Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 105 Mércores, 1 de xuño de 2011 Páx. 12765

IV. Oposicións e concursos

Universidade da Coruña

RESOLUCIÓN do 15 de febreiro de 2011 pola que se convocan probas selectivas para a provisión dunha praza de técnico superior en bioloxía molecular vacante no cadro de persoal laboral desta universidade.

Debido á necesaria provisión dunha praza vacante de técnico superior en bioloxía molecular, da vixente relación de postos de traballo do persoal laboral de administración e servizos, esta reitoría no uso das competencias que se lle atribúen no artigo 20 da Lei orgánica de universidades, así como nos estatutos desta universidade,

RESOLVE:

Primeiro. Convocar probas selectivas para cubrir unha praza de técnico superior en bioloxía molecular (grupo I), pola quenda libre.

Ao abeiro do disposto no artigo 22 do III Convenio colectivo dos PAS laboral da UDC, ao remataren as probas selectivas constituiranse listaxes de espera para cubrir con carácter temporal os postos de traballo que poidan xurdir ata o próximo proceso selectivo. Para estes efectos as persoas aspirantes deberán presentar a solicitude debidamente cuberta, indicando todos os datos que se requiren no impreso que figura como anexo III, e especificando as súas opcións de preferencia en canto á localidade e/ou ao tipo de contrato.

As probas selectivas realizaranse con suxeición ás seguintes:

Bases da convocatoria

1. Solicitudes.

1.1. As persoas que desexen tomar parte nestas probas selectivas deberán solicitalo no impreso segundo o modelo que figura como anexo III desta convocatoria e deberá ir acompañado de:

a) Fotocopia do documento nacional de identidade; os/as aspirantes que non posúan nacionalidade española e teñan dereito a participar deberán presentar fotocopia do documento que acredite a súa nacionalidade e, de ser o caso, os documentos que acrediten o vínculo de parentesco e o feito de viviren a expensas ou estaren a cargo do/a nacional doutro Estado con que teñan o dito vínculo. Así mesmo, deberán presentar declaración xurada ou promesa de non estar separado/a de dereito do/a seu/súa cónxuxe e, se é o caso, do feito de que o/a aspirante vive ás súas expensas ou está ao seu cargo.

b) Os aspirantes estranxeiros que estean exentos da realización da proba previa de acreditación do coñecemento do castelán establecida na base 8 desta convocatoria, xuntarán para tal efecto a fotocopia compulsada dos diplomas básico ou superior de español como lingua estranxeira ou do certificado de aptitude en español para estranxeiros expedido polas escolas oficiais de idiomas. De non achegar esta certificación non poderán ser declarados exentos, polo que deberán realizar a proba a que se refiren estas bases.

c) Certificación acreditativa dos servizos prestados noutras administracións públicas españolas referido á data de remate do prazo de presentación de solicitudes. Esta certificación será expedida polas respectivas xerencias. Se os servizos foron ou son prestados na UDC deberá indicarse na epígrafe correspondente da solicitude e, deste xeito, a certificación expedirase de oficio e engadirase á solicitude do/a aspirante.

d) Fotocopia da titulación académica requirida.

e) As persoas que se presenten pola quenda libre deberán xustificar o pagamento co documento bancario acreditativo de que se aboaron os dereitos de exame que ascenden a 40,74 euros, que se ingresarán no Banco Santander Central Hispano na conta 0049 5030 15 2516011262.

Estarán exentas do pagamento da taxa por dereitos de exame aquelas persoas que teñan recoñecida unha discapacidade igual ou superior ao 33%. Tamén estarán exentas do pagamento, as persoas que sexan membros de familias numerosas clasificadas na categoría especial. Así mesmo, gozarán dunha bonificación do 50% da taxa, os membros de familias numerosas de categoría xeral. Estas circunstancias deberán ser acreditadas documentalmente xunto coa solicitude, presentando copia orixinal ou compulsada da cualificación da discapacidade ou do carné de familia numerosa segundo corresponda.

Tamén estarán exentas as persoas que figuren como demandantes de emprego durante o prazo, polo menos, dun mes anterior á data de publicación desta convocatoria. Para gozar da exención será requisito que non rexeitasen, no prazo de que se trate, oferta de emprego adecuado nin se negasen a participar, agás causa xustificada, en accións de promoción, formación ou reconversión profesional e que, así mesmo, carezan de rendas superiores, en cómputo mensual, ao salario mínimo interprofesional. O certificado relativo á condición de demandante de emprego, cos requisitos sinalados, solicitarase na oficina dos servizos públicos de emprego. A acreditación das rendas realizarase mediante unha declaración xurada ou promesa escrita da persoa solicitante. Ambos os dous documentos deberán xuntarse á solicitude.

En ningún caso a presentación e pagamento na entidade bancaria suporá a substitución do trámite de presentación, en tempo e forma, da solicitude.

Serán excluídas todas aquelas persoas que non presenten o documento referido no número 1.1.a), ou non aboen os dereitos de exame e non presenten o xustificante de bonificación ou exención dentro do prazo habilitado para a presentación de solicitudes. Non se concederá ningún prazo adicional para o aboamento dos dereitos de exame.

Unicamente procederá a devolución dos dereitos de exame ás persoas aspirantes que sexan excluídas por causas non imputables a elas.

As solicitudes dirixiranse ao reitor da Universidade da Coruña no prazo de 20 días naturais que contarán a partir do seguinte ao da publicación desta convocatoria no Boletín Oficial del Estado. Para os efectos de cómputo de prazos considerarase inhábil o mes de agosto.

A presentación das solicitudes farase no rexistro xeral da Universidade da Coruña (edificio da Reitoría, rúa da Mestranza n.º 9, CP 15001 A Coruña), nos rexistros auxiliares (Casa do Lagar, Campus de Elviña, A Coruña e edificio de usos administrativos no Campus de Esteiro, Ferrol), ou nas restantes formas previstas no artigo 38.4.º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común (BOE do 27 de novembro), modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro (BOE do 14 de xaneiro).

As solicitudes que se subscriban no estranxeiro poderán cursarse a través das representacións diplomáticas e consulares españolas correspondentes.

1.2. As persoas que aleguen méritos na fase de concurso deberanos acreditar mediante a presentación dos documentos xustificativos orixinais ou das copias compulsadas. Os servizos prestados na Universidade da Coruña acreditaranse mediante unha certificación expedida pola Xerencia da universidade, referida á data de finalización do prazo de presentación de solicitudes.

1.3. Os/as aspirantes quedan vinculados aos datos que fagan constar nas súas solicitudes e poden unicamente demandar a súa modificación mediante escrito motivado, dentro do prazo establecido na base 1.1 para a presentación de solicitudes. Unha vez transcorrido este prazo non se admitirá ningunha petición desta natureza, agás causa excepcional sobrevida, xustificada e apreciada polo tribunal.

1.4. As persoas que padezan algunha discapacidade poderano indicar na solicitude e pedir, de ser o caso, as posibles adaptacións de tempos e medios para a realización dos exercicios en que esta adaptación sexa necesaria.

2. Requisitos dos/das candidatos.

2.1. Para seren admitidos á realización destas probas selectivas deberán reunir e manter os seguintes requisitos:

a) Ser español ou nacional dun Estado membro da Unión Europea ou nacional daqueles estados aos cales, en virtude de tratados internacionais subscritos pola Unión Europea e ratificados por España, lles sexa de aplicación a libre circulación de traballadores nos termos en que esta está definida no Tratado Constitutivo da Comunidade Europea. Tamén poderán participar o/a cónxuxe, descendentes e descendentes do/da cónxuxe, dos/das españois e dos/das nacionais doutros estados membros da Unión Europea, se non estiveren separados dos/das de dereito, menores de vinte e un anos ou maiores desta idade que vivan ás súas expensas. Este último beneficio será igualmente de aplicación nos tratados internacionais subscritos pola Unión Europea e ratificados por España.

b) Ter feitos dezaseis anos de idade e non exceder os sesenta e cinco.

c) Estar en posesión do título de doutor/a, licenciado/a, enxeñeiro/a, arquitecto/a ou equivalente segundo a normativa vixente, ou en condicións de o obter na data en que remate o prazo de presentación das solicitudes. No caso de que a persoa aspirante posúa unha titulación académica estranxeira para poder participar no proceso selectivo, deberá ter homologado previamente o título, de acordo co previsto na lexislación española.

d) Non padecer enfermidade nin estar afectado por limitación física ou psíquica que sexa incompatible co desempeño das correspondentes funcións.

e) Non ter sido separado/a, mediante expediente disciplinario, do servizo de calquera das administracións públicas nin estar inhabilitado/a para o desempeño de funcións públicas por sentenza firme. As persoas de nacionalidade non española deberán acreditar non estar sometidas a sanción disciplinaria ou condena penal que impida, no seu Estado, o acceso á función pública.

2.2. Todos os requisitos deberán posuírse no momento de rematar o prazo de presentación das solicitudes e gozar deles durante o proceso selectivo.

3. Discapacidades.

3.1. Para a realización das probas selectivas o tribunal cualificador que foi asignado para as xulgar establecerá, para as persoas con discapacidade que o demandaren na solicitude de admisión, as adaptacións posibles de tempos e medios.

3.2. Se no desenvolvemento do proceso selectivo se lle presentaren dúbidas ao tribunal con respecto á capacidade das persoas con algunha discapacidade para o desempeño das actividades que habitualmente desenvolven os traballadores da categoría de técnico superior en bioloxía molecular, poderá solicitar o correspondente ditame do órgano competente da comunidade autónoma.

4. Relacións de persoas admitidas e excluídas.

4.1. Unha vez que remate o prazo de presentación de solicitudes, no prazo máximo de vinte días naturais, o reitor da universidade ditará resolución e declarará aprobadas as relacións provisionais de persoas admitidas e excluídas, que se publicarán no taboleiro de anuncios da Reitoría da Universidade e na Vicerreitoría do Campus de Ferrol, así como na páxina web da Universidade da Coruña, con mención expresa do nome, apelidos e documento nacional de identidade e, se for o caso, as causas de exclusión.

As persoas aspirantes excluídas disporán dun prazo de dez días, que contará a partir da publicación da referida resolución, para corrixiren o defecto que motivase a exclusión. Unha vez transcorrido o devandito prazo, o reitor ditará a resolución en que se declarará aprobada a relación definitiva de persoas admitidas e excluídas, que será publicada no taboleiro de anuncios da Reitoría da Universidade, na Vicerreitoría do Campus de Ferrol e na páxina web da Universidade da Coruña.

4.2. O feito de figuraren na relación de persoas admitidas non prexulga que se lles recoñeza ás persoas interesadas a posesión dos requisitos exixidos, que terán que acreditarse no seu momento, de acordo co previsto na base 11 desta convocatoria.

5. Sistema selectivo.

5.1. O procedemento de selección das persoas aspirantes será o de concurso-oposición, coa valoración de méritos, exercicios e puntuacións que se especifican no anexo I.

5.2. O programa das probas da fase de oposición é o que figura como anexo II.

6. Tribunal cualificador.

6.1. A composición do tribunal cualificador destas probas será publicada no taboleiro de anuncios da reitoría cunha antelación de, polo menos, un mes a respecto da data de inicio dos exercicios.

6.2. Os membros do tribunal deberán absterse de intervir, e notificaranllo ao reitor da universidade, cando concorran neles circunstancias das previstas no artigo 28 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, ou participasen en tarefas de preparación de aspirantes a probas selectivas dentro dos cinco anos anteriores á publicación desta convocatoria.

O/a presidente/a poderá solicitar dos membros do tribunal declaración expresa de que non se encontran incursos nas circunstancias previstas nos artigos 28 e 29 da Lei 30/1992.

Así mesmo, os/as aspirantes poderán recusar os membros do tribunal cando concorreren as circunstancias citadas.

6.3. Logo da convocatoria do/da presidente/a, constituirase o tribunal coa asistencia do/da presidente/a e do/da secretario/a ou, de ser o caso, daqueles/as que os/as substitúan, e, como mínimo, da metade dos seus membros. Nesta sesión o tribunal acordará todas as decisións que correspondan para o correcto desenvolvemento das probas selectivas.

6.4. Para os efectos de realización de sesións, deliberacións e adopción de acordos, requirirase a asistencia dos membros do tribunal especificados no punto anterior.

6.5. O tribunal resolverá todas as dúbidas que poidan xurdir na aplicación destas normas, así como o que se deba facer nos casos non previstos. O procedemento de actuación do tribunal axustarase ao disposto na Lei 30/1992.

6.6. O tribunal poderá dispoñer a incorporación aos seus traballos de asesores/as especialistas para as probas correspondentes aos exercicios que considere pertinentes, e estas limitaranse a prestar colaboración nas súas especialidades técnicas. A designación de tales asesores/as será feita polo reitor da Universidade da Coruña, por proposta do tribunal, e seralles de aplicación o previsto na base 6.2.

6.7. Os membros do tribunal cualificador deberán posuír titulación igual ou superior á exixida para ser admitido ás probas.

6.8. O tribunal cualificador adoptará as medidas precisas naqueles casos en que resulte necesario, de forma que as persoas con algunha discapacidade gocen de similares condicións para a realización dos exercicios que o resto dos/as aspirantes. Para as persoas con discapacidade que o soliciten na forma prevista na base 1.4, estableceranse as adaptacións posibles en tempo e medios.

6.9. O/a presidente/a do tribunal adoptará as medidas oportunas para garantir que os exercicios escritos que non deban ser lidos perante o tribunal sexan corrixidos sen que se coñeza a identidade das persoas aspirantes. O tribunal excluirá aqueles/as opositores/as que consignen nas follas de exame marcas ou signos que permitan coñecer a súa identidade.

6.10. Para os efectos de comunicacións e demais incidencias, o tribunal terá a súa sede na Reitoría da Universidade da Coruña.

6.11. En ningún caso o tribunal poderá aprobar nin declarar que superaron as probas selectivas un número superior de aspirantes ao das prazas convocadas. Calquera proposta de aprobados que contraveña o establecido será nula de pleno dereito.

6.12. O tribunal terá a categoría primeira das recollidas no Decreto 144/2008, do 26 de xuño, polo que se modifica o Decreto 144/2001, do 7 de xuño, de indemnizacións por razóns de servizos ao persoal con destino na Administración autonómica de Galicia.

7. Calendario das probas.

7.1. O lugar e a data de comezo dos exercicios será feito público na resolución reitoral que aprobe as relacións definitivas de aspirantes admitidos e excluídos.

7.2. A duración máxima das probas selectivas será dun ano desde a data de publicación desta convocatoria.

7.3. A orde de actuación dos/as opositores/as iniciarase alfabeticamente por aqueles/as cuxo primeiro apelido empece pola letra L, de conformidade coa resolución da Consellería de Facenda do 1 de febreiro de 2011, pola que se fai público o resultado do sorteo a que se refire o Regulamento de selección de persoal da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia.

7.4. En calquera momento os/as aspirantes poderán ser requiridos/as polo tribunal coa finalidade de acreditaren a súa identidade.

7.5. Os/as aspirantes serán convocados/as para cada exercicio nun único chamamento e serán excluídos/as da oposición aqueles/as que non comparezan, agás non casos de forza maior, debidamente xustificados e libremente considerados polo tribunal.

7.6. A publicación dos sucesivos anuncios de realización dos exercicios será efectuada polo tribunal nos lugares onde se realizase o anterior, así como na sede do tribunal e por calquera outro medio que se xulgue conveniente para facilitar a súa máxima divulgación, con 48 horas de antelación, polo menos, á data sinalada para a súa iniciación.

7.7. En calquera momento do proceso selectivo, se o tribunal tiver coñecemento de que algunha das persoas aspirantes carece dos requisitos exixidos por esta convocatoria, logo da audiencia do/da interesado/a, deberá propoñerlle a súa exclusión ao reitor da Universidade da Coruña e comunicarlle tamén as inexactitudes e falsidades formuladas polo/a aspirante na solicitude para os efectos procedentes.

8. Aspirantes de nacionalidade estranxeira.

Con carácter previo á realización dos exercicios da fase da oposición os/as aspirantes que non posúan a nacionalidade española deberán acreditar o coñecemento do castelán mediante a realización dunha proba, en que se comprobará que posúen un nivel axeitado de comprensión e de expresión oral e escrita nesta lingua.

O contido desta proba axustarase ao disposto no Real decreto 1137/2002, do 31 de outubro, polo que se regulan os diplomas de español como lingua estranxeira (DELE), para acreditar o nivel de competencia lingüística do idioma español correspondente ao nivel intermedio. A proba cualificarase de apto/a ou non apto/a; é necesario obter a valoración de apto/a para pasar a realizar os exercicios da fase de oposición. Quedan eximidos de realizar esta proba os/as aspirantes que acrediten mediante unha fotocopia compulsada, estaren en posesión do diploma español como lingua estranxeira (nivel B2 ou nivel C2) e as persoas estranxeiras nacionais de países cuxo idioma oficial sexa o español. De non achegaren esta documentación non poderán ser declarados/as exentos/as e deberán, en consecuencia, realizar a proba descrita.

9. Relación de persoas aprobadas.

9.1. Concluído cada un dos exercicios da fase de oposición, o tribunal cualificador publicará na Reitoría da Coruña, na Vicerreitoría do Campus de Ferrol, e na páxina web da Universidade da Coruña, así como naqueloutros lugares que considere oportuno, a puntuación que obtiveron os/as aspirantes, así como, se for o caso, a de cada unha das probas que o compoñen.

Os/as aspirantes disporán de cinco días hábiles, contados a partir do seguinte ao da publicación das puntuacións provisionais de cada exercicio, para presentar reclamacións. Disporán de idéntico prazo para reclamar contra as puntuacións da fase de concurso, contados a partir do seguinte ao da súa publicación.

Posteriormente, o tribunal publicará, neses mesmos lugares, a relación definitiva de persoas aprobadas para cada un dos sistemas de acceso, que en ningún caso poderá conter un número de candidatos superior ao das prazas convocadas, en que constará o nome e a puntuación dos/as aspirantes que, ao acadaren a puntuación mínima exixida para superar os exercicios da fase de oposición, obtiveron a maior puntuación final calculada de acordo co sistema previsto no anexo I. As persoas que non estean incluídas nas respectivas relacións terán a consideración de non apto/a para todos os efectos, único aspecto acerca do que o tribunal poderá certificar.

9.2. O tribunal publicará a valoración dos méritos da fase de concurso unha vez realizado o último exercicio da fase de oposición.

9.3. A cualificación final do proceso selectivo será a suma das puntuacións que se obteñan na fase de oposición e na fase de concurso. Os puntos que se obteñan nesta última en ningún caso poderán sumarse para os efectos de superar a fase de oposición. No caso de empate, a orde establecerase atendendo á maior puntuación obtida nos exercicios e pola seguinte orde: terceiro exercicio do proceso selectivo e se persistise atenderase á maior puntuación no segundo exercicio, e se persistise atenderase á maior puntuación na fase de concurso. No caso de que continuase persistindo o empate, dirimirase por sorteo público en presenza dos opositores empatados.

9.4. O tribunal remitiralle ao reitor a relación definitiva das persoas aspirantes aprobadas pola orde desta puntuación final, con proposta de que se lles formalice o correspondente contrato de traballo.

10. Listaxes de espera.

Constituiranse unha listaxe de espera, ao abeiro do disposto no anexo V do III Convenio colectivo do persoal laboral da Universidade da Coruña, coas persoas aspirantes que non obteñan a puntuación final suficiente para a súa inclusión na relación definitiva de aprobados. Na listaxe incluiranse as persoas que superasen todos os exercicios da oposición. En caso de existir fase de concurso, sumarase a puntuación obtida nesa fase.

11. Presentación de documentos e formalización dos contratos.

11.1. No prazo de 20 días naturais a partir do día seguinte a aquel en que se publique a relación definitiva de persoas aprobadas nas probas selectivas, estas deberán presentar no Servizo de Persoal de Administración e Servizos da Universidade da Coruña (rúa da Mestranza 9) os seguintes documentos:

a) Fotocopia compulsada do título exixido para acceder ás probas.

b) Declaración xurada ou promesa de non ter sido separado/a, mediante expediente disciplinario, do servizo de ningunha Administración pública nin estar inhabilitado/a para o exercicio de funcións públicas. Os/as aspirantes que non posúan a nacionalidade española deberán presentar declaración ou promesa de non estaren sometidos/as a sanción disciplinaria ou condena penal que inhabilite no seu Estado o acceso á función pública.

c) Certificado médico oficial acreditativo de non padecer enfermidade nin defecto físico que o imposibiliten para o servizo.

d) Os aspirantes con discapacidade igual ou superior ao 33% deberán acreditar tal condición, se obteñen praza, mediante unha certificación dos órganos competentes.

11.2. Unha vez que o/a aspirante supere as probas selectivas, e realice debidamente os trámites de presentación de documentos, será contratada como técnico superior en bioloxía molecular.

11.3. O período de proba será de tres meses, neste prazo o/a traballador/a terá os dereitos e as obrigas que lle correspondan en relación co posto de traballo que desempeñe, agás os derivados da resolución da relación laboral, que poderá producirse por solicitude de calquera das partes durante o seu transcurso.

Segundo. De acordo co disposto na Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal (LOPD), os datos indicados na solicitude pasarán a formar parte do ficheiro de persoal, que ten por finalidade a xestión do persoal da Universidade da Coruña. O ficheiro está baixo a responsabilidade da Xerencia. Coa súa participación neste proceso selectivo as persoas interesadas autorizan a Universidade da Coruña para a publicación dos seus datos, de acordo cos principios de publicidade e transparencia, cando así derive da natureza deste procedemento de concorrencia competitiva. Así mesmo, poderán exercer os seus dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición, en cumprimento do que establece a LOPD, ante a Secretaría Xeral da Universidade da Coruña.

Terceiro. Estas probas selectivas axustaranse ao disposto no Decreto 95/1991, do 20 de marzo, polo que se aproba o Regulamento de persoal da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia, á Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro (BOE do 14 de xaneiro) e aos estatutos desta universidade, aprobados polo decreto da Xunta de Galicia 101/2004, do 13 de maio (DOG do 26 de maio), a Lei 17/1993, do 23 de decembro (BOE do 24 de decembro), sobre acceso a determinados sectores da función pública dos nacionais dos demais estados membros da Unión Europea, modificada pola Lei 55/1999, do 29 de decembro, ao establecido no III Convenio colectivo do persoal laboral da Universidade da Coruña (BOP do 1 de setembro de 2009) e ás bases desta convocatoria.

Cuarto. Esta convocatoria, as súas bases e cantos actos administrativos deriven delas poderán ser impugnados perante a xurisdición contencioso-administrativa nos casos e na forma que establece a Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común (BOE do 27 de novembro), modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro (BOE do 14 de xaneiro).

Así mesmo, as persoas interesadas poderán interpor o recurso de alzada contra os actos do tribunal cualificador das probas perante o reitor da Universidade da Coruña, nos termos previstos no artigo 114 e que concordan coa mencionada lei.

A Coruña, 15 de febreiro de 2011.

José María Barja Pérez
Reitor da Universidade da Coruña

ANEXO I

Procedemento de selección.

Ao abeiro do disposto na disposición transitoria cuarta do III Convenio colectivo do PAS Laboral da UDC, de xeito excepcional e ao tratarse este do primeiro proceso selectivo para técnico superior en bioloxía molecular tras a publicación da RPT de 2005, valorarase como segue:

Fase de oposición: 60 puntos.

Primeiro exercicio, de carácter obrigatorio e eliminatorio para aqueles/as candidatos/as que non acrediten posuír, na data de finalización do prazo de presentación de solicitudes, o Celga 3, curso de iniciación de galego ou equivalente debidamente homologado polo órgano competente en materia de política lingüística da Xunta de Galicia, de acordo coa disposición adicional segunda da Orde do 16 de xullo de 2007, pola que se regulan os certificados oficiais acreditativos dos niveis de coñecemento da lingua galega (publicada no DOG núm. 146, do 30 de xullo).

Consistirá en realizar por escrito unha proba sobre o uso do idioma galego que determinará o tribunal. Cualificarase de apto/a ou non apto/a e corresponderalle ao tribunal determinar o nivel de coñecementos exixidos para obter o resultado de apto/a.

O tempo máximo para a realización desta proba será de sesenta minutos.

Segundo exercicio, de carácter obrigatorio e eliminatorio. O cuestionario basearase nos bloques I e II do temario e consistirá en contestar un cuestionario de 100 preguntas (máis tres de reserva, que só se corrixirán no caso de anulación dalgunha pregunta), con catro respostas alternativas, das que só unha será correcta. Todas as preguntas terán a mesma puntuación e cada resposta errónea descontará o 25% do valor da resposta correcta. A súa valoración será de 0 a 20 puntos e será necesario obter 8 puntos para o superar. A duración do exercicio será de 155 minutos.

Terceiro exercicio, de carácter obrigatorio e eliminatorio: consistirá na resolución de dous supostos prácticos, que se elixirán de entre cinco propostos polo tribunal, dos que haberá polo menos dous de cada módulo do bloque II. A duración deste exercicio será de 240 minutos. A cualificación do exercicio será de 0 a 40 puntos, e será necesario obter 16 puntos para o superar.

Fase de concurso: 40 puntos.

A antigüidade, ata un máximo de 30 puntos, valorarase a razón de 0,625 puntos por mes na mesma categoría e grupo na UDC e 0,15 puntos por mes na mesma categoría e grupo noutras administracións.

Os 10 puntos restantes obteranse pola valoración da formación relacionada coa categoría da praza, acreditada suficientemente e impartida por centros e organismos oficiais e/ou de recoñecido prestixio.

A valoración da formación farase atendendo aos seguintes criterios:

A) Lingua galega, no caso de posuír máis dun curso de lingua galega, só puntuará o máis alto.

Celga 3: 1 punto.

Celga 4: 2 puntos.

Linguaxe administrativa: 2,5 puntos.

Linguaxe administrativa, nivel superior: 3 puntos.

Celga 5: 3 puntos.

B) Formación relacionada coa categoría de pertenza da praza.

Cursos de asistencia:

Menos de 10 horas, ou que non indiquen a súa duración: 0,25 puntos/curso.

De 10 a 19 horas: 0,50 puntos/curso.

De 20 a 29 horas: 1 punto/curso.

De 30 a 39 horas: 1,5 puntos/curso.

De 40 a 49 horas: 2 puntos/curso.

De 50 horas ou máis: 2,5 puntos/curso.

Os cursos impartidos ou de aproveitamento puntuarán o dobre.

ANEXO II

Temario.

Bloque I.

1. Constitución española: dos dereitos e deberes fundamentais. Do Goberno e da Administración. Da organización territorial do Estado.

2. Estatuto de autonomía de Galicia: do poder galego. Do réxime xurídico. Da Administración pública galega.

3. Lei orgánica 6/2001, de universidades, modificada pola Lei orgánica 4/2007 (do 12 de abril).

4. Estatutos da Universidade da Coruña.

5. III Convenio colectivo do persoal laboral de administración e servizos da Universidade da Coruña.

6. Lei de prevención de riscos laborais.

Bloque II.

Temario específico.

Módulo I.

1. Os servizos de apoio á investigación (SAI). Estrutura e organización. Unidades. Regulamento e normas de funcionamento. Procedementos xerais.

2. Macromoléculas biolóxicas. Estrutura e función dos ácidos nucleicos. Compoñentes fundamentais.

3. Métodos de extracción de ADN procedente de diversos organismos e tipos de mostras. Obtención e preparación preliminar de mostras. Tratamentos adicionais ou complementarios. Conservación de mostras.

4. Métodos de extracción de ARN. Precaucións, preparación e condicións de conservación das mostras. Problemas habituais e posibles solucións.

5. Electroforese de ácidos nucleicos. Fundamento. Tipos. Electroforese en xel de agarosa. Estimación da concentración de ADN. Recuperación de ADN de xeles de agarosa.

6. Cuantificación de ácidos nucleicos e proteínas mediante espectrofotometría. Utilización da absorbancia e o coeficiente de extinción para o cálculo de concentracións. Conversión de unidades.

7. Secuenciación de ADN. Fundamentos teóricos. Metodoloxía básica. Estratexias para a secuenciación de ADN. Manexo e tipos de secuenciadores automáticos.

8. Fundamento dun secuenciador automático baseado en electroforese capilar. Deseño de experimentos.

9. Métodos para a preparación de mostras de ADN para a secuenciación. Preparación de mostras de cadea simple, de cadea dobre e de produtos de PCR.

10. Requisitos das mostras e os oligonucleótidos para secuenciación. Purificación de reaccións de secuenciación.

11. Resultados da secuenciación automática de ADN. Análise e avaliación de datos de secuencia. Posibles erros e solucións.

12. Análise do tamaño de fragmentos de ADN. Fundamento, metodoloxía e aplicacións. Preparación de mostras.

13. Resultados da análise de fragmentos de ADN. Análise e avaliación de datos de fragmentos. Posibles erros e solucións.

14. Mantemento e medidas de seguridade no manexo dun analizador xenético baseado en electroforese capilar.

15. Calibración espacial e espectral dos analizadores xenéticos. Creación de matrices.

16. Marcadores moleculares. Vantaxes e inconvenientes. Tipos de marcadores moleculares: características e clasificación. Aplicacións.

17. Marcadores microsatélites: características, clasificación e aplicacións. Análise xenética mediante o uso de microsatélites. Vantaxes e inconvenientes.

18. Estudo de polimorfismos de ADN en medicina forense.

19. ADN mitocondrial: vantaxes e inconvenientes na análise forense.

20. Análise xenética mediante RFLP, RAPD e AFLP. Fundamento. Vantaxes e inconvenientes. Aplicacións.

21. Análise xenética mediante SNP. Fundamento. Vantaxes e inconvenientes. Aplicacións. Técnicas de xenotipado de SNP.

22. Bioanalizador xenético. Sistema automatizado de electroforese. Fundamentos. Preparación de reactivos e chips.

23. Operacións de análise dun bioanalizador xenético. Manexo, precaucións e mantemento. Aplicacións dun bioanalizador xenético. Problemas.

Módulo II.

24. PCR: a técnica da reacción en cadea da polimerasa. Fundamento, compoñentes e inhibidores.

25. Optimización de ensaios de PCR. Contaminación. Precaucións. Tipos de termocicladores. Mantemento de equipos de PCR.

26. Tipos de técnicas de PCR. Fundamento e aplicacións.

27. PCR a partir de ARN. Metodoloxía. Transcriptasas inversas.

28. PCR en tempo real (I): fundamento, compoñentes e inhibidores. Deseño e optimización de experimentos. Instrumentación.

29. PCR en tempo real (II): estratexias de cuantificación. Aplicacións.

30. Requisitos do deseño de oligonucleótidos e sondas en ensaios de PCR cuantitativa. Tipos de químicas de marcaxe.

31. Análise e interpretación de resultados de PCR en tempo real. Posibles erros e solucións.

32. Microarrays de ADN (I): definición e clasificación de microarrays. Deseño de microarrays. Tipos de sondas e sistemas de marcaxe.

33. Microarrays de ADN (II): tipos de superficie e sistemas de impresión. Aplicacións dos microarrays de ADN.

34. Análise de imaxes e xeración de resultados procedentes de microarrays de ADN. Posibles erros e solucións.

35. Mantemento e medidas de seguridade no manexo do equipamento de microarrays de ADN: sistema de impresión, estación de hibridación e escáner.

36. Riscos e medidas de prevención nos laboratorios. Clasificación de substancias químicas. Etiquetaxe. Fichas de datos de seguridade.

37. Boas prácticas de laboratorio. Laboratorio de secuenciación de ADN.

38. Sistema de calidade nos laboratorios analíticos: Norma ISO 17025:2005. Aspectos de xestión. Aspectos técnicos.

39. Validación de métodos analíticos. Ensaios de validación. Cálculos de incertezas. Cálculos de límites de detección e cuantificación.

40. Control de calidade do método. Cartas de control. Recuperacións. Materiais de referencia.

missing image file