Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 13 Xoves, 19 de xaneiro de 2012 Páx. 3107

III. Outras disposicións

Consellería de Sanidade

ORDE do 9 de xaneiro de 2012 sobre delegación de competencias nos colexios oficiais de farmacéuticos da Comunidade Autónoma de Galicia.

Para lograr unha maior axilidade na tramitación e resolución dos asuntos atribuidos á persoa titular da consellería, o que beneficia tanto a Administración coma a cidadanía, e tendo presente o debido respecto aos principios informadores do procedemento administrativo e ás súas garantías xurídicas, os órganos da Administración veñen facendo uso da fórmula da delegación competencial.

A Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, prevé o mecanismo da delegación competencial no seu artigo 13, establecendo ao mesmo tempo as súas limitacións. Dentro deste mecanismo de alteración competencial recoñécese a denominada delegación intersubxectiva, que ten lugar entre a Administración pública e outras entidades ou persoas xurídico-públicas, entre as que se inclúe a Administración corporativa (colexios profesionais). No mesmo sentido, o artigo 6 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, prevé o mecanismo de modificación competencial antes indicado.

Ademais, a disposición adicional primeira do Decreto 146/2001, do 7 de xuño, sobre planificación, apertura, traslado, peche e transmisión de oficinas de farmacia, prevé que as competencias de tramitación que veñan atribuídas aos órganos da administración sanitaria poderán ser obxecto de delegación nos colexios oficiais de farmacéuticos, con suxeición ao procedemento establecido no mesmo decreto.

Por virtude da técnica administrativa descrita anteriormente, ditáronse diversas ordes de delegación competencial a prol dos colexios oficiais de farmacéuticos da Comunidade Autónoma de Galicia, tales como a Orde do 12 de decembro de 1986, a Orde do 26 de agosto de 1999, ou a Orde do 4 de febreiro de 2000.

Os cambios normativos producidos desde aquela primeira delegación competencial do ano 1986, a reiteración do contido dalgunhas daquelas disposicións, e a actual configuración administrativa fan necesario analizar e sistematizar as delegacións vixentes.

Por outra banda, o nivel de desenvolvemento das novas tecnoloxías permite actualmente axilizar máis a tramitación de certos procedementos delegados nas organizacións colexiais, polo que compete ao titular da competencia establecer as condicións en que esta vai ser desenvolta polas organizacións delegadas, por medio das disposicións oportunas que posibiliten a mellora constante no exercicio daquelas competencias.

Así, por medio desta orde preténdese sintetizar e agrupar nunha soa disposición as delegacións existentes, evitar reiteracións innecesarias, e adaptalas ás necesidades actuais da Administración sanitaria e das propias organizacións colexiais, contribuíndo tamén a clarificar o ordenamento xurídico neste punto.

Na súa virtude, e no uso das facultades que me confiren os artigos 34.6.º e 38 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa Presidencia,

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto.

Delégase nos colexios oficiais de farmacéuticos da Coruña, Lugo, Ourense e Pontevedra:

1. A tramitación e proposta de resolución dos seguintes expedientes en relación coas oficinas de farmacia:

a) Autorización de novas oficinas, unicamente ata o momento procedemental da proposta de resolución de autorización dos concellos que poidan contar con novas oficinas de farmacia, segundo o disposto na Lei 5/1999, do 21 de maio, de ordenación farmacéutica, e disposicións que a desenvolvan.

Estas autorizacións quedan condicionadas ao outorgamento da autorización de apertura e posta en funcionamento, logo do informe dos servizos provinciais competentes.

En todo caso, corresponderalle á Consellería de Sanidade a tramitación e resolución do procedemento para a delimitación territorial concreta en que poidan establecerse novas oficinas de farmacia dentro de cada zona farmacéutica.

b) Autorización de locais para apertura e posta en funcionamento.

c) Traslado e modificación de locais.

d) Transmisión e peche.

2. A tramitación e autorización dos nomeamentos de rexente, substituto e adxunto de oficinas de farmacia, sen prexuízo da validación electrónica por parte dos órganos competentes da Consellería de Sanidade.

3. O establecemento e modificación de horarios, quendas de servizo de urxencia e vacacións, cursando a correspondente comunicación á Consellería de Sanidade, a través da Subdirección Xeral de Planificación Sanitaria e Aseguramento ou órgano que asuma as súas funcións, para os efectos da emisión da correspondente autorización pola autoridade sanitaria competente nos casos recollidos na normativa vixente.

Artigo 2. Obrigas colexiais.

1. Os colexios oficiais de farmacéuticos a prol dos que se realiza a presente delegación comunicarán á Consellería de Sanidade a iniciación/resolución de calquera expediente nas materias indicadas no artigo precedente, sen prexuízo doutros datos que se lles poidan solicitar ou que poidan ter incidencia no exercicio das competencias que corresponden á Consellería de Sanidade.

2. A actividade e os actos emanados no exercicio das competencias obxecto de delegación axustaranse ás normas xurídicas aplicables aos respectivos procedementos, e respectarán os límites e condicións determinados no artigo 13 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, e no artigo 6 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da administración xeral e do sector público autonómico de Galicia.

Artigo 3. Recursos.

As resolucións ditadas polos colexios oficiais de farmacéuticos no exercicio das delegacións contidas nesta orde non poñen fin á vía administrativa e poderanse recorrer en alzada ante a persoa titular da Consellería de Sanidade, de conformidade co previsto nos artigos 114 e 115 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, e no artigo 6 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da administración xeral e do sector público autonómico de Galicia.

Disposición adicional.

A Consellería de Sanidade implementará os sistemas e aplicacións informáticas necesarios tanto para a validación electrónica dos nomeamentos de rexentes, substitutos/as e adxuntos/as, coma para a xestión dos horarios, quendas de servizo de urxencia e vacacións das oficinas de farmacia.

Disposición transitoria.

O previsto nesta orde seralle de aplicación aos procedementos que, nas materias obxecto de delegación, inicien os colexios oficiais de farmacéuticos a partir da data de entrada en vigor desta disposición.

Disposición derrogatoria.

Quedan derrogadas as disposicións do mesmo rango que se opoñan ao disposto nesta orde e, en particular, as ordes do 12 de decembro de 1986, do 26 de agosto de 1999 e do 4 de febreiro do 2000.

Disposición derradeira.

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 9 de enero de 2012.

Rocío Mosquera Álvarez
Conselleira de Sanidade