Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 186 Mércores, 28 de setembro de 2011 Páx. 28516

III. Outras disposicións

Axencia para a Calidade do Sistema Universitario de Galicia

RESOLUCIÓN do 19 de setembro de 2011 pola que se aproba a convocatoria ordinaria para a obtención da avaliación previa á contratación de profesorado polas universidades do Sistema Universitario de Galicia e se abre o prazo para a presentación de solicitudes.

A Axencia para a Calidade do Sistema Universitario de Galicia (ACSUG) ten atribuída, a través da disposición adicional vixésimo sétima da Lei 3/2002, do 29 de abril, de medidas de réxime fiscal e administrativo, dentro do ámbito da comunidade autónoma, a competencia para realizar as avaliacións das actividades docentes, investigadoras e de xestión do profesorado para poder ser contratado en determinadas figuras polas universidades do Sistema Universitario de Galicia (SUG), de conformidade co establecido na Lei orgánica 6/2001, do 21 de decembro, de universidades, na redacción dada pola Lei orgánica 4/2007, do 12 de abril, e co Decreto 266/2002, do 6 de setembro, de contratación de profesorado universitario.

Por outra banda, os estatutos da ACSUG, publicados mediante a Resolución do 10 de decembro de 2008, da Dirección Xeral de Ordenación e Calidade do Sistema Universitario de Galicia, e o Decreto 326/2009, do 11 de xuño, polo que se modifica o 270/2003, do 22 de maio, regulador da ACSUG, configuraron a Comisión Galega de Informes, Avaliación, Certificación e Acreditación (CGIACA) como o órgano superior en materia de avaliación, competente para a elaboración dos protocolos e procedementos específicos de avaliación e informe.

Posteriormente, a Orde da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria do 17 de setembro de 2009 unificou a normativa existente relativa aos distintos procesos de avaliación e informe atribuídos a ACSUG, previos á contratación, progresión e consolidación do profesorado universitario. Así mesmo, esta orde regula os supostos de validación automática e establece o procedemento común que se seguirá nos distintos procesos de avaliación e informe.

Finalmente a CGIACA, en virtude das competencias que ten atribuídas, aprobou mediante Acordo do 9 de novembro de 2010, o protocolo de avaliación e informe para a contratación de profesorado polas universidades integrantes do Sistema Universitario de Galicia (SUG), que substitúe o anterior protocolo aprobado mediante Acordo do 10 de novembro de 2009.

De conformidade co exposto, a presidenta do Consello de Dirección da ACSUG, en virtude das competencias que ten delegadas por Resolución do 21 do setembro de 2006 (DOG do 3 de outubro),

RESOLVE:

Primeira. Obxecto.

Apróbase a convocatoria para a presentación de solicitudes por parte dos interesados que dexexen obter a avaliación exixida para poder ser contratados como persoal docente e investigador por algunha das universidades integrantes do Sistema Universitario de Galicia (SUG), como profesorado contratado doutor, de universidade privada e axudante doutor, de conformidade co disposto na Lei orgánica 6/2001, do 21 de decembro, de universidades, na redacción dada pola Lei orgánica 4/2007, do 12 de abril, e que debe emitir a Axencia para a Calidade do Sistema Universitario de Galicia (ACSUG).

Segunda. Destinatarios.

Poderán presentar a súa solicitude todas aquelas persoas que dexexen obter a avaliación a que se fai referencia na base anterior, que posúan o título de doutor e non se atopen en ningún dos supostos regulados no artigo 4 da Orde da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria do 17 de setembro de 2009, pola que se regula a avaliación e informe da ACSUG previos á contratación de profesorado contratado doutor, axudante doutor, de universidade privada e colaborador.

Cando algún solicitante estea nalgún dos supostos regulados no artigo citado, a ACSUG arquivará a solicitude comunicándolle ao interesado a cualificación automática correspondente.

Terceira. Solicitudes.

As solicitudes de avaliación, de conformidade co disposto no artigo 9 da citada Orde do 17 de setembro de 2009, dirixiranse á presidenta da ACSUG e, sen prexuízo do establecido na base seguinte, presentaranse no modelo normalizado de instancia que se publica para o efecto como anexo a esta resolución.

As solicitudes poderán presentarse en calquera dos rexistros relacionados no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, e deberán indicar para cal ou cales das modalidades contractuais solicitan a avaliación. No caso de que se solicite máis dunha figura contractual, farase na mesma instancia.

Cuarta. Requisitos de presentación da solicitude e alegación dos méritos.

1. A instancia e o curriculum vitae deberanse cubrir necesariamente en formato dixital, nos modelos dispoñibles na aplicación informática, á cal se poderá acceder a través da páxina web: www.acsug.es

Unha vez cubertos dixitalmente estes documentos será necesario imprimir a instancia (anexo) que, unha vez asinada debidamente, deberá presentarse ante a ACSUG da maneira que se indica na base anterior, xunto cunha copia do documento acreditativo da personalidade do solicitante (DNI ou equivalente) e unha copia do xustificante do título de doutor.

Achegarase unha única copia desta documentación, con independencia do número de figuras contractuais para as cales se solicite a avaliación.

2. Só se valorarán os méritos que aparezan alegados no curriculum vitae dixital. No caso de que un mérito sexa susceptible de ser alegado en distintas epígrafes do currículo, o interesado elixirá o lugar onde dexexa que aquel sexa valorado.

Quinta. Xustificación dos méritos curriculares.

1. A documentación xustificativa dos méritos curriculares deberase presentar en soporte dixital (DVD, CD-ROM, lapis dixital). A orde de presentación desta deberá coincidir coas epígrafes do curriculum vitae.

Achegaranse dúas copias desta documentación dixitalizada, con independencia do número de figuras contractuais para as cales se solicite a avaliación.

2. A ACSUG poderá solicitar ao interesado os orixinais ou copias compulsadas desta documentación en calquera momento previo á resolución das solicitudes. Tendo en conta que o solicitante asina unha declaración respecto da veracidade dos datos que fai constar na instancia e no curriculum vitae, así como de toda a documentación xustificativa que xunta á solicitude, os interesados asumirán as responsabilidades que poidan derivar das inexactitudes que consten nestes documentos.

3. Os xustificantes achegados deberán acreditar adecuadamente a realización dos méritos curriculares alegados. Sen prexuízo do anterior os méritos que se relacionan a continuación soamente serán tidos en conta cando se xustifiquen do xeito que expresamente se indica:

– A docencia universitaria regrada xustificarase cun certificado da secretaría xeral ou da correspondente vicerreitoría da universidade en que se prestase aquela, no cal deberán constar as materias e o número de horas impartidas.

– O expediente académico xustificarase a través dun certificado expedido pola autoridade competente en que figurará a nota media calculada segundo o sistema establecido no Real decreto 1497/1987, modificado polo Real decreto 1267/1994 e polo Real decreto 1044/2003, polo que se establece o sistema europeo de créditos e o sistema de cualificación nas titulacións universitarias de carácter oficial e validez en todo o territorio nacional.

– Os cursos e masters recibidos xustificaranse co correspondente certificado en que conste o número de horas destes.

– As bolsas e as axudas acreditaranse a través da credencial emitida polo seu organismo pagador.

– Os proxectos e contratos de investigación competitivos e non competitivos xustificaranse coa documentación en que conste a súa concesión por parte do organismo pagador, as características, o posto ocupado como membro do proxecto e o seu carácter internacional, nacional, autonómico, interuniversitario ou interdepartamental.

– A actividade profesional desenvolvida xustificarase prioritariamente coa presentación da copia dos correspondentes contratos de traballo e o certificado de vida laboral da Seguridade Social.

– Para acreditar libros, artigos e demais publicacións será suficiente con entregar unha copia da primeira e última folla, índice e folla onde figure o ISBN, ISSN, depósito legal, etc.

– No caso de publicacións telemáticas, se son de acceso libre, sinalarase o modo de acceso. En caso contrario xuntarase a copia da primeira e última folla do artigo, índice e folla onde figure o ISSN.

– No caso de traballos aceptados e pendentes de publicación xustificaranse coa aceptación da editorial ou organismo responsable da publicación.

4. Unha vez rematado o prazo para a presentación de solicitudes non se admitirá ningunha documentación xustificativa dos méritos curriculares. As correspondentes avaliacións faranse de acordo cos xustificantes dos méritos que presentasen os interesado ata ese momento.

5. Sen prexuízo do disposto no parágrafo anterior, a ACSUG poderá requirir dos solicitantes as aclaracións e concrecións que considere oportunas en relación cos méritos alegados nos seus curriculos.

Sexta. Admisión a trámite, emenda e mellora da solicitude.

1. De conformidade co establecido no artigo 71 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, a ACSUG comprobará que as solicitudes cumpran cos requisitos exixidos no punto primeiro do artigo 70 da citada lei e demais normativa específica de aplicación, necesarios para admitir a trámite as solicitudes.

2. Co modelo normalizado de instancia (anexo) será imprescindible presentar a seguinte documentación en papel:

– Copia do documento acreditativo da personalidade do solicitante (DNI ou equivalente).

– Copia do xustificante do título de doutor.

3. Cando as solicitudes non cumpran con estes requisitos ou non se presenten os documentos exixidos no punto anterior, requirirase o interesado para que proceda á súa emenda de conformidade co disposto no citado artigo 71 da Lei 30/1992. De non facelo, considerarase desistido da súa petición e arquivarase o expediente nos termos previstos neste artigo.

Sétima. Prazo.

O prazo para a presentación das solicitudes será de 40 días naturais contados desde o día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.

Oitava. Procedemento de avaliación.

De conformidade co establecido na alínea b) do artigo 10 da Orde da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria do 17 de setembro de 2009, as avaliacións realizaranse de conformidade co establecido para o efecto no protocolo de avaliación e informe para a contratación de profesorado polas universidades integrantes do Sistema Universitario de Galicia aprobado por acordo da Comisión Galega de Informes, Avaliación, Certificación e Acreditación (CGIACA) o 9 de novembro de 2010, publicado na páxina web: www.acsug.es

Novena. Acordos de avaliación.

De conformidade co establecido na alínea a) do artigo 10 da Orde da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria do 17 de setembro de 2009 e co establecido no artigo 22 dos estatutos da ACSUG, corresponde á CGIACA a competencia para a emisión das avaliacións a que se fai referencia na base primeira.

Os acordos serán motivados e notificaranse aos solicitantes nos seis meses seguintes ao peche do prazo de presentación de solicitudes.

Décima. Recurso.

Os acordos adoptados pola CGIACA esgotan a vía administrativa polo que, de conformidade co disposto no artigo 116 da Lei 30/1992, se poderá recorrer contra eles en reposición ante o mesmo órgano que os ditou ou ser impugnados directamente ante a xurisdición contencioso-administrativa, de conformidade co disposto na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Quen dexexe interpoñer un recurso de reposición poderao facer desde a mesma plataforma informática na que cubriu a súa solicitude. Este recurso, unha vez cuberto telematicamente, deberá imprimirse, asinarse debidamente e presentarse en calquera dos rexistros indicados no artigo 38.4 da Lei 30/1992.

Décimo primeira. Protección de datos de carácter persoal.

Nesta convocatoria cúmprese co indicado na Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal (BOE n.º 298, do 14 de decembro), poñendo en coñecemento dos interesados o dereito de acceso, rectificación, cancelación e oposición ao tratamento dos seus datos persoais, que poderán exercer mediante escrito dirixido a Axencia para a Calidade do Sistema Universitario de Galicia, Lamas de Abade, s/n, CIFP Compostela 5.º andar, 15702 Santiago de Compostela (A Coruña).

Décimo segunda. Entrada en vigor.

Esta resolución producirá efectos a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 19 de setembro de 2011.

María Patrocinio Morrondo Pelayo
Presidenta da Axencia para a Calidade do Sistema Universitario de Galicia

ANEXO

Solicitude de avaliación previa á contratación de profesorado da Axencia
para a Calidade do Sistema Universitario de Galicia

1. DATOS DO SOLICITANTE.

1.º apelido:

2.º apelido:

Nome:

DNI ou equivalente:

Data nacemento:

Sexo:

2. ENDEREZO DO SOLICITANTE PARA EFECTOS DE NOTIFICACIÓN.

Enderezo:

Código postal:

Cidade:

Provincia:

Teléfono:

Fax:

Correo electrónico:

3. FINALIDADE DA AVALIACIÓN. Marcar cun X a figura para a que se solicita a avaliación.

� Profesor contratado doutor

� Profesor axudante doutor

� Profesor de universidade privada

4. ÁREA DE COÑECEMENTO. Sinalar ata un máximo de tres, por orde de preferencia. Esta información terá efectos para a adscrición da solicitude aos campos da avaliación por parte da ACSUG. A ACSUG non emitirá avaliacións vinculadas a unha área de coñecemento específica.

1.

Código:

2.

Código:

3.

Código:

Santiago de Compostela, de de 20...

Sinatura do solicitante

Presidenta da Axencia para a Calidade do Sistema Universitario de Galicia

De acordo coa Lei orgánica de protección de datos, infórmaselle de que os seus datos persoais van ser incorporados a un ficheiro automatizado, coa finalidade de realizar as avaliacións previas á contratación de profesorado segundo as bases desta convocatoria. Ponse no seu coñecemento o dereito de acceso, rectificación, cancelación e oposición ao tratamento dos seus datos persoais mediante escrito dirixido á Axencia para a Calidade do Sistema Universitario de Galicia, Lamas de Abade, s/n, CIFP Compostela 5.º andar, 15702 Santiago de Compostela (A Coruña).

� Marque cun X este cadro se dexexa colaborar coa ACSUG en análises estatísticas e de medición da satisfacción.

Declaración de veracidade

Nome e apelidos:

DNI ou equivalente:

O que asina abaixo declara que son certos os datos que fai constar na instancia e no curriculum vitae, así como toda a documentación xustificativa que se xunta a esta solicitude de avaliación previa á contratación de profesorado; en caso contrario asumirá as responsabilidades que poidan derivarse das inexactitudes que consten nestes documentos.

Santiago de Compostela, ..... de............... de 20...

Sinatura: