Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 246 Martes, 27 de decembro de 2011 Páx. 38179

III. Outras disposicións

Consellería de Educación e Ordenación Universitaria

ORDE do 16 de decembro de 2011 pola que se aproban as bases e se convocan axudas complementarias ás achegadas pola Unión Europea no marco do Programa comunitario de mobilidade Erasmus e Suíza, para estudantes universitarios que participan nesta acción no curso 2011/2012.

O Estatuto de autonomía de Galicia, no seu artigo 31, establece como competencia plena da Comunidade Autónoma de Galicia a regulación e a administración do ensino en toda a súa extensión, niveis e graos, modalidades e especialidades, no ámbito das súas competencias.

A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, a través da Secretaría Xeral de Universidades, está a levar adiante unha política de asistencia económica aos estudantes, que queda concretada en diversas accións co obxecto de favorecer, dentro das limitacións orzamentarias, a mobilidade de estudantes, a competencia, a igualdade de oportunidades e a excelencia no rendemento académico.

En aplicación do anterior e sendo conscientes da importancia da mobilidade estudantil, no senso de adquirir, actualizar, completar e ampliar as súas capacidades, coñecementos, habilidades, aptitudes e competencias para o seu desenvolvemento persoal e profesional, a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, a través da Secretaría Xeral de Universidades, considera conveniente realizar unha convocatoria de axudas de mobilidade universitaria primando a excelencia no rendemento académico que complemente o financiamento das axudas achegadas pola Unión Europea no marco do Programa de Aprendizaxe Permanente.

Cómpre subliñar que estas accións son compatibles coas bolsas e axudas ao estudo de carácter xeral e de mobilidade para estudantes universitarios convocadas polo Ministerio de Educación e coas axudas que para este fin destina a Unión Europea no marco do Programa de Aprendizaxe Permanente. Estas accións complementarias cobren un ámbito de actuación común coas convocatorias de carácter estatal e un ámbito propio que, nalgúns casos e polas súas propias bases, permiten aumentar a cantidade da axuda que recibe o solicitante por parte do Ministerio de Educación.

Polo que antecede, esta consellería

DISPÓN:

Artigo 1. Obxecto.

Convócanse, en réxime de concorrencia competitiva, axudas complementarias ao Programa comunitario de mobilidade Erasmus e Suíza, destinadas aos estudantes seleccionados polas universidades do Sistema Universitario de Galicia ou polos centros asociados da UNED en Galicia que participan no citado programa de mobilidade universitaria durante o curso 2011/2012.

Artigo 2. Orzamento e dotación económica.

As accións derivadas desta convocatoria ascenden a un total de 1.000.000 euros. Sen prexuízo de poder ser incrementadas de acordo coas dispoñibilidades económicas da consellería, de conformidade co disposto no artigo 31 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. Financiaranse con fondos propios da comunidade autónoma e con cargo á aplicación orzamentaria 09.02.422C.480.0 do proxecto de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2012, aprobado polo Consello da Xunta de Galicia e presentado no Parlamento de Galicia para a súa aprobación, na cal existe crédito axeitado e suficiente, tramitándose conforme o establecido na Orde da Consellería de Economía e Facenda, do 11 de febreiro de 1998, modificada polas ordes da Consellería de Economía e Facenda do 27 de novembro de 2000 (DOG do 29 de novembro) e do 25 de outubro de 2001 (DOG do 29 de outubro) pola que se regula a tramitación anticipada de gastos, quedando condicionada a adxudicación definitiva á existencia de crédito na aplicación orzamentaria 09.02.422C.480.0 dos orzamentos da comunidade autónoma para o ano 2012.

Artigo 3. Período.

As actividades que se subvencionan nesta convocatoria serán realizadas durante o curso académico 2011-2012.

Artigo 4. Requisitos.

Poderán solicitar estas axudas os alumnos universitarios que cumpran os seguintes requisitos:

a) Ser cidadán da Comunidade Europea ou estranxeiro non comunitario con residencia legalizada no Estado español.

b) Estar matriculado no curso 2011-2012 en calquera das universidades públicas do Sistema Universitario de Galicia ou nos centros asociados da UNED nesta comunidade autónoma para realizar estudos universitarios oficiais conducentes aos títulos universitarios de graduado, licenciado, arquitecto, enxeñeiro, diplomado, mestre, arquitecto técnico ou enxeñeiro técnico.

c) Participar no programa de mobilidade universitaria con autorización da universidade de orixe e ser beneficiario da axuda achegada pola Unión Europea no marco do Programa de Aprendizaxe Permanente para participar na acción de mobilidade para estudos dentro do Programa Erasmus ou do Goberno de Suíza.

d) Que a duración mínima da estadía, para os efectos de concesión de bolsa, sexa de tres meses, e a máxima de nove meses.

e) Non ter gozado desta axuda complementaria en convocatorias anteriores.

Artigo 5. Compatibilidade.

As axudas concedidas serán compatibles con outras axudas e subvencións concedidas para a mesma finalidade, calquera que sexa a súa natureza e entidade que as conceda.

Artigo 6. Forma e prazo de presentación de solicitudes.

1. As solicitudes subscribiranse directamente polas persoas interesadas ou por persoa que acredite a súa representación por calquera medio válido en dereito.

2. O prazo de presentación de solicitudes será dun mes, contado desde o seguinte á publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día de prazo fose inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes do vencemento non houber día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último do mes. Se a solicitude é remitida por correo, presentarase en sobre aberto para que sexa datada e selada polo persoal de Correos antes de que proceda á súa certificación postal.

Non se admitirán como medio de presentación de solicitudes os servizos de mensaxaría privados.

3. O formulario da solicitude, correspondente co modelo normalizado ED417A que se publica como anexo I a esta orde e a declaración responsable necesaria que se publica como anexo II, estarán dispoñibles na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.es, para a súa tramitación electrónica completa.

4. Para a presentación na sede electrónica do devandito formulario e da declaración responsable admitiranse o DNI electrónico ou calquera outro sistema de sinatura electrónica aceptado pola sede da persoa solicitante ou representante legal.

5. Para a tramitación electrónica deste procedemento, a sede electrónica da Xunta de Galicia dispón de instrucións de axuda que deberán ser observadas en todo momento polas persoas solicitantes. En caso de dúbida, dificultades técnicas ou necesidade de máis información durante o proceso de obtención dos formularios, poderán dirixirse ao teléfono de información 012 ou ao correo electrónico orientacion.sug@edu.xunta.es

6. O formulario de solicitude e a declaración responsable deberán ser cubertos en todos os seus campos sen engadir, emendar, variar ou riscar o seu formato orixinal. En caso contrario, as solicitudes non serán admitidas a trámite.

7. No suposto de que a persoa solicitante non dispoña do sistema de sinatura aceptado pola sede electrónica, admítese igualmente a presentación da solicitude e da declaración responsable en formato papel unha vez cuberto o formulario en formato PDF dispoñible na sede, presentándoo asinado no Rexistro Xeral da Xunta de Galicia, dirixido á Secretaría Xeral de Universidades (edificio administrativo San Caetano, s/n, 15781 Santiago de Compostela); ou ben en calquera dos centros previstos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, BOE do 14 de xaneiro, para a presentación de instancias.

Artigo 7. Documentación que hai que presentar.

A solicitude (anexo I, modelo normalizado ED417A) e a declaración responsable (anexo II, na que a persoa solicitante debe indicar se ten ou non solicitada ou concedida outro tipo de bolsa ou axuda para a mesma finalidade perante as administracións públicas ou outros entes públicos) presentaranse na sede electrónica da Xunta de Galicia acompañadas da seguinte documentación:

– Copia dixitalizada da certificación académica completa emitida pola universidade correspondente nun período non anterior aos catro meses anteriores á publicación desta convocatoria, na cal se fará constar a nota media do expediente académico, obtida de acordo cos parámetros reflectidos no protocolo de colaboración subscrito, con data do 27 de xuño de 2011, entre a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria e as universidades de Santiago de Compostela, A Coruña e Vigo para a valoración dos expedientes académicos, publicado no DOG o día 30 de setembro de 2011 por Resolución da Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria do 15 de setembro de 2011.

Os alumnos que estean cursando estudos de 2.º ciclo (licenciado, arquitecto e enxeñeiro) por accederen desde unha titulación de 1.º ciclo deberán enviar, ademais, unha copia dixitalizada da certificación académica relativa ao primeiro ciclo realizado. Igualmente, os alumnos que estean cursando estudos oficiais de grao por accederen desde unha titulación de primeiro ou primeiro e segundo ciclo deberán presentar unha copia dixitalizada da certificación académica completa na que se inclúa o recoñecemento das materias cursadas nestes.

No suposto de que a persoa solicitante non dispoña do sistema de sinatura aceptado pola sede electrónica, para a presentación dixitalizada da certificación académica, admitirase, igualmente, a presentación da certificación académica ou copia compulsada desta, en formato papel, que se presentará nos mesmos termos establecidos no artigo anterior.

Artigo 8. Tramitación.

1. Unha vez comprobado que todas as solicitudes reúnen os requisitos establecidos nesta orde de convocatoria, exporanse as listaxes provisionais das solicitudes admitidas e excluídas nos taboleiros de anuncios da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, nas súas xefaturas territoriais, e nas vicerreitorías de estudantes das tres universidades galegas, sinalando as causas de exclusión. Así mesmo, estas listaxes tamén poderán ser consultadas no portal educativo da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria: www.edu.xunta.es/

2. As listaxes provisionais de admitidos e excluídos por documentación serán expostas o día 23 de abril de 2012. Os interesados disporán, para a reclamación ou emenda das carencias ou deficiencias detectadas na documentación achegada ante a Secretaría Xeral de Universidades, dun prazo comprendido desde o día 24 de abril ao 5 de maio de 2012, ambos os dous incluídos, e poderán presentar a documentación que corresponda ante o Rexistro Xeral da Xunta de Galicia ou ben en calquera dos centros previstos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, BOE do 14 de xaneiro.

Transcorrido este prazo sen que se emenden as causas de exclusión arquivarase o expediente, logo da resolución de arquivo nos termos previstos no artigo 42 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Artigo 9. Criterios de distribución das axudas.

1. O importe das subvencións en ningún caso poderá ser de tal contía que, illadamente ou en concorrencia con outras subvencións, axudas, ingresos, ou recursos, supere o custo da actividade subvencionada, de conformidade co artigo 17 punto 3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. Todos os solicitantes que cumpran os requisitos establecidos na convocatoria e teñan a documentación completa no prazo sinalado recibirán unha axuda económica uniforme en función da súa permanencia no programa, que se distribuirá do seguinte modo:

– Un trimestre: 180 euros.

– Un semestre: 360 euros.

– Curso completo: 540 euros.

As universidades do Sistema Universitario de Galicia e os centros asociados da UNED, como entidades colaboradoras, proporcionarán á Secretaría Xeral de Universidades listaxes completas dos estudantes bolseiros do Programa Erasmus ou do Goberno de Suíza, indicando nome e apelidos do estudante, número do DNI, NIE, pasaporte ou tarxeta de estranxeiría, país de destino e duración da estadía (trimestre, semestre ou curso completo) e a nota media do seu expediente académico calculada cos parámetros reflectidos no protocolo de colaboración asinado o 27 de xuño de 2011 entre a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria e as universidades do SUG.

3. Unha vez distribuída pola comisión avaliadora a contía uniforme citada anteriormente, o orzamento restante dispoñible, se o houber, adxudicarao, entre os solicitantes que posúan unha maior nota media no seu expediente académico, asignándolle unha contía uniforme de 500 euros, ata esgotar o orzamento.

Artigo 10. Comisión avaliadora.

1. A selección dos candidatos será realizada por unha comisión avaliadora integrada por:

Presidente/a: a persoa titular da Subdirección Xeral de Universidades.

Vogais:

O membro do equipo de goberno da Universidade de Santiago de Compostela responsable da materia.

O membro do equipo de goberno da Universidade da Coruña responsable da materia.

O membro do equipo de goberno da Universidade da Vigo responsable da materia.

A persoa titular do Servizo de Apoio e Orientación aos estudantes universitarios.

Secretario/a: unha persoa funcionaria da Secretaría Xeral de Universidades, que actuará con voz e voto.

2. Se por calquera causa, no momento en que a comisión avaliadora teña que examinar as solicitudes, algún dos compoñentes non puidese asistir, será substituído pola persoa que para o efecto se nomee. Este nomeamento deberá recaer noutra persoa da Secretaría Xeral, de Universidades ou da universidade correspondente, en virtude da súa representación.

Artigo 11. Resolución.

1. Efectuada a selección pola comisión, esta elevará, a través da Secretaría Xeral de Universidades, un informe-proposta ao conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, quen emitirá a resolución correspondente. Contra esta resolución, que esgota a vía administrativa, os interesados poderán interpoñer recurso potestativo de reposición perante o conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria no prazo dun mes a partir do día seguinte ao da publicación da resolución no DOG, segundo o disposto nos artigos 116 e 117 da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, ou ben directamente o recurso contencioso-administrativo no prazo de dous meses perante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, de conformidade co artigo 46 da Lei 29/1998, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

2. Para os efectos establecidos no artigo 23, punto 4, da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, o prazo máximo para resolver as solicitudes correspondentes ás accións especificadas nesta orde será de seis meses, contados a partir da publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia. As solicitudes entenderanse desestimadas de non se ditar resolución expresa no dito prazo.

3. Os solicitantes excluídos poderán solicitar a devolución da documentación presentada no prazo máximo de dous meses a partir da publicación da resolución de concesión das axudas no Diario Oficial de Galicia.

Artigo 12. Pagamento.

As axudas aboaranse na conta bancaria indicada pola persoa interesada, unha vez presentada a declaración responsable do conxunto das axudas solicitadas (anexo II): tanto as aprobadas ou concedidas coma as pendentes de resolución para mesma finalidade das distintas administracións públicas competentes ou calquera dos seus organismos, entes ou sociedades.

Disposición adicional primeira.

A presentación de solicitude de concesión da axuda comportará autorización á Consellería de Educación e Ordenación Universitaria para:

a) Facer públicos nos rexistros regulados no Decreto 132/2006, do 27 de xullo, os datos relevantes referidos ás axudas e subvencións recibidas, así como as sancións impostas, cando proceda.

A reserva que o peticionario poida facer no senso de non autorizar a publicidade dos datos nos rexistros, que en todo caso terá que se expresar, poderá dar lugar a exclusión do proceso de participación para obter a axuda ou subvención ou, noutro caso, á revogación do acto de outorgamento e, se procede, ao reintegro do importe concedido.

b) De conformidade co artigo 13.4.º da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e de boas prácticas na Administración pública galega, e co disposto no artigo 15.2.c) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, a consellería publicará na súa páxina web oficial a relación dos beneficiarios e o importe das axudas concedidas, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos dos beneficiarios e da súa publicación na citada páxina web.

Disposición adicional segunda.

Os beneficiarios teñen a obriga de facilitar toda a información que lles sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas e o Consello de Contas, no exercicio das funcións de fiscalización e control que lle competen, segundo dispón o artigo 14.1.K da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Disposición adicional terceira.

Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención, e en todo caso a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión, segundo prevé o artigo 17.4 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Disposición adicional cuarta.

O incumprimento total ou parcial de calquera das condicións establecidas na presente orde constituirá causa determinante de revogación da axuda e do seu reintegro, total ou parcial, polo beneficiario, segundo o disposto no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Disposición derradeira primeira.

Facúltase a persoa titular da Secretaría Xeral de Universidades para ditar as disposicións necesarias para o desenvolvemento desta orde.

Disposición derradeira segunda.

Esta orde entrará en vigor ao día seguinte da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 16 de decembro de 2011.

Jesús Vázquez Abad
Consellerio de Educación e Ordenación Universitaria
missing image file

missing image file
missing image file