Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 4 Xoves, 5 de xaneiro de 2012 Páx. 735

I. Disposicións xerais

Consellería do Medio Rural

DECRETO 247/2011, do 15 de decembro, polo que se crea o Rexistro xeral de explotadores dedicados ao transporte de subprodutos animais e produtos derivados non destinados ao consumo humano.

Con data do 14 de novembro de 2009 publicouse o Regulamento (CE) n.º 1069/2009 do Parlamento Europeo e do Consello, do 21 de outubro de 2009, polo que se establecen as normas sanitarias aplicables aos subprodutos animais e aos produtos derivados non destinados ao consumo humano e polo que se derroga o Regulamento (CE) 1774/2002.

Con posterioridade, publicouse o Regulamento (UE) n.º 142/2011 da Comisión, do 25 de febreiro de 2011, polo que se establecen as disposicións de aplicación do Regulamento (CE) 1069/2009.

Ata a actualidade estas normas sanitarias en Galicia estaban encabezadas polo Decreto 4/2008, do 10 de xaneiro, polo que se regulan as condicións de recollida e transporte de subprodutos e produtos transformados de orixe animal non destinados ao consumo humano, no que se establecía o procedemento adecuado de manipulación, recollida e transporte dos subprodutos e produtos transformados de orixe animal xerados nas explotacións gandeiras e noutras instalacións da comunidade autónoma.

Os novos regulamentos flexibilizan as condicións para a recollida e transporte de subprodutos animais e produtos derivados non destinados ao consumo humano, a autorización dos vehículos utilizados e as exixencias dos documentos aplicables aos transportistas e aos vehículos de transporte de subprodutos animais e produtos derivados non destinados ao consumo humano, substituíndo o réxime de autorizacións por un sistema de rexistro determinado pola autoridade competente en materia de subprodutos animais non destinados ao consumo humano.

Constituído un corpo regulamentario completo, o único desenvolvemento normativo necesario debe determinar o sistema de rexistro aplicable en Galicia. Cómpre, por tanto, suprimir aquelas normas que na actualidade só xeran confusión e especialmente aquelas que pola súa maior rixidez puideran ocasionar unha perda da competitividade dos nosos explotadores. O sistema que se propón ten en consideración as propostas de normativa estatal básica ao respecto.

Por todo o exposto, e por proposta da persoa titular da consellería do Medio Rural, e en uso das atribucións conferidas pola Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa Presidencia, de acordo co ditame do Consello Consultivo e logo da deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día quince de decembro de dous mil once,

DISPOÑO:

Artigo 1. Creación do Rexistro xeral de explotadores que realizan o transporte de subprodutos animais e produtos derivados non destinados ao consumo humano.

O obxecto deste decreto é a creación do Rexistro xeral de explotadores que realizan o transporte de subprodutos animais e produtos derivados non destinados ao consumo humano, que será xestionado pola consellería que teña atribuídas as competencias en materia de gandaría, a través da dirección xeral competente en materia de sanidade e produción animal.

Artigo 2. Datos do rexistro.

Os datos mínimos deste rexistro xeral de explotadores que realizan o transporte de subprodutos animais e produtos derivados non destinados ao consumo humano son os seguintes:

a) Datos do explotador (nome ou razón social e NIF).

b) Representante legal (nome/NIF).

c) Enderezos completos (lugar, concello, provincia e CP).

d) Solicitude de: inscrición, modificación de datos, baixa.

e) Relación de vehículos, contedores (marca ou modelo, tipo, matrícula/ n.º de bastidor/n.º de contedor, categoría de Sandach).

Artigo 3. Solicitude de inscrición no Rexistro xeral.

1. Para exercer a súa actividade os explotadores deberán presentar unha solicitude de inscrición conforme o modelo do anexo I, por calquera dos medios e nos lugares previstos no artigo 38 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, a través da sede telemática no enderezo http://sede.xunta.es

2. Á solicitude xuntaráselle a seguinte documentación:

a) Copia compulsada do NIF da empresa.

b) Copia compulsada do NIF do representante legal (se é o caso).

c) Xustificante de pagamento das taxas correspondentes.

d) Anexo II debidamente cuberto correspondente á relación de vehículos/contedores (de ser o caso).

Artigo 4. Tramitación da solicitude.

1. Se a solicitude de inscrición non reúne os requisitos sinalados no artigo 3 deste decreto, requirirase a persoa interesada para que, nun prazo máximo de dez días hábiles, emende a falta ou xunte os documentos preceptivos con indicación de que, se así non o fixese, se terá por desistida da súa petición, logo de resolución que deberá ditarse nos termos previstos no artigo 42 da citada Lei 30/1992.

2. Unha vez revisada a documentación achegada, e feitas as comprobacións oportunas cando proceda, a xefatura territorial da consellería competente en sanidade e produción animal, resolverá positiva ou negativamente a solicitude de inscrición no rexistro. A resolución denegatoria deberá ser motivada.

3. A resolución non pon fin á vía administrativa e poderá ser impugnada en alzada ante o conselleiro/a competente en materia de sanidade e produción animal, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da recepción da notificación da resolución.

4. Transcorridos tres meses desde a presentación da solicitude sen que fose ditada resolución expresa, salvo que a demora sexa imputable á persoa interesada, entenderase outorgada a inscrición no rexistro consonte o previsto no artigo 43.2 da citada Lei 30/1992, logo da xustificación do ingreso da taxa correspondente, o que implicará a asignación dunha numeración consonte o establecido no artigo seguinte.

Artigo 5. Datos da inscrición.

1. Cada explotador do transporte de subprodutos e produtos derivados de orixe animal non destinados ao consumo humano contará cun número de rexistro axustado á seguinte estrutura:

a) Letra «S».

b) Dous díxitos co código INE da provincia.

c) Tres díxitos co código INE do municipio.

d) Tres díxitos que o identificarán de forma única dentro do ámbito, polo menos, municipal.

2. Os explotadores serán os responsables de comunicar as modificacións dos datos do rexistro, incluído o cambio de localización ou titularidade, así como calquera cambio que se produza na relación de vehículos que presentou no momento da inclusión no rexistro, segundo o modelo do anexo II.

Artigo 6. Baixa no Rexistro xeral.

1. Producirase a baixa no rexistro dun explotador ou dun vehículo/contedor por calquera dos seguintes motivos:

a) Solicitude por parte da persoa titular da empresa explotadora.

b) Cesamento da actividade

c) De oficio pola Administración, no caso de que se comprobe mediante unha inspección in situ que o explotador ou algún dos seus vehículos/contedores non cumpren co disposto no Regulamento (CE) 1069/2009 do Parlamento Europeo e do Consello, do 21 de outubro de 2009, polo que se establecen as normas sanitarias aplicables aos subprodutos animais e aos produtos derivados non destinados ao consumo humano, e por infracción dos requisitos establecidos nos artigos anteriores, na Lei 8/2003, do 24 de abril, de sanidade animal, e na demais normativa de aplicación.

2. A baixa no rexistro producirase logo da tramitación do oportuno procedemento de conformidade co disposto na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, con audiencia ao interesado.

3. A resolución da baixa será adoptada pola persoa titular da dirección xeral competente en materia de sanidade e produción animal, e será impugnable en alzada ante a persoa titular da consellería competente en materia de gandaría.

Artigo 7. Inspección e control.

A consellería competente en materia de seguridade alimentaria nas producións gandeiras, a través dos servizos veterinarios oficiais, efectuará as inspeccións dos vehículos/contedores das empresas rexistradas para verificar o cumprimento dos requisitos deste decreto e da demais normativa de aplicación.

Artigo 8. Réxime sancionador.

Os incumprimentos das disposicións establecidas neste decreto serán sancionados coa aplicación do réxime de infraccións e sancións establecidos na Lei 8/2003, do 24 de abril, de sanidade animal.

Disposición adicional única. Outras autorizacións.

Sen prexuízo das previsións contidas neste decreto, a empresa encargada de realizar os labores de traslado dos produtos a que este se refire deberá contar coa autorización de transporte que resulte exixida pola normativa vixente, e cumprir co resto de prescricións que, de ser o caso, se determinen nesta.

A relación de vehículos e/ou contedores autorizados comunicarase á consellería competente en materia de transportes.

Disposición transitoria primeira. Inclusión de oficio no rexistro de transportistas que solicitaron a renovación das autorizacións dos vehículos conforme o Decreto 4/2008, do 10 de xaneiro.

Os transportistas que xa exerzan a súa actividade no momento da entrada en vigor deste decreto e solicitasen en prazo a renovación das autorizacións dos seus vehículos, serán incluídos de oficio no rexistro regulado no artigo primeiro, así como os seus vehículos/contedores.

Disposición transitoria segunda. Transportistas que non solicitaron en prazo a renovación das autorizacións dos vehículos.

1. Os explotadores que non solicitaran en prazo a renovación da autorización dos seus vehículos/contedores terán que solicitar a inscrición no novo rexistro nun prazo máximo de tres meses a partir do día seguinte ao da entrada en vigor deste decreto.

2. Os vehículos e/ou contedores que non foron obxecto de solicitude de renovación de autorización no prazo establecido no parágrafo anterior non se considerarán rexistrados, e quedan sen efecto as autorizacións individuais dos vehículos autorizados polo Decreto 4/2008, do 10 de xaneiro.

Disposición derrogatoria única. Derrogación normativa.

Derrógase o Decreto 4/2008, do 10 de xaneiro, polo que se regulan as condicións de recollida e transporte de subprodutos e produtos transformados de orixe animal non destinados ao consumo humano e para a autorización dos vehículos utilizados na Comunidade Autónoma de Galicia, e todas aquelas disposicións de igual ou inferior rango que se opoñan ao disposto neste decreto.

Disposición derradeira primeira. Desenvolvemento normativo.

Autorízase o conselleiro do Medio Rural para ditar, no ámbito das súas competencias, cantas normas sexan necesarias para o mellor cumprimento das disposicións deste decreto.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor.

O presente decreto entrará en vigor aos vinte días da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Ourense, quince de decembro de dous mil once.

Alberto Núñez Feijóo
Presidente

Samuel Jesús Juárez Casado
Conselleiro do Medio Rural

missing image file
missing image file