Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 4 Xoves, 5 de xaneiro de 2012 Páx. 720

I. Disposicións xerais

Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

DECRETO 13/2012, do 4 de xaneiro, polo que se fixa a estrutura orgánica das consellerías da Xunta de Galicia.

O 4 de xaneiro de 2012 publicouse no Diario Oficial de Galicia a estrutura orgánica da Xunta de Galicia para adaptala ás necesidades actuais tendo en conta os criterios de eficacia, economía e austeridade que deben inspirar a actuación e a organización administrativa.

En consecuencia, procede agora aprobar a estrutura orgánica superior das consellerías, de acordo co artigo 25.5 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, para dispor a súa organización e, en particular, establecer a adscrición dos órganos superiores e directivos das consellerías afectadas polos cambios organizativos ás consellerías resultantes da nova organización.

Na súa virtude, por proposta do conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, no exercicio da facultade outorgada polo artigo 4.15.º da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia, e logo de deliberación do Consello da Xunta na súa reunión do día catro de xaneiro de dous mil doce,

DISPOÑO:

Artigo 1.

a) A Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza estrutúrase nos seguintes órganos de dirección:

1. Secretaría Xeral Técnica.

2. Dirección Xeral de Xustiza.

3. Dirección Xeral de Administración Local.

4. Dirección Xeral de Relacións Institucionais e Parlamentarias.

5. Dirección Xeral de Emerxencias e Interior.

6. Dirección Xeral de Relacións Exteriores e coa Unión Europea.

7. Dirección Xeral de Avaliación e Reforma Administrativa.

b) Quedan adscritas organicamente a esta consellería as delegacións territoriais da Xunta de Galicia na Coruña, Lugo, Ourense, Pontevedra e Vigo. As delegacións territoriais, configuradas como órganos de dirección, terán nivel orgánico de dirección xeral.

c) Así mesmo, quedan adscritas a esta consellería as delegacións da Xunta de Galicia no exterior.

d) Igualmente, quedan adscritos a esta consellería:

1. O organismo autónomo Escola Galega de Administración Pública.

2. O organismo autónomo Academia Galega de Seguridade Pública.

3. O ente público Axencia Galega de Emerxencias.

Artigo 2.

a) A Consellería de Facenda estrutúrase nos seguintes órganos de dirección:

1. Secretaría Xeral Técnica e do Patrimonio.

2. Intervención Xeral da Comunidade Autónoma.

3. Dirección Xeral de Orzamentos.

4. Dirección Xeral de Tributos.

5. Dirección Xeral de Política Financeira e Tesouro.

6. Dirección Xeral de Planificación e Fondos.

7. Dirección Xeral da Función Pública.

b) Quedan adscritos a esta consellería:

1. O organismo autónomo Instituto Galego de Estatística.

2. O organismo autónomo Tribunal Galego de Defensa da Competencia.

3. O ente público Centro Informático para a Xestión Tributaria, Económico-Financeira e Contable.

4. O Consello Económico e Social de Galicia, ente institucional de dereito público, órgano consultivo, creado pola Lei 6/1995, do 28 de xuño.

Artigo 3.

a) A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas estrutúrase nos seguintes órganos superiores e de dirección:

1. Secretaría Xeral Técnica.

2. Secretaría Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo.

3. Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental.

4. Dirección Xeral de Infraestruturas.

5. Dirección Xeral de Mobilidade.

6. Dirección Xeral de Sostibilidade e Paisaxe.

7. Dirección Xeral de Conservación da Natureza.

c) Quedan adscritos a esta consellería:

1. O ente público de natureza consorcial Axencia de Protección da Legalidade Urbanística.

2. O organismo autónomo Augas de Galicia.

3. O organismo autónomo Instituto Galego da Vivenda e Solo.

4. O ente público Empresa Pública de Obras e Servizos Hidráulicos.

5. O Xurado de Expropiación de Galicia, con nivel orgánico de dirección xeral.

Artigo 4.

a) A Consellería de Economía e Industria estrutúrase nos seguintes órganos de dirección:

1. Secretaría Xeral Técnica.

2. Dirección Xeral de Investigación, Desenvolvemento e Innovación.

3. Dirección Xeral de Comercio.

4. Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas.

b) Quedan adscritos a esta consellería:

1. O organismo autónomo Instituto Galego de Consumo.

2. O ente público Instituto Galego de Promoción Económica.

3. O ente público Instituto Enerxético de Galicia.

Artigo 5.

a) A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria estrutúrase nos seguintes órganos superiores e de dirección:

1. Secretaría Xeral Técnica.

2. Secretaría Xeral de Cultura.

2.1. Dirección Xeral de Patrimonio Cultural.

3. Secretaría Xeral de Política Lingüística.

4. Secretaría Xeral de Universidades.

5. Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa.

6. Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos.

c) Quedan adscritos a esta consellería:

1. A axencia pública Axencia Galega das Industrias Culturais.

2. O ente público Axencia para a Xestión Integrada, Calidade e Avaliación da Formación Profesional.

Artigo 6.

a) A Consellería de Sanidade estrutúrase nos seguintes órganos de dirección:

1. Secretaría Xeral Técnica.

2. Dirección Xeral de Innovación e Xestión da Saúde Pública.

b) Queda adscrito a esta consellería o organismo autónomo Servizo Galego de Saúde.

Artigo 7.

a) A Consellería de Traballo e Benestar estrutúrase nos seguintes órganos superiores e de dirección:

1. Secretaría Xeral Técnica.

2. Secretaría Xeral de Política Social.

3. Dirección Xeral de Relacións Laborais.

4. Dirección Xeral de Promoción do Emprego.

5. Dirección Xeral de Formación e Colocación.

6. Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado.

c) Quedan adscritos a esta consellería:

1. O organismo autónomo Instituto Galego de Seguridade e Saúde Laboral.

2. O Consello Galego de Relacións Laborais, ente institucional de dereito público, órgano consultivo, creado pola Lei 5/2008, do 23 de maio.

Artigo 8.

a) A Consellería do Medio Rural e do Mar estrutúrase nos seguintes órganos superiores e de dirección:

1. Secretaría Xeral Técnica.

2. Secretaría Xeral de Medio Rural e Montes.

2.1. Dirección Xeral de Desenvolvemento Rural.

2.2. Dirección Xeral de Produción Agropecuaria.

3. Secretaría Xeral do Mar.

3.1. Dirección Xeral de Desenvolvemento Pesqueiro.

b) Quedan adscritos a esta consellería:

1. O organismo autónomo Fondo Galego de Garantía Agraria.

2. O ente público Axencia Galega de Desenvolvemento Rural.

3. O ente público Instituto Galego de Calidade Alimentaria.

4. O ente público Portos de Galicia.

5. O ente público Instituto Tecnolóxico para o Control do Medio Mariño.

Disposición adicional primera. Secretarías xerais.

As secretarías xerais previstas neste decreto son órganos superiores da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, directamente responsables da execución da acción de goberno no sector de actividade específica da consellería correspondente ás súas competencias, baixo a dirección da persoa titular desta, nos termos fixados pola Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, e polo correspondente decreto de estrutura orgánica. As persoas titulares das secretarías xerais dirixen e coordinan as direccións xerais previstas neste decreto correspondentes ao seu ámbito de actividade.

Disposición adicional segunda. Supresión de órganos e entidades consecuencia doutras entidades públicas instrumentais.

A Dirección Xeral de Infraestruturas e a Dirección Xeral de Sostibilidade e Paisaxe quedarán suprimidas coa entrada en funcionamento da Axencia Galega de Infraestruturas e do organismo autónomo Instituto de Estudos do Territorio, respectivamente.

Así mesmo, o organismo autónomo Augas de Galicia e o ente público Empresa Pública de Obras e Servizos Hidráulicos quedarán extinguidos coa entrada en funcionamento da entidade pública empresarial Augas de Galicia.

Disposición adicional terceira. Mantemento de nomeamentos.

Non será preciso un novo nomeamento e toma de posesión das persoas titulares dos órganos superiores e directivos cuxa adscrición orgánica varíe como consecuencia do disposto neste decreto.

Disposición transitoria primeira. Adscrición de centros directivos ás novas secretarías xerais.

Ás novas secretarías xerais previstas neste decreto adscribiranse, por resolución da persoa titular da consellería, as direccións xerais correspondentes ao seu ámbito de actividade mentres non se aprobe o decreto que desenvolva a estrutura orgánica da consellería.

Disposición transitoria segunda. Adscrición de órganos das secretarías xerais técnicas e direccións xerais suprimidas.

Mediante as resolucións oportunas das persoas titulares das novas consellerías determinarase a adscrición dos órganos dependentes das secretarías xerais técnicas e direccións xerais suprimidas como consecuencia da estrutura orgánica que se fixa no presente decreto aos órganos superiores ou directivos correspondentes, mentres non se regule por decreto a nova estrutura orgánica da consellería.

Disposición transitoria terceira. Subsistencia de estrutura e funcións dos órganos superiores e de dirección adscritos a unha nova consellería en virtude do previsto neste decreto.

Os órganos superiores e de dirección adscritos a unha nova consellería e os seus órganos dependentes manterán a súa estrutura e funcións, regulada nos correspondentes decretos de estrutura orgánica, ata que se proceda ao desenvolvemento da estrutura contida neste decreto.

Disposición transitoria cuarta. Subsistencia de estrutura e funcións dos departamentos territoriais das consellerías suprimidas.

Os órganos dos departamentos territoriais das consellerías suprimidas dependerán das consellerías resultantes da nova organización de acordo coas súas respectivas competencias e manterán a súa estrutura e funcións, regulada nos correspondentes decretos de estrutura orgánica, ata que se proceda ao desenvolvemento da estrutura contida neste decreto.

Disposición transitoria quinta. Referencias normativas ás consellerías suprimidas.

As referencias ás consellerías contidas na normativa reguladora da estrutura orgánica da Administración autonómica e dos diferentes organismos autónomos e entes públicos deberán entenderse realizadas ás consellerías resultantes do disposto neste decreto.

Disposición transitoria sexta. Aforro de custos no material impreso.

1. As existencias de material impreso anteriores á entrada en vigor deste decreto nas que se faga referencia á anterior estrutura orgánica seguiranse utilizando ata que se esgoten, sen prexuízo da correcta identificación nos actos administrativos da dependencia orgánica da autoridade de procedencia.

2. Con independencia do establecido no número anterior, cando se proceda á adquisición, reposición ou reedición de novo material, aplicaranse as novas denominacións.

Disposición derrogatoria.

Queda derrogado o Decreto 8/2011, do 28 de xaneiro, polo que se fixa a estrutura orgánica das consellerías da Xunta de Galicia. Así mesmo, quedan derrogadas cantas disposicións de igual ou inferior categoría se opoñan ao disposto neste decreto.

Disposición derradeira única.

Este decreto entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, catro de xaneiro de dous mil doce.

Alberto Núñez Feijóo
Presidente

Alfonso Rueda Valenzuela
Conselleiro de Presidencia,
Administracións Públicas e Xustiza