Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 187 Xoves, 29 de setembro de 2011 Páx. 28613

III. Outras disposicións

Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

RESOLUCIÓN do 15 de setembro de 2011 pola que se convoca o Programa Xogade (Xogos Galegos Deportivos) en idade escolar, curso 2011/2012.

Conforme o seu Estatuto de autonomía, artigo 27.22.º, a Comunidade Autónoma galega posúe no seu ámbito territorial a competencia exclusiva para a promoción deportiva e a apropiada utilización do ocio, competencia, en cuxo desenvolvemento se publicou a Lei 11/1997, do 22 de agosto, xeral do deporte de Galicia.

Pola súa banda, o referido texto legal establece, entre outras competencias da Administración autonómica, a promoción da práctica da actividade deportiva na idade escolar (artigo 5.1.º e a autorización das actividades deportivas e a celebración de competicións galegas (artigo 11.1.º letra a). Paralelamente, o artigo 46.4.º establece a colaboración entre os distintos órganos da comunidade e a Administración local para facilitar a realización efectiva do deporte á poboación, en especial á de idade escolar, coordinando para tal efecto a actuación dos órganos con competencias en deporte, educación, sanidade e obras públicas.

De feito, o exercicio das devanditas tarefas de coordinación e colaboración corresponde á Secretaría Xeral para o Deporte da Xunta de Galicia.

Polo exposto, e en uso das facultades que teño atribuídas pola lexislación vixente de aplicación,

RESOLVO:

Primeiro. Convocar o Programa Xogade (Xogos Galegos Deportivos) en idade escolar para o curso 2011/2012 (anexo).

Segundo. Ordenar a publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia e na páxina web da Secretaría Xeral para o Deporte (www.deportegalego.org).

Santiago de Compostela, 15 de setembro de 2011.

Por desconcentración (Decreto 325/2009)
José Ramón Lete Lasa
Secretario xeral para o Deporte

ANEXO
Programa Xogade (Xogos Galegos Deportivos), en idade escolar, curso 2011/2012

1. Xeneralidades.

1.1. As actividades do programa son:

– Actividade deportiva.

– Actividade lúdica.

– Coñece o meu club.

– Educación, deporte e valores.

– Xogos populares.

1.2. A canle de comunicación oficial é a aplicación informática www.deporteescolargalego.com, que se encontra na páxina web: www.deportegalego.es, a través da que se efectuará a inscrición ou solicitude.

1.3. Se é o caso, as entidades destinatarias, a súa documentación, premios, así como as datas límite para a inscrición, están especificados nas distintas actividades deste programa a través da páxina web oficial.

2. Actividades deportivas.

2.1. A organización recaerá basicamente na Secretaría Xeral para o Deporte, a través dos servizos provinciais e das agrupacións deportivas de zona, coa colaboración das federacións deportivas.

2.2. Todos os participantes (deportistas, adestradores ou delegados) serán dados de alta nun seguro deportivo de accidentes, que cubrirá a asistencia nos centros concertados ao longo da competición, nos adestramentos e desprazamentos ás distintas competicións que están dentro das categorías do Programa Xogade.

2.3. Con carácter xeral establécense as seguintes categorías para a actividade deportiva: benxamín: nados 2003-2002; alevín: nados 2001-2000; infantil: nados 1999-1998 e cadete: nados 1997-1996. Nas categorías e fases poderán existir modificacións dependendo da regulamentación específica de cada unha das modalidades deportivas, polo que será necesaria a súa consulta na páxina web oficial.

2.4. As modalidades e actividades deportivas convocadas son: atletismo pista; campo a través; xogando co atletismo; bádminton, baloncesto, balonmán, fútbol sala, tenis de mesa, voleibol, xadrez; biatlón e duatlón; béisbol e sófbol; judo; loita olímpica; natación; natación sincronizada; orientación; patinaxe artística e taekwondo.

2.5. O desenvolvemento das actividades deportivas será, en xeral, en tres fases: zonal (previas), provincial e autonómica. A Secretaría Xeral para o Deporte adaptaraas segundo as categorías e o número de participantes.

2.6. Os regulamentos de xogo, sancións, recursos etc. serán os que figuran nas bases xerais e normas técnicas de cada deporte, salvando o expresado no seguinte punto. Así mesmo, todos os aspectos non recollidos nestas normas se regularán pola normativa das respectivas federacións galegas e os comités provinciais organizadores.

2.7. O réxime disciplinario e o seu procedemento quedará adaptado baixo as seguintes premisas:

a) As infraccións das normas xerais de conduta deportiva, así como as cometidas con ocasión ou como consecuencia dos encontros e competicións deportivas, denunciaranse ante o comité da delegación da federación galega respectiva, dentro dos tres días seguintes ao de finalización do encontro.

b) As resolucións ditadas en primeira instancia polo comité de competición poderán ser recorridas, no prazo máximo de dez días, ante o comité de apelación da federación respectiva.

c) Contra as resolucións dos comités de apelación, que esgotan a vía federativa, caberá interpoñer recurso, no prazo máximo de 15 días, ante o Comité Galego de Xustiza Deportiva.

d) Para presentar denuncia e posteriores recursos non será necesario facer ningún depósito económico.

e) Aquelas entidades que acheguen documentación que se demostre falseada serán sancionadas na medida que se determine desde a Secretaría Xeral para o Deporte.

3. Actividades lúdicas.

3.1. Son actividades destinadas aos centros para levar a cabo o achegamento dos escolares a diferentes disciplinas deportivas empregando o xogo, dentro do propio centro escolar. As actividades realizaranse en horario lectivo durante unha ou dúas mañás e levaranas a cabo técnicos da federación correspondente, cos materiais necesarios.

3.2. As modalidades e actividades deportivas convocadas son: rugby na escola; bádminton na escola; baile deportivo; béisbol e sófbol; judo na escola; loita olímpica na escola; orientación na escola; taekwondo na escola; triatlón na escola; voleibol na escola, xadrez na escola, esgrima na escola e colombofilia na escola.

3.3. Os centros escolares que soliciten esta actividade serán atendidos sobre a base dos seguintes criterios de validación:

– Orde de inscrición.

– Situación xeográfica.

– Repartición equitativa.

– Actividades validadas en anos anteriores

4. Coñece o meu club.

4.1. Os clubs deportivos que estean inscritos no Rexistro de Clubs da Secretaría Xeral para o Deporte poderán solicitar esta actividade para facilitar aos diferentes centros educativos da súa localidade que se poñan en contacto con eles, co obxecto de poder desenvolver a actividade «Coñece o meu club».

4.2. A actividade consiste na visita dos técnicos do club aos centros escolares para facer unha presentación do seu deporte, explicar o funcionamento do club (localización, horarios de adestramento, competicións...), co obxectivo de facilitar aos escolares o coñecemento dos recursos deportivos dispoñibles na súa localidade.

4.3. O centro escolar deberá emitir un certificado por duplicado ao club que realice a actividade, unha vez finalizada esta, onde se indiquen os datos indispensables publicados na páxina web oficial. O club terá a responsabilidade de asegurarse que un dos certificados sexa remitido á Secretaría Xeral para o Deporte (servizos provinciais), para que alí conste para os efectos oportunos de posibles subvencións.

5. Xogos populares.

5.1. A Secretaría Xeral para o Deporte cederá ao centro educativo durante unha semana un lote de material en concepto de préstamo: expositores para colocar no centro escolar, baúl de xogos e unidades didácticas.

5.2. Os centros escolares que soliciten esta actividade serán atendidos sobre a base dos seguintes criterios de validación:

– Orde de inscrición.

– Situación xeográfica.

– Repartición equitativa.

– A realización desta actividade en anos anteriores.

6. Educación, deporte e valores.

6.1. Actividade consistente nunha exposición itinerante polos centros educativos con material didáctico resaltando os seguintes valores do deporte: respecto, igualdade, esforzo, non violencia, cooperación, diversión, xogo limpo, tolerancia e responsabilidade persoal.

6.2. Os centros escolares que soliciten esta actividade serán atendidos sobre a base dos seguintes criterios de validación:

– Orde de inscrición.

– Situación xeográfica.

– Repartición equitativa.

– A realización desta actividade en anos anteriores.