Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 207 Venres, 28 de outubro de 2011 Páx. 31777

IV. Oposicións e concursos

Servizo Galego de Saúde

RESOLUCIÓN do 26 de outubro de 2011, da Dirección de Recursos Humanos, pola que se abre o prazo para inscrición de aspirantes de diversas categorías sanitarias de formación profesional (persoal técnico superior) para vinculacións temporais no ámbito das institucións sanitarias do Servizo Galego de Saúde e entidades adscritas á Consellería de Sanidade.

No pacto subscrito pola Administración sanitaria de Galicia e as centrais sindicais CC.OO., CEMSATSE, CIG, CSIF, UGT e USAE, publicado no DOG n.º 89, do 9 de maio de 2011, mediante Resolución conxunta do 26 de abril de 2011, da Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Sanidade e da Xerencia do Servizo Galego de Saúde, sobre selección de persoal estatutario temporal no ámbito do Servizo Galego de Saúde e entidades públicas adscritas á Consellería de Sanidade, regúlase o procedemento de selección das persoas aspirantes a nomeamentos estatutarios temporais no ámbito do Servizo Galego de Saúde e entidades públicas adscritas á Consellería de Sanidade.

Este pacto aplicarase a todos os nomeamentos temporais que resulte necesario formalizar nas diversas categorías estatutarias no ámbito do Servizo Galego de Saúde e entidades públicas adscritas á Consellería de Sanidade, baixo as modalidades establecidas no artigo 9 da Lei 55/2003, do 16 de decembro.

De acordo co punto 1.4.5 do pacto citado, como consecuencia dos importantes cambios organizativos e de carácter técnico que supón a aplicación do expediente electrónico a procesos de selección, logo de acordo na comisión central de seguimento do pacto na súa sesión do 27 de setembro, a primeira inscrición formalízase para as seguintes categorías sanitarias de formación profesional de grao superior:

1. Técnico superior en anatomía patolóxica e citoloxía.

2. Técnico superior en radioterapia.

3. Técnico superior en hixiene bucodental.

4. Técnico superior en imaxe para o diagnóstico clínico (antes TER).

5. Técnico superior en laboratorio de diagnóstico clínico.

As persoas interesadas en formar parte das listas deberán inscribirse nos modelos formalizados de instancia e a través do currículo profesional habilitado electronicamente na páxina web do organismo www.sergas.es, na epígrafe FIDES/expedient-e, imprimir o formulario en papel e formalizar o rexistro administrativo.

Na inscrición farase constar expresamente a/s categoría/s a que opta e o ámbito territorial de dispoñibilidade, as opcións por áreas especiais, e demais declaracións que constan no modelo de inscrición.

As listas xeraranse coas persoas inscritas antes de que remate o prazo previsto nesta resolución. Os méritos que computarán nesta primeira xeración de listas serán os causados ata o día 15 de novembro de 2011, coa puntuación e número de orde que resulte da aplicación dos baremos OPE 2008/2009.

A partir desta primeira xeración, a inscrición será aberta e permanente no sistema informático expedient-e, coas previsións contidas nestes puntos II.4.3.1 e II.4.4 do pacto.

Nos diversos centros de xestión do organismo, nas unidades de validación constituídas neles, facilitaráselles ás persoas interesadas a información e o apoio para a presentación da solicitude de inscrición e demais actuacións de xestión do expedient-e e dos procesos habilitados. Así mesmo, estarán á disposición das persoas interesadas equipamentos informáticos nos distintos centros, para facilitar o acceso ás persoas que non dispoñan de tales medios.

Esta resolución dítase tendo en conta o principio de igualdade de trato entre mulleres e homes, no que se refire ao acceso ao emprego, de acordo co artigo 14 da Constitución española, coa Directiva comunitaria do 9 de febreiro de 1976 e no previsto na Lei orgánica 3/2007, do 22 de marzo, para a igualdade efectiva de mulleres e homes, así como na Lei 7/2004, do 16 de xullo, galega para igualdade de mulleres e homes, na redacción modificada pola Lei 2/2007, do 28 de marzo, do traballo en igualdade das mulleres de Galicia.

Logo do acordo do contido desta resolución no seo da Comisión central de seguimento do pacto celebrada o día 27 de setembro, esta Dirección de Recursos Humanos

RESOLVE:

Primeiro. Obxecto.

Por medio desta resolución procédese a abrir o prazo para a inscrición das persoas aspirantes interesadas en presentar a súa solicitude nas listas que se confeccionen en aplicación do pacto de selección temporal de persoal estatutario do Servizo Galego de Saúde (Diario Oficial de Galicia n.º 89, do 9 de maio de 2011), para o acceso ás vinculacións temporais neste organismo, nas seguintes categorías de persoal:

1. Técnico superior en anatomía patolóxica e citoloxía.

2. Técnico superior en radioterapia.

3. Técnico superior en hixiene bucodental.

4. Técnico superior en imaxe para o diagnóstico clínico (antes TER).

5. Técnico superior en laboratorio de diagnóstico clínico.

Segundo. Solicitudes e prazo.

1. Solicitudes de inscrición.

1.1. A inscrición resulta obrigatoria para todos/as interesados/as en figurar nas listas que se elaboren por cada categoría das previstas no punto anterior, que deberán presentar unha solicitude por cada categoría a que se presenten. Unha vez confirmada a inscrición electronicamente no formulario de solicitude, non poderá modificarse. O formulario confirmado debe imprimirse e presentarse nos rexistros administrativos.

1.2. A solicitude formalizarase nos modelos normalizados de instancia e a través do currículo profesional habilitado electronicamente na páxina web do organismo www.sergas.es, na epígrafe correspondente do FIDES/expedient-e, na epígrafe procesos.

1.3. Na inscrición farase constar expresamente a/s categoría/s a que opta e o ámbito territorial de dispoñibilidade, as opcións por áreas especiais, e demais declaracións que constan no modelo relacionadas cos requisitos de admisión.

1.4. As persoas de acceso libre terán que inscribirse dentro da epígrafe de selección temporal. O persoal fixo do Servizo Galego de Saúde para participar na promoción interna temporal terá que inscribirse dentro da epígrafe de promoción profesional.

1.5. As áreas e zonas que comprenden os ámbitos de inscrición das listas recóllense no anexo I. As áreas especiais no anexo II.

1.6. As persoas aspirantes poderán solicitar a súa inclusión nunha ou máis das categorías convocadas, por ser estas compatibles, ben que nunha única área/zona. En caso de indispoñibilidade nalgunha área ou zona, acudirase ás limítrofes (anexo III). Os centros que comprenden as áreas son os determinados nos respectivos mapas sanitarios.

1.7. As solicitudes en papel, que resultan da impresión da inscrición automatizada, poderán presentarse nas oficinas de rexistro da Xunta de Galicia, nos rexistros das direccións provinciais do Servizo Galego de Saúde e nos rexistros dos centros hospitalarios e das xerencias de atención primaria do Servizo Galego de Saúde, e nas xerencias de Área, de ser o caso, así como nos órganos e nas condicións a que se refire o artigo 38 da Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, e dirixiranse a unha unidade de validación das relacionadas no propio formulario electrónico de solicitude de inscrición. Recoméndase remitir a inscrición á mesma unidade onde xa consta o resto de documentación de méritos, de ser o caso.

1.8. A inscrición electrónica, unha vez xerada, non será modificable. De haber diferenzas entre os datos rexistrados electronicamente e os rexistrados administrativamente en papel, terán validez estes últimos sobre os primeiros.

2. Prazo:

2.1. Para que a solicitude e os méritos sexan tidos en conta na primeira xeración de listas, deberán estar rexistrados e acreditados antes do día 30 de novembro de 2011. Para a primeira xeración de listas, poderanse formalizar as solicitudes desde o 2 de novembro de 2011 ata o 30 de novembro de 2011. Os méritos computables serán os causados ata o 15 de novembro e acreditados dentro do prazo.

2.2. Para adquirir a condición de aspirante nas novas listas, figúrese ou non nas listas con anterioridade, será requisito imprescindible presentar a solicitude por dúas vías: electrónica e documental.

2.3. Unha vez xeradas as primeiras listas, a inscrición será aberta e permanente. De rexistrar a inscrición con posterioridade ao día 30 de novembro de 2011, o/a aspirante figurará na seguinte xeración de listas.

Terceiro. Requisitos.

1. Normas xerais.

Poderán inscribirse nas listas as persoas interesadas que, antes do remate do prazo previsto no punto 2.1, reúnan os seguintes requisitos:

1.1. Requisitos comúns.

a) Nacionalidade.

a.1) Ter a nacionalidade española.

a.2) Ser nacional dalgún dos demais Estados membros da Unión Europea ou nacional dalgún Estado en que, en virtude dos tratados internacionais celebrados pola Unión Europea e ratificados por España, sexa de aplicación a libre circulación de traballadores/as.

a.3) Tamén poderán participar, calquera que sexa a súa nacionalidade, o cónxuxe dos/as españois e dos/as nacionais dalgún dos demais Estados membros da Unión Europea e dos/as nacionais dalgún Estado ao/s cales, en virtude dos tratados internacionais celebrados pola Unión Europea e ratificados por España, sexa de aplicación a libre circulación de traballadores/as, sempre que non estean separados/as de dereito. Así mesmo, coas mesmas condicións poderán participar os/as seus/súas descendentes e os/as do seu cónxuxe sempre que non estean separados/as de dereito, sexan menores de 21 anos ou maiores da devandita idade dependentes.

b) Idade: ter cumpridos os 16 anos de idade e non exceder a idade de xubilación forzosa.

c) Capacidade funcional: posuír a capacidade funcional necesaria para o desempeño das funcións que deriven do/s correspondente/s nomeamento/s, que se acreditará conforme o procedemento que para o efecto se estableza.

Para a protección da seguridade e saúde dos profesionais e da calidade asistencial, a Administración sanitaria poderá requirir, en calquera momento, da UPRL ou órgano competente, no transcurso dalgunha vinculación e a través do procedemento que para o efecto se estableza, a verificación do mantemento da capacidade funcional das persoas aspirantes cando, por razón das ausencias destas no transcurso de vinculacións precedentes ou de calquera outra circunstancia, resulte necesario determinar a súa aptitude para futuros nomeamentos.

Se como resultado da valoración se concluíse que a persoa aspirante non reúne a capacidade funcional necesaria, esta manterase en situación de suspensión de chamamentos na lista da categoría correspondente ata a recuperación do dito requisito. No entanto, a persoa aspirante suspendida poderá solicitar a revisión da súa capacidade funcional, de considerar que se produciu unha mudanza desta, ante o citado órgano.

d) Habilitación: non ter sido separado/a do servizo, mediante expediente disciplinario, de calquera servizo de saúde ou Administración pública nos seis anos anteriores, nin estar inhabilitado con carácter firme para o exercicio de funcións públicas nin, se é o caso, para a correspondente profesión.

No caso dos/as nacionais doutro Estado, non atoparse inhabilitado/a, por sanción ou pena, para o exercicio profesional ou para o acceso a funcións ou servizos públicos nun Estado membro, nin ser separado/a, por sanción disciplinaria, dalgunha das administracións ou servizos públicos nos seis anos anteriores.

e) Titulación: posuír a titulación prevista na Resolución da Secretaría Xeral do Servizo Galego de Saúde do 18 de febreiro de 2009, publicada no DOG n.º 40, do 26 de febreiro de 2009, pola que se convoca concurso oposición para diversas categorías de persoal estatutario, que habilita para o exercicio da profesión correspondente ou estar en condicións de obtela antes da data prevista no punto 2.1. Os requisitos recóllense no anexo IV.

No caso de titulacións obtidas no estranxeiro, deberán posuír o documento que acredite fidedignamente a súa homologación.

Para o desenvolvemento de actividades que impliquen a manipulación de material ou equipamentos radioactivos con fins médicos, as persoas aspirantes deberán estar provistas da oportuna licenza de operador concedida polo Consello de Seguridade Nuclear no campo de aplicación correspondente, que lles será requirida no momento da vinculación correspondente no centro que corresponda, ben que deben rexistrar o título na epígrafe de «outros méritos» do expedient-e e acreditalo na unidade de validación.

f) Aboamento das taxas por dereito de 1.ª inscrición que, se é o caso, correspondan, segundo o disposto na base décima.

Os requisitos deben reunirse durante todo o período de permanencia na lista correspondente.

1.2. Promoción profesional:

O persoal fixo interesado en promocionar internamente dentro da súa área ou zona, deberá reunir, ademais dos requisitos indicados no punto anterior, os seguintes requisitos:

a) Ter a condición de persoal estatutario fixo no Servizo Galego de Saúde nunha categoría/especialidade de nivel académico igual ou inferior a aquela a que se opta.

b) Estar en servizo activo e con nomeamento como persoal estatutario fixo durante, polo menos, un ano na categoría de procedencia. Ao persoal integrado no réxime estatutario seralle computado, para os efectos do prazo previsto no parágrafo anterior, o tempo de servizos prestado como funcionario de carreira ou laboral fixo.

2. Aspirantes excluídos.

Non serán admitidas as solicitudes das persoas que fosen excluídas das listas confeccionadas en aplicación dos pactos do 1 de abril de 1993 (DOG do 13 de abril), do 27 de abril de 1994 (DOG do 12 de maio), do 21 de decembro de 1995 (DOG do 19 de xaneiro), do 28 de febreiro de 1997 (DOG do 10 de marzo), do 4 de febreiro de 2000 (DOG do 25 de febreiro) e do 24 de maio de 2004 (DOG do 1 de xuño) polas causas de penalización previstas nos citados pactos, agás que dispoñan de autorización expresa para reincorporarse ás listas, nos termos dispostos no punto IV deste pacto.

3. Habilitación.

Para participar no procedemento de selección temporal:

– Aspirantes de nacionalidade española: non ter sido separados/as do servizo, mediante expediente disciplinario, de calquera servizo de saúde ou Administración pública nos seis anos anteriores, e non estar inhabilitados con carácter firme para o exercicio de funcións públicas nin, se é o caso, para a correspondente profesión.

– Aspirantes nacionais doutro Estado: non estar excluídos/as definitivamente das listas de vinculacións temporais do Servizo Galego de Saúde da correspondente categoría, non atoparse inhabilitados/as, por sanción ou pena, para o exercicio profesional ou para o acceso a funcións ou servizos públicos nun Estado membro, nin ser separados/as por sanción disciplinaria dalgunha das administracións ou servizos públicos nos seis anos anteriores.

Cuarto. Rexistro electrónico de datos e avaliación.

4.1. Os datos persoais e demais requisitos e méritos deberán ser rexistrados logo do acceso a expedient-e, expediente electrónico profesional iniciado pola Resolución do 15 de xullo de 2011 (DOG n.º 139, do 20 de xullo).

4.2. A acreditación do cumprimento dos requisitos e méritos consignados no expediente e no formulario de inscrición debe ser efectuada pola persoa interesada antes de que remate o prazo do punto 2.1. Para iso, deben achegar os documentos orixinais ou copias compulsadas con anterioridade a data prevista no punto 2.1, no caso de non telo feito con anterioridade, desde a apertura do expedient-e o 20 de xullo de 2011; de ser así, non terán que volver a entregar a documentación xa presentada. Non obstante, a Administración en calquera momento poderá requirir á persoa aspirante a acreditación documental complementaria de calquera requisito ou mérito.

4.3 Non será necesario acreditar documentalmente, porque o órgano convocante xa dispón destes datos, a seguinte información:

– A superación do exercicio ou exercicios da fase de oposición da última convocatoria de OPE das categorías convocadas.

– A experiencia en áreas especiais nas institucións sanitarias do Servizo Galego de Saúde e entidades adscritas á Consellería de Sanidade.

– A experiencia profesional como persoal estatutario nas institucións sanitarias do Servizo Galego de Saúde e entidades adscritas á Consellería de Sanidade.

– Datos validados no sistema informático expedient-e.

4.4. A falta de acreditación pola persoa interesada do cumprimento dos requisitos de admisibilidade consignados na solicitude de inscrición así como a consignación de datos falsos nela, levará consigo a perda do dereito a figurar inscrita na lista correspondente, sen prexuízo das demais responsabilidades que procedan.

Quinto. Áreas especiais.

A opción ás listaxes especiais formalizarase no modelo normalizado de solicitude de acordo co seguinte:

1. Técnico superior de anatomía patolóxica na área de citodiagnóstico. Nas áreas especiais do anexo II.

2. Técnico superior de imaxe para o diagnóstico, área especial para a/s unidade/s móbil/es de resonancia magnética de Galaria na área de Vigo.

3. Técnico superior de laboratorio de imaxe para o diagnóstico para Unidade de Fraccionamento do Centro de Transfusión de Galicia na área de Santiago.

A cobertura das necesidades de vinculación efectuarase, con carácter preferente, con aquelas persoas aspirantes que, ademais dos requisitos previstos no punto terceiro, fagan constar na solicitude de inscrición e acrediten, nos termos exixidos no pacto, unha experiencia profesional mínima de dous meses na/s referida/s área/s e categoría, dentro do Sistema Nacional de Saúde e/ou formación práctica específica na categoría e área/s solicitada/s, impartida polo Servizo Galego de Saúde e así se acredite.

A formación práctica prevista no punto anterior será impartida polo Servizo Galego de Saúde conforme o procedemento e instrucións que en desenvolvemento deste pacto se elaboren no seo da Comisión Central de Seguimento do pacto.

Nas listas que se elaboren correspondentes ás categorías indicadas farase constar de forma diferenciada a relación de persoas aspirantes que acreditaron tales méritos e área de acreditación.

Sexto. Nomeamentos a tempo parcial.

As persoas interesadas que soliciten a inclusión nas listas deberán facer constar no espazo habilitado no formulario de inscrición a súa voluntaria aceptación ou non ás ofertas de nomeamentos a tempo parcial que poidan xurdir na categoría e ámbito respectivo.

En defecto de consignación expresa, entenderase que a persoa aspirante non acepta voluntariamente a formalización deste tipo de nomeamentos.

O chamamento para a formalización de nomeamentos a tempo parcial nos centros e institucións do Servizo Galego de Saúde efectuarase a favor das persoas aspirantes que manifestasen expresamente a súa opción de dispoñibilidade á formalización dese tipo de vínculos. Nos chamamentos que se efectúen respectarase a orde de puntuación das persoas aspirantes.

Nos supostos de non dispoñibilidade de profesionais con opción voluntaria á formalización de nomeamentos a tempo parcial, os chamamentos efectuaranse entre as persoas aspirantes que figuren inscritas na lista da respectiva categoría, con independencia da opción formulada e seguindo rigorosamente a orde de puntuación. A renuncia ao nomeamento proposto penalizarase nos termos do punto IV do pacto.

Sétimo. Puntuación.

7.1. Para proceder a resolver sobre a avaliación de méritos das persoas aspirantes, constituirase unha comisión de avaliación que estará composta por persoal designado pola Administración sanitaria nos servizos centrais do organismo.

7.2. A puntuación obterase automaticamente por aplicación dos resultados e puntuación obtida nos exercicios do concurso oposición destas categorías e o baremo de méritos previsto na Resolución do 18 de febreiro de 2009, publicada no DOG do 26 de febreiro, así como as demais disposicións previstas no punto II.3 de baremo do pacto (Diario Oficial de Galicia n.º 89, do 9 de maio).

Oitavo. Procedemento de elaboración das listas.

As listas de selección de persoal estatutario temporal das categorías convocadas elaboraranse de conformidade con previsto no punto II.4 do pacto citado.

A elaboración das listas efectuarase a través do sistema informático (FIDES/expediente profesional), ao cal se accederá a través da páxina web do Servizo Galego de Saúde.

Integrarán cada área sanitaria/zona, para os efectos desta convocatoria, os centros, unidades e dispositivos asistenciais dependentes do Servizo Galego de Saúde e entidades públicas adscritas á Consellería de Sanidade con localización no referido ámbito territorial, nos termos da normativa autonómica sobre estrutura de áreas e ordenación territorial no ámbito sanitario.

As listas publicaranse con carácter provisional, e os/as interesados/as poderán presentar reclamacións perante as direccións das áreas de xestión integrada, as direccións provinciais do organismo e as direccións con competencias na xestión de persoal nas entidades adscritas á Consellería de Sanidade, nun prazo máximo de dez días hábiles a partir do día seguinte ao da súa publicación.

As reclamacións entenderanse estimadas ou desestimadas coa publicación das listaxes definitivas.

Contra as listas definitivas os/as aspirantes poderán interpoñer recurso contencioso- administrativo no prazo de dous meses contados a partir do día seguinte ao da súa publicación, ante o xulgado do contencioso-administrativo competente, de conformidade co establecido na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa. Potestativamente e con carácter previo, poderán interpoñer recurso de reposición ante a Dirección de Recursos Humanos do Servizo Galego de Saúde no prazo dun mes contado desde o día seguinte ao da data de publicación das listas definitivas.

Noveno. Entrada en vigor das listas.

As listas que se elaboren en execución desta convocatoria entrarán en vigor na data indicada na publicación das listaxes definitivas de persoas aspirantes admitidas e excluídas.

A publicación das listas formalizarase na páxina web do organismo (www.sergas.es).

O chamamento e demais características da xestión das listas serán as previstas no pacto citado.

Décimo. Aboamento de taxas.

De conformidade co disposto na Lei 6/2003, do 9 de decembro, de taxas, prezos e exaccións reguladoras da Comunidade Autónoma de Galicia (DOG nº 240, do 11 de decembro) como requisito necesario para participar neste proceso, as persoas aspirantes que accedan por primeira vez e aquelas que, figurando nas listaxes anteriores, soliciten o cambio de categoría ou, de ser o caso, a inscrición nunha ou máis dunha categoría adicional das convocadas nesta resolución, deberán aboar previamente, en concepto de dereitos de inscrición nas listaxes o importe de 16,98 € e, se é o caso, os gastos de transferencia correspondentes, mediante ingreso ou transferencia bancaria nalgunha das sucursais das entidades financeiras colaboradoras autorizadas para a recadación.

O impreso de autoliquidación, así como os códigos para a súa formalización, seranlles facilitados ás persoas interesadas nas direccións provinciais do Servizo Galego de Saúde, nos centros e complexos hospitalarios, nas xerencias de área e nas xerencias de atención primaria e estarán publicados, así mesmo, na páxina web do Servizo Galego de Saúde. A non presentación deste impreso de autoliquidación, en que deberá figurar o selo da entidade bancaria, xunto co formulario de solicitude de inscrición, determinará a exclusión da persoa aspirante.

Así mesmo, poderase facer efectivo o aboamento da taxa pola internet nas entidades financeiras actualmente autorizadas. En tal caso, accederase á páxina web da Consellería de Economía e Facenda (www.economiaefacenda.org) e, dentro desta, á lenda «Oficinas virtuais e tributaria». Premerase entón a lenda «Servizos de acceso libre», e logo, situándose no menú da marxe esquerda, premerase «Taxas, prezos, multas e sancións». Realizado o pagamento da taxa correspondente, imprimirase o xustificante de tela aboado e achegarase coa solicitude.

En ningún dos casos este xustificante substituirá o trámite de presentación da solicitude no tempo e na forma establecidos.

Estarán exentas do aboamento desta taxa as persoas que acrediten unha discapacidade igual ou superior ao 33%, así como as que sexan integrantes de familias numerosas clasificadas na categoría especial; no caso de seren membros de familia numerosa de categoría xeral, terán unha bonificación do 50%. Así mesmo, gozarán dunha bonificación do 50% as persoas que figurasen como demandantes de emprego, desde polo menos seis meses antes da data de publicación desta resolución, e non estivesen percibindo prestación ou subsidio por desemprego.

Tales circunstancias deberán ser acreditadas, respectivamente, mediante fotocopia compulsada da cualificación de discapacidade, a través do título oficial de familia numerosa, ou con certificación negativa da percepción actual de prestación/subsidio por desemprego e da antigüidade como demandante de emprego expedida polo Servizo Público de Emprego.

Así mesmo, non terán que aboar esta taxa as persoas aspirantes xa inscritas en procesos precedentes que tan só soliciten o cambio de área/zona de inscrición e/ou o acceso a algunha ou algunhas das áreas especiais, así como as que, a través de expedient-e, modificasen os seus datos persoais ou actualizasen o seu currículo de méritos.

As persoas excluídas disporán do prazo dun mes, contado a partir do día seguinte ao da data da resolución pola que se publiquen as listas de persoas aspirantes admitidas e excluídas, para solicitar a devolución das taxas aboadas en concepto de inscrición.

Santiago de Compostela, 26 de outubro de 2011.

Esperanza Fernández Lago
Directora de Recursos Humanos do Servizo Galego de Saúde

ANEXO I
Áreas e zonas

Ámbitos das listas.

1. Ferrol (segundo a ordenación disposta no Decreto 126/1984, do 27 de xullo, do mapa sanitario de Galicia, modificado polo Decreto 55/1989, do 5 de abril).

2. A Coruña (segundo a ordenación disposta no Decreto 126/1984, do 27 de xullo, do mapa sanitario de Galicia, modificado polo Decreto 55/1989, do 5 de abril; de acordo coa revisión prevista no anexo I do Decreto 168/2010, do 7 de outubro, polo que se regula a estrutura de xestión integrada do Servizo Galego de Saúde; e con exclusión dos dispositivos asistenciais dispostos no parágrafo 3 seguinte).

3. A Coruña/zona de Cee:

3.1. Atención Primaria:

3.1.1. Concello de Camariñas-Centro de Saúde de Camariñas, Consultorio de Camelle e Consultorio de Ponte do Porto.

3.1.2. Concello de Vimianzo-Centro de Saúde de Vimianzo e PAC de Vimianzo.

3.1.3. Concello de Zas-Centro de Saúde de Zas e Consultorio de Baio.

3.1.4. Concello de Cee-Centro de Saúde de Cee e PAC de Cee.

3.1.5. Concello de Corcubión-Centro de Saúde de Corcubión.

3.1.6. Concello de Dumbría-Centro de Saúde de Dumbría e Consultorio do Ézaro.

3.1.7. Concello de Fisterra-Centro de Saúde de Fisterra.

3.1.8. Concello de Muxía-Centro de Saúde de Muxía.

3.2. Atención especializada:

3.2.1. Hospital Virxe da Xunqueira (Cee).

4. Santiago de Compostela (segundo a ordenación disposta no Decreto 126/1984, do 27 de xullo, do mapa sanitario de Galicia, modificado polo Decreto 55/1989, do 5 de abril; de acordo coa revisión prevista no anexo II do Decreto 168/2010, do 7 de outubro, polo que se regula a estrutura de xestión integrada do Servizo Galego de Saúde; e con exclusión dos dispositivos asistenciais dispostos no parágrafo 5 seguinte).

5. Santiago de Compostela/zona da Barbanza:

5.1. Atención Primaria:

5.1.1. Concello de Boiro-Centro de Saúde de Boiro, Casa do Mar Cabo de Cruz e PAC de Boiro.

5.1.2. Concello de Lousame-Centro de Saúde de Lousame.

5.1.3. Concello de Porto do Son-Centro de Saúde de Porto do Son, Centro de Saúde de Xuño e Consultorio de Portosín.

5.1.4. Concello da Pobra do Caramiñal-Centro de Saúde da Pobra do Caramiñal.

5.1.5. Concello de Ribeira-Centro de Saúde de Ribeira, Casa do Mar de Aguiño, Casa do Mar de Corrubedo e Casa do Mar de Palmeira.

5.2. Atención Especializada:

5.2.1. Hospital da Barbanza (Ribeira).

6. Ourense (segundo a ordenación disposta no Decreto 126/1984, do 27 de xullo, do mapa sanitario de Galicia, modificado polo Decreto 55/1989, do 5 de abril, con exclusión dos dispositivos asistenciais dispostos no parágrafo 7 deste anexo I).

7. Ourense/zona de Verín:

7.1. Atención Primaria:

7.1.1. Concello de Castrelo do Val-Centro de Saúde de Castrelo do Val.

7.1.2. Concello de Cualedro-Centro de Saúde de Cualedro.

7.1.3. Concello da Gudiña-Centro de Saúde da Gudiña.

7.1.4. Concello de Laza-Centro de Saúde de Laza.

7.1.5. Concello da Mezquita-Centro de Saúde da Mezquita.

7.1.6. Concello de Monterrei-Centro de Saúde de Vilaza-Monterrei e Consultorio de Albarellos.

7.1.7. Concello de Oímbra-Centro de Saúde de Oímbra.

7.1.8. Concello de Riós-Centro de Saúde de Riós.

7.1.9. Concello de Verín-Centro de Saúde de Verín e PAC de Verín.

7.1.10. Concello de Vilardevós-Centro de Saúde de Vilardevós.

7.1.11. Concello de Vilariño de Conso-Centro de Saúde de Vilariño de Conso.

7.2. Atención Especializada:

7.2.1. Hospital de Verín (Verín).

8. O Barco de Valdeorras (segundo a ordenación disposta no Decreto 50/1992, do 19 de febreiro, polo que se crea a Área de Saúde do Barco de Valdeorras).

9. Lugo (segundo a ordenación disposta no Decreto 126/1984, do 27 de xullo, do mapa sanitario de Galicia, modificado polo Decreto 55/1989, do 5 de abril).

10 Burela (segundo a ordenación disposta no Decreto 126/1984, do 27 de xullo, do mapa sanitario de Galicia, modificado polo Decreto 55/1989, do 5 de abril).

11. Monforte de Lemos (segundo a ordenación disposta no Decreto 126/1984, do 27 de xullo, do mapa sanitario de Galicia, modificado polo Decreto 55/1989, do 5 de abril).

12. Pontevedra (segundo a ordenación disposta no Decreto 126/1984, do 27 de xullo, do mapa sanitario de Galicia, modificado polo Decreto 55/1989, do 5 de abril).

13. O Salnés (segundo a ordenación disposta no Decreto 342/1992, do 19 de novembro, polo que se crea a Área de Saúde do Salnés).

14. Vigo (segundo a ordenación disposta no Decreto 126/1984, do 27 de xullo, do mapa sanitario de Galicia, modificado polo Decreto 55/1989, do 5 de abril).

ANEXO II
Áreas especiais de citodiagnóstico para a lista de técnico/a
superior de anatomía patolóxica

1. Ferrol (Área Sanitaria de Ferrol/Complexo Hospitalario Arquitecto Marcide/Novoa Santos).

2. A Coruña (Complexo Hospitalario Universitario da Coruña).

3. A Coruña/zona de Cee (Hospital Virxe da Xunqueira).

4. Santiago de Compostela (Complexo Hospitalario Universitario de Santiago de Compostela).

5. Burela (Hospital Comarcal da Costa, Burela).

6. Lugo (Complexo Hospitalario Lucus Augusti, Lugo).

7. Monforte (Hospital Comarcal de Monforte).

8. Ourense (Complexo Hospitalario Universitario de Ourense).

9. Pontevedra (Complexo Hospitalario de Pontevedra).

10. Vigo (Complexo Hospitalario Universitario de Vigo).

ANEXO III
Áreas/zonas limítrofes

1. Para Ferrol-A Coruña. Santiago de Compostela, Lugo, Santiago/Zona da Barbanza e Burela, nesta orde.

2. Para A Coruña. A Coruña/zona de Cee, Ferrol, Santiago de Compostela, Lugo e O Salnés, nesta orde.

3. Para A Coruña/zona de Cee. A Coruña, Santiago de Compostela, Santiago de Compostela/zona da Barbanza, O Salnés e Pontevedra, nesta orde.

4. Para Santiago de Compostela. Santiago de Compostela/Zona da Barbanza, A Coruña, O Salnés, Pontevedra e Vigo, nesta orde.

5. Para Santiago de Compostela/zona da Barbanza. Santiago de Compostela, O Salnés, Pontevedra, Vigo e A Coruña, nesta orde.

6. Para Burela. Lugo, Monforte, Ferrol, A Coruña e Santiago de Compostela, nesta orde.

7. Para Lugo. Monforte, Burela, A Coruña, Ferrol e Santiago de Compostela, nesta orde.

8. Para Monforte. Lugo, Burela, Ourense, O Barco de Valdeorras e Ourense/zona de Verín, nesta orde.

9. Para Ourense. Ourense/zona de Verín, O Barco de Valdeorras, Monforte, Santiago de Compostela e Lugo, nesta orde.

10. Para Ourense/zona de Verín. Ourense, O Barco de Valdeorras, Santiago de Compostela, Monforte e Vigo, nesta orde.

11. Para O Barco de Valdeorras. Ourense, Ourense/zona de Verín, Monforte, Lugo e Santiago de Comspostela, nesta orde.

12. Para O Salnés. Pontevedra, Vigo, Santiago de Compostela, Santiago de Compostela/zona da Barbanza e A Coruña, nesta orde.

13. Para Pontevedra. O Salnés, Vigo, Santiago de Compostela, Santiago de Compostela/zona da Barbanza e Ourense, nesta orde.

14. Para Vigo. Pontevedra, O Salnés, Santiago de Compostela, Ourense e Santiago de Compostela/zona da Barbanza, nesta orde.

ANEXO IV
Requisitos de titulación

1. Para a lista de técnico/a superior en anatomía patolóxica e citoloxía (deberá posuír, alomenos, unha das indicadas):

• Título de técnico especialista en anatomía patolóxica (FP2, rama sanitaria).

• Título de técnico especialista en anatomía patolóxica e citoloxía (módulo profesional nivel 3, rama sanitaria).

• Técnico superior en anatomía patolóxica e citoloxía.

2. Para a lista de técnico/a superior en radioterapia (deberá posuír, alomenos, unha das indicadas):

• Título de técnico especialista en radioterapia (FP2, rama sanitaria).

• Título de técnico especialista en medicina nuclear (FP2, rama sanitaria).

• Técnico superior en radioterapia.

3. Para a lista de técnico/a superior en hixiene bucodental (deberá posuír, alomenos, unha das indicadas):

• Título de técnico especialista en hixiene bucodental (FP2, rama sanitaria).

• Técnico superior en hixiene bucodental.

4. Para la lista de técnico/a superior en imaxe para o diagnóstico clínico (deberá posuír, alomenos, unha das indicadas):

• Título de técnico especialista en imaxen para o diagnóstico clínico (FP2, rama sanitaria).

• Título de técnico especialista en medicina nuclear (FP2, rama sanitaria).

• Técnico superior en imaxe para o diagnóstico.

5. Para a lista de técnico/a superior en laboratorio de diagnóstico clínico (deberá posuír, alomenos, unha das indicadas):

• Título de técnico especialista en laboratorio (FP2, rama sanitaria).

• Técnico superior en laboratorio de diagnóstico clínico.