Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 201 Xoves, 20 de outubro de 2011 Páx. 30705

I. Disposicións xerais

Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

DECRETO 193/2011, do 6 de outubro, polo que se regulan especialidades nas subvencións ás entidades locais galegas.

O artigo 27.2 do Estatuto de autonomía de Galicia atribúe á Comunidade Autónoma de Galicia a competencia exclusiva en materia de réxime local, sen prexuízo do disposto no artigo 149 da Constitución, e inclúe entre outras actuacións administrativas a de promoción e fomento, todo iso de acordo co disposto no artigo 148.1.2.º da Constitución.

O marco lexislativo de carácter básico en materia de subvencións constitúeo a Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, e o Real decreto 887/2006, do 21 de xullo.

En exercicio do título competencial previsto nos artigos 27.5 e 28.1 do Estatuto de autonomía de Galicia, o Parlamento de Galicia aproba a Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, co obxecto de adaptar este marco ás peculiaridades propias da xestión das subvencións na nosa Comunidade. Así mesmo, en cumprimento do disposto na disposición derradeira única da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, aprobouse o Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da Lei 9/2007.

Con data 26 de febreiro de 2010 o presidente da Xunta de Galicia e o presidente da FEGAMP asinaron unha addenda ao Pacto local pola que se creou a Comisión Única de Seguimento do Pacto Local, que preveu como un dos obxectivos principais establecidos a posibilidade de simplificar o procedemento de concesión de subvencións ás entidades locais galegas, unificar o seu regulamento e introducir mecanismos de eficacia e eficiencia neste sector tan importante do investimento autonómico. Froito desta colaboración institucional é a presente norma regulamentaria.

O marco normativo en materia de subvencións veu, por tanto, cubrir un espazo básico na regulación xurídica xeral da actividade de fomento, con dous propósitos esenciais: inserir as subvencións nos principios de boa xestión administrativa, como son os de publicidade, transparencia, concorrencia, obxectividade, igualdade, non discriminación, eficacia e eficiencia; e, doutra banda, disciplinar o uso dos recursos orzamentarios, garantindo un adecuado control destes. Estes obxectivos son xenéricos, afectan a todas as subvencións, e tamén están presentes neste decreto coas particularidades derivadas da necesaria lealdade institucional.

Nesta liña de lealdade institucional convén unificar os criterios nos procedementos de concesión, xestión e xustificación das subvencións ás entidades locais galegas para evitar disfuncións administrativas e inseguridade xurídica e establecer unha serie de mecanismos que teñan como principio inspirador a lealdade institucional nas relacións subvencionais entre a Administración autonómica e as entidades locais. Ademais, como instrumento para a mellora da transparencia debemos destacar a importancia da rendición de contas como elemento básico para o control da xestión pública, indispensable para un correcto funcionamento do sistema democrático, e non podemos esquecer que o Parlamento de Galicia na súa sesión do 23 de setembro de 2008 aprobou por unanimidade unha proposición non de lei na cal se sinala que o Parlamento de Galicia instaba a Xunta para «Considerar a non rendición de contas como un criterio excluínte, nos termos que se determinen, para o acceso das entidades locais a axudas e subvencións».

Por último, sinalar que na tramitación do presente decreto se deu trámite de audiencia á FEGAMP.

Na súa virtude, por proposta conxunta do conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza e da conselleira de Facenda, de conformidade co ditame do Consello Consultivo, e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día seis de outubro de dous mil once,

DISPOÑO:

CAPÍTULO I
Disposicións xerais

Artigo 1. Obxecto.

É obxecto deste decreto a regulación de determinados aspectos nos procedementos de concesión, xestión e xustificación das subvencións financiadas integramente con fondos propios da comunidade autónoma en que os beneficiarios sexan entidades locais de Galicia.

Artigo 2. Ámbito de aplicación.

1. Este decreto é aplicable ás subvencións concedidas pola Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia e as entidades públicas instrumentais do sector público autonómico, na medida en que as subvencións sexan consecuencia do exercicio de potestades administrativas, cuxos beneficiarios sexan as entidades locais galegas.

2. Para os efectos deste regulamento, entenderase por entidade local galega calquera das recollidas nos artigos 1 e 2 da Lei 5/1997, do 22 de xullo, de Administración local de Galicia.

CAPÍTULO II
Especialidades nos procedementos de concesión, xestión e xustificación das subvencións ás entidades locais galegas

Sección 1.ª Gastos subvencionables

Artigo 3. Gasto realizado nas subvencións concedidas ás entidades locais galegas.

1. Con carácter xeral, considerarase gasto realizado cando se teña contabilizado o recoñecemento da obriga polo órgano competente da entidade local. As entidades locais beneficiarias estarán obrigadas a acreditar documentalmente a efectividade dos pagamentos realizados no prazo máximo de sesenta días naturais contados a partir da data do ingreso na conta bancaria das beneficiarias de cada un dos aboamentos das subvencións concedidas.

2. Non obstante, no caso de realizarse pagamentos anticipados como financiamento necesario para poder levar a cabo as actuacións subvencionadas, considerase gasto realizado o que foi efectivamente pagado pola entidade local beneficiaria con anterioridade á finalización do período de xustificación determinado pola normativa reguladora da subvención.

Sección 2.ª Requisitos e procedemento de concesión

Artigo 4. Rendición das contas xerais ao Consello de Contas como requisito para a concesión de subvencións.

1. Será requisito para a concesión de subvencións que as entidades locais cumprisen o deber de remisión ao Consello de Contas das contas xerais de cada exercicio.

2. Excepcionalmente, o Consello da Xunta de Galicia poderá autorizar a exención do cumprimento do requisito establecido no parágrafo anterior naqueles supostos en que a non concesión da subvención puidese afectar o normal desenvolvemento dos servizos públicos esenciais.

Artigo 5. Plans específicos para liñas de subvención de carácter singular.

1. Sen prexuízo do disposto no artigo 6 do Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, o órgano competente para a concesión de subvencións elaborará un plan específico para liñas especiais de subvencións de carácter singular dirixidas ás entidades locais cando existan razóns de interese público, social, humanitario ou outras debidamente xustificadas que dificulten a súa convocatoria e así se recolla no plan. Este plan específico deberá ter carácter programático, referido a un ámbito territorial concreto, a un tipo de beneficiarios, actuacións preferentes ou outros obxectivos e cuxo contido non creará dereitos nin obrigas.

2. O contido mínimo do plan será o seguinte:

a) Os obxectivos e efectos que se pretenden acadar e o prazo necesario para a súa consecución.

b) As razóns que acreditan o interese público, social, económico ou humanitario ou aquelas outras debidamente xustificadas que dificulten a súa convocatoria pública.

c) Posibles beneficiarios/as e modalidades de axuda.

d) Os custos previsibles.

e) As fontes de financiamento.

f) Os criterios de repartición.

3. Os convenios serán o instrumento habitual para canalizar as subvencións previstas nestes plans específicos. As propostas de resolución de concesión, ou o instrumento do convenio que se autorice subscribir, deberán axustarse ás previsións contidas na Lei 9/2007, do 13 xuño, de subvencións de Galicia, e conterán como mínimo os seguintes aspectos:

a) Definición do obxecto das subvencións, con indicación do carácter singular delas e as razóns que acreditan o interese público, social, económico ou humanitario ou aquelas que xustifican a dificultade da súa convocatoria pública.

b) Beneficiarios e modalidades de axuda.

c) Crédito orzamentario a que se lle imputa o gasto e a contía da subvención, individualizada, se é o caso, para cada beneficiario se foren varios.

d) Compatibilidade ou incompatibilidade con outras subvencións, axudas, ingresos ou recursos para a mesma finalidade, procedentes de calquera Administración ou entes públicos ou privados, nacionais, da Unión Europea ou de organismos internacionais.

e) Prazos e modos de pagamento da subvención, posibilidade de efectuar pagamentos anticipados e aboamentos á conta.

f) Prazo e forma de xustificación por parte do beneficiario e, se é o caso, da entidade colaboradora do cumprimento da finalidade para a cal se concedeu a subvención e da aplicación dos fondos percibidos.

g) Obriga do reintegro, total ou parcial, da subvención ou da axuda pública percibida no suposto de incumprimento das condicións establecidas para a súa concesión.

h) Obriga do beneficiario de facilitar toda a información que lle sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, polo Tribunal de Contas e polo Consello de Contas no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino das subvencións.

Sección 3.ª Xestión da concesión

Artigo 6. Pagamento anticipado ás entidades locais galegas.

1. Cando así se prevexa expresamente nas bases reguladoras das subvencións, poderanse realizar pagamentos anticipados que suporán entregas de fondos con carácter previo á xustificación, como financiamento necesario para poder levar a cabo as actuacións inherentes á subvención, de acordo coas seguintes condicións:

Un. Subvencións correntes.

Cando o importe da subvención non supere os 18.000 euros, as bases reguladoras poderán prever a concesión de pagamentos anticipados de ata un 80% da subvención concedida e sen que se supere a anualidade prevista en cada exercicio orzamentario.

Cando o importe da subvención concedida supere os 18.000 euros, as bases reguladoras poderán prever, ademais, pagamentos anticipados dun 10% adicional sobre o importe que exceda os 18.000 euros e sen que se supere a anualidade prevista en cada exercicio orzamentario.

Dous. Subvencións de capital.

As bases reguladoras poderán prever a concesión de pagamentos anticipados de ata un 50% da subvención concedida naqueles supostos en que o investimento exixa pagamentos inmediatos e sen que se supere a anualidade prevista en cada exercicio orzamentario. A concesión do anticipo realizarase mediante resolución motivada.

2. Excepcionalmente, logo de xustificación da súa necesidade, o Consello da Xunta poderá autorizar a modificación das porcentaxes sinaladas.

3. As subvencións de capital instrumentadas mediante convenio xestionaranse nos termos previstos no dito documento sen que sexan de aplicación as limitacións previstas neste artigo, e deberase facer referencia expresa, de ser o caso, á posibilidade de efectuar pagamentos anticipados.

Artigo 7. Modificación da resolución de concesión.

1. Unha vez ditada a resolución de concesión, o/a beneficiario/a poderá solicitar a modificación das características do proxecto ou actividade subvencionada, cunha antelación mínima dun mes á data de remate do prazo de realización da actividade.

2. A modificación poderase autorizar sempre que non dane dereitos de terceiros. As bases reguladoras deberán prever os supostos e condicións en que se poderá modificar a resolución da concesión, respectando o obxecto da subvención, as actividades subvencionadas e evitando actuacións deficientes e incompletas.

3. Para a modificación da resolución non poderán ser tidos en conta requisitos ou circunstancias que, debendo concorrer no momento en que se ditou a resolución, tiveron lugar con posterioridade a ela.

4. Xunto coa solicitude, a entidade deberá presentar:

a) Memoria xustificativa, na cal ademais se faga constar que non se desvirtúa o proxecto subvencionado, que non suporá unha actuación deficiente e que se cumpre co obxectivo da resolución da concesión.

b) Orzamento ou proxecto modificado.

c) Relación e identificación concreta dos cambios introducidos en cadro comparativo.

Sección 4.ª Xustificación

Artigo 8. Conta xustificativa das entidades locais galegas.

As entidades locais beneficiarias estarán obrigadas a xustificar ante o órgano concedente o cumprimento da finalidade da subvención, a realización da actividade ou adopción do comportamento que fundamentou a súa concesión e o seu custo real, mediante a presentación dunha conta xustificativa integrada, con carácter xeral, pola documentación que se relaciona nos artigos seguintes, e que incorporará, en todo caso, a certificación da intervención ou do órgano que teña atribuídas as facultades de control da toma de razón en contabilidade e do cumprimento da finalidade para a cal foi concedida.

Artigo 9. Conta xustificativa das subvencións destinadas a financiar gastos correntes.

No caso de subvencións destinadas a financiar os gastos correntes a conta xustificativa conterá:

a) Certificación expedida pola Secretaría da entidade local, co visto e prace do/a alcalde/sa ou presidente/a, relativa á aprobación polo órgano competente da conta xustificativa da subvención, en que se faga constar, como mínimo, de forma detallada:

1.º O cumprimento da finalidade da subvención.

2.º Os distintos conceptos e contías correspondentes aos gastos totais soportados pola entidade beneficiaria imputables á actuación subvencionada coa seguinte relación: identificación do/a acredor/a, número de factura ou documento equivalente, importe, data de emisión e data de recoñecemento da obriga polo órgano competente. Non será exixible a remisión dos documentos relacionados no artigo 48.2 b) do Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

b) Unha relación detallada doutros ingresos ou subvencións que financiasen a actividade subvencionada con indicación do importe e a súa procedencia.

c) De ser o caso, os tres orzamentos que se exixen en aplicación do artigo 29.3.º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 10. Conta xustificativa das subvencións destinadas a financiar investimentos.

No caso de subvencións destinadas a financiar investimentos, a conta xustificativa conterá:

a) Certificación expedida pola Secretaría da entidade local, co visto e prace do/a alcalde/sa ou presidente/a, relativa á aprobación polo órgano competente da conta xustificativa da subvención en que se faga constar, como mínimo, de forma detallada:

1.º O cumprimento da finalidade da subvención.

2.º Os distintos conceptos e contías correspondentes aos gastos totais soportados pola entidade beneficiaria imputables á actuación subvencionada coa seguinte relación: identificación do/a acredor/a, número de factura ou documento equivalente, certificación da obra, importe, data de emisión e data de recoñecemento da obriga polo órgano competente. Salvo disposición expresa das bases reguladoras, e sen prexuízo do previsto na letra c) deste mesmo artigo, non será exixible a remisión dos documentos relacionados no artigo 48.2 b) do Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

b) Certificado de taxador/a independente debidamente acreditado/a e inscrito/a no correspondente rexistro oficial, no caso de adquisición de bens inmobles.

c) Os documentos acreditativos dos gastos realizados con medios ou recursos propios e a indicación, de ser o caso, dos criterios de repartición dos custos xerais e/ou indirectos incorporados na relación a que se fai referencia na letra a).

d) Unha relación detallada doutros ingresos ou subvencións que financiasen a actividade subvencionada con indicación do importe e a súa procedencia.

e) De ser o caso, os tres orzamentos que se exixen en aplicación do artigo 29.3.º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 11. Conta xustificativa de subvencións destinadas a financiar obras realizadas por administración pola entidade local beneficiaria.

1. No suposto da execución de obras por administración, a conta xustificativa incluirá unha certificación da Secretaría da entidade local, co visto e prace do/a alcalde/sa ou presidente/a, relativa á aprobación polo órgano competente da conta xustificativa, que conterá unha relación dos gastos efectuados con medios ou recursos propios, ordenada segundo o concepto a que se atribúe, con identificación do/a acredor/a e do documento, importe e data de emisión.

2. Ademais deberá incluírse unha certificación emitida polo/a secretario/a-interventor/a ou interventor/a de que os gastos relacionados foron aplicados ao cumprimento do proxecto subvencionado.

3. Salvo que as bases reguladoras ou convenios establezan o contrario na execución de obras por administración, poderanse imputar os gastos de persoal propio da entidade local.

Sección 5.ª Responsabilidade

Artigo 12. Responsabilidade na contratación das actuacións financiadas por subvencións da Administración autonómica.

1. As entidades locais beneficiarias poderán subcontratar parcial ou totalmente a actividade ou investimento subvencionado, salvo que o impida a súa natureza. En ningún caso poderán subcontratarse actividades que, aumentando o custo da actividade subvencionada, non acheguen valor engadido ao seu contido.

2. Para estes efectos, as bases reguladoras das subvencións recollidas no ámbito de aplicación deste decreto incorporarán a previsión de que as entidades locais poidan concertar con terceiros a execución parcial ou total da actuación que constitúa o obxecto da subvención. Os contratistas quedarán obrigados soamente ante o beneficiario, que asumirá a total responsabilidade da execución da actividade subvencionada fronte á Administración.

3. A contratación das obras ou equipamentos será realizada polos concellos conforme a normativa vixente en materia de contratación do sector público, e serán as entidades locais contratantes as responsables directas das consecuencias que dos incumprimentos puidesen derivar.

Disposición adicional única.

Naqueles aspectos non previstos especificamente no presente decreto aplicarase o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

Disposición transitoria única.

A obriga da rendición das contas prevista no artigo 4 deste regulamento só deberá acreditarse a partir dos exercicios 2010 e seguintes.

Disposición derradeira única.

O presente decreto entrará en vigor aos vinte días naturais da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, seis de outubro de dous mil once.

Alberto Núñez Feijóo
Presidente

Alfonso Rueda Valenzuela
Conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza