Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 114 Mércores, 15 de xuño de 2011 Páx. 14996

III. Outras disposicións

Consellería de Educación e Ordenación Universitaria

ORDE do 30 de maio de 2011 pola que se establece o procedemento de concesión, baixo o réxime de concorrencia non competitiva, de axudas destinadas ao alumnado que curse estudos universitarios nas universidades do Sistema Universitario de Galicia, que por causa sobrevida ou imprevista teña dificultades económicas para continuar estudos.

O Estatuto de autonomía de Galicia, no seu artigo 31, establece como competencia plena da Comunidade Autónoma de Galicia a regulación e administración do ensino en toda a súa extensión, niveis e graos, modalidades e especialidades, no ámbito das súas competencias.

O Real decreto 1754/1987, do 18 de decembro, transferiulle á Comunidade Autónoma de Galicia competencias en materia de universidades. Estas competencias foron asumidas pola comunidade autónoma e asignadas á Consellería de Educación e Ordenación Universitaria no Decreto 62/1988, do 17 de marzo. A Lei 11/1989, do 20 de xullo, de ordenación do sistema universitario de Galicia, determina a constitución do sistema universitario de Galicia con tres universidades: a Universidade da Coruña, a de Santiago de Compostela e a de Vigo.

A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, a través da Secretaría Xeral de Universidades, está a levar a cabo diversas accións de apoio económico ao alumnado de ensino universitario coas cales se pretende favorecer a calidade, a competencia, a igualdade de oportunidades e a excelencia no rendemento académico. De acordo con isto, iniciáronse diferentes liñas estratéxicas, entre as cales cabe destacar o desenvolvemento da función social das universidades galegas, de maneira que ademais da súa implicación na mellora dos sistemas de ciencia e tecnoloxía, de calidade do ensino, do uso sustentable de recursos, desenvolva a súa capacidade para dar resposta ás demandas sociais e a súa implicación no traballo social e a cooperación para o desenvolvemento.

As axudas e accións de apoio económico ao alumnado universitario convocadas pola Consellería de Educación e Ordenación Universitaria veñen sendo destinadas a aqueles alumnos e alumnas que acreditan os mellores expedientes académicos, como recoñecemento ao seu esforzo. Non obstante, convoca anualmente unha liña de axudas destinada a alumnos cunha necesidade urxente de recursos económicos, motivada por causas sobrevidas e imprevistas.

Neste sentido, a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria pretende continuar a política de axudas de carácter especial, cunha finalidade simplemente paliativa, destinadas a facer fronte a causas sobrevidas que polas súas circunstancias requiren dunha atención perentoria na obtención de recursos económicos que permitan a continuidade dos estudos universitarios dos alumnos afectados, sen pretender solucións plenas á problemática que poidan presentar.

Polo que antecede, esta consellería

DISPÓN:

Artigo 1. Obxecto e beneficiarios.

O obxecto desta orde é regular o procedemento de concesión, baixo o réxime de concorrencia non competitiva, de axudas destinadas ao alumnado que curse estudos universitarios conducentes ao título de grao, licenciado, enxeñeiro, arquitecto, diplomado, mestre, enxeñeiro técnico e arquitecto técnico, cunha necesidade urxente de recursos económicos motivada por causas sobrevidas e imprevistas que lles impidan ou dificulten a continuidade dos seus estudos.

Artigo 2. Orzamento.

A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria financiará estas axudas con cargo á aplicación orzamentaria 09.02.422C.480.0 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2011, cunha contía global máxima de 67.500 euros.

Artigo 3. Requisitos dos solicitantes.

Poderán solicitar estas axudas os/as estudantes universitarios/as que cumpran os seguintes requisitos:

a) Necesidade urxente de recursos económicos para paliar a situación de emerxencia derivada dunha causa sobrevida ou imprevista (orfandade absoluta, falecemento do pai/nai/titor legal, desemprego do sustentador principal, enfermidade grave, violencia de xénero cara el/ela ou o/a seu/súa proxenitor/a, vítimas de actos terroristas, separación, divorcio, ruína ou quebra familiar e outras circunstancias non establecidas que sendo xustificadas repercutan na situación socioeconómica da unidade de convivencia).

b) Que a situación sobrevida ou imprevista acontecese durante o actual ano académico 2010-2011.

c) Estar matriculado, como mínimo en 50 créditos, en estudos universitarios presenciais conducentes ao título de grao, licenciado, enxeñeiro, arquitecto, diplomado, mestre, enxeñeiro técnico e arquitecto técnico en calquera das universidades do Sistema Universitario de Galicia.

d) Ter fixada a súa residencia familiar en Galicia cun mínimo de tres anos consecutivos e anteriores á data de publicación desta convocatoria.

e) Que a renda per cápita da unidade de convivencia non sexa superior ao importe anual da pensión non contributiva individual para o ano 2011, é dicir 4.866,40 euros (405,53 euros mensuais, incluída nesta contía a parte proporcional de dúas pagas extraordinarias). Entenderase para estes efectos como unidade de convivencia a constituída pola persoa solicitante e, se é o caso, quen conviva con ela nunha mesma vivenda ou aloxamento.

f) Non ter percibida esta axuda con anterioridade para a mesma causa.

Artigo 4. Solicitudes e prazo de presentación.

1. A solicitude, segundo o modelo ED433A que se publica como anexo I a esta orde, asinada polo/a interesado/a e todos os membros da unidade de convivencia, remitirase á Secretaría Xeral de Universidades, edificio administrativo San Caetano, s/n, 15781 Santiago de Compostela e poderá presentarse:

a) No Rexistro Único da Xunta de Galicia, ou ben en calquera dos lugares previstos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, para a presentación de instancias.

b) Nos rexistros oficiais das universidades do Sistema Universitario de Galicia, de conformidade coa Resolución do 25 de xuño de 2007, da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria pola que se dispón a publicación do convenio de colaboración entre esta consellería e as universidades de Santiago de Compostela, A Coruña, e Vigo en materia de rexistros administrativos.

Se a solicitude é remitida por correo presentarase en sobre aberto para que sexa datada e selada polo persoal de correos antes de que proceda á súa certificación postal.

Non se admitirá como medio de presentación de solicitudes os servizos de mensaxaría privados.

2. O prazo de presentación de solicitudes iniciarase o día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia e permanecerá aberto ata o 30 de setembro de 2011.

Artigo 5. Documentación.

A solicitude, segundo o modelo ED 433A que se publica como anexo I a esta orde, deberá ir acompañada da seguinte documentación:

a) Xustificación da causa sobrevida ou imprevista en que fundamenta a petición da axuda xunto con todos os documentos que a proben.

b) Informe do/a traballador/a social do concello en que estea empadroado/a o/a solicitante que recolla a causa sobrevida ou imprevista, así como a situación socioeconómica da unidade de convivencia, anterior e posterior á causa, que motive a necesidade urxente de recursos económicos.

c) Declaración responsable, asinada polo/a solicitante, na cal fará constar os ingresos ou rendas anuais percibidos por todos os membros que compoñen a unidade de convivencia durante o ano 2010 así como a contía total mensual dos ingresos ou rendas de cada un dos membros da unidade de convivencia do ano 2011, achegando a documentación acreditativa dos citados ingresos.

d) Certificado de convivencia do solicitante que incluirá a relación de todas as persoas que convivan na mesma vivenda ou aloxamento, en que consten as datas de alta de empadroamento e de convivencia. Non se admitirán certificados que fosen emitidos cunha antelación superior a un mes á data de presentación da solicitude.

e) Orixinal ou copia compulsada da certificación académica oficial, en que consten as materias ou créditos en que está matriculado.

f) Declaración responsable do conxunto de axudas solicitadas, concedidas ou percibidas, para a mesma finalidade das distintas administracións públicas competentes ou doutros organismos públicos ou privados (anexo II).

g) Documento acreditativo da conta bancaria, facilitado pola entidade, a nome do/a interesado/a, en que conste o código de conta cliente e os códigos que identifican o banco, a oficina e o díxito de control.

Artigo 6. Instrución do procedemento.

1. O órgano instrutor deste procedemento será a Subdirección Xeral de Universidades e, ademais, crearase unha comisión de avaliación integrada por:

Presidente: o titular da Subdirección Xeral de Universidades.

Vogais: tres representantes da Secretaría Xeral de Universidades, dos cales un/unha deles/as actuará como secretario/a con voz e voto.

2. Unha vez examinadas as solicitudes e a documentación presentada polos/as solicitantes, se non estivese debidamente cuberta a solicitude ou non achegase a documentación exixida, requirirase o interesado para que, no prazo de dez días, emende a falta ou presente os documentos preceptivos, con indicación de que se así non o fixer se lle terá por desistido/a da súa petición, logo de resolución, de conformidade co previsto no artigo 71 da Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Sen prexuízo do disposto no parágrafo anterior, poderase requirir o solicitante para que achegue cantos datos, documentos complementarios e aclaracións resulten necesarios para a tramitación e resolución do procedemento.

Artigo 7. Contía.

1. Para determinar a contía da axuda que se lle concederá a cada solicitante, a comisión avaliadora, examinada a documentación presentada, terá en conta como criterios de distribución os seguintes limiares de renda per cápita:

Limiares de renda

Contía da axuda

Ata 3.000 €

2.500 €

De 3.001 € a 3.500 €

2.000 €

De 3.501 € a 4.000 €

1.500 €

De 4.001 € a 4.866,40 €

1.250 €

2. O importe da subvención en ningún caso poderá ser de tal contía que supere o custo da actividade subvencionada, de conformidade co artigo 17.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 8. Resolución e notificación.

1. Unha vez efectuada a selección pola comisión avaliadora, esta elevará, a través da Secretaría Xeral de Universidades, un informe-proposta ao conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, quen emitirá resolución.

2. As resolucións, que lles serán notificadas aos/ás interesados/as de acordo co establecido na lei, estarán debidamente motivadas e expresarán, cando menos, o número de expediente, os datos de identificación do/a solicitante, o importe e condicións da axuda e, se é o caso, a desestimación e causa de denegación.

3. O prazo máximo para resolver e notificar a resolución será de tres meses, que se computarán desde a data en que a solicitude teña entrada no Rexistro Único da Xunta de Galicia. No caso de se ter producido emendas ou melloras na solicitude, o prazo contarase desde a data en que a última destas tiver entrada no citado rexistro. Transcorrido este prazo sen que recaia resolución expresa, que en todo caso deberá producirse no exercicio orzamentario vixente, os interesados poderán entender desestimadas as súas solicitudes por silencio administrativo.

Artigo 9. Réxime de recursos.

As resolucións ditadas ao abeiro desta orde poñen fin á vía administrativa e contra elas poderán interporse os seguintes recursos:

a) Recurso potestativo de reposición ante o conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da notificación da resolución, se esta for expresa, ou de tres meses contados a partir do seguinte a aquel en que se produzan os efectos do silencio administrativo.

b) Recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados desde o seguinte ao da notificación da resolución, se esta for expresa, ou de seis meses contados a partir do seguinte a aquel en que se produzan os efectos do silencio administrativo.

Artigo 10. Pagamento das axudas.

1. Segundo o disposto no artigo 28.9 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, a contía da axuda concedida aboaráselle aos beneficiarios nun pagamento único polo importe que lle corresponda segundo as contías determinadas no artigo 7 desta orde, unha vez notificada a resolución de concesión. A tramitación do pagamento axustarase ao establecido no texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia (Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro).

2. O pagamento da axuda regulada nesta orde farase unicamente na conta que os solicitantes fixesen constar na solicitude, que debe permanecer activa para estes efectos mentres non se teña constancia da finalización do expediente. A Administración non se fará responsable da imposibilidade de efectuar o ingreso por causas directamente imputables aos solicitantes.

Artigo 11. Obrigas dos beneficiarios.

O alumnado que resulte beneficiario destas axudas comprométese ao cumprimento do establecido nesta convocatoria e na súa resolución, así como a cumprir as seguintes obrigas:

a) Seguir durante o curso académico, con carácter presencial, os estudos en que se atope matriculado.

b) Comunicar por escrito calquera variación ou modificación que se produza durante a tramitación do procedemento respecto das circunstancias alegadas na solicitude e de someterse ás actuacións de comprobación que acorde a Secretaría Xeral de Universidades.

c) Comunicar por escrito a renuncia á axuda no caso de producirse unha causa que determine a dita renuncia.

d) Informar o órgano concedente da obtención doutras subvencións ou axudas para a mesma finalidade, procedentes de calquera Administración pública, ente público ou privado.

e) Facilitar toda a información que lle sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas e o Consello de Contas, no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino das axudas, segundo dispón o artigo 14.1.k) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 12. Compatibilidade, alteración, modificación e reintegro.

1. Estas axudas son compatibles con calquera outra bolsa ou axuda destinada a ese mesmo fin por algunha das administracións públicas competentes ou calquera dos seus organismos, entes ou sociedades, sempre que a suma de todas elas non supere a contía máxima de 5.000 euros.

2. Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión desta axuda e, en todo caso, a obtención concorrente doutras outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución da concesión ou, se é o caso, á súa revogación con reintegro das cantidades que corresponda.

3. O incumprimento total ou parcial de calquera das condicións establecidas nesta orde constituirá causa determinante de revogación da axuda e do seu reintegro, total ou parcial, polo/a beneficiario/a, segundo o disposto no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e de acordo co procedemento establecido nos artigos 77 a 83, inclusive, do Regulamento da Lei 9/2007, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

4. Procederá a devolución íntegra das cantidades percibidas cando se obtivese a axuda sen reunir os requisitos exixidos para a súa concesión ou se falseasen ou ocultasen feitos ou datos que motivasen a súa concesión.

Disposición adicional primeira.

A presentación da solicitude de concesión de axuda comportará autorización á Consellería de Educación e Ordenación Universitaria para:

a) Obter da Axencia Estatal da Administración Tributaria, da Tesouraría Xeral da Seguridade Social e da Consellería de Facenda os datos de carácter tributario necesarios para a determinación da renda da unidade de convivencia.

b) Facer públicos nos rexistros regulados no Decreto 132/2006, do 27 de xullo, polo que se regulan os rexistros públicos creados nos artigos 44 e 45 da Lei 7/2005, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2006, os datos relevantes referidos ás axudas e subvencións recibidas así como as sancións impostas cando proceda.

A reserva que o peticionario poida facer no sentido de non autorizar a obtención de datos ou a súa publicidade nos rexistros, que en todo caso terá que se expresar por escrito, poderá dar lugar á exclusión do proceso de participación para obter a axuda ou subvención ou, noutro caso, á revogación do acto de outorgamento e, se procede, ao reintegro das cantidades percibidas.

c) De conformidade co artigo 13.4 da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e de boas prácticas na Administración pública galega, e co disposto no artigo 15.2.c) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, a consellería publicará na súa páxina web oficial a relación dos beneficiarios e o importe das axudas concedidas, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos dos beneficiarios e da súa publicación na citada páxina web.

d) Porén non será necesaria a publicación cando o órgano concedente considere que se dan as previsións do artigo 15.2.d) da citada Lei 9/2007.

Disposición adicional segunda.

Esta orde poderá ser impugnada mediante recurso potestativo de reposición ante o conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria no prazo dun mes contado desde o día seguinte ao da súa publicación, ou directamente recurso contencioso-administrativo no prazo de dous meses contados desde esa mesma data, ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, de acordo co establecido na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Disposición derradeira primeira.

Facúltase o titular da Secretaría Xeral de Universidades para adoptar os actos e medidas necesarios para a aplicación desta orde.

Disposición derradeira segunda.

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 30 de maio de 2011.

Jesús Vázquez Abad
Conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria

missing image file
missing image file
missing image file