Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 103 Luns, 30 de maio de 2011 Páx. 12167

III. Outras disposicións

Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

RESOLUCIÓN do 19 de maio de 2011, da Secretaría Xeral da Igualdade, pola que se establecen as bases que rexerán o procedemento de concesión de axudas económicas destinadas a fomentar o asociacionismo e a participación das mulleres e se procede á súa convocatoria.

O Estatuto de autonomía determina, no seu artigo 4, que corresponde aos poderes públicos de Galicia promover as condicións para que a liberdade e a igualdade do individuo e dos grupos en que se integra sexan reais e efectivas, remover os obstáculos que impidan ou dificulten a súa plenitude e facilitar a participación de todos os galegos na vida política, económica, cultural e social.

A Lei 7/2004, do 16 de xullo, galega para a igualdade de mulleres e homes, reforza o compromiso da comunidade autónoma na eliminación da discriminación entre mulleres e homes e na promoción da igualdade, establecendo como criterio xeral de actuación da Xunta de Galicia neste ámbito a colaboración coas asociacións e grupos de mulleres.

De conformidade co Decreto 325/2009, do 18 de xuño, polo que se establece a estrutura orgánica dos órganos superiores dependentes da Presidencia da Xunta de Galicia, na redacción dada polo Decreto 215/2010, do 16 de decembro, corresponde á Secretaría Xeral da Igualdade, como órgano superior da Administración autonómica en materia de igualdade, entre outras funcións, propor medidas, programas e normas dirixidas á promoción do exercicio efectivo dos dereitos das mulleres, a incrementar a súa participación na vida económica, laboral, política, social e cultural e a eliminar as discriminacións existentes entre sexos.

Polo anteriormente exposto, a Secretaría Xeral da Igualdade considera necesario contribuír a estimular e, ao mesmo tempo, a dinamizar a vida interna das asociacións de mulleres, na procura da potenciación dos valores e finalidades destas entidades, para o que pon en marcha axudas económicas dirixidas ás asociacións de mulleres e ás súas federacións, e que teñen como finalidade fortalecer e consolidar, e tamén dinamizar, o movemento asociativo feminino. Así mesmo, e en concordancia coas accións que está a promover o Goberno galego para que a poboación galega teña unha maior calidade de vida, tamén se contemplan axudas destinadas a realización de accións que promovan hábitos de vida saudables e de actividade física entre as mulleres.

As subvencións concedidas a través desta resolución estarán cofinanciadas polo Fondo Social Europeo a través do Programa operativo do Fondo Social Europeo de Galicia 2007-2013, eixo 2-tema prioritario 69, e axustaranse ás normas sobre elexibilidade aplicables ás axudas financeiras con fondos comunitarios e, en particular, ao disposto no Regulamento (CE) 1828/2006 da Comisión, do 8 de decembro de 2006, que fixa normas de desenvolvemento para o Regulamento (CE) 1083/2006 do Consello, do 11 de xullo, polo que se establecen as disposicións xerais relativas ao fondo europeo de desenvolvemento rexional, ao fondo social europeo e ao fondo de cohesión, no Regulamento (CE) 1080/2006, do Parlamento Europeo e do Consello, relativo ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (DOUE L 45, 15.2.2007) e mais na Orde TIN/2965/2008, do 14 de outubro, pola que se determinan os gastos subvencionables polo Fondo Social Europeo durante o período de programación 2007-2013 e a Orde TIN/788/2009 que a modifica.

Esta resolución axústase ao disposto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da Lei 9/2007 e, así mesmo, adáptase ao disposto na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, tendo en conta, en todo caso, os principios de publicidade, transparencia, concorrencia, obxectividade, igualdade, non-discriminación, eficacia no cumprimento dos obxectivos fixados pola Administración da Xunta de Galicia e eficiencia na asignación e na utilización dos recursos públicos, e os demais requisitos exixidos na Lei 14/2010, do 27 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónomo de Galicia para o ano 2011, existindo crédito adecuado e suficiente para o financiamento do gasto que se proxecta.

A disposición adicional segunda do Decreto 325/2009, do 18 de xuño, de estrutura orgánica dos órganos superiores dependentes da Presidencia da Xunta de Galicia, desconcentra nas secretarías xerais dependentes da Presidencia a competencia para a aprobación das bases, a convocatoria e a resolución das axudas e subvencións do seu respectivo ámbito de competencia.

Na súa virtude e no uso das atribucións que me foron conferidas,

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto e réxime das axudas.

1. A presente resolución ten por obxecto fixar as bases reguladoras e a convocatoria, para o ano 2011, de axudas económicas en favor das asociacións de mulleres e federacións constituídas por estas, coa finalidade de fortalecer e consolidar o movemento asociativo e potenciar a participación social e a calidade de vida das mulleres galegas, a través das seguintes liñas:

a) Liña 1: consolidación do movemento asociativo, destinada a compensar gastos correntes que orixine o mantemento e funcionamento das asociacións de mulleres e as súas federacións.

b) Liña 2: promoción de hábitos de vida saudables, destinada a compensar gastos correntes e/ou de persoal producidos polo desenvolvemento de actividades destinadas a esta finalidade.

2. Estas axudas outorgaranse en réxime de concorrencia competitiva e de acordo cos principios de publicidade, transparencia, concorrencia, obxectividade, igualdade, non-discriminación, eficacia no cumprimento dos obxectivos fixados pola Administración da Xunta de Galicia e eficiencia na asignación e na utilización dos recursos públicos.

Artigo 2. Compatibilidade das axudas.

1. A percepción destas axudas é compatible con outras subvencións, axudas e ingresos ou recursos para a mesma finalidade, procedentes de calquera outra Administración ou ente público ou privado. Non obstante, os gastos financiados ao abeiro desta resolución non poderán acollerse a outras axudas procedentes do Fondo Social Europeo ou doutros fondos ou instrumentos financeiros comunitarios.

2. O importe da subvención concedida non poderá en ningún caso, illadamente ou en concorrencia con outras subvencións ou axudas, superar o custo da actividade que vai desenvolver a entidade solicitante.

3. No caso de entidades solicitantes que sexan perceptoras doutras axudas para o mesmo fin concedidas por outra entidade, deberán acreditar documentalmente a súa natureza e contía.

Artigo 3. Financiamento.

1. As axudas obxecto desta convocatoria financiaranse con cargo á aplicación orzamentaria 04.40.313B.480.0 por un importe total máximo de douscentos mil euros (200.000 euros), e poden estar cofinanciadas ao 80% con fondos FSE no Programa operativo de Galicia 2007-2013, eixo 2, tema prioritario 69, de acordo coa seguinte distribución:

–Liña 1, consolidación do movemento asociativo: ata 80.000 euros.

–Liña 2, promoción de hábitos de vida saudables: ata 120.000 euros.

Se sobrar crédito nunha das dúas liñas unha vez feita a valoración de todas as solicitudes presentadas, poderase destinar este remanente a subvencionar actuacións da outra liña que, sendo susceptibles de seren subvencionadas, non o fosen por terse esgotado a dotación orzamentaria inicial.

2. A asignación do gasto queda condicionada á existencia de crédito adecuado e suficiente para o seu financiamento, e pode, por outra banda, a cantidade citada ser incrementada de acordo coas dispoñibilidades orzamentarias e sempre que o incremento derive dos supostos establecidos no artigo 31.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

3. O crédito asignado será obxecto de desconcentración nas xefaturas territoriais de xeito proporcional ao número de instancias presentadas en cada provincia.

Artigo 4. Entidades beneficiarias.

1. Poderán ser beneficiarias das axudas previstas nesta convocatoria as asociacións de mulleres e federacións constituídas por estas, domiciliadas na Comunidade Autónoma de Galicia, sen ánimo de lucro, que estean legalmente constituídas ao abeiro da Lei orgánica  1/2002, do 22 de marzo, reguladora do dereito de asociación, e inscritas no Rexistro Único de Entidades Prestadoras de Servizos Sociais, nas áreas de actuación da muller ou de igualdade.

2. Para os efectos desta resolución é compatible a solicitude de subvención por parte dunha asociación coa pertenza a unha federación que, así mesmo, solicite a subvención.

3. Non se considerarán as solicitudes das entidades que non estean inscritas e coa totalidade dos seus datos actualizados na data en que remate o prazo de presentación de solicitudes.

4. Tanto no caso das asociacións como das federacións as mulleres socias representarán, polo menos, o 90% da totalidade das persoas asociadas.

5. Os fins e obxectivos das asociacións e das federacións solicitantes deberán contribuír:

a) Promover a igualdade entre homes e mulleres.

b) Promover a participación e a presenza das mulleres na vida política, económica, cultural e social.

Estes fins e obxectivos deberán estar recollidos nos estatutos da asociación ou federación ou desprenderse da súa actuación xeral, e non serán obxecto de consideración as solicitudes de entidades que non cumpran este requisito.

As entidades solicitantes deberán cumprir, en todo caso, os requisitos para obter a condición de beneficiarias exixidos no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 5. Accións e gastos subvencionables.

1. Liña 1: consolidación do movemento asociativo.

1.1 Accións subvencionables.

Poderán ser obxecto de subvención na liña 1 os gastos derivados do funcionamento ordinario da entidade.

1.2 Gastos subvencionables.

Terán a consideración de subvencionables os gastos que orixine o mantemento ou funcionamento destas entidades, entre outros, os seguintes gastos correntes en bens e servizos:

a) Gastos correspondentes ao aluguer do local onde se sitúe a sede social da asociación ou federación.

b) Gastos de administración xeral e material funxible de oficina e ofimático, gastos de correo e outros análogos.

c) Gastos de persoal administrativo contratado pola asociación ou federación.

d) Gastos ocasionados por obras de conservación e mantemento e pequenas reparacións que non teñan o carácter de inventariables por non implicaren incremento do valor patrimonial da sede social.

e) Asesoramento xurídico, fiscal e contable da asociación ou federación.

f) Gastos derivados das subministracións de auga, electricidade e similares relativos ao local da sede social, así como gastos da liña telefónica.

g) Instalación de liñas ADSL, mantemento de equipamentos informáticos e creación ou mantemento da páxina web da asociación ou federación.

2. Liña 2: promoción de hábitos de vida saudables.

2.1 Accións subvencionables.

2.1.1 Poderá ser obxecto de subvención na liña 2 o desenvolvemento de actividades dirixidas a:

a) Promoción do exercicio físico: ximnasia, ioga, tai chi, pilates, entre outros.

b) Promoción de hábitos alimenticios saudables: obradoiros, conferencias e actividades sobre cociña saudable, dietas equilibradas, consellos médicos e pautas de alimentación.

c) Prevención de enfermidades crónicas prevalentes nas mulleres e estímulo de condutas de autocoidado, tanto físico como psicolóxico: obradoiros, conferencias e outras actividades de prevención.

2.1.2 Cada entidade só poderá presentar solicitude de subvención para un máximo de tres actuacións de promoción de hábitos de vida saudables.

2.1.3 As actividades anteriores deberán atender ás necesidades específicas das persoas con discapacidade no seu deseño e/ou desenvolvemento, de ser o caso.

2.2 Gastos subvencionables.

Terán a consideración de subvencionables os gastos seguintes:

a) Gastos de persoal necesario para a execución das actividades.

Serán subvencionables as retribucións totais do persoal contratado especificamente para a execución das actividades, tendo en conta a contía establecida na normativa aplicable por xornada real de traballo para os correspondentes grupos profesionais nos respectivos convenios colectivos.

b) Gastos de relatoras/es: honorarios, aloxamento, transporte.

c) Gastos derivados da realización do programa ou actividade subvencionados:

–Elaboración de materiais.

–Gastos de publicidade e propaganda específicos do programa ou actividade.

–Material de oficina: papel, impresos e outro material de oficina.

d) Outros gastos correntes directamente derivados da realización das actividades, que estean perfectamente xustificados e se consideren fundamentais para o seu desenvolvemento.

3. Os gastos anteriormente mencionados deberán cumprir os seguintes requisitos: ser un gasto directo da acción, axeitado aos obxectivos, que exista constancia documental sobre a súa realización de maneira verificable, que se acredite mediante facturas ou documentos de valor probatorio equivalente con validez no tráfico xurídico mercantil ou con eficacia administrativa (ex.: nóminas, boletíns de cotización á Seguridade Social) e que se realice e que sexa efectivamente pagado pola entidade beneficiaria entre o 1 de xaneiro e o 31 de outubro de 2011.

4. Cada asociación ou federación só poderá presentar solicitude de axuda para unha das dúas liñas establecidas.

5. As axudas previstas non poderán en ningún caso superar a contía de 6.000 euros por entidade. No caso da liña 2 establécese, ademais, un límite de 2.000 euros por actividade.

Artigo 6. Solicitudes, prazo de presentación e documentación.

1. As solicitudes para participar no procedemento de concesión das subvencións dirixiranse, xunto coa documentación necesaria, ao/á xefe/a da xefatura territorial competente en función da provincia en que a asociación teña establecida a súa sede social, a través de calquera dos medios previstos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, entre as cales se inclúen os rexistros dos concellos que teñan subscrito o convenio de colaboración para a implantación dun sistema intercomunicador do rexistro coa Administración da Comunidade Autónoma de Galicia.

2. A solicitude e demais documentación presentarase obrigatoriamente nos modelos normalizados que se inclúen como anexos desta resolución. Os ditos anexos publícanse no DOG; non obstante poderanse obter, cubrir e imprimir a través da web http://www.mulleresengalicia.es

3. A solicitude será subscrita pola persoa representante legal da entidade.

4. O prazo para a presentación de solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día de prazo for inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes do vencemento non houber día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último do mes.

5. Xunto coa solicitude (anexo I) presentarase a seguinte documentación, que será imprescindible para a súa valoración:

a) Fotocopia da tarxeta de identificación fiscal da entidade.

b) Certificación bancaria orixinal da conta de que é titular a entidade solicitante e onde se desexa que se faga efectivo o pagamento da subvención.

c) Fotocopia dos estatutos da entidade.

d) Certificación expedida pola secretaría da entidade, acreditativa da identidade da súa representación legal, conforme o modelo que figura como anexo II desta resolución.

e) Memoria explicativa da entidade segundo o anexo III desta resolución, sen que sexan admitidas aquelas memorias que non sexan realizadas segundo o dito anexo.

f) Memoria das actividades realizadas no ámbito das políticas de igualdade nos últimos dous anos na que deberá constar, cando menos, o nome da actividade realizada, o ano, o número de horas, o número de persoas participantes, os contidos impartidos e os obxectivos (anexo IV).

g) Declaración responsable asinada pola/o representante legal da entidade en que se exprese que non concorre algunha das circunstancias a que se refire o artigo 10 da Lei  9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, o acordo coas actuacións de control e supervisión da Secretaría Xeral da Igualdade e, de ser o caso, do Fondo Social Europeo, da Unidade Administradora do Fondo Social Europeo do Ministerio de Traballo e Inmigración e, de estar ao día nas obrigas tributarias e sociais (anexo V).

h) Declaración do conxunto de todas as solicitudes de axudas concedidas e/ou solicitadas para o mesmo proxecto procedentes das distintas administracións públicas ou doutros entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais (anexo VI).

i) Para o caso das federacións de asociacións de mulleres, presentarase certificación da secretaría da federación en que conste a relación nominal de asociacións que a compoñen, así como o número de asociadas de cada unha das ditas asociacións.

j) Certificación emitida pola secretaría da asociación co visto e prace da presidencia de que, tanto no caso das asociacións como das federacións, as mulleres socias representan, polo menos, o 90% da totalidade das persoas asociadas (anexo V).

k) Orzamento desagregado onde consten os custos estimados dos conceptos para os cales se solicita a subvención (anexo VII).

l) Compromiso de utilización da lingua galega, de ser o caso (anexo V).

m) Se a entidade solicita a subvención para o desenvolvemento de actividades de promoción de hábitos de vida saudables deberá presentar, ademais da documentación relacionada no número 2 do presente artigo, un programa das actividades que se van realizar (anexo VIII).

6. As entidades ateranse ás especificacións destas bases para a elaboración e presentación da súa solicitude, empregando obrigatoriamente os anexos normalizados para os documentos sinalados neste artigo. Estes formularios presentaranse no seu formato orixinal e sen emendas nin riscaduras; a inobservancia deste punto dará lugar á inadmisión da solicitude. Así mesmo, deben ter en conta que toda a documentación se debe presentar en papel tamaño DIN A4, sen usar grampas, espirais, carpetas clasificadoras, arquivadores, encadernacións ou calquera outro engadido ao papel que dificulte ou impida os procesos de tratamento, arquivo e dixitalización da documentación e supoña un gasto evitable e superfluo para as solicitantes; a presentación óptima realizarase coa documentación numerada e fixada mediante elementos metálicos tipo fastener ou clips de suxeición similares. Cómpre ter tamén en conta que engadir portadas á primeira folla dos modelos normalizados dificulta o proceso nos rexistros oficiais e a alta dos expedientes administrativos, polo que se deberá omitir esta práctica procurando que o selo do rexistro de entrada figure no anexo de solicitude.

7. A inscrición da entidade no Rexistro Único de Entidades Prestadoras de Servizos Sociais será verificada de oficio por parte do órgano instrutor do procedemento.

Artigo 7. Consentimentos e autorizacións.

1. A presentación da solicitude implica o coñecemento e a aceptación destas bases reguladoras e comporta a autorización da entidade solicitante para que o órgano concedente consulte os datos de identidade da/o representante legal que asina a solicitude e para que obteña de forma directa a acreditación do cumprimento das súas obrigas tributarias co Estado, coa comunidade autónoma e coa Seguridade Social, a través de certificacións telemáticas. Cando da actuación de oficio resultar que a entidade solicitante ou beneficiaria non se atopa ao día das súas obrigas tributarias e sociais, requiriráselle para que regularice a situación e presente por si mesma o correspondente certificado. Para o trámite de adxudicación, estes certificados poderán ser substituídos por declaración responsable do órgano competente da entidade solicitante que se presentará xunto coa solicitude.

De conformidade co artigo 20.3 da Lei 9/2007, se a persoa solicitante indica que certa documentación que se deba usar neste procedemento xa figura no poder da Administración, a presentación da solicitude implica a autorización ao órgano instrutor para acceder a ela. Para estes efectos, a documentación débese manter vixente e identificarase no formulario de solicitude o procedemento administrativo para o que foi presentada.

2. De acordo co establecido na disposición adicional primeira do Decreto 132/2006, do  27 de xullo, de creación dos rexistros de axudas, subvencións e convenios e de sancións da Xunta de Galicia, a entidade solicitante da subvención consentirá expresamente a inclusión e publicidade no devandito rexistro dos datos relevantes referidos ás axudas e subvencións recibidas, así como ás sancións impostas, feito que terá lugar salvo nos supostos legalmente establecidos.

3. De conformidade co artigo 13.4 da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e de boas prácticas na Administración pública galega, a Secretaría Xeral da Igualdade publicará na súa páxina web oficial a relación de entidades beneficiarias e o importe das axudas concedidas, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos das entidades beneficiarias e a súa publicación na citada páxina web, coas excepcións previstas nas leis.

4. A Secretaría Xeral da Igualdade velará polos datos de carácter persoal que serán obxecto de tratamento, e para eses efectos procederase á súa incorporación a un ficheiro que cumprirá as exixencias da Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal, para o que se adoptarán tanto as medidas de seguranza técnicas como organizativas.

A finalidade da recolla e tratamento dos datos persoais será estritamente a xestión e tramitación dos expedientes correspondentes e as que deriven da aplicación da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e boas prácticas na Administración pública galega.

Os datos non serán obxecto de cesión a terceiras persoas; non obstante, a Secretaría Xeral da Igualdade revelará ás autoridades públicas competentes os datos persoais e calquera outra información que estea no seu poder ou sexa accesible a través dos seus sistemas e lle sexa requirida, de conformidade coas disposicións legais e regulamentarias aplicables ao caso.

Decláranse recoñecidos os dereitos de acceso, cancelación, rectificación e oposición, que poderán exercerse ben mediante escrito en que se forneza identificación suficiente, dirixido ao seguinte enderezo: Secretaría Xeral da Igualdade, edificio administrativo San Lázaro, s/n, 15781 Santiago de Compostela, ou ben mediante o procedemento habilitado para estes efectos dispoñible na Guía do cidadán da páxina web da Xunta de Galicia.

Artigo 8. Instrución dos procedementos.

1. A instrución dos procedementos corresponde aos servizos de Igualdade das xefaturas territoriais.

2. O órgano instrutor realizará de oficio cantas actuacións considere necesarias para a determinación, o coñecemento e a comprobación dos datos en virtude dos cales se debe formular a proposta de resolución.

3. De conformidade co establecido no artigo 71 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, se a solicitude non reúne algún dos requisitos exixidos na presente convocatoria, o órgano instrutor requirirá as persoas interesadas para que, nun prazo de dez días hábiles, emenden a falta ou presenten os documentos preceptivos. Neste requirimento farase indicación expresa de que, se así non o fixeren, se terán por desistidas da súa petición, logo da correspondente resolución.

4. Por tratarse dun procedemento de concorrencia competitiva, e de conformidade co establecido nos artigos 59, 60 e 61 da indicada Lei 30/1992, os citados requirimentos de emenda poderanse facer ben a través de notificación individualizada, ben mediante publicación no Diario Oficial de Galicia e na páxina web da Secretaría Xeral da Igualdade, a cal producirá os mesmos efectos que a devandita notificación.

5. Sen prexuízo do disposto no parágrafo anterior, poderáselle requirir á entidade solicitante que achegue cantos datos, documentos complementarios e aclaracións resulten necesarios para a tramitación e resolución do procedemento.

6. Unha vez revisadas as solicitudes e as emendas feitas, aqueles expedientes administrativos que reúnan todos os requisitos e a documentación necesaria serán remitidos á comisión encargada da súa valoración, de acordo co establecido no artigo 9.

7. Os expedientes que non cumpran as exixencias contidas nesta resolución ou na normativa de aplicación, que non conteñan a documentación necesaria ou, de ser o caso, non a presenten nos modelos normalizados, quedarán ao dispor do órgano instrutor para que formule a proposta de resolución de inadmisión, na cal se indicarán as causas desta. En todo caso, non se admitirán a trámite, procedéndose ao seu arquivo sen posibilidade de emenda, as solicitudes que se presenten fóra do prazo establecido nesta convocatoria.

Artigo 9. Comisión de valoración.

1. Conforme o establecido no artigo 21 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia crearase en cada delegación unha comisión de valoración para estes efectos, a cal estará presidida pola/o xefa/e do Servizo de Igualdade da respectiva delegación e da cal formarán parte, ademais, dúas/dous traballadoras/es designados polo/a respectivo/a xefe/a territorial. Actuará como secretaria/o unha/un das/dos traballadoras/es anteriormente mencionados. Se por calquera causa algunha das persoas que a compoñen non puider asistir ás reunións, será substituída pola/o funcionaria/o que designe o órgano competente para o outorgamento da axuda.

2. A comisión de valoración, motivadamente, poderá requirir das entidades solicitantes das subvencións información ou documentación adicional que, non estando en poder da Administración, teña fundamental relevancia e unha relación directa para unha mellor avaliación das solicitudes.

3. Avaliadas as solicitudes seguindo os criterios establecidos no artigo 10, a comisión de valoración emitirá un informe con base no cal o órgano instrutor elevará unha proposta de resolución ao órgano competente para resolver a concesión ou denegación da subvención solicitada. Nesta proposta figurarán as solicitudes propostas para obter a axuda e o importe para cada unha delas, ata esgotar o crédito dispoñible. O resto das solicitudes consideradas subvencionables quedará en reserva para seren atendidas no suposto de quedar crédito libre por terse producido algunha renuncia ou se se producir un incremento do crédito inicialmente dispoñible, de acordo co establecido no artigo 30.2.do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. Para estes efectos poderanse realizar sucesivas propostas de resolución conforme o sinalado neste artigo.

Artigo 10. Criterios de avaliación.

1. Na valoración das solicitudes presentadas polas entidades peticionarias, que, en todo caso, deberán cumprir os requisitos establecidos no artigo 4, teranse en conta os seguintes criterios, e de acordo coas ponderacións sinaladas de seguido:

Liña 1: consolidación do movemento asociativo.

a) Actividades organizadas pola entidade peticionaria nos últimos 2 anos no ámbito das políticas de igualdade. Ata 30 puntos, outorgando 1 punto por cada 5 horas de duración da actividade.

Para os efectos de valoración soamente se terán en conta aquelas actividades dunha duración mínima de 5 horas que consten relacionadas no anexo IV, sendo necesario que quede acreditada inequivocamente a súa vinculación coa información, sensibilización e/ou formación en materia de igualdade.

b) Domicilio social en municipios pequenos (segundo o último padrón municipal publicado polo IGE no momento da solicitude):

–Poboación inferior a 5.000 habitantes: 10 puntos.

–Poboación inferior a 2.500 habitantes: 15 puntos.

c) Apoio a asociacións de nova ou recente creación: 4 puntos para aquelas que teñan unha antigüidade non superior a 4 anos na data de remate do prazo de presentación de solicitudes.

d) Emprego da lingua galega: 1 punto.

Liña 2: promoción de hábitos de vida saudables.

a) Calidade técnica das actividades presentadas, as cales deberán recoller de modo expreso, de ser o caso, como se atenden necesidades específicas das persoas con discapacidade no seu deseño e/ou desenvolvemento. Ata 40 puntos segundo a seguinte desagregación:

–Xustificación da súa necesidade: ata 10 puntos.

–Formulación de obxectivos: ata 5 puntos.

–Metodoloxía: ata 5 puntos.

–Relevancia para as persoas destinatarias: 5 puntos.

–Duración: 10 puntos.

–Indicadores de avaliación: 5 puntos.

b) Número de persoas destinatarias das accións. Ata 10 puntos segundo a seguinte desagregación:

–Ata 25 persoas: 3 puntos.

–De 26 a 50 persoas: 6 puntos.

–Máis de 50 persoas: 10 puntos.

c) Ámbito de desenvolvemento das accións. Ata 10 puntos segundo a seguinte desagregación:

–Local ou comarcal: 10 puntos.

–Superior: 5 puntos.

d) Achega de fondos propios para a realización das accións. Ata 15 puntos segundo a seguinte desagregación:

–Ata o 25% do orzamento total: 5 puntos.

–Máis do 25% e ata o 50% do orzamento total: 10 puntos.

–Máis do 50% do orzamento total: 15 puntos.

e) Emprego da lingua galega: 1 punto.

2. Á solicitude que acade maior puntuación corresponderalle, dentro dos límites establecidos no artigo 5.5., unha axuda do 100% do orzamento elixible; por cada punto inferior a esa valoración a contía da axuda reducirase nun punto porcentual. No suposto de que máis dunha proposta obteña a mesma puntuación e non sexa posible por razóns orzamentarias adxudicar axuda a todas elas, o desempate establecerase en función das puntuacións máis altas segundo os ítems parciais dos criterios, comezando pola letra a).

Artigo 11. Resolución e notificación.

1. Avaliadas as solicitudes segundo os criterios establecidos no artigo 10, o órgano instrutor, á vista do informe da comisión de valoración, elevará unha proposta de resolución á/ao xefa/e territorial, en quen se delega a competencia para resolver a concesión ou denegación da axuda solicitada ao abeiro desta resolución, de acordo co establecido no Decreto  82/2009, do 21 de abril, polo que se establecen os centros directivos dependentes da Presidencia da Xunta de Galicia, e no Decreto 325/2009, do 18 de xuño, de estrutura orgánica dos órganos superiores dependentes da Presidencia da Xunta de Galicia.

2. A/o xefa/e territorial resolverá dentro das dispoñibilidades orzamentarias sen que, en ningún caso, o importe total das axudas poida superar o límite establecido no artigo 3 desta resolución.

3. A resolución da subvención será notificada no prazo máximo de catro meses contados a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia; se, transcorrido o dito prazo, non se notificaren as resolucións, as solicitudes entenderanse desestimadas. Non obstante, e de conformidade co establecido no artigo 59.6 b) da Lei  30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, poderase substituír a notificación individual pola publicación no Diario Oficial de Galicia. Nesta publicación especificarase a data da convocatoria, a entidade beneficiaria, a cantidade concedida e a finalidade da subvención outorgada, así como as solicitudes desestimadas con expresión dos motivos da desestimación.

4. Na resolución de concesión informarase as entidades beneficiarias de que a obtención de axuda comunitaria implica a aparición na lista pública de persoas beneficiarias que a autoridade de xestión do programa operativo publicará conforme o previsto no artigo 7.2 d) do Regulamento (CE) 1828/2006 da Comisión, do 8 de decembro (DOUE L/45, do 15 de febreiro de 2007) e de que na devandita lista figuran os datos de identidade ou denominación social, das operacións e da contía de fondos públicos asignada a cada operación.

Artigo 12. Réxime de recursos.

As resolucións expresas ou presuntas ditadas ao abeiro desta resolución poñerán fin á vía administrativa e contra elas poderán interpoñerse os seguintes recursos, sen prexuízo de que as entidades interesadas poidan exercer calquera outro que consideren procedente:

a) Recurso potestativo de reposición ante a secretaria xeral da Igualdade, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da notificación da resolución, se esta for expresa, ou de tres meses contados a partir do seguinte a aquel en que se producir o acto presunto.

b) Recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da notificación da resolución, se esta for expresa, ou de seis meses contados a partir do seguinte a aquel en que se producir o acto presunto.

Artigo 13. Modificación da resolución de concesión das axudas.

Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención, e en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión, tal e como se establece no artigo 17.4.da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 14. Obrigas das entidades beneficiarias.

As entidades beneficiarias das axudas obríganse a manter un sistema de contabilidade con codificación adecuada que permita identificar todas as transaccións realizadas relativas aos programas de actividades subvencionados e a conservar os documentos xustificativos da aplicación dos fondos recibidos durante un período de tres anos, a partir do peche do Programa operativo (ano 2018). Así mesmo, obríganse a observar o disposto no artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e demais normativa aplicable, e especificamente ao seguinte:

a) Realizar a actividade ou conduta que fundamenta a concesión da subvención sen que proceda ningún cambio no obxecto para que se concedeu a axuda.

b) Acreditar ante a entidade concedente a realización da actividade subvencionada, así como o cumprimento dos requisitos e condicións que determinen a concesión ou desfrute da axuda.

c) Comunicar ao órgano concedente calquera variación das condicións tidas en conta para a concesión da subvención, así como dos compromisos e obrigas asumidos polas entidades beneficiarias e, de ser o caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas para a mesma finalidade procedentes de calquera Administración ou ente público nacional ou internacional.

d) Facilitar toda a información que lle sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas e o Consello de Contas no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino das axudas.

e) Someterse ás actuacións de supervisión e control dos órganos da Administración do Estado e da Comunidade Autónoma, do Fondo Social Europeo, da Unidade Administradora do Fondo Social Europeo do Ministerio de Traballo e Inmigración, e da Secretaría Xeral da Igualdade, para realizar as comprobacións e verificacións que se consideren precisas para a constatación do cumprimento do disposto nesta resolución e demais normas vixentes que resulten de aplicación e fornecer canta información lle sexa requirida no exercicio das actuacións anteriores.

f) Facilitar ao persoal asignado pola Secretaría Xeral da Igualdade para a verificación do cumprimento do disposto nesta convocatoria o acceso ás instalacións onde se leven a cabo as accións subvencionadas e a toda a documentación de carácter técnico, administrativo ou contable que teña relación coa subvención concedida. No caso de subcontratación de acordo co establecido no artigo 15, as/os subcontratistas están obrigadas/os a facilitaren ao persoal de auditoría e control toda a información necesaria relativa ás accións subcontratadas.

g) Cumprir co resto de requisitos e obrigas recollidas nos artigos 10 e 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

h) Reintegrar totalmente o importe percibido da subvención concedida, así como os correspondentes xuros de demora producidos desde o momento do pagamento, nos seguintes casos:

–Incumprimento dos compromisos e obrigas relacionados neste artigo.

–Incumprimento da obriga de xustificación ou xustificación insuficiente nos prazos e termos establecidos nesta resolución.

–Obtención da subvención sen reunir os requisitos exixidos para a súa concesión con falsificación das condicións requiridas para isto ou ocultación daquelas que o terían impedido.

–Incumprimento total ou parcial do obxectivo, da actividade, do proxecto ou non adopción do comportamento que fundamentou a subvención.

–Resistencia, escusa, obstrución ou negativa ás actuacións de comprobación e control financeiro, ou incumprimento das obrigas contables, rexistrais ou de conservación de documentos cando disto derive a imposibilidade de verificar o emprego dado aos fondos percibidos, o incumprimento do obxectivo ou a concorrencia con outras axudas percibidas para a mesma finalidade de calquera administración ou ente público ou privado.

–Nos demais supostos previstos na normativa aplicable.

Cando o cumprimento se aproxime de modo significativo ao cumprimento total e se acredite unha actuación inequivocamente tendente á satisfacción dos compromisos adquiridos, a cantidade que se reintegre parcialmente responderá ao principio de proporcionalidade e determinarase aplicando os mesmos criterios de avaliación que se empregaron para a concesión referidos á realidade finalmente comprobada.

i) Dar a adecuada publicidade do carácter público do financiamento en todas as actuacións que deriven da execución do proxecto, en cumprimento do artigo 15.3 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia e de acordo co disposto no Regulamento (CE) 1828/2006 da Comisión, do 8 de decembro, que fixa normas de desenvolvemento para o Regulamento (CE) 1083/2006 do Consello, polo que se establecen as disposicións xerais relativas ao Feder, ao FSE e ao Fondo de Cohesión.

Artigo 15. Subcontratación.

1. Para os efectos previstos nesta convocatoria, está permitida a subcontratación total ou parcial das actividades subvencionadas correspondentes á liña 2 das establecidas no artigo 1 desta resolución, entendendo por esta a concertación con terceiras persoas da execución total ou parcial da actividade que constitúe o obxecto da subvención.

2. Todo procedemento de contratación deberá respectar os principios de transparencia, publicidade e libre concorrencia. En especial, e segundo o artigo 29.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, cando o importe do gasto que se vai subcontratar supere a contía de 12.000 euros, no suposto de prestación de servizos por empresas de consultoría ou asistencia técnica, a entidade beneficiaria deberá solicitar como mínimo 3 ofertas de diferentes provedores, con carácter previo á contratación do compromiso para a prestación do servizo, salvo no caso de que polas especiais características dos gastos non exista no mercado suficiente número de entidades ou que os gastos se realizasen con anterioridade á solicitude da subvención. A escolla entre as ofertas presentadas achegarase na xustificación ou, de ser o caso, na solicitude de subvención e realizarase de conformidade cos criterios de eficiencia e economía. Este punto deberá xustificarse expresamente nunha memoria se a escolla non recae na proposta económica máis ventaxosa.

3. Os/as subcontratistas quedarán obrigadas/os soamente ante a entidade beneficiaria, que asumirá a total responsabilidade da execución da actividade fronte á Administración. As entidades beneficiarias das subvencións serán responsables de que na execución da actividade subvencionada concertada con terceiras persoas se respecten os límites establecidos nesta resolución canto á natureza e contía dos gastos subvencionables e exixirán aos/ás subcontratistas os documentos acreditativos dos pagamentos correspondentes.

4. Os/as subcontratistas están obrigadas/os a facilitar aos organismos de auditoría e control toda a información necesaria relativa ás accións subcontratadas.

5. Ademais do disposto anteriormente, as entidades beneficiarias deberán cumprir coas previsións e obrigas sinaladas no artigo 27 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 16. Responsabilidade.

A organización e materialización das accións obxecto de subvención será responsabilidade exclusiva da entidade beneficiaria. A actuación da Secretaría Xeral da Igualdade quedará limitada ao seu outorgamento e a garantir o cumprimento da normativa en materia de axudas públicas.

Artigo 17. Xustificación.

1. As entidades destinatarias das axudas quedarán obrigadas a destinar os fondos percibidos á finalidade concreta para que foron concedidos. A Secretaría Xeral da Igualdade poderá comprobar, cando o considere conveniente, o cumprimento da finalidade da axuda.

2. De acordo co artigo 65.4 f) do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da Lei 9/2007, quedan exoneradas de constituíren garantía as entidades beneficiarias das subvencións reguladas na presente resolución.

3. Para os efectos de xustificación, a entidade beneficiaria deberá presentar a seguinte documentación nos lugares sinalados no artigo 6 desta convocatoria, tendo como prazo máximo para presentala ata o 15 de novembro de 2011:

a) Solicitude de cobramento asinada segundo o modelo do anexo IX.

b) Unha relación dos gastos realizados, onde conste a natureza e o importe de cada un deles, coa identificación do acredor e do documento, data de emisión e data de pagamento, expedida pola secretaría da entidade co visto e prace da súa presidencia, segundo o modelo que se achega como anexo X.

c) As facturas orixinais ou documentos de valor probatorio equivalente dos gastos subvencionados. Estes documentos deberán estar emitidos conforme a normativa aplicable e acompañaranse dos xustificantes bancarios de pagamento e, de ser o caso, dos xustificantes de ter aboado as cotas, taxas ou impostos correspondentes. As entidades presentarán os orixinais para seren selados pola unidade tramitadora correspondente. Unha vez completa esta dilixencia e sempre que se solicite expresamente, os ditos orixinais serán devoltos o antes posible.

As facturas deberán traer o IVE desagregado.

d) Declaración complementaria do conxunto das axudas solicitadas, tanto aprobadas ou concedidas, como pendentes de resolución, das distintas administracións públicas competentes ou de calquera dos seus organismos, entes ou sociedades.

4. No suposto de que a subvención sexa para a realización de actividades ou programas correspondentes á liña 2 das establecidas no artigo 1 desta resolución, presentarase, ademais:

a) Memoria de execución do programa, que deberá abranguer, como mínimo, a descrición das actividades desenvolvidas (datas de realización, duración, contidos e metodoloxía empregada no seu desenvolvemento), a valoración do cumprimento do obxectivo de promoción de hábitos de vida saudables, a indicación de como se atenderon as necesidades das persoas con discapacidade (se for o caso), a publicidade e a divulgación que se realizou e número de persoas participantes desagregadas por sexo.

b) No suposto de que se contraten monitoras/es para a realización de actividades, a xustificación deste gasto farase por calquera das seguintes formas: se as actividades as desenvolven empresas externas e/ou profesionais autónomos/as, presentaranse facturas ou recibos de honorarios onde consten de forma detallada as actividades desenvolvidas; no caso de que a entidade solicitante contrate directamente o/a monitor/a das actividades, será necesario presentar as nóminas da persoa ou persoas contratadas, así como acreditar o ingreso en concepto de retención á conta do IRPF e os documentos xustificativos de ingreso dos seguros sociais.

c) Os tres orzamentos que, se é o caso, en aplicación do artigo 29.3 da Lei de subvencións de Galicia, deba ter solicitado a entidade beneficiaria.

d) Declaración de que as actividades foron desenvolvidas en lingua galega, de ser o caso.

e) Copia do material impreso usado para a difusión das actividades subvencionadas, que incorporará, de forma visible, o logotipo do Fondo Social Europeo (FSE), o cal levará debaixo a seguinte inscrición: “O Fondo Social Europeo inviste no teu futuro”, e o logotipo da Secretaría Xeral da Igualdade da Xunta de Galicia, de acordo co establecido no artigo  21.1 desta resolución.

f) Un exemplar de todos os materiais elaborados (carteis, folletos, enquisas, material didáctico, fotografías ou outra documentación elaborada ad hoc e que complemente a xustificación da actividade subvencionada).

Artigo 18. Pagamento.

1. As xefaturas territoriais de atopar conforme a documentación xustificativa, proporán o pagamento do importe concedido ou do resultante da minoración determinada conforme o número 3 deste artigo.

2. Antes de proceder ao pagamento da liquidación final o órgano xestor incorporará ao expediente a acreditación de que as entidades adxudicatarias están ao día nas súas obrigas tributarias e sociais e que non teñen pendente de pagamento ningunha débeda coa Administración da comunidade autónoma.

3. Nos supostos en que o custo total definitivo do proxecto ou actividade sufra unha minoración respecto do que se tomou en consideración para calcular a subvención, ou cando a cantidade xustificada mediante documentos acreditativos do gasto (facturas, recibos, etc.) sexa inferior á da axuda concedida, efectuarase a correspondente e proporcional diminución na monta da subvención.

Artigo 19. Incumprimento, reintegros e sancións.

1. O incumprimento das obrigas contidas nesta resolución ou demais normativa aplicable, así como das condicións que, se é o caso, se establezan na resolución de concesión, dará lugar á obriga de devolver total ou parcialmente as subvencións percibidas, así como os xuros de demora correspondentes.

2. Para facer efectiva a devolución a que se refire o número anterior, tramitarase o oportuno procedemento de reintegro, que se axustará ao previsto no título II da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e na súa normativa de desenvolvemento.

3. Ás entidades beneficiarias das subvencións reguladas nesta resolución seralles de aplicación o réxime de infraccións e sancións previsto no título IV da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e na súa normativa de desenvolvemento.

Artigo 20. Control.

1. A Secretaría Xeral da Igualdade poderá levar a cabo as actividades de inspección que considere oportunas para controlar o cumprimento das axudas reguladas nesta convocatoria.

2. Sen prexuízo do indicado no punto anterior, a Secretaría Xeral da Igualdade poderá realizar, ben con persoal propio ou a través de empresas auditoras, actuacións de comprobación e control para verificar sobre o terreo o cumprimento das condicións para a percepción das axudas. As comprobacións incidirán sobre todos aqueles extremos que garantan a realización dos compromisos adquiridos e o cumprimento dos requisitos fixados nesta resolución.

3. O persoal encargado da verificación fará acta da actuación de control, que asinará a entidade, á cal se lle entregará unha copia, e presentaralla ao órgano competente da Secretaría Xeral da Igualdade xunto co informe de verificación. A entidade queda obrigada a facilitar ao persoal asignado copia da documentación que se lle solicite relativa ao expediente obxecto de control.

4. Ademais do anterior, todas as axudas estarán sometidas á función interventora e de control financeiro exercida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, nos termos que establece o título III da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e na súa normativa de desenvolvemento. Así mesmo, estará sometida ás actuacións de comprobación previstas na lexislación do Tribunal de Contas e do Consello de Contas.

Artigo 21. Publicidade e información.

1. As entidades beneficiarias deberán dar a adecuada publicidade do carácter público do financiamento en todas as actuacións que deriven da execución do programa, en cumprimento do artigo 15.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. En concreto, deberán facer constar, na súa publicidade ou na información que xeren en relación co programa subvencionado, o financiamento dos seus activos con fondos da Xunta de Galicia a través da Secretaría Xeral da Igualdade e do Fondo Social Europeo.

Para isto, na sede da asociación, se se recibe subvención pola liña 1 das establecidas no artigo 1 desta resolución, ou no lugar onde se realicen as actuacións, se a subvención corresponde á liña 2, deberá figurar, de forma visible, un cartel informativo en que aparezan os anagramas da Secretaría Xeral da Igualdade da Xunta de Galicia e do Fondo Social Europeo en aplicación do disposto na normativa aplicable. Na páxina web oficial da Secretaría Xeral da Igualdade informarase das características do dito cartel e dos logos e inscricións de obrigada inclusión.

Cando o proxecto teña publicidade nun sitio da internet, deberán figurar na súa páxina de inicio e en lugar visible as citadas referencias; cando se materialice nunha aplicación informática deberán facerse as citadas referencias na zona de inicio ou menú principal da aplicación informática, así como na epígrafe de información da aplicación (axuda, acerca de ou similares).

Toda a documentación a que der lugar o programa (cadernos, enquisas, folletos, notas informativas, CD-Rom) deberá conter as citadas referencias, colocándose na contraportada no caso das publicacións.

2. No prazo máximo de tres meses, contados desde a data de resolución da concesión, as xefaturas territoriais publicarán no Diario Oficial de Galicia a relación das subvencións concedidas con indicación da norma reguladora, a entidade beneficiaria do programa e o crédito orzamentario, a contía e a finalidade da axuda, en aplicación do disposto no artigo 15 da Lei  9/2007, de subvencións de Galicia e dos artigos 6 e 7.2.d) do Regulamento (CE)1828/2006 da Comisión. Igualmente, nos cinco días seguintes á notificación da concesión publicarase na páxina web oficial da Secretaría Xeral da Igualdade a relación de beneficiarias con expresión da entidade beneficiaria, a contía e a finalidade, segundo indica o artigo 13 da Lei  4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e boas prácticas na Administración pública galega.

3. As entidades beneficiarias, coa presentación das solicitudes, autorizan a Secretaría Xeral da Igualdade para incluír e facer público nos rexistros de axudas, subvencións, e convenios e de sancións regulados no Decreto 132/2006, do 27 de xullo, os datos relevantes referidos á axuda recibida, así como ás sancións impostas.

A reserva que a entidade solicitante poida facer no sentido de non autorizar a obtención de datos ou a publicidade de datos nos rexistros, que en todo caso terá que ser expresa, poderá dar lugar á exclusión do proceso de participación para obter a subvención ou, noutro caso, á revogación do acto de outorgamento e, se procede, ao reintegro do importe concedido.

Artigo 22. Información ás persoas interesadas.

Sobre o procedemento administrativo asociado a esta resolución, que ten o código SI437A, poderase obter documentación normalizada ou información adicional nos servizos de igualdade das xefaturas territoriais; a través da páxina web oficial da Xunta de Galicia, http://www.xunta.es/resultados-da-guia-do-cidadan, ou da Secretaría Xeral da Igualdade, http://www.mulleresengalicia.es.

Artigo 23. Remisión normativa.

Para todo o non determinado nesta resolución, observarase o disposto no Regulamento (CE) 1081/2006, do 5 de xullo, relativo ao Fondo Social Europeo; no Regulamento (CE) 1083/2006 do Consello, polo que se establecen as disposicións xerais relativas ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, ao Fondo Social Europeo e ao Fondo de Cohesión; no Regulamento (CE) 1828/2006 da Comisión, do 8 de decembro, que fixa normas de desenvolvemento para o Regulamento (CE) 1083/2006 do Consello, polo que se establecen as disposicións xerais relativas ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, ao Fondo Social Europeo e ao Fondo de Cohesión; na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia; no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia; no Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia; no disposto na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, e no Real decreto 887/2006, do 21 de xullo, polo que se aproba o seu regulamento; na Orde do 21 de decembro de 2009, da Consellería de Facenda, pola que regulan as normas para a execución, seguimento e control dos programas operativos Feder de Galicia 2007-2013 e FSE de Galicia 2007-2013; na Orde TIN/2965/2008, do 14 de outubro, pola que se determinan os gastos subvencionables polo Fondo Social Europeo durante o período de programación 2007-2013, e na Orde TIN/788/2009, do 25 de marzo, que a modifica; e no resto de normativa que resulte de aplicación.

Disposición derradeira primeira.

Apróbase a delegación de atribucións nos/as xefes/as das xefaturas territoriais nos ámbitos competenciais respectivos, para resolveren a concesión, denegación, modificación das subvencións previstas nesta resolución, así como para autorizaren e disporen os gastos, o recoñecemento das obrigas e a proposta dos pagamentos, e as relativas aos procedementos de reintegro sinaladas no título II da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Disposición derradeira segunda.

Corresponde á secretaria xeral da Igualdade ditar as instrucións que sexan necesarias para o adecuado desenvolvemento e cumprimento desta convocatoria.

Disposición derradeira terceira.

Esta resolución entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 19 de maio de 2011.

Marta González Vázquez
Secretaria xeral da Igualdade

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file