Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 227 Luns, 28 de novembro de 2011 Páx. 35007

III. Outras disposicións

Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

RESOLUCIÓN do 2 de novembro de 2011, da Dirección Xeral de Administración Local, pola que se aproba a desprovisión do carácter comunal do predio denominado Mareas da Terra, do concello de Vilamarín, para instalar unha planta de tratamento dos residuos de biomasa e outros con valoración enerxética integral.

O Concello do Vilamarín acordou iniciar un expediente de desprovisión do carácter comunal do predio rústico de monte baixo denominada Mareas da Terra, sito no lugar da Outraldea, na parroquia de Orbán, dunha superficie de dúas hectáreas, vinte e cinco áreas e setenta e cinco centiáreas, de referencia catastral 32013000239317, para dedicala á instalación nela dunha planta de tratamento por gasificación con contaminación cero dos residuos de biomasa obtidos na limpeza dos montes e outros con valoración enerxética integral (electricidade; calor e densificación), con que se pretende ter baixo control e evitar dentro do posible a propagación de incendios e pestes nos montes do municipio. O predio atópase incluído no inventario de bens municipais coa cualificación de ben comunal e o título en virtude do cal se atribúe a propiedade a esta entidade local é de posesión inmemorial, segundo o certificado emitido pola secretaria do Concello.

O predio non foi obxecto de aproveitamento comunal desde hai máis de vinte anos, segundo providencia da Alcaldía do día 4 de xullo de 2011.

O procedemento, no cal se acredita a súa oportunidade e legalidade, deu cumprimento aos requisitos exixidos na lexislación vixente, concretamente nos artigos 81.1 da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases de réxime local, 78.1 do Real decreto lexislativo 781/1986, do 18 de abril, polo que se aproba o texto refundido das disposicións legais vixentes en materia de réxime local, 269 da Lei 5/1997, do 22 de xullo, de Administración local de Galicia, e 8 e 100 do Real decreto 1372/1986, do 13 de xuño, polo que se aproba o Regulamento de bens das entidades locais, e seguiu os trámites que a seguir se indican:

Primeiro. O Pleno do Concello de Vilamarín, en sesión celebrada o 18 de xullo de 2011, acordou, por unanimidade dos seus membros, a desprovisión do carácter comunal da parcela 1369 do polígono 58 do Catastro de rústica, cunha superficie de dúas hectáreas, vinte e cinco áreas e setenta e cinco centiáreas, e de referencia catastral 32013000239317.

Segundo. O expediente e o acordo municipal expuxéronse a información pública polo prazo dun mes mediante anuncio no BOP de Ourense número 179, do 10 de agosto de 2011, e no taboleiro de anuncios da Casa do Concello, sen que se tivesen producido alegacións.

Terceiro. Mediante escrito do 16 de setembro de 2011, o alcalde remitiu o expediente á Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza para a súa aprobación. Co fin dar cumprimento ao expediente, a Dirección Xeral de Administración Local solicitou ao Concello de Vilamarín documentación complementaria, que foi recibida o día 30 de setembro de 2011.

Cuarto. A Consellería do Medio Rural, a través do Servizo de Montes da súa Xefatura Territorial de Ourense, emitiu informe, do 24 de outubro de 2011, no cal informa que a citada parcela non consta clasificada como monte veciñal en mano común nin como monte protexido ou que requira unha especial protección.

A Dirección Xeral de Administración Local ten atribuída a competencia na materia ao abeiro do artigo 1.8.4 do Real decreto 1014/1979, do 13 de febreiro, sobre transferencia de competencias da Administración do Estado á Xunta de Galicia en materia de interior, artigo 4.18 do Decreto 27/1979, do 9 de xullo, sobre regulación de competencias pola Xunta de Galicia en materia de interior, e artigo 24.e) do Decreto 303/2009, do 21 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza.

Por todo isto, esta dirección xeral

RESOLVE:

Aprobar o expediente incoado polo Concello de Vilamarín de desprovisión do carácter comunal da parcela 1369 do polígono 58 do Catastro de rústica, denominada Mareas da Terra e sita no lugar da Outraldea, parroquia de Orbán, cunha superficie de dúas hectáreas, vinte e cinco áreas e setenta e cinco centiáreas, e de referencia catastral 32013000239317, para dedicala á instalación dunha planta de tratamento por gasificación con contaminación cero dos residuos de biomasa obtidos na limpeza dos montes e outros con valoración ener-xética integral (electricidade; calor e densificación).

Contra esta resolución, que non pon fin á vía administrativa, poderase interpoñer recurso de alzada ante o conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, no prazo dun mes contado desde o día seguinte ao da súa publicación, segundo o previsto nos artigos 114 e seguintes da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Santiago de Compostela, 2 de novembro de 2011.

José Norberto Uzal Tresandí
Director xeral de Administración Local