Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 119 Mércores, 22 de xuño de 2011 Páx. 16185

III. Outras disposicións

Instituto Galego de Promoción Económica

RESOLUCIÓN do 14 de xuño de 2011 pola que se dá publicidade ao acordo do Consello de Dirección do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape), que aproba as bases reguladoras das axudas do Igape para a habilitación de liñas de financiamento subsidiado para microempresas, proxectos emprendedores e investimentos das pemes para a mellora competitiva na Comunidade Autónoma de Galicia, instrumentadas mediante convenio de colaboración entre o Instituto Galego de Promoción Económica (Igape), as sociedades de garantía recíproca e as entidades de crédito adheridas (Programa Re-Imaxina).

O Consello de Dirección do Igape, na súa reunión do 10 de febreiro de 2011, acordou por unanimidade dos seus membros asistentes a aprobación das bases reguladoras das axudas do Igape para a habilitación de liñas de financiamento subsidiado para microempresas, proxectos emprendedores e investimentos das pemes para a mellora competitiva na Comunidade Autónoma de Galicia, instrumentadas mediante convenio de colaboración entre o Instituto Galego de Promoción Económica (Igape), as sociedades de garantía recíproca e as entidades de crédito adheridas (Programa Re-imaxina 2011).

Na súa virtude e de conformidade coas facultades que teño conferidas,

RESOLVO:

Primeiro.

Publicar as bases reguladoras das axudas do Igape para a habilitación de liñas de financiamento subsidiado para microempresas, proxectos emprendedores e investimentos das pemes para a mellora competitiva na Comunidade Autónoma de Galicia, instrumentadas mediante Convenio de colaboración entre o Instituto Galego de Promoción Económica (Igape), as sociedades de garantía recíproca e as entidades de crédito adheridas (Programa Re-imaxina 2011); e convocar para o ano 2011 o dito réxime de axudas en concorrencia non competitiva.

Segundo. Prazo de presentación de solicitudes.

O prazo de presentación de solicitudes iniciarase o día seguinte á publicación destas bases reguladoras no Diario Oficial de Galicia e finalizará o 30 de setembro do ano 2011.

No caso de esgotamento do crédito o Igape publicará a dita circunstancia no Diario Oficial de Galicia e na páxina web do Igape www.igape.es co fin de pechar anticipadamente o prazo de presentación de solicitudes.

Terceiro. Dotación orzamentaria.

O importe máximo de operacións que concederán as entidades de crédito que subscriban o convenio asinado para o efecto no período de vixencia elévase a 4.000.000 de euros para a liña de Microcréditos, 2.800.000 de euros para a liña Peme xove e 2.000.000 euros para a liña Peme competitiva. Tanto o importe global da liña como as anualidades programadas poderán ser ampliados no caso de existencia de créditos adecuados e suficientes.

Os créditos dispoñibles para concesións nesta convocatoria aboaranse con cargo ás seguintes aplicacións orzamentarias, polos seguintes importes:

2011

E1/13/01.656701

325.200

E1/13/01.656702

130.000

E1/13/02.656701

247.800

E1/13/02.656702

  91.000

E4/13/01.656701

177.000

E4/13/01.656702

  65.000

O director xeral do Igape poderá ampliar os créditos e modificar as partidas orzamentarias, logo de declaración de dispoñibilidade dos créditos nos termos referidos no artigo 30.2 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, mediante resolución publicada para o efecto.

Así mesmo, non se poderán outorgar subvencións por contía superior á que se determine nesta convocatoria, salvo que se realice unha nova convocatoria, ou se produza un incremento de créditos derivados dunha xeración, ampliación ou incorporación de crédito; ou da existencia de remanentes doutras convocatorias financiadas con cargo ao mesmo crédito ou a créditos incluídos no mesmo programa ou en programas do mesmo servizo, ao abeiro do disposto no artigo 31.2 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia, do cal se dará a correspondente publicidade no Diario Oficial de Galicia.

Cuarto.

Os requisitos das letras c), e), f), h), i), j), k), l), m) e n) do artigo 20.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, indícanse nas bases anexas a esta resolución.

Santiago de Compostela, 14 de xuño de 2011.

Francisco Javier Álvarez Barbeito
Secretario xeral do Instituto Galego de Promoción Económica

Bases reguladoras das axudas do Igape para a habilitación de liñas de financiamento subsidiado para microempresas, proxectos emprendedores e investimentos das pemes para a mellora competitiva na Comunidade Autónoma de Galicia, instrumentadas mediante convenio de colaboración entre o Instituto Galego de Promoción Económica (Igape), as sociedades de garantía recíproca e as entidades de crédito adheridas (Programa Re-imaxina)

O acceso ao financiamento bancario por parte das empresas máis pequenas e os emprendedores constitúe unha das principais barreiras para a posta en marcha de novas iniciativas de investimento, apertura de novas liñas de negocio e/ou mellora competitiva, actuacións que resultan fundamentais para contribuír á creación de emprego e para paliar o actual contexto de crise.

Os convenios de colaboración asinados entre as sociedades de garantía recíproca, as entidades de crédito e o Igape, obtiveron desde o ano 2002 unha experiencia moi positiva cos microcréditos, e as liñas de financiamento para Microempresas, Peme xove e Peme competitiva (tamén denominado Programa Re-imaxina), cuxo prazo para presentar solicitudes rematou o 30 de decembro de 2010. Deste último convenio existiu unha importante demanda, así pois, quedan numerosos expedientes pendentes de resolución que superan as dispoñibilidades orzamentarias para a súa concesión.

Por iso, é de grande importancia habilitar novamente as ditas liñas de financiamento, mediante estas bases reguladoras que se instrumentarán mediante convenio coas principais entidades de crédito e as sociedades de garantía recíproca que operan en Galicia, e permitir que as solicitudes actualmente pendentes de resolución destas liñas poidan beneficiarse desta nova convocatoria.

Estas bases reguladoras teñen o carácter de normativa propia da subvención aos xuros dos créditos concedidos a particulares, no senso do artigo 4.2 da Lei 9/2007, aplicándose a citada lei de xeito subsidiario. En particular, exclúese expresamente no procedemento, a aplicación dos requisitos de xustificación establecidos nos artigos 28.7, 29.3 e 29.4 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, por entenderse non compatible coa operativa bancaria.

A tramitación destas axudas exclúe a concorrencia competitiva con base no establecido no artigo 19.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, por canto serán subvencionables todos os proxectos que cumpran os requisitos establecidos nestas bases reguladoras, ata o esgotamento do crédito. Xustifícase a excepcionalidade por canto nestes casos non é necesaria a comparación de proxectos entre si, polo interese especial de promover calquera proxecto que, cumprindo os requisitos especificados nestas bases, se desenvolva en Galicia, máis aínda na actual situación de dificultades na economía; así mesmo, a concorrencia non competitiva é o mecanismo que permite que os proxectos subvencionables poidan ser atendidos en todo momento, mantendo a posibilidade de solicitude aberta de xeito continuo.

Artigo 1. Obxecto.

1.1. Estas bases regulan o contido e procedemento de tramitación de tres liñas de financiamento subsidiado para facilitar o acceso ao financiamento nos investimentos das microempresas, dos emprendedores, e das pemes que melloren a súa competitividade:

  • Liña Microcréditos: créditos para financiar investimentos nas microempresas galegas.
  • Liña Peme xove: créditos para financiar investimentos en proxectos emprendedores galegos.
  • Liña Peme competitiva: créditos para financiar investimentos que permitan mellorar a competitividade das pemes galegas.

1.2. Non poderán concorrer no financiamento dun mesmo proxecto préstamos das distintas liñas de financiamento recollidas nestas bases.

Artigo 2. Beneficiarios das liñas de crédito.

2.1. Poderán acceder ás axudas previstas nestas bases aquelas pequenas e medianas empresas segundo a definición establecida pola Comisión Europea no anexo I do Regulamento 800/2008 (DOCE L/214, do 9 de agosto), polo que se declaran determinadas categorías de axuda compatibles co mercado común en aplicación dos artigos 87 e 88 do Tratado (Regulamento xeral de exención por categorías). Tamén poderán acceder á condición de beneficiario as persoas físicas, agrupacións de persoas físicas ou xurídicas, as comunidades de bens ou calquera outro tipo de unidade económica ou patrimonio separado que, aínda carecendo de personalidade xurídica, poidan levar a cabo as actividades ou se atopen na situación que motiva a concesión da subvención. Neste caso deberán facerse constar expresamente, tanto na solicitude coma na resolución de concesión, os compromisos de execución asumidos por cada membro da agrupación, así como o importe de subvención que se vai aplicar por cada un deles, que terán igualmente a consideración de beneficiarios. En calquera caso, deberá nomearse un representante ou apoderado único con poder suficiente para cumprir as obrigas que como beneficiario lle correspondan á agrupación. Non poderá disolverse a agrupación ata que transcorra o prazo de prescrición de catro anos do artigo 35 e 63 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Para cada liña de financiamento, establécense os seguintes requisitos adicionais:

a) Para a liña denominada Microcréditos poderán ser beneficiarias aquelas empresas con domicilio fiscal en Galicia, cun máximo de 10 traballadores e cunha cifra de negocios anual ou balance xeral anual que non supere os 2 millóns de euros.

b) Para a liña denominada Peme xove poderán ser beneficiarias aquelas empresas que exerzan ou teñan intención de exercer a súa actividade económica en Galicia, e que ademais, non veñan desenvolvendo a mesma actividade para a que solicitan o financiamento nun prazo superior a dous anos contados desde a data de presentación no Igape, directamente ou mediante a súa participación no capital doutra sociedade que desenvolvese a mesma actividade.

c) Para a liña denominada Peme competitiva poderán ser beneficiarias aquelas empresas que veñan exercendo en Galicia por un período superior a dous anos algunha das actividades recollidas no anexo II destas bases.

2.2. Para os efectos de acreditar a data de inicio de actividades poderá considerarse a alta no imposto de actividades económicas ou declaración censual.

2.3. En aplicación do artigo 49.Un m) da Lei 14/2010, do 27 de decembro, de orzamentos da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2011, os solicitantes quedan exentos de achegar os xustificantes de cumprimento das obrigas tributarias e fronte á Seguridade Social, e de non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública da comunidade autónoma ou ser debedor por resolución de procedencia de reintegro.

2.4. Ademais de reunir os requisitos establecidos para cada liña de financiamento deberán cumprir os requisitos para obter a condición de beneficiario establecidos no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e cumprir as obrigas do artigo 11 da citada Lei de subvencións.

2.5. Non poderán ser beneficiarias das liñas de financiamento recollidas nestas bases as empresas en crise, de acordo coa definición de empresa en crise que para as pemes aparece no artigo 1.7 do Regulamento xeral de exención (Regulamento CE 800/2008).

Artigo 3. Actividades obxecto de financiamento.

3.1. Para as operacións das liñas Microcréditos e Peme xove, establecidas no artigo anterior, poderán ser obxecto de financiamento ao abeiro destas bases todas as actividades económicas, agás:

a) As actividades relacionadas coa exportación, a creación de redes de distribución e investimentos vinculados á actividade de exportación.

b) As actividades do sector do carbón.

3.2. Para as operacións da liña Peme competitiva, a beneficiaria deberá desenvolver algunha das actividades recollidas no anexo II a estas bases.

Artigo 4. Características dos proxectos de investimento.

4.1. Obxecto do financiamento. O proxecto investidor deberá consistir na adquisición de activos a terceiros.

4.2. Conceptos financiables.

4.2.1. Con carácter xeral, serán financiables os seguintes conceptos de gasto, que se materialicen en:

a) Inmobilizado material de primeiro uso, agás a adquisición de terreos e edificacións:

− Reforma e adecuación de locais.

− Bens de equipamento e unidades funcionais de explotación independente.

−Elementos de transporte, exclusivamente vehículos industriais, agás vehículos de transporte de mercadorías por estrada por parte de empresas que realicen esta actividade por conta allea.

− Honorarios facultativos de proxecto e dirección de obra.

− Outros investimentos en activos fixos materiais.

b) Inmobilizado inmaterial novo adquirido a terceiros: unicamente aplicacións informáticas, propiedade industrial, propiedade intelectual, canons de entrada de concesións administrativas ou de franquías, e investimentos de acondicionamento realizados nun local arrendado e que queden definitivamente incorporados a aquel.

4.2.2. Non poderán financiarse os impostos indirectos recuperables que graven a adquisición, nin as achegas que se realicen ás sociedades de garantía recíproca.

4.2.3. Nas operacións acollidas á liña Microcréditos serán financiables ademais bens usados.

4.2.4. Nas operacións acollidas á liña Peme xove poderán financiarse tamén bens usados, e ademais:

- A adquisición de terreos e edificacións.

- Os aprovisionamentos e gastos necesarios para a posta en marcha do proxecto, incluíndo gastos de establecemento, cun máximo do 20% do importe financiable.

4.2.5. Nas operacións acollidas á liña Peme competitiva poderán financiarse ademais os investimentos en investigación e desenvolvemento (persoal, materiais, colaboracións externas con institucións tecnolóxicas e outros centros, custos de materiais para probas e ensaios, e outros custos indirectos), cun máximo do 25% do importe financiable.

Artigo 5. Importe das operacións.

O importe das operacións que se formalicen ao abeiro destas bases con destino ao financiamento dos conceptos sinalados no artigo 4 anterior será:

5.1. Nas operacións acollidas á liña Microcréditos: máximo de 25.000 euros. Ao mesmo tempo, o risco vivo de cada empresa por operacións financeiras formalizadas ao abeiro da liña non poderá superar os 25.000 euros.

5.2. Nas operacións acollidas ás liñas Peme xove e Peme competitiva: mínimo de 25.000 euros e máximo de 120.000 euros. Ao mesmo tempo, o risco vivo de cada empresa por operacións financeiras formalizadas ao abeiro de cada unha destas liñas non poderá superar os 120.000 euros.

5.3. O importe dos préstamos subvencionables acollidos a estas bases poderá acadar:

  • Ata o 100% dos investimentos financiables, cando se financien con operacións da liña Microcréditos.
  • Ata o 90% dos investimentos financiables, cando se financien con operacións da liña Peme xove.
  • Ata o 75% dos investimentos financiables, cando se trate de operacións da liña Peme competitiva.

Artigo 6. Prazos de realización dos investimentos, de disposición e de reembolso e amortización anticipada da operación financeira.

6.1. De acordo con estas bases, poderán ser financiados os investimentos realizados con posterioridade ao 1 de xaneiro de 2011.

O número de disposicións e/ou a súa contía mínima poderá pactarse libremente entre a entidade de crédito e o prestameiro.

Previamente á utilización dos fondos da conta específica, a entidade de crédito requirirá dos prestameiros a documentación (facturas, contratos, certificacións de obra, etc.) que acredite a execución do investimento.

A disposición dos fondos aboados do préstamo e a realización total dos investimentos deberán efectuarse antes da primeira amortización do préstamo, para o que o prestameiro solicitará a carencia de amortización necesaria dentro do límite dun ano desde a formalización do préstamo. Se existisen fondos pendentes de utilizar na conta específica unha vez transcorrido este período, deberán destinarse a amortizar o principal do préstamo, e non se computarán para efectos de préstamo subvencionable.

6.2. O prazo de reembolso ás entidades de crédito das operacións acollidas a estas bases será de cinco anos nas operacións da liña Microcréditos, e entre cinco e sete anos nas liñas Peme xove e Peme competitiva, incluído ata un ano de carencia na amortización do principal en todas as liñas, períodos a que se poderán engadir os días que transcorran desde a formalización ao último día do trimestre ou mes en que se produza a amortización.

6.3. A operación financeira poderá ser amortizada sen custo de forma anticipada, total ou parcialmente, por vontade do beneficiario. As amortizacións anticipadas parciais que, se é o caso, realice voluntariamente o beneficiario aplicaranse a reducir, en igual contía, as cotas de amortización restantes.

Artigo 7. Tipo de xuro e comisións das operacións.

7.1. Para a liña Microcréditos o tipo de xuro será fixo.

O tipo de xuro nominal anual ao que se formalizarán as operacións nesta liña de financiamento será inicialmente do 4,05%.

Este tipo fixo será obxecto de revisión no caso de que se produza unha variación significativa do euríbor, de acordo co parágrafo seguinte.

Para ter en conta variacións significativas ao longo do ano farase unha actualización cada vez que a media do euríbor a un ano calculado sobre os tres meses anteriores máis un diferencial de 2 puntos porcentuais se desvíe máis dun 10% do tipo en vigor. Este novo tipo, que será o resultado de engadir á media dos últimos tres meses do euríbor a un ano un diferencial de 2 puntos porcentuais, será, no seu caso, obxecto de notificación ás entidades de crédito adheridas e de publicación no Diario Oficial de Galicia, entrando en vigor para as operacións que se formalicen a partir da data de publicación.

7.2. Para as liñas Peme xove e Peme competitiva o tipo de xuro nominal anual variará por semestres e determinarase tomando como tipo de referencia o euríbor a seis meses, máis un diferencial de 1,5 puntos porcentuais.

7.3. As entidades de crédito adheridas non lles repercutirán aos prestameiros e avalados ningún tipo de gasto ou comisión derivados das operacións aprobadas en aplicación destas bases. Para estes efectos, non se considerará comisión o cobramento da tarifa de reclamación de posicións debedoras.

7.4. Os prestameiros deberán realizar, se é o caso, a achega para adherirse á sociedade de garantía recíproca que corresponda, e aboar as comisións de aval e de estudo que se devenguen.

7.5. Garantías da operación. As operacións formalizadas ao abeiro destas bases contarán co aval dunha sociedade de garantía recíproca polo 80% do importe do financiamento. Para as liñas Microcréditos e Peme xove, as sociedades de garantía recíproca e as entidades de crédito pola parte non avalada polas citadas SGR non requirirán outra garantía adicional máis que as persoais da/s propia/s persoa/s que promovan ou desenvolvan a actividade empresarial e os seus socios, podendo figurar tamén como avalistas os cónxuxes ou parellas de feito. Para a liña Peme competitiva poderán requirirse ademais garantías reais sobre os bens afectos á actividade.

Artigo 8. Compensacións do Igape.

O artigo 13 m) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, recolle a posibilidade de fixar unha compensación económica a favor das entidades colaboradoras. Para tal fin, por cada operación aprobada ao abeiro destas bases reguladoras, o Igape aboará ás entidades de crédito e sociedades de garantía recíproca asinantes do Convenio o 11,38% do importe do préstamo subvencionable para a liña Microcréditos e o 13,10% para Peme xove e Peme competitiva, dos cales 8,13 puntos porcentuais na liña Microcréditos e 9,85 nas liñas de Peme xove e Peme competitiva serán aboados á entidade de crédito; e 3,25 á sociedade de garantía recíproca en todas as liñas, ambas as achegas cun mínimo de 250 euros por operación. As achegas ás SGR deberán ser integradas no seu fondo de provisións técnicas.

Artigo 9. Compatibilidade e límite de axuda.

9.1. As axudas outorgaranse ao abeiro do Regulamento (CE) n.º 1998/2006 da Comisión, do 15 de decembro de 2006, relativo á aplicación dos artigos 87 e 88 do Tratado ás axudas de minimis (DOUE L 379/5, do 28.12.2006).

9.2. A concesión das axudas queda supeditada ao cumprimento da normativa vixente e, en especial, á da Unión Europea. Neses termos, serán compatibles con calquera outra axuda pública ou privada, pero en ningún caso, illadamente ou en concorrencia con outras, poderán superar os límites máximos de intensidade de axuda establecidos pola Unión Europea, nin o custo da actividade subvencionada. As subvencións financeiras que se concedan ao abeiro destas bases terán a consideración de axuda de minimis e cumprirán co establecido no Regulamento (CE) n.º 1998/2006 da Comisión, do 15 de decembro de 2006, relativo á aplicación dos artigos 87 e 88 do Tratado ás axudas de minimis (DOUE L 379/5, do 28 de decembro de 2006). As axudas de minimis totais que se concedan a unha mesma empresa non poderán superar 200.000 euros durante calquera período de tres exercicios fiscais. Este límite será de 100.000 euros para as empresas do sector do transporte por estrada. Para as empresas que operen no sector primario pesqueiro este límite será de 30.000 euros, respectando o Regulamento 875/2007 da Comisión, do 24 de xullo de 2007, relativo á aplicación dos artigos 87 e 88 do Tratado CE ás axudas de minimis no sector pesqueiro (DOUE L 337/2007). Para a produción primaria dos produtos agrícolas que figuran no anexo I do Tratado da Unión Europea, as axudas destas bases respectarán o Regulamento 1535/2007 da Comisión, do 20 de decembro de 2007, relativo á aplicación dos artigos 87 e 88 do Tratado CE ás axudas de minimis no sector agrario (DOUE L 337/2007), sendo o referido límite de 7.500 euros.

9.3. A obtención doutras axudas ou subvencións deberá comunicarse ao Instituto Galego de Promoción Económica tan axiña como se coñeza e, en todo caso, no momento en que se presente documentación xustificativa do proxecto realizado. En todo caso, antes de conceder a axuda, solicitarase da empresa unha declaración escrita ou en soporte electrónico, das axudas recibidas en réxime de minimis nos derradeiros tres exercicios. O incumprimento do disposto neste artigo considerarase unha alteración das condicións tidas en conta para a concesión da axuda e poderá dar lugar a un procedemento de reintegro.

Artigo 10. Consentimentos e autorizacións.

10.1. A presentación da solicitude implica o coñecemento e a aceptación destas bases reguladoras.

10.2. De acordo co establecido na disposición adicional primeira do Decreto 132/2006, do 27 de xullo, de creación dos rexistros de axudas, subvencións, convenios e de sancións da Xunta de Galicia, o solicitante da subvención consentirá expresamente a inclusión e publicidade dos datos relevantes referidos ás axudas e subvencións recibidas, así como ás sancións impostas, no devandito rexistro, feito que terá lugar agás nos supostos legalmente establecidos. Todo isto consonte o establecido na Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal, e na Lei orgánica 1/1982, do 5 de maio, pola que se regula a protección civil do dereito á honra, á intimidade persoal e familiar e á propia imaxe.

10.3. De conformidade co artigo 13.4 da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e de boas prácticas na Administración pública galega, o Igape publicará na súa páxina web oficial a relación dos beneficiarios e o importe das axudas concedidas, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos dos beneficiarios e a súa publicación na citada páxina web, coas excepcións previstas nas leis.

A devandita autorización esténdese á cesión dos seus datos persoais á entidade colaboradora do Igape, á entidade de crédito en que se aboe o pagamento das axudas, ao Diario Oficial de Galicia e ás demais cesións previstas na lei.

O solicitante poderá exercer os seus dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición respecto do contido dos rexistros antes citados, ante a Dirección Xeral do Instituto Galego de Promoción Económica, sito no complexo administrativo de San Lázaro s/n, 15703 Santiago de Compostela, en aplicación do disposto no Decreto 132/2006.

10.4. A presentación da solicitude tamén autoriza o órgano xestor para acceder ao Sistema de Verificación de Datos de Identidade e Residencia, co fin de evitar a achega do DNI do solicitante ou do seu representante legal. No caso de que o solicitante denegue expresamente esta autorización deberá, obrigatoriamente, presentar o DNI coa solicitude.

Artigo 11. Tramitación das solicitudes.

11.1. Para presentar unha solicitude de axuda o interesado, ou a entidade colaboradora no seu nome, deberá cubrir previamente un cuestionario descritivo da empresa, do proxecto e da operación a través do enderezo da internet http://www.tramita.igape.es. Unha vez cuberto o cuestionario, este pasará á disposición da entidade de crédito na extranet de entidades colaboradoras e xerará unha solicitude de tramitación do expediente en formato papel que se presentará na entidade de crédito, asinada polo solicitante (anexo I). Nesta solicitude, apodérase a entidade de crédito para que tramite, en nome do solicitante, o expediente de axuda ante o Igape, no caso de que este aprobe a operación financeira.

11.2. Co fin de prestar asistencia na formalización do cuestionario, o Igape pon á disposición do interesado o seu Servizo de Asistencia Técnica, cun sistema de cita previa concertada a través do mencionado enderezo da internet ou dos números de teléfono 902 300 903 ou 981 541 147, ou os que en cada momento se establezan para esta finalidade que serán obxecto de publicidade no citado enderezo da internet. Desde este servizo poderá accederse á aplicación informática e xerar o IDE identificativo, no caso de que o solicitante non dispoña dun acceso directo á internet. Tamén se poderá recibir asistencia na propia entidade de crédito colaboradora.

Deberanse cubrir necesariamente todos os campos do formulario establecidos como obrigatorios, tras o cal a aplicación emitirá un identificador de documento electrónico (IDE) que identificará univocamente o cuestionario. Este IDE estará composto de 40 caracteres alfanuméricos e obterase mediante o algoritmo estándar de extractado SHA-1 160 bits a partir do documento electrónico xerado pola aplicación de axuda citada anteriormente.

11.3. As entidades de crédito centralizarán as solicitudes de axuda recibidas nas distintas sucursais e, no caso de aprobación da operación financeira, solicitarán en nome do interesado a axuda financeira no Igape no prazo máximo dun mes contado desde a entrada do cuestionario na extranet de entidades colaboradoras. No caso de que a operación financeira sexa denegada, a entidade de crédito só comunicará a súa denegación.

A instrución e resolución do procedemento basearase nas declaracións contidas no citado cuestionario.

11.4. As solicitudes da entidade de crédito ao Igape presentaranse a través da extranet de entidades colaboradoras (http://extranet.igape.es) sendo esta vía telemática obrigatoria. O Igape reserva para si a potestade de introducir modificacións no funcionamento e na recollida de datos da extranet, co obxecto de mellorar a efectividade das interaccións entre entidades ou as actuacións de control que son propias do seu papel no convenio. Nas solicitudes será obrigatoria a inclusión do IDE e se carecen de IDE ou este é erróneo (sexa porque ten un formato erróneo ou porque non foi xerado pola aplicación de axuda) serán devoltas sen tramitación, logo de requirimento realizado para o efecto.

11.5. A autorización de acceso á extranet de entidades colaboradoras para este convenio darase de oficio para os usuarios que as entidades de crédito teñan xa rexistrados para outros convenios, ben que é posible modificar estas autorizacións ou dar novas altas mediante a solicitude do anexo IV.

11.6. Os usuarios da extranet asinantes da solicitude por esta vía telemática deberán reunir os seguintes requisitos:

a) Será necesario que o usuario da extranet asinante da solicitude teña a autorización do interesado e da entidade de crédito tramitadora. A autorización por parte do interesado acreditarase mediante a solicitude orixinal (copia para a entidade de crédito do anexo I); a autorización por parte da entidade de crédito virá dada polo anexo IV entregado ao Igape segundo se indicou anteriormente.

b) O asinante deberá posuír un certificado dixital en vigor baixo a norma X.509 V3 válido, tal e como especifica a Orde do 25 de novembro de 2004 da Consellería de Economía e Facenda pola que se establecen as normas específicas sobre o uso da sinatura electrónica nas relacións por medios electrónicos, informáticos e telemáticos coa Consellería de Economía e Facenda e os seus organismos e entidades adscritas (DOG n.º 239, do 10 de decembro). Os certificados de clase 2 CA emitidos pola Fábrica Nacional de Moeda e Timbre-Real Casa da Moeda serán válidos a efectos de presentación de solicitudes.

11.7. Dentro dos dez días seguintes á presentación das solicitudes no rexistro telemático, a entidade de crédito comunicaralles aos solicitantes a data en que as solicitudes foron presentadas no Igape, o número de expediente asignado, o prazo máximo establecido para a resolución e notificación do procedemento (tres meses desde a data de presentación completa da solicitude de axuda no Igape) e os efectos do silencio administrativo (negativo).

11.8. Se a solicitude reúne os requisitos establecidos nestas bases para ser beneficiaria da axuda, autorizarase a formalización da operación financeira a través da extranet de entidades colaboradoras (http://extranet.igape.es). De conformidade co establecido no artigo 71 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, se a solicitude non reúne os datos exixidos nestas bases, requiriranse o solicitante e a entidade de crédito para que no prazo de dez días hábiles desde o seguinte ao requirimento se emende a falta, con indicación de que, en caso contrario, terase por desistido da súa petición, logo da resolución que deberá ser ditada nos termos previstos no artigo 42 da citada Lei 30/1992.

11.9. Traslado de solicitudes á entidade de crédito e á sociedade de garantía recíproca.

O Igape trasladará a través da extranet de entidades colaboradoras (http://extranet.igape.es) a solicitude cursada á sociedade de garantía recíproca correspondente, para os efectos da valoración do risco, elixibilidade do expediente segundo as condicións destas bases e remisión da súa posición ao Igape. O dito traslado autoriza a formalización da operación financeira, sen que a dita remisión supoña recoñecemento do dereito do solicitante a percibir finalmente a axuda. A SGR formulará a súa posición no prazo dos 15 días hábiles seguintes ao traslado da solicitude. No caso de non recibir resposta pola SGR no citado prazo o Igape desestimará a solicitude.

Artigo 12. Resolución.

12.1. Unha vez que a sociedade de garantía recíproca formule a súa posición, a solicitude será avaliada polos servizos técnicos do Igape en función dos datos relativos á operación declarados no cuestionario anexo a ela. Unha vez avaliada a solicitude, a Dirección da Área de Financiamento elevará a proposta de resolución ao director xeral do Igape, quen resolverá por delegación do Consello de Dirección.

12.2. Na resolución de concesión de axuda farase constar o importe do investimento subvencionable, o importe do préstamo subsidiable, o seu prazo de vixencia e carencia e o importe efectivo da subsidiación equivalente para o beneficiario, que o Igape aboará á entidade de crédito e á sociedade de garantía recíproca por esta operación.

12.3. Na resolución denegatoria de axuda farase constar o motivo da denegación. Non axustarse aos termos da convocatoria, así como a ocultación de datos, a súa alteración ou calquera outra manipulación da información, será causa de desestimación da solicitude, sen prexuízo do disposto no artigo 50 e seguintes da Lei de subvencións de Galicia.

12.4. Con base nas características do programa de axuda, o procedemento de concesión tramitarase en concorrencia non competitiva. As solicitudes de axuda resolveranse por orde de entrada das solicitudes completas no Igape, e ata esgotarse as dispoñibilidades orzamentarias aprobadas, circunstancia que se publicará mediante resolución no Diario Oficial de Galicia e na páxina web do Igape www.igape.es. O esgotamento do crédito suporá a inadmisión de posteriores solicitudes.

Artigo 13. Notificación, silencio administrativo e recursos.

13.1. O Igape notificará ao solicitante e comunicará á entidade de crédito e SGR, se é o caso, a concesión ou denegación da axuda, de acordo co establecido no artigo 24 da Lei 9/2007 de subvencións de Galicia.

13.2. O beneficiario ten un prazo de 10 días hábiles a partir do seguinte ao da notificación da resolución de concesión para aceptala. Para isto deberá cubrir o modelo de aceptación establecido na páxina web do Igape www.igape.es. A aceptación por parte do interesado suporá a obriga de cumprir as condicións establecidas na resolución, nestas bases e demais disposicións aplicables. Transcorrido o prazo de aceptación sen que se producise manifestación expresa, a axuda entenderase tacitamente aceptada, agás que no mesmo prazo se comunique de xeito formal e expreso a renuncia á subvención concedida. No caso de que o beneficiario renunciase á axuda percibida, procederase consonte o artigo 42 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

13.3. O prazo máximo para notificar a resolución do procedemento será de tres meses a partir da data de presentación da solicitude de axuda no Igape. O citado prazo poderá ser suspendido nos supostos establecidos no artigo 42.5 da Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. Transcorrido tal prazo sen que se notificase resolución expresa, poderase entender desestimada.

Contra a resolución, que esgota a vía administrativa, poderase interpoñer recurso contencioso administrativo perante os xulgados do contencioso-administrativo de Santiago de Compostela, no prazo de dous meses contados a partir do día seguinte á recepción da notificación da resolución se fose expresa, ou no prazo de seis meses contados a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto. Potestativamente, poderase interpoñer recurso de reposición perante o director xeral do Igape no prazo dun mes a partir do día seguinte á recepción da notificación da resolución se fose expresa, ou no prazo de tres meses contados a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto, segundo o disposto nos artigos 116 e 117 da Lei de réxime xurídico das administracións públicas.

13.4. Será causa de denegación da axuda a falta de comunicación pola entidade de crédito ou a SGR da súa posición respecto á aprobación da operación, nos prazos establecidos nestas bases e no convenio asinado para o efecto, sen prexuízo da posibilidade do solicitante de reiterar a súa solicitude.

Artigo 14. Operacións de bases anteriores.

Aqueles expedientes solicitados ao abeiro da Resolución do 22 de xullo de 2009 pola que se lle dá publicidade ao acordo do Consello de Dirección do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape), que aproba as bases reguladoras das axudas para a habilitación de liñas de financiamento subsidiado para microempresas, proxectos emprendedores e investimentos das pemes para a mellora competitiva na Comunidade Autónoma de Galicia, que figuren pendentes de resolución por parte do Igape, poderán ser beneficiarios das axudas previstas nestas bases, logo da presentación da correspondente solicitude, admitíndose nestes supostos o financiamento de investimentos anteriores ao 1 de xaneiro de 2011. As solicitudes de operacións anteriores non terán preferencia sobre as solicitudes da convocatoria para o ano 2011.

Artigo 15. Publicación.

15.1. De conformidade co previsto no Decreto 132/2006, do 27 de xullo, polo que se regulan os rexistros públicos creados nos artigos 44 e 45 da Lei 7/2005, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2006, o Igape e a Consellería de Economía e Industria incluirán as axudas concedidas ao abeiro destas bases e as sancións que como consecuencia delas puidesen impoñerse, nos correspondentes rexistros públicos, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos persoais dos beneficiarios e a súa remisión ás entidades de crédito e sociedades de garantía recíprocas para os efectos da formalización da operación, e a referida publicidade.

15.2. De acordo co artigo 13.4 da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e de boas prácticas na Administración pública galega, e co artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, o Igape publicará as subvencións concedidas ao abeiro destas bases na páxina web do Igape, www.igape.es e no Diario Oficial de Galicia expresando a norma reguladora, beneficiario, crédito orzamentario, contía e finalidade da subvención, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos do beneficiario e da súa publicación nos citados medios. A publicación no Diario Oficial de Galicia realizarase no prazo máximo de tres meses contados desde a data de resolución das concesións, non obstante, cando os importes das subvencións concedidas, individualmente consideradas, sexan de contía inferior a 3.000 euros, non será necesaria a publicación no Diario Oficial de Galicia, que será substituída pola publicación das subvencións concedidas na páxina web do Instituto Galego de Promoción Económica.

Artigo 16. Formalización da operación financeira.

O prazo para a formalización da operación financeira vencerá aos tres meses desde a data de notificación da resolución de concesión da axuda do Igape. Transcorrido o dito prazo sen que conste presentada no Igape a solicitude de cobramento e a certificación da entidade de crédito na que se inclúa esa operación como formalizada ditarase resolución e terase o solicitante por renunciado e ordenando o arquivo do expediente, salvo que, logo de solicitude razoada de prórroga deste, presentada no Igape dentro do prazo e acreditando a conformidade da entidade de crédito, o Igape autorice a dita prórroga.

Non obstante, e mentres o Igape non notifique o contrario ás sociedades de garantía recíproca asinantes e ás entidades de crédito, poderán formalizarse operacións anticipadamente á resolución de concesión do Igape, co límite global de operacións formalizadas pendentes de resolución para cada sociedade de garantía recíproca de 1.000.000 euros para cada una das liñas.

Nestes supostos de formalización anticipada, no caso de que as condicións formalizadas da operación non coincidan cos termos da resolución do Igape, deberá procederse á oportuna adaptación mediante anexo á póliza, modificando as condicións para quedar axustadas á resolución. En caso de denegación da axuda por parte do Igape, a entidade de crédito poderá incrementar os tipos de xuro establecidos no convenio ata en 2 puntos.

Artigo 17. Xustificación e pagamento.

17.1. Xustificación.

Unha vez formalizada a operación, as entidades de crédito solicitarán os orixinais das solicitudes de cobramento asinadas polos titulares das operacións segundo o anexo III a estas bases e custodiaranas á disposición do Igape, xunto coa documentación que acredite a execución do investimento (facturas, contratos, certificacións de obra, etc.) e do pagamento da totalidade do investimento subvencionable (transferencias, cheques nominativos, ou outros medios de pagamento, etc.).

O prazo máximo para xustificar ante a entidade de crédito a execución do investimento e o seu pagamento, e solicitar a liquidación prevista no artigo 17.2 destas bases será de 10 días hábiles contados desde a finalización do prazo establecido para a finalización dos investimentos.

De conformidade co disposto no punto 2 do artigo 4 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, as subvencións aos xuros dos créditos concedidos a particulares rexeranse pola súa normativa específica. Polo tanto, considéranse normativa aplicable as propias bases reguladoras, e tendo en conta as complexidades da tramitación, os beneficiarios quedan excluídos das obrigas de xustificación previstas nos artigos 28.7, 29.3 e 29.4.

O Igape poderá requirir das entidades de crédito, previamente ou con posterioridade ao pagamento da liquidación prevista no artigo 17.2 destas bases, calquera documentación acreditativa do cumprimento do proxecto subvencionado así como outra información para os efectos estatísticos e dunha axeitada imputación contable ao peche do exercicio. Para os ditos efectos, o Igape reserva para si o dereito de introducir modificacións e melloras na recolla de datos da extranet, co obxecto de mellorar a efectividade das interaccións coas entidades colaboradoras e as actuacións de control que lle corresponden.

As entidades colaboradoras deberán custodiar a documentación como mínimo mentres non prescriba o dereito a recoñecer ou liquidar o reintegro, de acordo co artigo 35 da Lei de subvencións de Galicia.

17.2. Pagamento das compensacións ás entidades colaboradoras.

Na primeira quincena do mes seguinte de cada trimestre natural as entidades de crédito remitiranlle ao Igape, a través da extranet de entidades colaboradoras:

a) Unha relación daquelas operacións formalizadas ao abeiro destas bases cunha disposición de fondos completa que conste xustificada conforme a súa finalidade ou, se é o caso, a renuncia expresa á parte non xustificada que non será subvencionada.

b) A liquidación dos importes que lles corresponde percibir, segundo o establecido no artigo 8.1 destas bases.

Esta documentación servirá, así mesmo, de base para a liquidación ás sociedades de garantía recíproca avalistas dos importes que lles correspondan conforme o artigo 8.1 destas bases.

O Igape procederá ao pagamento das cantidades liquidadas correspondentes, directamente ás entidades de crédito e ás sociedades de garantía recíproca dentro da primeira quincena do mes seguinte a aquel en que recibisen as correspondentes liquidacións.

No caso de que transcorran máis de seis meses desde a finalización dos investimentos sen que as entidades de crédito remitan ao Igape a liquidación conforme o procedemento descrito, as SGR poderán solicitar dos beneficiarios a documentación (facturas, contratos, certificacións de obra, etc.) que acrediten a execución do investimento e o seu pagamento, e remitir ao Igape a través da extranet a liquidación dos importes que lles correspondan. Nestes supostos a SGR deberá manter a dita documentación xustificativa á disposición do Igape durante un prazo de, polo menos, catro anos a partir da disposición dos fondos e remitirlle ao Igape as aclaracións que solicite respecto daquela.

En calquera caso o réxime de pagamento deberá cumprir o establecido nos números 4 e 7 do artigo 31 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 18. Modificacións.

18.1. Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da axuda e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión ou á súa revogación, no caso de considerarse que a modificación afecta un aspecto substancial da concesión.

18.2. O beneficiario queda obrigado a comunicar ao Igape calquera circunstancia ou eventualidade que poida afectar substancialmente a execución dos fins para os cales foi concedida a axuda. En particular, deberá remitir unha declaración complementaria das axudas recibidas para a mesma operación no momento en que sexa comunicada calquera concesión e sempre coa presentación da solicitude de cobramento.

18.3. No caso de modificación da operación aprobada, o beneficiario da axuda poderá solicitar, motivadamente, a modificación da resolución. No caso de que a modificación afecte os datos declarados no cuestionario, deberá cubrir previamente un novo cuestionario descritivo do proxecto na aplicación de axuda na internet, e obter un novo código IDE. Este IDE incluirase na solicitude de modificación.

18.4. O director xeral do Igape poderá acordar a modificación da resolución por instancia do beneficiario, debendo cumprir os seguintes requisitos:

a) Que a actividade, conduta ou modificación do proxecto estea comprendida dentro da finalidade destas bases.

b) Que a modificación non cause prexuízo a terceiros.

c) Que os novos elementos e circunstancias que motiven a modificación de ter concorrido na concesión inicial, non supuxesen a denegación da axuda.

18.5. O acto polo que se acorde a modificación da resolución de concesión ou, se é o caso, a súa denegación, será ditado polo órgano concedente, unha vez instruído o correspondente expediente en que se dará audiencia aos interesados. Non obstante, poderase prescindir deste trámite de audiencia cando non figuren no procedemento, nin se teñan en conta na resolución, outros feitos, alegacións ou probas que as aducidas polo interesado.

18.6. O Igape poderá rectificar de oficio a resolución cando dos elementos que figuren nela se deduza a existencia dun erro material, de feito ou aritmético.

18.7. No caso de modificacións da operación financeira, unha vez formalizada e que supoñan unha mellora solicitada pola empresa (carencia intermedia, diferencial, etc.), poderá levarse a cabo sen autorización previa do Igape. Non obstante, a entidade de crédito deberá comunicala. As ditas modificacións non suporán, en ningún caso, a revisión á alza das axudas concedidas.

Artigo 19. Reintegros, incumprimentos e sancións da subvención.

19.1. Procederá o reintegro total ou parcial por parte do beneficiario das cantidades aboadas polo Igape á entidade de crédito e sociedade de garantía recíproca con motivo da súa operación de préstamo, xunto cos xuros de demora devengados desde o pagamento, nos seguintes casos:

  1. Incumprimento da obriga de xustificación ou xustificación insuficiente segundo os termos contidos nestas bases.
  2. Obtención da subvención sen reunir os requisitos exixidos para a súa concesión, falseando as condicións requiridas para isto ou ocultando aquelas que o impedisen.
  3. Incumprimento total ou parcial do obxectivo, actividade, proxecto ou non adopción do comportamento que fundamentou a concesión da subvención.
  4. Amortización total da operación financeira sen ter transcorrido polo menos a metade do período de vixencia.
  5. Incumprimento das condicións impostas ao beneficiario con motivo da concesión da axuda ou subvención pública, así como dos compromisos asumidos por este, sempre que afecten ou se refiran ao modo en que deben acadarse os obxectivos, realizar a actividade, executar o proxecto ou adoptar o comportamento que fundamente a concesión da subvención, ou daqueles distintos dos anteriores, cando disto derive a imposibilidade de verificar o emprego dado aos fondos percibidos, o cumprimento do obxectivo, a realidade ou regularidade das actividades subvencionadas ou a concorrencia de subvencións, axudas, ingresos ou recursos para a mesma finalidade procedentes de calquera administración ou ente público ou privado, nacionais, da Unión Europea ou organismos internacionais.
  6. Incumprimento de adoptar as medidas de difusión que se impuxeron na resolución de concesión.
  7. Resistencia, escusa, obstrución ou negativa ás actuacións de comprobación e control financeiro desempeñadas pola Administración ou por calquera dos seus órganos, así como o incumprimento das obrigas contables, rexistrais ou de conservación de documentos cando disto derive a imposibilidade de verificar o emprego dado aos fondos percibidos, o incumprimento do obxectivo, a realidade e regularidade das actividades subvencionadas, ou a concorrencia de subvencións, axudas, ingresos ou recursos para a mesma finalidade, procedentes de calquera Administración ou ente público ou privado, nacionais, da Unión Europea, ou de organismos internacionais.
  8. A adopción, en virtude do establecido nos artigos 107 e 108 do Tratado da Unión Europea, dunha decisión da cal derive unha necesidade de reintegro.
  9. A nulidade da resolución polas causas establecidas no artigo 32 ou ter incorrido nalgunha das causas de reintegro do artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

19.2. Igualmente procederá o reintegro do exceso percibido nos supostos en que o importe da axuda, illadamente ou en concorrencia coas subvencións ou axudas doutras administracións ou doutras entidades públicas ou privadas, supere o custo do proxecto ou o límite de intensidade de axuda establecido pola normativa comunitaria.

19.3. O alcance do incumprimento determinarase en función do grao e entidade da condición incumprida. A concorrencia de distintas causas de incumprimento dará lugar á súa apreciación conxunta.

Se o incumprimento superara o 50% do investimento subvencionable aprobado, considerarase total, sendo causa de revogación da axuda e de reintegro da totalidade das cantidades percibidas. As cantidades a reintegrar terán a consideración de ingresos de dereito público, resultando de aplicación para o seu recobramento, se é o caso, a vía de constrinximento.

19.4. O procedemento para declarar o incumprimento e reintegro de cantidades axustarase ao disposto nos capítulos I e II do título II da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no título V do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o seu regulamento, sendo competente para a súa resolución o director xeral do Igape. Contra a súa resolución caberá recurso contencioso-administrativo ante os xulgados do contencioso-administrativo de Santiago de Compostela nos dous meses seguintes á súa notificación e potestativamente, recurso de reposición ante o director xeral do Igape no mes seguinte á súa notificación.

19.5. Sen prexuízo do establecido nos puntos anteriores, os beneficiarios e entidades de crédito e SGR colaboradoras sométense ao réxime de infraccións e sancións establecido no título IV da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia (DOG n.º 121, do 25 de xuño) e no título VI do seu regulamento.

19.6. Poderase considerar plenamente xustificada a subvención no proceso de comprobación cando o Igape constate que os gastos efectivamente xustificados sexan inferiores á contía do importe subvencionado e esta diferenza dese lugar a unha minoración no importe da subvención ou no importe a reintegrar inferior a 30 euros ou á contía que para eses efectos fixe a consellería competente.

Artigo 20. Modificación das condicións financeiras en caso de perda da subvención.

No caso de que o Igape non aboe a axuda concedida debido á perda desta por incumprimento de condicións do prestatario, as entidades de crédito e as sociedades de garantía recíproca poderán pactar nas correspondentes pólizas e contratos de garantía que sexan de aplicación diferentes condicións ás estipuladas nestas bases.

Artigo 21. Control.

Tanto as entidades de crédito como as sociedades de garantía recíproca adheridas, como os beneficiarios das operacións de financiamento quedan obrigados a someterse ás actuacións de control que efectúen o Igape ou os órganos internos ou externos de control da Comunidade Autónoma de Galicia, para verificar o cumprimento dos requisitos e finalidades das operacións financeiras acollidas a estas bases.

Artigo 22. Adhesión mediante convenio de entidades de crédito e sociedades de garantía recíproca colaboradoras.

22.1. O Igape convidará a adherirse ao convenio de colaboración no que se regulen os compromisos das partes, a todas aquelas entidades de crédito e sociedades de garantía recíproca que, tendo acreditada unha presenza significativa en Galicia, así como a súa solvencia (a solvencia entenderase acreditada se prestaron servizos financeiros para o investimento das pequenas e medianas empresas durante os últimos tres anos e se comprometen a desenvolver os procedementos necesarios para o bo fin da tramitación das operacións, por todos os medios dispoñibles, humanos e técnicos, para facilitarlle o acceso a esta liña de financiamento), colaborasen co instituto nos seus programas de subsidiación ao tipo de xuro de préstamos, créditos ou operacións de arrendamento financeiro. Así mesmo, poderán instar a súa adhesión a este convenio todas aquelas entidades de crédito e sociedades de garantía recíproca acreditadas polo Banco de España que, demostrando unha implantación significativa en Galicia, dispoñan dos medios técnicos adecuados para asegurar a correcta tramitación dos expedientes conforme o establecido no convenio, nestas bases e nos seus anexos.

As ditas entidades xustificarán mediante declaración responsable o cumprimento dos requisitos establecidos para obter a condición de entidade colaboradora no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, asumindo as obrigas do artigo 12 do citado texto legal.

22.2. Formalización da adhesión ao convenio de entidades de crédito e sociedades de garantía recíproca.

A adhesión formalizarase mediante a sinatura, por apoderado con facultades bastantes, da declaración que se xunta como anexo V a estas bases. O Igape daralles conta ao resto das entidades adheridas da existencia de cada novo partícipe no convenio.

22.3. As entidades colaboradoras adheridas ao convenio relaciónanse no anexo VI a estas bases.

Artigo 23. Remisión normativa.

Para todo o non previsto nestas bases aplicarase o previsto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e o disposto no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, no Decreto 887/2006, do 21 de xullo, polo que se aproba o seu regulamento, no Regulamento (CE) n.º 1998/2006 da Comisión, do 15 de decembro de 2006, relativo á aplicación dos artigos 87 e 88 do Tratado ás axudas de minimis (DOUE L 379/5, do 28.12.2006), no Regulamento 875/2007 da Comisión, do 24 de xullo de 2007, relativo á aplicación dos artigos 87 e 88 do Tratado CE ás axudas de minimis no sector pesqueiro (DOUE L 337/2007), no Regulamento 1535/2007 da Comisión, do 20 de decembro de 2007, relativo á aplicación dos artigos 87 e 88 do Tratado CE ás axudas de minimis no sector agrario (DOUE L 337/2007) e no resto da normativa que resulte de aplicación.

En canto ao cómputo de prazos, observarase o disposto no artigo 48 da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

ANEXO II
Actividades financiables préstamos Peme competitiva

Axudas do Igape para a habilitación de liñas de financiamento subsidiado para microempresas, proxectos emprendedores e investimentos das pemes para a mellora competitiva na Comunidade Autónoma de Galicia

Agricultura, gandaría,silvicultura e pesca

 

01.19 Outros cultivos non perennes

 

01.30 Propagación de plantas

 

01.46 Explotación de gando porcino

 

01.47 Avicultura

 

01.6 Actividades de apoio á agricultura, á gandaría e de preparación posterior da colleita

 

02 Silvicultura e explotación forestal

 

03. Pesca e acuicultura

Agás adquisición ou construción de buques

Industrias extractivas

 

08.1 Extracción de pedra, area e arxila

 

Industria manufactureira

 

10. Industria da alimentación

 

11. Fabricación de bebidas

 

13. Industria téxtil

 

14. Confección de pezas de vestir

 

15. Industria do coiro e do calzado

 

16. Industria da madeira e da cortiza, agás mobles; cestaría e espartaría

 

17. Industria do papel

 

18. Artes gráficas e reprodución de soportes gravados

 

20. Industria química

 

21. Fabricación de produtos farmacéuticos

 

22. Fabricación de produtos de caucho e plásticos

 

23. Fabricación doutros produtos minerais non metálicos

 

24. Metalurxia; fabricación de produtos de ferro, aceiro e ferroaliaxes

 

25. Fabricación de produtos metálicos, agás maquinaria e equipamento

 

26. Fabricación de produtos informáticos, electrónicos e ópticos

 

27. Fabricación de material e equipamento eléctrico

 

28. Fabricación de maquinaria e equipamento N.C.O.P

 

29. Fabricación de vehículos de motor, remolques e semirremolques

 

30. Fabricación doutro material de transporte

 

31. Fabricación de mobles

 

32. Outras industrias manufactureiras

 

33. Reparación e instalación de maquinaria e equipamento

 

Construción

 

41. Construción de edificios

Só bens de equipamento

42. Enxeñaría civil

Só bens de equipamento

43. Actividades de construción especializada

Só bens de equipamento

Comercio

 

45. Venda e reparación de vehículos de motor e motocicletas

 

46. Comercio por xunto e intermediarios do comercio, agás vehículos de motor e motocicletas

Agás 46.1.

47. Comercio polo miúdo, agás vehículos de motor e motocicletas

 

Transporte e almacenamento

 

49. Transporte terrestre e por tubaxe

Agás elementos de transporte

50. Transporte marítimo e por vías navegables interiores

 

51. Transporte aéreo

Agás 51.22

52.10 Depósito e almacenamento

 

52.22 Actividades anexas ao transporte marítimo e por vías navegables interiores

 

Hostalaría

 

55. Servizos de aloxamento

 

56.1 Restaurantes e postos de xantar

Exclusiv. 2 ou máis garfos

Información e comunicacións

 

58. Edición

 

59. Actividades cinematográficas, de vídeo e programas de televisión, gravación de son e edición musical

 

60. Actividades de programación e emisión de radio e televisión

 

61. Telecomunicacións

 

62. Programación, consultoría e outras actividades relacionadas coa informática

 

63. Servizos de información

 

72. Investigación e desenvolvemento agás sector carbón

 

73. Publicidade e estudos de mercado

 

74. Outras actividades profesionais, científicas e técnicas

 

Servizos auxiliares

 

81.30 Actividades de xardinaría

 

95.11 Reparación de ordenadores e equipamentos periféricos

 

ANEXO VI
Relación de entidades de crédito e sociedades de garantía recíproca adheridas

Axudas do Igape para a habilitación de liñas de financiamento subsidiado para microempresas, proxectos emprendedores e investimentos das pemes para a mellora competitiva na Comunidade Autónoma de Galicia

Caixas:

  • Caixa de Aforros de Galicia, Vigo, Ourense e Pontevedra.
  • Caixa Rural Galega, Sociedad Cooperativa de Crédito Limitada Gallega.
  • Caja España de Inversiones Salamanca y Soria Caja de Ahorros y Monte de Piedad.

Bancos:

  • Banco Pastor, S.A.
  • Banco Gallego, S.A.
  • Banco Sabadell, S.A.
  • Banco Bilbao Vizcaya Argentaria, S.A.
  • Banco Etcheverría, S.A.
  • Microbank de La Caixa, S.A.U.

SGR:

  • Sogarpo, S.G.R.
  • Afigal, S.G.R.
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file