Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 229 Mércores, 30 de novembro de 2011 Páx. 35403

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería do Medio Rural

ANUNCIO do 27 de outubro de 2011, do Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Pontevedra, sobre a resolución do recurso de reposición contra a resolución de clasificación dos monte denominado Monte Albor solicitados a prol dos veciños da CMVMC de Xanza e dos veciños da CMVMC de Valga, parroquia de Valga, do concello de Valga.

En cumprimento do disposto no artigo 28 do Regulamento para a execución da Lei 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común, aprobado por Decreto 260/1992, do 4 de setembro, e de conformidade co disposto no artigo 60.1.º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, faise constar que:

O Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais de Pontevedra ditou a seguinte resolución:

Asistentes:

Presidente: Gerardo Zugasti Enrique.

Vogais:

Enrique Martínez Chamorro (xefe do Servizo de Montes).

Víctor Abelleira Argibay (representante colexio de avogados da provincia).

X. Carlos Morgade Martínez (representante das CMVMC de provincia de Pontevedra).

Lorena Peiteado Pérez (letrada da Xunta de Galicia).

Secretaria: Ana Belén Fernández Dopazo.

Na cidade de Pontevedra, sendo as 17.30 horas do día 3.10.2011, coa asistencia das persoas á marxe citadas, reúnese na 2.ª planta do edificio administrativo sito no n.º 43 da rúa Fernández Ladreda o Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común co obxeto de decidir, entre outros asuntos, sobre a resolución do recurso de reposición contra a resolución de clasificación dos monte denominado Monte Albor solicitados a prol dos veciños da CMVMC de Xanza e dos veciños da CMVMC de Valga, parroquia de Valga, do concello de Valga.

Antecedentes de feito.

Primeiro. Con data de entrada do 30.11.2007, Francisco García Carballeiro, na súa cualidade de presidente da CMVMC de Xanza, presenta solicitude de iniciación de expediente de clasificación do monte denominado Albor, de 56.571 m2, como veciñal en man común a favor dos veciños da CMVMC de Xanza, do concello de Valga, acompañando informe técnico e pericial con descrición do monte, identificación, superficie e lindeiros. O Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais, en sesión que tivo lugar con data do 26.11.2009, acordou a incoación de expediente de clasificación do devandito monte.

Segundo. Tramitado o expediente de conformidade cos preceptos legais e regulamentarios aplicables, o Xurado Provincial de Montes Veciñais en Man Común de Pontevedra, en reunión que tivo lugar en data do 27.10.2010, resolveu clasificar como veciñal en man común o citado Monte Albor coa antedita extensión de 56.571 m2, solicitado pola CMVMC de Xanza.

Terceiro. Contra a referida resolución formula, con data do 13.1.2011, recurso de reposición María José Magariños Magariños, como presidenta e en representación da Comunidade de Montes de Valga, presentando alegacións fundamentadas todas elas no procedemento civil existente entra ambas as dúas comunidades, que xa está incorporado ao expediente e que xa foi tido en conta para a resolución ditada.

Cuarto. Con data do 9.2.2011 a Comunidade de Montes de Xanza presenta escrito de resposta ás alegacións presentadas pola Comunidade de Montes de Valga.

Quinto. Con data do 11.2.2011, dous grupos de veciños de Valga presentan cadanseu escrito con sinaturas alegando que o Monte Albor foi tradicionalmente aproveitado polos veciños de varias aldeas desta parroquia, pero sen achegar documento algún en apoio das súas alegacións.

Sexto. Con data do 8.4.2011, a Comunidade de Montes de Valga presenta escrito alegando a sinatura dun acordo entre as Comunidades de Montes de Xanza e Valga polo cal establecen o linde de aproveitamentos de cada unha das comunidades no Monte Albor e recoñecen o dereito da outra á súa parcela. Solicita a rectificación da resolución aprobada o 27.10.2010 e a clasificación de cada unha das parcelas en que quedou dividido o Monte Albor para cadansúa comunidade. Para tal fin achega copia da acta notarial co acordo do recoñecemento mutuo do linde de aproveitamentos e tamén unha certificación dos secretarios das comunidades de montes de Xanza e de Valga da aprobación do acordo por cadansúa asemblea xeral.

Fundamentos de dereito.

Primeiro. Competencia para a resolución.

O Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Pontevedra é o órgano competente para resolver os recursos de reposición contra as súas resolucións en virtude do establecido no artigo 12 da Lei 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común e de conformidade co disposto no artigo 116 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Segundo. Admisibilidade dos recursos.

Procede admitir a trámite os recursos de reposición interpostos por cumprir cos requisitos exixidos polo artigo 117.1 da devandita lei.

Terceiro. Os escritos presentados quedan superados polo acordo de recoñecemento de zonas de aproveitamento, pois constitúe por parte da Comunidade de Montes de Xanza o recoñecemento dunha parcela de uso exclusivo, situada ao leste da liña eléctrica que cruza de norte a sur o monte Albor, por parte da Comunidade de Montes de Valga.

Por todo o exposto, podemos concluír que o acordo acadado polas dúas comunidades de montes supón un recoñecemento mutuo de parcelas de aproveitamento exclusivo e a renuncia á reclamación por cada unha das partes do uso do resto do Monte Albor, clasificado anteriormente a prol da Comunidade de Montes de Xanza.

En consecuencia, á vista dos antecedentes e fundamentos de dereito expostos, e de acordo coa a Lei 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común e o seu regulamento, aprobado por Decreto 260/1992, do 4 de setembro, e demais preceptos legais e regulamentarios, de xenérica e específica aplicación, o instrutor propón e o Xurado por unanimidade acorda:

Estimar parcialmente o recurso de reposición interposto pola Comunidade de Montes de Valga contra a resolución do Xurado con data do 27.10.2010 e clasificar como monte veciñal en man común a prol da Comunidade de Montes de Xanza, a parcela de aproximadamente 3,69 has, situada ao oeste do linde conformado polo punto medio da liña de media tensión de Unión Fenosa que percorre de norte a sur o citado Monte Albor; e clasificar a prol da Comunidade de Montes de Valga a parcela, de aproximadamente 1,97 has, situada ao leste da devandita linde, segundo plano que se achega.

Contra esta resolución que pon fin á vía administrativa, poderase interpoñer recurso contencioso-administrativo perante o Xulgado do Contencioso-Administrativo de Pontevedra no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao desta notificación, de acordo co disposto nos artigos 109 a) e 116.3 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, e nos artigos 8 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Pontevedra, 27 de outubro de 2011.

Gerardo Zugasti Enrique
Presidente do Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común
de Pontevedra