Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 173 Venres, 9 de setembro de 2011 Páx. 26686

III. Outras disposicións

Consellería de Educación e Ordenación Universitaria

ORDE do 7 de setembro de 2011 pola que se deixa sen efecto a Orde do 4 de marzo de 2011, da Secretaría Xeral de Política Lingüística, pola que se establecen as bases para a concesión de subvencións ás entidades locais de Galicia para a promoción do uso da lingua galega, e se procede á súa convocatoria (ED115A).

O 11 de marzo de 2011 foi publicada no Diario Oficial de Galicia, número 49, a Orde do 4 de marzo de 2011, da Secretaría Xeral de Política Lingüística, pola que se establecen as bases para a concesión de subvencións ás entidades locais de Galicia para a promoción do uso da lingua galega, e se procede á súa convocatoria para o ano 2011.

A política orzamentaria, que implica o necesario equilibrio entre ingresos e gastos, exixe nestes momentos efectuar un axuste nos créditos inicialmente asignados aos diferentes centros de gasto que conforman os orzamentos da Comunidade Autónoma de Galicia, ante os posibles incumprimentos, por parte do Estado, dos compromisos de achegas de anticipo do fondo de cooperación previsto para 2011 no sistema de financiamento e nos ingresos da comunidade.

Por outra parte, o artigo 57 do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, establece que non poderán adquirirse compromisos de gastos por contía superior ao importe dos créditos que figuren nos estados de gastos.

Ao abeiro do sinalado nos parágrafos anteriores, cómpre deixar sen efecto esta convocatoria de axudas, co obxectivo de cumprir a normativa en materia de estabilidade orzamentaria e déficit público.

Así pois, de acordo co exposto e co establecido na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o seu regulamento, así como nos preceptos básicos da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, e no Real decreto 887/2006, do 21 de xullo, polo que se aproba o Regulamento xeral de subvencións, e en virtude das atribucións que me foron conferidas,

DISPOÑO:

Artigo único.

Déixase sen efecto a Orde do 4 de marzo de 2011 pola que se establecen as bases para a concesión de subvencións ás entidades locais de Galicia para a promoción do uso da lingua galega, e se procede á súa convocatoria.

Contra esta resolución, que esgota a vía administrativa, os interesados poderán interpoñer recurso potestativo de reposición perante a persoa titular da Secretaría Xeral de Política Lingüística, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, segundo o disposto nos artigos 116 e 117 modificados pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, de modificación da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, que resolverá por delegación do conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, de acordo co establecido na disposición adicional da Orde do 22 de abril de 2010, de delegación de competencias nos órganos superiores e periféricos da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria (DOG n.º 78, do 27 de abril), ou ben interpoñer directamente o recurso contencioso-administrativo, no prazo de dous meses, perante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.

Disposición derradeira.

Esta orde entrará en vigor o día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 7 de setembro de 2011.

Jesús Vázquez Abad
Conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria