Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 136 Venres, 15 de xullo de 2011 Páx. 19978

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Cultura e Turismo

RESOLUCIÓN do 28 de xuño de 2011, da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, pola que se incoa o procedemento para a declaración de ben de interese cultural do conxunto da obra de Alfonso Daniel Rodríguez Castelao.

Alfonso Daniel Rodríguez Castelao (Rianxo 1886-Bos Aires 1950) é un dos expoñentes máximos da nosa cultura e figura imprescindible para comprender a historia recente de Galicia e a súa realidade actual.

Humanista polifacético, con profunda conciencia sociopolítica, Castelao traballou con empeño en favor dos dereitos dos galegos e do recoñecemento da realidade diferencial de Galicia, a súa autonomía política e o seu protagonismo na configuración da civilización occidental como concerto de pobos autogobernados. O galeguismo abrangue a totalidade do seu pensamento, o seu traballo e a súa vida. Toda a súa obra, nas múltiples vertentes de debuxante, literato, ensaísta e político, está profundamente marcada polo amor á súa terra e o seu compromiso con Galicia.

El mesmo, nunha famosa intervención en Bos Aires o 15 de xullo de 1944, con motivo da presentación de Sempre en Galiza, declarou: «Eu non cultivei xamais a arte pola arte. A arte para mín non foi máis ca un elemento, un recurso, un medio de expresión, e co lapis ou a pluma só quixen ser un intérprete fiel do meu pobo, das súas dores e das súas esperanzas». E noutra ocasión dixo: «se sacades o que hai de galego e de humán na miña obra non quedaría nada dela».

El nunca disociou arte de compromiso, ética e estética, a obra artística en canto vehículo de concienciación e afirmación da identidade dun pobo. De feito, a achega de Castelao ás letras, ás artes e á política é determinante para a recuperación da lingua e da cultura galegas e a formación dunha conciencia de Galicia como nación, intimamente ligada á defensa das liberdades democráticas.

En Castelao latexou ata a súa morte o corazón dun loitador incansable e dun creador en constante movemento, aberto ás correntes plásticas, literarias e de pensamento da época que lle tocou vivir. A súa decisión de non separar a súa arte do servizo a unhas ideas levouno á utilización das técnicas e estilos máis adecuados a ese fin, pero sen renunciar á contemporaneidade da estética vangardista. O seu xenio soubo producir unha obra de raíces xenuinamente galegas pero renovada conforme aos gustos máis elaborados e exixentes das tendencias do momento, e nela elevou o pobo galego á categoría de protagonista, amosándoo cal axente e beneficiario dos avances sociais polos cales o propio autor tanto traballou.

Sen dúbida, a obra de Castelao identifícase como un símbolo de Galicia, pero non debemos esquecer que, polo seus valores e calidades, a súa produción creativa posúe un significado que transcende as nosas fronteiras e o seu legado ocupa un lugar destacado na historia da arte europea contemporánea.

No anexo a esta resolución menciónanse moi sucintamente os fitos principais da súa obra narrativa e a obra plástica, con indicación, neste caso, do lugar onde cabe atopala hoxe en día. Cando menos, esa relación pode servir para darnos unha idea da extensión, singularidade e pervivencia da súa pegada cultural.

Á vista do que antecede, examinada a documentación que integra o expediente, o disposto na Lei 8/1995, do 30 de outubro, do patrimonio cultural de Galicia, e demais normativa de aplicación, e en exercicio das competencias atribuídas no Decreto 337/2009, do 11 de xuño,

RESOLVO:

Primeiro. Incoar o procedemento para a declaración de ben de interese cultural a favor do conxunto da obra de Alfonso Daniel Rodríguez Castelao.

Segundo. Comunicar esta resolución ao Rexistro Xeral de Bens de Interese Cultural para a súa anotación preventiva como ben de interese cultural inmaterial.

Terceiro. Dispoñer a apertura dun período de información pública polo prazo dun mes, contado desde o día seguinte ao da publicación desta resolución, co fin de que cantos teñan interese poidan examinar o expediente e alegar o que xulguen conveniente nas dependencias administrativas da Subdirección Xeral de Protección do Patrimonio Cultural da Consellería de Cultura e Turismo, situadas no edificio administrativo de San Caetano, s/n, bloque 3-2.º andar, en Santiago de Compostela, logo de petición de cita.

Santiago de Compostela, 28 de xuño de 2011.

José Manuel Rey Pichel
Director xeral de Patrimonio Cultural

ANEXO

– Obra literaria e de pensamento político.

A primeira obra narrativa publicada é Un ollo de vidro. Memorias dun esquelete (1922), na cal Castelao bota man da sátira social e política, a modo de conto fantástico, de ultratumba. Trátase, nunha primeira aproximación, dunha posta en práctica da súa concepción do humor onde son palpables fortes doses de ironía. Un humor máis de fondo que de expresión formal.

A súa segunda obra, Cousas (1926-1929), componse de breves relatos, a través dos cales Castelao, desbotando o superfluo, busca a plena expresividade co fin de representar a alma galega acubillada en cada personaxe, onde latexa con contido lirismo a retranca, a saudade, a tenrura e a traxedia.

Posiblemente sexa con Retrincos, en boa medida a extensión da fórmula de Cousas, cando o autor acada o cumio da súa narrativa. A obra consta de cinco contos presentados como autobiográficos. Cada un deles é independente e autónomo, sen máis ligazón ca a do narrador que vai presentando distintos acontecementos da súa vida. Resultado da reelaboración de escritos ao longo de 25 anos, esta obra supón unha combinación equilibrada entre brevidade, sinxeleza e alto grao de elaboración; nela fúndense a sinxeleza da cultura popular coa altura estética propia da narrativa culta.

Os dous de sempre (1934) constitúe a única novela de Castelao. Tal e como o título suxire, é a historia de dous homes convertidos en verdadeiros arquetipos do comportamento humano universal, deseñados por Castelao con claridade, elegancia e humor. Translócese nela unha mestura de existencialismo tráxico e mensaxe vital de tipo ético.

A súa única obra de teatro é Os vellos non deben namorarse (1941), formada por tres farsas autónomas vinculadas polo prólogo e o epílogo. Con esta peza, Castelao incorpora tendencias renovadoras do teatro europeo das vangardas a unha obra que non por iso abandona a súa raíz galega. Naquel momento o drama non acadou moito éxito entre o público da emigración, acostumado en xeral ao realismo ou á idealización das figuras galegas prototípicas fronte ao desprezo ou mofa que por entón sufría; a maioría non conectou con esa nova linguaxe teatral nin co contido, que reflicte o destino tráxico dos amores serodios co pano de fondo do xuízo público sobre as pretensión dos personaxes e a súa discutible catadura moral. Pero a experiencia aparentemente fustrada deixou pouso e abriu novos sucos onde outras sementes prenderían.

Sempre en Galiza (1944) é un libro ben coñecido de ensaio político. Está considerado como a obra por excelencia do nacionalismo galego. Consta de catro libros escritos en diferentes épocas da súa vida, dos cales, o último deles, foi engadido na segunda edición (1961) con textos escritos entre 1947 e 1948, tras o seu paso polo Goberno de José Giral e a súa volta á Arxentina, e céntrase no federalismo.

Outras dúas obras salientables, As cruces de pedra na Bretaña (1930) e As cruces de pedra na Galiza (1950), enmárcanse en estudos históricos descritivos destas pezas singulares.

Para rematar esta breve relación, cómpre mencionar un libro: Diario, que, aínda que publicado en 1977, foi escrito por Castelao en 1921. Nel recolle as impresións da viaxe de estudos por Europa durante ese ano, o que lle deu a oportunidade de coñecer de cerca as novas tendencias artísticas e a contemplación directa de obras de valor universal expostas nas grandes institucións culturais de Francia, Alemaña e Bélxica, todo o cal tivo unha influencia nos seus escritos e na súa plástica.

– Obra plástica.

Castelao é un artista autodidacta, cunha capacidade natural asombrosa para o trazo gráfico e para a síntese dunha imaxe real. No eido artístico plasma todo un mundo de expresividade a través de técnicas e materiais moi variados como augada, tinta, carbón, lapis, óleo, pastel ou témpera. Domina as distintas técnicas do gravado utilizando como soporte o papel, cartón e cartolina, pero sen dúbida destaca a súa preferencia polo debuxo rápido, apunte inmediato e de pequeno formato. A el interesáballe fundamentalmente o debuxo como medio esencial de expresión plástica ao servizo da transmisión das súas ideas; conceptualmente Castelao non se sentía pintor en sentido estrito e na súa obra prevaleceu sempre o debuxo sobre a cor ou a pintura pura.

Na obra gráfica de Castelao apréciase unha constante evolución na concepción da imaxe: parte dun comezo naturalista e costumista decimonónico, pero incorpora paulatinamente a composición e as percepcións espaciais do deseño moderno do seu tempo, influído pola fotografía e a estampa xaponesa e polas novidades formais do cartelismo. A súa formación complétase co coñecemento do debuxo satírico europeo e conceptos estéticos e sociais que derivan do ideal ruskiano que considera o pintor moderno subsidiario da actividade nas artes aplicadas e industriais, con presenza na ilustración gráfica e demais medios afíns.

Dentro da faceta plástica de Castelao cabe diferenciar tres etapas: a primeira de 1908 ata 1916; a segunda desde 1916 ata 1936, e a derradeira, iniciada co estalido da Guerra Civil española e definida pola posterior etapa franquista en España, coas consecuencias derivadas dese réxime na súa experiencia vital, e por un escenario internacional marcado por dous conflitos de resonancia mundial. Desa última etapa son as súas creacións artísticas de maior interese desde o punto de vista da consideración do autor como figura internacional. Neste marco e dentro da obra gráfica de Castelao, podemos destacar os seus Debuxos de negros, que sitúan o autor nunha posición relevante no panorama artístico europeo do momento.

Finalmente, interesa tamén destacar que gran parte da súa obra plástica está dispersa en coleccións de diversas entidades, museos, fundacións e particulares. Unha parte importante destes testemuños atópanse en Galicia, pero tamén se conservan numerosas obras en arquivos, museos e coleccións de persoas e entidades situadas noutros lugares da península Ibérica, do resto de Europa e de América. Podemos citar, por exemplo, obras catalogadas que permanecen en Madrid, Ciudad Real, Sevilla, Barcelona, Moscova, La Habana, Miami, Nova York, Montevideo, Chile, Bos Aires e Rosario.

– Documentación e localización da obra.

Froito dun convenio de colaboración entre a Xunta de Galicia e a Fundación Castelao, asinado en 2008, elaborouse un catálogo de toda a obra artística de Castelao que se recolle nunha base de datos dixital con máis de tres mil rexistros.

A bibliografía sobre Castelao e o conxunto da súa obra, nas diferentes facetas, é moi ampla e vaise incrementando cada ano, e o interese que suscita é de moi distintas procedencias xeográficas e temporais como se pode comprobar tras unha simple lectura da escolma bibliográfica que consta no expediente.

Por outra parte, en Galicia é doado contemplar directamente moitas das obras orixinais, que se conservan en numerosas institucións, accesibles a estudosos, investigadores e ao público xeral. A continuación detállase a localización dalgunhas principais.

O Museo de Pontevedra, que contou coa implicación directa de Castelao en 1929 como vogal do seu padroado inicial, conserva un importante conxunto de obras e materiais (máis de mil seiscentas) entre as cales se contan todas as estampas orixinais dos seus tres álbumes de guerra (Galiza Mártir, Atila en Galiza e Milicianos), así como o manuscrito de Sempre en Galiza, a serie de Debuxos de negros, todos os materiais da obra As cruces de pedra na Galiza, 100 debuxos realizados para ilustrar a obra As cruces de pedra na Bretaña e a segunda e definitiva versión manuscrita de Os vellos non deben de namorarse.

No Museo Provincial de Lugo podemos atopar 27 debuxos e gravados, unha augada, unha litografía e 2 óleos de Castelao, en parte doados por Álvaro Gil Varela no ano 1965. O Museo Quiñones de León, en Vigo, conta cunha colección de 110 debuxos seus; o Museo de Carlos Maside, en Sada, con 65 debuxos e augadas; o de Belas Artes da Coruña, con 3 debuxos a tinta e un gouache, e o Museo do Pobo Galego (Santiago de Compostela) con 129 debuxos e gravados.

Reúnen obra significativa outras institucións como Caixanova e Caixa Galicia (hoxe Novacaixagalicia), con murais e unha colección de debuxos de Cousas da vida… entre outras (en total 72 e 176 obras, respectivamente); a Biblioteca da Universidade de Santiago de Compostela, que custodia 79 debuxos; a Fundación Penzol, que posúe unha colección de 52 debuxos; a Fundación Vicente Risco, con 36 debuxos e gravados; o banco BBVA, que conta cunha pequena colección de 25 debuxos; ou a Biblioteca Nacional de España, onde se conservan 62 debuxos. No Centro Superior Bibliográfico de Galicia (hoxe Biblioteca de Galicia) teñen tamén 18 debuxos, e no Instituto de Estudos Galegos Padre Sarmiento, 17, mentres que a Real Academia Galega conserva 15 debuxos e 2 dos seus óleos.