Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 1 Luns, 2 de xaneiro de 2012 Páx. 58

III. Outras disposicións

Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas

DECRETO 244/2011, do 29 de decembro, polo que se aproban os estatutos do organismo autónomo Instituto de Estudos do Territorio.

O artigo 31 da Lei 10/1995, do 23 de novembro, de ordenación do territorio de Galicia, establece que se creará o Instituto de Estudos do Territorio coa natureza, fins e medios que se establezan na súa lei reguladora. Consecuencia do mandado legal citado, a través da Lei 6/2007, do 11 de maio, de medidas urxentes en materia de ordenación do territorio e do litoral de Galicia, crease o Instituto e disponse a súa adcrición á consellería competente en materia de ordenación do territorio e urbanismo, ao tempo que se regulan os aspectos indicados na Lei 10/1995, do 23 de novembro.

O presente decreto ten por obxecto desenvolver as devanditas normas legais e facilitar, mediante a aprobación dos estatutos, a posta en funcionamento do organismo autónomo Instituto de Estudos do Territorio.

Así, o Instituto de Estudos do Territorio configúrase como un organismo autónomo dos regulados na sección 2.ª do capítulo II do título III da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e o sector público autonómico de Galicia, con personalidade xurídica propia e diferenciada respecto da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia e plena capacidade de obrar para o cumprimento dos seus fins, ao tempo que dispón de patrimonio e tesouraría propios.

A maiores, a aprobación deste estatuto exixe ter en conta que a Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, pon fin á dispersión normativa existente na nosa lexislación autonómica respecto das entidades integrantes do sector público autonómico, regulando, no seu título III, aspectos relativos á tipoloxía, características esenciais, organización e réxime xeral das ditas entidades.

Neste sentido, a disposición transitoria terceira, punto primeiro, desta norma, logo de proclamar que todas as determinacións contidas no seu título III lles serán aplicables ás entidades instrumentais cuxa creación fose autorizada por leis anteriores á súa entrada en vigor e que aínda non teñan aprobados os seus estatutos, como é o caso do Instituto de Estudos do Territorio, exixe que os correspondentes estatutos se aproben adaptados integramente ao establecido nela.

A disposición derradeira cuarta da Lei 15/2010, do 28 de decembro, de medidas fiscais e administrativas, modificou o artigo 10 da Lei 6/2007, do 11 de maio, engadindo entre as funcións do Instituto de Estudos do Territorio a da recompilación e o tratamento da información do territorio galego, así como a produción cartográfica para as diferentes consellerías e organismos públicos da Comunidade Autónoma de Galicia, especialmente en materia agraria e de desenvolvemento rural, función en estreita vinculación coas funcións asignadas á Comisión de Coordinación de Sistemas de Información Xeográfica e Cartografía, polo Decreto 148/2003, do 9 de xaneiro. Esta comisión está adscrita á Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, a través da Dirección Xeral de Sostibilidade e Paisaxe, dirección que pasa a integrarse no Instituto de Estudos do Territorio, polo que se considera xustificada a adscrición da Comisión de Coordinación de Sistemas de Información Xeográfica e Cartográfica ao Instituto de Estudos do Territorio.

De conformidade co artigo 16 da Lei 15/2010, do 28 de decembro, de medidas fiscais e administrativas, autorízase o Consello da Xunta de Galicia para proceder á disolución, ao abeiro do previsto nos artigos 45 e seguintes da Lei 3/1985, do 12 de abril, de patrimonio da Comunidade Autónoma de Galicia, e nos artigos 360 e seguintes do Real decreto lexislativo 1/2010, do 2 de xullo, polo que se aproba o texto refundido da Lei de sociedades de capital, da Sociedade Anónima para o Desenvolvemento Comarcal de Galicia. Desde o momento no que se produza a extinción da personalidade xurídica da sociedade anónima, o Instituto de Estudos do Territorio, en función das novas competencias atribuídas e a estrutura necesaria para o seu desenvolvemento, subrogarase nos dereitos e obrigas da Sociedade Anónima para o Desenvolvemento Comarcal de Galicia, no que se refire á Subdirección do Sistema de Información Territorial de Galicia.

A posta en funcionamento do Instituto de Estudos do Territorio implicará, desde o punto de vista organizativo, a supresión da Dirección Xeral de Sostibilidade e Paisaxe, a atribución das funcións desta última á Secretaría Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo e ao Instituto de Estudos do Territorio, así como a adscrición da Comisión de Coordinación de Sistemas de Información Xeográfica e Cartográfica ao instituto, acadando, deste xeito, unha maior eficiencia e axilidade na xestión, e evitando duplicidades innecesarias no desenvolvemento das funcións administrativas.

O decreto consta dun único artigo, cuxo obxecto é a aprobación do Estatuto do Instituto de Estudos do Territorio, así como de dez disposicións adicionais, catro transitorias, unha disposición derrogatoria e catro disposicións derradeiras.

A disposición adicional primeira refírese á constitución e entrada en funcionamento do Instituto de Estudos do Territorio. Na disposición adicional segunda establécese a subrogación do Instituto de Estudos do Territorio nos dereitos e obrigas dos órganos administrativos que substitúe.

As disposicións adicionais terceira, cuarta, quinta, sexta, sétima, oitava e novena tratan, respectivamente, do persoal investigador, do persoal da Dirección Xeral de Sostibilidade e Paisaxe, da reorganización do persoal procedente da Sociedade Anónima para o Desenvolvemento Comarcal de Galicia e da Sociedade Anónima Xestora Bantegal, así como da integración como persoal laboral da Xunta de Galicia do persoal laboral fixo procedente destas sociedades.

A disposición adicional décima alude á obriga de realizar o primeiro inventario dos bens do Instituto no prazo dun ano desde a súa posta en funcionamento.

As disposicións transitorias establecen as condicións en que discorrerá o período de transición necesario para culminar o cambio de modelo organizativo desde a figura de dirección xeral á de Instituto en materia de servizos comúns, da relación de postos de traballo, da subsistencia temporal dos órganos directivos actuais ata o nomeamento dos do Instituto, ata o réxime dos procedementos iniciados pola dirección xeral e non rematados na data de posta en funcionamento do Instituto.

As disposicións derradeiras teñen por finalidade recoller a modificación da estrutura orgánica da consellería con competencias en materia de ordenación do territorio e urbanismo, as modificacións técnicas precisas da Comisión de Coordinación de Sistemas de Información Xeográfica e Cartográfica, a habilitación para o desenvolvemento do decreto e a súa entrada en vigor.

O Estatuto consta de trinta e oito artigos agrupados en cinco títulos.

O título I reúne as disposicións xerais relativas á natureza, réxime xurídico, principios básicos de actuación, adscrición, disposicións e actos administrativos, asistencia xurídica e sede, recolléndose expresamente a condición do Instituto de Estudos do Territorio como medio propio da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia.

O título II refírese ao obxecto, funcións e competencias do organismo, mentres que a organización do Instituto de Estudos do Territorio é obxecto do título III do decreto. Así, o Instituto de Estudos do Territorio conta con dous órganos de goberno (a Presidencia e o Consello Reitor) e un órgano executivo (a Dirección).

No relativo á estrutura administrativa do organismo, os departamentos, con nivel orgánico de subdirección xeral, configúranse como eixos fundamentais da estrutura de funcionamento do Instituto de Estudos do Territorio.

O título IV ocúpase do réxime de persoal, patrimonial, de contratación e financeiro, e finalmente, o título V prevé as relacións coa Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia.

Na súa virtude, por proposta do conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, en uso das atribucións conferidas pola Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa Presidencia, de acordo co Consello Consultivo de Galicia, e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día vinte e nove de decembro de dous mil once,

DISPOÑO:

Artigo único. Aprobación.

Apróbase o estatuto do organismo autónomo Instituto de Estudos do Territorio, cuxo texto figura como anexo a este decreto, de conformidade co disposto na disposición transitoria terceira da Lei 16 /2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia.

Disposición adicional primeira. Constitución e entrada en funcionamento do Instituto de Estudos do Territorio.

Un. A constitución do Instituto de Estudos do Territorio producirase coa celebración da sesión constitutiva do seu Consello Reitor, que terá lugar no prazo de dous meses desde a entrada en vigor deste decreto.

Dous. O Instituto de Estudos do Territorio iniciará o exercicio das funcións que ten encomendadas no prazo de dous meses desde a súa constitución.

Disposición adicional segunda. Subrogación.

Un. A posta en funcionamento do Instituto de Estudos do Territorio implicará a supresión da Dirección Xeral de Sostibilidade e Paisaxe.

Dous. O Instituto de Estudos do Territorio asumirá as competencias atribuídas á Dirección Xeral de Sostibilidade e Paisaxe e ás diferentes subdireccións e servizos da mencionada dirección, órganos que se suprimen, e o novo ente subrogarase nos dereitos e obrigas derivados das competencias do devandito órgano, agás naquelas relativas a ordenación do territorio, nas cales se subrogará a Secretaría Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo consonte as funcións que ten atribuídas no artigo 12 do Decreto 316/2009, do 4 de xuño, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas.

Tres. O Instituto de Estudos do Territorio subrogarase nos dereitos e obrigas da Sociedade Anónima para o Desenvolvemento Comarcal de Galicia no que se refire á Subdirección do Sistema de Información Territorial de Galicia, no momento no que se proceda á extinción desta sociedade.

Catro. As mencións que a normativa vixente faga á Dirección Xeral de Sostibilidade e Paisaxe entenderanse realizadas ao Instituto de Estudos do Territorio ou á Secretaría Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, de ser o caso.

Disposición adiciona terceira. Persoal de investigación.

O Instituto de Estudos do Territorio poderá contratar persoal científico e técnico para a execución de proxectos e actividades investigadoras, consonte o establecido na Lei 14/2011, do 1 de xuño, da ciencia, a tecnoloxía e a innovación.

Disposición adicional cuarta. Persoal da Dirección Xeral de Sostibilidade e Paisaxe.

Un. O persoal funcionario de carreira e/ou laboral fixo da Xunta de Galicia que preste os seus servizos na Dirección Xeral de Sostibilidade e Paisaxe pasará a desempeñar os postos de traballo que viña desenvolvendo no Instituto de Estudos do Territorio e a prestar servizos neste como persoal funcionario ou persoal laboral destinado no Instituto, con efectos desde a data da súa entrada en funcionamento. O persoal que veña desempeñando os postos que se suprimen rexerase polo disposto na disposición transitoria terceira.

Dous. O persoal funcionario interino que preste servizos na Dirección Xeral de Sostibilidade e Paisaxe pasará a desempeñar os mesmos postos de traballo no Instituto de Estudos do Territorio.

Tres. O persoal laboral indefinido que preste servizos na Dirección Xeral de Sostibilidade e Paisaxe pasará a desempeñalos no Instituto de Estudos do Territorio, co mesmo réxime e condicións que tiña no mencionado órgano, con efectos desde a entrada en funcionamento do novo Instituto de Estudos do Territorio, e sen prexuízo da aplicación a este persoal do disposto na disposición adicional sétima deste decreto.

Disposición adicional quinta. Adscrición de postos de traballo de estrutura da Sociedade Anónima para o Desenvolvemento Comarcal de Galicia e da Sociedade Anónima Xestora Bantegal ao Instituto de Estudos do Territorio ou á Axencia Galega de Desenvolvemento Rural.

Un. O organismo autónomo Instituto de Estudos do Territorio e a Axencia Galega de Desenvolvemento Rural asumirán os postos de traballo do cadro de persoal da Sociedade Anónima para o Desenvolvemento Comarcal de Galicia e da Sociedade Anónima Xestora Bantegal, de acordo coas actividades que asumen as citadas entidades.

Por resolución conxunta dos conselleiros de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas e do Medio Rural concretaranse os postos de traballo adscritos a cada entidade, logo de escoitar as organizacións sindicais presentes na Mesa Xeral de Negociación das Administracións Públicas.

Asemade, a resolución adoptará a decisión pertinente, de acordo coas necesidades de cada entidade e as funcións a desempeñar, respecto daqueles postos de traballo pertencentes aos servizos comúns das sociedades que se extinguen ou que non estean adscritos a unha concreta actividade das que se asumen.

A resolución porá fin á vía administrativa .

Dous. Os indicados cadros de persoal das sociedades que se extinguen serán os instrumentos de xestión do persoal nas entidades destinatarias dos postos de traballo ata que se aproben as relacións de postos de traballo correspondentes.

Disposición adicional sexta. Adscrición do persoal laboral fixo da Sociedade Anónima para o Desenvolvemento Comarcal de Galicia e da Sociedade Anónima Xestora Bantegal ao Instituto de Estudos do Territorio ou á Axencia Galega de Desenvolvemento Rural.

Un. O persoal laboral fixo da Sociedade Anónima para o Desenvolvemento Comarcal de Galicia que, cumprindo os requisitos previstos no punto un do artigo 16 da Lei 15/2010, do 28 de decembro, preste os seus servizos para a Subdirección do Sistema de Información Territorial de Galicia, terá a opción de integrarse no Instituto de Estudos do Territorio nos postos de traballo adscritos a este pola resolución conxunta dos conselleiros de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas e do Medio Rural a que se refire o punto un da disposición adicional quinta.

Para os efectos desta opción, por parte da sociedade emitirase un certificado en que se expresará o persoal laboral fixo que prestaba servizos para a mencionada subdirección na data do 13 de outubro de 2011, data en que se autorizou a disolución da sociedade polo Consello da Xunta de Galicia.

Xunto co certificado referido no parágrafo anterior remitirase a documentación xustificativa do cumprimento dos requisitos previstos no artigo 16.un da Lei 15/2010, do 28 de decembro:

a) Copia do contrato de traballo que acredite a condición de persoal laboral fixo da sociedade.

b) Copia da titulación académica.

c) Copia da documentación acreditativa do cumprimento do requisito relativo á superación do proceso de selección.

Dous. O restante persoal laboral fixo da Sociedade Anónima para o Desenvolvemento Comarcal de Galicia distinto do previsto na alínea anterior que cumpra os requisitos previstos na alínea un do artigo 16 da Lei 15/2010, do 28 de decembro, terá a opción de integrarse na Axencia Galega de Desenvolvemento Rural nos postos de traballo adscritos a esta pola resolución conxunta dos conselleiros de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas e do Medio Rural a que se refire o punto un da disposición adicional quinta.

Para os efectos desta opción, por parte da sociedade emitirase un certificado en que se expresará o persoal laboral fixo desta distinto do que prestaba os seus servizos para a Subdirección do Sistema de Información Territorial de Galicia na data do 13 de outubro de 2011, data en que foi autorizada a disolución da sociedade polo Consello da Xunta de Galicia.

Xunto co certificado referido no parágrafo anterior, remitirase a documentación xustificativa do cumprimento dos requisitos previstos no artigo 16.un da Lei 15/2010, do 28 de decembro, prevista no punto un desta disposición.

Tres. O persoal laboral fixo da Sociedade Anónima Xestora Bantegal que cumpra os requisitos previstos no punto dous do artigo 16 da Lei 15/2010, do 28 de decembro, terá a opción de integrarse na Axencia Galega de Desenvolvemento Rural nos postos de traballo adscritos a este pola resolución conxunta dos conselleiros de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas e do Medio Rural a que se refire o punto un da disposición adicional quinta.

Para os efectos desta opción, por parte da sociedade emitirase un certificado no que se expresará o persoal laboral fixo da dita sociedade na data do 21 de xullo de 2011, data en que foi autorizada a disolución da sociedade polo Consello da Xunta de Galicia.

Xunto co certificado referido no parágrafo anterior, remitirase a documentación xustificativa do cumprimento dos requisitos previstos no artigo 16.dous da Lei 15/2010, do 28 de decembro, prevista no punto un desta disposición.

Catro. A documentación remitida polas sociedades citadas nos puntos anteriores será revisada por unha comisión designada para o efecto conxuntamente polos secretarios xerais técnicos das consellerías do Medio Rural e de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas.

Esta comisión de valoración estará composta por catro funcionarios da Administración autonómica, dos cales un exercerá a súa presidencia e outro, a súa secretaría, e catro representantes propostos polas organización sindicais presentes na Mesa Xeral de Empregados Públicos. Estos representantes serán designados no prazo de tres días desde que fosen requiridos.

A comisión examinará a documentación remitida e verificará o cumprimento polos interesados dos requisitos sinalados nos puntos un e dous do artigo 16 da Lei 15/2010, do 28 de decembro, e emitirá un informe ao respecto, que se elevará ás respectivas consellerías. No citado informe sinalarase a categoría a que se adscribirá o mencionado persoal.

Cinco. Logo de examinar o informe indicado no punto anterior, os órganos competentes do Instituto de Estudos do Territorio e a Axencia Galega de Desenvolvemento Rural ofrecerán a opción de integración nestas entidades ao persoal que cumpra os requisitos legais expresados, nos postos de traballo que viñesen desempeñando e adscritos á entidade correspondente pola resolución conxunta a que se refire o punto un da disposición adicional quinta.

O exercicio da opción de integración implicará a subrogación das entidades anteditas nos contratos laborais do persoal nas condicións expresadas nos números 1 e 2 do artigo 16 da Lei 15/2010, do 28 de decembro, de medidas fiscais e administrativas.

Os efectos retributivos da integración terán lugar desde o 1 de xaneiro de 2012.

O persoal que non opte pola integración suxeitarase ás consecuencias da liquidación das sociedades que se extinguen.

Disposición adicional sétima. Disposicións relativas á reorganización do persoal indefinido non fixo procedente da Sociedade Anónima para o Desenvolvemento Comarcal de Galicia e da Sociedade Anónima Xestora Bantegal.

Un. O organismo autónomo Instituto de Estudos do Territorio e a Axencia Galega de Desenvolvemento Rural asumen o persoal laboral indefinido non fixo procedente da Sociedade Anónima para o Desenvolvemento Comarcal e da Sociedade Anónima Xestora Bantegal que estiver adscrito ás actividades destas sociedades que, respectivamente, vaian desempeñar as entidades citadas e nas condicións establecidas nesta disposición.

A asunción deste persoal producirase desde o 1 de xaneiro de 2012.

Dous. As relacións de postos de traballo ou cadros de persoal destas entidades deberán ser obxecto das modificacións necesarias para axustalas ás consecuencias desta asunción do persoal indefinido non fixo, referido no punto un desta disposición.

Para estes efectos, cada entidade procederá a realizar de oficio un estudo organizativo do servizo, tendo en conta a racionalización das estruturas orgánicas, a evitación de tarefas redundantes e duplicidades e as previsións orzamentarias, e a propoñer a modificación da relación de postos de traballo ou o cadro de persoal para a súa creación formal ou ben a amortización daqueles postos que non sexan necesarios para o funcionamiento do servizo.

Tres. Os postos de traballo que sexan obxecto de creación de acordo coa presente disposición na relación de postos de traballo do Instituto de Estudos do Territorio serano como posto de personal funcionario ou, excepcionalmente, de persoal laboral cando a natureza das súas funcións así o requira.

A cobertura dos postos de traballo polos procedementos legalmente establecidos ou a aprobación da súa amortización producirá a extinción da relación laboral de acordo co disposto na lexislación laboral, todo isto sen prexuízo de que o traballador poida acceder ao emprego público, logo de superación do correspondente proceso selectivo.

Disposición adicional oitava. Disposicións relativas á reorganización do persoal temporal procedente da Sociedade Anónima para o Desenvolvemento Comarcal de Galicia e da Sociedade Anónima Xestora Bantegal.

Un. O organismo autónomo Instituto de Estudos do Territorio e a Axencia Galega de Desenvolvemento Rural asumen o persoal laboral temporal procedente da Sociedade Anónima para o Desenvolvemento Comarcal e da Sociedade Anónima Xestora Bantegal adscrito á realización de obras ou servizos determinados nas actividades que, respectivamente, asumen. Este persoal subrógase nas mesmas condicións de contratación existentes nas sociedades de procedencia, agás que se produza o fin da obra ou o servizo que se viñese desempeñando, caso en que a relación laboral se extinguirá coas consecuencias establecidas na lexislación laboral.

A este persoal seralle de aplicación o disposto na disposición anterior.

Dous. Os postos de traballo existentes nas sociedades que se extinguen ocupados por persoal laboral interino adscribiranse ao Instituto de Estudos do Territorio ou a Axencia Galega de Desenvolvemento Rural de acordo coas actividades que, respectivamente, vaian desempeñar as citadas entidades. Na adaptación das relacións de postos de traballo ou os cadros de persoal destas entidades que se debe realizar de acordo coa disposición adicional anterior adoptarase a decisión do mantemento do posto de traballo ou ben a súa amortización se non son necesarios para o funcionamento do servizo, coas consecuencias previstas na citada disposición.

Disposición adicional novena. Integración como persoal laboral da Xunta de Galicia.

O persoal laboral fixo da Sociedade Anónima para o Desenvolvemento Comarcal de Galicia e da Sociedade Anónima Xestora Bantegal que, cumprindo os requisitos previstos nos puntos un e dous do artigo 16 da Lei 15/2010, do 28 de decembro, de medidas fiscais e administrativas, se adscriba ao Instituto de Estudos do Territorio ou á Axencia Galega de Desenvolvemento Rural conforme o previsto neste decreto, poderá ser integrado como persoal laboral da Xunta de Galicia, consonte establece o punto sete do artigo 16 da referida lei en relación coa disposición adicional décimo primeira da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia.

Disposición adicional décima. Inventario.

O Instituto de Estudos do Territorio realizará o primeiro inventario dos bens que se lle adscriben e dos que puider adquirir para o inicio da súa actividade antes de que transcorra un ano desde a súa posta en funcionamento

Disposición transitoria primeira. Servizos comúns.

Sen prexuízo da creación e posta en funcionamento do Instituto de Estudos do Territorio, os servizos comúns da consellería de adscrición deste exercerán en relación con el as competencias que teñan atribuídas respecto á Dirección Xeral de Sostibilidade e Paisaxe ata que aquel dispoña dos servizos propios necesarios para alcanzar a súa autonomía.

Disposición transitoria segunda. Relacións de postos de traballo do Instituto de Estudos do Territorio.

Ata a elaboración e aprobación da relación de postos de traballo inicial de persoal funcionario e laboral do Instituto de Estudos do Territorio, manteranse como instrumentos de ordenación dos seus recursos humanos as relacións de postos de traballo da Dirección Xeral de Sostibilidade e Paisaxe coas dotacións existentes no momento da creación do Instituto así como o cadro de persoal aprobado polo órgano competente da Sociedade Anónima para o Desenvolvemento Comarcal de Galicia no que atinxe ao persoal en que se subroga o Instituto de Estudos do Territorio.

Disposición transitoria terceira. Réxime de funcionamento de órganos.

Un. A persoa titular da Dirección Xeral de Sostibilidade e Paisaxe continuará no desenvolvemento das súas funcións ata o nomeamento da persoa titular da Dirección do Instituto.

Ás persoas titulares das subdireccións e dos servizos suprimidos aplicaráselles o disposto na normativa de función pública e poderán ser adscritas provisionalmente, mediante resolución do conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, aos departamentos e servizos que se crean neste decreto.

Dous. As unidades e postos de traballo de nivel orgánico inferior ao de servizo subsistirán ata a aprobación da relación de postos de traballo do Instituto.

Tres. A persoa titular da Dirección Xeral de Sostibilidade e Paisaxe realizará as actuacións necesarias para a posta en funcionamento do organismo autónomo Instituto de Estudos do Territorio desde a súa constitución e exercerá as funcións atribuídas ao director/a deste ata o seu nomeamento.

Disposición transitoria cuarta. Réxime transitorio dos procedementos.

Os expedientes iniciados pola Dirección Xeral de Sostibilidade e Paisaxe con anterioridade á posta en funcionamento do Instituto e non resoltos na devandita data, relativos a ámbitos de competencia asignados ao Instituto polo estatuto que aproba este decreto, resolveraos o órgano competente do Instituto consonte a atribución do exercicio de competencias establecidas polo estatuto.

Asemade, aqueles expedientes iniciados e non resoltos na data de posta en funcionamento do Instituto relativos a materias que sexan competencia da Secretaría Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo resolveraos o órgano competente desta secretaría xeral consonte a atribución do exercicio de competencias establecidas polo Decreto 316/2009, do 4 de xuño.

Disposición derrogatoria.

Quedan derrogadas cantas disposicións de igual ou inferior rango se opoñan ao disposto neste decreto.

Disposición derradeira primeira. Modificación do Decreto 316/2009, do 4 de xuño, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas.

1. Modifícase o Decreto 316/2009, do 4 de xuño, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas nos seguintes termos:

Un. Suprímese a letra g) do artigo 2 do citado decreto.

Dous. Engádese unha letra f) ao número 1 do artigo 3 coa seguinte redacción:

«f) O organismo autónomo Instituto de Estudos do Territorio creado pola Lei 6/2007, do 11 de maio, de medidas urxentes en materia de ordenación do territorio e do litoral de Galicia».

Tres. O artigo 12 do Decreto 316/2009, do 4 de xuño, queda redactado como segue:

«Artigo 12. Funcións e estrutura.

1. A Secretaría Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo exercerá as funcións inherentes á dirección, planificación, impulso, xestión e coordinación das competencias que, en materia de urbanismo, ordenación do territorio e do litoral, así como as autorizacións e os informes na zona de servidume de protección do dominio público marítimo terrestre e no solo rústico que ten atribuídas a consellería e, en particular, corresponderanlle:

Con carácter xeral:

a) A materialización e posta en práctica da política territorial e de utilización racional do solo coa finalidade de favorecer o desenvolvemento equilibrado e sustentable do territorio; contribuír a elevar a calidade de vida e a cohesión social da poboación e protexer e potenciar o patrimonio natural e cultural, sen prexuízo das competencias atribuídas a outros órganos.

b) O exercicio das funcións que a Lei 9/2002, do 30 de decembro, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia, lle atribúe á persoa titular da dirección xeral competente en materia de urbanismo.

c) O fomento da formación e da investigación, e a elaboración e divulgación de estudos e proxectos en materia de urbanismo, ordenación do territorio e litoral.

d) O fomento, seguimento e control da actividade urbanística, sen prexuízo das competencias dos municipios e o requirimento de anulación de actos de aprobación de instrumentos de planeamento e xestión urbanística.

e) O fomento da participación cidadá na formulación, tramitación e xestión do planeamento territorial e urbanístico.

f) O apoio e asesoramento necesario á Comisión Superior de Urbanismo de Galicia.

g) A elaboración de proxectos e anteproxectos de disposicións normativas en materia de urbanismo, ordenación do territorio e litoral.

h) A coordinación dos servizos territoriais de urbanismo.

i) A tramitación e proposta de resolución dos procedementos de responsabilidade patrimonial no ámbito das súas competencias.

j) A tramitación dos expedientes de contratación administrativa no ámbito das súas competencias.

k) O exercicio de calquera competencia que en materia de urbanismo a lexislación vixente atribúa á Administración autonómica sen especificar o órgano que deba exercela.

l) A realización de actuacións de mellora de contornos urbanos, de accesibilidade e supresión de barreiras arquitectónicas e de equipamentos públicos que teñan por finalidade a revitalización do territorio e o reequilibrio territorial.

m) A emisión de informes preceptivos en materia de costas, nos supostos previstos polo artigo 24 do Decreto 158/2005, do 2 de xuño, polo que se regulan as competencias autonómicas na zona de servidume de protección do dominio público marítimo-terrestre, así como o outorgamento de autorizacións administrativas na zona de servidume de protección do dominio público marítimo-terrestre segundo o establecido na Lei 22/1988, do 22 de xullo, de costas.

n) A preparación dos informes que conforme a lexislación de carácter sectorial lle corresponda emitir ao órgano autonómico competente en materia de ordenación do territorio e urbanismo.

ñ) Análise e proposta de informe dos expedientes de solicitude de autorización de execución de grandes establecementos comerciais sobre a súa adaptación ao planeamento vixente e en tramitación, para a posta en coñecemento da súa viabilidade á Comisión Consultiva de Equipamentos Comerciais.

o) Informe de recursos interpostos contra resolucións ditadas pola persoa titular da Secretaría Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo nas materias da súa competencia.

En materia de ordenación do territorio e do litoral:

a) Impulso da cooperación con todas as administracións públicas con competencia no territorio, especialmente coas administracións locais, co fin de promover o desenvolvemento de políticas comúns, debidamente coordinadas e programadas, que aseguren o cumprimento dos fins de protección, xestión e ordenación do territorio.

b) A programación, dirección e control da política de ordenación do territorio e do litoral.

c) A elaboración e tramitación administrativa dos instrumentos previstos na Lei 10/1995, do 23 de novembro, de ordenación do territorio, que se formulen por iniciativa desta consellería.

d) A coordinación coas restantes consellerías ou outros organismos ou entidades para a formulación dos seus correspondentes plans ou programas de carácter sectorial con incidencia sobre o territorio, así como o seguimento, arquivo e rexistro dos instrumentos de ordenación do territorio aprobados.

e) A elaboración de informes respecto dos demais instrumentos de ordenación do territorio previstos na Lei 10/1995, do 23 de novembro, de ordenación do territorio, cando así se exixa de acordo coa devandita lei e a normativa e instrumentos que a desenvolvan.

En materia de urbanismo:

a) A preparación dos informes que, con carácter previo á aprobación inicial ou definitiva de instrumentos de planeamento urbanístico por parte dos concellos, prevé a Lei 9/2002, do 30 de decembro, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia.

b) A elaboración das propostas de resolución respecto dos instrumentos de planeamento urbanístico cuxa aprobación definitiva sexa competencia da persoa titular da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas de conformidade coa Lei 9/2002, do 30 de decembro, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia.

c) A elaboración e tramitación administrativa das normas técnicas de planeamento e das normas subsidiarias e complementarias de planeamento.

d) A tramitación administrativa dos instrumentos de planeamento urbanístico.

e) O apoio técnico e económico e a colaboración coas entidades locais para a formulación e tramitación do planeamento urbanístico e a súa xestión e execución.

f) O seguimento, arquivo e rexistro dos instrumentos de planeamento urbanístico aprobados e o requirimento de anulación de actos de aprobación de instrumentos de planeamento e xestión urbanística.

g) A xestión do Rexistro de Entidades Urbanísticas Colaboradoras, de acordo co disposto polo Regulamento de xestión urbanística, aprobado polo Real decreto 3288/1978, do 25 de agosto.

h) Seguimento, control e actualización do estado do planeamento en Galicia. Diagnose das necesidades.

i) Prestarlles asistencia e coordinación aos concellos en relación cos expedientes das subvencións que, en materia de planeamento, se tramiten nesta consellería.

2. Baixo a dependencia directa da persoa titular da Secretaría Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, e para o exercicio das funcións e competencias enumeradas no artigo anterior, a Secretaría Xeral estrutúrase nos seguintes órganos administrativos:

2.1. Servizo de Xestión Económica.

Correspóndenlle as seguintes funcións:

a) As funcións inherentes á xestión económica e á preparación e tramitación dos expedientes de contratación e subvencións que poidan ser competencia da Secretaría Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo.

b) Así como a de prestarlle asistencia e xestionar cantos asuntos lle sexan encomendados por razón da súa competencia pola persoa titular da Secretaría Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo.

2.2. Servizo de Obras e Supervisión de Proxectos.

Correspóndenlle as seguintes funcións:

a) As funcións de supervisión de proxectos técnicos e seguimento dos contratos de dirección e de execución de obra relacionados coas actuacións de mellora de contornos urbanos, de accesibilidade e supresión de barreiras arquitectónicas e de equipamentos públicos que teñan por finalidade a revitalización do territorio e o reequilibrio territorial.

b) Así como a de prestarlle asistencia e xestionar cantos asuntos lle sexan encomendados por razón da súa competencia pola persoa titular da Secretaría Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo.

2.3. Servizo de Autorizacións e Informes Sectoriais.

Correspóndenlle as funcións de supervisión de expedientes e a emisión de informes e autorizacións, se é o caso, relacionados coas seguintes actuacións:

a) A emisión de informes preceptivos en materia de costas, nos supostos previstos polo artigo 24 do Decreto 158/2005, do 2 de xuño, polo que se regulan as competencias autonómicas na zona de servidume de protección do dominio público marítimo-terrestre.

b) A preparación dos informes e autorizacións que conforme a lexislación de carácter sectorial lle corresponda emitir ao órgano autonómico competente en materia de ordenación do territorio e urbanismo.

c) A preparación e elaboración das autorizacións administrativas na zona de servidume de protección do dominio público marítimo-terrestre, segundo o establecido na Lei 22/1988, do 22 de xullo, de costas.

2.4. Servizo Xurídico-Administrativo.

Esta unidade, con nivel orgánico de servizo, estará igualmente baixo a dependencia directa da persoa titular da Secretaría Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, e correspóndenlle, entre outras, as seguintes funcións:

a) As encomendadas á Secretaría Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo no que atinxe á área xurídico-administrativa.

b) A elaboración de informes sobre os recursos interpostos contra resolucións ditadas pola persoa titular da Secretaría Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo nas materias da súa competencia.

c) E en xeral, prestarlle asistencia e xestionar cantos asuntos lle sexan encomendados por razón da súa competencia pola persoa titular da Secretaría Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo.

2.5. Subdirección Xeral de Ordenación do Territorio.

2.5.1. A Subdirección Xeral de Ordenación do Territorio exercerá as seguintes funcións:

a) Impulso da cooperación con todas as administracións públicas con competencia no territorio, especialmente coas administracións locais, co fin de promover o desenvolvemento de políticas comúns, debidamente coordinadas e programadas, que aseguren o cumprimento dos fins de protección, xestión e ordenación do territorio.

b) A programación, dirección e control da política de ordenación do territorio e do litoral.

c) A elaboración e tramitación administrativa dos instrumentos previstos na Lei 10/1995, do 23 de novembro, de ordenación do territorio, que se formulen por iniciativa desta consellería.

d) A coordinación coas restantes consellerías ou outros organismos ou entidades para a formulación dos seus correspondentes plans ou programas de carácter sectorial con incidencia sobre o territorio, así como o seguimento, arquivo e rexistro dos instrumentos de ordenación do territorio aprobados.

e) A elaboración de informes respecto dos demais instrumentos de ordenación do territorio previstos na Lei 10/1995, do 23 de novembro, de ordenación do territorio, cando así se exixa de acordo coa devandita lei e a normativa e instrumentos que a desenvolvan.

2.5.2. Para o desenvolvemento das funcións antes relacionadas, esta subdirección xeral contará coa seguinte unidade con nivel orgánico de servizo:

2.5.2.1. Servizo de Ordenación Territorial.

Correspóndenlle as funcións encomendadas á subdirección xeral no que atinxe á área temática de ordenación do territorio e, en xeral, prestarlle asistencia, así como desenvolver calquera outra función que, por razón da súa competencia, lle poida encomendar a persoa titular da subdirección xeral.

2.6. Subdirección Xeral de Urbanismo.

2.6.1. A Subdirección Xeral de Urbanismo exercerá as funcións de estudo, preparación, informe e seguimento dos instrumentos de planeamento urbanístico, así como prestarlle asistencia e xestionar cantos asuntos lle sexan encomendados por razón da súa competencia pola persoa titular da Secretaría Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo.

2.6.2. Para o desenvolvemento das funcións antes relacionadas, esta subdirección xeral contará, con nivel orgánico de servizo, coas seguintes unidades:

2.6.2.1. Servizo de Planificación Urbanística I.

2.6.2.2. Servizo de Planificación Urbanística II.

2.6.2.3. Servizo de Planificación Urbanística III.

Correspóndenlle as seguintes funcións:

a) O estudo, a preparación, o informe e o seguimento dos instrumentos de planeamento urbanístico.

b) E, en xeral, prestarlle asistencia e xestionar cantos asuntos lles sexan encomendados por razón da súa competencia pola persoa titular da Subdirección Xeral de Urbanismo».

Catro. Elimínase a sección terceira, relativa á Dirección Xeral de Sostibilidade e Paisaxe, do capítulo V do Decreto 316/2009, do 4 de xuño.

2. As modificacións citadas producirán os seus efectos a partir da entrada en funcionamento do organismo autónomo Instituto de Estudos do Territorio.

Disposición derradeira segunda. Modificación do Decreto 148/2003, do 9 de xaneiro, polo que se crea a Comisión de Coordinación de Sistemas de Información Xeográfica e Cartografía.

1. Modifícase o Decreto 148/2003, do 9 de xaneiro, polo que se crea a Comisión de Coordinación de Sistemas de Información Xeográfica e Cartografía nos seguintes termos:

Un. O artigo 2 do Decreto 148/2003, do 9 de xaneiro, queda redactado como segue:

«Artigo 2. Adscrición.

A comisión de Coordinación de Sistemas de Información Xeográfica e Cartografía estará adscrita á Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, a través do organismo autónomo Instituto de Estudos do Territorio».

Dous. A letra h) do número 3 do artigo 4 do Decreto 148/2003, do 9 de xaneiro, queda redactado como segue:

«h) O/a director/a do organismo autónomo Instituto de Estudos do Territorio».

Tres. O número 1 do artigo 6 do Decreto 148/2003, do 9 de xaneiro, queda redactado como segue:

«1. A secretaría da comisión será desempeñada por un representante do organismo autónomo Instituto de Estudos do Territorio, designado/a polo/a presidente/a da comisión ou a persoa en que delegue».

2. As modificacións citadas producirán os seus efectos a partir da entrada en funcionamento do organismo autónomo Instituto de Estudos do Territorio.

Disposición derradeira terceira. Desenvolvemento normativo.

Facúltase á persoa titular da consellería competente en materia de ordenación do territorio e urbanismo para ditar, dentro da súa competencia, cantas disposicións sexan necesarias para o desenvolvemento do disposto neste decreto.

Disposición derradeira cuarta. Entrada en vigor.

O presente decreto entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, vinte e nove de decembro de dous mil once.

Alberto Núñez Feijóo
Presidente

Agustín Hernández Fernández de Rojas
Conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas

ANEXO

TÍTULO I
Disposicións xerais

Artigo 1. Natureza xurídica.

1. O Instituto de Estudos do Territorio é un organismo autónomo dos regulados na sección 2.ª do capítulo II do título III da Lei de organización e funcionamento da Administración xeral e o sector público autonómico de Galicia.

2. O Instituto de Estudos do Territorio ten personalidade xurídica propia e diferenciada respecto da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, plena capacidade de obrar para o cumprimento dos seus fins e dispón de patrimonio e tesourería propios.

Artigo 2. Réxime xurídico.

1. O Instituto de Estudos do Territorio é unha entidade pública instrumental cuxa organización e funcionamento se regulan polo dereito administrativo, e se someten ao dereito privado só naqueles casos nos que corresponda de acordo coa normativa xeral ou sectorial aplicable.

2. O Instituto de Estudos do Territorio réxese pola Lei 6/2007, do 11 de maio, de medidas urxentes en materia de ordenación do territorio e do litoral de Galicia, pola Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e o sector público autonómico de Galicia, polas demais normas aplicables ás entidades públicas instrumentais dependentes da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, polos presentes estatutos e polas normas de desenvolvemento destes.

Artigo 3. Condición de medio propio e servizo técnico da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia.

1. O Instituto de Estudos do Territorio ten a consideración de medio propio e servizo técnico da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia e dos poderes adxudicadores dela dependentes, polo que está obrigada a realizar os traballos que aquela ou estes lle encomenden no marco do seu ámbito de actuación.

2. As relacións do Instituto de Estudos do Territorio cos poderes adxudicadores dos que é medio propio e servizo técnico teñen natureza instrumental e non contractual, articulándose a través de encomendas de xestión das previstas no apartado 6 do artigo 24 do Real decreto lexislativo 3/2011, do 14 de novembro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de contratos do sector público, polo que, para todos os efectos, son de carácter interno, dependente e subordinado.

3. O Instituto de Estudos do Territorio non poderá participar nos procedementos para a adxudicación de contratos convocados polos poderes adxudicadores dos que sexa medio propio e servizo técnico. No entanto, cando non concorra ningún licitador poderá encargárselle a execución da actividade obxecto de licitación pública.

4. En todo caso, será de aplicación o previsto na Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico.

Artigo 4. Principios básicos de actuación.

O Instituto de Estudos do Territorio axustará as súas actuacións aos principios de transparencia, eficacia e eficiencia na xestión, tendo como obxectivo permanente a mellora da calidade no seu ámbito de actuación.

Artigo 5. Adscrición.

1. O Instituto de Estudos do Territorio adscríbese á consellería competente en materia de ordenación do territorio e urbanismo.

2. O Instituto de Estudos do Territorio exerce as súas funcións con autonomía de xestión e descentralización funcional, dentro dos límites establecidos pola súa lei de creación, polas normas aplicables con carácter xeral ás entidades públicas instrumentais dependentes da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, polos presentes estatutos e polas normas de desenvolvemento destes.

Artigo 6. Disposicións e actos administrativos.

1. O Instituto de Estudos do Territorio ditará as normas internas necesarias para o cumprimento do seu obxecto e para o seu funcionamento, que poderán adoptar a forma de:

a) Resolucións, instrucións e circulares da Presidencia do Instituto.

b) Acordos do consello reitor.

c) Resolucións da dirección.

2. Os actos e resolucións ditados polos órganos de goberno do Instituto poñen fin á vía administrativa, sendo susceptibles de impugnación na vía contencioso-administrativa, sen prexuízo do recurso potestativo de reposición.

Os actos administrativos da Dirección do Instituto poderán ser recorridos en alzada perante a Presidencia, agás que foran ditados por delegación desta.

Artigo 7. Asistencia xurídica.

A asistencia xurídica, representación e defensa en xuízo do Instituto de Estudos do Territorio corresponderalle á escala de letrados da Xunta de Galicia.

Artigo 8. Sede.

O Instituto de Estudos do Territorio terá a súa sede institucional na cidade de Santiago de Compostela.

TÍTULO II
Obxecto, funcións e competencias

Artigo 9. Obxecto.

O Instituto de Estudos do Territorio ten por obxecto a análise, estudo e asesoramento en materia de urbanismo e ordenación do territorio, entendéndose comprendida nela a ordenación, protección e xestión da paisaxe.

Artigo 10. Funcións.

En consonancia co seu obxecto, o Instituto de Estudos do Territorio exercerá as seguintes funcións, sen prexuízo das que correspondan aos órganos urbanísticos da Xunta de Galicia:

a) Realizar traballos de investigación, análise, estudo e difusión sobre urbanismo, ordenación do territorio, en particular:

1. A realización de investigacións metodolóxicas, bases de datos e indicadores para o seguimento do desenvolvemento territorial de Galicia, co obxectivo de alcanzar a xestión dinámica das súas paisaxes.

2. A realización de análises e diagnósticos e a formulación de propostas e alternativas para a ordenación e xestión do territorio desde unha perspectiva global de cara ao desenvolvemento sustentable e a cohesión territorial de Galicia.

3. A participación en foros especializados, redes e proxectos, de carácter nacional e internacional, en materia de urbanismo, ordenación do territorio, sustentabilidade e paisaxe.

4. A promoción, deseño, execución e seguimento de programas ou accións e actividades formativas de concienciación para a sustentabilidade dirixidas ao conxunto da sociedade de Galicia e nas súas institucións, públicas e privadas, en especial, mediante a educación e formación nas materias de urbanismo, ordenación do territorio e paisaxe.

5. A posta en marcha de instrumentos para a protección, xestión e ordenación das paisaxes de Galicia, tales como os catálogos e as directrices de paisaxe, os estudos de impacto e a integración paisaxística, os plans de acción da paisaxe en áreas protexidas, incluída a elaboración dos informes deles derivados, así como calquera outro que se entendese como necesario para o cumprimento dos puntos anteriores, mentres non se constitúa o Observatorio Galego da Paisaxe.

6. O impulso, coordinación e seguimento da elaboración das iniciativas e programas de sustentabilidade local, tales como as Axendas 21 locais, así como aqueles outros proxectos de similar fin na aplicación das directrices e plans de ordenación de ámbito autonómico.

7. A elaboración e promoción de programas e módulos tendentes á integración do ambiente e da sustentabilidade no currículo educativo das ensinanzas regradas para os efectos da súa proposta á Administración educativa e fomento da implantación das Axendas 21 escolares nos centros educativos.

8. O impulso da cooperación con todas as administración públicas con competencia no territorio, especialmente coas administracións locais, co fin de promover o desenvolvemento de políticas comúns, debidamente coordinadas e programadas, que aseguren o cumprimento dos fins de protección, xestión e ordenación anteriormente sinalados.

b) Prestar asistencia e asesoramento aos concellos de Galicia, para a elaboración do planeamento urbanístico e a xestión e execución do planeamento, nas seguintes materias:

1. No desenvolvemento, xestión e execución dos diferentes instrumentos de planificación con incidencia sobre o territorio.

2. No seguimento dos efectos no ambiente da aplicación ou execución destes que prevé o artigo 8 da Lei 6/2007, do 11 de maio, de medidas urxentes en materia de ordenación do territorio e do litoral de Galicia.

c) Prestar apoio á consellería competente en materia de urbanismo e ordenación do territorio, nas seguintes materias:

1. Na programación da ordenación do territorio e do litoral.

2. Na elaboración de estratexias e programas que contribúan a conseguir o apropiado nivel de desenvolvemento sustentable, o establecemento das medidas necesarias para a súa efectiva implantación e aquelas que fomenten a participación cidadá.

3. Na realización da avaliación continua dos instrumentos de ordenación territorial, o que inclúe o seguimento das directrices de ordenación do territorio que prevé o punto 10 do artigo 10 da Lei 10/1995, do 23 de novembro, de ordenación do territorio de Galicia.

d) Compilar e tratar a información do territorio galego, así como a produción cartográfica para as diferentes consellerías e organismos públicos da Comunidade Autónoma de Galicia, especialmente en materia agraria e de desenvolvemento rural, o que inclúe, en particular:

1. Coordinación e difusión da información xeográfica e cartográfica necesaria para o desenvolvemento dos estudos territoriais e urbanísticos das diferentes consellerías e organismos públicos da comunidade autónoma, así como o apoio técnico á difusión e formación de actuacións en materia de información xeográfica desenvolvidas pola Xunta de Galicia ou en coordinación con ela.

2. Xestionar os sistemas de información corporativos vinculados ao territorio a partir das bases de datos cartográficas e espaciais existentes na consellería e o resto de organismos da Xunta de Galicia que así o demanden, así como calquera outra información que se poida localizar sobre o territorio e que sexa susceptible de ser incorporada coa súa referencia xeográfica para a xestión da Infraestrutura de Datos Espaciais de Galicia (IDEG). Neste ámbito, prestaráselle especial atención á recolleita exhaustiva e ao tratamento adecuado de datos en materia de toponimia. Para iso, o Instituto de Estudos do Territorio ofrecerá o apoio técnico necesario á consellería competente en materia de toponimia e mais á Comisión de Toponimia e velará especialmente pola correcta utilización da toponimia na produción cartográfica da Xunta de Galicia.

3. Elaboración, mantemento e actualización da información xeográfica e cartográfica necesaria para o desenvolvemento dos estudos da consellería, así como a xestión das encomendas recibidas doutros departamentos ou organismos da Xunta de Galicia, ou administracións relacionadas con esta materia.

4. O arquivo e o tratamento dos datos referidos aos indicadores do territorio establecidos nos instrumentos de ordenación territorial.

5. Incentivar a innovación, adopción e desenvolvemento de tecnoloxías e infraestruturas propias nos campos de información xeográficas do territorio galego. Así mesmo, abordarase a planificación e o desenvolvemento de servizos de valor engadido e de novos sistemas e aplicacións en materia de información xeográfica para Galicia.

6. Facilitar o acceso público á información e a tecnoloxías xeográficas para promover o coñecemento do territorio e os seus valores, contribuíndo así á conservación, á protección e ao desenvolvemento sustentable de Galicia.

e) Calquera outra que teña relación co seu obxecto e fins.

TÍTULO III
Organización

CAPÍTULO I
Órganos de goberno

Artigo 11. Órganos de goberno.

1. Os órganos de goberno do Instituto de Estudos do Territorio son:

a) A Presidencia.

b) O Consello Reitor.

2. Na designación dos/as titulares e membros dos órganos de goberno do Instituto de Estudos do Territorio atenderase ao principio de presenza equilibrada entre mulleres e homes.

Sección 1.ª A Presidencia

Artigo 12. A Presidencia.

A Presidencia do Instituto de Estudos do Territorio correspóndelle á persoa titular da consellería competente en materia de ordenación do territorio e urbanismo.

Artigo 13. Funcións da Presidencia.

1. Corresponden á persoa titular da Presidencia as seguintes funcións:

a) A representación institucional e legal do Instituto de Estudos do Territorio, incluíndo as actuacións fronte a terceiros relativas aos seus bens e dereitos patrimoniais, así como a subscrición dos convenios de colaboración.

b) A presidencia do Consello Reitor, que desempeña todas as competencias que lle corresponden como presidente/a do órgano colexiado segundo o disposto no artigo 16 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia.

2. A persoa titular da presidencia poderá delegar aquelas funcións propias que estime oportunas e sexan susceptibles de delegación, na persoa titular da dirección.

3. No suposto de ausencia, vacante, enfermidade ou outro impedimento legal, a persoa titular da dirección substituirá a persoa titular da presidencia.

Sección 2.ª O Consello Reitor

Artigo 14. O Consello Reitor.

O Consello Reitor é o órgano colexiado de goberno do Instituto de Estudos do Territorio.

Artigo 15. Composición do Consello Reitor.

1. O Consello Reitor está integrado pola presidencia, vicepresidencia, sete vogais e unha secretaría.

2. Os membros do Consello Reitor gardarán o debido sixilo respecto dos asuntos dos que coñezan como membros deste órgano.

3. Os membros do Consello Reitor percibirán, se é o caso, as indemnizacións que, por asistencia ás reunións, lles poidan corresponder en aplicación do previsto no decreto sobre indemnizacións por razón do servizo.

Artigo 16. Presidencia do Consello Reitor.

1. A Presidencia do Consello Reitor correspóndelle á persoa titular da consellería competente en materia de ordenación do territorio e urbanismo.

2. Corresponden á persoa titular da Presidencia as seguintes atribucións:

a) Desempeñar a representación do Consello Reitor.

b) Acordar a convocatoria das sesións ordinarias e extraordinarias e fixar a orde do día, tendo en conta, de ser o caso, as peticións dos demais membros formuladas con suficiente antelación.

c) Presidir as sesións, moderar o desenvolvemento dos debates e suspendelos por causas xustificadas.

d) Dirimir co seu voto os empates.

e) Remitir aos órganos correspondentes a proposta de plan de actuación, o informe xeral anual de actuación e xestión, o anteproxecto de orzamentos anuais e as contas anuais.

f) Asegurar o cumprimento das leis e os estatutos da entidade.

g) Visar as actas e certificados dos acordos do Consello Reitor.

h) Cantas outras atribucións sexan inherentes á presidencia dun órgano colexiado.

Artigo 17. Vicepresidencia do Consello Reitor.

A vicepresidencia do consello reitor correspóndelle á persoa titular da dirección do Instituto. Esta substituirá á persoa titular da presidencia do consello nos casos de vacante, ausencia, enfermidade ou outra causa legal.

Artigo 18. Secretaría do Consello Reitor.

1. A persoa titular da secretaría será nomeada e separada polo Consello Reitor de entre o persoal funcionario ao servizo do Instituto de Estudos do Territorio, por proposta da persoa titular da presidencia.

2. Nos supostos de vacante, ausencia ou enfermidade da persoa titular da secretaría, o Consello Reitor nomeará a persoa que a substitúa nos termos previstos no punto anterior.

3. Correspóndelle á persoa titular da secretaría:

a) Asistir ás reunións do consello reitor con voz pero sen voto.

b) Efectuar a convocatoria das sesións do consello reitor por orde da presidencia, así como as citacións aos membros deste.

c) Recibir os actos de comunicación dos membros co consello reitor e, xa que logo, as notificacións, peticións de datos, rectificacións ou calquera outra clase de escritos dos que deba ter coñecemento.

d) Preparar o despacho dos asuntos, redactar e autorizar as actas das sesións.

e) Expedir certificacións das consultas, ditames e acordos aprobados.

f) Cantas outras atribucións sexan inherentes á secretaría dun órgano colexiado.

Artigo 19. Vogais do Consello Reitor.

1. Os/as vogais do Consello Reitor son nomeados e separados pola persoa titular da consellería competente en materia de ordenación do territorio e urbanismo.

2. Son vogais do Consello Reitor:

a) Tres representantes da consellería competente en materia de ambiente, ordenación do territorio e urbanismo, designados/as pola persoa titular daquela consellería, de entre os seus órganos superiores ou de dirección.

b) Un/unha representante da consellería competente en materia administracións públicas, designado/a pola persoa titular daquela consellería, de entre os seus órganos superiores ou de dirección.

c) Un/unha representante da consellería competente en materia de medio rural, designado/a pola persoa titular daquela consellería, de entre os seus órganos superiores ou de dirección.

d) Un/unha representante da consellería competente en materia de facenda, designado/a pola persoa titular daquela consellería, de entre os seus órganos superiores ou de dirección.

e) Un/unha representante dos concellos, designado pola asociación máis representativa das entidades locais galegas.

3. En caso de ausencia ou de enfermidade e, en xeral, cando concorra algunha causa xustificada, os/as vogais serán substituídos/as polos/as seus/súas respectivos/as suplentes, propostos/as pola mesma persoa ou entidade que tivese designado aos/ás titulares.

Artigo 20. Atribucións do Consello Reitor.

Correspóndenlle ao Consello Reitor as seguintes atribucións:

a) A aprobación do regulamento de réxime interior do Instituto e as súas modificacións, por proposta da persoa titular da dirección.

b) A aprobación das directrices de actuación do Instituto.

c) O seguimento, a supervisión e o control superiores da actuación do Instituto.

d) A aprobación do anteproxecto de orzamentos anuais.

e) A aprobación das contas anuais.

f) A aprobación da proposta de plan de actuación.

g) A aprobación da proposta de informe xeral anual de actuación e xestión.

h) O seguimento da execución dos orzamentos e do plan de actuación.

i) O control da xestión da dirección e a esixencia das responsabilidades que procedan.

j) A aprobación e modificación da proposta de relación de postos de traballo, logo de informe favorable dos centros directivos competentes en materia de orzamentos e función pública.

k) O nomeamento e cesamento, por proposta da persoa titular da dirección, das persoas titulares dos departamentos e servizos do Instituto.

l) O debate e a aprobación dos documentos que se elaboren para o cumprimento das funcións enumeradas no artigo 10 destes estatutos, de acordo co disposto no regulamento de réxime interior.

m) A resolución dos recursos administrativos, das reclamacións previas en asuntos civís e laborais, e das reclamacións de responsabilidade patrimonial.

n) As demais que se lle atribúan na Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da administración xeral e do sector público autonómico, neste estatuto e noutras disposicións aplicables.

Artigo 21. Convocatoria e réxime de sesións do Consello Reitor.

1. O consello reitor reunirase, logo de convocatoria acordada pola persoa titular da presidencia, por iniciativa desta ou por petición de cando menos a metade dos vogais, cando menos dúas veces ao ano.

2. A convocatoria do consello reitor cursarase pola persoa titular da secretaría cando menos con corenta e oito horas de antelación, por escrito no que se recolla a orde do día cos asuntos que se vaian tratar na sesión.

3. Para a válida constitución do consello reitor, ademais das persoas titulares da presidencia e da secretaría ou de quen as substitúa, deberán estar presentes catro vogais en primeira convocatoria, e tres en segunda. Entre a primeira e a segunda convocatoria deberá transcorrer, cando menos, un prazo de trinta minutos.

4. Poderán asistir ás sesións do consello reitor, con voz pero sen voto, aquelas persoas que sexan convocadas pola persoa titular da presidencia en calidade de expertos das materias incluídas na orde do día.

Artigo 22. Adopción de acordos.

1. Non poderá ser obxecto de deliberación ou acordo ningún asunto que non figure incluído na orde do día, salvo que estean presentes todos os membros do consello reitor e sexa declarada a urxencia do asunto polo voto favorable da maioría.

2. Os acordos do consello reitor adoptaranse por maioría de votos dos seus membros presentes. En caso de empate, a persoa titular da presidencia ou persoa que a substitúa, terá voto de calidade.

3. Os membros do consello reitor que voten en contra dun acordo quedarán exentos da responsabilidade que, de ser o caso, poida derivarse deste.

4. Quen acredite a titularidade dun interese lexítimo poderá dirixirse á persoa titular da secretaría para que lle sexa expedida certificación dos acordos.

Artigo 23. Actas.

1. De cada sesión que celebre o consello reitor a persoa titular da secretaría levantará acta, na que se especificarán necesariamente os asistentes, a orde do día, as circunstancias do lugar e tempo, os puntos principais das deliberacións e o contido dos acordos adoptados.

2. Na acta figurarán, por solicitude dos membros do consello reitor, o voto contrario ao acordo adoptado e os motivos que o xustifiquen, ou o sentido do voto favorable. Así mesmo, calquera membro ten dereito a solicitar a transcrición íntegra da súa intervención ou proposta, sempre que se refira a algún dos puntos da orde do día e a achegue no acto, ou no prazo que sinale a persoa titular da presidencia, o texto que se corresponda fielmente coa súa intervención, facéndose así constar na acta ou uníndose copia como anexo a esta.

3. Os membros que discrepen do acordo maioritario poderán formular voto particular por escrito no prazo de corenta e oito horas contado desde o momento no que a persoa titular da presidencia dea por finalizada a sesión, que se incorporará ao texto aprobado.

4. As actas aprobaranse nesta ou na seguinte sesión, podendo entrementres emitir a persoa titular da secretaría certificacións dos acordos adoptados, sen prexuízo da ulterior aprobación da acta. Nas certificacións que se emitisen con anterioridade á aprobación da acta farase constar expresamente tal circunstancia.

CAPÍTULO II
Órgano executivo

Artigo 24. A Dirección.

1. A dirección é o órgano executivo do Instituto de Estudos do Territorio, responsable da dirección e xestión ordinaria deste.

2. A persoa titular da dirección será nomeada e separada por decreto do Consello da Xunta de Galicia, por proposta da persoa titular da consellería competente en materia de urbanismo e ordenación do territorio, entre persoas que reúnan os requisitos de solvencia académica, profesional, técnica ou científica necesarios para o exercicio do cargo e de acreditada experiencia. Terá a consideración de alto cargo da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia, con rango de director/a xeral.

Artigo 25. Funcións da Dirección.

Corresponden á persoa titular da dirección as seguintes atribucións:

a) A representación ordinaria do organismo autónomo Instituto de Estudos do Territorio.

b) Elaborar o proxecto de estatuto do Instituto de Estudos do Territorio e as súas modificacións, as normas de réxime interior deste e, se é o caso, dos órganos adscritos.

c) Elaborar o proxecto de plan anual de actuación do Instituto e a súa memoria explicativa.

d) Elaborar a proposta de relación de postos de traballo do Instituto.

e) Impulsar, orientar, coordinar e inspeccionar os servizos e unidades adscritas ao Instituto e ditar as disposicións, instrucións e circulares relativas ao seu funcionamento.

f) A xestión económica do Instituto, o que inclúe, entre outras atribucións, a elaboración do anteproxecto de orzamentos, a execución destes, a autorización dos pagamentos e os gastos e a formulación das contas anuais.

g) Elaborar o informe anual sobre a actuación e a xestión do Instituto.

h) Propoñerlle ao Consello Reitor o nomeamento, de acordo cos criterios de profesionalidade, mérito e capacidade, do persoal directivo.

i) A proposta de resolución dos recursos administrativos, das reclamacións previas en asuntos civís e laborais, e das reclamacións de responsabilidade patrimonial.

j) Executar os acordos da Presidencia e do Consello Reitor e exercer as funcións que, dentro do seu ámbito, lle sexan asignadas ou delegadas.

k) Exercer a xefatura superior sobre o persoal do Instituto.

l) Actuar, no marco do Real decreto lexislativo 3/2011, do 14 de novembro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de contratos do sector público, como órgano de contratación do Instituto de Estudos do Territorio.

m) O exercicio das competencias que, correspondendo ao Instituto de Estudos do Territorio, non se atopen atribuídas legal ou regulamentariamente a outro órgano daquel.

n) As demais que se lle atribúan na Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da administración xeral e do sector público autonómico, neste estatuto ou noutras disposicións aplicables.

CAPÍTULO III
Estrutura administrativa

Artigo 26. Estrutura administrativa.

O Instituto de Estudos do Territorio para o exercizo das súas competencias estrutúrase internamente nos seguintes departamentos, con nivel orgánico de subdirección xeral:

a) Departamento de Xestión Xurídico-Administrativa.

b) Departamento Técnico de Estudos.

Artigo 27. Departamento de Xestión Xurídico-Administrativa.

1. O Departamento de Xestión Xurídico-Administrativa exercerá as seguintes funcións:

a) A xestión do inventario e do patrimonio do organismo autónomo Instituto de Estudos do Territorio.

b) As tarefas de arquivo e rexistro.

c) A elaboración das normas de réxime interior do Instituto.

d) A xestión dos recursos informáticos e loxísticos do Instituto.

e) A planificación, desenvolvemento e xestión da política de recursos humanos do Instituto.

f) A preparación, a tramitación, o seguimento e o control dos expedientes de contratación administrativa no ámbito das súas competencias e a tramitación dos convenios de colaboración.

g) A coordinación, elaboración, xestión da execución orzamentaria e control dos orzamentos.

h) A definición, implementación e seguimento do sistema de contabilidade de xestión que permita efectuar o control do cumprimento dos compromisos asumidos no plan de actuación.

i) Elaboración de propostas de resolución nos expedientes administrativos que sexan competencia do Instituto.

2. Para o desenvolvemento das funcións antes relacionadas, este departamento contará cos seguintes servizos:

a) Servizo de Xestión: correspóndenlle as funcións encomendadas ao departamento no que atinxe á área de contratación, xestión orzamentaria e fomento, en xeral, prestarlle asistencia así como desenvolver calquera outra función que, por razón da súa competencia, lle poida encomendar a persoa titular do Departamento o da Dirección do Instituto.

b) Servizo Xurídico-Administrativo: correspóndenlle as funcións encomendadas ao Instituto de Estudos do Territorio no que atinxe á prestación da asistencia e asesoramento aos concellos de Galicia, para a elaboración do planeamento urbanístico e a xestión e execución do planeamento.

Artigo 28. Departamento Técnico de Estudos.

1. O Departamento Técnico de Estudos exercerá as seguintes funcións:

a) A realización de traballos de investigación, análise, estudo e difusión sobre urbanismo e ordenación do territorio.

b) A promoción e o desenvolvemento dos instrumentos de xestión, ordenación e promoción da paisaxe e do desenvolvemento sustentable na Comunidade Autónoma de Galicia.

2. Para o desenvolvemento das funcións antes relacionadas, este departamento contará cos seguintes servizos:

a) Servizo de Estudos: correspóndenlle as funcións encomendadas ao Instituto de Estudos do Territorio no que atinxe á análise, seguimento, formación e divulgación sobre urbanismo e ordenación do territorio e, en xeral, prestarlle asistencia así como desenvolver calquera outras funcións que, por razón da súa competencia, lle poida encomendar a persoa titular da dirección do instituto ou departamento.

Así mesmo, correspóndenlle as funcións relativas á colaboración para a promoción das estratexias e programas que contribúan a conseguir o apropiado nivel de desenvolvemento sustentable, e aquelas que fomenten a participación cidadá.

b) Servizo de Coordinación e Información Territorial: correspóndenlle as funcións de elaboración, mantemento e actualización da información xeográfica e cartográfica necesaria para o desenvolvemento dos estudos relacionados co territorio, así como a súa coordinación e difusión entre os distintos departamentos da Xunta de Galicia. Tamén se encargará da xestión e desenvolvemento dos sistemas de información corporativos da Xunta vinculados ao territorio.

c) Servizo de Planificación da Paisaxe: correspóndenlle as funcións encomendadas ao Instituto de Estudos do Territorio no que atinxe ao desenvolvemento dos instrumentos recollidos na lexislación vixente sobre a protección, xestión e ordenación da paisaxe. Así mesmo, asumirá as funcións de formación e divulgación na materia da paisaxe.

TÍTULO IV
Réxime de persoal, patrimonial, de contratación e financeiro

CAPÍTULO I
Réxime de persoal

Artigo 29. Persoal e réxime xurídico.

1. O Instituto de Estudos do Territorio contará con persoal funcionario e/ou laboral da Xunta de Galicia. En todo caso, quédanlle reservadas ao persoal funcionario as funcións que impliquen a participación directa ou indirecta no exercicio de potestades públicas ou na salvagarda dos intereses xerais da Comunidade Autónoma de Galicia e das administracións públicas, así como aquelas que se determinen na normativa aplicable en materia de emprego público.

2. O persoal funcionario ao servizo do Instituto de Estudos do Territorio rexerase polo disposto na normativa reguladora da función pública e nas súas normas de desenvolvemento.

3. O persoal laboral do Instituto de Estudos do Territorio rexerase polo convenio colectivo único para o persoal laboral da Xunta de Galicia, polo Estatuto dos Traballadores e pola demais normativa que resulte de aplicación ao persoal laboral ao servizo da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 30. Ordenación de postos de traballo.

1. A relación de postos de traballo do Instituto de Estudos do Territorio determinará a natureza, contido e características do desempeño e retribución de cada posto de traballo, de acordo co disposto na normativa de función pública. A dita relación será pública.

2. A aprobación e modificación da proposta de relación de postos de traballo do Instituto de Estudos do Territorio serán acordadas polo Consello Reitor, por proposta da Dirección, logo do informe favorable dos centros directivos competentes en materia de orzamentos e de función pública e estará sometida na súa tramitación á normativa xeral establecida na Administración da Comunidade Autónoma de Galicia sobre modificacións ou aprobacións destes instrumentos de planificación de persoal.

Artigo 31. Persoal directivo.

1. No Instituto de Estudos do Territorio poderá existir persoal directivo profesional consonte o disposto na normativa de función pública.

2. O réxime xurídico do persoal directivo do Instituto de Estudos do Territorio rexerase consonte o disposto na normativa de función pública.

CAPÍTULO II
Réxime de patrimonio e contratación

Artigo 32. Réxime patrimonial.

1. O Instituto de Estudos do Territorio ten, para o cumprimento dos seus fins, un patrimonio propio, distinto do da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, integrado polo conxunto de bens e dereitos dos que sexa titular.

2. A xestión e administración dos bens e dereitos propios, así como daqueles do patrimonio da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia que se lle adscriban para o cumprimento dos seus fins, será exercida de acordo co establecido pola Lei de patrimonio da Comunidade Autónoma e demais normativa que lle sexa aplicable

Artigo 33. Contratación.

O Instituto de Estudos do Territorio axustará a súa actividade contractual ao disposto pola normativa aplicable á contratación do sector público.

CAPÍTULO III
Medios económicos e financeiros

Artigo 34. Recursos económicos.

1. Os recursos económicos do Instituto de Estudos do Territorio son:

a) As transferencias consignadas nos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia.

b) Os ingresos propios que perciban como contraprestación polas actividades que poida realizar en virtude de contratos, convenios ou disposicións legais para outras entidades públicas ou privadas ou persoas físicas.

c) O produto do alleamento dos bens e valores que constitúan o seu patrimonio, de acordo co establecido na lexislación de patrimonio da comunidade autónoma.

d) O rendemento procedente dos seus bens e valores.

e) As achegas voluntarias, doazóns, herdanzas e legados e demais achegas a título gratuíto de entidades privadas e particulares.

f) Os ingresos recibidos de persoas físicas e xurídicas como consecuencia de patrocinio de actividades ou instalacións.

g) Os demais ingresos de dereito público ou privado que estean autorizados a percibir.

h) Calquera outro recurso que lle poida ser atribuído conforme o ordenamento xurídico vixente.

2. Os recursos que se deriven de letras b), e) e f) do número anterior e non recollidos inicialmente no orzamento do Instituto poderán destinarse a financiar maiores gastos do Instituto de Estudos do Territorio, consonte os procedementos previstos na lexislación financeira e orzamentaria.

Artigo 35. Réxime orzamentario, económico-financiero, de contabilidade e de control.

O réxime orzamentario, económico-financiero, de contabilidade e de control é o establecio pola lexislación de réxime financiero e orzamentario da Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 36. Control de eficacia.

O Instituto de Estudos do Territorio estará sometido a un control de eficacia no cumprimento do seu plan de actuación que será exercido pola Consellería de Ordenación do Territorio e Urbanismo e pola unidade administrativa con competencias en avaliación e reforma administrativa.

TÍTULO V
Relacións coa Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia

Artigo 37. Plan de actuación.

1. A actividade do Instituto de Estudos do Territorio desenvolverase consonte o seu plan de actuación, que será aprobado por orde da consellería competente en materia de Urbanismo e Ordenación do Territorio por proposta do consello reitor do Instituto, contando co informe favorable da consellería competente en materia de Facenda.

2. O plan de actuación incluirá en todo caso:

a) Os obxectivos e os resultados que deben ser acadados, cos seus indicadores de seguimento.

b) Os recursos persoais, materiais e orzamentarios que vaia achegar a Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia para a consecución dos obxectivos e resultados fixados.

Artigo 38. Informe xeral anual de actuación e xestión.

1. A Dirección do Instituto de Estudos do Territorio elaborará un informe xeral anual de actuación e xestión no que se reflectirá con claridade a actividade desenvolvida no exercicio precedente, precisando:

a) O grao de cumprimento dos principios de eficacia e eficiencia, entendendo por eficacia a consecución real dos obxectivos fixados no plan de actuación e por eficiencia a optimización dos medios dispostos para a consecución directa dos obxectivos.

b) As suxestións que se estimen oportunas para a mellora da actuación, coa proposta das medidas necesarias de carácter xurídico-administrativo, técnico, económico ou de persoal.

2. O informe xeral anual de actuación e xestión será aprobado pola consellería competente en materia de Ordenación do Territorio e Urbanismo, por proposta do consello reitor do Instituto. Esta aprobación poderá conter cantas instrucións e disposicións sexan necesarias para garantir o funcionamento eficaz e eficiente do Instituto.