Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 104 Martes, 31 de maio de 2011 Páx. 12379

III. Outras disposicións

Consellería de Educación e Ordenación Universitaria

ORDE do 18 de maio de 2011 pola que se convoca e regula o programa de reposición de libros de texto e materiais curriculares nos centros sostidos con fondos públicos, para o curso escolar 2011/2012, nos niveis de 3.º e 4.º de educación primaria e 2.º e 4.º de educación secundaria obrigatoria para as materias que non cambian de idioma, de acordo co Decreto 79/2010, do 20 de maio, para o plurilingüismo no ensino non universitario de Galicia.

A Lei orgánica 8/1985, do 3 de xullo, reguladora do dereito á educación (BOE do 4 de xullo), establece, no seu artigo 1, que todos os españois teñen dereito a unha educación que lles permita o desenvolvemento da súa propia personalidade e a realización dunha actividade útil á sociedade.

O Estatuto de autonomía de Galicia, no seu artigo 31, dispón que é competencia plena da Comunidade Autónoma de Galicia o regulamento e administración do ensino en toda a súa extensión, niveis e graos, modalidades e especialidades.

A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria rematou a implantación do programa de libros de texto no curso escolar 2007/2008, cumprindo así o compromiso adquirido no ano 2003.

Para os niveis de 3.º e 4.º curso de educación primaria e 2.º e 4.º curso de educación secundaria obrigatoria cómpre manter o sistema de cesión de uso xa implantado. Non obstante, este sistema unicamente será de aplicación ás materias que non cambian de idioma, logo da aplicación do Decreto 79/2010, do 20 de maio, para o plurilingüismo no ensino non universitario de Galicia, xa que o seu artigo 13 establece que os materiais e libros de texto das materias impartidas en galego e en castelán estarán redactados na lingua en que se imparta a materia.

Non obstante o anterior, á vista da conxuntura económica, e para determinados niveis da ensinanza obrigatoria, no curso escolar 2009/2010 foi necesario facer unha reforma do sistema, de xeito que resulten beneficiarias as familias con menos recursos.

Continuando con esta liña de actuación, para o resto dos cursos de educación primaria e secundaria obrigatoria non comprendidos neste programa, para educación especial, así como para a adquisición dos libros de texto das materias que cambian de idioma, de acordo co citado Decreto 79/2010, estableceranse, de ser o caso, convocatorias de axudas.

Segundo o indicado con anterioridade, esta consellería dispón a continuación da reposición do programa de libros de texto nos cursos e materias citados, a través do réxime de cesión de uso, de acordo coas dispoñibilidades orzamentarias, e con criterios educativos e de organización que permitan un axeitado funcionamento deste servizo educativo.

Tendo en conta a liberdade dos pais, nais ou titores para a elección de centro e a dos centros docentes para a elección dos libros de texto, así como a experiencia na xestión de anos anteriores, o proceso realízase a través dos centros onde se escolarice o alumnado.

En exercicio das competencias atribuídas no Decreto 332/2009, do 11 de xuño, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria (DOG do 24 de xuño de 2009),

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto e ámbito de aplicación.

1. Esta orde ten por finalidade regular o programa de reposición de libros de texto e materiais curriculares para os cursos 3.º e 4.º de educación primaria e 2.º e 4.º de educación secundaria obrigatoria que se desenvolverá no curso escolar 2011/2012.

2. O programa ten como obxectivo facilitar ao alumnado, mediante o sistema de cesión de uso, os libros de texto e materiais curriculares necesarios para cursar os estudos correspondentes aos anteditos niveis, de acordo coa relación de libros de texto incluídos no programa.

3. O programa será de aplicación a todos os centros sostidos con fondos públicos da Comunidade Autónoma de Galicia.

4. Non se inclúen neste programa aqueles libros de texto que en aplicación do disposto no artigo 13 do Decreto 79/2010, do 20 de maio, para o plurilingüismo no ensino non universitario de Galicia, cambian de lingua.

5. Non poderán adquirirse aqueles libros que, por calquera motivo, non poidan ser reutilizados polo alumnado durante catro cursos escolares, nin outros materiais de uso persoal tales como cadernos de idiomas, de exercicios ou libros en que se escriba, pinte ou recorte, nin dicionarios, atlas, libros de titoría e outros materiais de características similares.

6. Os centros educativos que optasen por substituír a adquisición dos libros de texto para unha ou varias áreas por materiais curriculares elaborados polo correspondente departamento do centro, poderán proceder á reposición destes por deterioración e incremento dentro dos límites máximos fixados no artigo 6 desta orde e sempre que non sexan materias que cambien de idioma. O importe destinado a esta actuación deberá acreditarse mediante factura que quedará arquivada no centro.

Artigo 2. Beneficiarios.

Será beneficiario do programa todo o alumnado que curse 3.º de educación primaria, 4.º de educación primaria, 2.º de educación secundaria obrigatoria ou 4.º de educación secundaria obrigatoria en centros sostidos con fondos públicos da Comunidade Autónoma de Galicia, segundo o previsto no artigo 3 desta orde.

A participación do alumnado no programa ten carácter voluntario. A aceptación segundo os compromisos establecidos nesta convocatoria será asinada polo pai, nai ou titor/a do/a alumno/a segundo o anexo V.

Artigo 3. Actuacións no curso escolar 2011-2012.

No curso escolar 2011-2012 levarase a cabo a reposición por incremento do alumnado e por deterioración dos libros de texto naquelas materias que non cambian de idioma de acordo co Decreto 79/2010, do 20 de maio, para o plurilingüismo no ensino non universitario de Galicia.

Artigo 4. Adhesión ao programa.

Todos os centros da Comunidade Autónoma de Galicia sostidos con fondos públicos, que impartan ou vaian impartir as ensinanzas ás que se refire o artigo 1 durante o curso escolar 2011-2012, enténdense adheridos ao programa.

Artigo 5. Permanencia dos libros de texto.

Os libros de texto ou materiais curriculares que se vaian utilizar nestes cursos no programa manteranse durante o tempo que reste para cumprir o período de permanencia de catro cursos escolares.

Artigo 6. Resolución e importe máximo por alumno e curso.

A Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos elevará a proposta de resolución do procedemento ao conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, quen resolverá segundo o establecido nesta convocatoria.

A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria aboará os seguintes importes máximos por alumno ou alumna acollidos ao programa e curso:

Curso

Importe máximo de reposición por deterioración dos libros

Importe máximo de reposición por incremento de alumnado/novas incorporacións

Educación primaria

Terceiro

13 euros

125 euros

Cuarto

13 euros

125 euros

Educación secundaria obrigatoria

Segundo

15 euros

180 euros

Cuarto

15 euros

190 euros

A limitación de reposición por deterioración será conxunta para todos os cursos, é dicir, cada centro poderá repoñer un maior importe que o previsto en calquera dos cursos sempre e cando se repoña menos noutros e a suma da reposición por deterioración de todos os cursos non supere a suma das contías establecidas no cadro anterior.

Os importes máximos por alumno ou alumna para reposición por incremento de alumnado ou para novas incorporacións, en cada curso, poderanse superar sempre e cando se compense con gastos inferiores ao máximo para outros alumnos ou alumnas do mesmo curso.

Artigo 7. Procedemento para a reposición dos libros, por deterioración ou incremento de alumnado.

1. Os centros poderán repoñer por deterioración e/ou incremento os exemplares de libros de texto como consecuencia:

a) Do incremento de alumnado acollido ao programa nun nivel educativo con respecto aos acollidos no curso ou cursos anteriores. Se no curso ou cursos anteriores o centro non impartise as citadas ensinanzas ou non tivese ese nivel concertado, entenderase o curso completo como incremento de alumnado.

b) Do grao de deterioración dos exemplares, que non permite que poidan ser utilizados polo alumnado no curso escolar 2011/2012, sempre que esta deterioración non sexa imputable ao alumno ou alumna, coas limitacións establecidas no artigo 6 desta orde.

c) Das necesidades do alumnado con materias pendentes e/ou optativas que non coincidan coas do curso anterior, e do alumnado con necesidade educativas específicas. Nestes casos cubriranse as necesidades coas existencias de libros de que dispoña o centro, e/ou coa contía asignada para reposición por deterioración dos libros. Só se non se poden cubrir as necesidades do xeito anterior poderanse incluír como reposición por incremento de alumnado, imputando ao programa unicamente o importe das facturas dos libros que sexan precisos.

2. Os exemplares de reposición por deterioración e/ou reposición por incremento serán adquiridos pola dirección do centro. A tramitación realizarase de xeito separado, debendo utilizar o anexo I para reposición por deterioración e o anexo II para reposición por incremento de alumnado.

Os anexos cubriranse por triplicado, facendo constar o/s importe/s máximo/s e o número de exemplares de cada área.

Dos tres exemplares, que deberán ser entregados na libraría, un será devolto ao centro debidamente asinado e selado pola libraría no momento da solicitude, con indicación, de ser o caso, do libro ou libros que non se inclúen por superar a contía máxima prevista na orde.

Se a libraría devolvese o anexo ao centro sen facer indicación expresa da exclusión dalgún libro, adquire o compromiso de entregar todos os libros sen superar o/s importe/s máximo/s indicados no anexo.

3. Os libros que soliciten os centros nas librarías para a reposición por deterioro e/ou incremento, serán adquiridos, preferentemente, en varios establecementos do concello ou comarca.

4. Os libros solicitados nas librarías ata o 31 de xullo de 2011 deberán ser entregados nos centros entre o 1 e o 5 de setembro. Os libros solicitados entre o 1 de agosto e o 15 de setembro de 2011 serán entregados polas librarías nos centros coa maior brevidade posible e, en todo caso, antes do 30 de setembro.

No momento da entrega, cada un dos lotes debe ir acompañado dos dous exemplares do anexo I ou II que se entregaron na libraría. Un deles quedará en posesión do centro mentres que o outro, en que se fará constar a recepción dos libros no espazo establecido para o efecto, será devolto á persoa titular da libraría para a súa constancia.

5. As librarías deberán presentar as facturas correspondentes no centros. O prazo de presentación rematará o día 30 de setembro de 2011.

As facturas expediranse a nome da Xunta de Galicia, Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, facendo constar o nome do centro que realizou a compra, e recollerá o prezo efectivo que hai que aboar, incluíndo, se é o caso, os descontos que, de acordo co establecido pola normativa vixente, puidesen realizarse. En ningún caso o prezo final, impostos engadidos, poderá superar o importe máximo establecido no artigo 6 desta orde.

6. As facturas dos exemplares de reposición, os anexos I e II e calquera outra documentación que derive do disposto nesta orde, deberán quedar arquivados na secretaría do centro, á disposición dos órganos de fiscalización e control competentes.

Artigo 8. Presentación da xustificación e aboamento do importe do programa.

1. Os centros deberán dirixir a xustificación, segundo o anexo III, á Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos, edificio administrativo San Caetano, bloque II, 2.º andar, 15781 Santiago de Compostela (A Coruña).

2. Os centros concertados poderán presentar a citada documentación en calquera dos rexistros a que se refire o artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común (BOE do 27 de novembro), modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro (BOE do 14 de xaneiro). Se a solicitude fose remitida por correo certificado, presentarase en sobre aberto para que sexa datada e selada polo funcionario de correos.

3. Para os efectos de cómputo de prazos os rexistros dos centros docentes non son válidos, de conformidade co disposto no Decreto 164/2005, do 16 de xuño, polo que se regulan e determinan as oficinas de rexistro propias ou concertadas da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia, se crea o Rexistro Telemático da Xunta de Galicia e se regula a atención ao cidadán (DOG do 24 de xuño).

4. Os centros dispoñen de prazo ata o 15 de outubro de 2011 para presentar a xustificación.

5. Unha vez presentada a xustificación, e sempre coas limitacións dos importes máximos previstos no artigo 6 desta orde, a consellería ingresará o importe da adquisición dos libros de texto na conta bancaria do centro. Os centros educativos, unha vez que reciban os importes para este programa procederán, no prazo máximo de 10 días hábiles, ao aboamento das facturas ás librarías.

6. En caso de que por erro se xustifique un importe inferior ao real, o centro deberá cubrir unha corrección ao anexo III, e a consellería asignará un pagamento complementario. Se por erro se xustificase un importe superior ao real, o centro deberá cubrir igualmente unha corrección ao anexo III e reintegrar o importe sobrante na conta operativa do Tesouro da Xunta de Galicia número 2091-0300-47-3110063172, facendo constar no concepto «Devolución programa de libros de texto 2011/2012», xuntando copia compulsada da operación coa xustificación.

Artigo 9. Incorporación de novo alumnado ao longo do curso.

Unha vez presentada a xustificación inicial (anexo III), se se producise incorporación de novo alumado ao longo do curso, as necesidades de libros por incremento serán tramitadas pola dirección do centro empregando o anexo II por triplicado, facendo constar o número de exemplares de cada área e o importe máximo.

Para a tramitación destas adquisicións seguirase o procedemento establecido no artigo 7, coas seguintes especificacións:

1. O prazo para a incorporación de novo alumnado ao programa remata o 31 de marzo de 2012.

2. O prazo para que as librarías presenten as facturas correspondentes ás novas incorporacións remata o día 15 de abril de 2012.

3. Os centros dispoñen de prazo para a xustificación dos gastos dos libros correspondentes ás novas incorporacións ata o 30 de abril de 2012. Esta xustificación realizarase mediante o anexo IV desta orde.

4. No caso de que por erro se xustifique un importe inferior ao real, o centro deberá cubrir unha corrección ao anexo IV, e a consellería asignará un pagamento complementario. Se por erro se xustificase un importe superior ao real, o centro deberá cubrir igualmente unha corrección ao anexo IV e reintegrar o importe sobrante na conta operativa do Tesouro da Xunta de Galicia número 2091-0300-47-3110063172, facendo constar no concepto “Devolución programa de libros de texto 2011/2012”, xuntando copia compulsada da operación coa xustificación.

Artigo 10. Alumnado con necesidades educativas específicas.

Co obxecto de incluír no programa o alumnado que presente necesidades educativas específicas e estea matriculado nun curso obxecto desta orde, poderán adquirirse con cargo a este programa os libros de texto, aínda que non se correspondan cos aprobados polo órgano competente do centro para o citado nivel educativo, logo de informe motivado ao respecto do departamento de orientación ou órgano equivalente dos centros privados concertados, que quedará arquivado na secretaría do centro xunto co resto da documentación do programa. Deberanse ter en conta os límites por alumno ou alumna e curso en que estea matriculado/a establecidos no artigo 6 desta orde. Nestes casos procederase segundo se indica no artigo 7, punto 1.c).

Non está incluído dentro do ámbito desta orde de convocatoria o alumnado de centros específicos de educación especial ou de unidades específicas de educación especial en centros ordinarios.

Artigo 11. Da conservación dos libros.

1. O centro ao recibir os libros de texto procederá ao seu inventario. Deberán ser convenientemente identificados e conservados, e poderá dispoñer deles o alumnado en réxime de cesión de uso.

2. Concluído o período lectivo os libros de texto serán reintegrados e depositados polo alumnado nos centros, coa finalidade de seren revisados e determinar o seu grao de conservación, segundo o procedemento establecido polo centro. Non obstante, o alumnado de educación secundaria obrigatoria que estea pendente da realización dos exames de setembro ten de prazo ata o día 10 dese mes para devolver os libros.

3. Se ao longo do curso escolar un alumno ou alumna dos cursos obxecto desta orde se traslada de centro deberá devolver ao centro de orixe os libros de texto. Unha vez que se incorpore ao novo centro, a dirección do centro de destino, despois de comprobar que o alumno ou alumna devolveu os libros de texto no centro de orixe, facilitaralle o lote de libros que se utiliza no novo centro das materias que non cambien de lingua e, de non dispor de todos ou parte dos libros, tramitará a adquisición dos exemplares ou do lote completo, segundo o procedemento previsto no artigo 9 desta orde para novas incorporacións.

4. O alumnado quedará obrigado a conservar en bo estado os libros de texto entregados e a devolvelos ao centro ao finalizar o período lectivo. Se os libros están estragados e a deterioración é imputable ao alumno ou alumna, o centro requirirá os pais, nais ou titores para que os repoñan. De non repoñerse voluntariamente, poderá dar lugar a exclusión do programa ou da correspondente bolsa ou axuda no/s curso/s seguinte/s.

Artigo 12. Información sobre o programa.

1. Esta orde, así como toda a información relativa ao programa poderá consultarse no portal educativo da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, no enderezo http://www.edu.xunta.es. Tamén se poderán descargar os anexos I e II en formato PDF.

2. Os anexos III e IV, así como as súas posibles correccións, deberán ser cubertos nesta páxina, mediante a aplicación informática Xadelibros deseñada pola consellería para estes efectos, que estará dispoñible a partir do 1 de setembro de 2011, e á que se poderá acceder co nome de usuario e contrasinal do correo electrónico de edu.xunta.es do/a director/a, secretario/a ou usuario autorizado por estes. Esta aplicación permitirá introducir os datos necesarios e a impresión dos anexos que deberán ser asinados polo/a director/a e selados para seren enviados por correo postal á consellería.

Artigo 13. Financiamento do programa.

1. A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria financiará o programa con cargo á aplicación orzamentaria 09.05.423A.628.2 por importe total de 1.126.983,00 euros para o ano 2011 e na contía de 50.000,00 euros para 2012. Esta actuación está cofinanciada polo Ministerio de Educación.

2. O importe do ano 2011 poderá incrementarse, antes da resolución de concesión, cos importes remanentes do programa de libros de texto do curso 2010/2011, unha vez que se conclúa a súa execución e se peche este e/ou se formalicen outras achegas do Ministerio de Educación para esta mesma finalidade, e así se publique no Diario Oficial de Galicia.

3. Non obstante, dado o carácter universal da axuda, se o orzamento anterior non fose suficiente, a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria establecerá as medidas necesarias para garantir os libros para todo o alumnado acollido ao programa, dentro das dispoñibilidades orzamentarias e os límites establecidos por alumno ou alumna e curso nesta orde.

Artigo 14. Recursos.

Contra esta orde, que esgota a vía administrativa, os interesados poderán interpoñer recurso potestativo de reposición no prazo de un mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia, perante o conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, segundo o disposto na Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, de modificación da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, ou ben poderán presentar directamente recurso contencioso-administrativo, ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados a partir do día seguinte ao da publicación, conforme se establece na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa (BOE do 14 de xullo).

Disposición adicional

Constitución da comisión de seguimento: cada centro educativo incorporará ao seu regulamento de réxime interior os criterios básicos para o funcionamento deste programa. Así mesmo, no seo do consello escolar de cada centro constituirase unha comisión de seguimento, integrada por representantes de distintos sectores da comunidade educativa, coa finalidade de coordinar todas as actuacións necesarias para o desenvolvemento do programa.

Disposición derradeira primeira.

Atribúense ao director do centro docente e ao seu equipo directivo, no ámbito das súas competencias, as funcións e responsabilidades propias da prestación do programa de libros de texto para que se estenda ao alumnado.

Disposición derradeira segunda.

Autorízase o titular da Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos para adoptar todos os actos e medidas necesarios para a aplicación do establecido nesta orde.

Disposición derradeira terceira.

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 18 de maio de 2011.

Jesús Vázquez Abad
Conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file