Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 183 Venres, 23 de setembro de 2011 Páx. 28073

I. Disposicións xerais

Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

ORDE do 15 de setembro de 2011 pola que se aproba a posta en funcionamento da sede electrónica da Xunta de Galicia.

A aprobación do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes, supón un cambio organizativo substancial, xa que ordena o proceso de desenvolvemento dos servizos electrónicos e desenvolve, no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, o dereito da cidadanía a relacionarse coa Administración pública galega por medios electrónicos.

Dentro deste réxime, o capítulo II do Decreto 198/2010, que regula a sede e o rexistro electrónicos, crea a sede electrónica da Xunta de Galicia, instrumento que converte en realidade a posibilidade da cidadanía de relacionarse coa Administración xeral de Galicia coas garantías e dereitos exixidos pola Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso electrónico dos cidadáns aos servizos públicos.

A sede electrónica da Xunta de Galicia configúrase como o enderezo electrónico que asegura a calidade da información, a coherencia na navegación, a procura integrada e a accesibilidade. Igualmente, a sede electrónica debe asegurar a identificación e comunicación seguras, o acceso ao Rexistro Electrónico, ás comunicacións, ás notificacións e aos formularios de solicitude para iniciar os procedementos administrativos ou solicitar a prestación de servizos.

Nesta liña, o Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes, ademais de regular esta figura nos seus artigos 8 a 10, determina especificamente na súa disposición transitoria primeira que, no prazo máximo dun ano desde a entrada en vigor do devandito decreto, a persoa titular da consellería con competencias en materia de administracións públicas ditará a orde pola cal se establecerá a súa posta en funcionamento.

De acordo co exposto, esta consellería

DISPÓN:

Artigo 1. Ámbito de aplicación da sede electrónica da Xunta de Galicia.

1. O ámbito de aplicación da sede electrónica da Xunta de Galicia comprende a totalidade dos órganos da Administración xeral de Galicia e as entidades instrumentais do sector público autonómico.

2. O desenvolvemento normativo previsto no Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes, por medio do protocolo de creación de sedes electrónicas, poderá determinar a creación doutras sedes electrónicas conforme o establecido no artigo 10 do devandito decreto.

Artigo 2. Enderezo electrónico da sede.

O enderezo de referencia da sede electrónica da Xunta de Galicia é https://sede.xunta.es. Así mesmo, o acceso á sede tamén estará dispoñible mediante unha ligazón no portal web institucional da Xunta de Galicia (www.xunta.es).

Artigo 3. Posta en funcionamento da sede electrónica.

A sede electrónica da Xunta de Galicia comezará a operar o mesmo día da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

Disposición derradeira única.

Esta orde entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 15 de setembro de 2011.

Alfonso Rueda Valenzuela
Conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza