Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 226 Venres, 25 de novembro de 2011 Páx. 34949

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería do Medio Rural

ANUNCIO do 4 de outubro de 2011, do Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Pontevedra, sobre resolución do expediente de clasificación do monte do Pico, solicitado en prol dos veciños de Cristimil, concello de Rodeiro.

En cumprimento do disposto no artigo 28 do Regulamento para a execución da Lei 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común, aprobado polo Decreto 260/1992, do 4 de setembro, e de conformidade co disposto no artigo 60.1.º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administración públicas e do procedemento administrativo común, faise constar que:

O Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais de Pontevedra, ditou a seguinte resolución:

«Asistentes:

Presidente: Gerardo Zugasti Enrique.

Vogais:

Enrique Martínez Chamorro (xefe do Servizo de Montes).

Víctor Abelleira Argibay (representante do colexio de avogados da provincia).

Lorena Peiteado Pérez (letrada da Xunta de Galicia).

X. Carlos Morgade Martínez (representante das CMVMC da provincia de Pontevedra).

Vogais representantes da CMVMC de Cristimil:

Jorge Diéguez Vence.

Jesús Sánchez Lemos.

Secretaria: Ana Belén Fernández Dopazo.

Na cidade de Pontevedra, sendo as 17.30 horas do día 3.10.2011, coa asistencia das persoas á marxe indicadas, reúnese na segunda planta do edificio administrativo sito no n.º 43 da rúa Fernández Ladreda o Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común co obxecto de decidir, entre outros asuntos, sobre a resolución do expediente de clasificación do monte denominado «do Pico» solicitado en prol dos veciños da CMVMC de Cristimil, concello de Rodeiro.

Antecedentes de feito.

Primeiro. Con data de entrada no rexistro do 18.3.2010 Jorge Diéguez Vence, en calidade de presidente da CMVMC de Cristimil, presenta solicitude de iniciación de expediente de clasificación do monte denominado «do Pico», no lugar de Cristimil, parroquia do Az, concello de Rodeiro, como veciñal en man común a favor dos veciños da CMVMC de Cristimil, do concello de Rodeiro, xuntando informe técnico e pericial, coa descrición do monte, antecedentes, identificación, superficie e estremas.

Menciona o promotor que o monte do Pico xa foi clasificado polo xurado no ano 2004; porén, naquela ocasión obviouse incluír unha parte do monte que figura ao sur do xa clasificado, aínda que si se consignaba xa como monte dos veciños de Cristimil; solicita que se teña en conta a documentación histórica xa presentada no seu día coa solicitude inicial de clasificación e que serviu de base para ela. Esta documentación consiste na certificación emitida pola directora do Arquivo Histórico Provincial referente ao Libro Real de Leigos do Catastro do Marqués de la Ensenada, correspondente á freguesía de San Cristovo do Az, do ano 1753 e certificación do secretario municipal de Rodeiro, Antonio García González, da Sentenza do 29.10.1941 a raíz dun xuízo de faltas promovido por veciños da parroquia de Ventosa (Agolada) contra os veciños do lugar de Cristimil, por unha corta no monte do Pico, na cal se indica: «(…) efectivamente é certo que o día 3 de decembro do ano último cortaron esquilmos no monte denominado «do Pico» a que se refire a denuncia (…) tal monte se encontra nos termos deste municipio de Rodeiro, e é por esta razón pola que veñen posuíndo e desfrutando o monte de referencia desde tempo inmemorial (…) procede a absolución dos denunciados dada a mala fe dos denunciantes pois que non presentaron proba (…)».

Revisada a documentación existente no mencionado expediente de clasificación, cómpre indicar que na data do 28.4.2004 o xurado acordou clasificar 11 ha do denominado monte «do Pico» a favor dos veciños do lugar de Cristimil, da parroquia do Az (Rodeiro).

Contra a resolución de clasificación presentaron recurso de reposición os veciños de Cristimil, no cal alegaban, entre outras cousas, que se tivese en conta a parcela situada ao sur da clasificada.

Na data do 1.8.2006 o xurado desestima o recurso de reposición, e en relación coa parcela agora solicitada, no fundamento de dereito segundo sinálase que: «canto á parcela situada ao sur da clasificada, o propio recorrente recoñece o seu erro ao non solicitar a súa clasificación, erro que facilmente poderán corrixir cunha nova solicitude de clasificación».

Segundo. O xurado de montes, na sesión celebrada o 19.8.2010, á vista do informe previo do Servizo de Montes e da documentación existente no expediente, acordou a incoación de expediente de clasificación do devandito monte e a súa remisión ao Servizo de Montes para a elaboración do informe preceptivo, de conformidade co establecido no artigo 20 do Decreto 260/1992.

Tercero. No 27.9.2010 emítese informe preceptivo, do cal convén salientar as observacións realizadas en relación á situación e estado da parcela:

A maioría da superficie é monte raso, poboado con matogueiras de toxo e xesta. Presenta afloramentos rochosos. Existe tamén unha pequena franxa de repoboación de piñeiros. Dentro da parcela encóntrase instalado, ao menos, un aeroxerador, ben que se indica que non se aprecian signos de aproveitamento recente.

Cuarto. A rexistradora da propiedade de Lalín certifica con data do 2.11.2010 que o monte do Pico, sito na parroquia do Az, descrito na presente instancia, tal e como nela se describe, non figura inscrito nese rexistro da propiedade polo concello de Rodeiro.

Quinto. Á vista da documentación presentada polo solicitante, o monte obxecto do presente expediente obedece á seguinte descrición:

Concello: Rodeiro.

Parroquia: O Az.

Nome do monte: monte do Pico.

Cabida: 7,73 ha aproximadamente.

Estremas:

Norte: CMVMC de Cristimil, monte dos veciños de San Cristovo e propiedade particular delimitada por muro de Francisco Pardo Fafián.

Sur: Roberto Vázquez Lorenzo, Manuel Sánchez Lamas, Eladio Vilamia Sánchez e outros.

Leste: Francisco Pardo Fafián e propiedades particulares do lugar de Casardixo.

Oeste: CMVMC de Cristimil.

Sexto. Realizadas as comunicacións do artigo 23 do Decreto 260/1992, do 4 de setembro, e aberto o período de audiencia, non presentou alegacións por ningunha persoa nin entidade, agás o propio promotor do expediente de clasificación que, mediante escrito do 14.3.2011 reitera a solicitude de clasificación da parcela anexa ao monte do Pico alegando que vén sendo obxecto de uso polos veciños do lugar de Cristimil desde tempo inmemorial, o que se acredita coa descrición feita no Catastro do Marqués de la Ensenada.

Así mesmo, achega ao expediente un escrito asinado polos veciños de maior idade do lugar de Cristimil, que declaran baixo xuramento ou promesa que tanto eles como os seus antergos viñeron facendo uso continuado da parcela do monte situada na parte sur-leste do monte do Pico. Os veciños manifestan que o aproveitamento consiste fundamentalmente en labores de recolla de esquilmo e pastoreo con gando caprino, polo que instan a clasificación do monte do Pico como monte veciñal en man común a favor dos veciños da CMVMC de Cristimil.

A maior abastanza, achegan un percorrido gráfico da parcela sobre a cal se solicita a clasificación, con identificación dos fitos e elementos singulares que serven para fixar os seus límites, percorrido e información feitos por Jesús Sánchez Lamas, veciño de máis idade do lugar de Cristimil.

Sétimo. Consultado o Servizo de Conservación da Natureza desta xefatura territorial informa de que o monte do Pico, situado no lugar de Cristimil, parroquia do Az, concello de Rodeiro, está dentro do Tecor Camba-Rodeiro, matrícula PO-10.084 (Tecor aprobado o 25 de maio de 2001).

Fundamentos de dereito.

Primeiro. O Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común ten a competencia para coñecer os expedientes de clasificación dos montes que teñan tal carácter segundo o teor do artigo 9 da Lei 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común.

Segundo. De conformidade co artigo 1 da Lei 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común, e no artigo 1 do Decreto 240/1992, do 4 de setembro, cómpre entender por montes veciñais en man común «... os terreos radicados na Comunidade Autónoma de Galicia que, con independencia da súa orixe, as súas posibilidades produtivas, o seu aproveitamento actual e a súa vocación agraria pertenzan a agrupacións veciñais na súa calidade de grupos sociais e non como entidades administrativas, e os veñan aproveitando consuetudinariamente en réxime de comunidade, sen asignación de cuotas, os membros daquelas na súa condición de veciños».

Segundo abondosa xurisprudencia, o feito que xustifica a clasificación ou non como veciñal dun determinado monte, en vía administrativa, é a circunstancia de terse demostrado ou non o aproveitamento consuetudinario en man común, prescindindo das cuestións relativas á propiedade e demais dereitos reais.

Deste xeito, para que un monte sexa declarado veciñal en man común, o aproveitamento debe quedar acreditado non só nun pasado senón tamén no presente e de forma continuada; así o establece o artigo 1 da Lei 13/1989 e as diversas resolucións xudiciais que o interpretan, e conclúen que o decisivo para a inclusión dun monte na categoría de veciñal en man común é que resulte acreditada a constante posesión continuada do aproveitamento dos montes polos veciños promotores de forma mancomunada (STS do 7.3.2001).

Terceiro. O uso ou aproveitamento en man común do monte solicitado queda suficientemente demostrado, non só pola documentación histórica existente no expediente e mencionada no antecedente de feito primeiro (certificación do Arquivo Histórico Provincial referente ao Libro Real de Leigos do Catastro do Marqués de la Ensenada, correspondente á freguesía de San Cristovo do Az, do ano 1753, e a Sentenza do 29.10.1941) senón tamén pola documentación fornecida polos promotores do expediente e que demostra o uso e aproveitamento comunal do monte, non só no presente senón tamén de xeito continuado no tempo. Como proba deste aproveitamento veciñal, a comunidade presenta unha serie de declaracións xuradas dos veciños sobre este particular, na cal declaran baixo xuramento ou promesa que tanto eles como os seus antergos viñeron facendo uso continuado da parcela do monte situada na parte sur-leste do monte do Pico que consiste no aproveitamento fundamentalmente en labores de recolla de esquilmo e pastoreo con gando caprino. Reforza este carácter o informe preceptivo do Servizo de Montes en que se constata a existencia dunha repoboación de piñeiro, repoboación que, segundo indican os veciños de Cristimil, se fixo hai uns cinco anos aproximadamente e con medios propios.

Consta igualmente no expediente unha declaración do alcalde-presidente do Concello de Rodeiro sobre o aproveitamento das augas da fonte do Monqueimado, situada dentro da parcela sobre a cal solicita a clasificación, así como copia da última factura emitida a Galicia Vento, S.L. polo arrendamento da cesión de uso dos terreos afectados polos parques eólicos do Farelo (dereito de paso dunha liña eléctrica) e copia do documento bancario comprobativo do seu pagamento pola empresa eléctrica á CMVMC de Cristimil.

Finalmente, hai que indicar o feito de que durante a tramitación do expediente non consta ningún escrito presentado por terceiro en que se discuta o aproveitamento consuetudinario con carácter exclusivo sobre a parcela obxecto do presente expediente de clasificación, o que demostra de xeito suficiente que vén existindo un aproveitamento público, pacífico e continuado en común do monte por parte dos veciños de Cristimil.

En consecuencia, vista a Lei galega 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común, e o seu regulamento, aprobado polo Decreto 260/1992, do 4 de setembro, e demais preceptos legais e regulamentarios de xenérica e específica aplicación, o instrutor propón e o xurado acorda por unanimidade:

Clasificar como veciñal en man común o monte do Pico solicitado, a favor dos veciños da CMVMC de Cristimil, do concello de Rodeiro, de acordo coa descrición reflectida no antecedente de feito quinto e a planimetría elaborada para o efecto polo Servizo de Montes e que forma parte inseparable da presente resolución.

Contra esta resolución, que pon fin á vía administrativa, poderase interpoñer con carácter potestativo, recurso de reposición perante o Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Pontevedra no prazo dun mes, ou ben interpoñer directamente recurso contencioso-administrativo perante o Xulgado do Contencioso-Administrativo de Pontevedra no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao desta notificación, de acordo co disposto no artigo 116 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, e nos artigos 8 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa».

Pontevedra, 4 de outubro de 2011.

Gerardo Zugasti Enrique
Presidente do Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais
en Man Común de Pontevedra