Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 207 Venres, 28 de outubro de 2011 Páx. 31749

III. Outras disposicións

Consellería de Cultura e Turismo

DECRETO 202/2011, do 13 de outubro, polo que se declara ben de interese cultural, coa categoría de monumento, o Santuario da Nosa Señora do Refuxio A Divina Peregrina, no termo municipal de Pontevedra, na provincia de Pontevedra.

A Dirección Xeral do Patrimonio Cultural, por Resolución do 14 de abril de 2011, incoa o expediente para a declaración de ben de interese cultural (BIC), coa categoría de monumento, en favor do Santuario da Nosa Señora do Refuxio A Divina Peregrina, no termo municipal de Pontevedra, na provincia de Pontevedra, e dispón a apertura dun período de información pública durante o prazo dun mes desde o día seguinte ao da publicación da resolución no Diario Oficial de Galicia, que ten lugar o día 28 de abril de 2011 (DOG número 82).

Vistos os informes da Real Academia Galega de Belas Artes de Nosa Señora do Rosario, do Consello da Cultura Galega, da Facultade de Xeografía e Historia da Universidade de Santiago de Compostela e da Comisión Territorial do Patrimonio Histórico de Pontevedra, así como o dos servizos técnicos da Dirección Xeral do Patrimonio Cultural, todos eles favorables á declaración, proponse declarar o Santuario da Nosa Señora do Refuxio A Divina Peregrina ben de interese cultural, coa categoría de monumento.

Á vista de todo anterior, finalizada a instrución do correspondente procedemento administrativo, cómpre proceder á súa resolución definitiva, conforme o disposto no artigo 12 da Lei 8/1995, do 30 de outubro, do patrimonio cultural de Galicia.

En consecuencia, por proposta do conselleiro de Cultura e Turismo, e logo da deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día trece de outubro de dous mil once,

DISPOÑO:

Primeiro. Declarar ben de interese cultural, coa categoría de monumento, o Santuario da Nosa Señora do Refuxio A Divina Peregrina, no termo municipal de Pontevedra, na provincia de Pontevedra, consonte a descrición e xustificación que se detallan no anexo I.

Segundo. A zona afectada pola declaración é a comprendida na delimitación literal e gráfica recollidas no anexo II deste decreto.

Disposición derradeira.

Este decreto producirá efectos desde o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, trece de outubro de dous mil once.

Alberto Núñez Feijóo
Presidente

Roberto Varela Fariña
Conselleiro de Cultura e Turismo

ANEXO I
Descrición e xustificación

O santuario, erguido nun terreo fóra das murallas da cidade medieval nas proximidades da porta das Trabancas, pola que entraban en Pontevedra os que viñan de Portugal e de Tui para se dirixiren a Santiago de Compostela, sitúase na praza da Peregrina, onde o Camiño Portugués de Santiago entra no conxunto histórico de Pontevedra.

A súa construción iniciouse no ano 1778, baixo a dirección de Antonio de Souto, que contou coa colaboración de Bernardo Xosé de Mier, e está indubidablemente ligada ao Camiño de Santiago.

Construído en estilo barroco tardío, con solucións neoclásicas e con clara influencia lusa, é un dos poucos exemplos de igrexas con planta central.

O interior organízase arredor da cúpula, formando unha rotonda enmarcada por catro pilastras de fuste estriado, que se ergueu sobre unha base dobre, formada por un zócolo e un plinto, e que sosteñen os arcos formeiros rebaixados sobre os cales se apoia a cúpula. O anel da cúpula, con triglifos, gotas e denticulado, dá paso a unha cornixa voada que forma no interior un balcón corrido con balaustrada de ferro. O intradorso da cúpula está decorado con raios organizados en forma tripartita, deixando entre os grupos un amplo espazo en que se abren catro vans con arco rebaixado e derramo interior, recercados de moldura en ángulo. Os raios decóranse con casetos e rocalla. O presbiterio é de planta rectangular e está cuberto con bóveda de cruzaría rebaixada. Nel instálase o retablo principal da capela, que acolle a imaxe da Peregrina. O retablo, deseñado por Melchor de Prado a comezos do século XIX, é de estilo neoclásico e, como moitos outros da súa época, é de madeira pintada imitando materiais nobres. A fornela da virxe está flanqueada por columnas corintias que sosteñen unha cornixa que remata en frontón triangular; sobre este e sostido por anxos, un medallón cun relevo que representa a Fuxida a Exipto. Na entrada da capela hai un pórtico con bóveda de aresta e dous oitavos, sobre o cal existe un pequeno coro alto que se abre ao espazo da capela.

Canto ao exterior, o máis destacado é a fachada convexa. Organízase horizontalmente en tres tramos. O primeiro, a través do cal se ilumina o interior, divídese verticalmente en tres rúas: a central leva a portada formada por un lintel con doelas e unha moldura traballada na mesma pedra, con liñas mixtilíneas; leva molduras en ángulo nas ucheiras e un gran van semicircular no remate; enriba do arco unha ventá, cun cerco de molduras, volutas aos lados e frontón triangular por riba. Este corpo central aparece separado das rúas laterais por medio de parellas de pilastras de orde xigante que abranguen todo o corpo inferior; estas levántanse sobre un podio, apoiado nun zócolo, sobre o que cal se apoia un plinto no cal se sitúa a base da pilastra. O fuste da pilastra é de festón vertical refundido. O capitel lembra a orde toscana. As rúas laterais levan na súa parte inferior un pequeno óculo ou ollo de boi e sobre el unha ventá rectangular rematada cun dosel curvo. O segundo tramo da fachada vai separado por medio dunha cornixa moi voada e de liña movida; as súas proporcións son a metade do que mide o primeiro corpo de altura. Neste tramo dispóñense tres fornelas con arco de medio punto e cuncha, coas figuras de San Roque, a Virxe da Peregrina e o Apóstolo Santiago vestidos de peregrinos, que van separadas por dúas parellas de pilastras de estilo corintio. Estre tramo remata cun friso con triglifos e capiteis con recortes de placas que lembran o barroco santiagués. Sobre o conxunto repítese a cornixa voada. O último tramo está formado por un frontón triangular roto que deixa pasar a figura da Fe sobre unha peaña e, aos dous lados, dúas torres xemelgas. As torres pasan da planta cadrada á octogonal. Divídese en tres corpos: o primeiro é macizo, con pilastras, de base cuadrangular; sobre este, o corpo das campás que ten a cada lado un arco de medio punto. O terceiro corpo sepárase do anterior por unha cornixa decorada con pináculos; ten un novo campanario, de base octogonal, e oito vans de dimensións máis reducidas. As torres remátanse cunha pequena cúpula. A fachada está formada por aparello de cantaría irregular de pedras de granito. O resto do edificio é de cachotería con cadeas e resaltan os recadros de cantaría á vista con entrepanos de muro de cachotería encalado. O remate superior é unha balaustrada voada respecto da fachada sobre a cornixa. A ábsida conforma, ao exterior, un volume independente da nave, ao que se acaroan as dúas sancristías, de menos altura que a primeira. Da cúpula interior destaca a lanterna.

Ante a portada, o adro, nunha cota superior á das rúas, está perfectamente delimitado por unha balaustrada de pedra que se interrompe en catro puntos do perímetro, nos que se sitúan as escalinatas de acceso. Fronte á porta de entrada a balaustrada vese interrompida por unha fonte de triplo cano rematada por un arco carpanel sobre o cal descansa unha figura de Teucro. Os tres canos verten as augas nunha pía situada no exterior do adro.

ANEXO II
Delimitación literal e gráfica

I. Descrición da delimitación do monumento.

Baseándose nos criterios de proximidade e relacións visuais intégranse dentro do contorno de protección da capela da Peregrina as rúas de acceso ao templo, as prazas e os edificios cuxa modificación poida incidir directamente na apreciación do ben e na relación deste co seu medio e poidan deteriorar a vista do monumento ou desde el.

No contorno de protección inclúense, por cuestións de relación visual desde estes espazos cara á capela, parte da rúa dos Soportais da Ferraría, a praza da Ferraría, a praza da Estrela, os xardíns de Casto Sampedro e a rúa de Benito Corbal, no tramo entre a rúa Daniel de la Sota e a praza de Ourense; estes espazos quedan incluídos no ámbito do conxunto histórico e, independentemente da protección que lle corresponda como ben de interese cultural e de que as accións que sobre el se leven a cabo estean encamiñadas á súa conservación e mellora, as intervencións que afecten estas áreas non deturparán a percepción do monumento e non alterarán a visión do conxunto que inclúe a capela.

Fóra do ámbito do conxunto histórico inclúense dentro do contorno de protección as rúas de acceso á praza da Peregrina (rúa Michelena, rúa da Oliva, rúa da Peregrina), e, xunto con estes espazos, as edificacións que os conforman.

Nas rúas da Oliva e da Peregrina, en todo o seu traxecto, e nas rúas Michelena e Soportais da Ferraría, no último tramo, a visión do ben protexido pode verse dificultada pola existencia de carteis, sinais, paneis informativos e mobiliario urbano. É importante o coidado de todos aqueles elementos que se sitúan fóra da aliñación, sobrevoando ou ocupando o espazo público, que poidan interromper a relación visual coa capela. É por mor da acumulación destes elementos (farois, carteis, bandeirolas) polo que se ve interrompida a que debería ser unha comunicación fluída entre a capela da Peregrina e a praza de Ourense e os xardíns de Castro Sampedro.

Nas rúas pertencentes ao contorno os penais adquiren nalgúns casos unha forte presenza nas perspectivas visuais, xa sexa desde o ben protexido ou cara a el. Por iso que a protección se estende alén da fachada das rúas incluíndo:

– Cun fondo de 25 metros (fondo máximo dos edificios existentes -agás a planta baixa- e maior que o fondo edificable) os edificios da fachada noroeste da rúa da Oliva no tramo desde a rúa García Camba ata a praza da Peregrina, co obxecto de poder regular o volume das edificacións e o tratamento dos penais dos edificios que dan a esta rúa.

– Cun fondo de 24 metros (fondo edificable maior que o dos edificios) os edificios da fachada sur da rúa Michelena no tramo desde a rúa Gutiérrez Mellado ata a praza da Peregrina.

– Inclúese ademais, dentro do contorno de protección, parte do quinteiro delimitado polas rúas Michelena, dos Soportais da Ferraría e Fernando Villaverde.

Así mesmo, inclúese o quinteiro delimitado polas rúas García Camba, da Oliva e Peregrina. Os edificios que dan fronte ás rúas da Oliva e da Peregrina inclúense co obxecto de regular o volume das edificacións, o tratamento dos penais dos edificios que dan a esta rúa e aqueles elementos que poidan sobresaír das aliñacións da rúa; e respecto dos edificios que dan á rúa García Camba, a modificación do volume dos edificios podería afectar a percepción da capela dentro do seu contorno.

II. Descrición da delimitación do contorno.

O contorno de protección proposto queda literalmente referenciado mediante a cita dos predios catastrais e rúas por as que discorre a demarcación detallada graficamente segundo o plano que se xunta (anexo II). Para a delimitación do contorno de protección pártese do punto 1 situado na esquina nordeste do predio catastral 9479603NG2997N. Desde este punto, e coincidindo coas aliñacións cara ao sur da marxe oeste das rúas Cobián Rofignac e Daniel de la Sota, cruza a rúa da Peregrina ate o punto 2 situado sobre a aliñación á rúa García Camba da parcela catastral 9478016NG2997N, no cruzamento das rúas Peregrina e García Camba. Segue a aliñación da rúa García Camba cara ao oeste e prolóngase esta liña cruzando a rúa da Oliva ata o punto 3, situado na aliñación da rúa da Oliva entre os predios catastrais 9278617NG2997N e 9278616NG2997N (n.º 18 da rúa da Oliva). Desde este punto segue o linde entre os dous predios ata o punto 4, situado a unha distancia de vinte e cinco metros da aliñación. Desde este punto o límite do contorno segue cara ao nordeste por unha liña paralela á aliñación da rúa da Oliva ata o punto 5, situado na intersección desta liña con outra liña paralela á aliñación que este quinteiro ten á rúa Michelena, e situada a 24 metros da dita aliñación. Desde este punto segue esta liña ata ao punto 6 de intersección entre esta e o linde da parcela 9278636NG2997N. Segue a liña do límite entre este predio e o predio 9278601NG2997N ata o punto 7, situado entre estas dúas parcelas na aliñación da rúa Gutiérrez Mellado. Continúa sobre esta aliñación cara ao norte e prolóngase cruzando a rúa Michelena ata o punto 8, situado na esquina suroeste do predio catastral 9379224NG2997N e sobre a aliñación da rúa Michelena. Segue esta aliñación ata o punto 9, situado na esquina suroeste do predio catastral 9379209NG2997N. Desde este punto segue polo lindeiro noroeste deste predio ata o punto 10, situado entre o predio catastral mencionado e a 9379208NG2997N, no cruzamento coa rúa dos Soportais da Ferraría. O límite do contorno de protección atravesa esta rúa e continúa desde o extremo sur da parcela catastral 9380617NG2998S coincidindo coa aliñación deste quinteiro á praza da Ferraría ata o punto 11, situado na esquina suroeste do predio catastral 9480223NG2998S. Segue a aliñación deste predio e dos predios catastrais 9480222NG2998S e 9480221NG2998S. Ao chegar á esquina nordeste deste último predio catastral cruza ao punto 12, situado na esquina do predio catastral 9480908NG2998S. Desde este punto segue coincidindo coa aliñación deste predio e do predio 9480907NG2998S á praza da Estrela. Esta liña prolóngase e cruza o paseo de Antonio Odriozola ata a fachada da delegación de Facenda, onde se sitúa o punto 13. Desde aquí segue a liña da fachada cara ao sur e segue coincidindo a delimitación do contorno de protección co límite da parcela catastral 9479601NG2997N cara ao leste, ata o predio catastral 9479602NG2997N (igrexa de San Francisco), onde se sitúa o punto 14. Continúa cara ao sur primeiro e despois cara ao leste coincidindo co límite da parcela e bordeando a parcela 9479610NG2997N polo oeste e o norte, a parcela 9479609NG2997N polo norte e o leste, a parcela 9479608NG2997N polo oeste e o norte e as parcelas, 9479607NG2997N, 9479606NG2997N, 9479605NG2997N e 9479603NG2997N polo norte, ata chegar ao punto de partida (1).

III. Delimitación gráfica.

missing image file