Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 163 Venres, 26 de agosto de 2011 Páx. 25714

I. Disposicións xerais

Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas

DECRETO 173/2011, do 4 de agosto, polo que se aproba o estatuto da Axencia Galega de Infraestruturas.

A Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, na súa disposición adicional cuarta, outorgou autorización ao Consello da Xunta de Galicia para a creación da Axencia Galega de Infraestruturas, adscrita á consellería competente en materia de infraestruturas. A nova entidade, que asumirá as competencias atribuídas á Dirección Xeral de Infraestruturas e aos servizos de infraestruturas das xefaturas territoriais, terá como obxectivos básicos impulsar, coordinar e xestionar a política autonómica en materia de estradas e, en especial, a planificación, proxección, construción, conservación e explotación das estradas que sexan competencia da nosa comunidade autónoma, e os servizos que se poidan instalar ou desenvolver nas ditas infraestruturas; e, tamén, garantir o uso e defensa do patrimonio viario.

Mediante este decreto desenvólvese a citada disposición adicional e dáse cumprimento ao previsto no artigo 54.5 da devandita lei, regulando os aspectos referidos á organización e funcionamento da axencia, a súa estrutura, o réxime do seu persoal, o seu réxime económico-financeiro e o seu réxime patrimonial e de contratación.

O decreto consta dun único artigo, cuxo obxecto é a creación da Axencia Galega de Infraestruturas e a aprobación do seu estatuto, así como de catro disposicións adicionais, catro disposicións transitorias, unha disposición derrogatoria e catro disposicións derradeiras.

A disposición adicional primeira refírese á constitución da Axencia Galega de Infraestruturas, momento coincidente coa realización da sesión constitutiva do seu Consello Reitor e netamente separado da creación da axencia, unida á aprobación dos seus estatutos e da súa posta en funcionamento efectivo, ligada á xestión do seu orzamento e ao normal desenvolvemento dos seus servizos comúns.

Na disposición adicional segunda establécese a subrogación da nova axencia nos dereitos e obrigas dos órganos administrativos aos cales substitúe.

A disposición adicional terceira trata da integración do persoal na axencia. Esta conserva os dereitos, deberes e condicións profesionais que tiña en función da relación xurídica de emprego pola que estaba vinculado coa Administración autonómica.

A disposición adicional cuarta alude á obriga de realizar o primeiro inventario dos bens da axencia, no prazo dun ano desde a súa posta en funcionamento.

As disposicións transitorias establecen as condicións en que discorrerá o período de transición necesario para culminar o cambio de modelo organizativo desde a figura de dirección xeral á de axencia, en materia de servizos comúns, de subsistencia temporal dos órganos directivos actuais ata o nomeamento dos da nova axencia, da relación de postos de traballo, e o réxime transitorio dos procedementos.

A disposición derradeira primeira ten por finalidade recoller a modificación da estrutura orgánica da consellería con competencias en infraestruturas.

Mediante o previsto na disposición derradeira segunda, atribúese á axencia a tutela funcional da Sociedade Pública de Investimentos de Galicia, S.A.

Por último, as disposicións derradeiras terceira e cuarta tratan da habilitación para o desenvolvemento do decreto e da súa entrada en vigor.

Os estatutos están incluídos en trinta e nove artigos agrupados en sete capítulos.

O capítulo I reúne as disposicións xerais relativas á natureza, réxime xurídico, adscrición, obxecto e fins, así como as funcións da Axencia Galega de Infraestruturas. Configúrase a axencia como unha entidade pública instrumental cuxo obxecto é a execución da política autonómica en materia de estradas e demais infraestruturas. En canto tal entidade instrumental, en virtude do establecido nas leis, recóllese no artigo 3 a condición da axencia como medio propio e servizo técnico da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia.

O capítulo II ocúpase da organización da axencia. A estrutura da Axencia Galega de Infraestruturas conta con dous órganos de goberno, un unipersoal (Presidencia), e outro colexiado (o Consello Reitor). A Dirección é o órgano encargado da xestión ordinaria. Na organización da axencia, salientamos as áreas como eixes fundamentais da súa estrutura de funcionamento, á fronte das cales estarán os xefes de área.

O contrato de xestión, en que se recollen os obxectivos da axencia, os medios para cumprilos e as consecuencias do grao de cumprimento, e o plan de acción anual constitúen o obxecto do capítulo III.

O capítulo IV regula o réxime de persoal da axencia, así como os procedementos de selección de postos de traballo, distinguindo entre as condicións de acceso á axencia do persoal directivo e do persoal non directivo.

O capítulo V regula o réxime patrimonial e de contratación, que é o xeral de aplicación a todas as administracións públicas.

O réxime económico e financeiro da axencia constitúe o obxecto do capítulo VI. Nel especifícanse os recursos económicos necesarios para que a axencia desenvolva as súas funcións.

O capítulo VII regula, pola súa parte, as disposicións aplicables á actuación da axencia, con especifícanse do réxime xurídico que rexerá o seu funcionamento.

Na súa virtude, por proposta da persoa titular da consellería competente en materia de infraestruturas, logo do informe favorable das consellerías competentes en materia de administracións públicas e de facenda, de acordo co ditame do Consello Consultivo de Galicia, e logo da deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día catro de agosto de dous mil once,

DISPOÑO:

Artigo único. Creación da Axencia Galega de Infraestruturas e aprobación do seu estatuto.

En virtude da autorización prevista na disposición adicional cuarta da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, créase a Axencia Galega de Infraestruturas, para cuxo fin se aproba o seu estatuto, cuxo texto se insire a continuación.

Disposición adicional primeira. Constitución da Axencia Galega de Infraestruturas e entrada en funcionamento.

1. A constitución da Axencia Galega de Infraestruturas producirase coa realización da sesión constitutiva do seu Consello Reitor, que terá lugar no prazo de tres meses desde a entrada en vigor deste decreto, a partir do cal se realizarán todas as actuacións conducentes á súa posta en funcionamento.

2. A axencia iniciará o exercicio das funcións que ten encomendadas no prazo de tres meses desde a súa constitución.

Disposición adicional segunda. Subrogación.

1. De acordo co previsto na Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, a axencia asumirá as competencias atribuídas á Dirección Xeral de Infraestruturas e aos servizos de infraestruturas das xefaturas territoriais, órganos que se suprimen, e o novo ente subrógase nos dereitos e obrigas derivados das competencias dos devanditos órganos.

Quedan igualmente suprimidas as seguintes subdireccións e servizos que integran a devandita dirección xeral:

– A Subdirección Xeral de Planificación e Programación e os servizos que nela se integran: o Servizo de Planificación e Programación, o Servizo de Proxectos; o Servizo de Xestión Económico-Administrativa, o Servizo de Xestión de Vías de Alta Capacidade e o Servizo de Supervisión de Proxectos.

– A Subdirección Xeral de Estradas e os servizos dependentes dela: o Servizo de Obras, o Servizo de Conservación e o Servizo de Explotación.

– Os servizos de dependencia directa da persoa titular da Dirección Xeral: o Servizo de Coordinación Administrativa, o Servizo de Apoio Técnico e o Servizo de Xestión Xurídico-Administrativa.

2. Así mesmo, suprímese a Subdirección Xeral de Seguridade Viaria e Inspección, integrada na Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas.

3. As mencións que a normativa vixente faga á Dirección Xeral de Infraestruturas entenderanse feitas á Axencia Galega de Infraestruturas.

Disposición adicional terceira. Persoal.

1. O persoal funcionario de carreira e o laboral fixo que preste os seus servizos na Dirección Xeral de Infraestruturas ou nos servizos de infraestruturas das xefaturas territoriais pasará a desempeñar postos de traballo na Axencia Galega de Infraestruturas e a prestar servizos nela como persoal funcionario, na mesma situación en que se atopaba, ou como persoal laboral destinado na axencia, con efectos desde a data da súa entrada en funcionamento e con recoñecemento da súa antigüidade.

Ao persoal a que se refire o parágrafo anterior recoñéceselle na Axencia Galega de Infraestruturas o tempo e a situación en que permaneza nela para os efectos de antigüidade, carreira profesional e demais dereitos inherentes á súa condición, de conformidade co que se estableza na normativa aplicable para cada persoal.

O réxime previsto nos parágrafos anteriores será tamén de aplicación ao persoal suxeito ao Decreto 3184/1973, do 30 de novembro, polo que se aproba o Regulamento xeral do persoal de legoeiros do Estado.

2. O persoal funcionario interino que preste servizos na Dirección Xeral de Infraestruturas ou nos servizos de infraestruturas das xefaturas territoriais pasará a desempeñar postos de traballo na axencia e a prestar os seus servizos nela como persoal funcionario interino.

3. O persoal laboral indefinido e o persoal laboral temporal que preste servizos na Dirección Xeral de Infraestruturas e nos servizos de infraestruturas das xefaturas territoriais pasará a desempeñar postos de traballo na Axencia Galega de Infraestruturas, co mesmo réxime e condicións que tiña nos mencionados órganos, con efectos desde a data da entrada en funcionamento da nova axencia.

Disposición adicional cuarta. Inventario.

A Axencia Galega de Infraestruturas realizará o primeiro inventario dos bens que se lle adscriben e dos que puidese adquirir para o inicio da súa actividade antes de que transcorra un ano desde a súa posta en funcionamento.

Disposición transitoria primeira. Servizos comúns.

Sen prexuízo da creación e posta en funcionamento da axencia, os servizos comúns da Administración autonómica continuarán exercendo, en relación coa Axencia Galega de Infraestruturas, as competencias que teñan atribuídas respecto á Dirección Xeral de Infraestruturas e aos servizos de infraestruturas das xefaturas territoriais ata que aquela dispoña dos servizos propios necesarios para alcanzar a súa autonomía.

Disposición transitoria segunda. Subsistencia de órganos.

1. A persoa titular da Dirección Xeral de Infraestruturas continuará no desenvolvemento das súas funcións ata a designación da persoa titular da Dirección da axencia.

As persoas titulares das subdireccións e dos servizos suprimidos poderán ser adscritas provisionalmente ás áreas e servizos que se crean neste decreto.

2. As unidades e postos de traballo de nivel orgánico inferior ao de servizo subsistirán ata a aprobación da relación de postos de traballo da axencia.

Habilítase a persoa titular da consellería competente en materia de infraestruturas para adscribir provisionalmente, mentres non se aprobe a relación de postos de traballo, tales unidades e postos de traballo aos órganos derivados da nova estrutura orgánica da axencia.

Disposición transitoria terceira. Relacións de postos de traballo da axencia.

Ata a elaboración e aprobación da relación de postos de traballo inicial de persoal funcionario e laboral da Axencia Galega de Infraestruturas, manteranse como instrumentos de ordenación dos seus recursos humanos as relacións de postos de traballo da Dirección Xeral de Infraestruturas e as dos servizos de infraestruturas das xefaturas territoriais coas dotacións existentes no momento da creación da axencia.

Disposición transitoria cuarta. Réxime transitorio dos procedementos.

Os expedientes iniciados pola Dirección Xeral de Infraestruturas con anterioridade á posta en funcionamento da axencia e non resoltos na devandita data, relativos a ámbitos de competencia asignados á axencia polo estatuto que aproba este decreto, resolveraos o órgano competente da axencia de acordo coa atribución do exercicio de competencias establecidas polo estatuto.

Disposición derrogatoria.

Quedan derrogadas cantas disposicións de igual ou inferior rango se opoñan ao disposto neste decreto.

Disposición derradeira primeira. Modificación da estrutura orgánica da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas.

1. No Decreto 316/2009, do 4 de xuño, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, cómpre realizar as modificacións seguintes:

A) A letra e) do número 1 do artigo 3 pasa a ter a seguinte redacción:

«A Axencia Galega de Infraestruturas, á cal se adscribe a Delegación da Xunta de Galicia nas Sociedades Galegas de Autoestradas de Peaxe, creada polo Decreto 390/1996, do 31 de outubro».

B) No número 1 do artigo 6 suprímese a letra e).

C) O artigo 7, relativo á Vicesecretaría Xeral, queda redactado como segue:

«Artigo 7. Funcións e estrutura.

1. A Vicesecretaría Xeral, con nivel orgánico de subdirección xeral, exercerá as seguintes funcións:

a) A suplencia da persoa titular da Secretaría Xeral Técnica nos casos de ausencia, enfermidade ou vacante.

b) A xestión e o control dos convenios e protocolos de colaboración en que sexa parte a consellería e non sexan competencia doutros órganos desta.

c) A coordinación, tramitación, seguimento e control dos expedientes de contratación seguidos por instancia da consellería que non sexan competencia doutros órganos dela.

d) Xestión dos expedientes de subvencións que non sexan competencia doutros órganos da consellería.

e) Asesoramento e emisión dos informes encomendados pola persoa titular da Secretaría Xeral Técnica.

f) A coordinación do parque móbil da consellería, sen prexuízo das competencias que corresponden a outros departamentos da Xunta de Galicia e a coordinación das dotacións relativas ao vestiario do persoal.

g) A formación de estatísticas nas materias que sexan competencia da consellería en coordinación co Instituto Galego de Estatística, sen prexuízo das funcións nesta materia doutras unidades da consellería.

h) Realizar as funcións inspectoras sobre todos os órganos e servizos de carácter técnico da consellería.

i) En xeral, prestar asistencia, coordinar e xestionar cantos asuntos lle sexan encomendados pola persoa titular da Secretaría Xeral Técnica, por razón da súa competencia.

2. No exercicio da función inspectora, correspóndenlle á Vicesecretaría Xeral, as seguintes atribucións:

a) Comprobar o funcionamento dos servizos técnicos e a adecuación do seu traballo ás disposicións legais e regulamentarias vixentes, e propoñer, se é o caso, as medidas procedentes para emendar as deficiencias e anomalías que se advirtan.

b) Practicar as actuacións que procedan como consecuencia das denuncias formuladas polos/as administrados/as en relación co funcionamento dos diversos centros, unidades e dependencias técnicas da consellería e propoñer, se é o caso, a adopción das medidas oportunas.

c) Inspeccionar a execución das obras públicas que, con cargo aos seus respectivos orzamentos, leven a cabo os diferentes órganos e servizos da consellería, así como as que realicen os/as titulares de concesións ou autorizacións, outorgadas por aqueles, en canto ao cumprimento das condicións técnicas e á conformidade das obras co proxecto de adxudicación sen prexuízo das inspeccións atribuídas á Delegación de Autoestradas da Xunta de Galicia respecto das sociedades galegas concesionarias de autoestradas de peaxe.

d) Informar sobre as propostas de redacción de proxectos de modificacións de obras xa contratadas, así como as de obras complementarias a que se refire o artigo 155 b) da Lei de contratos do sector público.

e) Recoñecer, comprobar e recibir as obras públicas executadas polos distintos órganos e servizos así como as que realicen os/as titulares de concesións para a construción de autoestradas de peaxe.

3. No exercicio da función inspectora, a Vicesecretaría Xeral poderá solicitar de todos os centros directivos cantos datos, antecedentes e documentos considere necesarios para o desenvolvemento das súas actividades, e as autoridades, funcionarios/as e o persoal laboral dos ditos centros directivos deberá prestarlle axuda e cooperación para o cumprimento das súas obrigas.

As facultades e atribucións asignadas nesta materia á Vicesecretaría Xeral entenderanse sen menoscabo das competencias que, respecto ás súas propias unidades técnicas, correspondan aos/ás titulares dos diferentes centros directivos da consellería.

4. Para o desenvolvemento de súa función inspectora, a Vicesecretaría Xeral contará co seguinte servizo:

Servizo de Coordinación Técnica e Inspección, ao cal lle corresponde o exercicio das facultades a que se refiren as letras c), d) e e) do número 2 anterior, así como prestar asistencia e xestionar cantos asuntos lle sexan encomendados, por razón da súa competencia, polo titular da Vicesecretaría Xeral».

D) Suprímese a sección sexta do capítulo II do título II.

E) No título II, capítulo V, suprímese a sección primeira, relativa á Dirección Xeral de Infraestruturas.

F) No artigo 17 suprímese o punto 3.4, relativo aos servizos de infraestruturas.

2. As modificacións citadas producirán os seus efectos a partir da entrada en funcionamento da Axencia Galega de Infraestruturas.

Disposición derradeira segunda. Adscrición da Sociedade Pública de Investimentos de Galicia, S.A.

1. De acordo co previsto no artigo 107 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, a Sociedade Pública de Investimentos de Galicia, S.A. queda adscrita á Axencia Galega de Infraestruturas, que exercerá a tutela funcional da devandita sociedade.

2. Sen prexuízo das atribucións que lle corresponden á consellería competente en materia de facenda, a axencia exercerá o control funcional e de eficacia da sociedade pública. Para tales efectos, a axencia poderá dar instrucións á sociedade respecto ás liñas de actuación estratéxica e establecerá as prioridades na súa execución.

Disposición derradeira terceira. Desenvolvemento normativo.

Autorízase a persoa titular da consellería competente en materia de infraestruturas para ditar cantas disposicións normativas rexan necesarias para o desenvolvemento deste decreto.

Disposición derradeira cuarta. Entrada en vigor.

Este decreto entrará en vigor ao mes da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, catro de agosto de dous mil once.

Alberto Núñez Feijóo
Presidente

Agustín Hernández Fernández de Rojas
Conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas

ANEXO
Estatutos da Axencia Galega de Infraestruturas

CAPÍTULO I
Disposicións xerais

Artigo 1. Natureza, adscrición e obxecto.

1. A Axencia Galega de Infraestruturas é unha axencia pública autonómica que se encadra dentro das entidades públicas instrumentais reguladas no título III da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia.

2. A Axencia Galega de Infraestruturas está adscrita á consellería competente en materia de infraestruturas, ten personalidade xurídica propia, patrimonio e tesouraría propios e autonomía na súa xestión, dentro dos límites establecidos polas leis.

3. Os obxectivos básicos da Axencia Galega de Infraestruturas son impulsar, coordinar e xestionar a política autonómica en materia de estradas. Para tales efectos, correspóndelle á axencia planificar, proxectar, construír, conservar e explotar as estradas que sexan de competencia da Comunidade Autónoma de Galicia, así como os servizos que se poidan instalar ou desenvolver nas ditas infraestruturas. Tamén ten por obxecto garantir o uso e defensa do patrimonio viario.

A axencia poderá, directamente ou a través de sociedades adscritas ou sobre as que teña atribuída a súa tutela funcional, planificar, proxectar, construír, conservar e explotar outras infraestruturas, en virtude das encomendas ou encargas que reciba dos órganos ou entidades competentes.

Artigo 2. Réxime xurídico.

A Axencia Galega de Infraestruturas axustará a súa actuación ao establecido na Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, no Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia; ao establecido neste estatuto e nas súas normas de desenvolvemento e, supletoriamente, ao previsto nas normas aplicables ás entidades de dereito público vinculadas ou dependentes da Administración autonómica.

Artigo 3. Condición de medio propio e servizo técnico da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia.

1. A Axencia Galega de Infraestruturas ten a consideración de medio propio e servizo técnico da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia e dos poderes adxudicadores dependentes dela, polo que está obrigada a realizar os traballos que aquela ou estes lle encomenden.

2. As relacións da Axencia Galega de Infraestruturas cos poderes adxudicadores dos cales é medio propio e servizo técnico teñen natureza instrumental e non contractual, e articúlanse a través de encomendas de xestión das previstas no número 6 do artigo 24 da Lei 30/2007, do 30 de outubro, de contratos do sector público, polo que, para todos os efectos, son de carácter interno, dependente e subordinado.

3. A Axencia Galega de Infraestruturas non poderá participar nos procedementos para a adxudicación de contratos convocados polos poderes adxudicadores dos cales sexa medio propio e servizo técnico. Porén, cando non concorra ningún licitador poderá encargárselle a execución da actividade obxecto de licitación pública.

4. En todo caso, será de aplicación o previsto na Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia.

Artigo 4. Potestades administrativas e relacións con outras administracións públicas.

1. Dentro das competencias que este estatuto e, se é o caso, outras normas lle atribúen, correspóndelle á Axencia Galega de Infraestruturas o exercicio das potestades administrativas precisas para o cumprimento dos seus fins e funcións de acordo coa lexislación aplicable.

2. As relacións da axencia cos órganos da Administración autonómica e das restantes administracións públicas, a que dea lugar o exercicio das competencias e funcións establecidas neste estatuto, manteraas a Presidencia da axencia, no marco que estableza o Consello Reitor. A Presidencia poderá delegar o desenvolvemento ordinario das ditas relacións na persoa titular da Dirección e no persoal directivo da axencia.

Artigo 5. Sede e estrutura territorial.

1. A Axencia Galega de Infraestruturas ten a súa sede institucional en Santiago de Compostela.

2. A axencia conta con delegacións de ámbito provincial nas cidades da Coruña, Lugo, Ourense e Pontevedra.

Artigo 6. Principios básicos de actuación.

1. A axencia respectará na súa actuación os principios de xestión transparente por obxectivos, de servizo á cidadanía, ás institucións e á sociedade no seu conxunto, de obxectividade, eficacia e eficiencia e, especificamente, os seguintes:

a) Principio de transparencia e participación, entendidos respectivamente como a rendición de contas á cidadanía e como o compromiso de consulta e participación dos interesados na realización dos seus traballos.

b) Principios de autonomía e responsabilidade, entendidos respectivamente como a capacidade da axencia de xestionar con autonomía os medios postos ao seu dispor para alcanzar os obxectivos comprometidos, e como a disposición dela a asumir as consecuencias dos resultados alcanzados.

c) Principios de cooperación interadministrativa e participación institucional, entendidos respectivamente, como a disposición activa a colaborar con outras administracións e institucións.

d) Principio de calidade e mellora continua, entendido como o compromiso sistemático coa autoavaliación e a utilización de modelos que permitan establecer áreas de mellora.

2. A axencia publicará na súa sede electrónica información actualizada sobre os seguintes aspectos:

a) O contrato de xestión da axencia, o plan de acción anual, o informe xeral de actividade e as contas anuais, acompañadas do informe de auditoría de contas.

b) As redes de coñecemento e intercambio de información que impulse e, de ser o caso, outras que existan no territorio de Galicia.

c) Os recursos públicos destinados pola Xunta de Galicia ás políticas que desenvolva a axencia e, de ser o caso, condicións e formas de acceso a eles.

d) Outros recursos públicos ou privados destinados a similares fins e dispoñibles no ámbito de Galicia, dos que a axencia teña coñecemento.

e) Os procedementos e medios de acceso dos interesados aos servizos da axencia e os dereitos que para ese efecto lles correspondan.

Artigo 7. Competencias e funcións.

1. Correspóndelle á axencia o desenvolvemento das seguintes funcións:

a) A elaboración de directrices de coordinación e planificación que garantan a coherencia e funcionalidade das infraestruturas viarias de titularidade da comunidade autónoma.

b) A emisión de informe nos procedementos de aprobación, modificación ou revisión dos instrumentos de ordenación do territorio e dos instrumentos de ordenación urbanística que afecten directamente algunha estrada de titularidade autonómica

c) A redacción de propostas de normativa e instrucións técnicas e administrativas para as estradas de titularidade autonómica, provincial e municipal.

d) A elaboración, seguimento, supervisión, control e aprobación técnica da planificación operativa dos instrumentos previstos na normativa de ordenación do territorio, así como dos estudos informativos, de impacto ambiental, anteproxectos e proxectos en materia de estradas.

e) A elaboración dos plans, programas de actuación e orzamentos e o seu control e axuste, en relación coas infraestruturas incluídas no ámbito de competencias propio da axencia.

f) A xestión dos expedientes expropiatorios necesarios para a construción ou o establecemento das infraestruturas relativas a materias da súa competencia.

g) A xestión e tramitación de expedientes de contratación administrativa en materias incluídas no ámbito das súas competencias.

h) A redacción de estudos, anteproxectos ou proxectos e a coordinación, xestión e control da construción das infraestruturas que sexan competencia da Comunidade Autónoma de Galicia, e as súas incidencias, por conta propia ou por encomenda á Sociedade Pública de Investimentos de Galicia, S.A.

i) O estudo e o desenvolvemento de novas técnicas de realización de estradas.

j) O inventario, a explotación, conservación e sinalización das estradas e servizos complementarios na zona de dominio público das estradas.

k) A resolución de expedientes de responsabilidade patrimonial no ámbito das súas competencias.

l) A xestión de autorizacións administrativas en materia de instalacións de servizo e concesións de áreas de servizo na área de influencia das estradas de titularidade autonómica.

m) A xestión de vías de alta capacidade realizadas baixo a modalidade de concesión de obra pública ou xestión directa, así como o seguimento e coordinación xeral dos procesos asociados para a construción, conservación e explotación desta ao longo do período concesional.

n) A xestión e tramitación de expedientes de subvencións en materias incluídas no ámbito das súas competencias.

ñ) A elaboración e tramitación de convenios de cooperación con entes públicos e de colaboración con particulares no marco das competencias atribuídas á axencia.

o) A xestión de expedientes sancionadores por comisión de infraccións tipificadas na normativa de estradas.

p) O impulso, promoción e coordinación das estratexias de seguridade viaria coas distintas administracións públicas implicadas na materia.

q) A conservación, o mantemento e a explotación do treito Alto de Santo Domingo-A52 (AG-53 e AG-54) da autoestrada entre Santiago de Compostela e Ourense.

r) Aqueloutras que, non estando incluídas nos puntos anteriores, lle sexan atribuídas pola normativa vixente, así como as que, dentro do seu ámbito competencial, lle sexan asignadas ou delegadas.

2. As funcións mencionadas na letra q) do anterior número 1 poderán exercelas directamente a axencia, a través dunha sociedade pública autonómica ou calquera medio propio.

CAPÍTULO II
Organización

Sección 1.ª Órganos de goberno

Artigo 8. Órganos de goberno da axencia.

1. Os órganos de goberno da Axencia Galega de Infraestruturas son:

a) A Presidencia.

b) O Consello Reitor.

2. Na designación das persoas titulares e membros dos órganos de goberno da axencia atenderase o principio de presenza equilibrada entre mulleres e homes.

Artigo 9. A Presidencia.

1. A Presidencia da Axencia Galega de Infraestruturas correspóndelle á persoa titular da consellería competente en materia de infraestruturas.

2. Son funcións da Presidencia:

a) A representación institucional e legal da axencia, incluíndo as actuacións fronte a terceiros relativas aos seus bens e dereitos patrimoniais, así como a subscrición dos convenios de colaboración.

b) A Presidencia do Consello Reitor, co desempeño de todas as demais competencias que lle correspondan como presidente do órgano colexiado segundo o disposto no artigo 23 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

3. A persoa titular da Presidencia poderá delegar aquelas funcións propias que considere oportunas e que sexan susceptibles de delegación na persoa titular da Dirección.

4. No suposto de ausencia, vacante, enfermidade ou outro impedimento legal, a persoa titular da Dirección substituirá a titular da Presidencia.

Artigo 10. Composición do Consello Reitor.

1. O Consello Reitor é o órgano colexiado de goberno da Axencia Galega de Infraestruturas. Estará integrado pola Presidencia, a Vicepresidencia e catro vogais.

2. A Presidencia do Consello Reitor correspóndelle á persoa titular da Presidencia da axencia.

3. A Vicepresidencia do Consello Reitor correspóndelle á persoa titular da Dirección da axencia. Esta substituirá a persoa titular da Presidencia do consello nos casos de vacante, ausencia, enfermidade ou outra causa legal.

4. Os/as vogais do Consello Reitor son nomeados e separados pola persoa titular da consellería competente en materia de infraestruturas:

a) Unha persoa en representación da consellería con competencias en materia de administracións públicas, designada pola persoa titular daquela consellería, de entre os/as titulares dos seus órganos superiores ou de dirección.

b) Unha persoa en representación da consellería competente en materia de facenda, designada pola persoa titular daquela consellería, de entre os/as titulares dos seus órganos superiores ou de dirección.

c) Dúas persoas en representación da consellería con competencias en materia de infraestruturas, designadas pola persoa titular da consellería, de entre os/as titulares dos seus órganos superiores ou de dirección.

En caso de ausencia ou de enfermidade e, en xeral, cando concorra algunha causa xustificada, os/as vogais serán substituídos polos seus respectivos suplentes, propostos pola mesma persoa ou entidade que designou as persoas titulares.

5. A persoa que ocupe a Secretaría do Consello Reitor será designada e nomeada por este, entre o persoal que presta servizos na axencia, e asistirá ás reunións con voz pero sen voto.

Nos supostos de vacante, ausencia ou enfermidade da persoa titular da secretaría, o Consello Reitor nomeará a persoa que a substitúa nos termos previstos no apartado anterior.

6. As administracións territoriais e entidades públicas ou privadas poderán estar representadas nas sesións do Consello Reitor en relación con aqueles asuntos da orde do día cuxa natureza poida aconsellar que sexan ouvidos para unha mellor ponderación e eficacia dos acordos e decisións que puideran adoptarse.

7. Poderán asistir ás sesións do Consello Reitor todas aquelas persoas que sexan convocadas pola Presidencia en calidade de persoas expertas en relación coas materias incluídas na orde do día, para as que o seu ditame e asesoramento sexa relevante.

8. Os/as membros do Consello Reitor percibirán, se é o caso, as indemnizacións que, por asistencia ás reunións, lles poidan corresponder en aplicación do acordo do Consello da Xunta, logo do informe favorable da consellería competente en materia de facenda sobre indemnizacións por razón do servizo.

Artigo 11. Funcións do Consello Reitor.

1. Son funcións do Consello Reitor as seguintes:

a) A aprobación da proposta do contrato de xestión da axencia.

b) A aprobación dos obxectivos e plans de acción anuais e plurianuais da axencia e dos criterios cuantitativos e cualitativos de medición do cumprimento dos devanditos obxectivos e do grao de eficiencia na xestión, no marco establecido polo contrato de xestión.

c) A aprobación do anteproxecto de orzamentos anuais e da contracción de obrigas de carácter plurianual dentro dos límites fixados no contrato de xestión.

d) O control da xestión da Dirección e a exixencia das responsabilidades que procedan.

e) A aprobación das contas anuais e, de ser o caso, a distribución do resultado do exercicio, consonte a lexislación de réxime financeiro e orzamentario da Comunidade Autónoma de Galicia.

f) A aprobación dun informe xeral anual da actividade desenvolvida e de cantos extraordinarios considere necesarios sobre a súa xestión, coa valoración dos resultados obtidos e a consignación das deficiencias observadas.

g) O exercicio da potestade sancionadora en caso de infraccións cualificadas como moi graves na normativa reguladora de estradas.

h) A aprobación da proposta de relación de postos de traballo da axencia, logo do informe favorable dos centros directivos competentes en materia de orzamentos e función pública.

i) O nomeamento e separación do persoal directivo, por proposta motivada da Dirección.

j) Designar o secretario do Consello Reitor.

k) Calquera outra que lle atribúa este estatuto ou o resto da normativa aplicable.

2. Para o adecuado exercicio das súas funcións, o Consello Reitor poderá requirir a información necesaria dos órganos directivos e unidades administrativas da axencia.

Artigo 12. Funcionamento do Consello Reitor.

1. O Consello Reitor reunirase, logo de convocatoria da Presidencia, pola súa iniciativa ou por petición, cando menos da metade dos conselleiros, cando sexa necesario para o desenvolvemento das funcións da axencia e, cando menos, cada dous meses.

2. A convocatoria do Consello Reitor faraa o secretario mediante escrito, cunha antelación mínima de corenta e oito horas, e nela recollerá a orde do día dos asuntos que se van tratar.

3. Para a válida constitución do Consello Reitor, ademais do presidente e do secretario ou de quen os substitúa, deberán estar presentes ou representados, na primeira convocatoria, a metade dos conselleiros e, na segunda convocatoria, a terceira parte deles.

4. Os acordos do Consello Reitor tomaranse por maioría de votos dos seus membros, presentes ou representados. En caso de empate, a Presidencia terá voto de calidade.

Sección 2.ª Órgano executivo

Artigo 13. A Dirección.

1. A Dirección é o órgano executivo da axencia e correspóndelle a súa xestión ordinaria.

2. A persoa responsable da Dirección será nomeada polo Consello da Xunta de Galicia, por proposta da persoa titular da consellería de adscrición, entre persoas que reúnan os requisitos de solvencia académica, profesional, técnica ou científica necesarios para o exercicio do cargo e experiencia acreditada na xestión pública. Terá a consideración de alto cargo da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia, con rango de director/a xeral.

3. Son funcións da Dirección:

a) Elaborar o proxecto de estatuto da axencia e as súas modificacións, as normas de réxime interior da axencia e, se é o caso, das unidades adscritas.

b) Elaborar o proxecto de plan anual de actividades da axencia e a súa memoria explicativa.

c) Exercer a xefatura do persoal da axencia.

d) Actuar, no ámbito dos contratos do sector público, como órgano de contratación da axencia.

e) Elaborar a relación de postos de traballo da axencia.

f) Impulsar, orientar, coordinar e inspeccionar os servizos e unidades adscritas á axencia e ditar as instrucións e circulares relativas ao seu funcionamento.

g) Executar os orzamentos e o plan anual de actividades da axencia.

h) Autorizar os pagamentos e os gastos da axencia e das unidades adscritas.

i) Elaborar o informe anual sobre a actuación e a xestión da axencia.

j) Propoñerlle ao Consello Reitor o nomeamento, de acordo cos criterios de profesionalidade, mérito e capacidade, do persoal directivo.

k) A proposta de resolución dos recursos administrativos, das reclamacións previas, en asuntos civís e laborais, e das reclamacións de responsabilidade patrimonial.

l) A resolución de expedientes sancionadores pola comisión de infraccións tipificadas como leves ou graves na normativa reguladora de estradas.

m) Executar os acordos da Presidencia e do Consello Reitor e exercer as funcións que, dentro do seu ámbito, lle sexan asignadas ou delegadas.

4. A persoa que ocupa a Dirección da axencia será a delegada da Xunta de Galicia nas sociedades galegas concesionarias de autoestradas de peaxe e, como tal, exercerá as funcións que correspondan á delegación da Xunta de Galicia nas ditas sociedades.

Sección 3.ª Estrutura administrativa

Artigo 14. Estrutura administrativa.

1. A axencia estrutúrase internamente nas seguintes áreas, que terán nivel orgánico de subdirección xeral: de Planificación e Programación, de Obras, de Seguridade Viaria, e de Contratación e Administración.

2. Adscrita organicamente á Dirección da axencia existirá, con nivel de subdirección xeral, a Asesoría Xurídica da Axencia Galega de Infraestruturas, que dependerá funcionalmente da Asesoría Xurídica Xeral da Xunta de Galicia.

3. As delegacións da axencia en cada provincia teñen encomendada a xestión das competencias da axencia no respectivo ámbito territorial, de acordo coas instrucións e directrices emitidas pola súa dirección e os órganos directivos.

Artigo 15. Área de Planificación e Programación.

1. A Área de Planificación e Programación exercerá as seguintes funcións:

a) A elaboración de directrices de coordinación e planificación que garantan a coherencia e funcionamento do sistema viario da comunidade autónoma e a coordinación entre os distintos medios de transporte, de xeito que se potencie a súa intermodalidade.

b) A elaboración, seguimento e control da planificación operativa en materia de estradas.

c) A elaboración dos pregos de prescricións técnicas de proxectos, plans e programas de actuacións.

d) A supervisión dos anteproxectos e proxectos en materia de estradas, plans sectoriais, estudos informativos e estudos de impacto ambiental, así como a proposta da súa aprobación técnica.

e) En xeral, a asistencia e xestión de cantos asuntos lle sexan encomendados por razón da súa competencia pola persoa titular da Dirección.

2. Para o desenvolvemento das funcións antes citadas, esta área contará cos seguintes servizos:

2.1. Servizo de Planificación e Programación.

Correspóndenlle as seguintes funcións:

a) A elaboración de informes nos procedementos de aprobación, modificación ou revisión dos instrumentos de ordenación do territorio e dos instrumentos de ordenación urbanística que afecten directamente a rede viaria de titularidade autonómica.

b) A elaboración, seguimento e control dos instrumentos previstos na normativa de ordenación do territorio, así como dos estudos informativos, de impacto ambiental e anteproxectos en materia de estradas, incluso as actuacións relativas a redes arteriais, no ámbito das súas competencias.

c) A preparación de instrucións técnicas relativas ás actuacións de planificación e programación que leve a cabo.

d) Calquera outra función que, no ámbito da súa competencia, se lle encomende.

2.2. Servizo de Proxectos.

Correspóndenlle as seguintes funcións:

a) A elaboración, seguimento e control dos proxectos en materia de estradas, en coordinación coas funcións que, nesa materia, desenvolvan as distintas unidades da axencia.

b) A preparación de instrucións técnicas relativas ás actuacións de proxectos que leve a cabo.

c) Calquera outra función que, no ámbito da súa competencia, se lle encomende.

2.3. Servizo de Supervisión de Proxectos.

Correspóndelle o exercicio das seguintes funcións:

a) A supervisión e o informe, en función das disposicións de carácter legal ou regulamentario e da normativa técnica aplicable, dos anteproxectos e proxectos en materia de estradas, plans sectoriais, estudos informativos e estudos de impacto ambiental.

b) A proposta de criterios e orientacións de carácter técnico para a súa inclusión, se é o caso, nas instrucións técnicas de estradas.

c) Calquera outra función que, no ámbito da súa competencia, se lle encomende.

Artigo 16. Área de Obras.

1. A esta área correspóndelle o exercicio das seguintes funcións:

a) A xestión, coordinación e control da construción de estradas e as súas incidencias.

b) A preparación de instrucións técnicas relativas á execución de estradas, así como o estudo e desenvolvemento de novas técnicas para a súa construción.

c) A tramitación, coa colaboración dos servizos de infraestruturas das xefaturas territoriais, dos expedientes de expropiación forzosa, logo de efectuada a declaración de utilidade pública e a urxente ocupación, e sen prexuízo das competencias atribuídas a outros órganos en canto á súa xestión económica.

d) A elaboración dos pregos de prescricións técnicas e plans, así como calquera outro instrumento preciso relativo á construción e execución de estradas.

e) A preparación de instrucións técnicas en materia de construción e execución de estradas.

f) A elaboración de orzamentos correspondentes ás actuacións da súa competencia, así como realizar o seu control e axuste.

g) O seguimento e a coordinación xeral dos procesos asociados para a construción de vías de alta capacidade realizadas baixo a modalidade de concesión de obra pública.

h) En xeral, prestar asistencia e xestionar cantos asuntos lle sexan encomendados por razón da súa competencia pola persoa titular da Dirección.

2. Para o desenvolvemento das funcións antes citadas, esta área contará cos seguintes servizos:

2.1. Servizo de Obras.

Correspóndenlle as seguintes funcións:

a) O seguimento dos expedientes dos contratos de obras en materia de estradas, agás os relativos á conservación, seguridade viaria, e os realizados baixo a modalidade de concesión de obra pública.

b) A preparación dos pregos de prescricións técnicas e o seguimento posterior á súa contratación, dos expedientes dos contratos de servizos complementarios á execución das obras, agás os relativos á conservación, seguridade viaria, e os realizados baixo a modalidade de concesión de obra pública.

c) A tramitación e seguimento dos expedientes de reposición de servizos afectados polas obras en materia de estradas.

d) A proposta e participación no estudo e desenvolvemento de novas técnicas de realización de estradas.

e) Calquera outra función que, no ámbito da súa competencia, se lle encomende.

2.2. Servizo de Xestión de Vías de Alta Capacidade.

Correspóndenlle as seguintes funcións:

a) Tramitación, xestión e control dos contratos de concesión de obra pública en coordinación coas outras áreas, nos labores que nesta materia se realicen para as vías de alta capacidade en réxime de concesión e coa xestión dos sistemas intelixentes de transporte.

b) Coordinación e control das actuacións cuxa contraprestación sexa o pagamento dunha tarifa por parte da Administración.

c) A emisión de informes nos procedementos de autorizacións a terceiros/as, preceptivos para todo tipo de obras, instalacións, edificacións, peches e calquera outra actividade que afecte a terreos comprendidos na área de influencia das vías de alta capacidade en réxime de concesión.

d) Emisión de informes relativos aos expedientes de sanción e restitución do medio físico en materia de estradas polas infraccións que tipifica a Lei 4/1994, do 14 de setembro, de estradas de Galicia relacionados coas actuacións referidas nas letras a) e b).

e) Labores de inspección de proxectos técnicos elaborados no ámbito dos contratos de concesión de obra pública.

f) Labores de inspección da construción no ámbito dos contratos de concesión de obra pública.

g) Labores de inspección de explotación no ámbito das actuacións referidas nas letras a) e b).

h) Realización de traballos de contido económico-financeiro relativos ás actuacións referidas nas letras a) e b).

i) Arquivo da información relativa ás vías explotadas en réxime de colaboración público-privada.

j) Calquera outra función que, no ámbito da súa competencia, se lle encomende.

Artigo 17. Área de Seguridade Viaria.

1. Correspóndenlle as seguintes funcións:

a) Promover, impulsar e coordinar as estratexias de seguridade viaria coas distintas administracións públicas implicadas na materia.

b) O seguimento do grao de aplicación e cumprimento dos obxectivos xerais e do desenvolvemento de cada unha das liñas estratéxicas propostas na planificación da seguridade viaria de Galicia.

c) Planificar e desenvolver campañas e medidas de concienciación en materia de seguridade viaria e prevención de accidentes de tráfico en Galicia.

d) Elaborar estudos e proxectos e fomentar a formación e a investigación en materia de seguridade viaria.

2. Para o desenvolvemento das funcións antes citadas, esta área contará cos seguintes servizos:

2.1. Servizo de Seguridade Viaria e Conservación.

Correspóndelle o exercicio das seguintes funcións:

a) A xestión, coordinación e control da construción de infraestruturas e as súas incidencias relativas á conservación e seguridade viaria de estradas.

b) A coordinación cos servizos de infraestruturas dos departamentos territoriais no relativo á conservación e seguridade viaria de estradas.

c) Calquera outra función que, no ámbito da súa competencia, se lle encomende.

2.2. Servizo de Explotación.

Correspóndelle o exercicio das seguintes funcións:

a) A redacción do plan de puntos de medición e a súa explotación.

b) A emisión de informe nos expedientes das autorizacións administrativas en materia de instalacións de servizo ou concesións de áreas de servizo.

c) O inventario, a explotación, conservación e sinalización das estradas e dos servizos complementarios na zona de dominio público.

d) A elaboración dos pregos de prescricións técnicas e plans, así como calquera outro instrumento preciso relativo á explotación de estradas.

e) A preparación de instrucións técnicas en materia de explotación de estradas.

f) A coordinación cos servizos de infraestruturas dos departamentos territoriais no relativo á explotación de estradas.

g) Coordinar e desenvolver os sistemas intelixentes de transporte que se instalen nas estradas autonómicas.

h) Calquera outra función que, no ámbito da súa competencia, se lle encomende.

Artigo 18. Área de Contratación e Administración.

1. A esta área correspóndelle:

a) A planificación, desenvolvemento e xestión da política de recursos humanos da axencia e do seu réxime interior.

b) A tramitación, o seguimento e o control dos expedientes de contratación administrativa no ámbito das súas competencias.

c) Os labores de xestión dos expedientes de expropiación forzosa.

d) A xestión da execución orzamentaria e control dos orzamentos.

e) A tramitación dos convenios de colaboración.

f) A tramitación de procedementos de transferencia de titularidade de estradas.

g) As tarefas de arquivo e rexistro.

h) A xestión do inventario e do patrimonio da axencia.

i) Calquera outra función que se lle encomende no ámbito da súa competencia.

2. Para o desenvolvemento das funcións antes citadas, esta área contará cos seguintes servizos:

2.1. Servizo de Xestión Económico-Administrativa.

Correspóndenlle as seguintes funcións:

a) A xestión da execución orzamentaria, así como a tramitación dos expedientes de modificacións orzamentarias.

b) O seguimento e a coordinación de xestión económica e orzamentaria.

c) Os pagamentos relativos aos expedientes expropiatorios.

d) A xestión dos expedientes de contratación administrativa promovidos pola axencia.

e) Calquera outra función que, no ámbito da súa competencia, se lle encomende.

2.2. Servizo de Xestión Xurídico-Administrativa.

Correspóndenlle as seguintes funcións:

a) A redacción de propostas de resolución de expedientes sancionadores por comisión de infraccións tipificadas como graves na normativa de estradas.

b) A redacción de informes e, se é o caso, das propostas de resolución dos recursos interpostos en materia de estradas, así como a instrución, tramitación e redacción de propostas de resolución dos expedientes de responsabilidade patrimonial no ámbito das competencias da axencia.

c) En xeral, prestar asistencia e xestionar cantos asuntos lle sexan encomendados por razón da súa competencia.

2.3. Servizo de Apoio Técnico, ao cal lle corresponde o exercicio das seguintes funcións:

a) A elaboración, tramitación, seguimento e execución de convenios de cooperación con entes públicos e de colaboración con particulares no marco das competencias atribuídas á Axencia Galega de Infraestruturas.

b) A elaboración de respostas en relación aos requirimentos e peticións formuladas polo/a Valedor/ a do Pobo, Defensor/a do Pobo e outros órganos e institucións no ámbito das funcións da axencia.

c) A tramitación de procedementos de transferencia de titularidade de estradas autonómicas a entidades locais, así como a transferencia de titularidade de estradas entre entes locais.

d) A xestión do capítulo II dos orzamentos da axencia.

e) A elaboración de pregos de cláusulas administrativas particulares aplicables aos contratos que celebre a axencia.

f) A emisión de informes sobre proxectos de obras.

g) A asistencia e xestión de cantos asuntos lle sexan encomendados por razón da súa competencia.

2.4. Servizo de Coordinación Administrativa, ao cal se lle asignan as seguintes funcións:

a) A redacción dos proxectos de disposicións de carácter xeral que corresponda propoñer.

b) A emisión dos informes encomendados pola persoa titular da Dirección da axencia.

c) A proposta e impulso de medidas de coordinación da actividade administrativa das distintas unidades da axencia.

d) En xeral, prestarlle asistencia e xestionar cantos asuntos lle sexan encomendados por razón da súa competencia pola persoa titular da Dirección da axencia.

Sección 4.ª Comisión de control

Artigo 19. Composición e réxime de funcionamento da Comisión de Control.

1. No seo do Consello Reitor constituirase unha comisión de control composta por tres membros designados polo dito órgano, entre aqueles que non teñan responsabilidades de xestión na axencia e con coñecementos en materia de xestión orzamentaria, que elixirán entre eles un presidente. En todo caso, formará parte da comisión a persoa representante da consellería competente en materia de facenda no Consello Reitor.

A persoa que ocupe a Secretaría da comisión será designada e nomeada polo Consello Reitor, entre o persoal que presta servizos na axencia, e asistirá ás reunións con voz pero sen voto

2. A Comisión de Control reunirase, cando menos, unha vez cada catro meses.

Artigo 20. Funcións da Comisión de Control.

Son funcións da Comisión de Control:

a) Elaborar para o Consello Reitor, coa periodicidade que este decida, e cando menos unha vez ao semestre, informes sobre o desenvolvemento e execución do contrato de xestión.

b) Analizar os resultados da xestión económico-financeira a través da información que, de forma periódica, deberán proporcionarlle os órganos xestores.

c) Solicitar información sobre os sistemas de control e procedementos internos establecidos para asegurar o debido cumprimento das disposicións legais e demais normas aplicables, así como coñecer dos informes de auditoría de contas e adicionais sobre funcionamento de control interno, e propoñer ao Consello Reitor as estratexias encamiñadas a corrixir as deficiencias observadas.

CAPÍTULO III
O contrato plurianual de xestión e o plan de acción anual

Artigo 21. O contrato plurianual de xestión. Natureza e finalidade.

1. O contrato plurianual de xestión terá por obxecto regular a actividade da axencia e as relacións recíprocas entre esta e a Administración da comunidade autónoma; todo iso no marco da lexislación xeral e específica vixente durante o seu período de aplicación.

2. O Consello Reitor aprobará a proposta do primeiro contrato plurianual de xestión no prazo de tres meses desde a súa constitución. Os posteriores contratos plurianuais de xestión presentaranse no último trimestre de vixencia do anterior.

3. O contrato de xestión aprobarase para períodos de dous anos coincidentes cos exercicios orzamentarios.

4. A aprobación do contrato de xestión ten lugar por acordo do Consello da Xunta, por proposta da consellería de adscrición e das competentes en materia de administracións públicas e de facenda, nun prazo máximo de tres meses contados desde a súa presentación. No caso de non ser aprobado neste prazo, manterá a súa vixencia o contrato de xestión anterior.

Artigo 22. Contido do contrato plurianual de xestión.

O contrato plurianual de xestión ten que conter, como mínimo, os seguintes aspectos:

a) O seu período de vixencia.

b) Os obxectivos que deba perseguir, tanto estratéxicos como específicos e os plans necesarios para acadalos, con especificación dos marcos temporais correspondentes e dos proxectos asociados a cada unha das estratexias e os seus prazos temporais.

c) Os resultados que debe obter, así como os indicadores para avaliar os resultados obtidos, establecendo o seu escenario plurianual.

d) O marco de actuación en materia de xestión de recursos humanos, que comprenderá a determinación das previsións máximas de persoal durante a vixencia do contrato, a natureza e características dos postos de traballo da axencia e o seu réxime de retribucións.

e) A determinación dos recursos persoais, materiais e orzamentarios que a Administración autonómica debe soportar para a consecución dos obxectivos, establecendo o seu escenario plurianual.

f) Os efectos asociados ao grao de cumprimento dos obxectivos establecidos no que atinxe á exixencia de responsabilidade pola xestión dos órganos executivos e do persoal directivo.

g) De ser o caso, a contía da masa salarial destinada ao complemento de produtividade ou concepto equivalente do persoal laboral, segundo o establecido na Lei da función pública e nas leis anuais de orzamentos da comunidade autónoma. Esta contía estará vinculada estritamente ao grao de cumprimento dos obxectivos fixados, co informe previo favorable das direccións xerais competentes en materia de función pública e de orzamentos, nos termos aprobados no contrato plurianual de xestión.

h) O procedemento que se seguirá para a cobertura dos déficits anuais que, de ser o caso, se puideren producir por insuficiencia dos ingresos reais respecto dos estimados e as consecuencias de responsabilidade na xestión que, de ser o caso, se deban seguir de tales déficits.

i) O procedemento para a introdución das modificacións ou adaptacións anuais que, de ser o caso, procedan

Artigo 23. O plan de acción anual, o informe de actividade e as contas anuais.

1. O Consello Reitor da axencia, por proposta da súa dirección, aprobará:

a) O plan de acción anual no marco do contrato de xestión e sobre a base dos recursos dispoñibles.

O plan de acción anual comprenderá a definición dos obxectivos que se teñen que alcanzar no exercicio, a previsión dos resultados que se deben obter e os instrumentos de seguimento, control e avaliación a que se ten que someter a actividade da axencia.

b) O informe xeral da actividade correspondente ao ano inmediatamente anterior.

c) As contas anuais acompañadas do informe de auditoría de contas.

2. Os documentos a que se refire o punto anterior son públicos, e a cidadanía terán acceso ao seu contido desde a súa aprobación.

3. No primeiro trimestre de cada ano, a persoa titular da Dirección da axencia informará a consellería de adscrición, e as competentes en materia de administracións públicas e de facenda, acerca da execución e do cumprimento dos obxectivos fixados no contrato de xestión durante o anterior exercicio.

CAPÍTULO IV
Réxime de persoal

Artigo 24. Persoal da axencia.

1. A Axencia Galega de Infraestruturas contará con persoal funcionario e/ou laboral da Xunta de Galicia e persoal legoeiro suxeito ao Decreto 3184/1973, do 30 de novembro, polo que se aprobou o Regulamento xeral de persoal de legoeiros do Estado. En todo caso, quédanlle reservadas ao persoal funcionario as funcións que impliquen a participación directa ou indirecta no exercicio de potestades públicas ou na salvagarda dos intereses xerais da Comunidade Autónoma de Galicia e das administracións públicas, así como aquelas que se determinen na normativa aplicable en materia de emprego público.

2. O persoal funcionario ao servizo da axencia rexerase polo disposto na normativa reguladora da función pública e nas súas normas de desenvolvemento.

3. Ao persoal laboral da Xunta de Galicia destinado na axencia se lle garantiránselle os dereitos e deberes que se recollen no convenio colectivo único para o persoal laboral da Xunta de Galicia, e rexerase polo texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores e pola demais normativa que resulte de aplicación ao persoal laboral ao servizo da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia.

4. O persoal da axencia quedará sometido ao réxime xeral de incompatibilidades aplicable ao persoal ao servizo da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 25. Ordenación de postos de traballo.

1. A relación de postos de traballo da axencia determinará a natureza, contido e características do desempeño e retribución de cada posto de traballo, de acordo co disposto na normativa de función pública. A dita relación será pública.

2. A aprobación e modificación da proposta de relación de postos de traballo da axencia serán acordadas polo Consello Reitor, por proposta da Dirección, logo do informe favorable dos centros directivos competentes en materia de orzamentos e de función pública. En todo caso, a aprobación da relación de postos de traballo con persoal funcionario e/ou laboral da Xunta de Galicia estará sometida na súa tramitación á normativa xeral establecida na Administración da Comunidade Autónoma de Galicia sobre modificacións ou aprobacións destes instrumentos de planificación de persoal.

Artigo 26. Selección de persoal, provisión de postos de traballo e mobilidade.

1. Os procesos de selección do persoal funcionario e/ou laboral da Xunta de Galicia destinado na axencia serán realizados polo centro directivo competente en materia de función pública e seranlles aplicables as disposicións da lexislación galega sobre emprego público.

2 A provisión de postos de traballo do persoal funcionario e/ou laboral da Xunta de Galicia correspóndelle ao centro directivo competente en materia de función pública, de conformidade cos principios xerais e procedementos de provisión establecidos na normativa de función pública.

3. A mobilidade do persoal funcionario e laboral da Xunta de Galicia destinado na axencia someterase ao réxime xeral previsto na normativa de función pública.

Artigo 27. Condicións de traballo e réxime retributivo.

1. A aprobación dos instrumentos polos que se regulen as condicións de traballo do persoal destinado na axencia e o seu réxime retributivo require informe previo e favorable dos centros directivos competentes en materia de orzamentos e de función pública e deberán ser negociadas previamente coas organizacións sindicais representativas no ámbito da función pública.

2. Os conceptos retributivos do persoal funcionario da axencia son os establecidos na normativa de función pública de Galicia, e as súas contías serán as que figuren nas correspondentes relacións de postos de traballo, no marco do contrato de xestión e respectando, en todo caso, os límites cuantitativos establecidos nas leis anuais de orzamentos xerais da comunidade autónoma.

3. As condicións retributivas do persoal laboral da Xunta de Galicia destinado na axencia son as establecidas no convenio colectivo do persoal da Xunta de Galicia e as súas contías fixaranse de acordo co establecido no punto anterior.

4. A contía da masa salarial destinada ao complemento de produtividade ou concepto equivalente do persoal laboral estará, en todo caso, vinculado ao grao de cumprimento dos obxectivos fixados no contrato de xestión.

5. De acordo cos sistemas de representación e participación do persoal, establecerase un sistema de avaliación que sirva de instrumento obxectivo para a valoración do desempeño dos postos de traballo e a asignación da produtividade, de ser o caso. O sistema de avaliación valorará rendementos colectivos das unidades e realizará unha valoración individual de cada posto de traballo.

Artigo 28. Persoal directivo.

1. Constitúen postos que ocupará por persoal directivo aqueles que, de ser o caso, veñan definidos como tales na relación de postos de traballo da axencia, en atención á especial responsabilidade, competencia técnica e relevancia das tarefas asignadas.

2. O persoal directivo da Axencia Galega de Infraestruturas é nomeado e separado polo Consello Reitor, por proposta motivada da Dirección. A súa designación atenderá a principios de mérito e capacidade e a criterios de idoneidade, e levarase a cabo mediante procedementos que garantan a publicidade e a concorrencia.

3. Cando o persoal directivo da axencia teña a condición de funcionario/a, permanecerá na situación administrativa que lle corresponda segundo a normativa de función pública.

Cando o persoal directivo reúna a condición de persoal laboral estará sometido á relación laboral de carácter especial de alta dirección. Neste caso, a fixación das súas retribucións deberá contar cun informe previo favorable dos centros directivos competentes en materia de orzamentos e de función pública.

CAPÍTULO V
Réxime patrimonial e contratación

Artigo 29. Patrimonio.

1. A Axencia Galega de Infraestruturas terá, para o cumprimento dos seus fins, un patrimonio propio, distinto do da Xunta de Galicia, integrado polo conxunto de bens e dereitos dos cales sexa titular.

2. Así mesmo, quedarán adscritos á axencia para o cumprimento dos seus fins os bens do Patrimonio da comunidade autónoma de calquera titularidade que así se acorde, de conformidade co disposto na normativa reguladora do patrimonio da Comunidade Autónoma de Galicia .

Artigo 30. Bens e dereitos propios.

A axencia poderá adquirir toda clase de bens e dereitos por calquera dos modos admitidos no ordenamento xurídico, entendéndose implícita a afectación aos fins da axencia dos bens mobles ao aprobarse a súa adquisición.

A adquisición de bens inmobles ou de dereitos sobre eles requirirá o informe previo favorable da consellería con competencias en materia de patrimonio.

Artigo 31. Bens adscritos.

A adscrición e desadscrición de bens por parte da Administración da comunidade autónoma rexerase pola lexislación de patrimonio da Comunidade Autónoma de Galicia. Aqueles conservarán a súa cualificación e titularidade xurídica orixinaria e correspóndelle á axencia o exercicio das facultades de administración, xestión e conservación, e calquera outra legalmente establecida.

Artigo 32. Contratación.

A contratación da Axencia Galega de Infraestruturas réxese pola normativa básica vixente en materia de contratos do sector público e polas normas de desenvolvemento aprobadas pola Comunidade Autónoma de Galicia.

CAPÍTULO VI
Réxime económico-financeiro e orzamentario

Artigo 33. Recursos económicos.

1. Os recursos económicos da Axencia Galega de Infraestruturas son:

a) As transferencias consignadas nos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia.

b) Os ingresos propios que perciba como contraprestación polas actividades que poida realizar en virtude de contratos, convenios ou disposicións legais para outras entidades públicas ou privadas ou persoas físicas.

c) O produto do alleamento dos bens e valores que constitúan o seu patrimonio, de acordo co establecido na lexislación de patrimonio da comunidade autónoma.

d) O rendemento procedente dos seus bens e valores.

e) As achegas voluntarias, doazóns, herdanzas e legados e demais achegas a título gratuíto de entidades privadas e particulares.

f) Os ingresos recibidos de persoas físicas e xurídicas como consecuencia de patrocinio de actividades ou instalacións.

g) Os demais ingresos de dereito público ou privado que estea autorizada a percibir.

h) Calquera outro recurso que lle poida ser atribuído conforme o ordenamento xurídico vixente.

2. Os recursos que deriven das letras b), e) e f) do número anterior e non previstos inicialmente no orzamento da axencia poderán destinarse a financiar maiores gastos por acordo da súa dirección.

3. A axencia poderá realizar a contratación de pólizas de crédito ou préstamo, cando iso sexa necesario para atender desfases temporais de tesouraría, entendendo como tales as situacións de falta de liquidez que poidan producirse de forma ocasional.

A lei de orzamentos xerais da comunidade autónoma de cada exercicio autorizará o límite máximo do endebedamento a curto prazo.

Artigo 34. Participación en sociedades mercantís e fundacións.

Para o mellor cumprimento dos seus fins e cun obxecto acorde cos seus obxectivos, a axencia, de acordo co que se estableza no contrato de xestión, poderá formular proposta de creación de sociedades mercantís autonómicas ou fundacións do sector público autonómico ou participar nelas. Será requisito imprescindible a pertinente aprobación da proposta polo Consello Reitor e o cumprimento dos trámites previstos nos artigos 104 e seguintes da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia.

Artigo 35. Orzamento

1. O Consello Reitor elaborará o anteproxecto de orzamento da axencia, conforme o disposto no contrato de xestión e coa estrutura e documentación establecida pola consellería competente en materia de facenda. Unha vez aprobado polo propio Consello Reitor, o anteproxecto será remitido á consellería competente en materia de infraestruturas, que, logo do seu exame, achegarallo, xunto co orzamento da propia consellería, á competente en materia de facenda, para a súa integración no anteproxecto de lei de orzamentos da de Galicia.

O orzamento deberá estar equilibrado e terá carácter limitativo polo seu importe global e carácter estimativo para a distribución dos créditos en categorías económicas, agás os correspondentes a gastos de persoal e capital que, en todo caso, teñen carácter limitativo e vinculante pola súa contía total.

2. Correspóndelle á persoa titular da consellería competente en materia de facenda, por proposta da Dirección, a autorización das variacións da contía global do orzamento así como as que afecten gastos de persoal e de capital. A autorización das restantes variacións por riba do inicialmente orzado, mesmo na contía global, cando sexan financiadas con recursos derivados das letras b), e) e f) do artigo 33, por riba dos inicialmente orzados e sempre que existan garantías suficientes da súa efectividade e do correspondente equilibrio orzamentario, correspóndelle ao Consello Reitor, que debe dar conta posteriormente á consellería competente en materia de facenda.

3. Non se poderán adquirir compromisos de gastos que se estendan máis de catro exercicios, e o gasto que se lle impute a cada un deles non poderá exceder a cantidade que resulte de aplicarlle ao importe total de cada programa, excluídos o capítulo de persoal e os restantes créditos que teñan carácter vinculante, as seguintes porcentaxes: o 70% no exercicio inmediato seguinte, o 60% no segundo, e o 50% nos exercicios terceiro e cuarto.

Porén, en casos especialmente xustificados, o Consello da Xunta, por proposta da consellería competente en materia de facenda, poderá modificar as porcentaxes e os importes anteriores, así como modificar o número de anualidades.

4. A Dirección da axencia poderá acordar incorporar o remanente de tesouraría non afectado ao orzamento do exercicio seguinte, logo do informe vinculante da dirección xeral competente en materia de orzamentos. Do devandito acordo daráselle conta á comisión de control.

5. Os déficits derivados do incumprimento das estimacións de ingresos anuais compensaranse na forma prevista no contrato de xestión.

Artigo 36. Contabilidade.

O réxime de contabilidade será o establecido na lexislación de réxime financeiro e orzamentario de Galicia.

A axencia deberá aplicar os principios contables que lle correspondan, para o que contará cun sistema de información económico-financeiro e orzamentario que teña por obxecto mostrar, a través de estados e informes, a imaxe do patrimonio, da situación financeira, dos resultados e da execución do orzamento e proporcione información dos custos sobre a súa actividade que sexa suficiente para unha correcta e eficiente adopción de decisións.

Así mesmo, a axencia contará cun sistema de contabilidade de xestión que permita seguir o cumprimento dos compromisos asumidos no contrato de xestión.

Artigo 37. Control da xestión económico-financeira.

1. O control externo da xestión económico-financeira da axencia correspóndelle ao Consello de Contas de Galicia, de acordo coa súa normativa específica.

2. O control interno da actividade económico-financeira da axencia correspóndelle á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma e realizarase de acordo co disposto na lexislación de réxime financeiro e orzamentario de Galicia.

3. Sen prexuízo do control establecido no número anterior, a axencia estará sometida a un control de eficacia que será exercido, a través do seguimento do contrato de xestión, pola consellería competente en materia de infraestruturas. O dito control ten por finalidade comprobar o grao de cumprimento dos obxectivos e a adecuada utilización dos recursos asignados.

CAPÍTULO VII
Réxime de funcionamento

Artigo 38. Disposicións e actos administrativos.

1. A axencia ditará as normas internas necesarias para o cumprimento do seu obxecto e para o seu funcionamento, que poderán adoptar a forma de:

a) Resolucións, instrucións e circulares da Presidencia da axencia.

b) Acordos do Consello Reitor.

c) Resolucións da Dirección.

2. Os actos e resolucións ditados polos órganos de goberno da axencia poñen fin á vía administrativa, e son susceptibles de impugnación na vía contencioso-administrativa, sen prexuízo do recurso potestativo de reposición.

Os actos administrativos da Dirección da axencia poderán ser impugnados en alzada perante a Presidencia, agás se foron ditados por delegación desta.

3. A competencia para resolver os procedementos de revisión de oficio dos actos administrativos nulos, declarar a lesividade dos anulables e revogar os de gravame ou desfavorables correspóndelle á persoa titular da consellería competente en materia de infraestruturas.

4. Así mesmo, atribúeselle á persoa titular da consellería competente en materia de infraestruturas a resolución das reclamacións previas en asuntos civís e laborais e das reclamacións de responsabilidade patrimonial.

Artigo 39. Asistencia xurídica.

O asesoramento xurídico da axencia corresponderá á súa asesoría xurídica que, integrada por funcionarios da escala de letrados da Xunta de Galicia, se rexerá polo disposto no Decreto 343/2003, do 11 de xullo, que aproba o Regulamento orgánico da Asesoría Xurídica da Xunta de Galicia.

Para a representación e defensa en xuízo, a axencia poderá acordar a sinatura dun convenio coa Asesoría Xurídica da Xunta de Galicia, nos termos previstos no citado regulamento orgánico.