Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 13 Xoves, 19 de xaneiro de 2012 Páx. 3002

III. Outras disposicións

Consellería de Sanidade

ORDE do 9 de xaneiro de 2012 pola que se aproban as bases reguladoras e se convocan subvencións en réxime de concorrencia competitiva para proxectos de accións de saúde pública no campo do VIH/sida que se desenvolverán na Comunidade Autónoma de Galicia xestionados por entidades privadas sen ánimo de lucro.

A infección polo VIH (virus de inmunodeficiencia humana) e a sida (síndrome de inmunodeficiencia adquirida) continúan a ser un dos principais problemas de saúde pública a nivel mundial e tamén, aínda que en menor medida, nos países desenvolvidos. En Galicia, a pesar das melloras experimentadas nos últimos anos, cómpre continuar co impulso das accións de saúde pública encamiñadas a enfrontar este importante problema de saúde.

Dentro do marco das actividades anti VIH/sida no campo da saúde pública atópase o apoio a proxectos, de entidades privadas sen ánimo de lucro, que participan e colaboran desde os seus respectivos ámbitos coa Consellería de Sanidade no esforzo global anti VIH/sida en Galicia. Esta orde vai dirixida a achegar financiamento a proxectos priorizados das accións de saúde pública que realizan estas entidades no campo de VIH/sida.

Para tal fin, e con suxeición ao previsto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia e ao Decreto11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e na Lei 4/2006, do 30 de xullo, de transparencia e de boas prácticas na Administración pública galega, e de acordo coas facultades que me confiren a Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa Presidencia, reformada pola Lei 11/1988, do 20 de outubro, nos seus artigos 34 e 38,

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto.

Esta orde ten por obxecto establecer as bases reguladoras e convocar, en réxime de concorrencia competitiva, a concesión de subvencións a proxectos de accións de saúde pública relacionados coa infección polo VIH e a sida.

Os proxectos de accións de saúde pública relacionados coa infección polo VIH e a sida deberán ser xestionados e desenvolvidos por entidades privadas sen ánimo de lucro da Comunidade Autónoma de Galicia desde o 1 de novembro de 2011 ata o 31 de outubro de 2012.

Artigo 2. Entidades beneficiarias.

1. Poderán concorrer as entidades privadas sen ánimo de lucro que presenten un proxecto de accións de saúde pública relacionado co VIH e a sida. En todo caso, cada entidade só poderá presentar un único proxecto a esta convocatoria.

2. Non poderán ser beneficiarias as entidades privadas sen ánimo de lucro que estean incursos nalgunha das circunstancias establecidas no artigo 10.2 e 10.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 3. Requisitos.

Serán requisitos para solicitar unha subvención para os proxectos de saúde pública relacionados coa infección polo VIH e a sida os seguintes:

a) O proxecto deberá realizarse integramente na Comunidade Autónoma de Galicia.

b) A entidade solicitante deberá dispor dos seguintes medios:

– Local propio onde desenvolver o proxecto.

– Polo menos unha persoa contratada para desenvolver o proxecto.

c) O proxecto preverá, obrigatoriamente, a promoción e a distribución de material preventivo (preservativos).

d) O proxecto deberá ter como área xeográfica de actuación unha das sete áreas de saúde de Galicia.

e) No caso de empregar materiais divulgativos no proxecto, será obrigatorio presentar un exemplar de mostra de cada material empregado xunto coa solicitude. Neste suposto, non se subvencionarán os proxectos que non presenten un exemplar do material divulgativo que se vai empregar.

Artigo 4. Contidos do proxecto.

Será de carácter obrigatorio que as actividades destes proxectos estean comprendidas entre as seguintes:

1. Facilitar e fomentar o uso do preservativo nos colectivos máis vulnerables.

2. Promover a realización da proba do VIH ás persoas con prácticas de risco.

3. Programas específicos de prevención para homes que teñen sexo con homes (HSH).

4. Programas específicos de prevención para persoas que exercen a prostitución e os/as seus/súas clientes.

5. Programas de prevención en casas de acollida para persoas afectadas polo VIH/sida.

6. Programas de rúa ou achegamento que faciliten o acceso á información sobre o VIH/sida e aos servizos sanitarios, especialmente en poboacións máis vulnerables.

7. Actividades preventivas específicas coa participación de pares.

8. Educación para a saúde, con perspectiva de xénero, a persoas de ambos os sexos sobre hábitos sexuais saudables, a infección polo VIH e a sida e outras infeccións de transmisión sexual (ITS).

9. Programas de loita contra o estigma e a discriminación das persoas afectadas polo VIH e a sida.

Artigo 5. Dispoñibilidades orzamentarias.

1. As subvencións concedidas aos proxectos de accións de saúde pública previstos nesta orde e relacionados coa infección pola VIH/sida xestionados por entidades privadas sen ánimo de lucro financiaranse con cargo á aplicación orzamentaria 1002.413A.481.1 (código de proxecto 201200473) dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2012 nos cales existe crédito orzamentario suficiente, cun importe destinado a elas que ascende a 145.000,00 €.

2. Non obstante, estas contías pódense ver incrementadas a través das oportunas modificacións orzamentarias, quedando condicionadas á dispoñibilidade do crédito como consecuencia dalgunha das circunstancias expostas no artigo 30.2 do Decreto11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, quedando en todo o demais ao dispor do mencionado no citado artigo. En calquera caso, a concesión das subvencións reguladas nesta orde limitarase ás dispoñibilidades orzamentarias existentes no momento de resolución de concesión.

Artigo 6. Normas xerais sobre as subvencións.

1. Estas axudas financiarán un único proxecto por entidade privada solicitante.

2. A contía da subvención non poderá ser superior á cantidade solicitada ou ao 95% do orzamento total do proxecto para o que se solicita á subvención.

3. Ademais, a contía máxima destas subvencións non poderá, en ningún caso, superar o custo do proxecto que desenvolvan as entidades beneficiarias, xa sexa illadamente ou en concorrencia con subvencións ou axudas doutras administracións ou entes públicos ou privados.

4. Non se prevé a posibilidade de reformulación das solicitudes.

Artigo 7. Clases e contías das subvencións.

1. Aos proxectos que resulten seleccionados iráselles asignando o crédito dispoñible segundo a relación ordenada que se obteña de maior a menor puntuación ata o límite do número de proxectos subvencionables.

2. Para fixar a contía das subvencións que se van outorgar dividirase o total do importe do orzamento dispoñible entre a suma de puntos obtida pola valoración de todos os proxectos seleccionados e obterase deste xeito, a cantidade en euros establecida para cada punto.

Unha vez obtido, o valor en euros de cada punto multiplicarase pola puntuación obtida por cada proxecto seleccionado, para obter a contía da axuda.

3. Non se adxudicarán axudas inferiores a 10.000,00 €.

4. Se do proceso de adxudicación resultase algún resto orzamentario, este repartirase a partes iguais entre os dous proxectos con mellor puntuación.

Artigo 8. Criterios de baremación.

1. Os criterios de prioridade na valoración de proxectos son os seguintes:

1.1. Dispor de local social por parte da entidade solicitante: ata un máximo de dous locais e 12 puntos, valorados do seguinte modo cada un:

– En propiedade: 6 puntos.

– En arrendamento: 5 puntos.

– En cesión dunha Administración pública: 3 puntos.

– En cesión dunha persoa ou institución privada: 1 puntos.

1.2. Dispor de persoal contratado pola asociación para realizar o proxecto: ata un máximo de 200 puntos. Por traballador/a asalariado/a: 100 puntos.

1.3. Número de voluntarias/os participantes no proxecto: ata un máximo de 16 puntos. Por voluntaria/o participante: 2 puntos.

1.4. Tipo de colectivo diana ao que vai dirixido. Valorarase só o colectivo principal e de existir máis dun, valorarase só o definido como principal no proxecto. Nesta epígrafe só se puntuarán os proxectos que teñen claramente definido un colectivo principal e que inclúan nas súas actividades a prevención da transmisión sexual do VIH coa facilitación regular e continuada de preservativos, realización de probas diagnósticas, tramitación de citas ou acompañamentos a institucións sanitarias. A valoración dos colectivos será a seguinte:

HSH: 20 puntos.

Persoas que vivan co VIH/sida e o seu contorno: 8 puntos.

Inmigrantes: 7 puntos.

Prostitución: 7 puntos.

Persoas internas en prisións: 5 puntos.

Mocidade non escolarizada ou pertencente a grupos con elevada vulnerabilidade social (residente en centros tutelares de menores, minorías étnicas marxinadas, familias desestruturadas, etc.): 3 puntos.

Transeúntes, persoas sen fogar e minorías étnicas marxinadas: 2 puntos.

Mulleres: 2 puntos.

Poboación xeral: 1 punto.

Outros colectivos: 0 puntos.

1.5. Duración das actividades do proxecto sobre a poboación diana prevista: 10 puntos por mes.

1.6. Promoción da realización da proba do VIH nas persoas con prácticas de risco para a infección polo VIH: 20 puntos.

1.7. Participación de educadoras/es de pares no desenvolvemento do proxecto: 2 puntos.

1.8. Proxectos de prevención en casas de acollida para persoas afectadas polo VIH/sida: 4 puntos.

1.9. Proxectos de prevención con persoas que vivan co VIH/sida e o seu contorno: 3 puntos.

1.10. Proxectos específicos de loita contra a discriminación das persoas afectadas polo VIH/sida: 15 puntos.

1.11. Proxectos que continúan respecto do ano anterior: 50 puntos.

1.12. Rigor metodolóxico do proxecto: ata un máximo de 180 puntos.

Valorarase:

A xustificación do proxecto: 0 a 20 puntos. Puntuación mínima exixida, 10 puntos.

Definición e cuantificación de obxectivos: 0 a 20 puntos. Puntuación mínima exixida, 10 puntos.

Material e método empregado con definición dos contidos, da poboación e do plan de traballo: 0 a 100 puntos. Puntuación mínima exixida, 50 puntos.

Avaliación dos resultados: 0 a 40 puntos. Puntuación mínima exixida, 20 puntos.

Deberá acadarse a puntuación mínima en todos e cada unha destas epígrafes. Non se subvencionarán proxectos que nesta epígrafe 1.12 non acaden a puntuación mínima en calquera das súas epígrafes, independentemente das puntuacións acadadas nas outras epígrafes do artigo 8.1.

1.13. Valorarase a partida orzamentaria de gastos de nóminas (incluíndo gastos de Seguridade Social), sobre o total do orzamento do proxecto, da seguinte maneira:

– Se supera o 75%: 50 puntos.

– Entre o 50-70%: 20 puntos.

– Menos do 50%: 5 puntos.

1.14. Presentar unha certificación acreditativa de calidade da entidade solicitante: ata un máximo de 5 puntos.

ISO: 2 puntos.

FQM: 2 puntos.

Outras: 1 punto.

1.15. Os proxectos que recollan a perspectiva de xénero: 10 puntos.

1.16. Os proxectos que utilicen a lingua galega no seu desenvolvemento xeral, incluíndo presentacións, actividades, materiais didácticos, materiais divulgativos, redacción de memorias e documentos: 10 puntos.

1.17. Os proxectos que se van realizar en áreas de saúde cunha incidencia anual de casos de VIH*:

– Menor a 40 casos por millón de habitantes: 10 puntos.

– Superior ou igual a 40 casos por millón de habitantes: 50 puntos.

*Datos do informe VIH/sida da DXIXSP correspondente ao último ano publicado.

1.18. En caso de empate entre dous ou máis proxectos, seleccionarase en primeiro lugar aquel proxecto que vaia dirixido ao colectivo máis priorizado segundo o punto 1.4 deste artigo 8, e en segundo lugar o que obteña maior valoración no punto 1.12 deste artigo 8.

2. Selección das solicitudes:

Unha vez valorados, en réxime de concorrencia competitiva, todos os proxectos, establecerase unha relación ordenada por puntuación.

3. Adxudicación das subvencións:

Adxudicaranse, segundo a relación ordenada descrita no punto anterior e coas contías descritas no artigo 7.

Artigo 9. Instrución e comisión de valoración.

1. Órganos competentes.

A unidade administrativa competente para ordenar o procedemento de concesión será a Subdirección Xeral de Información sobre Saúde e Epidemioloxía que realizará, de oficio, cantas actuacións considere necesarias para determinar, coñecer e comprobar os datos que deben motivar a proposta de resolución.

2. Comisión avaliadora.

A concesión realizarase en réxime de concorrencia competitiva, polo que, unha vez instruídos os expedientes, constituirase como órgano colexiado unha comisión avaliadora que, de acordo cos criterios de baremación das solicitudes establecidos no artigo anterior, avaliará os proxectos das entidades solicitantes e emitirá o correspondente informe coa puntuación acadada polos proxectos presentados, realizará a selección e emitirá informe ao órgano instrutor.

Esta comisión poderá adoptar validamente os seus acordos, sempre que asistan o/a presidente/a, ou persoa en que delegue, a persoa que exerza de secretario/a e, polo menos, a metade dos seus membros. Se por calquera causa, no momento en que a comisión de avaliación teña que examinar as solicitudes, algún dos membros que a compoñen non puidera asistir, delegará na persoa que, para o efecto, designe o/a titular.

A comisión de avaliación rexerase polo establecido no título II, capítulo II, artigos 22 ao 27 da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, relativo aos órganos colexiados.

A comisión de avaliación, para facer a motivación oportuna, poderá requirir aos/ás solicitantes das axudas información ou documentación adicional que, por non estar en poder da Administración, teña fundamental relevancia e unha relación directa para unha mellor avaliación das solicitudes.

A comisión avaliadora estará integrada polos seguintes membros:

a) A persoa titular da Dirección Xeral de Innovación e Xestión da Saúde Pública ou persoa en quen delegue, que actuará como presidente/a.

b) A persoa titular da Subdirección Xeral de Información sobre Saúde e Epidemioloxía.

c) A persoa titular da xefatura do Servizo de Control de Enfermidades Transmisibles.

d) Un membro do persoal técnico do devandito servizo, que actuará como secretario/a.

3. Órganos competentes para a instrución e resolución.

A persoa titular da Dirección Xeral de Innovación e Xestión da Saúde Pública é o órgano instrutor do procedemento e á vista do expediente e do informe da comisión de valoración, elevará a proposta de resolución á persoa titular da Consellería de Sanidade, quen adoptará a resolución en virtude da cal se outorgarán ou denegarán as subvencións solicitadas.

Artigo 10. Resolución.

1. Unha vez emitida a proposta de resolución, a persoa titular da Consellería de Sanidade ditará resolución, de conformidade co previsto no artigo 34 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro. A devandita resolución deberá conter, de maneira expresa, a relación de proxectos de entidades solicitantes ás cales se lles concede a subvención e a desestimación do resto das solicitudes, se é o caso. A resolución das solicitudes presentadas corresponde á persoa titular da Consellería de Sanidade.

2. As resolucións de concesión de subvencións serán motivadas e notificaranse ás entidades beneficiarias no prazo de tres meses. Transcorrido o dito prazo sen que recaese resolución expresa, os interesados poderán entender desestimadas por silencio administrativo as súas solicitudes, de acordo co establecido no artigo 23.5 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia e no artigo 2 da Lei 6/2001, do 29 de xuño, de adecuación da normativa da Comunidade Autónoma de Galicia á Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, de modificación da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

3. Todo incumprimento ou alteración das condicións en que se basea a concesión da subvención, e se é o caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados (nacionais ou internacionais), poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión.

Artigo 11. Notificación e publicación.

1. A resolución deberá ser notificada ás entidades beneficiarias de forma individualizada, de acordo co previsto nos artigos 58 e 59 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e procedemento administrativo común.

Unha vez notificada a resolución definitiva polo órgano competente, as entidades propostas como beneficiarias disporán dun prazo de dez días para aceptala. Presentarán a correspondente declaración de aceptación ou renuncia da subvención concedida segundo os modelos do anexo IV e V desta orde. Transcorrido o cal e sen que se producise manifestación expresa, entenderase tacitamente aceptada, segundo o artigo 21.5 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. A notificación de forma individualizada das subvencións concedidas farase sen prexuízo da publicación no Diario Oficial de Galicia, de conformidade co establecido no artigo 15 e 16 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

A publicación da resolución no Diario Oficial de Galicia deberá conter a relación de solicitantes aos cales se conceden, desestimen e non concedan as subvencións para os respectivos proxectos, con indicación da norma reguladora, a súa correspondente contía e as causas de denegación, se é o caso.

3. De conformidade co establecido nos artigos 14.2 e 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, no artigo 13.3 e 4 da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e de boas prácticas na Administración pública galega e no Decreto 132/2006, do 27 de xullo, polo que se regulan os rexistros públicos creados nos artigos 44 e 45 da Lei 7/2005, do 24 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2006, a Consellería de Sanidade publicará na súa páxina web oficial e nos rexistros públicos referidos a relación das entidades beneficiarias e o importe das axudas concedidas, polo que a solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos das entidades beneficiarias e da súa publicación na citada páxina web.

4. Conforme o establecido no artigo 14.1.m) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, poderán existir circunstancias que, como consecuencia da alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención e, en todo caso, a obtención de outras axudas de outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, dean lugar a modificación da resolución de concesión.

5. En cumprimento do disposto no artigo 5 da Lei orgánica 15/1999, de protección de datos de carácter persoal, infórmase de que os datos persoais recollidos ao abeiro desta orde se incorporarán a un ficheiro para o seu tratamento coa finalidade da xestión deste procedemento. Poderán exercer os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición previstos na lei dirixindo un escrito á:

Consellería de Sanidade, Dirección Xeral de Innovación e Xestión da Saúde Pública. Edificio administrativo San Lázaro, s/n, 15773 Santiago de Compostela, A Coruña.

6. Segundo o establecido no artigo 14.1.ñ), da Lei 9/2007, informámoslles ás entidades interesadas que existe o Rexistro Público de Subvencións, regulado no artigo 16 da mesma lei.

Artigo 12. Recursos.

1. Contra a resolución do procedemento que pon fin á vía administrativa, as entidades interesadas poderán interpoñer recurso potestativo de reposición, de conformidade co disposto nos artigos 116 e 117 da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, ante a conselleira de Sanidade, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da notificación da resolución á entidade interesada.

2. Igualmente, procederá interpoñer directamente recurso contencioso-administrativo, de conformidade coa Lei 29/1998, do 13 de xuño, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa, ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia no prazo de dous meses, contados a partir do día seguinte ao da recepción da correspondente notificación se a resolución é expresa; se non o fose, o prazo será de seis meses contados a partir do día seguinte a aquel que se produza o acto presunto.

3. De presentarse recurso potestativo de reposición, non poderá acudirse á vía contencioso-administrativa ata que este sexa resolto expresamente ou se produza a súa desestimación presunta.

4. Non obstante, de conformidade co disposto no artigo 44 da referida Lei 29/1998, do 13 de xuño, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa, poderase requirir previamente o órgano que ditou a resolución para que derrogue a disposición, anule ou revogue o acto, no prazo de dous meses contados desde a notificación da resolución. O requirimento entenderase rexeitado se non é contestado no mes seguinte á súa recepción.

Artigo 13. Documentación, lugar e prazo de presentación das solicitudes.

1. As entidades solicitantes deberán achegar a seguinte documentación:

1.1. Anexo I asinado pola persoa responsable da entidade.

1.2. Anexo II: unha memoria explicativa do proxecto que se estea ou se pretenda realizar cunha extensión máxima de 15 páxinas. Elaborarase seguindo o modelo deste anexo II.

1.3. Anexo III de declaración do conxunto de todas as axudas solicitadas ou concedidas das distintas administracións públicas competentes ou, no seu defecto, unha declaración de que non solicitaron ningunha outra subvención para o citado proxecto e asinado pola persoa responsable da entidade.

1.4. NIF orixinal ou copia cotexada da entidade solicitante (só no caso de non autorizar a verificación de datos segundo anexo I).

1.5. Certificado orixinal ou copia cotexada da conta bancaria da entidade solicitante.

2. As unidades administrativas da Dirección Xeral de Innovación e Xestión da Saúde Pública responsables da tramitación dos procedementos de concesión das subvencións reguladas nesta orde comprobarán que as solicitudes reúnen todos os requisitos exixidos. Se unha solicitude non estivese debidamente cuberta ou non se achegase a documentación exixida, requirirase o/a interesado/a para que, de conformidade co disposto no artigo 71 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, emende a falta ou xunte os documentos preceptivos nun prazo máximo e improrrogable de 10 días con indicación de que, de non ser así, se terá por desistido da súa solicitude, logo de resolución que deberá ser ditada nos termos previstos no artigo 42 da citada lei.

3. Lugar de presentación.

A solicitude, xunto coa documentación complementaria, serán dirixidas á Dirección Xeral de Innovación e Xestión da Saúde Pública, subscritas polo presidente/a como representante legal da entidade interesada, e deberán presentarse no Rexistro Xeral da Consellería de Sanidade ou nos lugares establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, así como no Decreto 164/2005, do 16 de xuño, polo que se regulan e determinan as oficinas de rexistro propias ou concertadas da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia, e se procede á creación do rexistro telemático da Xunta de Galicia e se regula a atención ao cidadán.

A presentación da solicitude poderase realizar tamén en sede electrónica http://www.xunta.es/resultados-da-guia-de-procedementos, de conformidade co previsto no Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes, e no Decreto 255/2008, do 23 de outubro, polo que se simplifica a documentación para a tramitación dos procedementos administrativos e se fomenta a utilización de medios electrónicos, así como a Orde do 7 de xullo de 2009, pola que se desenvolve o citado Decreto 255/2008, o Decreto 165/2005, do 16 de xuño, e pola Orde do 15 de setembro de 2011 pola que se aproba a posta en funcionamento da sede electrónica da Xunta de Galicia, de aplicación á totalidade dos órganos da Administración xeral de Galicia e entes instrumentais.

No caso en que se optase por presentar a solicitude ou calquera outra documentación que se achegue nas distintas fases do procedemento ante unha oficina de Correos, farase en sobre aberto, para que a instancia sexa datada e selada polo funcionario de Correos antes de ser certificada, segundo o establecido no artigo 31 do Real decreto 1829/1999, do 3 de decembro, polo que se regula a prestación dos servizos postais.

Os solicitantes poderán acollerse ás posibilidades recollidas nos parágrafos terceiro e cuarto do artigo 20 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

4. Prazo de presentación de solicitudes.

Será dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día de prazo fose inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes de vencemento non houbese día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o derradeiro día do mes.

A solicitude de subvención conterá un espazo para a constancia do consentimento do interesado e autorización ao órgano xestor para solicitar as certificacións que deban emitir á Axencia Estatal da Administración Tributaria, á Tesouraría Xeral da Seguridade Social e á consellería competente en materia de economía e facenda da Xunta de Galicia, cando sexan pertinentes. A falla do dito consentimento implicará que o solicitante deberá presentar as certificacións nos termos previstos regulamentariamente.

Artigo 14. Emendas da solicitude.

As unidades administrativas da Dirección Xeral de Innovación e Xestión da Saúde Pública, responsables da tramitación dos procedementos de concesión das subvencións reguladas nesta orde, comprobarán que as solicitudes reúnen todos os requisitos exixidos. Se unha solicitude non estivese debidamente cuberta ou non se achegase a documentación exixida, requirirase o interesado para que, de conformidade co disposto no artigo 5 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, emende a falta ou xunte os documentos preceptivos nun prazo máximo e improrrogable de 10 días con indicación de que, se así non o fixera, se terá por desistido da súa solicitude e procederase conforme o establecido no artigo 71 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Artigo 15. Conceptos subvencionables.

1. Considéranse gastos subvencionables aqueles que, de xeito indubidable, respondan á natureza da actividade subvencionada, en particular:

– Gastos de persoal: nómina e Seguridade Social.

– Axudas de custo por desprazamento, debidamente xustificadas en relación co proxecto.

– Gastos materiais: gastos derivados da difusión e visualización social do proxecto, gastos de material preventivo e/ou divulgativo.

– Gastos derivados do mantemento do local: aluguer dos locais, electricidade, gas, auga, telefonía, lixo e comunidade.

– Gastos de xestoría e gastos financeiros derivados do proxecto.

2. Considérase gasto realizado o que foi efectivamente pagado ou obrigado o seu pagamento con anterioridade á finalización do período de xustificación. Deberán acreditarse os pagamentos ou as súas obrigas a través de facturas ou xustificantes de pagamento. En todo caso, a forma de xustificación deberá observar o previsto no artigo 28 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 16. Xustificación.

Unha vez realizado o proxecto, deberá remitirse á Dirección Xeral de Innovación e Xestión da Saúde Pública ata o 31 de outubro de 2012 a correspondente conta xustificativa, prevista no artigo 44.a) do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro. De conformidade co previsto no número 3 do artigo 48 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, a conta xustificativa abranguerá:

1. Unha memoria de actuación xustificativa do cumprimento das condicións impostas na concesión da subvención, con indicación do proxecto, das actividades realizadas e dos resultados obtidos.

2. Unha memoria económica do custo das actividades realizadas do proxecto que conterá:

a) Unha relación clasificada dos gastos da actividade que conteña a seguinte información: número de orde do documento na relación de gastos, nome da entidade que emite o documento de gasto, CIF/NIF da entidade que emite ese documento, concepto do gasto, número identificativo do documento, data de emisión do documento, data de pagamento dese gasto, importe total do documento e, se é o caso, importe imputado á subvención. Ao final desa relación debe incluírse o importe total dos gastos pagados para o proxecto, acompañado posteriormente da sinatura da persoa responsable da entidade xunto co lugar e data da sinatura.

Independentemente da data de adxudicación da subvención, aceptaranse xustificantes de gastos relacionados co proxecto desde o 1 de novembro de 2011 ata o 31 de outubro de 2012.

b) As facturas ou documentos de valor probatorio equivalente no tráfico xurídico mercantil ou con eficacia administrativa incorporados na relación a que se fai referencia no anterior punto e a documentación acreditativa do pagamento. Os recibín asinados terán validez para xustificar pagamentos ata un importe máximo de 1.000,00 € por proxecto.

3. Anexo III coa relación detallada doutros ingresos ou subvencións que financiasen o proxecto con indicación do importe e a súa procedencia. Este documento terá que estar asinado polo/a representante da entidade.

Artigo 17. Pagamento e xestión económica.

Os pagamentos correspondentes a cada subvención concedida realizaranse de conformidade co previsto no artigo 31.6 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia e farase efectiva para cada un dos exercicios orzamentarios do seguinte xeito:

O pagamento da subvención concedida farase nun só pago unha vez completado correctamente todo o proceso de xustificación. A xustificación incluirá a cantidade subvencionada por esta orde de subvencións e a cantidade cofinanciada do orzamento do proxecto. En todo caso, segundo o disposto no artigo 31.7 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e o artigo 60.4 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o seu regulamento, as entidades beneficiarias terán acreditado con anterioridade ao pagamento que están ao día no cumprimento das súas obrigas tributarias e fronte á Seguridade Social e que non teñen pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública da comunidade autónoma, na forma que se determine regulamentariamente, e sen prexuízo do establecido na disposición adicional décimo oitava da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Non estarán suxeitas a esta obriga as entidades beneficiarias das subvencións nos supostos sinalados no artigo 48 da Lei 17/2010, do 27 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2011.

Artigo 18. Obrigas dos beneficiarios.

Tendo en conta o artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e o capítulo III do título preliminar do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o seu regulamento, son obrigas das entidades beneficiarias:

Cumprir o obxectivo, executar o proxecto, realizar a actividade ou adoptar o comportamento que fundamenta a concesión das subvencións.

Xustificar ante o órgano concedente ou a entidade colaboradora, se é o caso, o cumprimento dos requisitos e das condicións, así como a realización da actividade e o cumprimento da finalidade que determinen a concesión ou o desfrute da subvención.

Someterse ás actuacións de comprobación, que efectuará o órgano concedente ou a entidade colaboradora, se é o caso, así como a calquera outra actuación, sexa de comprobación e control financeiro, que poidan realizar os órganos de control competentes, tanto autonómicos coma estatais ou comunitarios, para o que se achegará canta información lle sexa requirida no exercicio das actuacións anteriores.

Comunicarlle ao órgano concedente ou á entidade colaboradora a obtención doutras subvencións, axudas, ingresos ou recursos que financien as actividades subvencionadas, así como a modificación das circunstancias que fundamentasen a concesión da subvención. Esta comunicación deberá efectuarse no momento en que se coñeza e, en todo caso, con anterioridade á xustificación da aplicación dada aos fondos percibidos.

Acreditar con anterioridade a que se dite a proposta de resolución de concesión que se encontra ao día no cumprimento das súas obrigas tributarias e fronte á Seguridade Social e que non ten pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública da comunidade autónoma, na forma que se determine regulamentariamente, e sen prexuízo do establecido na disposición adicional décimo oitava da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Dispoñer dos libros contables, rexistros dilixenciados e demais documentos debidamente auditados nos termos exixidos pola lexislación mercantil e sectorial aplicable ás entidades beneficiarias en cada caso, así como cantos estados contables e rexistros específicos sexan exixidos polas bases reguladoras das subvencións, coa finalidade de garantir o axeitado exercicio das facultades de comprobación e control.

Conservar os documentos xustificativos da aplicación dos fondos recibidos, incluídos os documentos electrónicos, en canto poidan ser obxecto das actuacións de comprobación e control.

Adoptar as medidas de difusión contidas no número 3 do artigo 15 da Lei de subvencións de Galicia, e no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o seu regulamento.

Proceder ao reintegro dos fondos percibidos nos supostos previstos no artigo 33 da Lei de subvencións de Galicia, e no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o seu regulamento.

Artigo 19. Revogación e reintegro das axudas.

O incumprimento total ou parcial de calquera das condicións establecidas nesta orde, así como a duplicidade de axudas con cargo a outros créditos dos orzamentos xerais do Estado, da Seguridade Social e da Administración institucional, autonómica ou local, constituirá causa determinante de revogación da axuda e do seu reintegro pola entidade beneficiaria ou solicitante, xunto cos xuros de demora, segundo o previsto no artigo 33.1 b) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia e no Decreto. 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o seu regulamento.

Artigo 20. Infraccións e sancións.

No relativo a esta materia, rexerá o disposto no título IV da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no título VI do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o seu regulamento

Artigo 21. Contraprestacións da Consellería de Sanidade.

A Consellería de Sanidade facilitará, para a realización dos proxectos, materiais divulgativos e preventivos de maneira gratuíta segundo as dispoñibilidades e protocolos da Dirección Xeral de Innovación e Xestión da Saúde Pública.

Disposición derradeira primeira.

Aos aspectos non contidos nesta orde aplicarase o disposto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, pola que se aproba o seu regulamento e, supletoriamente, na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións e no seu regulamento, Real decreto 887/2006, do 21 de xullo.

Disposición derradeira segunda.

A Dirección Xeral de Innovación e Xestión da Saúde Pública adoptará as medidas oportunas para o seguimento, avaliación, difusión e execución dos proxectos seleccionados, previstos nesta orde, así como para o seguimento, avaliación, e difusión dos proxectos seleccionados para o seu financiamento.

Disposición derradeira terceira.

Autorízase o director xeral de Innovación e Xestión da Saúde Pública para ditar as instrucións necesarias que permiten a aplicación e desenvolvemento desta orde.

Disposición derradeira cuarta.

Esta orde entrará en vigor ao día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 9 de xaneiro de 2012.

Rocío Mosquera Álvarez
Conselleira de Sanidade

missing image file

ANEXO II

Aspectos que deben considerarse na memoria do proxecto, para o cal se solicita a subvención:

1. Datos de identificación:

– Nome e número de CIF da entidade.

– Número de conta bancaria da entidade.

– Datos de filiación do/a responsable ou coordinador do proxecto: nome, apelidos, DNI, enderezo, teléfono e correo electrónico.

– Datos de filiación do/a representante da entidade: nome, apelidos, DNI, enderezo, teléfono e correo electrónico.

– Título do proxecto, lugar de realización e cronograma do proxecto.

– Datos das persoas asalariadas para o proxecto: nome, apelidos, DNI, datos profesionais, función e tempo dedicado.

– Datos das persoas voluntarias para o proxecto: nome, apelidos, DNI, datos profesionais, función e tempo dedicado.

2. Describir as actividades en relación cos criterios de prioridade (artigo 8), que cumpre o proxecto. Descrición do material divulgativo que se vai empregar, se fose o caso.

3. Deseño:

– Xustificación.

– Obxectivos.

– Material e método.

– Criterios de avaliación.

4. Orzamento:

– Gastos de persoal.

– Gastos de local.

– Gastos de material preventivo.

– Gastos de material divulgativo.

– Gastos de desprazamento.

– Recursos propios e outras subvencións concedidas.

missing image file
missing image file
missing image file