Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 151 Luns, 8 de agosto de 2011 Páx. 22713

IV. Oposicións e concursos

Consellería de Facenda

ORDE do 1 de agosto de 2011 pola que se amplía o prazo de presentación de solicitudes dos procesos selectivos convocados polas ordes do 21 e 27 de xullo de 2011 (Diario Oficial de Galicia número 142 e 144, do 26 e do 28 de xullo).

En virtude das ordes do 21 e 27 de xullo de 2011 (DOG núm. 142 e 144, do 26 e do 28 de xullo), convocáronse os seguintes procesos selectivos correspondentes ás ofertas de emprego público aprobadas para os anos 2009 e 2011:

– Proceso selectivo para o ingreso no corpo superior da Administración da Xunta de Galicia, subgrupo A1.

– Proceso selectivo para o ingreso no corpo de xestión da Administración da Xunta de Galicia, subgrupo A2.

– Proceso selectivo para o ingreso no corpo auxiliar da Xunta de Galicia, subgrupo C2.

– Proceso selectivo para o ingreso no corpo superior da Administración da Xunta de Galicia, subgrupo A1, escala de letrados.

– Proceso selectivo para o ingreso no corpo superior da Administración da Xunta de Galicia, subgrupo A1, escala de sistemas e tecnoloxía da información.

– Proceso selectivo para o ingreso no corpo de xestión da Administración da Xunta de Galicia, subgrupo A2, escala de xestión e sistemas de información.

– Proceso selectivo para o ingreso no corpo facultativo superior da Xunta de Galicia, subgrupo A1, escala de enxeñeiros/as de camiños, canles e portos.

– Proceso selectivo para o ingreso no corpo facultativo de grao medio da Xunta de Galicia, subgrupo A2, escalas de arquitectos técnicos e enxeñeiros/as técnicos de obras públicas.

Con posterioridade á súa publicación, esta consellería tivo constancia de que a plataforma de pagamento telemático das entidades colaboradoras da Xunta de Galicia permanecería pechada por cuestións organizativas desde as 17.00 horas do día 12 de agosto ata as 17.00 horas do día 14 de agosto, dentro, polo tanto, do prazo recollido nas ordes referidas para que as persoas interesadas poidan presentar a súa solicitude de participación nos procesos convocados.

Tendo en conta o feito descrito e co obxecto de evitar prexuízos aos/ás interesados/as en participar nestes procesos, de acordo co artigo 49 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, esta consellería

DISPÓN:

Primeiro. Ampliar en dous (2) días hábiles o prazo de vinte (20) días naturais para presentar as solicitudes de participación nos procesos selectivos convocados polas ordes do 21 e 27 de xullo de 2011 (DOG núm. 142 e 144, do 26 e do 28 de xullo) que se sinala na base I.3.

Segundo. Contra este acordo de ampliación de prazo non cabe recurso ningún, de acordo co disposto no artigo 49.3 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Santiago de Compostela, 1 de agosto de 2011.

Marta Fernández Currás
Conselleira de Facenda