 de marzo, do traballo en igualdade das mulleres en Galicia, que establece que o departamento da Administración competente en materia de traballo poderá incluír, nas actuacións programadas en relación coa política de emprego destinadas a promover a inserción laboral efectiva das mulleres, accións e actuacións de discriminación positiva dirixidas á equiparación de ambos os sexos no emprego por conta propia, e que nas medidas dirixidas ao fomento de empresariado feminino se terán en conta de xeito preferente as mulleres emprendedoras con especiais dificultades de inserción laboral ou en situacións marcadas pola desvantaxe social.

O necesario desenvolvemento e diversificación do tecido empresarial galego no contorno territorial xustifican o deseño de programas dirixidos a fomentar a iniciativa emprendedora co fin de potenciar o crecemento económico e do emprego especialmente no ámbito local e no medio rural, articulando unha colaboración entre a Xunta de Galicia, as administracións locais de carácter territorial e a iniciativa privada, coa finalidade de facilitar e fomentar a aparición de empresas xeradoras de emprego.

A situación socioeconómica que se está a vivir na actualidade como consecuencia da crise económica está tendo especial incidencia nas persoas traballadoras que perderon o seu emprego, e afecta tamén as iniciativas emprendedoras. Co obxecto de dar solucións a estas situacións, a Consellería de Traballo e Benestar aposta, entre outras medidas, polo apoio ao emprendemento, pola creación de empresas e pola xeración de empregos estables.

O Programa de apoio ás iniciativas locais de emprego (ILES) é cofinanciable polo Fondo Social Europeo, nunha porcentaxe do 80%, no eixe 1, tema prioritario 62, e no eixe 2, tema prioritario 80, do Programa operativo Galicia do Fondo Social Europeo no marco de converxencia, aprobado pola Decisión da Comisión Europea C (2007) 6733, do 18 de decembro de 2007.

Consecuentemente con todo o anterior, consultado o Consello Galego de Relacións Laborais, logo do informe da Asesoría Xurídica, da Dirección Xeral de Planificación e Fondos, da Dirección Xeral de Avaliación e Reforma Administrativa e da Intervención Delegada, e no exercicio das facultades que me confire o artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa presidencia,

DISPOÑO:

Capítulo I
Ámbito e réxime das axudas

Artigo 1. Obxecto, finalidade e principios de xestión.

1. Esta orde ten por obxecto fixar as bases reguladoras e a convocatoria, en réxime de concorrencia competitiva, para o ano 2011 das subvencións establecidas pola Consellería de Traballo e Benestar, en desenvolvemento do Decreto 9/2000, do 12 de xaneiro, polo que se regulan as iniciativas de emprego e as súas clases, así como o procedemento para a súa cualificación e inscrición rexistral.

A finalidade deste réxime de axudas é fomentar e promover na Comunidade Autónoma de Galicia a creación de empresas innovadoras, económica e financeiramente viables, que xeren emprego estable no ámbito local e no medio rural, mediante o financiamento parcial dos custos necesarios para a posta en marcha daqueles proxectos empresariais previamente cualificados como iniciativas locais de emprego (ILE) e inscritas no rexistro administrativo habilitado para o efecto na Dirección Xeral de Promoción do Emprego e nas xefaturas territoriais da Consellería de Traballo e Benestar.

2. A xestión deste programa realizarase de acordo cos seguintes principios:

a) Publicidade, concorrencia, obxectividade, transparencia, igualdade e non-discriminación.

b) Eficacia no cumprimento dos obxectivos fixados pola Consellería de Traballo e Benestar.

c) Eficiencia na asignación e na utilización dos recursos públicos.

Artigo 2. Normativa aplicable.

As solicitudes, tramitación e concesión destas subvencións axustaranse ao disposto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia; no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia; no texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro; na Lei 14/2010, do 27 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2011; na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, e no seu regulamento de desenvolvemento, aprobado polo Real decreto 887/2006, do 21 de xullo; na orde ministerial do 15 de xullo de 1999, pola que se establecen as bases de concesión de subvencións públicas para o fomento do desenvolvemento local e impulso dos proxectos e empresas cualificados como I+E; na Orde TAS/816/2005, do 21 de marzo, pola que se adecuan ao réxime xurídico establecido na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, as normas reguladoras de subvencións que se concedan polo Servizo Público de Emprego Estatal nos ámbitos de emprego e de formación profesional ocupacional, e nesta orde.

Artigo 3. Entidades beneficiarias.

1. Poderán ser beneficiarias das axudas previstas nesta orde as empresas privadas constituídas e que iniciasen a súa actividade, calquera que sexa a forma xurídica que adopten, incluídos autónomos/as e as sociedades civís e as comunidades de bens, aínda que carezan de personalidade xurídica, que obtivesen a cualificación como iniciativa local de emprego, e non transcorrese máis dun ano desde a notificación da resolución de cualificación, ou de ser o caso, no prazo que se estableza na resolución de cualificación, sempre que cumpran as condicións e os requisitos establecidos nesta orde para cada tipo de axuda.

No caso de sociedades civís e comunidades de bens, deberán facerse constar expresamente, tanto na solicitude coma na resolución de concesión, os compromisos de execución asumidos por cada membro da agrupación, así como o importe de subvención que se vai aplicar para cada un deles, que terán igualmente a consideración de beneficiario. En calquera caso, deberán nomear unha persoa representante ou apoderada única da agrupación, con poderes bastantes para cumprir as obrigas que, como beneficiaria, lle correspondan á agrupación.

2. Entenderase que unha empresa está constituída desde o momento da súa inscrición no correspondente rexistro mercantil, ou, de ser o caso, no Rexistro de Cooperativas. Cando se trate de empresario ou empresaria individual ou comunidade de bens, cando cause alta no censo de obrigados tributarios do Ministerio de Economía e Facenda.

3. Entenderase que inicia a súa actividade empresarial cando cause alta no imposto de actividades económicas ou, de ser o caso, desde a data de alta no censo de obrigados tributarios do Ministerio de Economía e Facenda.

Capítulo II
Modalidades de axuda

Artigo 4. Tipos de axuda.

1. Ao abeiro deste programa poderán solicitarse os seguintes tipos de axudas:

a) Subvención á creación directa de emprego estable.

b) Subvención para a contratación de expertos técnicos de alta cualificación.

c) Apoio á función xerencial.

d) Subvención financeira.

e) Axuda para o inicio e posta en marcha da actividade.

2. Terán a consideración de accións subvencionables as que se produzan no primeiro ano de actividade empresarial e sempre que observen as previsións específicas contidas nos artigos seguintes para os diferentes tipos de axuda.

3. Para os efectos das axudas recollidas neste programa, terán a consideración de persoas desempregadas aquelas que figuren inscritas como demandantes de emprego no Servizo Público de Emprego e que, pola súa vez, carezan de ocupación segundo o informe de vida laboral da Tesouraría Xeral da Seguridade Social no momento da súa alta no correspondente réxime da Seguridade Social.

A comprobación da inscrición no Servizo Público de Emprego como demandante de emprego, na data de alta na Seguridade Social dos traballadores e traballadoras, realizaraa directamente o órgano xestor das axudas, agás que a inscrición fose realizada noutro servizo público de emprego distinto do da Comunidade Autónoma de Galicia.

Igualmente, a comprobación de carecer de ocupación segundo o informe da vida laboral da Tesouraría Xeral da Seguridade Social na data da súa alta na Seguridade Social, das persoas que se incorporan á empresa para ocuparen os empregos estables creados tidos en conta para o cálculo da subvención, realizaraa directamente o órgano xestor das axudas.

Artigo 5. Subvención á creación directa de emprego estable.

1. A creación de postos de traballo estables de carácter indefinido, incluídos os das propias persoas promotoras, que sexan ocupados por persoas desempregadas inscritas como demandantes de emprego no Servizo Público de Emprego, incentivarase cada un deles coas seguintes subvencións:

A. 4.800 euros para desempregados en xeral.

B. 5.000 euros para mozos desempregados de 30 ou menos anos.

C. 5.000 euros para mulleres desempregadas.

D. 5.600 euros para mozas desempregadas de 30 ou menos anos.

E. 6.000 euros para persoas desempregadas que esgotasen a prestación por desemprego, persoas desempregadas de longa duración, persoas emigrantes retornadas, persoas pertencentes a colectivos en risco ou situación de exclusión social e persoas desempregadas con discapacidade.

Terán dereito a este incentivo as cooperativas ou sociedades laborais, cualificadas como iniciativas de emprego, pola incorporación de persoas desempregadas como socios/as traballadores/as ou de traballo.

Cando a dedicación sexa a tempo parcial, as contías dos incentivos serán proporcionais ao tempo efectivo de traballo, en función da xornada a tempo completo establecida no convenio colectivo de aplicación ou, no seu defecto, na xornada ordinaria legal.

2. Cando a dedicación inicial se realice a tempo parcial e se transforme con posterioridade a tempo completo, a empresa poderá solicitar a diferenza entre a contía que se percibiu inicialmente e a que corresponde por dedicación a tempo completo, sempre que a dita modificación se produza dentro do primeiro ano de actividade.

3. Cando se trate de contratacións indefinidas de traballadores ou traballadoras por conta allea, esta axuda, de ser o caso, será compatible coas bonificacións á Seguridade Social previstas na normativa estatal, sen que ambos os dous beneficios poidan superar o 60% do custo salarial de dúas anualidades correspondente ao contrato obxecto de subvención.

4. Poderán ser obxecto desta subvención os postos de traballo estables de carácter indefinido creados ou que se van crear no período do 1 de xullo de 2010 e ata o 30 de setembro de 2011.

5. Non se concederá esta axuda cando se trate de traballadores ou traballadoras que prestasen servizos na mesma empresa en virtude dun contrato de carácter temporal.

Artigo 6. Subvención para a contratación de expertos técnicos de alta cualificación.

1. Para a contratación de persoal técnico de alta cualificación poderá concedérselles ás empresas cualificadas como iniciativas de emprego unha subvención cuxa contía será equivalente ao 50% dos custos salariais totais, incluídas as cotizacións á Seguridade Social por todos os conceptos, segundo a duración do contrato, cun máximo de doce mensualidades.

2. Quedan excluídos desta axuda as contratacións ou incorporacións realizadas coas persoas titulares ou socias da empresa cualificada como iniciativa de emprego, así como do cónxuxe, ascendentes, descendentes e demais parentes, por consanguinidade ou afinidade, ata o segundo grao inclusive, da persoa empresaria ou de quen desempeñe cargos de dirección ou sexan membros dos órganos de administración das empresas que revistan a forma xurídica de sociedade, así como as que se produzan con estas persoas citadas. Non será de aplicación esta exclusión cando o empregador/a sexa un traballador/a autónomo/a que contrate como traballador/a por conta allea aos fillos/as menores de trinta anos, tanto se conviven ou non con el/ela, ou cando se trate dun traballador/a autónomo/a sen asalariados, e contrate un só familiar menor de corenta e cinco anos, que non conviva no seu fogar nin estea ao seu cargo.

3. A subvención, que se concederá por unha soa vez, terá como límite máximo, por todas as contratacións realizadas ou que se van realizar no período do 1 de xullo de 2010 e ata o 30 de setembro de 2011, a contía de 18.000 euros, e estará condicionada á xustificación pola empresa de que, coas contratacións obxecto de subvención, se suplan carencias ben identificadas para o desenvolvemento da actividade empresarial e o bo fin dela.

4. Esta subvención é incompatible, para o mesmo traballador ou traballadora, coa establecida no artigo 5 desta orde.

Artigo 7. Apoio á función xerencial.

1. Para o acompañamento na instalación da empresa poderase financiar o apoio ás funcións xerenciais para axudar a persoa promotora ou empresario/a na toma de decisións necesarias para o funcionamento da empresa. O dito apoio poderá consistir nas seguintes modalidades:

a) Axuda por titoría, entendéndose por tal o acompañamento técnico que unha persoa experta allea á empresa, sexa física ou xurídica, que reúna garantías de solvencia e profesionalidade, lle preste á persoa promotora ou empresaria nas súas actividades xerenciais durante un prazo de tempo determinado.

b) Axuda por formación, que incluirá os cursos que a persoa promotora ou empresaria poida recibir para obter e mellorar os seus coñecementos sobre a función xerencial.

c) Axuda pola realización externa de estudos e informes sobre a actividade para que a persoa promotora ou empresario/a poida dispoñer de mellor información sobre os bens ou servizos obxecto de produción, incluíndose nesta epígrafe os estudos de mercado, organización, comercialización, diagnose e outros de natureza análoga.

2. O gasto orixinado polo apoio á función xerencial deberá producirse no primeiro ano de actividade empresarial. Ao abeiro desta orde serán subvencionables os gastos que sexan xustificados mediante facturas emitidas desde o 1 de xullo de 2010 e ata o 30 de setembro de 2011, sempre que sexa acreditado o seu pagamento mediante documentos bancarios con anterioridade á finalización do período de xustificación establecido na resolución de concesión, ou, de ser o caso, ata o 31 de outubro de 2011.

3. A contía da subvención de apoio á función xerencial, que se pagará por unha soa vez, será de ata o 75% do custo dos servizos recibidos cun límite máximo de 12.000 euros polo conxunto das modalidades de asistencia técnica previstas.

Artigo 8. Subvención financeira.

1. A subvención financeira ten por finalidade promover a creación de postos de traballo, mediante a redución dos xuros de préstamos para financiar os investimentos que sexan necesarios para a creación e posta en marcha das empresas cualificadas como iniciativas de emprego. Como mínimo, o 75% do importe do préstamo deberá destinarse a financiar investimentos en inmobilizado material ou intanxible.

2. Os préstamos, para seren subvencionables, deberán ser concedidos polas entidades financeiras que teñan subscrito convenio, para tal fin, coa Consellería de Traballo e Benestar, e deberán formalizarse no período comprendido entre o inicio da actividade e o 30 de setembro de 2011 ou, de ser o caso, no prazo específico establecido na resolución de concesión.

Para os efectos da xustificación desta subvención teranse en conta os investimentos en inmobilizado material ou intanxible, sen incluír o imposto sobre o valor engadido ou, de ser o caso, os impostos indirectos equivalentes cando sexan susceptibles de recuperación ou compensación, realizados no período establecido no artigo 4, punto 2, e xustificados mediante facturas e documentos bancarios acreditativos do seu pagamento con anterioridade á finalización do período de xustificación establecido na resolución de concesión ou, de ser o caso, ata o 31 de outubro de 2011.

Non se admitirá, para os efectos da súa xustificación, a adquisición de bens usados con cargo ao préstamo obxecto da axuda, agás no suposto de traspaso de negocios.

3. Esta axuda, pagadoira dunha soa vez, será equivalente á redución de ata catro puntos do tipo de xuro fixado pola entidade financeira que conceda o préstamo, calculada sobre os oito primeiros anos de vixencia destes. A contía calcularase como se a subvención se devengase cada ano de duración do préstamo, incluído o posible período de carencia. O tipo de xuro poderá ser fixo ou variable, tomándose como referencia para o cálculo da subvención o tipo de xuro vixente na data da resolución da subvención, ou o vixente na data da sinatura do contrato do préstamo se esta é anterior.

A persoa ou entidade beneficiaria, no prazo de 30 días desde a data en que teña coñecemento do pagamento efectivo da subvención, ten que presentar certificación expedida pola entidade financeira, acreditativa da amortización do principal do préstamo na contía subvencionada.

4. Esta subvención ten como límite a contía máxima de 5.100 euros por emprego estable creado ou que se vai crear para persoas desempregadas desde o 1 de xullo de 2010 e ata o 30 de setembro de 2011, segundo o previsto no artigo 4.3 e no artigo 5.1 desta orde.

Artigo 9. Axuda para o inicio e posta en marcha da actividade.

1. Para que unha iniciativa de emprego poida beneficiarse da axuda prevista neste artigo ten que supoñer, cando menos, a creación directa de emprego estable para unha persoa desempregada, segundo o previsto no artigo 4.3 e no artigo 5.1 desta orde.

2. Esta axuda consistirá nunha subvención para o financiamento dos gastos necesarios para o inicio e a posta en marcha da actividade. O importe máximo desta axuda determinarase en atención ao número de postos de traballo estables creados ou que se van crear desde o 1 de xullo de 2010 e ata o 30 de setembro de 2011, de acordo coa seguinte escala:

−De 1 a 2 postos de traballo: 20.000 euros.

−De 3 a 10 postos de traballo: 36.000 euros.

−De 11 a 20 postos de traballo: 52.000 euros.

−21 ou máis postos de traballo: 68.000 euros.

O importe da axuda non poderá superar o custo total dos gastos subvencionables, as contías máximas establecidas nas escalas anteriores, e as contías de 6.000 euros por posto de traballo estable creado ou que se vai crear para desempregados en xeral, de 8.000 euros para mozos ou mozas de 30 ou menos anos ou para mulleres, se ademais a iniciativa local de emprego ten o seu domicilio social e centro de traballo nun concello rural estas contías incrementaranse en 2.000 euros por posto de traballo estable creado.

3. Esta axuda destinarase a sufragar os gastos necesarios, derivados da posta en marcha da actividade e do funcionamento da empresa, que se produzan antes de que transcorra un ano desde o inicio da súa actividade. Ao abeiro desta orde, serán subvencionables os gastos que sexan xustificados mediante facturas emitidas desde o 1 de xullo de 2010 e ata o 30 de setembro de 2011, sempre que sexa acreditado o seu pagamento mediante documentos bancarios con anterioridade á finalización do período de xustificación establecido na resolución de concesión ou, de ser o caso, ata o 31 de outubro de 2011.

Os gastos subvencionables serán os de constitución da empresa, a compra de mercadorías, materias primas e outros aprovisionamentos, arrendamento do local, de maquinaria, e de equipamentos informáticos, gastos do seguro do local, publicidade e subministracións, excluído o imposto sobre o valor engadido ou, de ser o caso, os impostos indirectos equivalentes cando sexan susceptibles de recuperación ou compensación. Os gastos poderán ser computados sempre que as facturas estean estendidas a nome da entidade solicitante e non sexan emitidas por algún dos promotores da empresa. Exclúense, así mesmo, os impostos e os gastos referidos aos domicilios particulares dalgunha das persoas promotoras.

Artigo 10. Actividades vinculadas aos novos viveiros de emprego.

1. As empresas cualificadas como iniciativas de emprego terán dereito a un incremento do 10% da contía das subvencións reguladas nesta orde, cando a súa actividade produtiva principal se inscriba dentro dos ámbitos dos novos viveiros de emprego que a continuación se relacionan:

a) Servizos da vida diaria:

−Os servizos a domicilio (preparación e distribución de comidas a domicilio, acompañamento e prestación doutros servizos a persoas maiores no seu domicilio, servizos a persoas enfermas no seu domicilio, servizos de limpeza e pasada de ferro, servizos administrativos).

−Coidado dos nenos e nenas (coidado e educación de nenos e nenas por debaixo da idade escolar, actividades deportivas, recreativas e culturais para nenos e nenas en idade escolar).

−Novas tecnoloxías da información e da comunicación (como servizos a particulares no eido da cultura, da saúde, da comunicación, do lecer, como telemedecina, formación a distancia, teletraballo; servizos ás empresas: información económica, servizos comerciais, contabilidade a distancia, asistencia especializada, ou como servizos públicos: teleservizos, acceso a bases de datos, servizos administrativos de información).

−Axuda para a inserción da mocidade en dificultades e con desarraigamento social (axudas nos deberes escolares; centros de inserción profesional; educación na rúa; empresas de inserción).

b) Servizos de mellora do marco de vida:

−Mellora da vivenda (rehabilitación de vivendas deterioradas; mantemento das vivendas).

−A seguridade (servizos de vixilancia e acollida; instalación de materiais de seguridade; aparcadoiros; televixilancia).

−Transportes colectivos locais (novas formas de organización dos transportes colectivos; servizos especializados con determinados colectivos de persoas usuarias).

−A revalorización dos espazos públicos urbanos (rehabilitación de espazos públicos e barrios; mantemento de espazos públicos; iniciativas económicas e comerciais en zonas vellas das cidades).

−Os comercios de proximidade (comercios en zonas rurais; comercios nos barrios urbanos non céntricos; puntos comerciais multiservizo en zonas desfavorecidas).

c) Servizos culturais e de lecer:

−O turismo (turismo rural e cultural e outros novos fenómenos turísticos; servizo de acompañamento e acollida turística; novos servizos turísticos telemáticos).

−O sector audiovisual (produción e distribución de películas; produción e distribución de emisións televisivas; televisión interactiva; acceso a distancia a bibliotecas e museos).

−A valorización do patrimonio cultural (creación e restauración de lugares de interese cultural; servizos de difusión da cultura e acollida turística).

−O desenvolvemento cultural local (actividades de valorización dos recursos e actividades culturais locais como música, folclore, teatro, gastronomía, artesanía).

d) Servizos de ambiente:

−A xestión dos residuos (recolla selectiva e tratamento dos residuos; actividades de investigación para a reutilización dos materiais recuperados; novas técnicas de automatización do tratamento dos residuos).

−A xestión da auga (realización e xestión de infraestruturas de xestión da auga; servizos de investigación tecnolóxica e transferencia de saber facer; asistencia á xestión de infraestruturas locais; explotación turística e deportiva das reservas hidráulicas).

−A protección e o mantemento das zonas naturais (actividades de protección e mantemento das zonas rurais; actividades de investigación agronómica; creación e xestión de parques e reservas naturais).

−A normativa, o control da contaminación e as instalacións correspondentes (produción de bens e servizos ligados a tecnoloxías menos contaminantes; desenvolvemento e aplicación de novas tecnoloxías de economía da enerxía; mellora da xestión dos sistemas de control da contaminación e o ruído).

2. O incremento do 10% establecido no punto anterior, en todos os tipos de axuda previstos nesta orde, aplicarase sobre o importe que correspondería de tratarse doutra actividade, con independencia de que, como consecuencia da aplicación do incremento, se superen ou non os límites porcentuais ou cuantitativos previstos para cada tipo de axuda, e co límite máximo dos gastos subvencionables acreditados no expediente.

Artigo 11. Definicións.

1. Para os efectos desta orde entenderase por:

a) Persoas desempregadas de longa duración: aquelas que na data da súa alta no correspondente réxime da Seguridade Social estivesen sen traballo e teñan acreditado un período de inscrición ininterrompido como desempregadas na oficina de emprego de 180 días se fosen menores de 25 anos ou de 45 ou máis anos de idade, e de 360 días se fosen maiores de 25 e menores de 45.

b) Persoas desempregadas que esgotasen a prestación por desemprego: as que extinguisen por esgotamento a prestación por desemprego de nivel contributivo. No caso de que non tivese dereito á percepción da prestación por desemprego de nivel contributivo, que esgotase o subsidio de desemprego e, en ambos os dous casos, non desempeñasen ningún traballo, nin por conta allea nin propia, desde a data do esgotamento.

c) Persoas emigrantes retornadas: aqueles/as que cumpran coa condición de que non transcorresen máis de dous anos entre a data do retorno e a data da súa alta no correspondente réxime da Seguridade Social.

2. Para os efectos deste programa terán a consideración de colectivos en risco ou situación de exclusión social os seguintes:

a) Persoas perceptoras da renda de integración social de Galicia ou aquelas que non poidan acceder a ela, ben por falta do período exixido de residencia ou empadroamento, ou ben por ter esgotado o período máximo de percepción legalmente establecido, ou membros da súa unidade familiar en desemprego.

b) Persoas que participen ou participasen en procesos de rehabilitación ou reinserción social de drogodependentes debidamente acreditados ou autorizados.

c) Internos e internas de centros penitenciarios cuxa situación penitenciaria lles permita acceder a un emprego, así como liberados/as condicionais ou ex-reclusos/as que non tivesen antes un primeiro emprego fixo remunerado tras un período de privación de liberdade.

d) Mulleres procedentes de casas de acollida que presenten problemas adicionais de inserción ou reinserción laboral.

e) As persoas que teñan acreditada pola administración competente a condición de vítima de violencia doméstica por parte dalgún membro da unidade familiar de convivencia.

f) Mulleres que abandonasen o exercicio da prostitución e se incorporen ao mercado laboral.

g) Persoas transexuais ou en procesos de reasignación sexual que se incorporen ao mercado laboral.

h) Menores internos/as incluídos/as no ámbito de aplicación da Lei orgánica 5/2000, do 12 de xaneiro, reguladora da responsabilidade penal dos menores, cuxa situación lles permita acceder a un emprego, así como os que estean en situación de liberdade vixiada e os ex-reclusos e ex-reclusas.

i) Mozos e mozas que estean ou estivesen ata a súa maioría de idade baixo a tutela ou garda da Administración autonómica.

j) Traballadores e traballadoras inmigrantes que pasen a ser residentes da comunidade cuxas características condicionen a súa integración social.

k) Persoas emigrantes retornadas con graves necesidades persoais ou familiares.

l) Persoas que formen parte de colectivos ou minorías cuxas características poidan condicionar as súas posibilidades de integración social.

Capítulo III
Competencia e procedemento

Artigo 12. Competencia.

A competencia para coñecer e resolver as axudas e subvencións previstas nesta orde, por delegación da persoa titular da Consellería de Traballo e Benestar, corresponderalles:

a) Ás persoas titulares das xefaturas territoriais da Consellería de Traballo e Benestar que previamente cualificasen o proxecto empresarial como iniciativa local de emprego.

b) Á persoa titular da Dirección Xeral de Promoción do Emprego, cando se trate de proxectos empresariais apoiados por un departamento da Xunta de Galicia previamente cualificados como iniciativa local de emprego.

Artigo 13. Solicitudes e prazo de presentación.

1. As solicitudes de axudas dirixiranse ao órgano competente para resolver e presentaranse nos rexistros da Xunta de Galicia, ou por calquera das formas previstas no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

2. O prazo xeral para a presentación das solicitudes de todos os tipos de axudas do programa regulado nesta orde será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día de prazo fose inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte, e, se no mes de vencemento non houbese día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último do mes.

3. As solicitudes e os anexos dos programas están dispoñibles na páxina web da Consellería de Traballo e Benestar: http://traballo.xunta.es.

Para cubrir as solicitudes de subvención poderá empregarse a aplicación informática de axuda facilitada pola Consellería de Traballo e Benestar na súa páxina web, na epígrafe de Axudas e subvencións.

4. Para a presentación de solicitudes de axudas, as persoas ou entidades beneficiarias poderán contar co asesoramento dos e das axentes de emprego e desenvolvemento local da rede coordinada pola Consellería de Traballo e Benestar.

Artigo 14. Autorizacións.

1. A presentación da solicitude de subvención pola persoa ou entidade interesada comportará a autorización ao órgano xestor para solicitar as certificacións que deba emitir a Axencia Estatal da Administración Tributaria, a Tesouraría Xeral da Seguridade Social e a consellería competente en materia de facenda da Xunta de Galicia, segundo o establecido no artigo 20 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Non obstante, a persoa ou entidade solicitante poderá denegar expresamente o consentimento; daquela deberá entregar coa solicitude a certificación de estar ao día no cumprimento das obrigas tributarias e fronte á Seguridade Social e de non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública da comunidade autónoma.

2. Mediante a presentación da solicitude de subvención, a persoa ou entidade interesada dá expresamente o seu consentimento á Consellería de Traballo e Benestar para incluír e facer públicos os datos relevantes referidos ás axudas e subvencións recibidas, así como ás sancións impostas, nos rexistros públicos de axudas, subvencións e convenios e de sancións administrativas, regulados no Decreto 132/2006, do 27 de xullo, polo que se regulan os rexistros públicos creados nos artigos 44 e 45 da Lei 7/2005, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2006 (DOG n.º 153, do 9 de agosto). Os dereitos de acceso, rectificación, consulta, cancelación e oposición de datos de carácter persoal exerceranse ante o CIXTEC como responsable dos ficheiros, con domicilio na rúa Domingo Fontán, 9-15702 Santiago de Compostela, de conformidade coas prescricións da Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal.

3. Coa presentación da solicitude de subvención, a persoa ou entidade interesada autoriza expresamente a Consellería de Traballo e Benestar para que, de acordo co establecido nos números 3 e 4 do artigo 13 da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e de boas prácticas na Administración pública galega, publique as subvencións concedidas ao abeiro desta orde no Diario Oficial de Galicia e na súa páxina web oficial, con expresión da convocatoria, o programa e crédito orzamentario a que se imputan, a persoa ou entidade beneficiaria, a contía concedida e a finalidade da subvención.

4. Coa presentación da solicitude de subvención, mediante o anexo V desta orde, a persoa interesada autoriza expresamente a Consellería de Traballo e Benestar, de conformidade co establecido no artigo 2 do Decreto 255/2008, do 23 de outubro, e na Orde da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, do 7 de xullo de 2009, que o desenvolve, para a consulta dos seus datos no Sistema de Verificación de Datos de Identidade. En caso de non prestar a autorización, deberá presentar a fotocopia do documento acreditativo da identidade da persoa solicitante.

5. En cumprimento do disposto no artigo 5 da Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal, infórmase de que os datos persoais recollidos na súa solicitude se incorporarán ao ficheiro Axudas de promoción do emprego para o seu tratamento coa finalidade da xestión, avaliación, seguimento e estatística deste programa. A presentación da solicitude supón a cesión de datos persoais á Consellería de Traballo e Benestar por parte da persoa ou entidade solicitante, polo que esta é responsable de informar o traballador/a sobre a existencia e finalidade da cesión así como da obtención do seu consentimento. Os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición previstos na lei pódense exercer dirixindo un escrito á Dirección Xeral de Promoción do Emprego, como responsable do ficheiro, no enderezo: edificio administrativo San Lázaro, s/n, 15781 Santiago de Compostela, A Coruña, ou no seguinte enderezo electrónico: lopd.traballo@xunta.es.

Artigo 15. Documentación.

1. As solicitudes deberán presentarse nos modelos normalizados que figuran como anexos numéricos desta orde e deberán ir acompañadas do orixinal ou fotocopia compulsada ou cotexada da documentación, común e específica, que se relaciona.

2. As solicitudes de axudas deberán ir acompañadas da seguinte documentación común:

a) DNI ou NIE da persoa solicitante ou representante da entidade en caso de non prestar a autorización, no modelo anexo V desta orde, á Consellería de Traballo e Benestar para a consulta dos datos no Sistema de Verificación de Datos de Identidade.

b) De tratarse de persoa xurídica, poder suficiente da persoa representante para actuar en nome da entidade e CIF da empresa, escritura de constitución e inscrición no Rexistro Mercantil ou, se é o caso, no Rexistro de Cooperativas, alta no imposto de actividades económicas ou, de ser o caso, alta no censo de obrigados tributarios do Ministerio de Economía e Facenda.

c) Memoria económica e descritiva do proxecto empresarial, asinada polo representante da empresa, que deberá incluír, como mínimo, os seguintes datos: identificación e descrición da actividade, currículo dos promotores, número de empregos creados e que se crearán, aspectos técnicos de produción e comercialización, orzamento de investimento e plan de financiamento que acredite a viabilidade da iniciativa empresarial, medidas de seguridade e saúde laboral e de prevención de riscos, adecuación en materia de protección do ambiente segundo a localización e a actividade empresarial. Deberá destacarse a realización daqueles aspectos innovadores que serviron para a cualificación do proxecto empresarial como iniciativa local de emprego.

d) Listaxe asinada, unha para cada axuda solicitada, coa relación dos investimentos, indicando o importe de cada unha, a suma total, a referencia e a descrición das facturas en firme ou pro forma, orzamentos e demais documentos xustificativos do investimento realizado ou a realizar e da axuda solicitada, segundo o modelo do anexo IV desta orde.

Esta listaxe non será necesario presentala coas solicitudes de subvencións á creación directa de emprego estable e para a contratación de expertos técnicos de alta cualificación.

e) Se é o caso, documentos que acrediten a pertenza aos colectivos polos cales se solicita a subvención, certificación do Servizo Público de Emprego Estatal do feito do esgotamento da prestación por desemprego de nivel contributivo e/ou do subsidio de desemprego e data de remate da súa percepción, acreditación de ser emigrante retornado/a, ou certificación da concorrencia das circunstancias que determinen a pertenza aos colectivos en risco ou situación de exclusión social.

f) Declaración comprensiva do conxunto de todas as axudas solicitadas ou concedidas, para o mesmo proxecto ou actividade, polas administracións públicas competentes ou outros entes públicos ou, de ser o caso, unha declaración de que non solicitou nin percibiu outras axudas ou subvencións, así como unha declaración das axudas de minimis obtidas no exercicio corrente e nos dous anteriores (segundo modelo do anexo VI).

g) Documentación acreditativa de que están ao día das súas obrigas tributarias –estatais e autonómicas- e coa Seguridade Social e de que non teñen pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración da comunidade autónoma, unicamente no suposto de que quen solicita lle denegase expresamente a autorización ao órgano xestor para solicitar as certificacións que deban emitir a Axencia Estatal da Administración Tributaria, a Tesouraría Xeral da Seguridade Social e a Consellería de Facenda da Xunta de Galicia.

h) Ficha de transferencia bancaria e certificación da entidade financeira acreditativa de que quen solicita é titular da conta (segundo modelo anexo VIII).

i) Declaración responsable, entre outros extremos, de non estar incursos nas prohibicións para obter a condición de beneficiario previstas no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e autorizacións, segundo o modelo do anexo V.

3. Documentación específica:

a) Subvención á creación directa de emprego estable:

−Declaración do número de empregos estables creados ou que se van crear ata o 30 de setembro de 2011 e relación nominal das persoas que os vaian que se van ocupar, con indicación daquelas polas cales se solicita a subvención (segundo o modelo do anexo III).

−De ser o caso, documentos acreditativos da súa incorporación efectiva con carácter indefinido e altas no correspondente réxime da Seguridade Social.

−Declaración da empresa en que se fagan constar os custos salariais totais de dúas anualidades de cada traballador/a polo/a que se solicita subvención, no modelo anexo III desta orde.

b) Subvención para a contratación de expertos ou expertas técnicos/as de alta cualificación.

−Memoria descritiva da necesidade da contratación de expertos/as, número e perfís profesionais deles, funcións que van realizar en relación coas categorías profesionais e custos laborais totais.

−Declaración da empresa en que se fagan constar os custos salariais totais anuais de cada traballador e traballadora polo/a que se solicita subvención.

−Recibos dos salarios xa aboados á data da solicitude, xustificante das transferencias bancarias acreditativas do seu pagamento e boletíns de cotización á Seguridade Social TC1 e TC2 dos meses xa ingresados.

c) Subvención ao apoio á función xerencial:

−Memoria descritiva da medida de apoio solicitada en que consten, entre outros, a xustificación da súa necesidade para o desenvolvemento da actividade empresarial e o orzamento desagregado por conceptos, a proposta dos servizos que se van desenvolver e o calendario previsto para a súa realización, así como a conformidade da empresa, entidade ou persoa física que vai prestar o apoio e a aceptación do solicitante.

−Documentación acreditativa da solvencia profesional da empresa, entidade física ou xurídica, que prestará ou xa prestase o servizo de apoio.

−Documento acreditativo da contratación das medidas de apoio en que conste o seu importe, facturas e, no caso de estar efectivamente pagadas, o seu correspondente xustificante bancario do seu pagamento ou, se e o caso, facturas pro forma ou orzamento expedido pola persoa ou entidade que vai a prestar o servizo de apoio.

−De conformidade co establecido no artigo 29 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, cando o importe do gasto subvencionable supere a contía de 12.000 euros no suposto de prestación de servizos de consultoría ou asistencia técnica, a persoa interesada deberá solicitar como mínimo tres ofertas de diferentes provedores, con carácter previo á contratación do compromiso para a prestación do servizo, salvo que polas especiais características dos gastos subvencionables non exista no mercado suficiente número de entidades que o presten, ou salvo que o gasto se realizase con anterioridade á solicitude da subvención.

A elección entre as ofertas presentadas, que deberán achegarse coa solicitude da subvención, realizarase de conformidade con criterios de eficiencia e economía, e deberá xustificarse expresamente nunha memoria a elección cando non recaia na proposta económica máis vantaxosa.

d) Subvención financeira:

−Contrato de préstamo ou, no seu defecto, compromiso da entidade financeira sobre a concesión do préstamo, no cal figuren as características e se faga constar que a operación se acolle ao convenio subscrito para tal fin (segundo o modelo do anexo VII).

−No suposto de adquisición de vehículos comerciais ou industrias, tarxeta da ITV.

−Plan de investimentos xunto coas facturas e, no caso de estar efectivamente pagadas, o seu correspondente xustificante bancario de pagamento ou, no seu defecto, facturas pro forma ou orzamentos expedidos polos provedores e acredores dos activos que se vaian ter en conta para acreditar o requisito do investimento en inmobilizado material ou intanxible que se vaia realizar e o destino do préstamo.

−Declaración do número de empregos estables creados ou que se van crear ata o 30 de setembro de 2011 e relación nominal das persoas que os vaian ocupar, con indicación daquelas polas cales se solicita a subvención (segundo o modelo do anexo III).

−De ser o caso, documentos acreditativos da súa incorporación efectiva con carácter indefinido e altas no correspondente réxime da Seguridade Social.

e) Axuda para o inicio e a posta en marcha da actividade:

−Declaración do número de empregos estables creados ou que se crearán ata o 30 de setembro de 2011 e relación nominal das persoas que os vaian ocupar, con indicación daquelas polas cales se solicita a subvención (segundo o modelo do anexo III).

−De ser o caso, documentos acreditativos da súa incorporación efectiva con carácter indefinido e altas no correspondente réxime da Seguridade Social.

−Facturas e, no caso de estar efectivamente pagadas, o seu correspondente xustificante bancario de pagamento ou, no seu defecto, facturas pro forma ou orzamentos expedidos polos provedores e acredores dos gastos necesarios para o inicio da actividade que se vaian ter en conta para o cálculo da contía da subvención.

Artigo 16. Procedemento de concesión, instrución e tramitación.

1. O procedemento de concesión das subvencións recollidas nesta orde tramitarase, en réxime de concorrencia competitiva, nos termos establecidos no artigo 19.1 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. O órgano instrutor dos expedientes será, de acordo coa competencia para coñecer e resolver as solicitudes, o Servizo de Promoción do Emprego das xefaturas territoriais da Consellería de Traballo e Benestar, ou o Servizo de Apoio aos Emprendedores e á Integración Laboral das Persoas con Discapacidade da Dirección Xeral de Promoción do Emprego da Consellería de Traballo e Benestar, que realizarán as actuacións necesarias para determinar o coñecemento e a comprobación dos datos en virtude dos cales se debe formular a proposta de resolución.

3. Se a solicitude non está debidamente cuberta ou non se achega a documentación exixida, as unidades administrativas encargadas da tramitación do expediente, de conformidade co disposto no artigo 71 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común , requirirán a persoa ou entidade interesada para que, nun prazo máximo e improrrogable de dez (10) días, emende a falta ou presente os documentos preceptivos, coa advertencia de que, se así non o fixese, se considerará desistida da súa petición, logo de resolución, que deberá ser ditada nos termos previstos no artigo 42 da antedita lei.

4. O órgano competente para emitir o informe de avaliación será a Comisión de Avaliación, que terá a seguinte composición:

Presidente: á persoa titular da xefatura do Servizo de Promoción do Emprego da respectiva xefatura territorial ou a persoa titular da Subdirección Xeral de Apoio á Contratación, aos Emprendedores e ao Traballo Autónomo, segundo o correspondente ámbito de competencias.

Vogais: dous técnicos ou técnicas do dito servizo ou subdirección, actuando un deles como secretario ou secretaria.

5. A valoración das solicitudes presentadas efectuarase de acordo cos seguintes criterios:

a) Creación de postos de traballo de carácter estable: ata 10 puntos.

b) Pertenza do persoal da empresa aos colectivos definidos no artigo 5.1, letra E desta orde: ata 10 puntos.

c) Integración da dimensión de igualdade de oportunidades entre mulleres e homes no proxecto empresarial e/ou no destino das subvencións: ata 10 puntos.

d) Creación de postos de traballo de carácter estable para mozos: ata 10 puntos.

e) Proxectos cuxa actividade empresarial estea vinculada aos novos viveiros de emprego: 5 puntos.

f) Empresas que teñan o seu domicilio social e centro de traballo nun concello galego de menos de 20.000 habitantes, segundo as cifras de poboación referidas ao 1 de xaneiro de 2010, resultantes da revisión do padrón municipal, publicadas polo Instituto Nacional de Estatística e declaradas oficiais mediante o Real decreto 1612/2010, do 7 de decembro (BOE n.º 311, do 23 de decembro): 5 puntos.

g) Emprego da lingua galega na elaboración e desenvolvemento do proxecto: 1 punto.

6. Non obstante, non será necesario fixar unha orde de prelación entre as solicitudes presentadas que reúnan os requisitos establecidos, para o caso de que o crédito consignado nesta convocatoria fose suficiente atendendo ao número de solicitudes unha vez finalizado o prazo de presentación, conforme o previsto no artigo 55 do Real decreto 887/2006, do 21 de xullo, polo que se aproba o Regulamento da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.

7. O órgano instrutor elevará o informe da comisión de avaliación, xunto coa proposta de concesión, ao órgano de resolución.

Artigo 17. Resolución e recursos.

1. Logo da fiscalización polas respectivas intervencións das propostas emitidas polos correspondentes servizos, as resolucións serán ditadas polo órgano competente, por delegación da persoa titular da Consellería de Traballo e Benestar, e deberán serlles notificadas ás persoas ou entidades interesadas. As resolucións, concesorias ou denegatorias, deberán ser sempre motivadas.

2. O prazo para resolver e notificar a resolución será de seis meses, que se computarán desde a data de finalización do prazo xeral de presentación de solicitudes. Transcorrido o dito prazo sen que se ditase resolución expresa, entenderase desestimada a solicitude de acordo co establecido no artigo 1 e no artigo 2 da Lei 6/2001, do 29 de xuño, de adecuación da normativa da Comunidade Autónoma de Galicia á Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, de modificación da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

3. Notificada a resolución polo órgano competente, as persoas ou entidades interesadas propostas como beneficiarias disporán dun prazo de dez días para a súa aceptación, transcorrido o cal sen que se producise manifestación expresa se entenderá tacitamente aceptada.

4. As resolucións que se diten neste procedemento esgotan a vía administrativa e contra elas cabe interpoñer recurso contencioso-administrativo, no prazo de dous meses, ante o órgano competente da xurisdición contencioso-administrativa, de conformidade co disposto na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa. Poderá formularse, con carácter potestativo, recurso de reposición, no prazo dun mes, ante o mesmo órgano que ditou a resolución impugnada, de acordo coa Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

5. No suposto de que a axuda estea cofinanciada polo Fondo Social Europeo, na resolución de concesión informaráselle á persoa ou entidade beneficiaria que a aceptación da axuda comunitaria do Fondo Social Europeo implicará a súa aparición na lista pública cos nomes das persoas ou entidades beneficiarias, das operacións, e a cantidade de fondos públicos asignada a cada operación que a autoridade de xestión do programa operativo publicará conforme ao previsto no artigo 7º.2 d) do Regulamento (CE) 1828/2006 da Comisión, de 8 de decembro de 2006 (DOUE L/45, do 15 de febreiro de 2007).

Artigo 18. Xustificación e pagamento.

1. A determinación dos gastos subvencionables realizarase conforme o establecido no artigo 29 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. Considéranse gastos subvencionables aqueles que de xeito indubidable respondan á natureza da actividade subvencionada. En todo caso, respectaranse as condicións da Orde TIN/2965/2008, do 14 de outubro, pola que se determinan os gastos subvencionables polo FSE, durante o período de programación 2007-2013, modificada pola Orde TIN/788/2009, do 25 de marzo.

3. Considerarase gasto realizado o que foi efectivamente pagado con anterioridade á finalización do período de xustificación.

As facturas deberán cumprir os requisitos establecidos no Real decreto 1496/2003, do 28 de novembro, polo que se aproba o Regulamento que regula as obrigas de facturación.

A xustificación do pagamento dos gastos obxecto das subvencións desta orde deberá acreditarse a través de transferencia bancaria, certificación bancaria ou extracto bancario de pagamento. Nestes documentos deberán quedar claramente identificados o receptor e o emisor do pagamento. Non se admitirán os pagamentos en efectivo. Así mesmo, non se admitirán como xustificantes os obtidos a través da internet se non están validados pola entidade bancaria.

4. As persoas ou entidades beneficiarias deberán presentar a documentación xustificativa para o pagamento no prazo establecido na resolución de concesión ou, se é o caso, ata o 31 de outubro de 2011. Excepcionalmente, este prazo poderá ser prorrogado en quince (15) días hábiles, de forma extraordinaria e por causas debidamente xustificadas.

5. De non achegarse con anterioridade, o pagamento das axudas, quedará condicionado á presentación do orixinal ou fotocopia compulsada ou cotexada, no prazo, nos termos e na forma que se estableza na resolución de concesión, da documentación que se exixa de forma expresa nela, entre a cal deberá figurar a relacionada nos puntos seguintes:

A. Documentación xeral para todos os tipos de axuda:

−Documentación xustificativa para acreditar o cumprimento da actividade para a cal se concedeu a subvención segundo o tipo de axuda.

−Declaración complementaria da establecida no artigo 15.2, letra f) desta orde, do conxunto das axudas solicitadas, tanto das aprobadas ou concedidas como das pendentes de resolución, para o mesmo proxecto, das distintas administracións públicas competentes ou outros entes públicos, ou, de ser o caso, que non solicitou nin percibiu outras axudas ou subvencións, así como unha declaración das axudas de minimis obtidas no exercicio corrente e nos dous anteriores (segundo modelo anexo VI).

B. Documentación específica:

a) Subvención á creación directa de emprego estable:

−Documentos acreditativos da incorporación e alta no correspondente réxime da Seguridade Social ou, de ser o caso, en colexio profesional e mutualidade que corresponda das persoas que se incorporan á empresa para ocupar os empregos estables creados tidos en conta para o cálculo da subvención.

−Última nómina aboada a cada persoa traballadora pola cal se concedeu a subvención.

−Declaración do cumprimento por parte da persoa ou entidade beneficiaria da obriga de informar o traballador ou traballadora acerca da subvención do seu contrato (segundo modelo do anexo IX).

b) Subvención para a contratación de expertos ou expertas técnicos/as de alta cualificación.

−Recibos dos salarios aboados, xustificante das transferencias bancarias acreditativas do seu pagamento e boletíns de cotización á Seguridade Social TC1 e TC2 xa ingresados e non presentados coa solicitude de subvención.

−Declaración do cumprimento por parte da persoa ou entidade beneficiaria da obriga de informar o traballador ou traballadora acerca da subvención do seu contrato (segundo modelo anexo IX).

c) Subvención ao apoio á función xerencial:

−Listaxe asinada coa relación dos gastos e pagamentos realizados, indicando o importe de cada un, a suma total, a referencia e a descrición das facturas xustificativas do gasto realizado e da axuda concedida, segundo o modelo anexo IV desta orde.

−Facturas da empresa, entidade ou persoa física e documentos bancarios acreditativos do efectivo pagamento do servizo recibido.

−Informe escrito da actuación de apoio desenvolvida e, para o caso de consistir na elaboración dun estudo de mercado ou similar, presentarase copia del.

d) Subvención financeira:

−Copia do contrato de préstamo.

−Documentos acreditativos da incorporación e alta no correspondente réxime da Seguridade Social ou, de ser o caso, en colexio profesional e mutualidade que corresponda, das persoas que se incorporan á empresa para ocupar os empregos estables creados tidos en conta para o cálculo da subvención.

−Listaxe asinada coa relación dos investimentos e pagamentos realizados, indicando o importe de cada un, a suma total, a referencia e a descrición das facturas e demais documentos xustificativos do investimento realizado e da axuda concedida, segundo o modelo do anexo IV desta orde.

−Facturas e demais documentos xustificativos da realización do investimento en inmobilizado material ou intanxible e documento bancario acreditativo do seu pagamento.

e) Axuda para o inicio e posta en marcha da actividade:

−Listaxe asinada coa relación dos gastos e pagamentos realizados, indicando o importe de cada un, a suma total, a referencia e a descrición das facturas xustificativas do gasto realizado e da axuda concedida, segundo o modelo do anexo IV desta orde.

−Documentación xustificativa da realización dos gastos imputados á subvención, mediante facturas e documentos bancarios acreditativos do seu efectivo pagamento.

−Documentos acreditativos da incorporación e alta no correspondente réxime da Seguridade Social ou, de ser o caso, en colexio profesional e mutualidade que corresponda, das persoas que se incorporan á empresa para ocupar os empregos estables creados tidos en conta para o cálculo da subvención.

6. Cando concorran varias axudas ou subvencións só será necesario presentar unha vez a documentación coincidente, tanto na fase de solicitude coma na de xustificación do pagamento.

7. A documentación exixida para a fase de pagamento, xeral e específica, poderá presentarse xunto coa solicitude, á opción da entidade ou persoa interesada. Neste suposto poderán tramitarse conxuntamente a concesión e o pagamento da axuda.

8. Non se poderá realizar en ningún caso o pagamento da subvención mentres a persoa ou entidade beneficiaria non figure ao día do cumprimento das súas obrigas tributarias –estatais e autonómicas– e da Seguridade Social, sexa debedora en virtude de resolución declarativa da procedencia de reintegro ou teña algunha débeda pendente, por calquera concepto, coa Administración da comunidade autónoma.

Capítulo IV
Incompatibilidades e obrigas

Artigo 19. Incompatibilidades e concorrencia.

1. En ningún caso o importe das subvencións ou axudas concedidas ao abeiro desta orde poderá ser de tal contía que, illadamente ou en concorrencia con outras subvencións, axudas, ingresos ou recursos, concedidos por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais, da Unión Europea ou de organismos internacionais, supere o 80% do custo da actividade que vaia desenvolver a persoa ou entidade beneficiaria.

2. Non se poderán imputar os mesmos gastos aos distintos tipos de axuda previstos nesta orde.

3. As subvencións reguladas nesta orde serán incompatibles coas axudas establecidas nos programas de apoio a iniciativas de emprego de base tecnolóxica, de promoción do emprego autónomo, de iniciativas emprendedoras e de emprego, de integración laboral das persoas con discapacidade en centros especiais de emprego, así como no Programa de fomento do emprego en cooperativas e sociedades laborais, agás que se trate da axuda para o acceso á condición de socio ou socia traballador/a dunha cooperativa de traballo asociado, convocados pola Consellería de Traballo e Benestar.

4. A axuda á creación directa de emprego estable e a subvención por asistencia técnica para a contratación de expertos/as técnicos/as de alta cualificación serán incompatibles coas establecidas nos diferentes programas de fomento da contratación por conta allea convocados pola Consellería de Traballo e Benestar. Os ditos incentivos serán compatibles, de ser o caso, coas axudas ou bonificacións ás cotizacións á Seguridade Social.

Artigo 20. Obrigas das persoas ou entidades beneficiarias.

1. Son obrigas das persoas ou entidades beneficiarias das axudas e subvencións:

a) Realizar a actividade que fundamente a concesión da axuda ou subvención durante un tempo mínimo de tres anos, salvo cesamento por causas alleas á súa vontade, o que deberá acreditar de maneira que faga fe.

b) Xustificar ante o órgano concedente o cumprimento dos requisitos e das condicións, así como a realización da actividade e o cumprimento da finalidade que determinen a concesión da subvención.

c) Someterse ás actuacións de comprobación, que efectuará a Consellería de Traballo e Benestar, así como a calquera outra actuación, sexa de comprobación ou control financeiro, que poidan realizar os órganos de control competentes, tanto autonómicos coma estatais ou comunitarios, para o cal se achegará canta información lle sexa requirida no exercicio das actuacións anteriores.

d) Comunicarlle ao órgano concedente calquera modificación das condicións tidas en conta para a concesión da subvención, así como dos compromisos e obrigas asumidos polos beneficiarios e, de ser o caso, a obtención concorrente de subvencións, axudas, ingresos ou recursos que financien as actividades subvencionadas. Esta comunicación deberá efectuarse tan pronto como se coñeza e, en todo caso, con anterioridade á xustificación da aplicación dada aos fondos percibidos.

e) Estar ao día das súas obrigas tributarias estatais e autonómicas e da Seguridade Social, así como non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda, por ningún concepto, coa Administración pública da comunidade autónoma, con anterioridade a ditarse a proposta de resolución de concesión, e realizar a proposta de pagamento da subvención.

f) Dispoñer dos libros contables, rexistros dilixenciados e demais documentos debidamente auditados nos termos exixidos pola lexislación mercantil e sectorial aplicable ao beneficiario en cada caso, coa finalidade de garantir o adecuado exercicio das facultades de comprobación e control.

g) Conservar os documentos xustificativos da aplicación dos fondos recibidos, incluídos os documentos electrónicos, mentres poidan ser obxecto das actuacións de comprobación e control.

En especial, e dado que as subvencións concedidas ao abeiro desta orde están cofinanciadas polo Fondo Social Europeo, as persoas ou entidades beneficiarias garantirán a dispoñibilidade dos documentos xustificativos dos gastos e dos investimentos realizados e tidos en conta para a determinación da contía da subvención, e da xustificación da realización da actuación subvencionada, durante un período de tres anos a partir do peche do programa operativo, ou ben durante un período de tres anos a partir do ano en que tivese lugar o peche parcial deste, de acordo co disposto no artigo 90 do Regulamento (CE) 1083/2006. Os gastos subvencionados deberán poder identificarse na súa documentación contable de forma separada.

h) Adoptar as medidas adecuadas de difusión para dar publicidade ao financiamento público das actuacións subvencionadas pola Consellería de Traballo e Benestar, así como, se for o caso, cofinanciadas polo Fondo Social Europeo, nos termos establecidos no Regulamento (CE) n.º 1828/2006 da Comisión, do 8 de decembro de 2006, polo que se fixan normas de desenvolvemento do Regulamento (CE) n.º 1083/2006, do Consello, polo que se establecen as disposicións xerais relativas ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, ao Fondo Social Europeo e ao Fondo de Cohesión e o Regulamento (CE) n.º 1080/2006, do Parlamento Europeo e do Consello, relativo ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (DOUE L 45, do 15 de febreiro 2007). Neste senso, a persoa ou entidade beneficiaria deberá presentar, para o pagamento da subvención á creación directa de emprego estable e para a contratación de expertos ou expertas técnicos/as de alta cualificación, a xustificación do cumprimento da obriga de informar o traballador ou traballadora acerca da subvención do seu contrato, no modelo anexo IX desta orde. Así mesmo, a aceptación da axuda comunitaria implicará a súa aparición na lista pública conforme o previsto no artigo 17.5 desta orde.

i) Proceder ao reintegro dos fondos percibidos nos supostos previstos no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. As empresas beneficiarias das subvencións previstas nesta orde cando no período de tres anos, desde a data da incorporación á empresa, se produza o cesamento dalgunha persoa traballadora polo que se concedeu a subvención, están obrigadas no prazo de dous meses a cubrir a vacante, cun tempo de dedicación igual ao anterior; a nova persoa traballadora deberá pertencer a algún dos colectivos de persoas beneficiarias deste programa, polo cal se poida conceder unha subvención por importe igual ou superior ao da persoa que causase baixa, o que deberá serlle comunicado ao órgano que concedeu a axuda dentro dos vinte (20) días seguintes ao da substitución. Esta nova incorporación non dará lugar, en ningún caso, a unha nova axuda.

Para o suposto da cobertura destas vacantes poderán admitirse as transformacións de contratos temporais en indefinidos de traballadores ou traballadoras vinculados/as temporalmente á empresa, sempre que a baixa do traballador ou traballadora substituído/a se realice unha vez transcorrido o primeiro ano desde a súa incorporación á empresa.

Transcorridos tres anos desde a data de inicio da súa actividade, as empresas beneficiarias, co fin de garantiren o mantemento dos postos de traballo estables creados que fosen obxecto de subvención, presentarán, dentro dos tres meses seguintes, unha relación da variación das altas e baixas do persoal da empresa durante eses tres anos.

3. As empresas deberán manter no seu cadro de persoal a persoa experta técnica contratada, como mínimo, polo tempo subvencionado, e se se produce o cesamento da persoa traballadora, a empresa beneficiaria está obrigada, no prazo dun mes, a cubrir a vacante, cun tempo de dedicación igual ao anterior, o que deberá serlle comunicado ao órgano que concedeu a axuda dentro dos vinte (20) días seguintes ao da substitución. Esta nova incorporación non dará lugar, en ningún caso, a unha nova axuda.

Ademais, deberán presentar no prazo de dous meses desde a finalización do período subvencionado:

−Unha memoria das actividades realizadas polos expertos ou expertas.

−Recibos dos salarios, transferencias bancarias xustificativas do seu pagamento e boletíns de cotización á Seguridade Social TC1 e TC2 dos expertos e expertas técnicos/as, correspondentes ao período subvencionado, que non fosen presentados coa solicitude e para o pagamento.

Artigo 21. Modificación da resolución de concesión.

Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión das axudas ou subvencións, así como a obtención concorrente de subvencións e axudas outorgadas por outras administracións ou outros entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión e, eventualmente, á súa revogación.

Artigo 22. Revogación e reintegro.

1. Procederá a revogación das subvencións e axudas, así como o reintegro total ou parcial das cantidades percibidas e a exixencia do xuro de demora correspondente desde o momento do pagamento da subvención ata a data en que se acorde a procedencia do reintegro, nos casos previstos no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. A obriga de reintegro establecida no parágrafo anterior enténdese sen prexuízo do establecido no Real decreto lexislativo 5/2000, do 4 de agosto, polo que se aproba o texto refundido da Lei sobre infraccións e sancións na orde social.

3. No caso de incumprimento, salvo que se acrediten causas alleas á vontade do beneficiario, respecto da obriga de manter a actividade empresarial durante cando menos tres anos, e sempre que o cumprimento se aproxime de forma significativa ao cumprimento total, entendendo como tal ter mantido a actividade durante cando menos dous anos e que acredite a persoa ou entidade beneficiaria unha actuación inequivocamente tendente á satisfacción dos seus compromisos, procederá o reintegro das subvencións percibidas, de forma proporcional ao tempo que reste para o cumprimento dos tres anos.

4. Entenderase que se produce un incumprimento parcial e, polo tanto, procederá o reintegro parcial de todas as axudas percibidas en función da persoa traballadora de que se trate, cando a empresa beneficiaria incumpra a obriga establecida no artigo 20, punto 2, por cada contratación subvencionada e non substituída. Tamén procederá o reintegro parcial pola diferenza cando o traballador/a substituto/a sexa dun colectivo diferente ao substituído/a e lle correspondese unha subvención inicial inferior.

5. No suposto da subvención financeira, entenderase que se produce un incumprimento total cando o préstamo se cancele ou se amortice parcialmente antes de transcorrer dous anos contados desde a data da formalización do préstamo, e parcial cando, transcorridos os dous anos, a persoa ou entidade beneficiaria solicite autorización ao órgano concedente para a súa cancelación ou amortización parcial e os xuros devengados sexan inferiores á subvención concedida; neste caso deberase reintegrar a parte da subvención financeira non xerada.

Artigo 23. Exclusións.

1. Exclúense dos beneficios do programa establecido nesta orde:

a) Os empregos de carácter estable realizados con persoas desempregadas que, nos 24 meses anteriores á data de alta na Seguridade Social, prestasen servizos mediante un contrato indefinido en empresas nas cales participasen persoas ou entidades que, pola súa vez, sexan promotoras da empresa solicitante.

b) Os promotores e promotoras que, nos tres meses inmediatamente anteriores á data de inicio da nova actividade, estivesen de alta como traballadores ou traballadoras autónomos /as en calquera réxime da Seguridade Social.

c) As empresas que desenvolvan actividades empresariais que non coincidan coas do proxecto previamente cualificado como iniciativa local de emprego.

2. Non poderán obter a condición de beneficiario das subvencións establecidas nesta orde as persoas ou entidades en que concorran as circunstancias previstas no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia:

a) Ser condenadas mediante sentenza firme á pena de perda da posibilidade de obter subvencións ou axudas públicas.

b) Solicitar a declaración de concurso, ser declaradas insolventes en calquera procedemento, acharse declaradas en concurso, estar suxeitas a intervención xudicial ou ser inhabilitadas conforme a Lei concursal sen que conclúa o período de inhabilitación fixado na sentenza de cualificación do concurso.

c) Dar lugar, por causa da que fosen declaradas culpables, á resolución firme de calquera contrato subscrito coa Administración.

d) Estar incursa a persoa física, os administradores das sociedades mercantís ou aqueles que exerzan a representación legal doutras persoas xurídicas nalgún dos supostos de incompatibilidades que estableza a normativa vixente.

e) Non estar ao día no cumprimento das obrigas tributarias ou fronte á Seguridade Social ou ter pendente de pagamento algunha outra débeda coa Administración pública da comunidade autónoma nos termos regulamentariamente establecidos.

f) Ter a residencia fiscal nun país ou territorio cualificado regulamentariamente como paraíso fiscal.

g) Non estar ao día de pagamento de obrigas por reintegro de subvencións nos termos regulamentariamente establecidos.

h) Ser sancionada mediante resolución firme coa perda da posibilidade de obter subvencións segundo a Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, ou a Lei xeral tributaria.

Non poderán acceder á condición de entidade beneficiaria as agrupacións de persoas físicas ou xurídicas, públicas ou privadas sen personalidade, cando concorra algunha das prohibicións anteriores en calquera dos seus membros.

3. Non poderán obter a condición de persoa ou entidade beneficiaria cando estean excluídas do acceso aos beneficios derivados da aplicación dos programas de emprego, conforme o establecido no artigo 46.2 do texto refundido da Lei de infraccións e sancións na orde social, aprobado polo Real decreto lexislativo 5/2000, do 4 de agosto.

4. A xustificación por parte das persoas ou entidades solicitantes de non estar incursas nas prohibicións, contidas nos puntos 2 e 3 anteriores, para obter a condición de beneficiario, realizarase mediante declaración responsable.

Artigo 24. Seguimento e control.

As xefaturas territoriais da Consellería de Traballo e Benestar e a Dirección Xeral de Promoción do Emprego poderán comprobar, en todo momento, a aplicación das subvencións concedidas para os fins programados. Para estes efectos, as persoas ou entidades beneficiarias deberán cumprir as obrigas de comprobación que se establezan nesta orde e na resolución de concesión.

Artigo 25. Axudas baixo condicións de minimis.

Os incentivos establecidos nesta orde quedan sometidos ao réxime de minimis, establecidos no Regulamento CE n.º 1998/2006 da Comisión, do 15 de decembro de 2006, relativo á aplicación dos artigos 87 e 88 do Tratado CE ás axudas de minimis (DOUE L 379, do 28 de decembro). Esta circunstancia farase constar expresamente nas resolucións de concesión.

Polo tanto, a axuda total de minimis concedida a unha empresa non será superior a 200.000 euros durante calquera período de tres exercicios fiscais, ou a 100.000 euros no suposto dunha axuda concedida a unha empresa que opere no sector do transporte por estrada, e non se poderá conceder a empresas dos seguintes sectores:

a) Pesca e acuicultura, segundo se recolle no Regulamento (CE) n.º 104/2000, do Consello.

b) Produción primaria dos produtos agrícolas que figuran na lista do anexo I do Tratado.

c) Actividades relacionadas coa exportación a países terceiros ou Estados membros, cando a axuda estea vinculada directamente ás cantidades exportadas, á creación e funcionamento dunha rede de distribución ou a outros gastos de explotación vinculados á actividade de exportación.

d) Carbón, segundo se define no Regulamento (CE) n.º 1407/2002.

Artigo 26. Devolución voluntaria da subvención.

De acordo co establecido no artigo 64 do Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, as persoas ou entidades beneficiarias poderán realizar, sen o requirimento previo da Administración, a devolución total ou parcial da subvención concedida, mediante o seu ingreso na conta de Novacaixagalicia 2091 0300 47 3110063172, en concepto de devolución voluntaria da subvención.

En todo caso, a entidade beneficiaria deberá presentar ante o órgano concedente copia xustificativa da devolución voluntaria realizada, en que conste a data do ingreso, o seu importe, o número do expediente e a denominación da subvención concedida.

Disposición adicional primeira.

Sen prexuízo das facultades que teñan atribuídas outros órganos da Administración do Estado ou da comunidade autónoma, a Consellería de Traballo e Benestar levará a cabo a función de control, así como da avaliación e seguimento deste programa.

Para realizar as ditas funcións poderanse utilizar cantos medios estean á disposición da Consellería de Traballo e Benestar para comprobar o cumprimento dos requisitos exixidos nesta orde e demais normas vixentes que resulten de aplicación.

Ademais, os axentes de emprego e desenvolvemento local que realicen os labores de acompañamento e asesoramento colaborarán nas actuacións de seguimento e avaliación das empresas subvencionadas ao abeiro desta orde unha vez iniciada a súa actividade.

Disposición adicional segunda.

A Consellería de Traballo e Benestar poderá requirir en todo momento a documentación orixinal que se considere necesaria para acreditar mellor o exacto cumprimento das condicións exixidas para os diferentes tipos de axuda previstas nesta orde, agás aquela que, de acordo co artigo 35 f) da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, xa se atope en poder da Administración actuante.

Disposición adicional terceira.

Apróbase a delegación de atribucións da persoa titular da Consellería de Traballo e Benestar nas persoas titulares das xefaturas territoriais, no ámbito das súas respectivas provincias e na persoa titular da Dirección Xeral de Promoción do Emprego, para resolver a concesión ou denegación das axudas e subvencións previstas nesta orde, así como para autorizar, dispoñer, recoñecer a obriga e propoñer os correspondentes pagamentos, así como para resolver os procedementos de reintegro das subvencións indebidamente percibidas polos seus beneficiarios/as, respecto das resolucións concesorias, de que traen causas, ditadas por delegación da persoa titular da consellería. Así mesmo, apróbase a delegación de atribucións da persoa titular da Consellería de Traballo e Benestar na persoa titular da Dirección Xeral de Promoción do Emprego para a tramitación e resolución dos expedientes de desconcentración dos créditos necesarios para o financiamento desta orde.

Disposición adicional cuarta.

A comprobación da condición de persoa con discapacidade realizaraa directamente o órgano xestor das axudas, agás que fose recoñecida por outra Administración distinta da propia da Comunidade Autónoma de Galicia.

Non obstante, de acordo co disposto no artigo 1.2 da Lei 51/2003, do 2 de decembro, de igualdade de oportunidades, non–discriminación e accesibilidade universal das persoas con discapacidade, consideraranse en todo caso afectados por unha discapacidade igual ou superior ao 33% as persoas pensionistas da Seguridade Social que teñan recoñecida unha pensión de incapacidade permanente no grao de total, absoluta ou grande invalidez e as persoas pensionistas de clases pasivas que teñan recoñecida unha pensión por xubilación ou de retiro por incapacidade permanente para o servizo ou inutilidade. Nestes supostos, a acreditación do grao de discapacidade realizarase conforme o previsto no Real decreto 1414/2006, do 1 de decembro, polo que se determina a consideración de persoa con discapacidade para os efectos da Lei 51/2003, do 2 de decembro, de igualdade de oportunidades, non–discriminación e accesibilidade universal das persoas con discapacidade (BOE n.º 300, do 16 de decembro).

Disposición adicional quinta.

Para os efectos da subvención financeira e para acreditar o requisito do destino do préstamo, entenderase por inmobilizado material ou intanxible aquel definido como tal no Real decreto 1514/2007, do 16 de novembro, polo que se aproba o Plan Xeral de Contabilidade, e no Real decreto 1515/2007, do 16 de novembro, polo que se aproba o Plan Xeral de Contabilidade de Pequenas e Medianas Empresas e os criterios contables específicos para microempresas, e incluídos nos subgrupos 20, 21 e 23 do cadro de contas dos citados plans, excluídos os anticipos.

Os investimentos poderán ser computados sempre que as facturas estean expedidas a nome da persoa ou entidade solicitante, e non sexan emitidas por algún dos promotores da empresa. Exclúense os impostos, así como os investimentos referidos aos domicilios particulares dalgún dos promotores, agás aqueles debidamente acreditados que sexan imprescindibles para o desenvolvemento da actividade empresarial ou profesional.

No suposto de elementos de transporte, soamente se computarán os vehículos comerciais ou industriais que se empreguen no desenvolvemento da actividade empresarial ou profesional, así como os vehículos automóbiles de turismo que sexan empregados nos desprazamentos profesionais polos representantes ou axentes comerciais, os empregados na venda a domicilio, na prestación de servizos de transporte de viaxeiros, de ensino de condutores, e os empregados en servizos de vixilancia, ao 100 % do seu prezo de adquisición, excluído o imposto sobre o valor engadido.

Non obstante, para as empresas que realicen por conta allea operacións de transporte por estrada, non se poderá conceder a subvención financeira para a adquisición de vehículos de transporte de mercadorías por estrada.

En ningún caso para a acreditación do inmobilizado material ou intanxible se terán en conta os contratos de arrendamento financeiro nin outras figuras xurídicas afíns que non concedan á persoa ou entidade solicitante o pleno dominio ou titularidade inicial do investimento.

Disposición adicional sexta.

A concesión das subvencións previstas nesta orde estará suxeita á existencia de crédito orzamentario.

O pagamento das subvencións reguladas nesta orde financiaranse con cargo aos créditos das aplicacións orzamentarias: 12.04.322C.470.1, código proxecto 2011 00906, cun crédito de 750.000 euros; 12.04.322C.472.0, código de proxecto 2009 01038, cun crédito de 7.000 euros; 12.04.322C.472.0, código de proxecto 2010 00768, cun crédito de 180.471,04 euros, e 12.04.322C.472.0, código de proxecto 2011 00607, cun crédito de 530.160 euros. Estas contías están recollidas na Lei 14/2010, do 27 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2011.

Os ditos créditos poderán ser obxecto de modificacións como consecuencia da asignación ou da redistribución de fondos para o financiamento dos programas de fomento do emprego, coas limitacións que estableza a Conferencia Sectorial de Emprego e Asuntos Laborais ou as disposicións aplicables ás axudas cofinanciadas polo Fondo Social Europeo.

Poderá ampliarse a contía máxima dos créditos dispoñibles para esta convocatoria. O incremento do crédito estará condicionado á declaración de dispoñibilidade do crédito como consecuencia dunha xeración, ampliación ou incorporación de crédito, da existencia de remanentes doutras convocatorias financiadas con cargo ao mesmo crédito ou créditos incluídos no mesmo programa ou en programas do mesmo servizo.

Disposición adicional sétima.

O Programa de apoio ás iniciativas locais de emprego (ILES) é cofinanciable polo Fondo Social Europeo, nunha porcentaxe do 80% no eixe 1, tema prioritario 62, e no eixe 2, tema prioritario 80 do Programa operativo Galicia do Fondo Social Europeo no marco de converxencia, aprobado pola Decisión da Comisión Europea C (2007) 6733, do 18 de decembro de 2007. Este cofinanciamento do Fondo Social Europeo farase constar expresamente nas resolucións de concesión.

Disposición transitoria primeira.

Ás iniciativas locais de emprego que iniciasen a súa actividade entre o 1 de xullo de 2009 e ata o 30 de xuño de 2010, con carácter excepcional e para o exercicio económico de 2011, poderá concedérselles as axudas previstas nos artigos 7 e 9 desta orde, sempre que cumpran os requisitos, polos gastos realizados desde o inicio da actividade e ata o 30 de xuño de 2010 que non fosen xustificados para solicitudes presentadas ao abeiro de anteriores ordes de convocatoria. Neste suposto, tamén deberán presentar as solicitudes de axudas no mesmo prazo xeral previsto no artigo 13.2 desta orde.

Disposición transitoria segunda.

Cando se concedese, ao abeiro da orde de convocatoria do ano 2010, un importe de subvención en concepto de axuda para o inicio e posta en marcha da actividade que non acadase a contía máxima prevista, a persoa ou entidade beneficiaria poderá formular outra solicitude ao abeiro desta orde. Neste caso, a contía que se conceda non poderá superar, en concorrencia coa aboada ao abeiro da orde de convocatoria do ano anterior, a contía máxima por posto de traballo estable creado prevista no punto 2 do artigo 9 e co límite máximo dos gastos subvencionables recollidos no punto 3 do artigo 9. Neste suposto, deberán presentar as solicitudes de axudas no mesmo prazo xeral previsto no artigo 13.2 desta orde.

Disposición derradeira primeira.

Facúltase a persoa titular da Dirección Xeral de Promoción do Emprego para que dite, no ámbito das súas competencias, as resolucións e instrucións necesarias para o desenvolvemento e cumprimento desta orde.

Disposición derradeira segunda.

Esta orde entrará en vigor ao día seguinte o da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 20 de maio de 2011.

Beatriz Mato Otero
Conselleira de Traballo e Benestar

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file