Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 16 Martes, 24 de xaneiro de 2012 Páx. 3744

III. Outras disposicións

Consellería de Traballo e Benestar

RESOLUCIÓN do 29 de decembro de 2011, da Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Traballo e Benestar, pola que se declara de interese galego a Fundación Trébol de Iniciativa Social e se ordena a súa inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego.

Examinado o expediente de declaración de interese galego e a inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego da Fundación Trébol de Iniciativa Social, dítase esta resolución baseada nos feitos e fundamentos de dereito que se expoñen a continuación:

Feitos.

Primeiro. Manuel Luis Barreiro Carballal, presidente do padroado da fundación, formulou solicitude de clasificación para os efectos da súa inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego.

Segundo. A Fundación Trébol de Iniciativa Social foi constituída en escritura pública outorgada en Santiago de Compostela, o 11 de xullo de 2011, ante o notario Héctor Ramiro Pardo García, co número de protocolo 1.393, pola Asociación Instituto Galego de Xestión para o Terceiro Sector (Igaxes3). Posteriormente foi complementada pola escritura pública outorgada en Santiago de Compostela, o 15 de decembro de 2011, ante o notario Héctor Ramiro Pardo García, co número de protocolo 2.351.

Terceiro. Segundo consta no artigo 6 dos seus estatutos, a fundación ten por obxecto a promoción e a atención ás persoas en situación ou risco de exclusión social por razóns físicas, sociais ou culturais.

Cuarto. Na escritura de constitución consta a identidade dos fundadores, a dotación inicial, os estatutos e a identificación dos membros do padroado.

Quinto. Nos estatutos da fundación consta a denominación e natureza, o domicilio, o obxecto e finalidade, as regras para a aplicación das rendas aos fins fundacionais e para a determinación dos beneficiarios, e a designación do padroado inicial.

Sexto. O padroado inicial da fundación está formado polo presidente na xunta directiva da Asociación Instituto Galego de Xestión para o Terceiro Sector (Igaxes3), Manuel Luis Barreiro Carballal, como presidente; o secretario na xunta directiva da Asociación Instituto Galego de Xestión para o Terceiro Sector (Igaxes3), Xosé Artur Cuns Traba, como secretario; a tesoureira na xunta directiva da Asociación Instituto Galego da Xestión para o Terceiro Sector (Igaxes3), Nieves Lagares Díez, como tesoureira; e os vogais na xunta directiva da Asociación Instituto Galego de Xestión para o Terceiro Sector (Igaxes3), Santiago Míguez Caridad, Antonio Luis Rosón Varela, Teresa Facal Fondo, Sonia García Vázquez, Víctor Cortizo Rodríguez, José Julio Fernández Rodríguez e Carlos Alfonso Rosón Varela, como vogais.

Sétimo. A comisión integrada polos secretarios xerais técnicos de todas as consellerías elevoulle ao conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza proposta de clasificación como de interese asistencial da Fundación Trébol de Iniciativa Social, con base nas materias que constitúen o seu obxecto fundacional, polo que, cumpríndose os requisitos exixidos na Lei 12/2006, do 1 de decembro, de fundacións de interese galego, e de conformidade co establecido no artigo 51 do Decreto 14/2009, do 21 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento de fundacións de interese galego, e artigo 7 do Decreto 15/2009, do 21 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento do Rexistro de Fundacións de Interese Galego, o protectorado será exercido pola Consellería de Traballo e Benestar.

Oitavo. De conformidade coa dita proposta, pola Orde da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza do 26 de setembro de 2011 (DOG n.º 196, do 13 de outubro), clasificouse como de interese asistencial a Fundación Trébol de Iniciativa Social, e adscribiuse á Consellería de Traballo e Benestar para os efectos do exercicio das funcións de protectorado.

Fundamentos de dereito.

Primeiro. O artigo 34 da Constitución española recoñece o dereito de fundación para fins de interese xeral, e o artigo 27.26 do Estatuto de autonomía para Galicia establece que é competencia exclusiva da Comunidade Autónoma galega o réxime das fundacións de interese galego.

Segundo. De acordo co disposto no artigo 7.2 do Decreto 15/2009, do 21 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento do Rexistro de Fundacións de Interese Galego, en relación co Decreto 8/2011, do 28 de xaneiro, polo que se fixa a estrutura orgánica das consellerías da Xunta de Galicia, modificado polo Decreto 194/2011, do 20 de outubro, correspóndelle a esta Consellería de Traballo e Benestar a declaración de interese galego mediante resolución publicada no Diario Oficial de Galicia e a inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego da Fundación Trébol de Iniciativa Social, así como o exercicio das funcións de protectorado e as demais que correspondan á Xunta de Galicia de conformidade co indicado no dito regulamento.

Terceiro. Á vista do disposto na Lei 12/2006, do 1 de decembro, de fundacións e interese galego, e no Decreto 14/2009, do 21 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento de fundacións de interese galego, e o Decreto 15/2009, da mesma data, polo que se aproba o Regulamento do Rexistro de Fundacións de Interese Galego, resultan cumpridos os requisitos establecidos pola normativa vixente para a declaración de interese galego e inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego, sección da Consellería de Traballo e Benestar, da Fundación Trébol de Iniciativa Social, polo que

RESOLVO:

Primeiro. Declarar de interese galego a Fundación Trébol de Iniciativa Social, ao cumpriren os seus estatutos as prescricións que para tal efecto sinala a vixente lexislación en materia de fundacións de interese galego.

Segundo. Ordenar a inscrición da Fundación Trébol de Iniciativa Social no Rexistro de Fundacións de Interese Galego, sección da Consellería de Traballo e Benestar.

Terceiro. Esta fundación queda sometida ao disposto na Lei 12/2006, do 1 de decembro, de fundacións de interese galego, no Decreto 14/2009, do 21 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento de fundacións de interese galego, e no Decreto 15/2009, do 21 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento do Rexistro de Fundacións de Interese Galego, así como na demais normativa que resulte de aplicación, onde se establecen especialmente as obrigas de dar publicidade suficiente do seu obxecto e actividades, ausencia de ánimo de lucro na prestación dos seus servizos, e presentar anualmente a documentación contable e plan de actuación ante o protectorado, que será exercido por esta Consellería de Traballo e Benestar.

Contra esta resolución pode interpoñerse recurso de alzada ante a conselleira de Traballo e Benestar, no prazo dun mes contado desde o día seguinte ao da súa publicación, segundo o disposto nos artigos 114 e 115 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Santiago de Compostela, 29 de decembro de 2011.

Cristina Ortiz Dorda
Secretaria xeral técnica da Consellería de Traballo e Benestar