Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 246 Martes, 27 de decembro de 2011 Páx. 38173

III. Outras disposicións

Consellería de Facenda

ORDE do 26 de decembro de 2011 pola que se establecen as condicións da emisión de obrigacións da Comunidade Autónoma de Galicia por un importe de 41,8 millóns de euros.

Con base no artigo 33 da Lei 14/2010, do 27 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2011, autorízase a realización das operacións financeiras recollidas na indicada lei mediante a emisión de débeda pública, a concertación de créditos ou calquera outro instrumento financeiro dispoñible no mercado.

Así mesmo, no artigo 33 da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia (Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro) establécese que as emisións de débeda pública ou operacións de crédito que realice a comunidade terán que ser autorizadas, en todo caso, polo conselleiro de Economía e Facenda dentro dos límites sinalados pola lei, ao cal corresponderá, tamén, autorizar as súas características técnicas e o seu tipo de xuro, se estes non fosen determinados pola súa lei de creación. Esta facultade corresponde na actualidade á conselleira de Facenda en virtude da nova estruturación dos departamentos da Xunta, regulada polos decretos 79/2009, do 19 de abril e 83/2009, do 21 de abril.

Mediante acordos do Consello de Ministros do 25 de febreiro de 2011 y 10 de xuño de 2011, obtívose a autorización establecida no artigo 14.3.º da Lei orgánica 8/1980, do 22 de setembro, de financiamento das comunidades autónomas.

Por todo isto,

DISPOÑO:

Artigo único.

Esta orde ten por obxecto realizar unha emisión de débeda pública da Comunidade Autónoma de Galicia (o emisor) por un importe nominal de 41,8 millóns de euros. Esta emisión realízase baixo a forma de obrigacións sénior, non garantidas e non subordinadas da Comunidade Autónoma de Galicia (as obrigacións), representadas mediante anotacións na conta, ao abeiro dos artigos 55 e seguintes da Lei 24/1988, do 28 de xullo, do mercado de valores.

A emisión de débeda pública que autoriza esta orde terá as características que se detallan a seguir:

Importe nominal da emisión: corenta e un millón oitocentos mil euros (41,8).

Data de emisión e desembolso: 28 de decembro de 2011.

Data de vencemento: 28 de xuño de 2013, con suxeición á convención de día hábil seguinte non axustado (following unadjusted).

Prezo de emisión por obrigación: 97,89% do importe nominal de cada obrigación, libre de gastos para o subscritor.

Importe nominal de cada obrigación: mil (1.000) euros.

Entidade colocadora: Deutsche Bank.

Subscrición: a emisión das obrigacións está destinada a investidores cualificados e o seu desembolso será realizado a través do procedemento de entrega contra pago na data de emisión e desembolso, coa intervención do Banco de España de acordo cos procedementos que este ten establecidos para os membros do mercado de débeda pública en anotacións.

Cupón: as obrigacións devengarán e o emisor pagará un cupón por periodos vencidos, os días 28 de xuño de 2012 (cupón curto) e 28 de xuño de 2013, ao tipo de xuro e conforme os períodos de devengo de cupóns referidos a seguir.

Cada período de devengo de cupóns vai desde unha data de pagamento de cupóns (inclusive), á seguinte (excluída), no entendemento de que o primeiro período de devengo de cupóns comezará na data de emisión e desembolso e no último finalizará na data de vencemento.

Convención de día hábil: cando calquera data de pagamento (xa sexa de cupóns ou de reembolso do principal) teña a consideración de inhábil no sistema TARGET 2, ou aquel que poida substituílo no futuro, o pagamento dos cupóns e o reembolso pola amortización das obrigacións efectuarase no día hábil seguinte segundo o calendario do dito sistema.

O tedor das obrigacións non terá dereito a percibir xuros como consecuencia dese posible atraso.

Nos casos en que, de acordo coa lexislación vixente, sexa aplicable a devolución da retención practicada nos cupóns desta emisión, será o Banco de España quen xestione o correspondente procedemento, segundo se establece na Orde da Consellería de Economía e Facenda do 16 de xuño de 2004, publicada no Diario Oficial de Galicia o día 18 de xuño de 2004.

Cotización: as obrigacións estarán representadas mediante anotacións na conta e inscritas na Sociedad de Gestión de los Sistemas de Registro, Compensación y Liquidación de Valores, S.A. (Iberclear) e solicitarase a súa admisión a negociación no mercado de débeda pública en anotacións na forma prevista nos artigos 55 e seguintes da Lei 24/1988, do 28 de xullo, de mercado de valores, e nos demáis preceptos legais aplicables na materia.

Fiscalidade: de conformidade co previsto no artigo 14.5.º da Lei orgánica 8/1980, do 22 de setembro, de financiamento das comunidades autónomas, esta emisión goza dos mesmos beneficios e condicións que a débeda pública do Estado.

Amortización das obrigacións: as obrigacións serán amortizadas na súa totalidade á par (100% do importe nominal de cada obrigación), na data de vencemento.

Tipo de xuros: para cada un dos períodos de devengo de cupóns, o tipo de xuro será o 5,00% nominal anual.

Os xuros calcularanse sobre a base de cálculo Act/Act, sen axuste ningún de cada período de devengo de cupóns como resultado da convención de día hábil seguinte non axustado (following unadjusted). Para tales efectos Act/Act ten o significado que se lle asigna nas definicións ISDA 2006 publicadas pola International Swaps and Derivatives Association.

Pagamento de xuros e amortización: o pagamento dos xuros e a amortización da débeda realizaraos o Banco de España, de acordo co establecido no convenio marco, do 7 de novembro de 2005, sobre prestación do servizo de tesouraría e do servizo financeiro da débeda pública.

Lei aplicable: as obrigacións e todas as cuestións que deriven ou garden relación coas obrigacións rexeranse e interpretaranse de conformidade coas leis españolas.

Xurisdición: os tribunais da cidade de Santiago de Compostela teñen xurisdición exclusiva para resolver calquera disputa que xurda ou estea relacionada coas obrigacións.

Disposición derradeira.

Esta orde terá efectos o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 26 de decembro de 2011.

Marta Fernández Currás
Conselleira de Facenda