Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 246 Martes, 27 de decembro de 2011 Páx. 38253

III. Outras disposicións

Consellería do Medio Rural

ORDE do 23 de decembro de 2011 pola que se incrementa a dotación orzamentaria da Orde do 30 de decembro de 2010, pola que se regula a aplicación dos pagamentos directos á agricultura e á gandaría e das axudas ao desenvolvemento rural para a utilización sustentable das terras agrícolas no ano 2011.

A Orde da Consellería do Medio Rural do 30 de decembro de 2010 (DOG n.º 6, do 11 de xaneiro) regula o procedemento para a solicitude, tramitación e concesión, para o ano 2011, das axudas previstas dentro do réxime do pagamento único e doutros réximes de axuda directa á agricultura e gandaría, e das axudas ao desenvolvemento rural para a utilización sustentable das terras agrícolas no ano 2011.

Na súa disposición adicional primeira, parágrafo 1, precísanse as aplicacións orzamentarias e o importe económico previsto para o financiamento das ditas axudas, e no seu parágrafo 3 sinálase que as dotacións iniciais se poderán incrementar, se for procedente, tramitando o expediente de modificación de crédito oportuno.

Coa finalidade de poder amparar todas as solicitudes das axudas especificadas no título III, capitulo 2 da orde, relativas ás axudas ao desenvolvemento rural para a utilización sustentable das terras, indemnización compensatoria, financiadas polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) e xestionadas polo Fondo Galego de Garantía Agraria, e posto que a dotación inicial resulta insuficiente, cómpre, mediante esta orde, incrementar a dotación orzamentaria consignada inicialmente para a concesión das mencionadas axudas.

En consecuencia, e de conformidade co disposto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia,

DISPOÑO:

Artigo único.

1. A dotación orzamentaria prevista para as axudas especificadas no título III, capitulo 2 da Orde do 30 de decembro de 2010 (DOG n.º 6, do 11 de xaneiro), conforme a disposición adicional primeira, parágrafo 1, alínea b) da dita orde, increméntase no importe de 95.337,14 euros, e con cargo á aplicación 13.90.712B.772.1 dos orzamentos da Comunidade Autónoma de Galicia para 2011.

2. En todo caso, a concesión das axudas reguladas na dita orde estará limitada ás dispoñibilidades orzamentarias.

Disposición adicional única.

O incremento de crédito previsto no artigo único desta orde non afecta o prazo de presentación de solicitudes establecido na devandita Orde do 30 de decembro de 2010 (DOG n.º 6, do 11 de xaneiro) e nas modificacións efectuadas mediante a Orde do 27 de abril de 2001 (DOG n.º 83, do 29 de abril).

Disposición derradeira.

Esta orde entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 23 de decembro de 2011.

Samuel Jesús Juárez Casado
Conselleiro do Medio Rural