Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 197 Venres, 14 de outubro de 2011 Páx. 30176

III. Outras disposicións

Consellería de Economía e Industria

ORDE do 6 de outubro de 2011 pola que se establecen os domingos e festivos en que se autoriza a apertura de establecementos comerciais durante o ano 2012.

A Lei 13/2006, do 27 de decembro, de horarios comerciais de Galicia (DOG do 28 de decembro), determina no seu artigo 5 que os domingos e días festivos en que os establecementos comerciais poderán permanecer abertos ao público serán, como máximo, oito ao ano. O tempo máximo entre a apertura e o pechamento en domingos e días festivos autorizados será de doce horas.

O artigo 6 do mesmo texto legal sinala que os domingos e festivos de apertura serán determinados para cada período anual mediante orde da consellería que posúa as competencias en materia de comercio, que se publicará no Diario Oficial de Galicia antes do 15 de outubro do ano anterior ao da súa aplicación, logo da consulta ás asociacións de consumidores máis representativas con implantación en toda a comunidade, ao Consello Galego de Cámaras Oficiais de Comercio, Industria e Navegación de Galicia e ás demais organizacións empresariais e sindicais do sector comercial máis representativas de Galicia.

Con independencia do establecido na liña anterior e co obxectivo de protexer os intereses comerciais nos diferentes concellos, despois de seren publicadas no Diario Oficial de Galicia as datas a que fai referencia este artigo, calquera concello poderá solicitar da consellería competente en materia de comercio a modificación de dúas datas para o seu termo municipal. Esta solicitude deberá ser motivada e realizarse antes do 15 de novembro, tendo que se presentar acompañada dos informes emitidos pola cámara de comercio, industria e navegación da zona e polas organizacións empresariais e sindicais do sector comercial máis representativas. A consellaría resolverá no prazo de quince días, contados desde a presentación da solicitude. De transcorrer o devandito prazo sen resolución expresa, considerarase estimada a petición. Con anterioridade ao 15 de decembro serán publicados no Diario Oficial de Galicia os cambios que se aproben.

A Consellería de Economía e Industria ten competencia en materia de comercio de acordo co disposto no Decreto 324/2009, do 11 de xuño, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Economía e Industria.

En aplicación dos citados preceptos, logo de consulta efectuada aos axentes socioeconómicos determinados pola lei, e tendo en conta o interese xeral do comercio e dos consumidores, procédese á fixación dos oito domingos e festivos que, para os efectos do exercicio da actividade comercial, terán a condición de hábiles durante o ano 2012.

Polo tanto, en uso das facultades que teño conferidas,

DISPOÑO:

Artigo único. Os domingos e festivos en que os establecementos comerciais poderán permanecer abertos ao público cun horario máximo de 12 horas diarias durante o ano 2012 son:

8 de xaneiro

5 de abril

1 de xullo

2 de decembro

8 de decembro

16 de decembro

23 de decembro

30 de decembro

Santiago de Compostela, 6 de outubro de 2011.

Javier Guerra Fernández
Conselleiro de Economía e Industria