Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 4 Xoves, 5 de xaneiro de 2012 Páx. 949

III. Outras disposicións

Consellería do Medio Rural

ORDE do 29 de decembro de 2011 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas á identificación do gando equino, cofinanciadas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do PDR de Galicia 2007-2013, e se convocan para o ano 2012.

O Regulamento (CE) n.º 1698/2005 do Consello, do 20 de setembro de 2005, relativo á axuda ao desenvolvemento rural a través do Feader, prevé no seu artigo 31 a concesión de axudas para a implantación de novas normas introducidas na lexislación nacional, en transposición doutra comunitaria que impoña obrigas ou restricións nas prácticas agrícolas, que teñan unha repercusión negativa nos custos habituais da explotación e afecten un número significativo de agricultores.

Con base nesta posibilidade, o Programa de desenvolvemento rural de Galicia para o período 2007-2013, aprobado por Decisión da Comisión do 15 de febreiro de 2008, previu a concesión de axudas para a implementación do Regulamento (CE) n.º 504/2008 da Comisión, polo que se aplican as directivas 90/426/CEE e 90/427/CEE no que se refire aos métodos de identificación dos équidos, aplicable a partir do 1 de xullo de 2009.

En transposición da normativa comunitaria aprobouse o Decreto 268/2008, do 13 de novembro, polo que se establecen normas que regulan o rexistro e identificación dos animais equinos, as medidas básicas para a ordenación zootécnica e sanitaria das explotacións equinas, as paradas de sementais equinos co servizo a terceiras persoas e se crea o Rexistro Galego de Explotacións Equinas, e o Real decreto 1515/2009, do 2 de outubro, polo que se establece un sistema de identificación e rexistro dos animais da especie equina.

Conforme estas normas, os titulares das explotacións gandeiras equinas terán que identificar os animais e comunicar ás autoridades competentes os movementos do gando que se produzan na súa explotación mediante xustificación documental ou por medios informáticos. Esta medida contribuirá á ordenación do sector equino en Galicia, de especial dificultade pola existencia dun importante número de cabalos mantidos no monte en réxime de liberdade ou semiliberdade. Porén, a súa implantación nestas explotacións, caracterizadas pola escasa renda que xeran, terá un impacto notable nos custos de funcionamento.

A axuda que se regula nesta orde compensará parcialmente os gastos derivados da identificación dos animais da especie equina que se manteñen nos montes galegos en réxime de liberdade ou semiliberdade.

Será necesario arbitrar un sistema que evite aos propietarios o anticipo dun desembolso económico importante, toda vez que este esforzo non se compensa coa rendibilidade dun retorno proporcional e, por tanto, é previsible que a ausencia deste sistema limite gravemente a consecución do fin perseguido, que non é outro que a identificación do maior número posible de cabalos de monte de Galicia. Así, para tal fin, os propietarios dos équidos disporán da opción de ceder os dereitos de cobramento da axuda que lles corresponda ao veterinario autorizado, nas condicións establecidas no articulado da orde.

En consecuencia, de conformidade co previsto no artigo 30.1.3 do Estatuto de autonomía de Galicia e no uso das facultades que me confire a Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no uso das competencias que me confire a Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa Presidencia, modificada pola Lei 11/1998 e pola Lei 2/2007,

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto.

Esta orde ten por obxecto establecer as bases reguladoras das axudas para compensar os gastos derivados da identificación do gando equino mantido nos montes de Galicia en réxime de liberdade ou semiliberdade, consonte as prescricións establecidas na medida 131 do Programa de desenvolvemento rural de Galicia para o período 2007-2013, aprobado por Decisión da Comisión do 15 de febreiro de 2008, en aplicación do disposto no artigo 31 do Regulamento (CE) n.º 1698/2005 do Consello, relativo á axuda ao desenvolvemento rural a través do Feader; e proceder á súa convocatoria para o ano 2012.

Artigo 2. Definicións.

Para os efectos desta orde, serán de aplicación as seguintes definicións:

a) Explotación equina: calquera instalación, construción ou, no caso de cría ao aire libre, calquera lugar no que se teñan, críen, manexen ou se expoñan ao público animais das especie equina, con ou sen fins lucrativos.

b) Explotación extensiva de équidos en liberdade: aquelas explotacións extensivas asentadas sobre terreos forestais ou agrarios, xa sexan públicos ou privados, onde se explotan os animais en estado salvaxe ou semisalvaxe en completa liberdade.

c) Persoa titular de explotación equina: calquera persoa física ou xurídica ou, se é o caso, unha comunidade de montes veciñais en man común, que sexa propietaria ou responsable dunha explotación equina.

d) Persoa responsable de pasto de uso común: a persoa física, xurídica ou, unha comunidade de montes veciñais en man común, titular do dereito de aproveitamento de pastos, coincida ou non coa persoa propietaria do terreo.

Artigo 3. Beneficiarios.

Poderán ser beneficiarias as persoas titulares de explotacións extensivas de équidos en liberdade que aproveiten o monte e que reúnan os seguintes requisitos:

1. Cumprir coas obrigas establecidas no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xullo, de subvencións de Galicia.

2. A explotación debe estar situada no ámbito territorial da Comunidade Autónoma de Galicia. Nos casos en que unha explotación estea integrada parcialmente por elementos territoriais situados noutra comunidade autónoma, considerarase dentro do ámbito de aplicación desta orde cando a maior parte da súa base territorial estea situada na Comunidade Autónoma de Galicia.

3. Estar ao día nas súas obrigas fiscais, coa Seguridade Social e non ter ningunha débeda pendente de pagamento coa Administración da Comunidade Autónoma de Galicia.

4. Non ter sido sancionado pola Consellería do Medio Rural por cometer infraccións en materia de sanidade animal no prazo dun ano se a infracción foi cualificada como leve, dous anos se a infracción foi cualificada como grave ou de tres anos se a infracción foi cualificada como moi grave, computados os prazos desde a data de presentación da solicitude de axuda.

Artigo 4. Definición das axudas e contías.

A axuda financia o custo da identificación, incluídos o dispositivo electrónico, a aplicación clínica e a emisión dos documentos, dos équidos mantidos en réxime de liberdade ou semiliberdade nos montes de Galicia, agás os animais de abasto menores de 12 meses.

Para a determinación do importe da axuda, estimarase un custo máximo por animal identificado de 40 euros (IVE incluído). A axuda consistirá nun importe anual a prezo global, temporal e decrecente. O importe de axuda foi do 90% dos custos no primeiro ano de xestión da axuda, decreceu ao 75% no ano 2011, pasando a ser do 60% para esta convocatoria e decrecendo ao 40% o último ano de convocatoria da axuda. A contía máxima da axuda poderá alcanzar 10.000 euros por explotación ata o ano 2013. O IVE non é subvencionable, coas excepcións dispostas no artigo 71 do Regulamento (CE) n.º 1698/2005 do Consello.

Artigo 5. Presentación das solicitudes de axuda.

1. O prazo de presentación de solicitudes será de tres meses contados a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día do prazo fose inhábil entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e se, no mes de vencemento non houbese día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último do mes.

2. A presentación da solicitude de axuda realizarase segundo o previsto no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro e, preferentemente, nas oficinas veterinarias comarcais ou nos servizos provinciais de Gandaría, utilizando os impresos normalizados incluídos como anexo I, que estarán á disposición dos interesados nas mencionadas oficinas. Tamén poderá ser presentada telematicamente a través da sede electrónica da Xunta de Galicia, no seguinte enderezo: http://sede.xunta.es.

3. A solicitude poderá ser presentada por:

– CMVMC, titulares de explotacións extensivas de équidos en liberdade que exerzan un aproveitamento directo do monte en representación da propia comunidade,

– Persoas físicas ou xurídicas, titulares de explotacións extensivas de équidos en liberdade, que aproveiten o monte e, no caso de que pertenzan a unha CMVMC, cumpran as directrices do regulamento da comunidade.

– CMVMC en representación do conxunto dos seus comuneiros que sexan titulares de explotacións gandeiras equinas.

A solicitude fará mención do titular ou titulares de cabalos, número de animais previstos por identificar para cada un deles e orzamento estimado de gasto. Ademais deberá ir acompañada dos seguintes documentos.

1. No caso de titular individual:

a) No caso de representación exixirase autorización para facer a solicitude nos termos exixidos no artigo 32 da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. De ser o caso, certificación do órgano competente en que se especifique o acordo polo que se concede autorización para facer a solicitude ao asinante dela. Se actuase en virtude de atribucións fixadas nos estatutos, indicarase así na solicitude, achegando copia cotexada e citando a disposición que recolle a competencia. De non ser así, deberá acreditarse a representación conforme o artigo 32 da Lei 30/1992.

b) Para o suposto de comuneiros, certificación da CMVMC á que pertenza o titular que acredite que é integrante dela, que aproveita o monte e cumpre as directrices e regulamentos da comunidade.

2. Cando se trate de comunidade de montes veciñais en man común que actúen en representación:

a) Certificación do órgano competente en que se especifique o acordo polo que se concede autorización para facer a solicitude ao asinante dela. Se actuase en virtude de atribucións fixadas nos estatutos, indicarase así na solicitude, presentando copia cotexada deles e citando a disposición que recolle a competencia. De non ser así, deberá acreditarse a representación conforme o artigo 32 da Lei 30/1992.

A presentación da solicitude de concesión da axuda comportará a autorización á Consellería do Medio Rural para todo o período de compromisos, para solicitar as certificacións que deban emitir a Axencia Estatal da Administración Tributaria, á Tesouraría Xeral da Seguridade Social e á Consellaría de Facenda da Xunta de Galicia, segundo o previsto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 6. Criterios de prioridade.

1. A concesión de axudas axustarase aos principios de publicidade, transparencia, concorrencia, obxectividade, igualdade e non discriminación, segundo o artigo 5.2.a) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. As axudas previstas nesta orde concederanse en réxime de concorrencia competitiva, en función da dispoñibilidad orzamentaria, das porcentaxes de axuda e das solicitudes recibidas que cumpran os requisitos establecidos nela.

3. As solicitudes clasificaranse en función dos seguintes criterios referidos ao titular e a explotación, coa seguinte puntuación máxima por criterio:

1.º As CMVMC titulares de explotación: 10 puntos.

2.º Os titulares de explotación con condición de comuneiro dunha CMVMC: 8 puntos.

3.º Os titulares de explotación que non pertenzan a unha CMVMC: 6 puntos.

Dentro de cada grupo ordenaranse as solicitudes de axuda de maior a menor número de équidos por identificar. No caso de que a dispoñibilidade orzamentaria limite o número de persoas beneficiarias aprobaranse as axudas así ordenadas ata esgotar o orzamento. No caso de que se produza igualdade priorizaranse as solicitudes dos titulares cuxas explotacións leven máis tempo dadas de alta.

Artigo 7. Tramitación e resolución da solicitude de axuda.

1. O órgano responsable da instrución dos expedientes destas axudas será a Dirección Xeral de Produción Agropecuaria.

2. Recibidas as solicitudes e a súa documentación, serán examinadas polo órgano xestor, que, de observar deficiencias, requirirá a súa emenda ao solicitante, para o que lle concederá un prazo de 10 días, consonte o artigo 71 da Lei 30/1992, modificada pola Lei 4/1999. Transcorrido este prazo sen que se produza a emenda ao expediente, terase por desistido da súa petición, logo da súa resolución.

3. A resolución de cada expediente corresponderalle ao conselleiro do Medio Rural por proposta da Dirección Xeral de Produción Agropecuaria, logo da avaliación das solicitudes polo órgano colexiado, integrado por tres funcionarios desa mesma dirección xeral con categoría non inferior a xefe de negociado, un dos cales actuará como secretario, e que estará presidido polo subdirector xeral de Gandaría. As resolucións serán notificadas ás persoas interesadas, segundo o previsto na normativa vixente.

4. O prazo para resolver e notificar as subvencións será de 9 meses segundo o previsto na Lei 6/2001, do 29 de xuño, de adecuación da normativa da Comunidade Autónoma de Galicia á Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, de modificación da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, e sempre antes do 31 de decembro. Se transcorrese o citado prazo máximo sen se ditar resolución expresa por parte do órgano competente, as persoas interesadas poderán entender desestimadas as súas solicitudes, para os efectos da interposición dos correspondentes recursos potestativo de reposición e contencioso-administrativo.

Artigo 8. Recursos administrativos.

As resolucións, expresas ou presuntas, dos expedientes tramitados en aplicación desta orde ou na respectiva orde de convocatoria esgotan a vía administrativa e contra elas cabe interpoñer os seguintes recursos:

1. Potestativamente, recurso de reposición ante o conselleiro do Medio Rural, no prazo dun mes, contado a partir do día seguinte ao da súa notificación, ou de tres meses, contado a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto, segundo os casos, de conformidade co establecido nos artigos 107, 116 e 117 da Lei 30/1992, segundo a redacción dada pola Lei 4/1999.

2. Directamente, recurso contencioso-administrativo ante o órgano xurisdicional contencioso-administrativo competente, no prazo de dous meses, contados a partir do día seguinte ao da súa notificación.

Artigo 9. Execución das actividades.

Unha vez presentada a solicitude e recibida a notificación da resolución aprobatoria da axuda, os beneficiarios comunicarán a data prevista e o lugar de identificación dos animais cunha anticipación mínima de 10 días, mediante a presentación no rexistro da oficina do servizo veterinario oficial que corresponda do anexo II da orde de convocatoria.

Artigo 10. Presentación da solicitude de pagamento.

Despois da identificación dos animais, os beneficiarios autorizados presentarán unha solicitude de pagamento, a data límite para a súa presentación será o 2 de novembro de 2012, preferentemente nos rexistros dos órganos dependentes da Consellería do Medio Rural. Así mesmo, poderán presentarse nos rexistros de calquera órgano administrativo que pertenza á Administración xeral do Estado, á de calquera Administración das comunidades autónomas, ou a algunha das entidades que integran a Administración local, se neste último caso, se subscribiu o oportuno convenio segundo se determina no anexo II do Decreto 164/2005, do 16 de xuño, ou por calquera outro medio previsto no artigo 38.4 da Lei 30/92, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. No caso de envío por correo farase de acordo co regulamentariamente previsto, no artigo 31 do Real decreto 1829/1999, do 3 de decembro, polo que se aproba o Regulamento polo que se regula a prestación dos servizos postais, en desenvolvemento do establecido na Lei 24/1998, do 13 de xullo, do servizo postal universal e de liberalización dos servizos postais, presentándose en sobre aberto, co obxecto de que na cabeceira da primeira folla do documento que se queira enviar se faga constar, con claridade o nome da oficina e a data, o lugar, a hora e minuto da súa admisión.

A solicitude de pagamento incluirá os seguintes documentos:

a) Modelo normalizado que figura como anexo III da orde, debidamente cuberto.

b) Se o representante da CMVMC ou do titular individual que presenta a solicitude de pagamento varía respecto do que presentou a solicitude de axuda, exixirase de novo certificación do órgano competente en que se especifique o acordo polo que se concede autorización para facer a solicitude ao asinante dela. Se actuase en virtude de atribucións fixadas nos estatutos, indicarase así na solicitude, achegando copia cotexada deles e citando a disposición que recolle a competencia. De non ser así, deberá acreditarse a representación conforme o artigo 32 da Lei 30/1992.

c) Declaración individual ou conxunta segundo o tipo de solicitude, dos animais obxecto da identificación indicando para os casos en que a solicitude a presentase unha CMVMC actuando en representación dos seus comuneiros, para cada un deles, os animais identificados. Correspóndese co anexo IV da orde.

d) Orixinais das facturas que emite o veterinario autorizado a cada un dos gandeiros. No caso de presentar copias cotexadas das facturas, as orixinais deben ser presentadas na oficina veterinaria comarcal que corresponda, onde se dilixenciarán cun selo coa lenda «Investimento cofinanciado con fondos europeos». Estas deben especificar claramente a subvención para cuxa xustificación foron presentadas, e reflectir o custo total da actuación. Así mesmo, deberán indicar se o importe do xustificante se imputa total ou parcialmente á subvención, sinalando, neste último caso, a contía exacta que resulte afectada pola subvención.

Todos os gastos deberán de suxeitarse ao establecido polo Real decreto 1852/2009, do 4 de decembro, que establece os criterios para subvencionar os gastos no marco dos programas de desenvolvemento rural cofinanciados polo Feader.

Os beneficiarios, en función do que acorden co veterinario autorizado, teñen dúas opcións de xustificación con diferenzas canto á documentación que deben presentar:

1. No caso de que o solicitante faga fronte ao total dos custos da identificación:

i. A factura virá acompañada do documento que verifique o pagamento efectivo do 100% do importe da base impoñible máis o IVE íntegro, é dicir, un xustificante bancario do pagamento debidamente selado pola entidade, o cal pode ser un xustificante de transferencia bancaria, un xustificante bancario de ingreso de efectivo por mostrador ou unha certificación bancaria. Se o pagamento se instrumenta mediante efectos mercantís que permitan o pagamento aprazado (cheque, obriga de pagamento, letra de cambio) achegarase a factura xunto coa copia do efecto mercantil, acompañado da documentación bancaria (extracto da conta do beneficiario, documento bancario acreditativo do pagamento do efecto) en que conste que o dito efecto foi efectivamente cargado na conta da persoa beneficiaria, dentro do prazo para a xustificación da axuda. Non obstante, no caso de que o gasto non supere os 300 euros, admitirase como xustificante de pagamento a factura asinada e selada polo veterinario autorizado e debe figurar a inscrición «Recibín en metálico a contía de ... € por parte de ...».

ii. Xunto coas facturas o solicitante deberá achegar un certificado orixinal da súa conta bancaria.

2. No caso de que o solicitante aboe ao veterinario autorizado a parte non subvencionable do total dos custos de identificación, debido á dificultade de facer fronte ao custo total dada a escasa rendibilidade destas producións, este poderá ceder os dereitos de cobramento da axuda ao veterinario autorizado, tal como establece o artigo 42.3 do Regulamento de subvencións da comunidade autónoma, aprobado por Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro:

i. A factura virá acompañada do documento que verifique o pagamento efectivo do 40% do importe da base impoñible máis o IVE íntegro, é dicir, un xustificante bancario do pagamento debidamente selado pola entidade, o cal pode ser un xustificante de transferencia bancaria, un xustificante bancario de ingreso de efectivo por mostrador ou unha certificación bancaria. Se o pagamento se instrumenta mediante efectos mercantís que permitan o pagamento aprazado (cheque, obriga de pagamento, letra de cambio) achegarase a factura xunto coa copia do efecto mercantil, acompañado da documentación bancaria (extracto da conta do beneficiario, documento bancario acreditativo do pagamento do efecto) en que conste que o dito efecto foi efectivamente cargado na conta da persoa beneficiaria, dentro do prazo para a xustificación da axuda. Non obstante, no caso de que o gasto non supere os 300 euros, admitirase como xustificante de pagamento a factura asinada e selada polo veterinario autorizado e debe figurar a inscrición «Recibín en metálico a contía de ... € por parte de ...».

ii. Documento orixinal de cesión do dereito de cobramento da subvención que corresponda a favor do veterinario autorizado, e que figura como anexo IV da orde.

iii. Certificado de conta bancaria do veterinario autorizado.

Artigo 11. Seguimento e control da concorrencia e acumulación de axudas.

1. Estas axudas son incompatibles con calquera outra axuda financiada con fondos comunitarios, pero si poden ser compatibles con outros fondos públicos ou privados ata o importe máximo subvencionable.

2. No caso de que haxa algunha variación en relación coa declaración xa incluída no anexo I do conxunto de todas as solicitudes de axuda, efectuadas ou concedidas para o mesmo proxecto polas distintas administracións públicas competentes ou calquera dos seus organismos, entes ou sociedades, así como doutros ingresos ou recursos que financien o proxecto, no momento previo ao pagamento final, deberán presentar unha declaración complementaria a este respecto.

Artigo 12. Obrigas.

1. Ademais da documentación complementaria que durante a tramitación do procedemento lle poidan exixir os órganos competentes da Consellería do Medio Rural, as persoas beneficiarias das axudas teñen a obriga de facilitar toda a información que lles sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, polo Tribunal de Contas, polo Consello de Contas ou polo Servizo de Auditoría Interna do Fogga, no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino das axudas públicas, así como a que lles sexa solicitada por calquera órgano comunitario de inspección ou control.

2. Os beneficiarios de axudas financiados con estes fondos deben de levar un sistema de contabilidade separado, ou ben un código contable axeitado para todas as transaccións relativas ás operacións de identificación dos équidos, conforme o establecido no artigo 75 do Regulamento (CE) n.º 1698/2005 do Consello, relativo ás axudas ao desenvolvemento rural a través do Feader.

Artigo 13. Modificación da resolución de concesión.

1. Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión das axudas previstas nesta orde e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión.

2. Así mesmo, poderá acordarse a modificación da resolución de concesión por instancia da persoa beneficiaria, de conformidade co previsto no artigo 14.m) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da lei, sempre que concorra algunha das seguintes circunstancias:

a) Cambio de titularidade da explotación.

b) Perda de parte ou de todos os animais obxecto da identificación por venda, enfermidade, desastre natural ou outras circunstancias que repercutan á baixa no número de animais que se van identificar.

A solicitude de modificación da resolución deberá presentarse antes do día 2 de novembro de 2012.

Artigo 14. Reintegro das axudas.

De acordo co artigo 5 do Regulamento (CE) n.º 65/2011, do 27 de xaneiro de 2011 (DOL do 28 de xaneiro) procederá o reintegro total ou parcial do importe da axuda máis os xuros de demora producidos desde o momento da notificación da obriga de reembolso, no suposto de incumprimento das condicións establecidas para a súa concesión e, en todo caso, nos supostos previstos na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, tendo en conta as excepcións contidas nela e no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da lei.

Artigo 15. Controis, reducións, exclusións e sancións.

1. A Dirección Xeral de Produción Agropecuaria será a responsable de efectuar as actuacións necesarias tendentes á realización tanto dos controis administrativos das solicitudes de axuda e de pagamento como dos controis sobre o terreo, para verificar o cumprimento polos beneficiarios dos compromisos e obrigas que asumisen, todo isto sen prexuízo dos controis que deban realizar outras unidades con base no disposto na regulamentación aplicable a esta medida.

2. As axudas reguladas nesta orde están suxeitas aos controis establecidos no Regulamento (CE) n.º 65/2011, do 27 de xaneiro de 2011, particularmente nos artigos 24, 25 e 26.

3. O cálculo dos pagamentos e a imposición de reducións, exclusións e sancións efectuarase consonte as disposicións do artigo 30 do Regulamento (CE) n.º 65/2011, de 27 de xaneiro de 2011.

Artigo 16. Financiamento.

O financiamento das axudas recollidas nesta orde efectuarase con cargo ás aplicacións orzamentarias 13.02.713E.770.3 e 13.02.713E.781.1 dos orzamentos da Comunidade Autónoma de Galicia, nas cales existe crédito adecuado para o ano 2012 de noventa mil euros (90.000 euros) e oito mil oitocentos catro euros (8.404 euros), respectivamente. Esta axuda está cofinanciada polo Feader, o Ministerio de Medio Ambiente, e Medio Rural e Mariño e a Xunta de Galicia. A dita aplicación orzamentaria poderá incrementarse con fondos adicionais, comunitarios, estatais e da comunidade autónoma.

Esta convocatoria de axudas tramítase de acordo co establecido no artigo 25 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, no que se regula a tramitación anticipada de expedientes de gasto. Por iso a súa eficacia queda condicionada á existencia de crédito adecuado e suficiente, nos orzamentos da Comunidade Autónoma de Galicia para o próximo ano 2012, no momento da resolución.

Disposición adicional primeira. Publicidade das axudas.

De conformidade co artigo 13.4 da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e de boas prácticas na Administración pública galega, a Consellería do Medio Rural publicará na súa páxina web oficial as concesións das axudas reguladas nesta orde, polo que a presentación da solicitude leva implícita autorización para o tratamento necesario dos datos dos/as beneficiarios/as e da súa publicación na citada páxina web, e procederase tamén á súa publicación no Diario Oficial de Galicia, de acordo coa Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Así mesmo, de acordo co establecido na disposición adicional primeira do Decreto 132/2006, do 27 de xullo, de creación dos rexistros de axudas, subvencións, convenios e sancións da Xunta de Galicia, a persoa solicitante da axuda consentirá expresamente a inclusión e publicidade dos datos relevantes referidos ás axudas e subvencións recibidas, así como as sancións impostas, de ser o caso.

Disposición adicional segunda.

En todo o non recollido nesta orde aplicarase o disposto na Lei 9/2007, do 13 xuño, de subvencións de Galicia, así como o establecido no Programa de desenvolvemento rural de Galicia 2007-2013 e no Regulamento (CE) n.º 1698/2005, do 25 de setembro, relativo á axuda ao desenvolvemento rural a través do Feader.

Disposición derradeira primeira.

Facúltase o director xeral de Produción Agropecuaria para ditar as instrucións precisas para a execución do disposto nesta orde.

Disposición derradeira segunda.

A presente orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 29 de decembro de 2011.

Samuel Jesús Juárez Casado
Conselleiro do Medio Rural

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file