Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 149 Xoves, 4 de agosto de 2011 Páx. 22158

III. Outras disposicións

Consellería de Cultura e Turismo

ORDE do 19 de xullo de 2011 pola que se establecen as bases reguladoras e a convocatoria pública do Premio Elías Valiña ao esforzo revitalizador e promocional dos camiños de Santiago, e se convoca a súa XVI edición para o ano 2011.

O intercambio de culturas e o entendemento entre os pobos é un dos valores fundamentais que xurdiron entre as voltas dos camiños de Santiago desde o século IX ata os nosos días. Nestes séculos de intercambios e coñecementos vaise conformando uns dos itinerarios culturais de maior valor simbólico, coñecido en todo o mundo que representa a unidade e a transferencia de coñecementos sen límites e a liberdade de movementos. Os camiños de Santiago, un deles o primeiro itinerario cultural europeo ou, se se quere, a rúa maior de Europa, sentaron os fundamentos do progreso e dos vínculos entre os pobos, promovendo o xermolo da idea de unidade de Europa. Durante moitas décadas foi o espírito anovador que conxugou o relixioso, o espiritual, o deportivo, o cultural e o económico, sen esquecer tampouco o seu carácter de eixo vertebrador dun patrimonio cultural propio e que cómpre protexer.

Despois dun momento de declive, por mor das convulsións sociais que asolaron Europa e que motivaron que caese no esquecemento e que os camiñantes buscasen novas rutas de peregrinación, xa nos derradeiros anos do século XX regresou, con nova forza e vitalidade, grazas á adopción dunha serie de medidas encamiñadas á promoción, conservación e revitalización dos camiños de Santiago que acadou nestes últimos tempos un grande auxe e nos permite asistir a un novo renacemento das rutas xacobeas.

O ámbito de actuación da Consellería de Cultura e Turismo responde ao vixente marco institucional de distribución de competencias, configurado basicamente no Estatuto de autonomía de Galicia, que establece no seu artigo 27.18.º como competencia exclusiva da Xunta de Galicia o patrimonio histórico, artístico, arqueolóxico, de interese de Galicia e no artigo 32 que corresponde á nosa comunidade autónoma a defensa e promoción dos valores culturais do pobo galego.

A Consellería de Cultura e Turismo asume as competencias que a facultan para o deseño, programación, desenvolvemento e execución da política cultural do Goberno de Galicia en todas as súas vertentes.

Correspóndelle a esta consellería a elaboración de normas e propostas para impulsar a protección e posta en valor dos camiños de Santiago e fomentar a revitalización destes sen menoscabo do seu coidado e promover e difundir os seus valores intrínsecos impulsando actividades por medio das que se divulgue e facilite a comprensión da enorme potencialidade dos camiños de Santiago.

No exercicio destas competencias, a Consellería de Cultura e Turismo creou por Orde do 27 de agosto de 1996 o Premio Elías Valiña ao esforzo revitalizador e promocional dos camiños de Santiago co fin de estimular o labor de persoas que, como Elías Valiña Sampedro, un dos maiores revitalizadores dos camiños de Santiago, dedicaron gran parte da súa actividade á recuperación e promoción dos camiños de Santiago, levando a cabo tarefas de sinalización, limpeza, enumeración quilométrica e incluso fomentando a creación de asociacións de amigos do camiño que velen pola conservación das respectivas parcelas ao longo das rutas xacobeas.

Para este exercicio desenvólvese máis concretamente o que se entende por labor revitalizador e promocional especificando e engadindo conceptos inherentes a estes, como a protección na súa dobre vertente de conservación material e recuperación, o fomento do coñecemento e a potenciación dos valores sociais, espirituais e solidarios propios dos camiños. Isto contribuirá tamén a unha maior precisión na obxectividade do outorgamento do premio. Procúrase que a documentación se ordene e sistematice conforme os criterios de valoración determinados nas bases e se admite un recoñecemento a quen sobresaia especialmente nalgún deles. Vólvese a introducir a mención especial a unha persoa física sobre a base da súa sensibilidade, compromiso e dedicación. Determínase, así mesmo, a posibilidade ou non, e as súas consecuencias, de compartir o premio e a distinción á que tamén se fai referencia.

En consecuencia, do anteriormente exposto, esta consellería

DISPÓN:

Artigo 1. Convocatoria e bases reguladoras.

1. Por esta orde establécense as bases reguladoras polas que se rexerá a concesión do Premio Elías Valiña para distinguir o esforzo protector, revitalizador, promocional e de fomento do coñecemento e dos valores propios dos camiños de Santiago por parte de asociacións, fundacións e entidades sen ánimo de lucro. Nestas bases inclúese, así mesmo, a mención especial a unha persoa física que teña contribuído especialmente á posta en valor daqueles. O texto destas bases achégase como anexo I desta disposición.

2. Así mesmo, mediante esta orde, convócase o dito premio para o ano 2011.

Artigo 2. Financiamento e concorrencia.

1. A convocatoria realízase con cargo á aplicación orzamentaria 11.03.433A.628.2 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o 2011, por un importe máximo de 10.000 € (dez mil euros).

2. A concesión do premio queda sometida á condición da existencia de crédito adecuado e suficiente no momento da resolución.

3. A concesión do premio recollido nesta orde será tramitada en réxime de concorrencia competitiva.

4. O premio regulado ao abeiro desta orde é compatible con outras subvencións ou axudas para a mesma finalidade procedentes de calquera outra Administración ou de entidades públicas ou privadas, nacionais, da Unión Europea ou de organismos internacionais.

Artigo 3. Beneficiarios.

1. Poderán participar nesta convocatoria as asociacións, fundacións e entidades sen ánimo de lucro cunha traxectoria de polo menos cinco anos que acrediten o seu labor na protección, revitalización, promoción e fomento do coñecemento e dos valores propios dos camiños de Santiago e que desenvolvan a súa actividade, tanto dentro como fóra do territorio de Galicia, consonte as bases que figuran como anexo I desta orde.

2. Non poderán obter a condición de beneficiarias as persoas en que se produzan algunhas das circunstancias previstas no artigo 10.2.º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

3. Os formularios da solicitude da axuda (anexo II desta orde) poderanse obter ben fotocopiándoos do Diario Oficial de Galicia en que se publique esta orde ou ben na páxina da internet: http://culturaeturismo.xunta.es/

Artigo 4. Lugar e prazo de presentación de solicitudes.

1. O escrito de presentación da candidatura xunto coa documentación requirida serán presentados no rexistro xeral de servizos centrais da Xunta de Galicia, ou en calquera dos lugares previstos no artigo 38.4.º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

2. O prazo de presentación de candidaturas comezará a contar a partir da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia e rematará o 3 de outubro de 2011.

Artigo 5. Prazo e duración do procedemento de concesión.

1. Unha vez rematado o prazo para a presentación de solicitudes, estas serán tramitadas e valoradas de acordo co procedemento establecido nas bases reguladoras.

2. O prazo máximo para ditar e notificarlles aos interesados a resolución expresa é o previsto na base novena, punto 3.º, desta orde, que non poderá superar os prazos establecidos no artigo 23.4.º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 6. Información aos interesados.

Sobre este procedemento administrativo poderase obter documentación normalizada ou información adicional na Dirección Xeral do Patrimonio Cultural, a través dos seguintes medios:

a) Páxina web oficial da consellería (http://culturaeturismo.xunta.es/), na súa epígrafe Información trámites, epígrafe de premios.

b) Os teléfonos 981 54 48 93 e 981 54 58 01.

c) O enderezo electrónico: proteccion.caminos.santiago@xunta.es

d) Presencialmente, nas dependencias do Servizo de Protección e Fomento.

Disposición derradeira primeira.

Facúltase o director xeral do Patrimonio Cultural para ditar as resolucións precisas para o desenvolvemento da orde.

Disposición derradeira segunda.

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 19 de xullo de 2011.

Antonio Fernández-Campa García-Bernardo
Secretario xeral da Consellería de Cultura e Turismo

Anexo I
Bases reguladoras da convocatoria do Premio Elías Valiña

Primeira. Obxecto e réxime.

1. Estas bases teñen por obxecto regular a concesión do Premio Elías Valiña para distinguir o esforzo protector, revitalizador e promocional e de fomento do coñecemento e dos valores propios dos camiños de Santiago. Mediante elas regúlase tamén a distinción especial á persoa física que teña contribuído especialmente á posta en valor deste.

2. Ao premio, que será do importe que cada ano estableza a orde de convocatoria, aplicaráselle a correspondente retención fiscal, e poderá outorgarse de xeito individual ou compartido, ou declararse deserto. Caberá a posibilidade, cando así o prevexa a convocatoria, de distinguir varias categorías. A mención especial só se outorgará de xeito individual.

3. A asociación ou entidade premiada recibirá un diploma e o importe do premio que lle será aboado mediante transferencia bancaria. No caso de que o premio sexa compartido, repartirase na proporción que determine o xurado entre os galardoados.

4. Ademais do premio en metálico, que recibirá o participante ou participantes premiados, farase unha mención especial a unha persoa física que, pola súa sensibilidade, compromiso, esforzo e dedicación teña contribuído especialmente á posta en valor do Camiño. A mención especial non leva consigo en ningún caso compromiso económico por parte da Administración autonómica.

5. O procedemento para a concesión do premio recollido nesta orde será tramitado en réxime de concorrencia competitiva, ao abeiro do disposto no artigo 19.1.º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. Co fin de cumprir co principio de concorrencia sinalado, as candidaturas serán examinadas por un xurado, que terá carácter de comisión avaliadora e que se axustará aos principios contidos no título II, capítulo II, da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Segunda. Beneficiarios.

Poderán participar as asociacións, fundacións e entidades sen ánimo de lucro, cunha traxectoria que acredite o seu labor na protección, revitalización, promoción, fomento do coñecemento e dos valores propios do Camiño de Santiago, e que desenvolvan a súa actividade tanto dentro como fóra de Galicia.

Estas entidades deberán ter acreditada unha traxectoria de varios anos de funcionamento efectivo na consecución dos obxectivos establecidos na convocatoria.

Non poderán obter a condición de beneficiarias as persoas en que se dean algunhas das circunstancias previstas no artigo 10.2.º e 10.3.º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Terceira. Solicitudes.

1. As candidaturas ao premio presentaranse na forma e prazo que se indique na convocatoria.

2. As solicitudes deberán axustarse ao modelo normalizado que se inclúa na correspondente orde de convocatoria, e irá acompañada da seguinte documentación:

– Fotocopia do NIF ou documento equivalente, no caso de que o solicitante non dispoña de certificado dixital.

– Declaración responsable do presidente ou membro da xunta directiva da entidade candidata na que conste o número de anos de funcionamento efectivo, desenvolvendo actividades que contribúan á revitalización, protección e promoción das rutas xacobeas e os seus valores asociados.

– Memoria xustificada do labor realizado neste campo en que se detallarán as actividades ordenadas e sistematizadas conforme os criterios establecidos na base oitava e polo período que se determine na orde de convocatoria (neste ano, cinco anos), co grao de concreción axeitado para facilitar a valoración.

– Certificados, informes ou calquera outro documento subscrito por un organismo oficial que desenvolva funcións no ámbito cultural ou tres entidades inscritas no Rexistro de Entidades do Camiño de Santiago de Compostela que avalen a candidatura, pola súa importancia e relevancia no desenvolvemento do labor de protección, revitalización e promoción das rutas xacobeas.

– Certificación orixinal expedida pola entidade bancaria da titularidade da conta onde se debe realizar o pagamento, onde conste: ordinal bancario, código do banco, código da sucursal e código da conta corrente.

– Declaración responsable de ter ou non solicitadas axudas para a mesma finalidade de calquera outra Administración ou ente público ou privado, nacional ou internacional e, se é o caso, as contías solicitadas.

3. A documentación da candidatura premiada ao abeiro desta convocatoria quedará en poder, para o seu adecuado arquivo, da Consellería de Cultura e Turismo, e reservarase esta o dereito de divulgación gratuíta da dita documentación por calquera medio de reprodución con destino a actividades promocionais e divulgativas.

A documentación das candidaturas non premiadas seralles devolta aos interesados no caso de que estes o soliciten expresamente.

Cuarta. Consentimentos e autorizacións.

1. A presentación da solicitude implica o coñecemento e a aceptación destas bases reguladoras. De conformidade co artigo 20.3.º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, a presentación da solicitude polo interesado ou interesados comportará a autorización ao órgano xestor para solicitar as certificacións que sexan necesarias para acreditar estar ao día nas obrigas tributarias co Estado, coa comunidade autónoma e coa Seguridade Social. Non obstante, se por razóns técnicas ou doutra índole, estes certificados non puidesen ser obtidos polo órgano xestor, poderán serlle requiridos ao interesado/a.

2. De conformidade co artigo 13.4.º da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e boas prácticas na Administración pública galega, esta consellería publicará na súa páxina web o nome do premiado e o importe do premio, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos do premiado e a súa publicación na citada páxina web, coas excepcións previstas nas leis.

3. De acordo co establecido no artigo 16.1.º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, o premio outorgado ao abeiro desta orde figurará no Rexistro Público de Axudas, Subvencións e Convenios. En todo caso, a presentación da solicitude implica que a/o solicitante consente na inclusión e publicidade dos datos relevantes referidos ás axudas e subvencións recibidas, así como ás sancións impostas, no dito rexistro, feito que terá lugar agás nos casos legalmente establecidos.

Quinta. Órganos competentes.

1. A dirección xeral competente en materia de patrimonio cultural da Xunta de Galicia será a unidade administrativa competente para a instrución do procedemento de concesión deste premio e da mención especial referida nesta orde. A devandita instrución rematará coa proposta de resolución que se elevará ao conselleiro competente en materia de cultura.

2. Corresponderalle ao devandito conselleiro ditar a resolución da súa concesión, con indicación do nome do premiado ou premiados e a contía que lles corresponde.

Sexta. Tramitación.

1. De conformidade co establecido no artigo 20.5.º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, se a solicitude non reúne algún dos requisitos exixidos nestas bases reguladoras ou na correspondente convocatoria, requiriranse os/as solicitantes para que, nun prazo de dez días hábiles, emenden erros ou presenten a documentación exixida ante a Dirección Xeral do Patrimonio Cultural. Nese requirimento farase indicación expresa de que, se así non o fixesen, se lles terá por desistidos da súa petición, logo da correspondente resolución.

2. Sen prexuízo do disposto no punto anterior, poderá requirírselle ao solicitante que achegue cantos datos, documentos complementarios e aclaracións resulten necesarios para a tramitación e resolución do procedemento.

3. Unha vez revisadas as solicitudes e as emendas feitas, aqueles expedientes administrativos que reúnan todos os requisitos e a documentación necesaria achegaranse ao xurado encargado da súa valoración, de acordo co establecido na base seguinte.

Sétima. Comisión de valoración.

1. Composición:

O premio será outorgado por proposta dun xurado, que terá a consideración de comisión de valoración, presidido polo conselleiro/a competente en materia de cultura ou persoa en quen delegue, e estará integrado polos seguintes membros:

– A persoa titular da subdirección competente en materia de protección do patrimonio cultural, que exercerá de vicepresidente/a.

– O presidente do Comité Internacional de Expertos do Camiño de Santiago ou outra persoa en quen delegue.

– Dous membros nomeados polo conselleiro competente en materia de cultura entre persoas de recoñecido prestixio na materia.

– A institución, asociación cultural, fundación ou persoa que resultase gañadora na última convocatoria.

– Os presidentes das entidades inscritas no Rexistro de Entidades do Camiño de Santiago de Compostela cos números 83, 84, 85 e 86 que serán substituídos o vindeiro ano polos catro seguintes e así sucesivamente ata que rotasen todos.

– Actuará como secretario/a, con voz e sen voto, un xefe/a de servizo da Subdirección Xeral de Protección do Patrimonio Cultural designado polo director xeral de Patrimonio Cultural.

O titular da secretaría será asistido nas tarefas materiais propias do seu cometido por un funcionario/a da dirección xeral citada.

No caso de que na mesma entidade concorresen a condición de último gañador do Premio Elías Valiña e da entidade inscrita no Rexistro de Entidades do Camiño de Santiago, segundo a relación prevista nesta orde cos números 83, 84, 85 e 86, a entidade formará parte do xurado en calidade de gañadora da última edición, co que entraría a formar parte deste a seguinte entidade rexistrada na orde que proceda segundo a numeración correlativa subseguinte.

A mesma solución será de aplicación no caso de que non se acade un mínimo de sete persoas por motivos de imposibilidade ou renuncia a participar como xurado da entidade gañadora da última edición ou dalgunha ou algunhas das entidades que correspondan, segundo a prelación prevista neste artigo.

2. Funcións.

As decisións do xurado especificarán a avaliación que lles corresponde en aplicación dos criterios previstos na base seguinte.

O premio poderá outorgarse de xeito individual ou compartido, ou declararse deserto. No caso de premio compartido (tanto se hai só unha ou distintas categorías previstas) o xurado determinará a contía que corresponda a cada premiado.

O xurado proporá ademais unha mención especial a unha persoa física que, pola súa sensibilidade e interese, teña contribuído especialmente á posta en valor do Camiño. Esta mención só poderá outorgarse de xeito individual.

Oitava. Criterios de valoración.

Os criterios que se empregarán para a valoración das candidaturas serán, cun máximo de 100 puntos, os seguintes:

1. Intervencións encamiñadas á protección do patrimonio, tales como a recuperación, conservación, sinalización, adecentamento e posta en valor de tramos do Camiño de Santiago ou de elementos a el asociados, así como no seu contorno, ata un máximo de 20 puntos. Valorarase o número de actuacións, a calidade das intervencións e a importancia do recurso cultural (material ou inmaterial) e natural ou paisaxístico afectado, así como tamén o apoio ou patrocinio recibido por parte de entidades públicas ou privadas para eses proxectos.

2. Accións de difusión, divulgación e fomento do coñecemento entre o público xeral, ata un máximo de 20 puntos. Teranse en conta o número de actuacións (xornadas, seminarios e outros eventos análogos, edicións de folletos e revistas, publicacións e/ou material audiovisual, participación en programas en medios de comunicación social, etc.), a súa calidade, e o número de beneficiarios directos e indirectos.

3. Actuacións de investigación, documentación e fomento do coñecemento do camiño e o fenómeno xacobeo entre a comunidade especializada e científica, ata 20 puntos, que se outorgarán en función de criterios similares aos expostos no parágrafo anterior.

4. Accións de sensibilización e fomento do asociacionismo con fins relacionados co fenómeno xacobeo e organizacións de peregrinacións e outras actividades para membros e simpatizantes, ata 20 puntos. Teranse en conta o número de accións e a súa repercusión (contada a través de indicadores obxectivos como número de novos membros ou de participantes).

5. Accións encamiñadas a potenciar valores propios do Camiño na súa dimensión espiritual, solidaria e social, tales como accións educativas durante a peregrinación, labores de acollida e hospitalidade nos albergues, promoción de actividades de reinserción e con grupos desfavorecidos ou marxinais e tarefas asistenciais en xeral, ata 20 puntos. Para a súa valoración teranse en conta o número e a envergadura das actividades realizadas.

Novena. Resolución e notificación.

1. Á vista da deliberación do xurado, contida no ditame en que se concrete a súa avaliación para o outorgamento do premio, a Dirección Xeral do Patrimonio Cultural elevarao, xunto coa proposta de resolución, ao conselleiro.

2. O conselleiro de Cultura e Turismo, á vista da proposta, ditará a resolución que proceda debidamente motivada, e será obxecto de publicación no Diario Oficial de Galicia e, así mesmo, no enderezo da páxina web: http://culturaeturismo.xunta.es/

3. O último día para ditar e notificarlles aos interesados a resolución expresa será o 1 de decembro de 2011. En calquera caso, transcorridos dez días hábiles desde a notificación ou publicación da concesión deste premio sen que o interesado comunicase expresamente a súa renuncia a este, entenderase que o acepta, e desde ese momento adquirirá a condición de beneficiario.

O vencemento do citado prazo, sen que se notifique a resolución expresa, lexitima o interesado para entender desestimada a súa candidatura por silencio administrativo.

4. Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión do premio poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión.

Décima. Réxime de recursos.

Contra a resolución ditada ao abeiro desta orde, que pon fin á vía administrativa, os interesados poderán interpoñer recurso potestativo de reposición ante o conselleiro de Cultura e Turismo no prazo dun mes, contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, segundo o disposto nos artigos 116 e 117 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, ou ben directamente recurso contencioso-administrativo, no prazo de dous meses, ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, de conformidade coa Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Décimo primeira. Anulación e reintegro.

1. Procederá o reintegro total ou parcial das subvencións e axudas públicas percibidas, cando concorra calquera das circunstancias previstas no título II da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. No caso de que os beneficiarios incumpran algunha das obrigas recollidas no artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, a Consellería de Cultura e Turismo instruirá, se é o caso, un expediente sancionador, de conformidade co previsto no título IV da dita lei.

Décimo segunda. Control.

Os solicitantes e premiados/as quedan sometidos ás actuacións de comprobación e control efectuadas polo órgano competente para resolver, así como ás de control financeiro desenvolvidas pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, segundo o establecido no título III da Lei 9/2007, ou polo Consello de Contas ou polo Tribunal de Contas, segundo a súa normativa.

Ademais, deberán facilitarlle á Dirección Xeral do Patrimonio Cultural toda a información e documentación complementaria que esta considere precisa para a concesión ou aboamento do importe do premio.

missing image file