Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 103 Luns, 30 de maio de 2011 Páx. 12224

III. Outras disposicións

Consellería de Cultura e Turismo

DECRETO 99/2011, do 19 de maio, polo que se declara ben de interese cultural, coa categoría de zona arqueolóxica, a área dos castros de Neixón, no termo municipal de Boiro, na provincia da Coruña.

A Dirección Xeral do Patrimonio Cultural, por Resolución do 30 de setembro de 2009, incoa expediente para a declaración de ben de interese cultural (BIC), coa categoría de monumento, en favor dos castros de Neixón, no termo municipal de Boiro, na provincia da Coruña, e dispón a apertura dun período de información pública durante o prazo dun mes desde a publicación da resolución no Diario Oficial de Galicia, que se produce o día 16 de outubro de 2009 (DOG n.º 203).

Con posterioridade, vistas as recomendacións dos informes dos órganos consultivos, que consideran máis axeitada a declaración do BIC segundo a categoría de zona arqueolóxica, e doutros informes técnicos da Dirección Xeral do Patrimonio Cultural, que xustifican a necesidade de adaptar a súa delimitación á realidade dos xacigos derivada das novas estruturas sacadas á luz polos controis arqueolóxicos recentes e dos achados de materiais manifestados nas últimas investigacións, introdúcense algúns cambios no expediente e o director xeral do Patrimonio Cultural, por Acordo do 17 de marzo de 2011 (publicado no DOG n.º 62, do 29 de marzo), decide unha nova exposición pública coa nova delimitación por un prazo de 20 días, contados a partir do día seguinte á súa publicación, durante o cal non se presentaron alegacións.

Á vista de todo anterior, finalizada a instrución do correspondente procedemento administrativo, cómpre proceder á súa resolución definitiva, conforme o disposto no artigo 12 da Lei 8/1995, do 30 de outubro, do patrimonio cultural de Galicia.

En consecuencia, por proposta do conselleiro de Cultura e Turismo, e logo da deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día dezanove de maio de dous mil once,

DISPOÑO:

Artigo 1

Declarar ben de interese cultural, coa categoría de zona arqueolóxica, a área dos castros de Neixón, no termo municipal de Boiro, na provincia da Coruña.

A declaración alcanza a totalidade dos rexistros arqueolóxicos vinculados aos xacigos Castro Grande de Neixón e Castro Pequeno de Neixón, incluíndo os bens inmobles, mobles e as evidencias materiais de carácter arqueolóxico e paleoambientais existentes na superficie, subsolo e baixo as augas, conforme a caracterización e xustificación definidas no anexo I deste decreto.

Artigo 2

A zona afectada pola declaración é a comprendida na delimitación segundo a descrición literal e o plano recollidos no anexo II deste decreto.

Disposición derradeira

Este decreto producirá efectos desde o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, dezanove de maio de dous mil once.

Alberto Núñez Feijóo
Presidente

Roberto Varela Fariña
Conselleiro de Cultura e Turismo

ANEXO I

Caracterización e xustificación

I. Caracterización.

A zona arqueolóxica dos castros de Neixón amosa un singular valor arqueolóxico ao abranguer dous xacigos castrexos senlleiros para a investigación arqueolóxica galega e europea, Castro Grande de Neixón e Castro Pequeno de Neixón, que, pola cantidade e calidade da información arqueolóxica que proporcionaron no pasado e seguen a achegar na actualidade, constitúen un referente fundamental para o coñecemento da protohistoria de Galicia.

O ámbito que comprende a declaración une ao extraordinario valor patrimonial o singular interese paisaxístico do lugar natural en que se localizan os anteditos xacigos, área que abrangue desde a Punta de Areabaste e praia de Lóbrigo ata a praia de San Vicenzo, enmarcando a península de Neixón polo oeste, continúa bordeando pola costa a punta da península de Neixón ata o peirao da punta do Sar polo leste, xa na outra banda da península que mira cara á pequena enseada de Rianxo.

Así mesmo, esta localización dos xacigos sobre unha pequena península ao fondo da ría de Arousa responde a un tipo de localización característica dos castros costeiros do noroeste.

O ámbito delimitado como contorno de protección engade ao conxunto arqueolóxico o lugar natural a que está indisolublemente unido por constituír parte da súa paisaxe cultural, incorporando ademais un sector baixo as augas interiores.

Ademais, este ámbito sobresae polo seu excepcional valor ambiental, respondendo ao arquetipo da paisaxe rural costeira, que aquí conserva excepcionalmente a parcelación tradicional e un pequeno bosque autóctono na ribeira da praia de Lóbrigo, engadíndolle valor patrimonial o conxunto arquitectónico formado polo pazo, pombal e hórreo de Ribademar.

Na área máis próxima a terra, Castro Grande de Neixón identifícase como un poboado cinguido por fosos e unha muralla perimetral, mentres que a 200 m del, na punta da península que avanza cara ao mar, o Castro Pequeno de Neixón constitúe un asentamento máis antigo, de menores dimensións, tamén delimitado por unha muralla.

Segundo as diversas datacións, o Castro Pequeno de Neixón está entre os castros máis antigos de Galicia, cunha primeira fase de ocupación na transición Bronce Final-1.ª Idade do Ferro, presentando diferentes momentos de ocupación, cun desenvolvemento pleno desde o século VI a.C. ata alcanzar o século IV a.C., momento en que as datacións indican que se está a construír o Castro Grande de Neixón, cuxa ocupación abrangue desde o século IV a.C. ata o IV d.C., xa na época tardorromana.

O carácter paradigmático dos dous xacigos, que abranguen cronoloxicamente e de xeito continuado a totalidade da cultura castrexa do noroeste peninsular, confírelle ao conxunto un valor patrimonial único.

II. Xustificación.

A declaración desta área arqueolóxica fundaméntase nos seus excepcionais valores patrimoniais e na súa peculiar beleza paisaxística, reunindo en conxunto valores históricos singulares, ambientais e culturais, que fan de Neixón un conxunto sobranceiro e de características únicas.

O seu destacado interese histórico vén determinado porque esta área arqueolóxica comprende dous dos asentamentos castrexos máis representativos da evolución destas comunidades desde a transición Bronce Final-Ferro I ata a época tardorromana.

Estes xacigos achegan unha variada cultura material que destaca pola súa amplitude e calidade. O seu estudo segue a achegar datos fundamentais para o coñecemento da protohistoria de Galicia e Europa, en especial o seu material cerámico é referente fundamental na seriación tipolóxica da cerámica castrexa e a súa distribución territorial, localizándose en Neixón todos os tipos que definen a tradición oleira das Rías Baixas (RRBB).

Por outra parte, outros materiais cerámicos achados permitiron documentar temperáns contactos comerciais (século VI a.C.) entre o mundo castrexo e entre os circuítos comerciais mediterráneos (iberos, púnicos) e os posteriores entre o mundo romano e as comunidades castrexas do noroeste ata a época tardorromana.

Así mesmo, os materiais metálicos (especialmente bronce) evidencian unha intensa actividade metalúrxica, que remite ao desenvolvemento desta actividade no noroeste e dentro do marco do circuíto atlántico europeo, adscribíndose os materiais atopados no Castro Pequeno de Neixón a unha ocupación do Ferro I (séculos VII-V a.C.).

A punta de Neixón constitúe un fito na historiografía galega por canto foi un dos primeiros xacigos castrexos escavados con anterioridade a 1925 por Manuel Otero e Roberto González, e posteriormente por membros do Seminario de Estudos Galegos, en concreto por Florentino López Cuevillas e Fermín Bouza Brey, constituíndo un referente da arqueoloxía científica galega. A súa investigación desenvolveuse ata a actualidade por membros do Departamento de Arqueoloxía da Universidade de Santiago e do Centro Superior de Investigacións Científicas e continúa a achegar datos fundamentais para o coñecemento da protohistoria de Galicia e Europa.

Tamén é de destacar que o contorno e as características físicas dos castros de Neixón os converten nun conxunto cunha extraordinaria idoneidade para a súa musealización, valor que se viu incrementado desde o ano 2002 coa creación da aula arqueolóxica, actualmente Centro Arqueolóxico da Barbanza.

Por último, é necesario sinalar desta zona arqueolóxica os seus singulares valores etnolóxicos que reflicten a importancia simbólica que esta área posúe para as comunidades costeiras da zona.

ANEXO II

Delimitación escrita e gráfica

I. Delimitación escrita.

A delimitación da zona arqueolóxica dos castros de Neixón (Cespón-Boiro) alcanza dous ámbitos definidos, área de protección integral e contorno de protección, quedando establecida do seguinte xeito:

1. Área de protección integral.

Abrangue os dous xacigos castrexos, Castro Pequeno e Castro Grande e os espazos anexos inmediatos, coincidindo os seus límites cos da unidade fisiográfica da península de Neixón.

O punto A sitúase na entrada do predio do Pazo de Ribademar (coordenadas fuso UTM-29; X: 512.065,59m; Y: 4.723.708,46m), desde aquí continúa en dirección leste, pola marxe esquerda da estrada local que desde a EP-1104, atravesando Quinteiro, leva ao lugar de Neixón ata chegar á confluencia coa pista que desde Neixón leva a Nine, onde se localiza o punto B (coordenadas fuso UTM-29; X: 512.793,51m; Y: 4.723.867,22m).

Desde o punto B atravesa en dirección leste a parcela 158 do polígono 736, pola cabeceira sur do campo de fútbol, ata o extremo do peirao de Pedra de Sar, onde se sitúa o punto C (coordenadas fuso UTM-29; X: 513.125,36m; Y: 4.723.891,72m).

Desde o punto C bordea toda a zona costeira da península pola liña da baixamar do debalo na marea viva equinoccial, ata o extremo leste da praia de San Vicenzo do Mar na súa confluencia coa pista que desde a EP-1104 leva ao lugar de Neixón, onde se sitúa o punto D (coordenadas fuso UTM-29; X: 512.367,31m; Y: 4.723.748,19m).

Desde o punto D continúa bordeando a praia de San Vicenzo do mar, segue en dirección oeste ata chegar ao primeiro cruzamento entre a estrada que enlaza a EP-1104 con Neixón e a pista que atravesa Quinteiro, onde se sitúa o punto E (coordenadas fuso UTM-29; X: 512.086,07m; Y: 4.723.686,81m).

Desde o punto E atravesa a estrada que enlaza a EP-1104 con Neixón ata a entrada do predio do Pazo de Ribademar, onde coincide co punto inicial A.

2. Contorno de protección.

É o espazo que dá soporte ambiental á área de protección integral; constitúe un ámbito físico cuxa alteración podería afectar negativamente os seus valores, estudo e contemplación. Neste ámbito constátase e presúmese a existencia de materiais e/ou restos arqueolóxicos.

O punto 1 sitúase na punta de Areabaste de Quinteiro (coordenadas fuso UTM-29; X: 512.198.56m; Y: 4.723.091,94m), desde aquí continúa cara ao oeste polo límite sur das parcelas 484, 504, 501, 542, e 541 ata o linde suroeste da parcela 560 do polígono 34 coa estrada provincial.

O punto 2 sitúase na confluencia da estrada provincial 1104 co linde suroeste da parcela 560 do polígono 34 (coordenadas fuso UTM-29; X: 511.994.65m; Y: 4.723.203,09m).

O punto 3 sitúase na confluencia da pista que conduce á praia de Lóbrigo coa EP-1104; a delimitación continúa pola marxe dereita desta estrada en dirección nordeste ata chegar á desviación que conduce ao núcleo de Quinteiro, onde se sitúa o punto 4 (coordenadas fuso UTM-29; X: 511.986.78m; Y: 4.723.523.91m).

Desde o punto 4 continúase pola pista que conduce polo interior do lugar de Quinteiro ata o cruzamento entre a estrada que enlaza a EP-1104 con Neixón e a pista que atravesa Quinteiro, onde se localiza o punto 5, que coincide co punto E da delimitación da área arqueolóxica (coordenadas fuso UTM-29; X: 512.086,07m; Y: 4.723.686,81m).

Desde o punto 5, cruzando a estrada, bordéase o predio do Pazo de Ribademar polo camiño que o limita polo oeste ata chegar á confluencia co chamado camiño de Ribademar, no cal se localiza o punto 6 (coordenadas fuso UTM-29; X: 512.053,15m; Y: 4.723.782,24m).

Desde o punto 6, cruzando o camiño de Ribademar, segue na súa marxe norte, para continuar en dirección nordeste ata as ultimas casas de Ribademar e primeiras de Nine, no lindeiro leste da parcela 277 do polígono 736 onde se sitúa o punto 7 (coordenadas fuso UTM-29; X: 512.504,52m; Y: 4.723.963,50m).

Desde o punto 7 atravesa a pista ata o linde norte da parcela 270 do polígono 736, continúa cara ao leste polo linde sur da parcela 235 h e b do polígono 736, para atravesar a parcela 235 g, enlazando co camiño de acceso á parcela, e, desde aquí, continuar cruzando a estrada que conduce de Nine a Neixón ata o extremo nordeste do cruzamento onde se sitúa o punto 8 (coordenadas fuso UTM-29; X: 512.714,08m; Y: 4.724.029,58m).

Desde este punto 8, pechando a península, séguese a dirección leste pola pequena depresión en que se encaixa a pista que conduce ao peirao de Pedra do Sar, prolongándose a liña delimitadora ata a costa, na liña da baixamar do debalo na marea viva equinoccial, onde se localiza o punto 9 (coordenadas fuso UTM-29; X: 512.752,81m; Y: 4.723.888,39m).

Desde o anterior punto o ámbito do contorno alcanza as augas interiores e o leito mariño sinalado no plano anexo (de aproximadamente 200 m de largo, medidos desde a liña da baixamar do debalo na marea viva equinoccial cara ao exterior da ría –as liñas de base– da ría).

II. Delimitación gráfica.

missing image file