Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 220 Xoves, 17 de novembro de 2011 Páx. 33671

III. Outras disposicións

Consellería de Economía e Industria

ORDE do 15 de novembro de 2011 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, das subvencións ás asociacións de comerciantes sen fins de lucro de ámbito superior ao municipal ou federacións, cofinanciadas polo Feder, no marco do Programa operativo Feder Galicia 2007-2013, para a incentivación da demanda comercial, en desenvolvemento do Plan ÁGORA, Agora Re-comercia 2010-2013, e se procede á súa convocatoria (IN220A).

O comercio tradicional na actualidade está sometido a un profundo proceso de cambio que exixe realizar un esforzo de renovación e adaptación continuo, co obxecto de que se volva situar na posición histórica que tradicionalmente veu desempeñando no desenvolvemento económico e social das nosas vilas e cidades. Por isto, o Plan ÁGORA, Agora Re-comercia 2010-2013, coa finalidade de acadar unha maior competitividade do comercio galego, así como a súa dinamización, recolle un conxunto de obxectivos entre os que cabe subliñar:

– Incentivar a demanda comercial e mellorar a loxística do comercio, así como acadar unha imaxe máis competitiva e dinámica do comercio galego polo miúdo.

Polo tanto, esta orde diríxese ás asociacións de comerciantes, de ámbito superior ao municipal ou federacións, sen fins de lucro que desenvolvan actuacións de incentivación da demanda comercial, a través de fórmulas conxuntas e integrais que superen a capacidade de actuación das asociacións de comerciantes de ámbito municipal, dando así resposta ao contido do Plan ÁGORA, Agora Re-comercia 2010-2013.

As actuacións desta convocatoria financiaranse coa participación do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder) e, polo tanto, a súa tramitación quedará condicionada ao cumprimento da normativa da Unión Europea nesta materia.

En virtude do exposto, e no exercicio das atribucións que me foron conferidas,

DISPOÑO:

Artigo 1. Convocatoria e bases reguladoras.

1. Esta orde ten por obxecto aprobar as bases, que se inclúen como anexo I, polas que se rexerá a concesión das subvencións da Consellería de Economía e Industria destinadas ás asociacións de comerciantes sen ánimo de lucro, de ámbito superior ao municipal ou federacións, para levar a cabo actuacións de incentivación da demanda comercial.

2. Así mesmo, por medio desta orde convócanse as devanditas subvencións para o ano 2011.

3. Para a concesión destas subvencións destínase un crédito de 1.230.000 euros con cargo á aplicación orzamentaria 08.03.751A 781.1 Asociacionismo comercial e integracións estratéxicas, dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia. Esta aplicación orzamentaria está cofinanciada nun 70% polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder) e o 30% restante polo Fondo de Compensación Interterritorial (FCI). As actuacións previstas están comprendidas no Programa operativo Feder Galicia 2007-2013, dentro do eixe 2, tema prioritario 08, actuación 08.

Artigo 2. Solicitudes.

Para poder ser beneficiario da subvención deberá presentarse unha solicitude axustada ao modelo normalizado que se inclúe como anexo II desta orde, que irá acompañada dos documentos que se especifican no artigo 4 das bases reguladoras.

Artigo 3. Lugar e prazo de presentación das solicitudes.

1. As solicitudes presentaranse preferentemente no rexistro da Xunta de Galicia, así como nos de calquera outro órgano da Administración xeral do Estado, das comunidades autónomas ou das entidades que integran a Administración local, sempre que neste último caso se teña subscrito o oportuno convenio, ou polos restantes medios previstos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

2. O prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

Artigo 4. Prazo de duración do procedemento de concesión.

Unha vez rematado o prazo para a presentación de solicitudes, estas serán tramitadas e valoradas de acordo co procedemento establecido nas bases reguladoras, que non poderá ter unha duración superior a seis meses.

Artigo 5. Información aos interesados.

Sobre este procedemento administrativo, que ten o código IN220A, poderase obter documentación normalizada ou información adicional na Dirección Xeral de Comercio, a través dos seguintes medios:

a) Páxina web oficial da consellería (http://economiaeindustria.xunta.es).

b) Os teléfonos da devandita dirección xeral: 981 54 54 17, 981 54 55 57.

c) O enderezo electrónico: cei.dxc.axudas@xunta.es

d) Presencialmente.

Así mesmo, para cuestións xerais sobre este ou outro procedemento, poderá facerse uso do teléfono de información xeral da Xunta de Galicia, que é o 012 (desde o resto do Estado: 902 12 00 12).

A Consellería de Economía e Industria velará polos datos de carácter persoal que serán obxecto de tratamento, e para eses efectos procederase á súa incorporación a un ficheiro que cumprirá as exixencias da Lei 15/1999, de protección de datos, adoptándose tanto as medidas de seguridade técnicas como organizativas.

A finalidade da recollida e tratamento dos datos persoais será estritamente a xestión e tramitación do expediente correspondente e as que deriven da aplicación da Lei 4/2006, de transparencia e boas prácticas na Administración pública galega.

Os datos non serán obxecto de cesión a terceiros, no entanto, a Consellería de Economía e Industria revelará ás autoridades públicas competentes os datos persoais e calquera outra información que estea no seu poder ou sexa accesible a través dos seus sistemas e sexa requirida de conformidade coas disposicións legais e regulamentarias aplicables ao caso. Decláranse recoñecidos e poderán exercerse os dereitos de acceso, cancelación, rectificación e oposición por escrito e achegando identificación suficiente ao seguinte enderezo, edificios administrativos San Caetano, San Caetano s/n, 15704 Santiago de Compostela, ou ben mediante o procedemento habilitado para o efecto e que poderá atopar na Guía do cidadán da páxina web da Xunta.

Disposición transitoria única. As obrigas contidas nos artigos 15.k) e 18.1.h) das bases reguladoras, recollidas no anexo I desta convocatoria, serán exixibles no momento da entrada en vigor do desenvolvemento regulamentario previsto no artigo 8 da Lei 13/2010, do 17 de decembro, de comercio interior de Galicia.

Disposición derradeira primeira. Habilitación para o desenvolvemento.

Facúltase a directora xeral de Comercio para que dite as resolucións que sexan precisas para o desenvolvemento e aplicación desta orde.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor.

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 15 de novembro de 2011.

Javier Guerra Fernández
Conselleiro de Economía e Industria

ANEXO I
Bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, das subvencións ás asociacións de comerciantes, de ámbito superior ao municipal ou federacións, sen fins de lucro, que desenvolvan actuacións de incentivación da demanda comercial, mediante fórmulas conxuntas e integrais que superen a capacidade de actuación das asociacións de comerciantes de ámbito municipal, en desenvolvemento do Plan ÁGORA, Agora Re-comercia 2010-2013 (IN220A)

Artigo 1. Obxecto e réxime da subvención.

1. As subvencións reguladas por estas bases teñen por obxecto a incentivación da demanda comercial.

2. O procedemento de concesión destas subvencións tramitarase en réxime de concorrencia competitiva, e quedará suxeito ao réxime de axudas de minimis, polo que non poderán exceder os límites cuantitativos (200.000 euros nun período de tres anos) establecidos no Regulamento (CE) n.º 1998/2006 da Comisión da Unión Europea, do 15 de decembro de 2006, relativo á aplicación dos artigos 87 e 88 do Tratado CE ás axudas de minimis (DOUE n.º L379/5, do 28.12.2006).

3. O procedemento de concesión destas subvencións quedará suxeito, pola orixe das partidas orzamentarias, aos regulamentos (CE) 1080/2006 (DOUE 31.7.2006), 1083/2006 (DOUE 31.7.2006) e 1828/2006 (DOUE 15.2.2007), relativos ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder) e a Orde EHA 524/2008, do 26 de febreiro, relativa aos gastos subvencionables polo Feder e o Fondo de Cohesión.

4. Considéranse actuacións subvencionables as relacionadas a continuación, sempre que estas sexan realizadas e efectivamente pagadas entre o 1 de xaneiro e o 23 de decembro de 2011.

Non obstante, en función da súa especial natureza, tamén se considerarán actuacións subvencionables, aquelas actuacións que se inicien no mes de decembro do ano 2010 e teñan continuidade ininterrompida no exercicio 2011, concretamente as actuacións derivadas da campaña de nadal 2010/2011.

Actuacións subvencionables.

A incentivación da demanda comercial que facilite o desenvolvemento de estratexias para a mellora da distribución, loxística e promoción comercial, levada a cabo polas asociacións de comerciantes de ámbito superior ao municipal ou federacións, a través de:

a) Actuacións de difusión e divulgación con fins promocionais realizados a través de publicidade que responda a un plan de medios de comunicación preestablecido.

b) Actuacións de difusión e divulgación con fins promocionais realizados a través de elaboración de material promocional como catálogos, folletos, carteis, bolsas ou similares.

c) Actuacións que teñan por finalidade a incentivación da demanda comercial e redunden nunha mellora da distribución e desenvolvemento da actividade comercial.

5. O desenvolvemento de campañas de dinamización ou actuacións encamiñadas á promoción das vendas deberán presentarse dentro dun proxecto de incentivación do consumo en que se amose a participación directa das asociacións de comerciantes integrantes na entidade beneficiaria ou dos establecementos comerciais asociados, de ser o caso.

6. Con carácter xeral e de acordo co establecido no artigo 29 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, considéranse gastos subvencionables aqueles que, de xeito indubidable, respondan á natureza da actividade subvencionable.

Así mesmo, de acordo co disposto no número 7 do devandito artigo os gastos financeiros, os de asesoría xurídica ou financeira, os gastos notariais e rexistrais, periciais e os gastos de garantía bancaria poderán ser subvencionables se están directamente relacionados coa actividade subvencionada e son indispensables para a adecuada preparación ou execución desta.

Os gastos subvencionables deberán estar realizados e efectivamente pagados entre o 1 de xaneiro e o 23 de decembro de 2011, coa excepción dos gastos efectuados no ano 2010, de acordo co establecido no número 4.

En ningún caso o custo da adquisición dos gastos subvencionables poderá ser superior ao valor de mercado.

7. Segundo o artigo 29.8 da Lei 9/2007, en ningún caso se consideran gastos subvencionables os impostos indirectos cando sexan susceptibles de recuperación ou compensación nin os impostos persoais sobre a renda.

Así mesmo, non serán subvencionables:

– Os custos de persoal.

– Os agasallos promocionais, nin a realización de cócteles e actos análogos.

– As campañas de dinamización, promoción ou calquera outra actuación que teñan exclusivamente por finalidade o patrocinio, colaboración ou axuda económica que comporten actividades lúdicas, turísticas, de exaltación gastronómica, ou similares, sen relación co fomento da actividade comercial.

– As bolsas que non sexan biodegradables e/ou reutilizables.

– As actuacións promovidas polos centros comerciais abertos ou polas asociacións de praceiros das prazas de abastos.

Artigo 2. Financiamento e concorrencia.

1. As subvencións que se establezan para as actuacións obxecto desta orde serán con cargo á aplicación orzamentaria 08.03.751A 781.1 Asociacionismo comercial e integracións estratéxicas, cun importe máximo de 1.230.000 euros, sen prexuízo de ulteriores variacións producidas como consecuencia da existencia dunha maior dispoñibilidade orzamentaria, o que poderá dar lugar á concesión de máis subvencións de acordo coa orde de prelación de solicitantes que resulte da aplicación dos criterios do artigo 9.

En concreto, o dito crédito poderase ampliar excepcionalmente cando o aumento derive de: a) unha xeración, ampliación ou incorporación de crédito, b) a existencia de remanentes doutras convocatorias financiadas con cargo ao mesmo crédito ou a créditos incluídos no mesmo programa ou en programas do mesmo servizo, c) no suposto previsto no artigo 25.3.º do regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

Este incremento quedará condicionado á declaración de dispoñibilidade de crédito como consecuencia das circunstancias antes sinaladas e, se for o caso, logo de aprobación da modificación orzamentaria que proceda.

Esta convocatoria está financiada nun 70% polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder) e o 30% restante polo FCI. As actuacións previstas están comprendidas no Programa operativo Feder Galicia 2007-2013, dentro do eixe 2, tema prioritario 08, actuación 08.

2. Investimentos máximos subvencionables e contía da subvención:

O investimento máximo subvencionable establecido para as actuacións contidas nesta orde é de:

– 200.000 euros para as federacións que conten con 30 ou máis asociacións federadas.

– 60.000 euros para as federacións que conten con menos de 30 asociacións federadas.

– 15.000 euros para as asociacións de ámbito superior ao municipal.

A porcentaxe de subvención será do 70% do investimento máximo subvencionable.

3. O importe das subvencións reguladas nesta orde en ningún caso poderán ser de tal contía que, illadamente ou en concorrencia con outras axudas das distintas administracións ou calquera dos seus entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, supere o custo da actividade subvencionada.

4. Ningunha operación recibirá de ningún fondo unha axuda superior ao custo elixible, de acordo coa normativa sobre gastos subvencionables dentro do Programa operativo Feder Galicia 2007-2013. No caso de percibir outras axudas financiadas por fondos europeos ou instrumentos financeiros comunitarios, garantirase que o conxunto das axudas non supere o custo elixible e que non existe dobre financiamento, de conformidade co artigo 34 do Regulamento (CE) 1083/2006.

5. A axuda de minimis non se acumulará con ningunha axuda estatal correspondente aos mesmos gastos subvencionables, se a acumulación dá lugar a unha intensidade de axuda superior á establecida para as circunstancias concretas de cada caso nun regulamento de exención por categorías ou nunha decisión adoptada pola Comisión Europea.

Artigo 3. Beneficiarios.

1. Poderán ser beneficiarias das subvencións, sen prexuízo de reunir os demais requisitos establecidos nestas bases, as asociacións de comerciantes sen fins de lucro, que estean legalmente constituídas e cuxo ámbito de actuación se desenvolva na Comunidade Autónoma de Galicia e supere o municipal, e as federacións de asociacións de comerciantes, legalmente constituídas, que pretendan levar a cabo proxectos de interese e transcendencia no ámbito comercial.

2. As entidades beneficiarias non poderán ter a consideración de empresa en crise conforme o disposto no artigo 1, alínea h) do Regulamento (CE) n.º 1998/2006, do 15 de decembro, relativo á aplicación dos artigos 87 e 88 do Tratado, ás axudas de minimis.

Artigo 4. Solicitudes.

1. As solicitudes para participar no procedemento de concesión da subvención presentaranse na forma e prazo que se indica na convocatoria.

2. Xunto coa solicitude deberá presentarse a seguinte documentación:

a) Acta e estatutos de constitución e modificacións posteriores, se é o caso, e acreditación da súa inscrición no rexistro correspondente, así como o código de identificación fiscal.

b) Poder suficiente de quen represente a entidade solicitante, xunto co seu documento nacional de identidade.

Alternativamente, de acordo co disposto no artigo 2.2.º do Decreto 255/2008, do 23 de outubro, polo que se simplifica a documentación para a tramitación dos procedementos administrativos e se fomenta a utilización de medios electrónicos, a persoa representante poderá dar o seu consentimento para que o órgano instrutor comprobe os seus datos de carácter persoal, unha vez que estea dispoñible o mecanismo, por medio de conexión telemática co servizo horizontal de acceso ao sistema de verificación de datos de identidade do Ministerio de Administracións Públicas. Para estes efectos, poderá cubrir a declaración que figura no modelo normalizado de solicitude. No caso de non prestar o seu consentimento, deberá presentarse o documento mencionado ao final do primeiro parágrafo.

c) Memoria de cada unha das actividades para as cales se solicita subvención, que incluirá, polo menos, a súa descrición, obxectivos, localización e calendario de realización, así como o número e características dos participantes e beneficiarios.

d) Copia da acta da sesión en que sexan informadas as entidades participantes do proxecto para o cal se solicita a subvención.

e) Orzamento detallado de gastos previstos para a realización de cada unha das actividades para as cales se solicita subvención, e factura ou, no seu defecto, factura pro forma da actividade ou adquisición que se subvencionará por quen vaia subministrar o ben ou prestar o servizo, así como plan de financiamento do proxecto.

Cando o importe do gasto subvencionable supere a contía de 30.000 euros no suposto de custo por execución de obra, ou de 12.000 euros no suposto de subministración de bens de equipo ou prestación de servizos por empresas de consultoría ou asistencia técnica, o beneficiario deberá solicitar como mínimo tres ofertas de diferentes provedores, con carácter previo á contratación do compromiso para a prestación do servizo ou a entrega do ben, salvo que polas especiais características dos gastos subvencionables non exista no mercado suficiente número de entidades que o subministren ou presten, ou salvo que o gasto se realizase con anterioridade á solicitude da subvención.

A elección entre as ofertas presentadas, que deberá achegarse na xustificación, realizarase de conformidade con criterios de eficiencia e economía, e deberá xustificarse expresamente nunha memoria a elección cando non recaia na proposta económica máis vantaxosa. Considerando o anterior, deberá achegarse a documentación disposta nos parágrafos seguintes:

e.1. Copia ordenada de todos e cada un dos orzamentos e ofertas detalladas dos investimentos sobre os cales se solicita a axuda, obtidos dos provedores seleccionados polo solicitante, con independencia da contía dos investimentos.

e.2. Copia ordenada de todos e cada un dos orzamentos e ofertas que non foron seleccionadas polo solicitante para a realización do proxecto.

e.3. Memoria económica xustificativa da elección dos provedores, nos seguintes casos:

e.3.1. Cando a elección do provedor non recaia na oferta económica máis vantaxosa, das tres que como mínimo obtivo o solicitante.

e.3.2. Cando polas especiais características dos gastos subvencionables non exista no mercado suficiente número de entidades que o subministren ou presten.

Non existe a obriga de presentar esta memoria xustificativa cando a elección do provedor recaia na oferta económica máis vantaxosa das tres que, como mínimo, obtivo o solicitante.

As ofertas presentadas e os provedores elixidos supoñen unha documentación vinculante para o desenvolvemento do proxecto no caso de ser entidade beneficiaria da axuda. Non se considerarán subvencionables, parcial ou totalmente, aqueles investimentos dos cales non se presente documentación económica completa conforme o disposto.

f) Orzamento do exercicio corrente, sen incluír as partidas para as cales se solicita a subvención.

g) Certificado expedido pola persoa que exerza a secretaría ou representación da federación ou da asociación de ámbito superior ao municipal que acredite o número de asociacións que a integran, ou o número de comercios polo miúdo que teña asociados, se é o caso, dos cales se achegará relación detallada e actualizada, en soporte informático, con inclusión do nome da persoa titular e do establecemento, así como as epígrafes do IAE en que figura dada de alta, enderezo postal e telefónico, concretando, se é o caso, as entidades participantes no proxecto e actuacións que se van desenvolver.

h) Declaración de conxunto das axudas solicitadas tanto as aprobadas ou concedidas como as pendentes de resolución, para a actividade obxecto desta orde, das distintas administracións públicas competentes ou calquera dos seus organismos, entes ou sociedades. Farase mención expresa sobre calquera outra axuda de minimis recibida durante os dous exercicios fiscais anteriores e durante o exercicio fiscal en curso, así como declaración da entidade solicitante de non estar incursa en ningunha das circunstancias previstas no artigo 10 da Lei 9/2007, segundo o modelo normalizado establecido no anexo III desta orde.

i) Declaración xurada de estar ao día no pagamento de obrigas por reintegro de subvencións, segundo anexo III desta orde.

j) Declaración de non ter a consideración de empresa en crise conforme o disposto no artigo 1, alínea h) (CE) n.º 1998/2006, do 15 de decembro, relativo á aplicación dos artigos 87 e 88 do Tratado, ás axudas de minimis, segundo o anexo III desta orde.

k) No caso de estar exento do imposto sobre o valor engadido (IVE), documentación acreditativa da mencionada exención.

l) Declaración do compromiso de utilización da lingua galega segundo o modelo normalizado do anexo V, de ser o caso.

Artigo 5. Consentimentos e autorizacións.

1. A presentación da solicitude implica o coñecemento e a aceptación destas bases reguladoras.

2. De conformidade co disposto no artigo 20.3 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia, a presentación da solicitude de concesión da subvención pola entidade interesada comportará a autorización ao órgano xestor para solicitar as certificacións que deben emitir a Axencia Estatal da Administración Tributaria, a Tesouraría Xeral da Seguridade Social e a Consellería de Facenda da Xunta de Galicia.

Non obstante, a entidade solicitante poderá denegar o consentimento, facéndoo constar expresamente no formulario de solicitude; neste caso deberá presentar as certificacións a que fai referencia este punto.

De conformidade co artigo 20.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, as solicitudes das entidades interesadas irán acompañadas dos documentos e das informacións determinados na norma ou convocatoria, salvo que os documentos exixidos xa estean en poder de calquera órgano da Administración actuante; neste caso a entidade solicitante poderá acollerse ao establecido na alínea f) do artigo 35 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, sempre que se faga constar a data e o órgano ou a dependencia en que foron presentados ou, se é o caso, emitidos, e cando non transcorresen máis de cinco anos desde a finalización do procedemento a que correspondan.

Nos supostos de imposibilidade material de obter o documento, o órgano competente poderá requirirlle á entidade solicitante a súa presentación, ou, no seu defecto, a acreditación por outros medios dos requisitos a que se refire o documento, con anterioridade á formulación da proposta de resolución.

3. De acordo co establecido na disposición adicional primeira do Decreto 132/2006, do 27 de xullo, de creación dos rexistros de axudas, subvencións e convenios e de sancións da Xunta de Galicia, a persoa solicitante da subvención consentirá expresamente a inclusión e publicidade dos datos relevantes referidos ás axudas e subvencións recibidas, así como as sancións impostas, no devandito rexistro, feito que terá lugar agás nos supostos legalmente establecidos.

4. De conformidade co artigo 13.4.º da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e de boas prácticas na Administración pública galega, esta consellería publicará na súa páxina web oficial a relación das entidades beneficiarias e o importe das axudas concedidas, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos das entidades beneficiarias e a súa publicación na citada páxina web, coas excepcións previstas nas leis.

Artigo 6. Órganos competentes.

A Dirección Xeral de Comercio será o órgano competente para a instrución do procedemento de concesión da subvención, e correspóndelle a persoa titular da Consellería de Economía e Industria ditar a resolución de concesión, sen prexuízo da delegación desta competencia.

Artigo 7. Instrución dos procedementos.

1. De conformidade co establecido no artigo 71 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, se a solicitude non reúne algún dos requisitos exixidos nestas bases reguladoras ou na correspondente convocatoria requirirase a entidade interesada para que, nun prazo de dez días hábiles, emende a falta ou achegue os documentos preceptivos. Neste requirimento farase indicación expresa de que, se así non o fixer, terá por desistida na súa petición, logo da correspondente resolución.

Este requirimento de emenda tamén se fará se das certificacións obtidas de conformidade co artigo 5.2 resulta que a entidade solicitante non está ao día no pagamento das súas obrigas tributarias co Estado, coa comunidade autónoma e coa Seguridade Social, ou no suposto de que sexa necesario achegar calquera outra documentación, logo de aplicarse o disposto no artigo 35.f) da Lei 30/1992, do 26 de novembro.

2. Por tratarse dun procedemento de concorrencia competitiva, e de conformidade co establecido nos artigos 59.6.º b) e 60 da Lei 30/1992, os requirimentos citados de emenda poderanse facer mediante publicación no DOG e producirán os mesmos efectos que a notificación individualizada.

3. Sen prexuízo do disposto nos parágrafos anteriores, poderá requirirse a entidade solicitante para que achegue cantos datos, documentos complementarios e aclaracións resulten necesarios para a tramitación e resolución do procedemento.

4. Unha vez revisadas as solicitudes e as emendas feitas, aqueles expedientes administrativos que reúnan todos os requisitos e a documentación necesaria, serán remitidos á comisión encargada da súa valoración, de acordo co establecido no artigo seguinte.

5. Os expedientes que non cumpran as exixencias contidas nestas bases ou na normativa de aplicación, ou que non conteñan a documentación necesaria, quedarán á disposición do órgano instrutor para que formule a proposta de resolución de inadmisión, na cal se indicarán as causas desta.

Artigo 8. Comisión de valoración.

1. A comisión de valoración será o órgano colexiado encargado de valorar as solicitudes de acordo cos criterios obxectivos fixados no artigo seguinte, así como de propoñer a concesión ou denegación das subvencións aos interesados.

2. A composición da comisión de valoración será a seguinte:

– Presidencia: titular da Dirección Xeral de Comercio, ou persoa que designe.

– Vogais:

a) Unha xefa ou xefe de servizo da Dirección Xeral de Comercio.

b) Unha xefa ou xefe de sección da Dirección Xeral de Comercio.

c) Unha técnica ou técnico da Dirección Xeral de Comercio, que terá as funcións da secretaría.

3. Na proposta de concesión que formule a comisión figurarán de xeito individualizado as entidades solicitantes propostas para obter a subvención, e especificarase a avaliación que lles corresponde segundo os criterios recollidos no artigo seguinte. Así mesmo, indicarase o importe da subvención para cada un deles, ata esgotar o crédito dispoñible.

4. O resto das actuacións subvencionables quedarán en reserva para seren atendidas ben co crédito que quede libre de producirse algunha renuncia ou modificación nos proxectos inicialmente subvencionados, ben co incremento dos créditos orzamentarios destinados a estas subvencións. Para estes efectos, poderán realizarse sucesivas propostas de resolución conforme o sinalado neste artigo.

5. A comisión de valoración constituirase na sede do devandito centro directivo. O seu funcionamento rexerase polo disposto na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, así como na sección 3.ª, do capítulo I do título I da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia.

Artigo 9. Criterios de valoración.

Os proxectos ou actuacións que se presenten deberán ser técnica, comercial e financeiramente viables e os criterios de avaliación, que servirán de base para a determinación da preferencia na concesión das subvencións, relacionados por orde decrecente de importancia, serán os seguintes:

a) O alcance da actuación, atendendo tanto á difusión como á representatividade da entidade e de ser o caso, ao número de membros a que se dirixe o proxecto en cuestión. Ata 6 puntos.

b) O establecemento dunha política ambiental que contribúa á mellora da sustentabilidade, como o emprego de materiais ecolóxicos e reciclables en envases, embalaxes e bolsas, así como a adopción doutras medidas de redución de impacto ambiental. Ata 5 puntos.

c) As actuacións que se presenten relacionadas con plans de dinamización comercial. Ata 4 puntos.

d) Porcentaxe de comercios que teñan implantada a norma UNE 175001-1 de calidade de servizos para o pequeno comercio. Ata 3 puntos.

e) A concorrencia doutras administracións ou institucións públicas ou privadas no desenvolvemento e financiamento do proxecto. Ata 2 puntos.

f) O compromiso de utilización da lingua galega en todas as relacións que o interesado manteña coa Administración autonómica, de acordo co establecido no artigo 6.3.º da Lei 3/1983, do 15 de xuño, de normalización lingüística, así como de uso e posterior utilización da lingua galega nas accións subvencionables. Este compromiso acreditarase mediante a presentación do modelo que se inclúe como anexo V, debidamente asinado. Ata 1 punto.

Artigo 10. Audiencia.

1. Instruído o procedemento, e inmediatamente antes de redactar a proposta de resolución, porase de manifesto ás entidades interesadas para que, nun prazo de dez días, poidan formular alegacións e presentar os documentos e xustificacións que consideren pertinentes.

2. Porén, poderase prescindir do trámite a que se refire o punto anterior cando non figuren no procedemento nin se vaian ter en conta na resolución outros feitos nin outras alegacións ou probas que as aducidas polas entidades interesadas.

Artigo 11. Resolución e notificación.

1. Unha vez concluído o trámite de audiencia, a comisión de valoración formulará a proposta de resolución, que se elevará, a través do órgano instrutor, a persoa titular da consellería.

2. A persoa titular da consellería, á vista da proposta, ditará a correspondente resolución que deberá estar debidamente motivada e expresará, cando menos, a actuación que se subvenciona e o seu custo, así como a subvención concedida e a súa contía, ou, se é o caso, a causa de denegación.

En ningún caso o importe da subvención concedida poderá superar o custo da actividade que vai desenvolver o beneficiario, ou, se é o caso, a porcentaxe máxima do investimento subvencionable legalmente establecida.

3. O prazo máximo para resolver e notificar a resolución a entidade interesada será de seis meses contados a partir do día seguinte ao da publicación da orde de convocatoria no Diario Oficial de Galicia. Se transcorrese o prazo máximo para resolver sen que recaese resolución expresa, as entidades interesadas poderán entender desestimadas as súas solicitudes por silencio administrativo.

4. Todas as resolucións serán notificadas de acordo co establecido na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. Non obstante, e de conformidade co establecido no artigo 59.6.º b) da indicada lei, no caso das subvencións concedidas poderase substituír a notificación individual pola publicación no Diario Oficial de Galicia e na páxina web da Consellería de Economía e Industria. Nesta publicación especificarase a data da convocatoria, o beneficiario, a cantidade concedida e a finalidade da subvención outorgada.

As solicitudes desestimadas notificaranse individualmente, con indicación das causas da desestimación.

Artigo 12. Réxime de recursos.

As resolucións ditadas ao abeiro da correspondente orde de convocatoria porán fin á vía administrativa e contra elas poderán interpoñerse os seguintes recursos, sen prexuízo de que os interesados poidan exercer calquera outro que consideren procedente:

a) Recurso potestativo de reposición ante a persoa titular da Consellería de Economía e Industria, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da notificación da resolución, se esta for expresa, ou de tres meses contados a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto.

b) Recurso contencioso-administrativo perante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da notificación da resolución, se esta for expresa, ou de seis meses contados a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto.

Artigo 13. Modificación da resolución.

1. Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión.

2. O órgano competente para a concesión da subvención poderá acordar a modificación da resolución por instancia do beneficiario, debendo cumprir os seguintes requisitos:

a) Que a modificación do proxecto estea comprendida dentro da finalidade das normas ou bases reguladoras.

b) Que se acredite a inexistencia de prexuízos a terceiros.

c) Que non concorran requisitos ou circunstancias que debendo concorrer no momento en que se ditou a resolución tiveron lugar con posterioridade a ela.

d) Que os novos elementos e circunstancias que motiven a modificación, de ter concorrido na concesión inicial, non supoñan a denegación da axuda ou subvención.

3. A entidade beneficiaria deberá solicitar a modificación mediante instancia dirixida ao titular da Consellería de Economía e Industria acompañada da documentación acreditativa do cumprimento dos requisitos sinalados no punto anterior, cun límite de 40 días hábiles antes da data de finalización do prazo de xustificación do investimento subvencionado.

4. O acto polo cal se acorde ou se denegue a modificación da resolución será ditado polo órgano concedente despois da instrución do correspondente expediente, en que se dará audiencia aos interesados na forma prevista no artigo 10 destas bases.

Artigo 14. Aceptación e renuncia.

1. Sen prexuízo dos recursos que procedan contra a resolución, transcorridos dez días desde a notificación ou publicación desta sen que a entidade interesada comunique expresamente a súa renuncia á subvención, entenderase que a acepta, e desde ese momento adquirirá a condición de entidade beneficiaria.

A renuncia á subvención, debidamente motivada, poderase facer axustándose ao modelo que se inclúe como anexo IV, así como por calquera outro medio que permita a súa constancia, de acordo co establecido no artigo 91 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

No caso de que se comunique a renuncia en prazo, a persoa titular da consellería ditará a correspondente resolución nos termos do artigo 42.1.º da mesma lei.

Artigo 15. Obrigas dos beneficiarios.

a) Cumprir o obxectivo, executar o proxecto, realizar a actividade ou adoptar o comportamento que fundamenta a concesión da subvención.

b) Xustificar ante o órgano concedente ou a entidade colaboradora, se é o caso, o cumprimento dos requisitos e condicións, así como a realización da actividade e o cumprimento da finalidade que determinen a concesión ou o desfrute da subvención.

c) Someterse ás actuacións de comprobación, que efectuará o órgano concedente ou a entidade colaboradora, se é o caso, así como calquera outra actuación, sexa de comprobación e control financeiro, que poidan realizar os órganos de control competentes, tanto autonómicos como estatais ou comunitarios, para o cal se achegará canta información lle sexa requirida no exercicio das actuacións anteriores.

d) Comunicarlle ao órgano concedente ou a entidade colaboradora a obtención doutras subvencións, axudas, ingresos ou recursos que financien as actividades subvencionadas, especificando aquelas axudas obtidas por minimis, para os efectos de poder comprobar o cumprimento do límite cuantitativo a que fai referencia o artigo 1.2 destas bases. Así mesmo, comunicar a modificación das circunstancias que fundamentaron a concesión da subvención.

Esta comunicación deberá efectuarse no momento en que se coñeza e, en todo caso, con anterioridade á xustificación da aplicación dada aos fondos percibidos.

e) Acreditar con anterioridade a que se dite a proposta de resolución de concesión que está ao día no cumprimento das súas obrigas tributarias e fronte á Seguridade Social, e que non ten pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma galega na forma que se determine regulamentariamente e sen prexuízo do establecido na Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso electrónico dos cidadáns aos servizos públicos.

f) Dispoñer dos libros contables, rexistros dilixenciados e demais documentos debidamente auditados nos termos exixidos pola lexislación mercantil e sectorial aplicable ao beneficiario en cada caso, coa finalidade de garantir o axeitado exercicio das facultades de comprobación e control.

g) Deberán manter un sistema de contabilidade separada ou un código contable axeitado que facilite unha pista de auditoría apropiada en relación con todos os gastos relacionados co investimento realizado ao abeiro desta orde e deberán conservar os xustificantes orixinais e o resto da documentación relacionada coa subvención outorgada desde a data da concesión ata tres anos despois do peche do Programa operativo Feder 2007-2013, de acordo co disposto nos artigos 60 e 90 de Regulamento (CE) n.º 1083/2006 do Consello, do 11 de xullo de 2006, e colaborar na restitución das subvencións outorgadas nos casos en que concorra causa de reintegro.

h) Adoptar as medidas de difusión contidas no número 3 do artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, así como no artigo 20 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, de desenvolvemento desta. Estas medidas deberán adecuarse ao obxecto subvencionado, tanto na súa forma como na súa duración, e deberán consistir na inclusión da imaxe corporativa institucional básica da Xunta de Galicia, de conformidade co establecido no artigo 2 do Decreto 409/2009, do 5 de novembro (DOG n.º 227, do 19 de novembro).

i) Proceder ao reintegro dos fondos percibidos nos supostos recollidos no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

j) Manter o investimento subvencionado durante un período mínimo de catro anos desde a concesión da subvención.

k) Estar a entidade inscrita no Rexistro Galego de Comercio de conformidade co establecido no artigo 8 da Lei 13/2010, do 17 de decembro, do comercio interior de Galicia, así como todas as entidades de ámbito municipal ou inferior que participen no proxecto.

Artigo 16. Obrigas específicas de publicidade.

1. O beneficiario deberá cumprir as medidas en materia de información e publicidade reguladas na sección 1 do capítulo II do Regulamento (CE) 1828/2006 da Comisión, do 8 de decembro, e no artigo 1, números 1 e 2 do Regulamento (CE) 846/2009 da Comisión, do 1 de setembro de 2009, e que se recollen na Guía de publicidade e información das intervencións cofinanciadas polo fondos estruturais 2007-2013, que poden consultarse na páxina web:

http://www.conselleriadefacenda.es/web/portal/guia-intervencions-cofinanciadas-fe

2. En aplicación desta normativa en materia de publicidade, os beneficiarios deberán ter en conta que, de acordo co artigo 9 do citado Regulamento (CE) 1828/2006 e artigo 1.2.º a) do Regulamento (CE) 846/2009, todas as medidas de información e publicación establecidas incluirán os elementos seguintes:

– O emblema da Unión Europea.

– Referencia ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder).

– Declaración do Fondo: «Unha maneira de facer Europa».

– Proporcionalidade entre emblemas.

3. A aceptación desta axuda supón a publicación na lista de beneficiarios prevista nos artigos 6 e 7.2.º d) do regulamento (CE) 1828/2006, da Comisión.

Artigo 17. Subcontratación.

Permítese a subcontratación pola entidade beneficiaria das actuacións subvencionables, sempre que se axusten ás previsións dispostas no artigo 27 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

En ningún caso poderá concertar a entidade beneficiaria a execución total ou parcial das actividades subvencionadas con persoas ou empresas vinculadas coa entidade solicitante ou cos seus órganos directivos e xestores, agás que concorran as circunstancias previstas no artigo 27.d) da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

Artigo 18. Xustificación da subvención.

1. Para cobrar a subvención concedida, a entidade beneficiaria deberá presentar a seguinte documentación nos lugares sinalados no artigo 3 da convocatoria, en orixinal ou fotocopia compulsada, tendo de prazo para presentala ata o 23 de decembro de 2011:

a) Memoria explicativa de cada unha das accións realizadas.

No caso establecido no artigo 4.2.e) deberá xustificarse expresamente nunha memoria, cando a selección da oferta non responda á proposta económica máis vantaxosa.

b) Xustificantes dos investimentos: facturas dos provedores e demais documentos de valor probatorio equivalente no tráfico xurídico mercantil e con eficacia administrativa nos termos que se establezan regulamentariamente, en relación cos gastos subvencionables, emitidas dentro do período comprendido entre a data de inicio do proxecto e a data límite de xustificación do proxecto. Presentarase relación nominativa de facturas agrupadas e ordenadas por actuacións subvencionables, e farase constar para cada documento o seu número de orde, data de expedición, expedidor, concepto, importe en euros e data de pagamento.

A xustificación dos pagamentos acreditarase a través de transferencia bancaria, certificación bancaria ou extracto de pagamento. Nestes documentos deberán quedar claramente identificados o receptor e o emisor do pagamento. Non se admitirán os pagamentos en efectivo.

Así mesmo, non se admitirán como xustificantes os obtidos a través da internet se non están validados pola entidade bancaria ou dispoñen de códigos para a súa verificación por terceiros na sede electrónica da dita entidade bancaria.

c) Para aquelas actuacións de divulgación, tales como material promocional e publicidade, débese entregar un exemplar de cada un deles.

d) Certificación, do órgano que teña atribuídas as facultades, da aplicación dos fondos á finalidade para a que foron concedidos.

e) Declaración actualizada de conxunto das axudas solicitadas tanto as aprobadas ou concedidas como as pendentes de resolución, para a actividade obxecto desta orde, das distintas administracións públicas competentes ou calquera dos seus organismos, entes ou sociedades. Farase mención expresa sobre calquera outra axuda de minimis recibida durante os dous exercicios fiscais anteriores e durante o exercicio fiscal en curso, así como declaración da entidade solicitante de non estar incursa en ningunha das circunstancias previstas no artigo 10 da Lei 9/2007, segundo o modelo normalizado establecido no anexo III desta orde.

f) Declaración xurada de estar ao día no pagamento de obrigas por reintegro de subvencións, segundo o anexo III desta orde.

g) Certificacións expedidas polos organismos competentes, acreditativas de estar ao día no cumprimento das súas obrigas tributarias e coa Seguridade Social, e de non ter pendente de pagamento ningunha débeda, por ningún concepto, coa Administración pública da comunidade autónoma, no caso de que a entidade solicitante denegue expresamente a autorización ao órgano xestor para que solicite de oficio estas certificacións.

h ) Acreditación da inscrición no Rexistro Galego de Comercio.

2. Transcorrido o prazo indicado sen que a entidade beneficiaria presente a documentación solicitada, aplicarase o disposto no artigo 45.2 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

3. Os órganos competentes da Consellería de Economía e Industria poderán solicitar as aclaracións ou informes relativos á xustificación do investimento que consideren convenientes. No caso de que non sexan remitidos pola entidade beneficiaria dentro do prazo que se sinale poderá entenderse que renuncia á axuda.

Artigo 19. Pagamento.

1. Recibida a documentación xustificativa da subvención, os órganos competentes da consellería, antes de proceder ao seu pagamento, realizarán as actuacións de comprobación oportunas para verificar o cumprimento da actividade subvencionada.

2. O importe das axudas aboarase, mediante transferencia bancaria á entidade financeira, ao número de conta designado pola entidade beneficiaria para o cal se lle unirá a documentación da xustificación, certificación expedida pola entidade bancaria en que conste o díxito de control, código de banco, código de sucursal e código de conta corrente.

3. As subvencións minoraranse proporcionalmente se o investimento xustificado é inferior ao orzamento que serviu de base para a resolución da concesión, sempre que estea garantida a consecución do obxecto. En caso de concorrer con outras axudas aplicarase o establecido no artigo 2.3.º.

Artigo 20. Incumprimento, reintegros e sancións.

1. O incumprimento das obrigas contidas nestas bases reguladoras, na convocatoria ou na demais normativa aplicable, así como das condicións que, se é o caso, se establezan na resolución de concesión, dará lugar á obriga de devolver total ou parcialmente a subvención percibida, así como os xuros de demora correspondentes.

2. Para facer efectiva a devolución a que se refire o punto anterior tramitarase o oportuno procedemento de reintegro, que se axustará ao previsto no título II Do reintegro de subvencións da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

3. Ás entidades beneficiarias das subvencións reguladas nestas bases seralles de aplicación o réxime de infraccións e sancións previsto no título IV da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia e no título VI do su regulamento.

Artigo 21. Control.

1. A Consellería de Economía e Industria poderá levar a cabo as actividades de inspección que considere oportunas para controlar o cumprimento da subvención.

2. Alén do anterior, a subvención estará sometida á función interventora e de control financeiro exercido pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, nos termos que establece o título III da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. Así mesmo, estará sometida ás actuacións de comprobación previstas na lexislación do Tribunal de Contas e do Consello de Contas, así como, de ser o caso, aos servizos financeiros da Comisión Europea e do Tribunal de Contas Europeo.

Artigo 22. Publicidade.

No prazo máximo de tres meses contados desde a data de resolución da concesión, publicarase no Diario Oficial de Galicia a relación das subvencións concedidas con indicación da norma reguladora, entidade beneficiaria, crédito orzamentario, contía e finalidade da subvención.

Malia o anterior, cando os importes das subvencións concedidas, individualmente consideradas, sexan de contía inferior a 3.000 euros, non será necesaria a publicación no Diario Oficial de Galicia, que será substituída pola publicación das subvencións concedidas na páxina web da Consellería de Economía e Industria.

Artigo 23. Remisión normativa.

Para todo o non previsto nestas bases aplicarase o disposto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, no regulamento aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, no Regulamento (CE) n.º 1998/2006 da Comisión da Unión Europea, do 15 de decembro de 2006, relativo á aplicación dos artigos 87 e 88 do Tratado CE ás axudas de minimis (DOUE n.º L379/5, do 28.12.2006), nos Regulamentos (CE) 1080/2006 (DOUE 31.7.2006), 1083/2006 (DOUE 31.7.2006) e 1828/2006 (DOUE 15.2.2007), relativos ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder) e a Orde EHA 524/2008, do 26 de febreiro, relativa aos gastos subvencionables polo Feder e Fondo de cohesión, así como no resto da normativa que resulte de aplicación.

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file