Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 103 Luns, 30 de maio de 2011 Páx. 12233

III. Outras disposicións

Axencia Galega das Industrias Culturais

RESOLUCIÓN do 18 de maio de 2011 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de subvencións para producións ou coproducións audiovisuais en lingua galega con decidido contido artístico e cultural e se convocan para o ano 2011.

A Axencia Galega das Industrias Culturais -Agadic-, no exercicio das súas competencias de fomento e promoción nos diversos ámbitos da creación cultural en Galicia, é consciente da importancia decisiva do sector audiovisual para contribuír ao desenvolvemento da cultura e facilitar o acceso á diversidade cultural das producións audiovisuais da Comunidade Autónoma de Galicia.

A Lei 6/1999, do 1 de setembro, do audiovisual de Galicia, define o sector audiovisual como estratéxico para o desenvolvemento cultural da comunidade, e sinala a necesidade de que se establezan instrumentos de axuda para facilitar o desenvolvemento do audiovisual e o fomento do seu talento creativo, técnico e artístico.

Mediante esta resolución, a Agadic establece as bases reguladoras e a convocatoria pública para a concesión de subvencións para a produción audiovisual en lingua galega, co fin de fomentar:

a) A produción e a realización de películas de valor cultural, que contribúan á diversidade do panorama cinematográfico de Galicia e da Unión Europea e que non poderían ser producidas sen axuda de fondos públicos.

b) A produción de obras audiovisuais que fomenten o talento audiovisual galego, así como o cumprimento das tarefas que a Lei do audiovisual lle atribúe ao sector na normalización da lingua galega.

Por todo isto,

DISPOÑO:

Artigo 1. Convocatoria e bases reguladoras.

1. Por medio desta resolución establécense as bases reguladoras polas cales se rexerá a concesión das subvencións da Agadic para apoiar producións ou coproducións audiovisuais en lingua galega, que se inclúen como anexo I.

2. Así mesmo, por medio desta resolución convócanse as devanditas subvencións para o ano 2011.

Artigo 2. Financiamento e concorrencia.

1. Para a concesión das subvencións destinarase un crédito global de 2.900.000 €, orzado na aplicación 11.A1.432B.770.0, dos cales 145.000 € corresponden á anualidade de 2011, 290.000 € á de 2012, 1.740.000 € á de 2013 e 725.000 € á de 2014. Os importes previstos poderán ser incrementados ao longo do exercicio, nos supostos establecidos no artigo 31.2 da Lei de subvencións de Galicia, e tras declaración previa de dispoñibilidade de crédito, logo da modificación orzamentaria que proceda. Se é o caso, a ampliación de crédito deberase publicar nos mesmos medios que esta convocatoria, sen que tal publicidade implique a apertura de prazo para presentar novas solicitudes nin o inicio de novo cómputo de prazo para resolver. A alteración da distribución establecida nesta convocatoria non precisará de nova convocatoria, pero si das modificacións que procedan no expediente de gasto e da publicación nos mesmos medios que a convocatoria.

2. A axuda que se vai conceder adopta a forma de subvención a fondo perdido, e o importe das subvencións concedidas non poderá ser de tal contía que, illadamente ou en concorrencia coas concedidas a través doutras administracións públicas, supere o 50% do investimento subvencionable ou as porcentaxes máximas de financiamento segundo o tipo de proxectos establecidas nas bases reguladoras.

Artigo 3. Beneficiarios.

1. Para poder ser beneficiario das subvencións deberase presentar unha solicitude axustada ao modelo normalizado que se inclúe como anexo II desta resolución, que irá acompañada dos documentos que se especifican no artigo 3 das bases reguladoras.

2. A solicitude de subvención e os demais anexos que a acompañan poderanse obter a través do enderezo da internet www.agadic.info.

Artigo 4. Lugar e prazo de presentación das solicitudes.

1. As solicitudes presentaranse preferentemente no Rexistro da Axencia Galega das Industrias Culturais, Rexistro Xeral de Servizos Centrais da Xunta de Galicia ou por calquera dos restantes medios previstos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Aquelas empresas que na anualidade de 2009 e 2010 lle solicitasen estas axudas á Agadic poderán xuntar unha declaración responsable de que se manteñen invariables as circunstancias a que se refiren os documentos sinalados como a), b), c) e j) do artigo 3.2.1 das bases reguladoras e de que constan en poder da Agadic, considerándose así presentada a anterior documentación.

2. O prazo de presentación de solicitudes será dun mes, contado a partir do día seguinte ao de publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día do prazo fose inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes de vencemento non houbese día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último día do mes.

Artigo 5. Prazo de duración do procedemento de concesión.

1. Unha vez rematado o prazo para a presentación de solicitudes, estas serán tramitadas e valoradas de acordo co procedemento establecido nas bases reguladoras.

2. Para os efectos establecidos no artigo 42.2 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, o prazo máximo para resolver as solicitudes correspondentes aos proxectos previstos será de seis meses, contados a partir do día seguinte ao da publicación desta convocatoria.

Artigo 6. Prazo de xustificación das subvencións.

1. O prazo de xustificación para as subvencións será desde o 1 de marzo ao 15 de abril de 2014, sen prexuízo do establecido nas bases respecto dos pagamentos parciais.

Transcorrido o prazo de xustificación sen que se presente esta ante a Agadic requirirase o beneficiario para que a presente no prazo improrrogable de dez días. A falta de xustificación neste prazo comportará a perda do dereito ao cobramento da subvención, a exixencia do reintegro e demais responsabilidades establecidas na Lei de subvencións de Galicia. A presentación da xustificación no prazo adicional establecido neste punto non eximirá o beneficiario das sanciones que, conforme a lei, correspondan.

Artigo 7. Información aos interesados.

Sobre este procedemento administrativo poderase obter documentación normalizada ou información adicional na Dirección da Axencia Galega das Industrias Culturais a través da páxina web oficial de AGADIC (www.agadic.info) na súa epígrafe de axudas e trámites.

Disposición derradeira primeira. Habilitación para o desenvolvemento.

Facúltase o director da Agadic para que dite as resolucións que sexan precisas para o desenvolvemento e aplicación desta resolución.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor.

Esta resolución entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 18 de maio de 2011.

Roberto Varela Fariña
Presidente do Consello de Dirección da Axencia Galega das Industrias Culturais

ANEXO I
Bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de subvencións para producións ou coproducións audiovisuais en lingua galega con decidido contido artístico e cultural

Artigo 1. Obxecto e réxime das subvencións.

1. Poderán ser obxecto de subvencións da Agadic os seguintes tipos de proxectos:

1.1. Longametraxes: enténdese por longametraxe unha produción cinematográfica de duración superior a 60 minutos, segundo as seguintes modalidades:

Modalidade A: longametraxes cinematográficas (animación, ficción ou documental) cunha clara singularidade narrativa e decidido propósito cultural e artístico. Con estas subvencións preténdese impulsar a realización de longametraxes cinematográficas que contribúan á innovación ou á diversidade da linguaxe audiovisual.

Modalidade B: ópera prima: longametraxes de ficción guionizadas e dirixidas por galegos ou residentes en Galicia que sexan ópera prima ou segunda longametraxe e cun custo de realización inferior a 1.500.000 euros en relación ao custo total da película.

Modalidade C: películas para TV. Longametraxes de ficción deseñadas e realizadas para seren difundidas nunha emisora de TV e cunha duración de entre 75 e 90 minutos. No caso de películas de animación para TV, a duración mínima será de 60 minutos. Series de animación e mini-series (2×90 min.).

1.2. Longametraxes documentais: enténdese por longametraxes documentais as producións audiovisuais de máis de 50 minutos de duración, que aborden calquera aspecto da realidade sen empregar como principal instrumento a recreación ficcional, segundo as seguintes modalidades:

Modalidade A: documentais de creación: documentais onde se manifesta creativamente unha mirada sobre a realidade.

Modalidade B: documentais de difusión cultural: sobre temas vencellados en xeral coa cultura galega, a memoria histórica e o patrimonio histórico ou etnográfico de Galicia.

2. O procedemento de concesión destas subvencións tramitarase en réxime de concorrencia competitiva e quedará suxeito á autorización da axuda estatal por parte da Comisión Europea, segundo o establecido nos artigos 107 e 108 do Tratado de Funcionamento da Unión Europea (última versión consolidada DOUE C115 do 9 de maio de 2008).

3. Estas subvencións terán carácter plurianual e admitiranse aqueles gastos que fosen realizados dentro do período comprendido entre o 1 de xaneiro do ano correspondente á convocatoria e a data de xustificación establecida na convocatoria anual.

Artigo 2. Beneficiarios.

1. Poderán optar a estas subvencións todas as persoas físicas ou xurídicas, constituídas como produtoras audiovisuais independentes, domiciliadas polo menos por un ano, previo á data de finalización de presentación de solicitudes desta convocatoria, na Comunidade Autónoma de Galicia ou nun Estado membro da UE ou que forme parte do acordo que establece a Área Económica Europea e que teñan sede efectiva da súa actividade, sucursal ou oficina permanente na Comunidade Autónoma de Galicia. Por produtor independente enténdese, para os efectos desta convocatoria, toda persoa física ou xurídica privada que teña a iniciativa e asuma a responsabilidade na produción audiovisual e non sexa obxecto de influencia dominante por parte dun prestador de servizo de comunicación/difusión audiovisual nin dun titular de canle televisiva privada nin, pola súa parte, exerza unha influencia dominante, tal e como establece a Lei 55/2007, do 28 de decembro, do cinema, artigo 4.n).

2. En calquera caso, a consideración dos proxectos como incentivables estará supeditada ás necesidades de apoio que se desprendan do seu carácter cultural, ás condicións económico-financeiras do proxecto e ás do seu impacto na actividade cultural da comunidade autónoma.

3. Non poderán ser destinatarios das subvencións previstas nesta convocatoria as empresas produtoras que só teñan unha participación financeira no proxecto de longametraxe.

4. Só poderán participar nesta convocatoria aquelas produtoras que teñan unha participación igual ou superior ao 25% sobre o custo de realización do proxecto audiovisual. Esta porcentaxe baixará ao 20% se o custo de realización é superior a 3 millóns de euros.

5. No caso da modalidade de películas para TV, será requisito obrigatorio presentar contrato ou carta de compromiso, con especificación do contido económico do acordo, dunha emisora de televisión.

6. Non poderán acceder ás subvencións os solicitantes que se encontren afectados por algunha das circunstancias previstas no artigo 10.2º e 10.3º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. Os solicitantes enviarán unha declaración de non atoparse en ningunha das situacións que impiden obter a condición de beneficiario.

7. Así mesmo, quedan excluídos aqueles solicitantes que, sendo beneficiarios de axudas nas convocatorias de axudas da Agadic nos anos 2009 e 2010, incumprisen as bases ou a finalidade establecida na súa convocatoria e fosen sancionados por iso.

As condicións exixidas neste artigo deberase manter durante todo o período de execución do proxecto subvencionado. A perda dalgunha destas condicións suporá a perda da condición de beneficiario e, se é o caso, o reintegro das cantidades percibidas.

Cada empresa solicitante só poderá ser beneficiaria dun máximo de dous proxectos. De xeito voluntario, o solicitante poderá facer unha prelación para os proxectos e solicitudes presentados a esta convocatoria.

Artigo 3. Solicitudes.

1. As solicitudes para participar no procedemento de concesión das subvencións presentaranse na forma e prazo que se indiquen na convocatoria.

2. As solicitudes irán acompañadas da seguinte documentación administrativa obrigatoria:

a) Copia compulsada ou cotexada do documento público do poder notarial, con que actúa o representante, debidamente inscrito no rexistro mercantil, se é o caso.

b) Copia compulsada ou cotexada do documento público da constitución legal da empresa e inscrición no rexistro mercantil, se é o caso.

c) Copia compulsada ou cotexada da tarxeta de identificación fiscal, se é o caso.

d) Copia compulsada ou cotexada do certificado acreditativo de estar dado de alta no imposto de actividades económicas, na epígrafe correspondente, no exercicio actual.

e) Memoria da empresa, conforme o modelo recollido en anexo V.

f) Documentación compulsada ou cotexada e acreditativa de que o proxecto é obra orixinal e/ou de posuír os dereitos suficientes do guión, obra literaria ou calquera outro medio que requira a obtención de dereitos ou opción de compra sobre eles.

g) Declaración de solicitudes efectuadas ou subvencións concedidas para o mesmo proxecto das distintas administracións públicas ou doutros entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais.

h) Declaración responsable de ser empresa de produción independente e ter sede na Comunidade Autónoma de Galicia, conforme o establecido no artigo 2 destas bases.

i) Certificación orixinal da titularidade da conta onde se debe realizar o pagamento, expedida pola entidade bancaria, en que conste: ordinal bancario, código do banco, código da sucursal e código da conta corrente.

j) O/A solicitante dará o seu consentimento expreso para a comprobación telemática do DNI ante o Ministerio da Presidencia segundo o Decreto 255/2008, do 23 de outubro, polo que se simplifica a documentación para a tramitación dos procedementos administrativos e se fomenta a utilización dos medios electrónicos. No caso de que o solicitante non queira autorizar a Axencia Galega das Industrias Culturais para obter os datos do seu DNI, terá que achegar a copia del xunto co resto da documentación.

Ademais, as solicitudes irán acompañadas da seguinte documentación técnica:

a) Memoria explicativa do proxecto, cunha extensión máxima de dez páxinas.

b) Sinopse argumental, cunha extensión máxima de cinco páxinas.

c) Guión definitivo da produción. No caso dos proxectos de longametraxe documental, estrutura desenvolvida.

d) Historial creativo, profesional e financeiro da empresa produtora.

e) Relación dos membros do equipo técnico-artístico principal, acreditado con cartas de interese. Terá a consideración de equipo técnico-artístico principal o director, guionista, compositor, director de fotografía, director de arte, montador e actores protagonistas.

f) Plan de produción con inclusión do cronograma de preprodución, produción e posprodución.

g) Orzamento definitivo segundo os modelos oficiais do Ministerio de Cultura.

h) Plan de financiamento, con expresión das contribucións previstas doutras entidades, organismos ou institucións. Cando exista compromiso formal de financiamento, deberá ser acreditado documentalmente mediante acordos de coprodución, prevendas con empresas titulares da explotación de canles ou cartas de compromiso avaliables economicamente, para os efectos da súa consideración pola comisión de valoración.

i) No caso de solicitude de subvención plurianual, calendario desagregado do gasto para a execución, indicando a parte executable en cada ano.

j) Declaración que especifique a lingua orixinal de rodaxe/gravación.

k) Se é o caso, certificación de que o proxecto tivo unha subvención para a escrita de guión ou desenvolvemento de proxectos en anteriores convocatorias da Consellería de Cultura e Turismo ou da Agadic.

l) Calquera outra documentación que o solicitante considere pertinente para a mellor defensa do proxecto.

A documentación técnica citada poderá ser entregada en soporte papel (unha copia), CD-Rom (cinco copias) ou en memoria USB (cinco copias). En calquera dos soportes que se presenten deberán figurar os mesmos ficheiros e con igual contido. Todos os ficheiros deberán incorporar un índice do seu contido. Os formatos dos ficheiros poderán ser PDF ou Excel. Se se inclúen ficheiros con fotografías ou debuxos, serán en formato JPG. Os servizos administrativos da Agadic comprobarán, antes da súa remisión á comisión, que os arquivos son lexibles.

3. A documentación técnica dos proxectos que non fosen subvencionados poderá ser retirada, por petición dos solicitantes, no prazo de tres meses a partir da data da resolución de adxudicación. En todo caso, transcorrido o dito prazo, esta documentación será destruída co obxecto de garantir a confidencialidade dos datos.

Artigo 4. Consentimentos e autorizacións.

1. A presentación da solicitude implica o coñecemento e a aceptación destas bases reguladoras. De conformidade co establecido no artigo 20.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, a presentación da solicitude de concesión da subvención comportará a autorización á dirección da Agadic para solicitar as certificacións de non ter débedas coa Administración pública da comunidade autónoma, así como de estar ao día no cumprimento das obrigas tributarias e coa Seguridade Social. Estes requisitos deberán acreditarse, de ser o caso, antes de efectuar a proposta de resolución, así como da tramitación dos pagamentos, ao abeiro do disposto nos artigos 20.4 e 31.7 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. Non obstante, se por razóns técnicas ou doutra índole estes certificados non puidesen ser obtidos polo órgano xestor, poderán serlle requiridos ao interesado.

2. De conformidade co establecido no artigo 13.4 da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e de boas prácticas na Administración pública galega, esta axencia publicará na súa páxina web oficial a relación dos beneficiarios e o importe das axudas concedidas, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos dos beneficiarios e a súa publicación na citada páxina web, coas excepcións previstas nas leis.

3. De acordo co establecido na disposición adicional primeira do Decreto 132/2006, do 27 de xullo, de creación dos rexistros de axudas, subvencións e convenios e de sancións da Xunta de Galicia, a persoa solicitante da subvención consentirá expresamente a inclusión e a publicidade dos datos relevantes, referidos ás axudas e subvencións recibidas, así como ás sancións impostas, no devandito rexistro, feito que terá lugar agás nos supostos legalmente establecidos.

Artigo 5. Órganos competentes.

A Dirección da Axencia Galega das Industrias Culturais será o órgano competente para a instrución do procedemento de concesión das subvencións, e corresponderalle á Presidencia do Consello de Dirección ditar a resolución de concesión da subvención.

Artigo 6. Instrución dos procedementos.

1. De conformidade co establecido no artigo 20.5 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, se a solicitude ou a documentación administrativa obrigatoria non reúne algún dos requisitos exixidos nestas bases reguladoras ou na correspondente convocatoria, requirirase o interesado para que, nun prazo de dez días hábiles, emende a falta ou achegue os documentos preceptivos. Neste requirimento farase indicación expresa de que, se así non o fixer, se terá por desistido da súa petición, logo da correspondente resolución.

2. Sen prexuízo do disposto no parágrafo anterior, poderase requirir o solicitante para que achegue cantos datos, documentos complementarios e aclaracións resulten necesarios para a tramitación e resolución do procedemento.

3. Unha vez revisadas as solicitudes e as emendas feitas, aqueles expedientes administrativos que reúnan todos os requisitos e a documentación administrativa necesaria serán remitidos á comisión encargada da súa valoración, de acordo co establecido no artigo 7 destas bases reguladoras.

Artigo 7. Comisión de valoración.

1. Para a avaliación dos proxectos presentados constituirase unha comisión de valoración, que será o órgano colexiado encargado de valorar as solicitudes de acordo cos criterios obxectivos fixados no artigo 8 destas bases reguladoras, así como de propoñer a concesión ou denegación das subvencións aos interesados.

2. A comisión de valoración estará formada por expertos independentes, nomeados polo presidente do Consello de Dirección da Agadic, e será presidida polo seu director ou persoa en quen delegue. Da comisión formarán parte catro vogais, profesionais de recoñecido prestixio no mundo cultural ou audiovisual, propostos polas principais asociacións do sector, dos cales un estará representando a TVG, actuando como secretario unha persoa designada polo director da Agadic, pertencente ao cadro de persoal da Agadic con voz e sen voto. Os membros das comisións de expertos declararán por escrito que non terán relación cos solicitantes ou, se é o caso, cos partícipes das persoas xurídicas solicitantes na correspondente convocatoria anual.

3. As decisións do comité de expertos especificarán a avaliación que lles corresponde, en aplicación dos criterios de avaliación, e asignarán as cantidades específicas para cada proxecto, ata esgotar o crédito dispoñible, respectando as porcentaxes máximas de investimento subvencionable, en función das súas características específicas ou necesidades de cada modalidade e posibilidades de financiamento.

4. A asignación dos importes das subvencións realizarase, separadamente para cada modalidade, de forma proporcional á puntuación recibida por cada proxecto, con atención ás contías máximas establecidas no artigo 10. Para estes efectos, o proxecto coa máxima puntuación en cada modalidade recibirá o importe máximo subvencionable correspondente a esta, sempre que non sexa superior á subvención solicitada.

5. O resto das actuacións subvencionables quedará en reserva para seren atendidas ben co crédito que quedase libre, de se producir algunha renuncia ou modificación nos proxectos inicialmente subvencionados, ben co incremento dos créditos orzamentarios destinados a estas subvencións.

Artigo 8. Criterios de valoración.

Na valoración, os membros da comisión terán en conta a calidade do proxecto, seguindo estes criterios: a orixinalidade e autenticidade do guión, a solidez e viabilidade do plan de traballo, así como o historial e capacidade profesional dos autores/produtores. Para poder acceder ás subvencións, o proxecto deberá obter un mínimo de 60 puntos, respectando as seguintes puntuacións mínimas dentro de cada unha das categorías:

Categoría A: contribución cultural: 35 puntos.

Categoría B: contribución creativa: 10 puntos.

Categoría C: utilización de recursos galegos: 7,5 puntos.

Categoría D: viabilidade do proxecto: 7,5 puntos.

A obtención da puntuación mínima non garante a obtención automática de subvención, dado que a comisión de selección poderá, en razón do número de proxectos que superen a puntuación mínima, establecer un nivel de corte superior.

Distribución de puntos:

A) Contribución cultural. Un máximo de 70 puntos.

1. Lingua orixinal de rodaxe/gravación (versión orixinal en lingua galega cunha presenza mínima do 51% no conxunto de diálogos ou narración). Ata 25 puntos.

2. Contexto cultural. Ata un máximo de 50 puntos.

2.1. Proxecto baseado nunha obra literaria (novela, guión orixinal, relato literario, cómic ou calquera outra forma de expresión artística). Ata 8 puntos.

2.2. Proxectos baseados en obras literarias escritas orixinalmente en lingua galega. Ata 8 puntos.

2.3. A trama narrativa que versa sobre personaxes reais ou de ficción residentes en Galicia ou na Unión Europea. Ata 8 puntos.

2.4. Proxectos que abordan temas actuais culturais, sociais ou políticos que caracterizan a poboación galega ou da Unión Europea. Ata 8 puntos.

2.5. Interese e calidade artística do proxecto. Ata 25 puntos.

2.6. Proxectos que utilizan o patrimonio arquitectónico, arqueolóxico e natural de Galicia para reflectir o contexto cultural europeo. Ata 8 puntos.

2.7. Proxectos en que a acción se desenvolve en Galicia ou noutra parte da UE. Ata 8 puntos.

2.8. Trama baseada en feitos históricos ou personaxes históricos ou de relevancia social ou cultural de Galicia ou da Unión Europea. Ata 8 puntos.

2.9. Proxectos que tiveron subvencións ao desenvolvemento ou á escrita de guión en anteriores convocatorias da Consellería de Cultura e Turismo. Ata 8 puntos.

B) Contribución creativa. Ata un máximo de 20 puntos.

1. Equipo creativo natural ou residente en Galicia. No caso de que a autoría sexa compartida, aplicaranse a metade dos puntos posibles concedidos.

1.1. Director: 15 puntos.

1.2. Guionista: 10 puntos.

1.3. Compositor: 6 puntos.

1.4. Director de fotografía: 6 puntos.

1.5. Director de arte: 6 puntos.

1.6. Produtor/a executivo/a: 2 puntos.

1.7. Montador: 4 puntos.

1.8. Director de produción: 3 puntos.

2. Equipo artístico natural ou residente en Galicia. No caso dun documental, terase en conta o tempo de aparición no proxecto. Nos proxectos de animación, os actores de dobraxe.

2.1. Actor protagonista 1.º: 10 puntos.

2.2. Actor protagonista 2.º: 5 puntos.

2.3. Actor secundario 1.º: 2 puntos.

2.4. Actor secundario 2.º: 1 punto.

C) Utilización de recursos galegos. Ata un máximo de 15 puntos.

1. Rodaxe en Galicia (máis do 50%). Espazos escénicos, localizacións ou estudios en Galicia. Ata 10 puntos.

2. Utilización de empresas galegas de servizos de escenografía, decorado ou atrezo (persoas físicas ou xurídicas domiciliadas ou con establecemento en Galicia). Ata 3 puntos.

3. Utilización de empresas galegas de servizos de efectos especiais e visuais/ópticos (persoas físicas ou xurídicas domiciliadas ou con establecemento en Galicia). Ata 3 puntos.

4. Utilización de empresas galegas de servizos de posprodución de imaxe (persoas físicas ou xurídicas domiciliadas ou con establecemento en Galicia). Ata 3 puntos.

5. Utilización de empresas galegas de servizos de posprodución de audio (persoas físicas ou xurídicas domiciliadas ou con establecemento en Galicia). Ata 3 puntos.

D) Viabilidade. Ata un máximo de 20 puntos.

1. Porcentaxe do orzamento acreditado mediante recursos propios, acordos de coprodución ou precontratos con empresas titulares da explotación ou venda de produción audiovisual. Ata 15 puntos, correspondendo a puntuación máxima á acreditación dunha porcentaxe do 65%.

2. Capacidade de xestión e financeira acreditada na traxectoria anterior da empresa. Ata 5 puntos.

Ademais destas epígrafes, a comisión de valoración terá en conta a seguinte baremación complementaria:

-Porcentaxe de participación de mulleres no equipo creativo: 15 puntos cando sexa superior ao 50% e 7 puntos cando sexa superior ao 25%. Para estes efectos, a porcentaxe de participación feminina calcularase sobre un total de 56, mediante a suma das puntuacións das mulleres integrantes do equipo creativo, conforme o establecido no punto B.1 deste baremo.

A puntuación do proxecto será a suma da puntuación obtida nas epígrafes de contribución cultural, contribución creativa, utilización de recursos galegos e viabilidade, cos límites establecidos para cada punto, e mais a obtida na baremación complementaria, co límite global de 128 puntos.

Artigo 9. Resolución, notificación e publicación.

1. Unha vez avaliados os expedientes, a comisión de valoración emitirá o informe en que se concrete o resultado da avaliación efectuada. O órgano instrutor enviaralle o informe da comisión de valoración, xunto coa proposta de resolución, á Presidencia do Consello de Dirección da Agadic.

2. A Presidencia do Consello de Dirección da Agadic ditará, no prazo de 15 días desde a data de elevación da proposta de resolución, a correspondente resolución, que deberá estar debidamente motivada e expresará, cando menos, a valoración das solicitudes, coas puntuacións totais e parciais concedidas, a porcentaxe de axuda sobre o investimento subvencionable, a distribución da axuda por anualidades, e as axudas denegadas con indicación do motivo polo que non se aceptaron.

3. O prazo máximo para resolver e notificarlle a resolución ao interesado será de seis meses, contados a partir do seguinte ao da publicación da resolución de convocatoria no Diario Oficial de Galicia. Se transcorrese o prazo máximo para resolver sen que recaese resolución expresa, os interesados poderán entender desestimadas as súas solicitudes por silencio administrativo.

4. Todas as resolucións serán notificadas de acordo co establecido na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. Non obstante, e de conformidade co establecido no artigo 59.5 b) da indicada lei, no caso das subvencións concedidas poderase substituír a notificación individual pola publicación no Diario Oficial de Galicia e na páxina web da Agadic. Nesta publicación especificarase a data da convocatoria, o beneficiario, a cantidade concedida e a finalidade da subvención outorgada. As solicitudes desestimadas notificaranse individualmente, con indicación das causas da desestimación.

5. No prazo máximo de tres meses contados desde a data da resolución publicarase no Diario Oficial de Galicia, e será inserida igualmente na páxina web desta axencia a relación das subvencións concedidas con indicación da norma reguladora, beneficiario, crédito orzamentario, contía e finalidade da subvención. Porén, cando os importes das subvencións concedidas e individualmente consideradas sexan de contía inferior aos 3.000 euros, non será necesaria a publicación no Diario Oficial de Galicia, que será substituída pola publicación das adxudicadas na páxina web da Agadic.

Artigo 10. Investimento subvencionable.

1. Considérase investimento subvencionable imputable ao proxecto a suma dos gastos necesarios para a produción, ata a obtención da primeira copia estándar, excluídos impostos, gardando proporcionalidade coa cota total de coprodución dos coprodutores galegos.

2. A subvención pode acadar as seguintes porcentaxes segundo a tipoloxía e modalidade dos proxectos:

2.1. Proxectos de longametraxes:

a) Longametraxe cinematográfica: ata o 40% do importe subvencionable, cun máximo de 350.000 euros. Esta porcentaxe será do 45% no caso de longametraxes rodadas en versión orixinal en galego.

No caso de proxectos de animación, o importe pode acadar os 430.000 euros.

b) Ópera prima ou segunda longametraxe: ata o 50% do importe subvencionable, cun máximo de 275.000 euros.

c) Películas para TV ata o 40% do importe subvencionable, cun máximo de 150.000 euros.

d) Miniseries: ata o 35% do importe subvencionable, cun máximo de 250.000 euros. Esta porcentaxe será do 40% no caso de miniseries en V.O. en galego.

e) Series de animación: o 35% do importe subvencionable, cun máximo de 300.000 euros. Esta porcentaxe será do 40% no caso de series de animación en V.O. en galego.

2.2. Longametraxes documentais:

a) Documentais de creación: ata o 50% do importe subvencionable, cun máximo de 60.000 euros.

b) Documentais de difusión cultural: ata o 50% do importe subvencionable, cun máximo de 50.000 euros.

Artigo 11. Réxime de recursos.

A resolución da presente convocatoria poñerá fin á vía administrativa e contra ela poderán interpoñerse os seguintes recursos, sen prexuízo de que os interesados poidan exercer calquera outro que consideren procedente:

a) Recurso potestativo de reposición ante a Presidencia do Consello de Dirección da Axencia Galega das Industrias Culturais, no prazo dun mes, contado a partir do día seguinte ao da notificación da resolución, se esta for expresa, ou de tres meses contados a partir do seguinte a aquel en que se produza o acto presunto.

b) Recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da notificación da resolución, se esta for expresa, ou de seis meses contados a partir do seguinte a aquel en que se produza o acto presunto.

Artigo 12. Modificación da resolución.

A alteración substancial das condicións definitorias do proxecto consideradas para a concesión da subvención e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, que non estivese recollida no plan de financiamento presentado en cumprimento do artigo 3 destas bases reguladoras poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión.

Artigo 13. Aceptación e renuncia.

Sen prexuízo dos recursos que procedan contra a resolución de concesión, transcorridos dez días hábiles desde a notificación ou publicación desta sen que o interesado comunicase expresamente a súa renuncia á subvención, entenderase que a acepta e desde ese momento adquirirá a condición de beneficiario.

A renuncia á subvención poderá facerse axustándose ao modelo que se inclúe como anexo III, así como por calquera outro medio que permita a súa constancia, de acordo co establecido no artigo 91 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

No caso de que se comunicase a renuncia en prazo, o director da Agadic ditará a correspondente resolución nos termos do artigo 42.1 da mesma lei.

Artigo 14. Obrigas dos beneficiarios.

1. Sen prexuízo das obrigas dispostas no artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, os beneficiarios das subvencións quedarán obrigados a destinar os fondos percibidos ao obxecto concreto para o que foron concedidos. As producións subvencionadas deberán axustarse fielmente ao proxecto presentado. Calquera alteración relevante do proxecto deberá ser autorizada pola Axencia Galega das Industrias Culturais.

2. Os beneficiarios deberanlle comunicar á Agadic as datas de inicio e finalización da rodaxe ou gravación da produción subvencionada, que deberán estar comprendidas dentro do período subvencionable, así como a da súa estrea, nun prazo non inferior aos quince días anteriores ou posteriores ás datas de referencia.

3. Nos equipos de produción das longametraxes cinematográficas e películas de TV, as empresas produtoras estarán obrigadas a incorporar á produción un mínimo de tres alumnos ou graduados nos tres últimos anos en centros de estudos audiovisuais, regrados ou universitarios, en réxime de prácticas ou contratados laboralmente nas áreas da produción audiovisual: dirección, son, fotografía, produción, posprodución ou dirección artística. Así mesmo, nos equipos de produción de documentais, miniseries e series de animación estarán obrigados a incorporar un mínimo dun alumno.

4. Nos títulos de crédito iniciais da produción deberá figurar en cartón único: «coa subvención da Axencia Galega das Industrias Culturais», de conformidade coa normativa de imaxe corporativa da Xunta de Galicia. Así mesmo, en todos os materiais de promoción, distribución e publicidade da obra (carteis, músicas, portadas ou outros materiais) farase constar que a produción foi subvencionada pola Axencia Galega das Industrias Culturais.

5. Entregar dúas copias en versión galega, en perfecto estado, no formato elixido na solicitude segundo as modalidades de produción:

–Longametraxe cinematográfica e ópera prima ou segunda longametraxe: 35 mm.

–Películas para TV, miniseries e series de animación: Betacam dixital, HD ou DVC Pro 50.

–Longametraxes documentais de creación e difusión cultural: Betacam dixital, HD ou DVCPro 50.

Ademais, en calquera das modalidades será obrigatoria a entrega, ademais, dunha copia en DVD.

Así mesmo, estarán obrigados a facilitarlle á Agadic copias da documentación empregada para a realización, promoción e difusión da obra (guión definitivo, carteis, fotografías, músicas, portadas e outros materiais similares).

Artigo 15. Xustificación da subvención.

1. A xustificación do cumprimento das condicións impostas e a consecución dos obxectivos previstos no acto de concesión das subvencións revestirá a forma de conta xustificativa do gasto realizado. A rendición de conta xustificativa constitúe un acto obrigatorio do beneficiario na cal se deben incluír, baixo responsabilidade do declarante, os xustificantes de gasto ou calquera documento con validez xurídica que permitan acreditar o cumprimento da subvención pública.

2. Con carácter xeral, e de acordo co establecido no artigo 29 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, consideraranse gastos subvencionables aqueles que de xeito indubidable respondan á realización do proxecto. Os gastos indirectos poderán formar parte da xustificación sempre que os impute o beneficiario ao proxecto, na medida en que tales gastos correspondan ao período en que se realiza o proxecto e nunha porcentaxe non superior ao 20% do gasto xustificado. Só se admitirán aqueles gastos que fosen realizados dentro do período comprendido entre o 1 de xaneiro de 2011 e a fin da data de xustificación establecida na correspondente convocatoria.

3. En todos os casos, o importe que hai que xustificar será o do orzamento subvencionable.

A conta deberá incluír declaración das actividades realizadas que foron financiadas coa subvención e o seu custo, coa desagregación de cada un dos gastos producidos. Deberase acreditar, así mesmo, na conta xustificativa o cumprimento de todas as obrigas do artigo 14.

4. O beneficiario deberá xustificar o gasto dun mínimo do 70% da axuda recibida no pagamento de bens ou servizos prestados por persoas físicas ou xurídicas residentes no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia.

No caso de se tratar dunha coprodución, deberase xustificar o gasto do 70% da axuda recibida en bens ou servizos prestados por persoas físicas ou xurídicas residentes no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia. O beneficiario estará capacitado para gastar ata o 30% da súa achega como produtor noutros territorios da Unión Europea ou estados que formen parte do acordo que establece a Área Económica Europea.

5. No caso das longametraxes cinematográficas, óperas primas e películas para TV, deberase acreditar o custo final mediante unha auditoría, realizada por auditores inscritos no Rexistro Oficial de Auditores de Contas, e efectuada conforme as normas de procedemento previstas na lexislación vixente en materia de auditorías. Esta auditoría deberá certificar, ademais, o grao de gasto correspondente a traballos efectuados por persoas físicas ou xurídicas domiciliadas ou con sede permanente en Galicia. A acreditación realizarase conforme os termos establecidos na Orde CUL/2834/2009, do 19 de outubro, pola que se ditan normas de aplicación do Real decreto 2062/2008, do 12 de decembro, polo que se desenvolve a Lei 55/2007, do 28 de decembro, do cinema, nas materias de recoñecemento do custo dunha película e investimento do produtor, establecemento das bases reguladoras das axudas estatais e estrutura do Rexistro Administrativo de Empresas Cinematográficas e Audiovisuais.

6. No caso dos documentais, ademais da declaración de actividades sinalada no punto 1, deberán presentar unha memoria económica xustificativa do custo das actividades realizadas, que conterá por duplicado:

a) Relación numerada e ordenada por capítulos de gastos, que inclúan o número de documento, identificación do acredor, o importe e a data de emisión, a suma parcial (folla por folla) e a suma do total da relación de gastos, excluído o IVE.

b) Facturas ou documentos, orixinais ou compulsados, de valor probatorio equivalente no tráfico xurídico-mercantil e con eficacia administrativa, e documentos xustificativos do seu pagamento, orixinais ou compulsados, incorporados na mesma orde que na relación a que se fai referencia no parágrafo anterior. Non se terán en conta os pagamentos en efectivo.

7. Así mesmo, antes de cada un dos pagamentos, o peticionario presentará unha declaración complementaria do conxunto de axudas solicitadas para un mesmo proxecto, tanto das aprobadas como das pendentes de resolución, das diferentes administracións públicas competentes ou calquera dos seus organismos, entes ou sociedades, de acordo coa resolución do Consello de Contas do 30 de novembro de 1999, na cal se establece o mecanismo de seguimento e control de concorrencia e acumulación de axudas públicas.

8. O beneficiario poderá xustificar ata un máximo do 15% do gasto executado en concepto de gastos de amortización de instalacións, equipos e maquinaria directamente relacionados coa realización do proxecto obxecto da subvención, de duración superior a un exercicio anual, de acordo coas seguintes normas:

a) Amortización de material informático e audiovisual: poderá realizarse durante os 5 anos sucesivos á súa adquisición. Para o cálculo do importe que se amortizará dividirase o custo do ben entre 60 meses e o resultado multiplicarase polo número de meses que dure a produción. Para que se poidan aboar os gastos, será imprescindible a posesión da correspondente factura orixinal de compra dos bens que se pretendan amortizar.

b) Amortización de instalacións: enténdese por instalación o lugar onde se realiza a produción. Deberán acompañar a amortización a copia do título de propiedade ou escritura de compra, o certificado do responsable da entidade de que a obra non se realizou con subvención ningunha de calquera Administración. Admitirase un importe de gastos de amortización por estes conceptos de acordo cos coeficientes legais de amortización en función de coeficientes técnicos razoables, tendo en conta os anos de vida útil de cada un dos bens que se van amortizar. Neste sentido, xuntaranse copias das facturas de adquisición de ditos bens.

Artigo 16. Pagamento.

Tras a resolución de concesión, a Agadic aboará, en concepto de anticipo, o 5% da contía concedida a aqueles que obtiveron a condición de beneficiarios. No exercicio 2012 aboarase o 10% en concepto de anticipo.

Para facer efectivos os pagamentos anticipados, o beneficiario deberá enviar unha declaración de axudas nos termos establecidos no artigo 15.5, e unha memoria do estado de execución do proxecto.

No exercicio 2013, os beneficiarios poderán solicitar un pagamento parcial de ata o 60% da subvención concedida. Este pagamento aboarase por contía equivalente á xustificación presentada, ata a dita porcentaxe. O pagamento realizarase aplicando ao investimento xustificado a porcentaxe de axuda concedida. A data máxima de solicitude do pagamento parcial será o 31 de xullo do ano 2013.

Os beneficiarios, antes de cada un dos pagamentos parciais ou anticipos correspondentes a cada anualidade, sempre que tales cantidades acumuladas excedan os 18.000 euros, deberán constituír unha garantía, mediante seguro de caución prestado por entidade aseguradora ou mediante aval solidario de entidade de crédito ou sociedade de garantía recíproca, que deberá cubrir o 110% do importe do anticipo, e deberá alcanzar, como mínimo, ata os dous meses seguintes á finalización do prazo de xustificación. Quedan exonerados da constitución de garantía os beneficiarios e nos casos establecidos no artigo 65.4 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

O pagamento da subvención estará en todo caso condicionado a que os órganos competentes da Unión Europea adopten unha decisión de non formular obxeccións a esta, ou declaren a subvención compatible co mercado común e nos termos en que a dita declaración se realice.

Artigo 17. Incumprimento, reintegros e sancións.

1. O incumprimento das obrigas contidas nestas bases reguladoras, na convocatoria ou na demais normativa aplicable, así como das condicións que, de ser o caso, se establezan na resolución de concesión, dará lugar á obriga de devolver total ou parcialmente as subvencións percibidas, así como os xuros de demora correspondentes, nos supostos previstos no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. Para facer efectiva a devolución a que se refire o punto anterior, tramitarase o oportuno procedemento de reintegro, que se axustará ao previsto no título II da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

3. Aos beneficiarios das subvencións reguladas nestas bases seralles de aplicación o réxime de infraccións e sancións previsto no título IV da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 18. Control.

1. Os solicitantes e beneficiarios quedan sometidos ás actuacións de comprobación e control efectuadas polo órgano competente para resolver, así como ás de control financeiro desenvolvidas pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, segundo o establecido no título III da Lei 9/2007, ou polo Consello de Contas ou Tribunal de Contas, segundo a súa normativa.

2. Ademais, deberanlle facilitar á Dirección da Agadic toda a información e documentación complementaria que esta estime precisa para a concesión ou aboamento do importe da subvención.

Artigo 19. Remisión normativa.

Para todo o non previsto nestas bases observarase o previsto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia; no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia; na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións; no Real decreto 887/2006, do 21 de xullo, polo que se aproba o regulamento da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións e na restante normativa que resulte de aplicación.

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file