Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 8 Xoves, 12 de xaneiro de 2012 Páx. 1887

I. Disposicións xerais

Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria

ORDE do 9 de xaneiro de 2012 pola que se determina a adscrición dos órganos superiores e directivos regulados no Decreto 13/2012, do 4 de xaneiro, polo que se fixa a estrutura orgánica das consellerías da Xunta de Galicia.

O Decreto 1/2012, do 3 de xaneiro, polo que se modifica a estrutura orgánica da Xunta de Galicia, determinou a creación da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria.

O Decreto 13/2012, do 4 de xaneiro, polo que se fixa a estrutura orgánica das consellerías da Xunta de Galicia, establece no seu artigo 5 que a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria se estrutura en tres órganos superiores e catro órganos directivos, coa adscrición dunha axencia pública e un ente público.

O citado decreto regula o réxime transitorio de adscrición dos órganos superiores e directivos das consellerías afectadas polos cambios organizativos ás consellerías resultantes da nova organización, en canto non se regule por decreto a súa nova estrutura orgánica.

Ao abeiro da disposición transitoria segunda, procede determinar a adscrición dos órganos dependentes das secretarías xerais técnicas e da dirección xeral suprimidas aos órganos superiores ou directivos correspondentes mentres non se aprobe a nova estrutura orgánica.

Polo exposto, en virtude das atribucións que me confire a Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia e o Decreto 13/2012, do 4 de xaneiro, polo que se fixa a estrutura orgánica das consellerías da Xunta de Galicia,

RESOLVO:

1. Adscribir, con carácter temporal e ata que se aprobe o decreto de estrutura orgánica da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, os órganos dependentes dos órganos directivos suprimidos aos seguintes órganos superiores e directivos:

– Adscríbense á Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria os órganos dependentes da Secretaría Xeral Técnica da extinta Consellería de Educación e Ordenación Universitaria.

–  Adscríbense á Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria os órganos dependentes da Secretaría Xeral Técnica da extinta Consellería de Cultura e Turismo, agás o Servizo Técnico Xurídico.

– Adscríbense á Secretaría Xeral de Cultura os órganos da extinta Dirección Xeral do Libro, Bibliotecas e Arquivos, así como o Servizo Técnico Xurídico da extinta Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Cultura e Turismo.

2. Os órganos superiores e de dirección adscritos á nova Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria e os seus órganos dependentes manterán a súa estrutura e funcións ata que se proceda ao desenvolvemento da súa estrutura orgánica.

Santiago de Compostela, 9 de xaneiro de 2012.

Jesús Vázquez Abad
Conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria