Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 214 Mércores, 9 de novembro de 2011 Páx. 32707

III. Outras disposicións

Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

RESOLUCIÓN do 18 de outubro de 2011, da Dirección Xeral de Relacións Institucionais e Parlamentarias, pola que se ordena a publicación do Acordo da Comisión Bilateral de Cooperación Administración Xeral do Estado-Comunidade Autónoma de Galicia en relación coa Lei 14/2010, do 27 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2011.

Consonte o establecido no artigo 33 da Lei orgánica 2/1979, do 3 de outubro, do Tribunal Constitucional, modificado pola Lei orgánica 1/2000, do 7 de xaneiro, esta dirección xeral dispón a publicación do acordo que figura como anexo nesta resolución.

Santiago de Compostela, 18 de outubro de 2011.

Roberto Castro García
Director xeral de Relacións Institucionais e Parlamentarias

ANEXO
Acordo da Comisión Bilateral de Cooperación Administración Xeral
do Estado-Comunidade Autónoma de Galicia en relación coa Lei 14/2010,
do 27 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autonoma
de Galicia para o ano 2011

A Comisión Bilateral de Cooperación Administración Xeral do Estado-Comunidade Autónoma de Galicia na súa reunión celebrada o día 29 de setembro de 2011 adoptou o seguinte acordo:

1.º De conformidade coas negociacións previas celebradas polo grupo de traballo constituído segundo o previsto no Acordo da Comisión Bilateral Comunidade Autónoma de Galicia-Estado, do 24 de marzo de 2011 para o estudo e proposta de solución das discrepancias competenciais manifestadas sobre a Lei 14/2010, do 27 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2011, ambas as partes as consideran resoltas segundo os compromisos seguintes asumidos respecto dos preceptos da dita lei:

A) En relación coas discrepancias manifestadas sobre o artigo 29.un, parágrafo segundo, ambas as partes coinciden en interpretar que o disposto nel debe entenderse no senso de que, aínda que se separa do disposto na normativa básica, non se produciu un incumprimento canto ao número de prazas debido a que as incluídas nas ofertas de emprego público publicadas ata a data pola Comunidade Autónoma de Galicia non superan a taxa de reposición de efectivos establecida como norma básica do 10 por cento xeral nin do 30 por cento respecto do persoal docente e ás corporacións locais de menos de 20.000 habitantes.

Partindo destas premisas, a Comunidade Autónoma de Galicia comprométese á súa plena adecuación á correspondente lei de orzamentos xerais do Estado de cada ano, non incluíndo a Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2012 excepción ningunha á taxa de reposición de efectivos da oferta de emprego público non recollida na correspondente Lei de orzamentos xerais do Estado.

Así mesmo, a Comunidade Autónoma de Galicia comprométese a que as ofertas de emprego público correspondentes ao exercicio económico de 2011 se axustarán aos límites da taxa de reposición establecidos na Lei de orzamentos do Estado para o ano 2011.

En consecuencia, e con respecto aos ditos límites, tendo en conta os decretos xa publicados, ata o final do presente exercicio a comunidade autónoma comprométese a convocar, se for o caso, só prazas das previstas na disposición transitoria cuarta da Lei 7/2007, do 12 de abril, do Estatuto básico do empregado público, e as que resulten do cumprimento da doutrina do Tribunal Supremo.

B) En relación co anexo II e as diferentes contías dos módulos económicos para os ciclos formativos de grao medio de 1.300 a 1.700 horas e 2.000 horas respecto das establecidas na Lei 39/2010, do 22 de decembro, de orzamentos xerais do Estado para 2011, ambas as partes consideran resolta a controversia por entenderen que, contando a comunidade autónoma cun complemento retributivo propio como é o complemento autonómico, as diferenzas de cantidade existentes nos módulos se achan compensadas polas contías do complemento citado.

2.º En razón ao acordo alcanzado, ambas as partes coinciden en considerar resoltas as discrepancias manifestadas en relación coas disposicións recollidas neste acordo e rematada a controversia suscitada.

3.º Comunicar este acordo ao Tribunal Constitucional para os efectos previstos no artigo 33.2 da Lei orgánica 2/1979, do 3 de outubro, do Tribunal Constitucional, así como inserir o presente acordo no Boletín Oficial del Estado e no Diario Oficial de Galicia.

Madrid, 29 de setembro de 2011.

Manuel Chaves González, vicepresidente do Goberno de Política Territorial e ministro de Política Territorial e Administración Pública. Alfonso Rueda Valenzuela, conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza.