Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 232 Luns, 5 de decembro de 2011 Páx. 35768

III. Outras disposicións

Escola Galega de Administración Pública

RESOLUCIÓN do 1 de decembro de 2011 pola que se convocan as probas de avaliación de carácter libre das actividades formativas que compoñen o Plan formativo ofimático de Galicia para o persoal ao servizo da Administración pública da Comunidade Autónoma de Galicia.

Aprobado o programa de actividades formativas da Escola Galega de Administración Pública (EGAP) para o ano 2012 polo Consello Reitor, de conformidade co artigo 6.2 da Lei 4/1987, do 27 de maio, modificada pola Lei 10/1989, do 10 de xullo, convócanse as probas de avaliación de carácter libre das actividades formativas que compoñen o Plan formativo ofimático de Galicia desenvolvido pola Escola Galega de Administración Pública en colaboración coa Secretaría Xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica.

No ámbito do plan estratéxico do Goberno Galego Axenda Dixital de Galicia 2014.gal, a EGAP, en colaboración coa Secretaría Xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica, proponse o deseño dun itinerario formativo no ámbito das tecnoloxías da información e comunicación que coadxuvará á modernización da Administración e achegará un valor engadido aos servizos que se prestan á cidadanía.

O certificado expedido pola Escola Galega de Administración Pública que acredite a superación das actividades formativas que compoñen o Plan formativo ofimático de Galicia, na modalidade presencial, teleformación ou acceso libre, permitirá obter a certificación galega de competencias dixitais en ofimática, nos termos previstos no Decreto 218/2011, do 17 de novembro, polo que se regula a certificación galega de competencias dixitais en ofimática.

Santiago de Compostela, 1 de decembro de 2011.

Pablo Figueroa Dorrego
Director da Escola Galega de Administración Pública

ANEXO
Bases

Primeira. Convocatoria.

Convócanse 1.000 prazas de acceso libre integradas no Plan formativo ofimático de Galicia nas seguintes accións formativas que a continuación se relacionan:

Aplicacións informáticas de bases de datos relacionais (OpenOffice).

Aplicacións informáticas de bases de datos relacionais (Microsoft Office).

Aplicacións informáticas de follas de cálculo (OpenOffice).

Aplicacións informáticas de follas de cálculo (Microsoft Office).

Aplicacións informáticas de tratamento de textos (OpenOffice).

Aplicacións informáticas de tratamento de textos (Microsoft Office).

Aplicacións informáticas para presentacións: gráficas de información (OpenOffice).

Aplicacións informáticas para presentacións: gráficas de información (Microsoft Office).

Sistema operativo, busca da información: internet/intranet e correo electrónico (Entorno Linux).

Sistema operativo, busca da información: internet/intranet e correo electrónico (Entorno Windows).

Para cada unha das accións enumeradas convócanse 100 prazas.

O temario para a avaliación será o descrito no módulo formativo MF0233_2 «Ofimática» (190 horas), asociado á unidade de competencia UC02333_2 «Manexar aplicacións ofimáticas na xestión da información e a documentación», do Catálogo Nacional de Cualificacións. As capacidades e criterios de avaliación de dito módulo formativo pódense consultar no Real decreto 558/2011, do 20 de abril, polo que se complementa o Catálogo Nacional de Cualificacións Profesionais, mediante o establecemento de dúas cualificacións profesionais correspondentes á familia profesional administración e xestión (BOE núm.109, do 7 de maio de 2011).

Segunda. Requisitos dos participantes.

Poderán participar nas probas convocadas por esta resolución os empregados públicos e as empregadas públicas destinados na Administración pública da Comunidade Autónoma de Galicia que se atopan en situación de servizo activo ou excedencia polo coidado dun fillo ou dun familiar e que reúnan os requisitos establecidos na presente convocatoria. Está exceptuado o persoal docente da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria e o persoal sanitario, sempre que non desempeñen postos na Administración xeral.

A participación nas probas de avaliación exixe que os solicitantes teñan un nivel adecuado de coñecemento da materia en que se van examinar.

Terceira. Datas e lugares de realización.

As probas terán lugar nas dependencias da Escola Galega de Administración Pública, sita na rúa de Madrid, 2-4 en Santiago de Compostela, os días 23, 24, 25 e 26 de xaneiro do ano 2012, das 9.00 ás 15.00 horas e das 16.30 ás 20.30 horas.

A información será actualizada e ampliada na páxina web da EGAP, http://egap.xunta.es

Cuarta. Solicitudes.

a) O persoal que desexe participar nas probas de avaliación de carácter libre dos cursos convocados nesta resolución deberá cubrir o formulario de matrícula telemático na páxina web da EGAP http://egap.xunta.es. Non serán admisibles outros modelos de solicitude. Faise recomendable facilitar a conta de correo electrónico e o teléfono móbil para enviar mensaxes ás persoas seleccionadas.

b) A falsidade ou ocultación de datos esenciais para a selección das persoas aspirantes dará lugar á exclusión automática da proba de avaliación solicitada, así como á imposibilidade de participar en ningunha outra proba durante o prazo dun ano computado desde o momento en que se detecte o feito.

c) Serán excluídas automaticamente aquelas solicitudes que non teñan cubertos correctamente os datos necesarios para realizar o proceso selectivo do alumnado, non se axusten ao formulario de solicitude oficialmente establecidos na letra a) ou sexan presentadas fóra de prazo.

d) As solicitudes cubertas adecuadamente entenderanse presentadas na EGAP no enderezo da internet http://egap.xunta.es/matricula unha vez que se complete correctamente o proceso de matriculación.

e) No caso de que os interesados necesiten presentar documentación complementaria que acredite circunstancias específicas para os efectos da selección, poderán remitir á EGAP unha copia do formulario de matrícula e a devandita documentación por fax ao número 981 54 63 39 ou correo electrónico ao enderezo xestion.egap@xunta.es, sen prexuízo do dereito á presentación de acordo co disposto no artigo 38.4 da Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. A devandita documentación deberá presentarse dentro do prazo a que fai referencia a letra g) desta base.

f) Deberá utilizarse exclusivamente unha das modalidades de remisión. No caso de encontrárense varias solicitudes dunha mesma persoa só serán considerados os datos achegados a través da internet.

g) O prazo de presentación de solicitudes comezará ás 8.00 horas do día da publicación desta resolución no DOG e rematará o 16 de decembro de 2011 ás 13.00 horas.

h) O número máximo de probas de avaliación en que se pode solicitar participar nesta convocatoria limítase a tres.

k) Os formularios estarán dispoñibles ata as 13.00 horas do 16 de decembro de 2011.

l) En caso de dúbida, dificultades técnicas ou necesidade de máis información poderán dirixirse á EGAP a través do número de teléfono 981 54 62 57, ou fax: 981 54 63 39 ou enderezo de correo electrónico xestion.egap@xunta.es, que adoptará as medidas necesarias para facilitar a presentación de solicitudes.

Quinta. Criterios de selección.

Os criterios selectivos que serán empregados son os sinalados con carácter xeral na Resolución da Escola Galega de Administración Pública do 4 de xaneiro de 2008 (Diario Oficial de Galicia n.º 7, de 10 de xaneiro).

Para os efectos do previsto no punto segundo, da citada resolución o baremo que se empregará para a selección establécese sobre unha base de 100 puntos, dos que o 60% estará vinculado ao número de horas de formación recibidas nos dous últimos anos e o 40% restante á antigüidade na Administración de acordo coa fórmula que se vai empregar e que se publicará na páxina web da EGAP.

De haber empate, desfarase de acordo co resultado do sorteo a que se refire o artigo 9 do Regulamento de selección de persoal da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia, aprobado polo Decreto 95/1991, do 20 de marzo.

Sexta. Publicación das relacións do persoal seleccionado.

a) A EGAP publicará no taboleiro de anuncios da páxina web da EGAP http://egap.xunta.es unha relación provisional das persoas seleccionadas para participar nas probas de avaliación de carácter libre de cada acción formativa, así como un número adecuado de reservas. Ademais, para unha maior difusión, serán informados da súa selección a través do correo electrónico e mensaxaría telefónica a quen facilite os seus datos na solicitude. As persoas que non figuren na relación, non foron seleccionadas, polo que ocupan un posto máis afastado na lista de reservas, ou ben foron excluídas por algunha das razóns expresadas nas bases da convocatoria, todo isto de acordo co disposto no artigo 59.6.b da Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

b) Contra esta relación provisional de admitidos poderanse presentar as oportunas reclamacións ou renuncias no prazo de cinco días hábiles, transcorrido o dito prazo, a EGAP publicará no taboleiro de anuncios da páxina web da EGAP http://egap.xunta.es a relación definitiva das persoas seleccionadas para participar nas probas.

c) Unha vez publicada a relación definitiva de alumnos seleccionados, só se poderá renunciar no prazo de 5 días hábiles.

d) A renuncia realizada fóra do prazo, agás nos casos de forza maior, acreditados documentalmente, suporá a exclusión do seleccionado nas convocatorias do ano seguinte, de acordo co disposto na Resolución do 4 de xaneiro de 2008 pola cal se fan públicos os criterios de participación nas actividades docentes da Escola Galega de Administración Pública.

e) Non serán admitidos, en ningún caso, cambios ou substitucións entre as persoas seleccionadas.

Sétima. Asistencia e desenvolvemento das probas.

É obrigatoria a asistencia con puntualidade as probas de avaliación. Para estes efectos, realizarase un único chamamento por orde alfabética.

A non asistencia ás probas, agás nos casos de forza maior, determinará automaticamente o decaemento do seu dereito a participar e suporá a exclusión do seleccionado nas convocatorias do ano seguinte, de acordo co disposto na Resolución do 4 de xaneiro de 2008 pola cal se fan públicos os criterios de participación nas actividades docentes da Escola Galega de Administración Pública.

As persoas participantes deberán vir provistos de DNI ou documento fidedigno acreditativo da súa identidade.

Non se permitirá o uso de dispositivos electrónicos durante o desenvolvemento das probas.

Oitava. Realización de probas.

a) A proba de avaliación constará de 30 preguntas tipo test. Os alumnos disporán de 1 hora e 30 minutos e unha única tentativa, sen posibilidade de emenda, para a súa realización.

b) Para superaren as probas de avaliación deberán responder de forma correcta a un 70% das preguntas da proba. As respostas incorrectas non descontarán acertos.

Algunhas preguntas farán referencia a arquivos que deberá manexar coa ferramenta ofimática correspondente (Microsoft Office 2010, OpenOffice.org 3.2.1, Windows 7 ou Ubuntu 10.04).

Novena. Certificado.

Outorgaráselle o correspondente certificado ao alumnado que supere a proba de avaliación.

Décima. Facultades da EGAP.

a) A EGAP resolverá aquelas incidencias que poidan producirse no desenvolvemento e a xestión das probas de avaliación. Así mesmo, corresponde á EGAP prover canto sexa necesario para a execución e cumprimento desta resolución.

b) A execución material das accións queda condicionada á existencia de crédito orzamentario axeitado e dispoñible e a autorización correspondente do gasto, tramitándose como expediente anticipado de gasto segundo o disposto na Orde do 11 de febreiro de 1998 (DOG n.º 34, do 19 de febreiro de 1998).

c) A EGAP poderá modificar o desenvolvemento e os contidos das probas, as datas e os lugares, así como resolver todas as continxencias que poidan xurdir.