Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 187 Xoves, 29 de setembro de 2011 Páx. 28822

III. Outras disposicións

Consellería de Educación e Ordenación Universitaria

ORDE do 19 de setembro de 2011 pola que se establecen as bases para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, das bolsas para estadías no estranxeiro e en centros españois situados fóra da Comunidade Autónoma de Galicia, correspondentes ao Plan Galego de Investigación, Innovación e Crecemento 2011-2015 (I2C) cofinanciadas polo Fondo Social Europeo, e se procede á súa convocatoria para o ano 2011.

O Plan Galego de Investigación, Innovación e Crecemento 2011–2015 (Plan I2C) recolle no Eixo estratéxico 1 – Xestión do talento, as actuacións de apoio á carreira investigadora, entre as cales se atopa o Programa de mobilidade.

No mencionado Plan I2C considérase que deben favorecerse e primarse os intercambios, de modo que se establezan relacións de cooperación frutíferas e se enriqueza o capital humano coas experiencias adquiridas en estadías internacionais.

Esta convocatoria quere, ademais, contribuír a reducir o desequilibrio entre homes e mulleres dedicados á investigación no Sistema Universitario de Galicia, en cumprimento do compromiso de eliminación de discriminacións entre homes e mulleres que recolle o artigo 1 da Lei 7/2004, do 16 de xullo, galega para a igualdade de homes e mulleres. Por iso, as axudas que se regulan nesta convocatoria terán en consideración o peso relativo das mulleres nas propostas presentadas, de xeito que se potencie o seu número e a calidade do seu traballo.

Atendendo a estas consideracións xerais e en virtude das súas competencias, a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria procede á convocatoria das axudas para estadías de investigación no estranxeiro e en centros españois situados fóra da Comunidade Autónoma de Galicia.

Polo que antecede, esta consellería

DISPÓN:

Artigo 1. Obxecto da convocatoria.

Esta orde establece as bases polas que se rexerá a concesión de axudas para a realización de estadías de investigación no estranxeiro e en centros españois situados fóra da Comunidade Autónoma de Galicia, en réxime de publicidade, obxectividade, concorrencia competitiva e transparencia, e se procede á súa convocatoria para o ano 2011.

Estas axudas teñen como finalidade favorecer a actualización de coñecementos e a adquisición de novas técnicas de investigación, así como completar a formación dos investigadores do SUG, mediante a súa incorporación temporal a centros de investigación de fóra de Galicia.

Estas axudas adoptan dúas modalidades:

– Modalidade 1: estadías de 1 a 10 meses de duración, destinadas a persoal investigador con contrato en vigor ao abeiro das axudas do Programa Ángeles Alvariño, agás que xa completasen 24 meses de estadías de posdoutoramento ou cursasen completamente e acadasen o grao de doutor/a nunha universidade estranxeira.

– Modalidade 2: estadías de 1 a 3 meses de duración, destinadas a persoal investigador en formación contratado polas universidades do SUG con cargo ao Programa María Barbeito, nas convocatorias de nova adxudicación dos anos 2008 e 2009 (e das súas prórrogas).

O contrato deberá estar vixente durante a totalidade do período de realización da estadía.

En ningún caso poderán concorrer os estranxeiros que teñan unha axuda que corresponda a un programa de formación para estranxeiros en España.

Artigo 2. Beneficiarios e solicitantes.

Poderán ser beneficiarios das axudas desta convocatoria para a realización de estadías de investigación no estranxeiro e en centros españois situados fóra da Comunidade Autónoma de Galicia:

– Na modalidade 1, o persoal investigador das universidades do SUG con contrato en vigor ao abeiro das axudas do Programa Ángeles Alvariño do Plan Incite, e que realice estadías de 1 a 10 meses de duración, agás que xa completasen 24 meses de estadías de posdoutoramento ou cursasen completamente e acadasen o grao de doutor/a nunha universidade estranxeira.

– Na modalidade 2, o persoal investigador en formación das universidades do SUG que fose contratado con cargo ao Programa María Barbeito nas convocatorias de nova adxudicación dos anos 2008 e 2009 (e das súas prórrogas) do Plan Incite, e realicen estadías de 1 a 3 meses de duración mentras tivesen contrato en vigor.

As axudas están principalmente dirixidas a persoas con nacionalidade dun Estado membro da Unión Europea. Non obstante, os cidadáns non comunitarios poderán solicitar a axuda, pero o número máximo de axudas concedidas a estes/as solicitantes será do 5% das axudas ofertadas. Estes solicitantes non comunitarios deberán estar en situación de estadía por estudos en España con anterioridade á publicación da convocatoria.

Cada persoa só poderá solicitar unha estadía.

Artigo 3. Duración e contía das axudas.

As estadías deberán ter unha duración mínima dun mes (30 días), e deberán iniciarse con data 1 de xaneiro de 2011 ou posterior, e rematarse con data 30 de novembro de 2011 ou anterior. Non se poderá realizar suspensión ningunha das estadías.

As estadías da modalidade 1 terán unha duración máxima de 10 meses ou do tempo que reste para completar os 24 meses de estadía de postdoutoramento, se este tempo for inferior a 10 meses.

As estadías da modalidade 2 terán unha duración máxima de 3 meses.

O importe da axuda comprenderá dúas partes:

1. Unha axuda institucional para gastos de desprazamento e seguro combinado de accidentes, polo importe de 400 euros para estadías en España, Portugal e Andorra, 600 euros para estadías no resto de Europa e de 1.000 euros para estadías no resto do mundo.

2. Unha asignación mensual bruta de:

– Un máximo de 1.200 euros, se a incorporación se produce en España, Portugal ou Andorra.

– Un máximo de 1.500 euros, se a incorporación se produce no resto de países de Europa, África ou Iberoamérica.

– Un máximo de 1.900 euros, se a incorporación se produce nos Estados Unidos, Canadá, ou países de Asia e Oceanía.

En ningún caso serán exixibles á Consellería de Educación e Ordenación Universitaria outras obrigas que o cumprimento das condicións da subvención ou axuda nos termos sinalados nesta convocatoria.

En todo caso respectaranse as condicións da Orde TIN/2965/2008, do 14 de outubro, pola que se determinan os gastos subvencionables polo FSE, durante o período de programación 2007-2013, modificada pola Orde TIN/788/2009, do 25 de marzo.

Artigo 4. Solicitudes.

O prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no DOG.

As solicitudes axustaranse ao modelo oficial que se achega no anexo I desta orde, e que está ao dispor dos interesados na internet no enderezo http://www.edu.xunta.es (no parte da Secretaría Xeral de Universidades), e presentaranse no rexistro único da Xunta de Galicia ou ben en calquera dos centros previstos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, modificada pola Lei 4/1999 (BOE n.º 12, do 14 de xaneiro), de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, para a presentación de instancias. Se no uso deste dereito, a solicitude é remitida por correo, presentarase en sobre aberto, para que sexa datada e selada polo funcionario de correos antes de que proceda á súa certificación.

As solicitudes desta convocatoria poderán presentarse tamén nos rexistros das universidades do Sistema Universitario de Galicia. Estes rexistros deberán remitir as solicitudes á Secretaría Xeral de Universidades no prazo dos tres días seguintes ao da súa recepción, de acordo co establecido na Resolución do 25 de xuño de 2007 (DOG do 3 de xullo), da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, pola que se dispón a publicación do convenio de colaboración entre esta consellería e as universidades de Santiago de Compostela, A Coruña e Vigo en materia de rexistros administrativos.

As solicitudes deberán ir acompañadas da seguinte documentación:

a) Declaración responsable do solicitante de todas as solicitudes efectuadas e concedidas de axudas, ingresos ou recursos para a mesma finalidade, procedentes de calquera administración ou ente público ou privado autonómico, estatal, da Unión Europea ou de organismos internacionais, e do seu país de orixe cando o solicitante sexa estranxeiro.

b) Declaración responsable de non estar incurso en ningunha das prohibicións para a obtención da bolsa recollidas no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

c) Fotocopia do documento nacional de identidade ou do documento equivalente no caso de nacionais doutros países (só no caso de que o interesado non outorgue consentimento expreso para que a administración verifique os seus datos a partir do número do documento de identificación).

d) Carta de invitación (orixinal ou copia cotexada) do centro onde se vai desenvolver o traballo, debidamente asinada polo responsable do dito centro, na cal deberán constar as datas concretas de realización da estadía, desde (dd/mm/aaaa) ata (dd/mm/aaaa). Deberá acreditarse a autenticidade da carta de invitación con papel oficial e selo do centro de realización da estadía. Entenderase por responsable do centro o director do centro, director de departamento ou director do grupo de investigación en que se integrará o solicitante desta axuda. En calquera caso, a sinatura deberá acompañarse da identificación da persoa que asina a carta de invitación, así como do cargo que ocupa.

e) Autorización para realizar a estadía (orixinal ou copia cotexada) segundo o modelo incluído no anexo I, emitido polo órgano competente das universidades do SUG a que estea vinculado o solicitante.

f) Plan de traballo en que se faga constar o calendario e o programa das actividades que se van realizar, así como o interese ou a idoneidade do centro en que realizará a estadía. O plan de traballo deberá estar asinado polo interesado, ter unha extensión de 400-800 palabras e, no caso dos que opten á modalidade 2, terá que contar co visto e prace do director que asume a supervisión da actividade investigadora do solicitante na Universidade do SUG á cal está vinculado a través das axudas do Programa María Barbeito.

g) Os solicitantes de axudas da modalidade 1 deberán achegar unha declaración responsable das estadías de posdoutoramento realizadas, para o que se utilizará o modelo incluído no anexo I.

h) Declaración opcional do/a interesado/a do compromiso de utilizar a lingua galega en todas as relacións que, como consecuencia deste procedemento, manteña coa Administración autonómica, de acordo co establecido no artigo 6.3.º da Lei 3/1983, do 15 de xuño, de normalización lingüística.

De conformidade co artigo 13.4.º da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e boas prácticas na Administración Pública galega, a consellería publicará na súa páxina web oficial a relación dos/as solicitantes seleccionados/as e o importe das axudas concedidas, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos dos beneficiarios e da súa publicación na citada páxina web. Ademais, as solicitudes que resulten seleccionadas pasarán a formar parte da lista pública de beneficiarios prevista nos artigos 6 e 7.2 d) do Regulamento (CE) n.º 1828/2006 da Comisión, do 8 de decembro de 2006.

Artigo 5. Tramitación.

A instrución do procedemento de concesión destas axudas corresponde á Secretaría Xeral de Universidades.

Os servizos da Secretaría Xeral de Universidades comprobarán que todas as solicitudes reúnen os requisitos establecidos nesta orde e exporán a lista de solicitudes admitidas e excluídas sinalando, se é o caso, as causas de exclusión, na internet no enderezo http://www.edu.xunta.es/

Esta lista estará exposta por un período de 10 días naturais, e os/as interesados/as, poden durante ese mesmo prazo, formular reclamacións para emendar erros e falta de documentos ante a Secretaría Xeral de Universidades, achegando, se é o caso, a documentación necesaria. Transcorrido este prazo sen que se emenden as causas de exclusión, considerarase que o/a interesado/a desiste da súa petición nos termos establecidos no artigo 71 da Lei 30/1992, do 26 de novembro.

Non axustarse aos termos da convocatoria, o incumprimento dos requisitos nela establecidos, a ocultación de datos, a súa alteración ou calquera manipulación da información solicitada será causa de desestimación da solicitude presentada, con independencia de que poidan acordarse outro tipo de actuacións.

Artigo 6. Avaliación e selección das solicitudes.

A selección de solicitantes corresponde a unha comisión que estará formada polos seguintes sete membros:

– O/a titular da Secretaría Xeral de Universidades da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, ou persoa en que delegue, que actuará como presidente da comisión.

– Serán vogais da comisión:

• O/a subdirector/a xeral de Promoción Científica e Tecnolóxica Universitaria da Secretaría Xeral de Universidades ou persoa en que delegue.

• O/a subdirector/a xeral de Universidades da Secretaría Xeral de Universidades, ou persoa en que delegue.

• Tres persoas de recoñecido prestixio nas principais áreas de coñecemento das solicitudes presentadas a esta convocatoria, nomeadas polo presidente da comisión de selección.

• Un/unha xefe/a de Servizo da Secretaría Xeral de Universidades, que actuará como secretario/a da comisión.

A comisión de selección poderá contar co asesoramento de órganos avaliadores ou expertos externos.

A comisión levantará acta das súas deliberacións e elevará a súa proposta de resolución ao conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria a través do secretario xeral de Universidades. Na proposta de concesión que formule a comisión figurarán de xeito individualizado os solicitantes propostos para obter a bolsa, especificándose a avaliación que lles corresponde, o destino e o importe da axuda para cada un deles. A comisión de selección poderá elaborar unha lista de espera, de ser o caso, entre os solicitantes que non resultaren beneficiarios co fin de determinar posibles substitucións.

Os criterios de avaliación e selección serán os seguintes:

Para a modalidade 1:

• Valoración do plan de traballo, desde o punto de vista da súa calidade, concreción e pertinencia para o ámbito de investigación do solicitante. A comisión de selección outorgaralle a calificación de apto ou non apto.

• Valoración do centro de destino, desde o punto de vista da súa relevancia para o ámbito de investigación do solicitante e da relación co plan de traballo presentado. A comisión de selección outorgaralle a calificación de apto ou non apto.

• Para ser beneficiario da axuda deberá ter a calificación de apto en ambos os apartados.

Para a modalidade 2:

• Valoración do plan de traballo e do centro de destino, desde o punto de vista da pertinencia para a formación do futuro doutor. A comisión outorgará a calificación de apto ou non apto.

• Para aqueles solicitantes que obtivesen a calificación de apto ao plan de traballo e o centro de destino, establecerase un orde de prioridade en función da nota media académica con que lle foi concedido o contrato María Barbeito, máis un punto cando o solicitante se comprometa ao emprego do galego na realización das actividades para as cales solicita a axuda.

• En caso de que a cualificación resultante no primeiro dos criterios sinalados sexa non apto, a comisión de selección proporá a denegación da axuda.

Artigo 7. Resolución e notificación.

A competencia para resolver estas axudas corresponde ao titular da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria. A comisión de selección elevará a proposta de resolución, que incluirá a relación de solicitantes seleccionados e a lista de espera (se for o caso) ao titular da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria. Esta resolución publicarase no Diario Oficial de Galicia.

Todas as solicitudes serán resoltas no prazo máximo de 6 meses, contados desde a publicación desta orde. A falta de resolución en prazo faculta os/as interesados/as para entenderen desestimadas as súas solicitudes, de conformidade co previsto no artigo 2 da Lei 6/2001, do 29 de xuño, de adecuación da normativa da Comunidade Autónoma de Galicia á Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, de modificación da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

A resolución expresa ou presunta que poña fin á vía administrativa poderá ser impugnada polos/as interesados/as mediante recurso potestativo de reposición perante o titular da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria no prazo dun mes a partir do día seguinte da publicación da resolución no DOG, ou ben directamente recurso contencioso-administrativo no prazo de dous meses perante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, de acordo co establecido na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999.

Os/as asinantes das solicitudes denegadas ou desestimadas poderán recuperar a documentación presentada, no prazo dun ano a partir da publicación da concesión das axudas no Diario Oficial de Galicia. Pasado ese prazo, aquela documentación que non foi recollida será destruída, agás a que sexa obxecto de recurso.

A aceptación da axuda supón a publicación na lista de beneficiarios prevista nos artigos 6 e 7.2 d) do Regulamento (CE) n.º 1828/2006 da Comisión Europea.

Artigo 8. Libramento da subvención.

En todas as modalidades de axuda, a subvención será librada a través da universidade a que pertenza o solicitante.

Unha vez asinada a resolución, as universidades procederán ao outorgamento das bolsas aos/as solicitantes seleccionados/as.

As universidades presentarán, perante a Secretaría Xeral de Universidades, unha declaración do conxunto das bolsas outorgadas e dos seus beneficiarios no prazo de 15 días contados a partir do día seguinte ao da publicación da resolución, comprometéndose os bolseiros a cumprir todas as condicións recollidas nestas bases e convocatoria.

Os bolseiros están obrigados a:

a) Entregar un certificado de incorporación ao centro de destino, segundo o modelo incluído no anexo I, que estará á disposición dos interesados no enderezo http://www.edu.xunta.es. Este certificado deberá conter a data exacta de inicio (dd/mm/aaaa) e deberá acreditarse a súa autenticidade coa utilización de papel oficial e selo do centro, así como coa sinatura do responsable do centro de destino. Será remitido á Secretaría Xeral de Universidades, no prazo máximo de 15 días desde a data de incorporación ou xunto coa solicitude se a estadía comezou con anterioridade á publicación desta orde.

b) Presentar, na Secretaría Xeral de Universidades, no prazo máximo de 20 días naturais desde a finalización da estadía, a seguinte documentación:

b.1) Memoria asinada polo bolseiro sobre o traballo realizado cunha extensión de 400-800 palabras.

b.2) Copia dos traballos publicados.

b.3) Informe (orixinal ou copia cotexada) debidamente asinado polo director do centro de destino sobre o traballo realizado, con indicación expresa do tempo de permanencia no centro, indicando datas de inicio e finalización (dd/mm/aaaa). A orixe do informe deberá acreditarse coa utilización de papel oficial e o selo do centro.

b.4) Declaración responsable en que conste que non dispón doutras axudas públicas nin privadas para o mesmo fin.

Por outra banda, en calquera momento a Secretaría Xeral de Universidades poderá reclamar:

– Informe do centro receptor sobre o labor realizado polo beneficiario da axuda.

– Informe do beneficiario da axuda sobre o labor asiduo no centro de realización da estadía.

– Xustificantes acreditativos da realización da viaxe (carta de embarque, billete de tren, pasaporte etc.)

Os cambios de centro de destino nas estadías solicitadas serán só admisibles antes da publicación da resolución no Diario Oficial de Galicia, e por circunstancias excepcionais que así o aconsellen, tras o informe favorable, en todo caso, dos dous centros afectados, e autorización expresa da Secretaría Xeral de Universidades.

As universidades serán as encargadas do pagamento das correspondentes axudas aos bolseiros.

O libramento das axudas por parte da Secretaría Xeral de Universidades ás universidades efectuarase en dous pagamentos:

1. O primeiro pagamento realizarase unha vez concedidas as axudas polo importe correspondente aos meses de estadías desfrutados desde o 1 de xaneiro de 2011 ata a data de resolución de adxudicación, sempre e cando se teña presentado o certificado de incorporación a que se refire o artigo 8 a) desta orde de convocatoria. De non determinarse outra data na resolución final de adxudicación, a axuda institucional aboarase xunto co primeiro pagamento.

2. O segundo pagamento realizarase ao final do desfrute das estadías polo importe correspondente aos meses de estadías restantes desde a resolución de adxudicación ata a data límite de xustificación das axudas.

Poderase realizar o pagamento total da estadía nunha soa vez, en concepto de reintegro de gastos incorridos, se a universidade beneficiaria acredita a realización total daquela no momento da resolución final de adxudicación.

Tanto para o primeiro como para o segundo pagamento, as universidades deberán presentar perante a Secretaría Xeral de Universidades:

a) Un certificado das bolsas outorgadas, especificando quen son os beneficiarios, o tempo de estadía xa desfrutado e o que queda por desfrutar, se é o caso.

b) A documentación requirida na alínea b) deste artigo, que lle foi entregada polos bolseiros.

c) A declaración complementaria que se exixe aos bolseiros referida a calquera axuda pública ou privada, o seu importe e duración, concedida para a mesma finalidade, no momento en que teñan coñecemento da súa concesión.

Artigo 9. Publicación dos resultados obtidos.

Os resultados obtidos con ocasión do aproveitamento da bolsa serán propiedade dos seus autores que, no caso de facelos públicos, deberán facer constar a axuda recibida da Xunta de Galicia e o seu cofinanciamento con fondos do FSE, e terán que enviarlle á Secretaría Xeral de Universidades un exemplar da publicación en que se recolla.

Artigo 10. Incidencias.

As renuncias que se produzan poderán ser obxecto de substitución pola Secretaría Xeral de Universidades de acordo coa lista de espera, se a houber.

A Secretaría Xeral de Universidades resolverá todas as dúbidas e incidencias que puideren xurdir na aplicación desta convocatoria.

Artigo 11. Réxime de compatibilidade.

As axudas concedidas serán incompatibles con outras axudas para a mesma finalidade procedentes de calquera administración ou entes públicos ou privados, autonómicos, estatais, da Unión Europea ou de organismos internacionais, así como coa realización doutro traballo remunerado distinto do propio do contrato Ángeles Alvariño ou María Barbeito.

Artigo 12. Modificación da resolución.

Poderase modificar a resolución de concesión da axuda, tal como se especifica no artigo 17 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, cando se alteren as condicións tidas en conta para a concesión da subvención e, en todo caso, pola obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, estatais ou internacionais. Por iso, cando o/a solicitante/a reciba outros fondos cos mesmos obxectivos que os establecidos nesta convocatoria, deberá poñelo en coñecemento da Secretaría Xeral de Universidades.

Artigo 13. Incumprimento, reintegros e sancións.

O incumprimento das obrigas contidas nestas bases reguladoras, na convocatoria ou na demais normativa aplicable, así como das condicións que, se é o caso, se establezan na resolución da concesión, dará lugar á obriga da universidade beneficiaria de devolver total ou parcialmente as subvencións percibidas, así como os xuros de demora correspondentes.

Para facer efectiva a devolución a que se refire o punto anterior tramitarase o oportuno procedemento de reintegro, que se axustará ao previsto no artigo 38 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Aos beneficiarios das subvencións reguladas nestas bases seralles de aplicación o réxime de infraccións e sancións previsto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 14. Obrigas dos beneficiarios.

Os beneficiarios das axudas concedidas ao abeiro do disposto nesta orde quedan obrigados a:

a) Proceder ao reintegro, total ou parcial, da axuda percibida no suposto de incumprimento das condicións establecidas para a súa concesión.

b) Facilitar toda a información que lles sexa requirida pola Secretaría Xeral de Universidades así como pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Consello de Contas e o Tribunal de Contas, no exercicio das súas funcións de fiscalización e control.

c) Cumprir as medidas en materia de información e publicidade reguladas na sección 1 do capítulo II do Regulamento (CE) n.º 1828/2006 da Comisión, do 8 de decembro de 2006, polo que se fixan normas de desenvolvemento para o Regulamento (CE) n.º 1083/2006 do Consello, coas modificacións introducidas polo Regulamento (CE) n.º 846/2009 da Comisión, do 1 de setembro de 2009. Estas medidas están recollidas na Guía de publicidade e información das intervencións cofinanciadas polos fondos estruturais 2007–2013 que pode consultarse na páxina web:

(http://www.conselleriadefacenda.es/web/portal/guia-intervencions-cofinanciadas-fe).

Os bolseiros quedan obrigados, ao abeiro do disposto nesta orde, a entregar á universidade correspondente, no momento da xustificación da finalización da estadía e, en calquera caso, antes do derradeiro pagamento, unha declaración complementaria de calquera axuda solicitada e aprobada ou concedida para a mesma finalidade, o seu importe e duración, así como as pendentes de resolución, das administracións públicas, das súas entidades vinculadas ou dependentes ou das entidades privadas, de ser o caso.

Artigo 15. Dotación orzamentaria.

As axudas imputaranse á aplicación orzamentaria 09.02.561B.444.0 correspondente aos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2011, na cal existe crédito adecuado e suficiente. As cantidades, que aparecen desagregadas no cadro seguinte poderán redistribuírse entre as modalidades en función das peticións presentadas e de acordo coas dispoñibilidades de créditos:

Crédito (en euros)

Modalidade 1

750.000

Modalidade 2

250.000

Total

1.000.000

As axudas concedidas serán financiables polo FSE, no eixo 3, tema prioritario 74, no marco do Programa operativo FSE Galicia 2007-2013, nunha porcentaxe máxima do 80%. Por isto, os beneficiarios das axudas deberán cumprir as normas recollidas no Regulamento (CE) 1828/2006 da Comisión, do 8 de decembro de 2006, polo que se fixan normas de desenvolvemento para o Regulamento (CE) 1083/2006 do Consello, polo que se establecen as disposicións xerais relativas ao Feder, ao FSE e ao Fondo de Cohesión; no Regulamento (CE) n.º 1081/2006 do Parlamento Europeo e do Consello, do 5 de xullo de 2006, relativo ao FSE e polo que se derroga o Regulamento (CE) n.º 1748/1999; as normas de información e publicidade dos fondos contidos no Regulamento 1828/2006, da Comisión, do 8 de decembro (L 371/1, DOUE do 27 de decembro de 2006), e no resto de normativa que resulte de aplicación.

Disposicións derradeiras.

Primeira. Esta orde sométese ao réxime de axudas públicas establecido na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento que a desenvolve.

Segunda. Esta orde poderá ser impugnada mediante recurso potestativo de reposición ante o titular da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria no prazo dun mes a partir do día seguinte ao da publicación da resolución no DOG, segundo o disposto nos artigos 116 e 117 da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, ou ben directamente recurso contencioso-administrativo no prazo de dous meses perante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, de conformidade co artigo 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Terceira. Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 19 de setembro de 2011.

Jesús Vázquez Abad
Conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file