Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 222 Luns, 21 de novembro de 2011 Páx. 34171

VI. Anuncios

c) Outros anuncios

Fundación Amancio Ortega Gaona

ANUNCIO do 15 de novembro de 2011 polo que se convocan 75 bolsas para a realización de estudos de primeiro curso de bacharelato nun High School de EE.UU. para o curso escolar 2012-2013.

Bases do Programa de bolsas High School: un ano académico
nos Estados Unidos

I. Presentación do Programa de bolsas High School.

A Fundación Barrié e a Fundación Amancio Ortega, na súa arela por melloraren o ensino e o nivel de preparación dos estudantes novos de Galicia, continúan o seu compromiso co programa de bolsas para a realización dun ano académico nun instituto de ensino público, «High School», dos Estados Unidos, e convocan a III Edición do programa de bolsas, segundo as bases do presente documento.

1. Obxecto do Programa de bolsas High School.

Realización dun ano académico nos Estados Unidos nun instituto High School en lingua inglesa, promovendo a aprendizaxe e o intercambio de culturas.

2. Obxectivos do Programa de bolsas High School.

O Programa de bolsas High School da Fundación Barrié e a Fundación Amancio Ortega persegue a consecución dos seguintes obxectivos:

• Aprender inglés, e mellorar as aptitudes de aprendizaxe na xente nova.

• Contribuír á formación integral do estudante.

• Potenciar a confianza dos estudantes e a capacidade de adaptación a un novo contorno.

• Desenvolver a capacidade dos alumnos para avaliar os seus propios progresos.

• Fomentar o respecto ás culturas e o intercambio de costumes.

• Prepararse ante os retos dun mundo globalizado.

3. Estrutura organizativa do Programa de bolsas High School.

• Este programa de bolsas foi elaborado de forma conxunta pola Fundación Barrié e a Fundación Amancio Ortega, sendo estas institucións as creadoras desta iniciativa e patrocinadoras da presente convocatoria.

• FSL (Foreign Study League).

Para obter a mellor eficacia, xestión e seguimento o Programa de bolsas High School, a Fundación Barrié e a Fundación Amancio Ortega contan co apoio de FSL, empresa especializada na organización de programas de intercambio internacional de estudantes, e con máis de 40 anos de experiencia con programas nos Estados Unidos.

• Council on International Educational Exchange (CIEE).

Organización educativa non gobernamental recoñecida pola UNESCO; constitúe a estrutura humana de apoio de FSL nos Estados Unidos. Institución fundada en 1947, que actualmente conta con máis de 800 profesionais en 30 países e cunha eficaz rede de voluntariado de profesionais da educación.

II. Condicións de participación no Programa de bolsas High School da Fundación Barrié e a Fundación Amancio Ortega.

Os alumnos que desexen inscribirse no Programa de bolsas da Fundación Barrié e a Fundación Amancio Ortega deberán cumprir os requisitos e condicións estipulados nesta convocatoria de bolsas. Estas disposicións serán as únicas valoradas e cuantificadas para a selección, a saber:

1. Ter cumpridos 15 anos antes do 1 de agosto de 2012.

2. Ser alumno de 4.º de educación secundaria obrigatoria (ESO) nun centro de ensino en Galicia.

3. Ter, como termo medio académico, unha media mínima de 7,5 puntos no curso escolar anterior á solicitude (3.º curso de ESO), certificado polo centro de ensino.

4. A cualificación da materia de inglés do curso anterior, deberá ser como mínimo de 7 puntos, certificado polo centro de ensino.

5. Formulario de inscrición debidamente cuberto e enviado a través da web www.becashighschool.org

6. Todos os alumnos deberán presentar certificado correspondente ás declaracións de IRPF do exercicio do ano anterior, expedido pola Axencia Estatal de Administración Tributaria, coa finalidade de establecer a renda per cápita da unidade familiar. No caso de solicitantes que formen parte de unidades familiares non obrigadas a declarar, deberá achegarse certificación expedida pola Axencia Estatal de Administración Tributaria, acreditativa da ausencia de datos, e ademais achegar información fidedigna sobre a situación económica de renda e patrimonio, polos medios que se consideren oportunos.

Os requirimentos arriba mencionados son obrigatorios para participar no Programa de bolsas High School. En calquera caso, a Fundación Barrié e a Fundación Amancio Ortega reservan para si o dereito a comprobaren, polos medios que coiden oportunos, a veracidade dos datos achegados.

A participación nesta convocatoria de bolsas implica a aceptación expresa da resolución dela, a cal se considerará vinculante e inapelable para todos os participantes neste programa de bolsas.

III. Selección dos aspirantes.

Fase de preselección.

Os alumnos quedarán automaticamente preseleccionados de acordo cos seguintes criterios:

1. Expediente académico.

2. Última nota de inglés. De non ter elixido a materia de inglés no centro escolar, aceptaranse outros certificados oficiais de idioma que xustifiquen o seu coñecemento. Neste suposto o candidato debe incluír unha nota numérica equivalente á nota do seu certificado que será revisada polo departamento de xestión do Programa de bolsas High School.

A Fundación Barrié e a Fundación Amancio Ortega darán a coñecer a listaxe dos alumnos preseleccionados a través da páxina web www.becashighschool.org

Fase de selección final.

Os alumnos preseleccionados serán convocados pola Fundación Barrié e a Fundación Amancio Ortega para a realización dunha proba de nivel oral e escrito dos seus coñecementos de lingua inglesa. Ademais da proba de inglés, e da realización dunha entrevista persoal.

No momento da entrevista, os solicitantes deberán achegar toda a documentación obrigatoria de acordo coas condicións de participación, que permitan verificar a autenticidade dos datos achegados no formulario de inscrición en liña. Ademais, será imprescindible para continuar o proceso de selección, achegar documentación complementaria.

De maneira particular:

– O formulario cuberto e enviado con anterioridade impreso e asinado polo alumno e polos seus pais e/ou titores.

– Un certificado médico que garanta o seu estado de boa saúde.

– Un documento que acredite o réxime de custodia do alumno solicitante, se for aplicable ao caso.

Tanto os resultados da proba de inglés, como os da entrevista persoal, serán combinados co nivel de renda per cápita para obter a puntuación final de cada solicitante preseleccionado.

Darase preferencia na selección final a aqueles candidatos con renda per cápita inferior.

Todos os alumnos que sexan finalmente seleccionados para o Programa de bolsas High School 2012-2013 deberán aceptar expresamente as normas e procedementos de conduta do programa. Esta aceptación será asinada mediante un acordo persoal entre o alumno, os seus pais, titores e/ou representantes legais, con FSL e as fundacións patrocinadoras (ver documento «normativa do programa»).

IV. Contido xeral das bolsas High School.

Fase I. Preparación e saída (España):

• Busca e selección das familias participantes no programa nos Estados Unidos.

• Busca do High School de acollida de cada estudante, entre máis de 18.000 centros de referencia repartidos por toda a Unión Americana.

• Escolarización nun centro educativo público High School dos Estados Unidos, durante un curso escolar (10 meses, entre agosto e maio do seguinte ano).

• Tramitación e obtención do visado necesario para a entrada e permanencia no país durante a duración da bolsa.

• Viaxes e desprazamentos desde Galicia ata a poboación de destino nos Estados Unidos.

• Asesoramento na elección de materias tendo en conta as normas establecidas polo Ministerio de Educación e a Comunidade Autónoma de Galicia para a validación de estudos.

Fase II. Estancia nos Estados Unidos.

• Acompañamento á reunión xeral de orientación e introdución á cultura americana e procedementos legais do país, en Nova York.

• Asistencia e apoio nos aeroportos para o traslado e chegada dos estudantes ao seu destino.

• Seguimento continuo do alumno e da súa vida académica familiar, por un coordinador local da organización de apoio nos Estados Unidos (CIEE). O equipo de coordinadores locais está supervisado, pola súa vez, por un director de programa nos Estados Unidos, en comunicación permanente coas fundacións.

• Axuda monetaria para os gastos menores, que se aboará mensualmente ao alumno, por un período de 10 meses entre agosto 2012 e maio 2013 (ambos os dous incluídos). Farase efectiva unha vez comece os estudos no «High School» seleccionado, e a través dunha conta bancaria aberta en Banco Pastor.

• Servizo de atención permanente durante as 24 horas á disposición dos alumnos e pais.

• Seguro de responsabilidade civil e asistencia sanitaria.

Fase III. Volta á cidade de orixe.

• Viaxes e desprazamentos de volta desde a poboación de destino nos Estados Unidos ata Galicia.

• Tramitación da validación do curso académico realizado nos Estados Unidos.

A Coruña, 15 de novembro de 2011.

Javier López Martínez Óscar Ortega Chávez
Director xeral da Fundación Barrié Director xeral da Fundación Amancio Ortega